5 nov 2006

A esmeralda branca
(Pan por Pan domingo 5 novembro)

Escribo dende o Liceo, nun descansiño do V Encontro de Escritores Ourensáns, cita que está a ser un éxito, tanto na resposta dos asistentes como na riqueza dos debates tralas mesas redondas. Ademais, presentamos un libro de certo monumental, en todos os seus sentidos, o extenso poemario “A esmeralda branca” co que Manuel Vilanova volve á poesía en galego tras case vinte anos de silencio lírico: un moi valioso roteiro de sentimentos e emocións arredor desta nosa cidade auriense e das súas paisaxes natais de Barbantes e O Ribeiro.
Nos debates entrecrúzanse temas literarios, sociolóxicos, económicos e de mercado e ata políticos. Entre todo o dito, prefiro quedarme cun dato optimista que subliña Fernández Naval: temos, ademais dunha calidade literaria indiscutible, varias xeracións a escribir en galego, dende os 80 ós 16 anos. O futuro esta asegurado.

(Imaxe: foto de Pena Corneira, presente tamén no poemario de Manuel Vilanova. A foto procede do blog de Carlos Sánchez Montaña, www.callaecia.blogspot.com)

Fernández Mazas.
(Pan por Pan sábado 4 novembro)

A loita pola normalización do noso idioma nunca foi doada. Algúns tenden a idealizar a recente historia do noso país, pero o certo é que ata os tempos da Segunda República os únicos con certa coherencia neste nivel foron os galeguistas: os únicos que usaban o galego en público e defendían a Autonomía. Onte, na sección veciña “Historia en Catro Tempos”, viña un suceso de hai 70 anos, sobre o que eu mesmo teño escrito outras veces. O primeiro gran mitin polo Estatuto de Galicia nesta cidade, presidido por Risco e Suárez Picallo, foi boicoteado por socialistas de esquerda, entre eles Cándido Fernández Mazas, que acusaban aos galeguistas de querer implantar un novo caciquismo. Entre os xoves trosquistas daquela hora estaban tamén os seus irmáns Mario e Armando, a quen tiven a fortuna de coñecer. Co tempo o galeguismo iría enchoupando outras ideoloxías...
(Imaxe: Cándido Fernández Mazas, retrato do seu irmán Mario).

3 nov 2006


Asimov, o ceo e o inferno.
Como é lóxico, fálase moito nestes días da morte. Dos mortos queridos e, para os crentes, do ceo e da esperanza na vida despois da morte. Isaac Asimov ten un intelixente texto no que, como ateo, reflexiona sobre todo isto. Conta alí un seu soño no que soñou que era recibido no ceo e o primeiro que facía era pedir unha máquina de escribir: para Asimov o ceo é o que fixera toda a súa vida, escribir sen parar.
O ceo que nos debuxan as relixións e as mitoloxías é demasiado anxelical e, quizais, aburrido. Un Deus intelixente tampouco permitiría o inferno, que só pode entenderse como o soño sádico dun Deus que debera ser bo e misericordioso. Remata así Asimov: “Creo que se houbese vida futura, o castigo do mal sería razoable pero só por un tempo determinado, e penso que o castigo mais longo e peor debería ser aplicado ós que calumniaron a Deus ó inventar o inferno”.
(Imaxe de Burne-Jones)
De Rairiz de Veiga a Barbantes
A Sección de Literatura do Liceo das Burgas recupera mañá os Encontros de Escritores Ourensáns
MARÉ . SANTIAGO (Galicia Hoxe 3 novembro 2006)
Unha homenaxe ao ourensán Antón Tovar e o regreso á poesía galega do tamén ourensán Manuel Vilanova, máis de vinte anos despois da súa última publicación na lingua do país, serán os pratos fortes dos Encontros de Escritores Ourensáns que recupera mañá a Sección de Literatura do Liceo das Burgas.
Será a quinta edición desta xuntanza que foi creada polo Clube Alexandre Bóveda na década dos 90. Porén, segundo explica Marcos Valcárcel, director da sección literaria do Liceo e colaborador de GALICIA HOXE, "o Clube Alexandre Bóveda disolveuse e os Encontros non tiveron continuidade".
Agora, grazas a unha subvención da Consellería de Cultura e de maneira un pouco "apresurada" debido a "problemas administrativos", o Liceo acaba de recuperar os Encontros coa intención de celebralos "cada ano ou cada dous anos", indica Valcárcel, xa que quere ser unha cita para "a confraternidade entre escritores de Ourense".
Nesta edición, que terá lugar mañá, reuniranse nos locais do Liceo ourensán case 20 autores vinculados coas letras da cidade das Burgas. O evento inaugurarase ás once da mañá e dará paso á primeira das tres mesas redondas que se desenvolverán ao longo de todo o día, que versará sobre a narrativa galega hoxe e contará coa participación dos escritores Alfredo Conde, Antón Riveiro Coello e Ramón Caride Ogando.
A partir das doce e media, Camilo Franco, Xosé Carlos Caneiro e Xosé Francisco Fernández Naval debaterán sobre a literatura de xénero e a normalización cultural.
Será á unha e media cando se celebre un dos actos centrais dos Encontros: a presentación do novo poemario de Manuel Vilanova, A esmeralda branca, que contará coa participación de Víctor Campio.
Máis de vinte anos despois da súa última publicación en galego, A lenda das árbores de prata, o poeta de Barbantes regresa ás letras galegas cun libro de máis de cincocentas páxinas e case mil poemas, editado por Follas Novas.
Despois dun xantar de confraternidade, retomarase a reunión ás catro e media cun café-faladoiro literario, aberto ao público, dirixido polo profesor Xesús Alonso Montero e dedicado ao poeta da cidade das Burgas, Antón Tovar, falecido en xuño de 2004.

Un recital poético en honra de Tovar e Pura Vázquez
No transcurso do faladoiro, Tereixa Devesa e Loli Conde poranlle a voz a textos do poeta de Rairiz de Veiga e de Pura Vázquez, aínda que "nuns meses faremos unha homenaxe a esta ourensá", asegura Valcárcel.
Ás seis da tarde, celebrarase a derradeira mesa redonda sobre o idioma na normalización cultural na que participarán Millán Picouto, Iolanda López, Afonso Vázquez Monxardín, e o propio Marcos Valcárcel.
A homenaxe a Tovar pechará os Encontros á partir das sete da tarde cun recital musical de Anxo Rei sobre poemas do ourensán, acto que será presentado por Delfín Caseiro.
"Queremos recuperar aquel sentimento dos antigos Encontros nos que a xente que participou sempre quería volver, e tamén cremos que é necesario ter un lugar de encontro no que xuntar a todos os escritores ourensáns", conclúe Valcárcel.
BIOGRAFÍA
Voz clave da Promoción de Enlace
Antón Tovar (Rairiz de Veiga, 1921) é un dos escritores clave da coñecida como Promoción de Enlace. Intimista tanto na súa poesía en galego como en castelán, abandonou os seus estudos de Filoloxía en Compostela para ingresar como novicio nos xesuítas en Salamanca.
Unha orientación que finalmente deixou, pero que foi decisiva para comprender a súa actitude vital e poética. O seu primeiro poemario en galego, Arredores (1962), deu paso a Non (1967), libros nos que xa se deixa sentir o pouso metafísico e melancólico do seu labor creativo.
Logo virá Calados esconxuros (1980), no que vira cara á preocupación social, vocación que cultivou como un dos primeiros lírica dos sesenta. A súa obra poética, reunida en 1975 en Poesía galega completa foi reeditada este ano polo Pen Club de Galicia, en dous volumes prologados polo estudoso Marcos Valcárcel.
DATOS
Carlos Casares, un incondicional
Lembra Marcos Valcárcel que os Encontros creados polo Clube Alexandre Bóveda comezaron no ano 91 no Teatro Principal de Ourense cunha conferencia de Méndez Ferrín. A esta xuntanza acudiron nomes como Carlos Casares, "un dos fixos", Alonso Monterou ou Basilio Losada.
Non todo vale. Indignante!!

Acaba de chegarme a nova dun novo blog que se anuncia dedicado a denigrar a figura do candidato nacionalista na cidade de Ourense.
Digo denigrar porque a presentación alude xa a unha serie de inxurias de carácter persoal que non caben, de ningún xeito, no debate político.
Isto é, xogo sucio, lixo puro da política máis ínfima e detestable. Indignante!!!

Con comportamentos coma este os cidadáns acabarán fuxindo da política como da peste. Xa o dicía Lamas CarvajaL: "a política como as vexigas...".
Non todo vale, dende logo. Argumentos e críticas políticas, todas as que se queiran. O resto é nauseabundo...
A miña solidariedade, dende aquí, con Alex, como a amosaría con calquera outro candidato sometido a un ataque tan burdo e miserable.

2 nov 2006

Primeira impresión
Aínda non tiven tempo de ler de vagar os xornais. As eleccións catalanas semella que non depararon grandes novidades, agás nesa irrupción sorpresiva de Ciudadanos por Cataluña con 3 escanos e 90.000 votos, cun discurso radicalmente antinacionalista (catalán). Tampouco é un fenómeno totalmente novo (lembremos o lerrouxismo de comezos do século XX), pero... Pensemos qué sucedería en Galicia se alguén lanzase unha iniciativa semellante: contaría, sen dúbida, con moitos sectores de esquerda moderada e discurso antigaleguista (Paco Vázquez, Pérez Mariño, etc.) e o afago dun sector "pijo" do PP. Semella que en Cataluña eses votos deberon arañar sobre todo á esquerda, ó PSC. En Galicia non hai aínda mobilizacións neste tipo, porque o ritmo de galeguización da sociedade é moito máis lento (e o PSdeG non é o PSC, claro). Pero cabe agardar algo así no futuro? Non é complicada a resposta.
O novo Atila
(Pan por Pan xoves 2 novembro)

Falamos na tertulia do pasado venres do urbanismo e da corrupción. Estaban presentes persoas moi ben informadas sobre temas de planificación urbana, patrimonio, restauración, etc. Saíron a relucir algúns dos desastres que a nosa cidade padeceu nas últimas décadas (algúns mesmo bendicidos por especialistas como Pons Sorolla) e tamén os que están agora enriba da mesa. Sobran leis e regulamentos para protexer o patrimonio, díxose, o problema é facelos cumprir. Houbo voces pesimistas: son tan fortes os intereses económicos que se moven que a busca da racionalidade é unha tarefa case heroica. Semella que o actual goberno da Xunta quere imprimir seriedade e control sobre o urbanismo: anunciáronse moitas medidas nesa liña. Deixarano? Porque, unha vez estragada a cornixa do Mediterráneo, seica lle toca a Galicia soportar este novo Atila.

1 nov 2006


ENCONTRO DE ESCRITORES OURENSÁNS
(Primicia informativa: por unha serie de motivos, que agora non podo contar, o Liceo recupera a tradición dos Encontros de Escritores Ourensáns que o Clube Alexandre Bóveda celebrou, en catro edicións, nos anos 90. Colgo aquí o programa para os que andedes por Ourense o sábado 4 de novembro ou vos poidades achegar: faltan algúns nomes que están na mesma data no Galeusca, advirto xa de entrada. )

Organiza Sección de Literatura do Liceo Recreo Ourensán, nos locais do Liceo.
Sábado 4 novembro
11,00 h.: Inauguración do encontro.

11,30 h.: mesa redonda “A narrativa galega hoxe” coa participación de Alfredo Conde, A. Riveiro Coello e Ramón Caride Ogando.

12,30 h.: mesa redonda “Literatura de xénero e normalización cultural”, coa participación de Camilo Franco, Xosé Carlos Caneiro e Xosé Francisco Fernández Naval
13,30 h. Presentación de A esmeralda branca (Follas Novas, 2006), do poeta Manuel Vilanova, con presenza de Vítor Campio.

14,30 h.: xantar de confraternidade.

16,30 h.: Café-faladoiro literario, aberto ó público, dirixido por Xesús Alonso Montero e dedicado ó poeta Antón Tovar. No seu transcurso haberá un breve recitado poético de textos de Antón Tovar e Pura Vázquez, a cargo de Tereixa Devesa e Loli Conde.

18,00 h.: mesa redonda “O idioma na normalización cultural”, coa participación de Millán Picouto, Iolanda López, Afonso Vázquez Monxardín, e Marcos Valcárcel.

19,15 h.: Recital musical de Anxo Rei sobre poemas de Antón Tovar, presentado por Delfín Caseiro.
20, 00 h. Clausura.

(Imaxe: a extraordinaria foto que Blanco Amor lle tirou ó Antón Tovar en Castro de Beiro, c.1965-1969).


Méndez Ferrín en América
(Andoliña 1 novembro 2006)
Hai que felicitar a Consellería de Cultura da Xunta por convidar a Méndez Ferrín en embaixada cultural a Arxentina e Uruguai. Sabemos desa visita pola extenso comentario que da mesma fai ‘Torre de Babel’ no seu blog Fíos Invisibles. E sabemos así que a voz de Ferrín se escoitou en América, contundente, e aló falou de política, de lingua e de literatura. Enérxico, como adoita, na súa posición política: “Eu non podía darlle a man a Fraga Iribarne porque era unha man manchada de sangue”. Reclamou a presenza doutra esquerda no Parlamento galego, para que a oposición ó bipartito non sexa só de dereitas (onte mesmo laiábame eu da escasa pluralidade ideolóxica do noso Parlamento ó carón do vasco ou do catalán).
Falou de lingua: desmontou a falacia do mal chamado “bilingüismo harmónico” e cunha soa frase guindou polo chan as queixas dalgúns escritores nacidos en Galicia que optaron polo castelán: “Hai que escoller na vida. Non se pode ir na procesión e ser o Cristo, e ser o santo, e ser o cura...”. E de literatura: houbo gabanzas para Chus Pato e para Manolo Rivas e para a poesía feminina de hoxe.
Como se escribía onte nos foros de internet, Ferrín: insubornable.
(Imaxe: Ferrín nunha caricatura de Ruibal)

31 oct 2006


Educación para a cidadanía.

Moita tinta fixo correr xa o proxecto dunha nova materia, obrigatoria e avaliable, que se impartirá en dous cursos do tramo escolar obrigatorio, co nome de Educación para a Cidadanía. Tanto o PP como a Igrexa se opuxeron ata agora a impartir unha materia “de valores laicos”, chamémoslle así: un campo que debe incidir, di o proxecto do goberno, na crítica ós prexuízos homófobos ou no respecto ás novas formas de familia (incluídas ás familias gays). Este tipo de temas considerábanse ata agora temas transversais e debían ser incluídas nos curriculos das outras materias, pero iso ó cabo quedaba nas mans do profesor/a (coa súa ideoloxía particular). Eu vexo ben que exista esa nova Educación para a Cidadanía: todo vai facer falla para contrarrestar a estulticia imposta polas televisións e tamén as tentacións dalgúns para volver á caverna.
(Imaxe: Muller despois do baño, de P.A. Renoir)

Do mapa político catalán
(Andoliña martes 31 outubro)

As eleccións en Cataluña espertan grandes paixóns. José Luis Rodríguez Zapatero reuniuse con máis de mil representantes do sector económico catalán e implicouse a fondo na campaña electoral, moito máis que o fixeron Felipe González ou Aznar noutras ocasións. O tema catalán é cuestión de Estado, nunca deixou de selo, pero agora evidénciase aínda máis. Ademais dos votos que Cataluña achega ó Goberno central, isto ten moito que ver coa forte polarización (PSC-CiU) con que se deseñan nesta hora os posibles resultados electorais.

En calquera caso, os cataláns teñen sorte. Por dúas cousas. Pola pluralidade da súa oferta ideolóxica: os estatalistas optan entre tres opcións, da dereita ata a esquerda (PP, PSC, ICV); os nacionalistas, teñen unha no centrodereita reformista (CIU) e outra na esquerda (ERC), un abano máis rico que o galego. E tamén porque, pase o que pase, non haberá cambios radicais: todas as forzas asumen en conxunto a identidade catalá, con todos os seus matices, e coinciden en valorar o seu patrimonio lingüístico e cultural. Ó cabo, calquera das alternativas de goberno máis viables (CIU+ERC; CIU+PSC; goberno tripartito PSC+ICV+ERC) parte desa realidade de consensos comúns.
(Imaxe de J.P. Renoir)

30 oct 2006

Tamén forman parte da nosa identidade...
Nestas cousas tan complicadas das identidades deixémoslles, agora que a TV cumpre 50 anos, un pequeno recunchiño da mesma ás andainas da familia vaqueira Cartwright, tan seguida dende 1962 (eu empezaría a vela máis tarde que daquela só tiña catro anos). Unha galería de imaxes destas cinco décadas, aquí.


Abel Caballero reprime o uso da bandeira da República, nun acto da Asociación pola Memoria do 36 en Vigo (entrega das Pedras da Memoria a unha serie de homenaxeados)

Da crónica de onte de Faro de Vigo, asinada por GGM:
El acto fue emotivo, pero no exento de polémica. La decisión de Abel Caballero, presidente de la Autoridad Portuaria, de ordenar la retirada de la bandera republicana del lugar en que se iban a pronunciar los discursos provocó las airadas protestas de varios de los asistentes, quienes volvieron a colocar la enseña donde estaba en cuanto el anfitrión, que fue recibido con silbidos y abucheos, concluyó su alocución. Caballero, visiblemente molesto, se defendió de quienes minutos antes le habían reprochado su decisión argumentando que "algunos de los que ahora hablan no pisaron la cárcel o sufrieron el exilio", como sí le ocurrió a él, unas palabras que arrancaron aplausos de un amplio sector de los invitados. También se cuestionó en voz alta si "hace dos años un homenaje como éste se hubiera realizado en el Puerto o, tan siquiera, en la ciudad de Vigo". La ex concejala nacionalista Carmen Martínez Corbalán fue una de las más molestas por lo sucedido y subrayó, al término del acto, que "esto ha sido un ejercicio antidemocrático de Abel Caballero, candidato del PSdeG-PSOE a la Alcaldía. No son muertos anónimos y este acto no tendría ningún sentido sin la presencia de banderas".

(Como todo o mundo sabe, Abel Caballero é o alcaldable socialista de Vigo e un dos probables piares dun goberno progresista, socialista-nacionalista, na cidade olívica. Meu Deus!!! Será verdade aquilo de que os pobos teñen os gobernantes que se merecen?)

A CIENCIA NON PODE EXPLICAR O AMOR
(La Región 30 outubro 2006

Andalucía.
O PP acepta recoller no Estatuto andaluz a expresión “realidade nacional” no seu preámbulo. E non pasa nada. Non caen os piares do Estado nin se rompe España nin nos invade o Reino das Sombras de Mordor (mentres escribo escoito de fondo os diálogos de “O Señor dos Aneis”). O PP viuse obrigado a esa asunción para non caer na marxinalidade, como sucedera cando o 28-F, no anterior referendo andaluz. E o Estatuto Galego? Cando menos vai chegar tarde e quizais xa demasiado minguado por falta de enerxía dos políticos que tiñan que impulsalo. Vai pasar Galicia ó segundo vagón das autonomías, precisamente cando o nacionalismo está no goberno?

Personaxes.
Tres “peixes” de coidado locen estes días nos xornais. Un Pinochet que non só tiña contas segredas nos Estados Unidos, senón que ademais ocultaba nove mil quilos de ouro nun banco de Hong Kong. O líder coreano, Kim Jong II, que organizou o seu réxime sobre o tráfico de drogas, moedas falsas e cornos de rinoceronte se que agora xoga a potencia nuclear, cun país sometido ás fames e ó subdesenrolo. E o tolo de Abimael Guzmán, fundador de Sendero Luminoso, condenado a cadea perpetua en Perú despois dunha longa cadea de terror sobre un pupurri de maoísmo, indixenismo e crueldade.

Richard R. Ernst.
Premio Nobel de Química en 1991, este científico, especialista na resonancia magnética nuclear (RMN), estivo en Compostela. Dixo cousas importantes sobre a medicina en relación coa sociedade, pero a que máis me gustou foi esta: “Se se intenta explicar o porqué dun sorriso, se todo tivese unha explicación cunha ecuación, o ser humano perdería a súa fascinación. O enfoque científico ten os seus límites, non debe tratar de explicalo todo. A ciencia non pode explicar cousas como o amor, espero que nunca o faga”.
(Imaxe: Pinochet en caricatura de Siro López, 1973. Publicouse na sección "Con esta lupa", de La Región, ilustrando un artigo de Carlos Casares).

29 oct 2006


Caricatura de Carlos Casares
realizada polo debuxante
Santy Gutiérrez
Graciñas
PAN POR PAN domingo 29 outubro
Sentín hoxe a necesidade de dar as grazas. A vostedes, en primeiro lugar, ós lectores e lectoras que me seguen a diario e me fan cómplice dos seus comentarios e suxestións sobre estes breves artigos. En segundo lugar, ós responsables de LA REGIÓN que lles dá acubillo, primeiro na páxina cultural, agora nesta. O próximo mércores cumpro os 5 primeiros anos do Pan por Pan: empezaron o 1 de novembro do 2001, mes e medio despois do 11-S. Dende aquela van unha xeira de case 300 artigos ó ano e un total superior ós 1430.
Cando iniciei esta aventura, pensei máis dunha vez na dificultade de pensar cada día un tema diferente sobre o que opinar: ese medo pasou moi cedo; en moitas ocasións, cando escribo sobre un tema quedan outros tres ou catro na mente que tamén valerían para comentar. Iso xustifica esta miña constancia: a vida, o mundo, son misterios sempre infindos...!
(Imaxe de Renoir)
OS XORNAIS NO FAIADO (1): NOVA SECCIÓN

Dende hai case 30 anos colecciono recortes dos xornais: é un vicio coma outro calquera, aínda que este ocupa moito tempo e moito espazo (no meu caso un faiado e outros dous recunchos, que algún día catalogarán con paciencia, quizais, algúns becarios). Teño centos de arquivadores con artigos e suplementos culturais e, entre eles, milleiros de artigos que vou ir recuperando parcialmente e de vagariño neste blog. Na miña propia biografía vital cubrín ben o período 1976-2006, pero ademais diso, despois, fun fotocopiando artigos de etapas anteriores (tanto de 1900 a 1936 como de 1936 a 1976, de diferentes medios galegos), co que se pode dicir que teño unha boa colección do xornalismo galego do século XX (tamén teño recortes de prensa española, catalana, etc., pero iso non vén agora a conto).
E empezaremos esta antoloxía, cómo non, cun dos grandes mestres: Carlos Casares e o seu xornalismo na Voz, máis os antecedentes de La Región e outros medios. Da súa sección “Á marxe” abre esta colección un dos artigos que lle dedicou a Newt Gingrich, presidente da Cámara de Representantes americana, a quen lle tiña especial manía. Utilizaba tamén a este personaxe, creo, para denunciar dalgún xeito a hipocresía da sociedade norteamericana no que respecta ós “vicios privados e as virtudes públicas”: como é evidente aqueles rematan sempre por aboiar a superficie e personaxes como Gingrich quedan en coiros ante a sociedade. (O xornalismo de Casares na Voz está a ser publicado tamén, en varios tomos, pola Editorial Galaxia).
Unha lembranza de Carlos Casares na súa morte:
www.culturagalega.org/eventos/especial_casares/index.htm
E a miña evocación persoal naquela hora (marzo 2002):
www.culturagalega.org/eventos/especial_casares/colaboracions.htm


Retirada

As persoas que exercitan a paciencia de ler estes artigos que escribo cada día coñecen ben a idea que teño de Newt Gingrich, o presidente da Cámara de Representantes americana. Un golfo. Aínda que non me considero un bo psicólogo, senón máis ben un pouco tonto á hora de ler no interior da xente, os desta especie non se me escapa ningún. Débollo á miña avoa, que dicía: “Cando alguén berra moito a favor de algo, hai que pensar mal automáticamente”. E Gingrich gritaba demasiado a favor da decencia, da familia e da corrupción dos demais. Como parecía lóxico, non tardaron en cazalo. O ano pasado foi censurado pola Cámara.
Agora acaba de dimitir como responsable do fracaso electoral republicano, pero aínda queda en pé o seu socio, o fiscal Starr, outro moralista vociferante que debe de estar tamén a punto de caer. Ambos os dous quixeron converter os pecados de Clinton no símbolo contrario da decencia que eles predican para América. Unha decencia que exclúe as trampas, as mentiras e as manobras; só pensa no sexo.
De cando en vez, xente como esta empéñase en fastidiar. Existiron sempre e sempre dixeron e dirán sempre o mesmo. A miña impresión é que, a largo prazo, nunca gañan, pero fan mal. Supoño que eles non cren no que din, pero hai moitas persoas inocentes dispostas a seguilos, poñendo na batalla o peor, é dicir, exceso de corazón, e deixando a un lado o mellor, ou sexa, un pouquiño de cabeza. Gingrich foise dicindo que non entendía nada, o cal é certo. Se non foi capaz de entender as encuestas que os puñan a el e ó seu cómplice ó fronte da lista de personaxes máis detestados de América, parece lóxico. A rabia perturba o pensamento.

(La Voz de Galicia, 9-XI-1998)
1940: resistencia no exilio
(Colgo aquí o inicio do meu artigo, da serie "Cen anos de Historia Cultural". O artigo completo, aquí)
Nos inicios da longa posguerra que sucedeu á guerra incivil, as primeiras novas sobre a recuperación democrática da nosa cultura xorden en América, entre os exiliados e emigrados galegos. Luís Seoane, xa nomeado meses antes director do Galicia de Buenos Aires, asume agora a fundación e dirección de dúas coleccións galegas en Emecé Editores (Bos Aires): Dorna e Hórreo, onde aparecerán títulos importantes para a cultura galega. Nese mesmo ano aparece na colección Hórreo a segunda edición de Los precursores, de Manuel Murguía, ademais doutras edicións de Aires da miña terra, de Curros Enríquez; Queixumes dos pinos, de Pondal; De catro a catro, de Manuel Antonio; Cuentos de la tierra, de Emilia Pardo Bazán, e a versión bilingüe de Cincuenta hombres por diez pesos (Emecé), de Castelao. Seoane convértese así, como ten escrito con acerto Alonso Montero, no principal defensor da causa do Libro Galego neses anos. Con el colaboran outros autores como o poeta Emilio Pita, que asina a introdución da edición dos Queixumes pondalianos.
Outro nome a subliñar é o de Lorenzo Varela, residente en México dende xuño do ano anterior e vinculado a Octavio Paz e á redacción da revista Taller, que en 1940 participa na fundación de Romance. Revista Popular Hispanoamericana, a publicación cultural de maior difusión en Iberoamérica naquelas datas, e publica, en novembro, o poemario Elegías Españolas: Elogio del Llanto, Tribunal del Virgo (Primera elegía muladar, e Desagravio del vino tinto.
Pola súa banda, Castelao está en Nova York, onde redacta o libro segundo de Sempre en Galiza, inserindo no mesmo textos publicados durante a guerra, e que rematará na viaxe en barco ata Bos Aires. Como consecuencia das intensas xestións dos seus amigos arxentinos, Castelao logra marchar en xullo á Galicia ideal, onde se unían emigrados e exiliados: Bos Aires, onde é recibido apoteoticamente. Neste ano publica ademais a serie mitolóxica “Faunalia.. En Nova York, ademais, e por iniciativa de Castelao fúndase a Casa de Galicia de Unidad Gallega nesa cidade.

28 oct 2006

Sevillanas no Centro Galego de Lisboa

O amigo Luis Menéndez mándame este cartel, cunha breve mensaxe, que quixen compartir cos lectores, por simpático:

Nas miñas andainas na lusofonía (recén chego de Angola) descubrín este detalliño no taboleiro de anuncios da Universidade libre de Lisboa. (o Centro Galego de Lisboa-Xuventude de Galicia é dos máis antigos do mundo, percibe subvencións da Xunta coma todos e ten unha magnífica sede, cesión do que fora gran "mecenas" Manuel Cordo Boullosa, nado en Caritel).q che parece??apertas,Luís Menéndez.

Por certo, o cartel lembroume unha anécdota que ten contado Vítor Freixanes. Convidárono aló por 1977? a falar en Londres, quizais con Casares? e quizais no Centro Galego. Falou da lingua e de Antón Villar Ponte, o homenaxeado naquel ano, pero tivo que esperar para facelo porque antes da súa charla e dentro do mesmo paquete estaba programado un espectáculo de... Flamenco!!! para os galegos do Centro. Freixanes botoulle valor e así saltou do "duende" flamenco ata a galeguidade, sen rede.

Como ten dito o Bieito Iglesias, o máis galego da nosa música é Juanito Valderrama e xéneros afíns. Quen dixo que o galego non era un pobo sincrético?

27 oct 2006



Pastor de cabras.

Así o chamaba Pablo Neruda no emocionado poema “A Miguel Hernández, asesinado en los presidios de España”. Poeta campesiño, poeta pastor, de orixes ben humildes. Como Serguei Esenin (na imaxe), tamén neno campesiño na Rusia soviética: “La casucha sin mí se encorva,/ el perro viejo estiró la pata./ Por lo visto habré de morir/ en las calles tortuosas de Moscú”. Tamén no noso país houbo escritores de raíces ben campesiñas: como Manuel García Barros ou o Balbino-Xosé Neira Vilas. Pero a maioría procedían, proceden, da pequena burguesía vilega e do mundo funcionarial. Aínda que houbo algunhas excepcións. Citemos agora dúas: Xesús San Luís Romero, autodidacta e só con estudos primarios no seu Carballo natal; emigrou, aprendeu o oficio de zapateiro, escribiu teatro social e anticaciquil. Ou o Antón Avilés de Taramancos, a servir unhas cuncas na súa taberna de Noia...


Un poema de S. Esenin

Hasta luego, querida, hasta luego.
Dulce mía, te llevo en el pecho.
Esta despedida inaplazable
nos promete un encuentro en el futuro.

Hata luego, querida, sin manos, sin palabras,
no te aflijas, no entristezcas las cejas.
En esta vida no es nuevo morir,
pero vivir tampoco es más nuevo.

(S. Esenin. El último poeta del campo, traducción directa do ruso de José Fernández Sánchez. Prólogo de Máximo Gorki. Visor, Madrid, 1974).
Autor de curta vida, sobre a obra de Esenin escribiu Trotsky un interesante texto.