Rajoy e os estereotipos
Andoliña 21.5.08
Supoño que son un dos moitos galegos e galegas cabreado pola crise do Partido Popular. Non pola crise en si, que xa entrou nos terreos do esperpento político, senón polo tratamento informativo que se lle dá da mesma nalgúns medios. Os medios que agardaron ata este barullo de declaracións, contradeclaracións e mensaxes crípticas para descubrir que Rajoy é galego e que todos os seus movementos son, así editorializa un xornal de Madrid, "habilidades de un gallego".
E xa estamos asolagados no imperio dos tópicos: a súa astucia galega, a súa indecisión porque non sabe se sobe ou baixa da escaleira, a súa ironía e desconfianza etc. Todo vale no esquema. Se en Madrid lesen a Santiago Lamas agora estarían a falar da "crise borrosa" do PP, porque o seu máximo dirixente procede da ancestral Galicia Borrosa.
Que digan o que queiran, penso. Pero resulta abafante este abuso dos esterotipos que, como indican algúns estudos, veñen de moi lonxe, de varios séculos atrás sen dúbida: velaí os poemas que nos dedicaron algúns poetas españois (moitos) do Século de Ouro. Curioso que caian nestes retratos simplistas, aqueles que logo se fartan de dicir que eles están por riba dos argumentos identitarios. Curioso de verdade.
E xa estamos asolagados no imperio dos tópicos: a súa astucia galega, a súa indecisión porque non sabe se sobe ou baixa da escaleira, a súa ironía e desconfianza etc. Todo vale no esquema. Se en Madrid lesen a Santiago Lamas agora estarían a falar da "crise borrosa" do PP, porque o seu máximo dirixente procede da ancestral Galicia Borrosa.
Que digan o que queiran, penso. Pero resulta abafante este abuso dos esterotipos que, como indican algúns estudos, veñen de moi lonxe, de varios séculos atrás sen dúbida: velaí os poemas que nos dedicaron algúns poetas españois (moitos) do Século de Ouro. Curioso que caian nestes retratos simplistas, aqueles que logo se fartan de dicir que eles están por riba dos argumentos identitarios. Curioso de verdade.
30 comentarios:
Sería interesante en que momento comezou a labrarse a categoría de irónico, taimado e retorto. Porque nos séculos XVI e XVII non aparece.
O curioso do caso xa non é o recurso a ese especie tópica, senón que o discurso remate aí. É dicir: que esta condición de galego explique todo. E sexa innecesario ir máis alá na definición da personaxe.
El indeciso pontevedrés, "veletiña"........
Direi, en descargo do que antes dixen, que por estes pagos tampouco facemos grandes cousas por desmontar tópicos. Creo que comprace a idea de que nos miren irónicos, taimados e (intelixentemente) indecisos. E mesmo somos os primeiros en proclamalo. Non sei se como madeira de identidade ou como fachendosa exhibición. Pero funciona o tópico.
Non son ningún especialista en antropoloxía nin tampouco en historia da cultura, aínda que sexa galega. Pero non diría eu, Arume, que ande vde. lonxe da verdade: ao mellor fomos nós mesmos -en tempo devanceiro- os que inventamos o tópico.
En tal caso, a causa motivante sería unha actitude de autodefensa, consonte me parece. Aínda que algo de fachendosa exhibición puido vir despois: á fin e ao cabo, resultaría requintado exercicio de ironía -versión retranca- elevada á (case) enésima potencia.
Tamén pode suceder (e é o máis probable) que a reserva autodefensiva redundase en imaxe raposeira e taimada; vida, polo tanto, de parte allea. É o que se me ocorre ás 18:10, nun intervalo dos tamén chamados break.
Zorrería galaica......
Seica boa parte da maxistratura (o lobby: Pumpido e Casas como valores conspicuos) é de orixe galaica: serán tamén os culpables, por indecisión, das demoras na administración da xustiza ou da non renovación dos órgaos xudiciais?
Arume é vostede o suficientemente listo e espabilado como saber que os galegos non temos culpa do retraso da xustiza.
Ainda que ben pensado pode que teña razón
Amigo Arume, eu non sei en qué momento concreto aparece a imaxe do galego "irónico, taimado, retorto". Pero non creo que sexa moi recente. O estudo de Xesús Caramés Mtez., "A imaxe de Galicia e os galegos na liter. castelá" (Galaxia, 1993) está cheo de estereotipos sobre os galegos cando menos dende o Século de Ouro castelán: xente rústica, sucia,, pouco de fiar, falsa, apoucada; mozas faladoras, ladroas e desvergonzadas, de peitos voluminosos e anchas cadeiras, etc. E nese río beberon todos. Quevedo, Tirso, Lope, Francisco de Rojas Zorrilla, o refraneiro, e un longo etc.
Seguro que vostede coñece ese libro, que opìnión lle merece?
Non o lin: coñézoo por arriba, de botarlle unha ollada superficial. Todos os tópicos que vostede cita repítense con frecuencia e alevosía. Pero eu referíame ao de irónico, retranqueiro ou taimado. O de mozos suxos e desleigados (aguadores, arrieiros, esportilleros: todos do gremio do transporte interurbano e urbano: veño de Córdoba onde unha das portas se chama de Gallegos, onde paraban os mozos da corda), ou de mozas de libérrima conducta sexual (de aspecto fero e desexo descarnado, compartido coas asturianas) non se compadecen con esa outra figura do indeciso ou do desconfiado. Parecen o reverso desa moeda. Cómo chegamos a este para mín novo tópico é cuestión interesante? Terá que ver máis coas clases altas que cos pobres transportistas de mercancías?
Decídome a entrar no esvaradizo pero simpático e libérrimo terreo da antropoloxía recreativa para dicirlles que a min me encanta esa imaxe dos galegos como irónicos, escépticos, ambiguos, dubitativos, retranqueiros, aparentemente indecisos e dalgunha maneira "sabios" (unha sabedoría que semella mistura de intelixencia e experiencia vital).
A min paréceme unha imaxe que nos emparenta cos prestixiosos pobos noratlánticos e supoño ou especulo que ten as súas orixes na época da Restauración: unha confluencia entre certo xornalismo -Murguía, por poñer un caso- en parte herdeiro do costumismo romántico e moi dado á caracterización dos "espíritos" nacionais ou rexionais e, por outra banda, o desembarco en Madrid de galegos "importantes", xa non os acostumados mozos de corda: Pardo Bazán, Dato, Montero Ríos, Canalejas, Valle-Inclán, etc.
Quedamos así os galegos como unha especie de ingleses algo irresolutos pero igual de intelixentes e atractivos.
A pregunta clave desta antropoloxía recreativa e nonaina é: ligamos máis así, amigo Leituga? Hai probas fidefacentes de maior atractivo sexual con estes tópicos, a modo de afrodisíaco psicosocial, ou, polo contrario, os/as prefiren directos/as, francos/as e, a ser posible, simplóns/onas a fartar?
Tomo a liberdade de terciar: disque a delicadeza e certa inseguridade no varón suma puntos para moitas mulleres. Por unha banda, que queres que che diga; por outra, ti xa sabes. Con todo, Arume, posiblemente sería ilustrativa unha enquisa sobre históricos braguetazos de moi alto nivel, singularizando ámbito se cadra na capital do reino (español) e incluíndo como item "O varón era galego".
Se move fíos e acada resultados, lerei con notable interese.
Promete este fío, sen dúbida. E supoño que, cando emprega a palabra braguetazos, inclúe, amigo Saavedra, os dous sentidos da dirección.
¿Estereotipo incrementado por Don Gonzalo Torrente Ballester, Don Pío Cabanillas Gallas y Don Arsenio Iglesias?
Sobre o particular sexual quero lembrar unha das esceas que mellor representan o topicazo galego: a escaleira. Pois ben: vexan á actriz, sen dúbida galega, María Bello (dos Bello de ferrolterra), co non menos galego Viggo Mortensen (dos Mortensen da cidade olívica) nun intercambio de fluidos algo brutais, pero indecisos en Unha Historia de Violencia.
Como dicían os cregos nas súas cualificacións morais dos xornais, hai anos:
para maiores de 18 anos, con reparos.
Os reparos viñan, pero nunca entraban no cine: quedaban sempre na porta.
O meu reparo é que a escena é mala de solemnidade. Tópica e mala. Non quero nin pensar como será o resto do filme.
A película está moi ben. Moi recomendable.
Estará. Pero a escena é mala malísima. Até o Reixa planifica, roda e monta (a película, refírome) moito mellor.
Da dirección e non da posición, presumo. Xaora. Ora que o tópico, no caso feminino, usaba outros epítetos, tal meiga y cantarina: a antítese da Monxa Alférez, por certo máis bragada ca braguetante.
Sobre a película: manda truco co que dá de si un apoio ou fulcro. Mesmo sentido de equilibrio no medio da escaleira. Inequivocamente galegos.
Tópicos nacionais
Franceses soberbios, ingleses flegmáticos, cataláns cutres, teutóns de cabeza cadrada, españois frívolos comedores de paella. Cada lugar común sobre o carácter nacional, contrariamente á opinión máis estendida, é cambiante como a propia Historia. As simplificacións chocalleiras sobre o veciño, os tópicos, lonxe de definiren a realidade, interveñen na súa configuración.
A nación –e a clase social– que ten o poder fabrica o tópico reducionista e cárgao nos ombros das periferias, do veciño envexado ou da raza pretendidamente inferior. Nos ambientes nazis contábase o chiste de que o mellor método para saber cándo menstruaba unha polaca era comprobar se lle faltaba un calcetín. O humor cruel funciona con suma eficacia antes dunha guerra, que precisa fabricar estereotipos para a deshumanización do adversario. Menos dramaticamente, na Inglaterra actual aínda é doado atopar chistes sobre irlandeses que fabrican xerras de cervexa coa asa por dentro ou escoceses que abriron túneles nas montañas buscando un penique. Francia condenou ao abismo calquera especificidade nacional ou rexional: auverneses coitados, bretóns reaccionarios, corsos atávicos e vascos pailáns compuxeron un cadro no que só “o francés”, isto é, o ideal parisino transmutado en República progresista, semellaba depositario de todas as virtudes. Por desgraza, quen é obxecto de burlas atopa axiña un colectivo en peor situación para proxectar esa violencia non sempre semántica. Abonda a consulta do significado de “xudiada” nun dicionario escolar.
Os centros emisores de tópicos vense a si mesmos como entidades “neutras”, complexas e irredutibles ao lugar común. No fondo estamos ante o problema da Outredade reducido a entremés de consumo. Os españois vense a si mesmos como “normais” pero de maneira flagrantemente contraditoria atribúen a cada identidade nacional ou rexional do Estado un bon feixe de preconceptos, case nunca amables. Carlos III prohibira levar o estandarte español a “xitanos, murcianos e xente de mal vivir”. Os cataláns eran retratados no XVII como devotos, feroces e pobres; a partir do XVIII gabarase a súa laboriosidade e o seu xorne pacífico. O vasco foi catalogado como un celoso defensor de todo o propio, incluído un idioma “inintelixible” (non hai idiomas inintelixibles) que a Inquisición chegou a cualificar de demoníaco. O empeño por condenar o particularismo vasco sobreviviu até o Ortega y Gasset da España invertebrada, obra que axuda a desculpar o lugar común europeo, tan celebrado por Borges, de que a cultura hispánica está especialmente mal dotada para a filosofía (Borges afirmou tamén que os vascos só pasaran á Historia como muxidores de vacas).
Aínda que a insistencia na ridiculización do veciño, dentro ou fóra dos límites estatais, vai proverbialmente unida á falta de cultura -suponse que as persoas con formación nunca practican o reducionismo-, a certeza apunta en dirección oposta: os tópicos nacen moitas veces na máis alta escola humanística europea, que perde o decoro científico ao defrontar as súas propias fantasmas. Ese descenso ao inferno tribal da Razón ten atinxido con frecuencia as mellores mentes cando algunha delas houbo de presumir os atributos da etnia próxima. Diso sabemos bastante en Galicia: onte mesmo fixo falta invocar a autoridade do Congreso dos Deputados para impedir que a R.A.E. continúe a asociar “galego” con “parvo” e “tatexo”. Da obra de referencia da lingua española xa caeron outras entradas ofensivas, entre elas a que definía gallegada como “reunión de gallegos”. Agora só falta que os nosos irmáns do sur (xa choveu desde que Camões escribira o de “sórdidos galegos, duro bando”) eliminen acepcións similares dos dicionarios de portugués.
Resulta curioso pararse a estudar a metamorfose dos galegos no imaxinario castelán/español: pasamos dunha reputación temible e indómita, durante toda a época medieval, a ocupar desde o XVI o lugar das etnias subalternas do continente. Tardará centos de anos en comezar a ser desmontada pola Ilustración galega a batería de aldraxes contra os habitantes do noso país. O labor propagandístico que desde o Rexurdimento tentou destruír as visións negativas que o galego tiña de si vai sendo asumido pola maior parte da poboación, pero nin sequera hai un lustro que a comedia de situación Los Serrano deseñou unha personaxe galega casualmente inzada de taras raciais. As chamadas desde Galicia colapsaron os teléfonos da cadea de televisión que emitía aquilo. A personaxe foi retirada da serie, pero a anécdota serviu para lembrarnos que os tópicos nunca son inxenuos. Se o poder do lugar común, por inxustificado que o percibamos, permanece durante xeracións, o seguinte paso sería determinar qué tipo de estruturas fan hoxe posible a súa vixencia.
1º. Jose Blanco White, nunha das súas CARTAS DE ESPAÑA. Describre como por algún lugar do porto de Sevilla avanza un crego portando o viático co monago alborotando a campaniña. "Dios, Dios!!, gritaba un gallego, uno de esos mozos de cuerda descargadores de muelle, CON EL BÁRBARO ACENTO DE SU TIERRA (sic)"
2º. La hermana San Sulpicio, de Armando Palacio Valdés. O protagonista, gelego, minte durante toda a novela dicindo que é asturiano. Só ó final é aceptado pola dama nunha aperta que proclama: ¡Ai, gallego de mi alma!, ou algo así.
3º. Interno nun colexio dun pobo fronteirizo de Pontevedra, na zona do Condado.Anos sesenta do pasado século. Curiosamente, son eu único galego que hai alí, o que me convirte nun extraña na miña propia terra. Un compañeiro leonés recriado en Madrid, que practicara o fútbol en categorías próximas á 3ª División, explícame que a unha patada moi fodida que se dá no xeonllo chamábanlle "una gallega".
En canto ós peitos voluminosos e ás anchas cadeiras, ¿non podería ser que esas mulleres fosen contratadas como nodrizas, amas de cría?
Eu en Madrid fixen calar a máis de un e de unha con iso de subir ou baixar as escaleiras. E cando me falaban dos caciques, largáballes un discurso de hora e cuarto que os deixaba baldados. E ademais gustáballes, aseguraban que aprendían moito sobre Galicia. "Un punto de vista muy interesante. Nunca se me hubiese ocurrido". E, por riba, invitábanme ás consumicións. E cando lles explicaba o choio do pronome ético ou de solidariedade, non vexades. Logo fíxome moita ilusión ver que Santiago Lamas, precisamente, no seu magnífico ensaio Galicia Borrosa, ocúpase diso.
Ben, apertas para quen as queira recoller.
Recollo as apertas, devólvoas. Quito o chapeu ante as dúas últimas entradas; intimo a que alguén ate esas moscas polo rabo.
Interesantes achegas as de "O de sempre": eu tamén recollo as apertas.
O de sempre deixa unha reticencia que, á luz do exposto máis arriba, convén aclarar. O "non vexades" con que remata a súa experiencia como profesor (supoño que a altas horas da noite) explicando o pronome ético ou de solidariedade. Explíquese: era unha aclaración puramente gramatical ou era concupiscente pretensión venérea?
Nunca se me hubiese ocurrido.
Pois caeron en bo sitio as miñas apertas. Gracias pola acollida e a consideración da miña achega.
Era gramatical, señor arume. No meu caso non podía ser venérea pois todos os contertulios eramos homes -é dicir espécimes machos da raza humana, pois agora que os xenéricos só funcionan na seguridade social, cómpre andar con ollo- e eu, non sei se para ben ou para mal, son culturalmente hererosexual e a miña pulsión sexual vai detrás dos corpos curvilíneos e con covas quentes, húmidas e oferentes -aparte da boca, claro-. Sócrates, a través dos Diálogos de Platón, sempre me pareceu un vello verde babeando diante dos efebos que lle pasaban por diante. Eu vivín en Vigo algúns anos da miña vida. Todo o mundo sabe que Vigo é unha cidade costosa -encostada- , pindia, como dirían os cántabros. Pois ben, cando eu me achaba ó pé da Gran Vía para ir, poñamos por caso, ata a Praza de España, agardaba a que chegase unha moza garrida -e se non era tan moza, pero si garrida, dábame igual- que levase a mesma ruta, deixaba que me adiantase e botaba a camiñar atrás dela impelido polo poderío daqueles pandeiros prodixiosos e contoneantes. Contoneantes se cadra non é moi galego, pero agora non estou para buscar sinónimos. Pero volvendo ó pronome ético ou de solidariedade, é unha arma de destrución masiva cando explicas a idiosincrasia dos galegos a un suxeito mesetario. E tamén cando lle contas que en galego practicamente non existe o afirmativo. ¿Vas ó cine? Vou. Iso déixaos nokeados. E se lles falas do infinitivo conxugado, daquela choran. ¡Coitados! O único do que saben presumir e do suposto rigor aspectual dos tempos compostos.
Mario Conde, Mariano Rajoy e o Teorima da Galeguidade Espanhola:
http://www.arroutadanoticias.com/foro/viewtopic.php?t=12906
Botem uma olhada... senhores habitantes da colonia.
Veletiña de Pontevedra
Publicar un comentario