9 ene 2007
de Afonso Vázquez Monxardín
("Camiño do Vao", Galicia Hoxe, 9 xaneiro)
Ten razón o deputado Lobeira cando pensa nestes temas. Equivócase ao falar na forma e lugar, pois a xestión política dos gobernos mídese pola efectividade e non polos titulares de xornal conseguidos. Repasemos. Hai anos organizouse unha "comisión de toponimia" coas persoas que máis sabían disto do país e peneiraron os nomes dos núcleos de poboación da terra e arranxaron o asunto. Creo que é precisa unha comisión técnica semellante de antroponimia -de sabios, non de políticos- como lugar discreto de traballo, estudo, reflexión e planificación.
Sabemos que os nomes de persoas se moven en catro esferas. O nome propio que cada un escolle para os seus fillos -María-; o hipocorístico, ou sexa, como se lles chama aos dese nome -Maruxa ou Marica, pola vella-; o alcume, moitas veces de familia -A Roxa-; e os apelidos, que en España son dous, primeiro o do pai e logo o da nai (en Portugal é ao revés, a ver quen espabila e é o primeiro en pedir o fuso onomástico do sur).
O noso sistema de nomes propios está moi estragado e o tema é complexo por moitas causas, entre elas a secularización do sistema -xa non é preciso pór nome de santo-; a unificación planetaria de hipocorísticos -Mary-; o feito de coincidiren as onomásticas galega e castelá nunha boa parte, fai que erradamente, só identifiquemos como propias as marcadamente diferenciais (Uxía pero non María); as modas (Jonathan), etc.
O dos apelidos foi un esmorecer progresivo que coñecemos ben desde o Concilio de Trento, cando comezaron os arquivos parroquiais sistemáticos e require un traballo de restauración previo, tendo presente que ao ser un tema de decisión individual e familiar, só se pode facer desde a sedución. E para iso cómpre resolver dúbidas ¿Que facemos cos clásicos? ¿Outeiro Pedraio, Ramón Cabanelas e Val Inclán?¿E cos modernos? ¿Victor Freixáns, Anxo Quintá? ¿Galeguizamos os Otero como Outeiro ou Do Outeiro? ¿Valle como Val ou Do Val? ¿Xunto ou separado? ¿Hai que volver os Silva a Da Silva? ¿Como se promove a rectificación masiva?
O lugar para falar de que as bonecas -videoxogos, etc.- se expresen en galego non parece ser o Parlamento -por esencia reservado a cuestións máis elevadas-, senón os foros de colaboración que teñan coa súa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Porque hai ou só Goberno. Non lles arrendo a ganancia do que parece un desleal dobre xogo.

A curiosa dimisión do arcebispo
(Andoliña martes 9 xaneiro)
Resulta curiosa a nova da dimisión do arcebispo de Varsovia pola súa colaboración coa policía no réxime comunista. Curiosa primeiro polas formas: Stanislaw Wielgus aproveitou a propia cerimonia do que ía ser a súa entronización para anunciar a súa dimisión, que contrariaba ó Vaticano: sen dúbida un escenario enchoupado dun gran dramatismo e patetismo para moitos dos fieis presentes (que magnífico guión se aínda vivise Fellini!).
E curiosa tamén no seu significado. A Igrexa católica, tan poderosa en Polonia, representou un papel protagonista na resistencia nacionalista contra o comunismo: a inmensa maioría da poboación, católica nun 90 por cento, viviu a chegada do sistema comunista como unha imposición da Unión Soviética, responsable de dividir en varias ocasións o propio estado polaco en función dos seus intereses. Pero a Igrexa, sobre todo nas súas xerarquías, soubo tamén adaptarse: como fixo en todas partes. En España a Igrexa apoiou outro tipo de totalitarismo, pero trala morte de Franco ninguén creou maiores problemas coa lexitimidade dos seus bispos: aquí monseñor Stanislaw Wielgus podería ser un arcebispo “demócrata de toda a vida”. l
8 ene 2007
Los alimentos corporalesOutro amable lector (O levantador de minas), nun comentario a un post moi recente, aludía a este poema de Carlos Marzal. Que paga a pena, creo, transcribir tamén aquí:
Llamar amor a lo que tú y yo hacemos
es cometer una sensiblería
indigna de nosotros, que aún somos amantes.
Eso es mejor que lo hagan los demás,
aquellos que precisan aguar un vino fuerte.
Lo nuestro es un fenómeno distinto,
sin ningún circunloqui, sin grumos literarios.
Se manifiesta en el arrasamiento
recíproco. Consiste en una prospección
para obtener placer y para darlo,
un hurto generoso que se ofrece egoísta.
Es un trabajo en las calderas
de nuestra intimidad, un primitivo
cerco en torno al castillo de la vida.
La carne se alimenta de la carne,
de su mutuo veneno jubiloso.
Lo que hacemos tú y yo no es el amor.
A no ser que se entienda por ello un sacrificio
donde nos ofrecemos a los dioses suicidas
que habitan en el pozo de nuestra propia sangre.
Para nombrarlo habría que incurrir
en palabras que algunos consideran obscenas,
aunque la obscenidad tampoco lo define,
porque no pretendemos aleccionar a nadie
ni sobre el impudor, ni sobre la virtud.
Lo que mejor explica, sin agotarla nunca,
la bárbara pureza del deseo recíproco
es una cacería de animales
y el hartazgo feliz en que se sacian,
con los ojos cerrados contra el tiempo,
en el avaro éxtasis de su feroz banquete.
Para la bestia octópoda que engendramos tú y yo,
son una estupidez los términos pacíficos,
un triste deshonor en la batalla.
No hacemos el amor, desvalijamos
con codicia nocturna en la casa del cuerpo.
Pobre Rosalía...!! Un amable lector e tamén amigo mándame esta foto, publicada en La Voz de Galicia, na edición de Lugo (sección Fotodenuncia) e que corresponde ó día posterior á noite de Reis, creo. Aínda que a calidade da reproducción non é excelsa pódese ver ben que nesa praza de Lugo algúns mozos seica liberan de cando en vez o seu aparato urinario, sen importarlles demasiado que a música dos seus fluídos vaia topar coa faciana de Rosalía. Xa sabiamos que neste país había pouco respecto polos nosos símbolos. Pero isto!! Supera todo o concebible.
(La Región 8 xaneiro 2007)
Para os primeiros romanos, o cómputo dos meses empezaba en marzo e por iso a primeira estación do ano é a primavera e tamén por iso o zodíaco comeza co signo de Aries. Foi Numa Pompilio, o segundo rei lexendario de Roma, que viviu sete séculos antes de Cristo, o que estableceu o calendario sagrado que nós herdamos e que empezaba co mes de Ianuarius, o noso xaneiro, dedicado ó deus Ianus. Este era o protector das portas (ianua), dos tránsitos e dos inicios: o nacer do día, o nacer da civilización, da agricultura e da linguaxe. Tamén era invocado polos mozos cando entraban na idade adulta.
A este Ianus representábano os artistas con dúas caras, confrontadas, dobre faciana sempre omnipresente, sempre ambigua e enigmática. Podía, xa que logo, mirar todo o existente: cara atrás e cara adiante, no interior e no exterior, metaforicamente tamén o pasado e o futuro. Era, dalgún xeito, posuidor da clarividencia absoluta, por iso lle fai dicir Ovidio en Os Fastos: “Calquera que sexan as cousas que os teus ollos te fan ver, ceo, mar, nube, terra, son o meu dominio e quedan na miña man. O meu oficio é gardar o amplo mundo”.
Disque este deus tiña un templo no que as portas debían estar sempre abertas cando había guerra, porque só se pechaban cando se establecía a Paz. Agardemos que este Ianuarius 2007, e tamén todos os que veñan logo, pechen para sempre esa maldita porta que abre os corazóns dos poderosos á barbarie tan arcaica e miserable da guerra.
Rubém Fonseca: consellos a un escritor
Rubém Fonseca é un dos grandes nomes da literatura brasileira de hoxe, autor da novela “O caso Morel” e de libros de relatos sempre vivos e descarnados como “O cobrador” ou “Feliz ano novo”. Eu cheguei ata el da man do amigo Bieito Iglesias, novelista que o ten entre os seus preferidos de vello. Hai varios anos, nunha homenaxe que recibía en Guadalajara, México, o autor brasileiro, nun coloquio cos lectores, deu cinco consellos a todos aqueles que soñan con ser algún día escritores. Foron estes os consellos. Primeiro, “saber ler”, entender e comprender o que se le. Segundo, ser unha persoa atenta, estar motivado. Terceiro, paciencia, acumular moita paciencia. Cuarto, ter imaxinación. E quinto, ter coraxe, valentía, o valor necesario para dicir o que non pode ser dito. Para dicir o que ninguén quere escoitar. E aínda engadía que o escritor é un subversivo, porque non pode aceptar ningunha convención artística, ideolóxica ou moral. Chegados aquí, enténdense xa as dificultades coas que se debe afrontar o feito literario, se se quere facer sen frivolidades, co desexo de crear algo poderoso, quizais algo que poida permanecer para sempre como arte literaria.
Todo isto non debe levar a ninguén ó pesimismo. Estou seguro que a vocación de calquera futurible escritor pode superar todos estes obstáculos: porque ese posible autor sabe tamén que a verdadeira vida, a vida descuberta e iluminada, dito por Marcel Proust, é a literatura.
7 ene 2007

Metal pesado
Descubro a poesía de Carlos Marzal (Valencia, 1961), un dos máis relevantes poetas españois novos de hoxe, Premio Nacional de Poesía polo libro “Metales pesados”. Nun seu poema evoca as máxicas gotas de mercurio que se multiplican ó rachar un termómetro nun día de febre infantil. Paga a pena reproducir o magnífico remate deste texto (“Metal pesado”):
“En un sentido estricto, cada cual / es obra de un sinfín de multiplicaciones, / de errores de la especie, de conquistas / contra la oscuridad. Un individuo/ es en su anonimato una obra de arte, / un atávico mapa del tesoro/ tatuado en la piel de las genealogías / y que lleva hasta él mismo a sangre y fuego. / No hay nada que no hayamos recibido / ni nada que no demos en herencia. / Existe una razón para sentir orgullo / en mitad de esta fiebre que no acaba /.Somos custodios de un metal pesado, / lujosas gotas de mercurio amante.”
(Pan por Pan 7 xaneiro. Imaxe de M.C.Escher)


Cen anos de Historia Cultural
1949: o suplemento cultural de La Noche
Aparece o suplemento cultural dos sábados de La Noche
Nace en Pontevedra a colección Benito Soto de poesía
En Lugo nace a revista Xistral da man de Luís Pimentel e Ánxel Xohán
Publican libros autores como Ramón Cabanillas, Luz Pozo Garza, Pura Vázquez, Rey Romero, Rey Soto, etc. sae a Poesía inglesa e francesa vertida ó galego, de Plácido Rodríguez Castro, Lois Tobío e Delhado Gurriarán.
En Ourense conmemórase o centenario do nacemento de Valentín Lamas Carvajal.
Isaac Díaz Pardo e dous socios máis poñen en marcha Cerámicas do Castro.
Honrábase o 50 aniversario de Xoán Montes
O pintor Manuel Colmeiro instálabase en París e facía amizade con Picasso.
Nacía Bibliófilos Galegos e o Ballet Rey de Viana.
Morrían Eladio Rodríguez González e Luís Manteiga.
Nacían Xoán Ignacio Taibo, Xesús Rábade Paredes, Antonio Simón, F. Fariña Busto, Manuel Moldes, X.L. Barreiro Rivas, Xosé Lois González Vázquez ("O Carrabouxo") e un moi longo etc.
VELAQUÍ O ARTIGO COMPLETO.
(Nas imaxes Xosé María Álvarez Blázquez e a portada dun poemario de Emilio Negreira na colección Benito Soto de Pontevedra)
6 ene 2007

A ORIXE DO MUNDO (1)
Aló por 1866, o pintor Gustave Courbet pintou un cadro misterioso, que permaneceu oculto durante moitos anos, titulado “El origen del mundo”. O artista francés rompía así un tabú que pesou sobre a humanidade durante milenios: por primeira vez abordaba a representación do sexo feminino sen ningún tipo de pudores nin estilizacións, na súa carnalidade máis pura. Con ese mesmo título, Juan Abad publicou na editorial Hiperión (2004), unha antoloxía de poesía erótica universal que toma o sexo feminino tamén como cerna do pulo creador dun amplo abano de poetas entre os que os escritores españois e os sudamericanos teñen un relevo moi particular.
Anota Juan Abad que este tema foi tabú non só nas artes plásticas, senón tamén en boa parte da poesía clásica grecolatina, agás en textos groseiros e despectivos que o antólogo prefiriu rexeitar. O que se ofrece, agás o “Concurso de Pubis” do poeta grego Rufino, parte da poesía popular española e do barroco ata a nosa contemporaneidade. Entre eles, moitas xoias de todos os tempos e lugares. Como “A gruta de Cac Co”, da poetisa vietnamita do século XIX Ho Xuan Huong: diríase que a autora só quería describir o misterioso cadro de Courbet.
Conmove todo o que existe
A vizosidade de imaxes que o mundo feminino foi quen de xerar na historia da literatura ocupouse tamén dos seus máis fondos misterios: a escolma de Juan Abad “El origen del mundo” ofrécenos valiosas pistas ao respecto. Cando menos nas letras en castelán, desde o cancioneiro popular ata hoxe, os poetas optaron preferentemente por unha imaxinería procedente da natureza e da paisaxe: “rosa bermeja”, “pluriabierta rosa”, “bosque”, “fruta vedada”, “fruta más sabrosa”, “coral y rubí partido”, “valle sin arar”, “jardín”, “pradico verde” que arela ser trillado, a orquídea de Pierre Louÿs, etc. Como nesta simpática copla popular: “Cuanto más chiquitica,/ madre, la rosa,/ cuanto más chiquitica,/ más olorosa”.
Hai algo de misoxinia en Góngora cando canta as virtudes dese cofre “chico y bien encorado/ y le abre cualquier llave/ con tal que primero pague”. Quevedo pensou nun braseiro e nunha muller humilde que se dirixe fachendosa a un conde: “Pues sople este tizón vueseñoría”. Mallarmé falou da “concha marina” e Claudio Rodríguez da “caverna del resplandor”. E de Rubén Darío son estes poderosos versos: “Pues la rosa sexual/ al entreabrirse/ conmueve todo lo que existe,/ con su efluvio carnal/ y con su enigma espiritual”.
Metáforas cultas e populares
No seu estudo sobre “O sexo na poesía popular” (1995), Xosé R. Mariño Ferro esculca nas múltiples imaxes poéticas creadas arredor do sexo femenino. Algunhas delas coinciden coas que xa vimos na obra dos poetas cultos; outras, en cambio, semellan moi vencelladas ás súas raíces galegas: o ourizo da castaña, por exemplo, e símbolos animalizados como a lebre, a rata ou o coello: “Debaixo da miña cama/ teño o coiro dun conexo,/ e ti debaixo da túa/ tes o vello colgarexo”. Pero quizais sexan máis universais do que eu penso: na escolma de Juan Abad encontro estes versos de Apollinaire: “Coñezo eu outro coelliño/ ao que quixera coller viviño…”.
Poetas e artistas de todos os tempos compartiron metáforas e por iso Théophile Gautier rexeita nun poema a tradición pictórica que refugou o vello do pube, ao tempo que fai a gabanza de Tiziano cando rachan este tabú: “Tú, sólo tú, viejo divino,/ sabes, bajo una mano breve,/ ensortijar el musgo leve/ que alfombra el monte venusino”.
Tamén nisto somos debedores da mirada dos artistas. Afírmao solemne o poeta Fernando Aramburu: “As pinacotecas ensinan que a muller só está de verdade/ espida cando abre as pernas”.
(Imaxe: A lección de guitarra, de Balthus, 1934)
Courbet, regressus ad uterum
Cando eu estudaba o bacharelato, lembro que nos falaban de Gustave Courbet no capítulo da pintura realista e lembro que a miña imaxe do xenial pintor francés non era daquela máis que a dun excelente paisaxista, pintor de castelos ás beiras dun lago, de raposos na neve e graciosos cervatos que bebían en fontes de auga clara. O seu popular cadro onde nos ofrece unha ampla vista do seu obradoiro, que nunha beiriña retrata a Baudelaire lendo, era reproducido nun daqueles volumes da infancia só na súa metade dereita, xusto antes de chegar ao espido femenino que de pé garda as costas do artista.
Era, pois, tan parcial como falsa a imaxe que se nos daba daquel Courbet gran paisaxista e retratista. Por suposto, nada sabía eu entón do cadro “A orixe do mundo” (1866), auténtica “epifanía carnal” como escribiu Carlos Reyero, pintada de encargo para o “cabinet de toilette” de Khalil- Bey, un diplomático musulmán que tivo a tela oculta durante moitos anos, como faría logo tamén o filósofo Jacques Lacan que tamén puido admirala na súa casa. Courbet pinta, si, o “regressus ad uterum”: ofrécenos así a chave simbólica para penetrar no fondo erotismo que presidiu boa parte da súa producción artística.
A subversiva mirada de Courbet
“Bon vivant”, bebedor incansable, rodeado de múltiples amantes, demócrata e republicano, de simpatías socialistas, amigo de Baudelaire e de Proudhon, tal era o xorne do pintor Gustave Courbet. Sorprende aínda hoxe o erotismo espléndido de cadros como “Mulleres dormidas”, tamén chamada “O soño” ou “Preguiza e luxuria”, unha das primeiras representacións contemporáneas dunha escea de lesbianismo; ou de figuras como “Muller cun loro”, “A hamaca” ou “Muller espida cun can”, que poden partir de referentes clásicos como Tiziano, pero non ocultan o seu carácter provocador. O mesmo aceno subversivo está en pezas como “Muller na ola” ou “A muller das medias brancas”: pintaba mulleres “desvestidas”, dixo con acerto algún crítico.
En “A fonte” vemos unha muller espida, de costas, que xoga coas mans coa auga que baixa dos montes: unha imaxe que ben podería ilustrar o recoñecido erotismo das cantigas do noso Pero Meogo. Pintor da carne e da corporalidade como enemigos da alma, definiuno Michael Fried. Avanzou liñas estéticas e modos de traballo, din outros autores, que logo chegarían á súa plenitude na abstracción e no surrealismo. Todo ese mundo estaba xa en xérmolo en Courbet.

A ORIXE DO MUNDO (3)
Máis fonda e clara que a aurora
Un dos elementos que o imaxinario popular preferiu como simbólica representación do sexo femenino foi a concha mariña. A vieira sobre a que chega á illa de Citera, tras nacer no mar, a coñecida Venus botticelliana. Disque nos primeiros séculos da historia do cristianismo, a vieira fora xa símbolo da luz solar e da resurrección e con ese sentido aparece como trono de Cristo nalgunhas igrexas españolas de Mérida e Toledo. De volta ao simbolismo venusiano, Ivan Miziara, poeta e médico brasileiro, ten un fermoso poema titulado “A concha” que remata así: “Na concha/ rubra/ busco/ a pérola/ úmida/ ardente/ que me faz/ ser/ quem sou”.
E do “Oratório do corpo”, de Fernando Mendes Vianna, collo prestados uns versos que semellan lembrar de novo “A orixe do mundo” de Courbet: “Crê no teu corpo, confia no teu corpo, no corpo do homem,/ no corpo da mulher./ Crê no corpo como na única ponte entre os homens;/ e que acima do rio variável e enganoso da palavra, / a carne seja como um gesto em perene dádiva./ O corpo é mais antigo e belo do que a Cova de Altamira,/ e a gruta do útero pode ser mais funda e clara/ do que uma aurora que se abrisse no fundo da terra”.
(Imaxe: A onda, de Bouguereau)

1956, CRISE DO MODELO COMUNISTA
(Andoliña 6 xaneiro)
Afírmase a cotío que a caída do “socialismo realmente existente”, isto é, dos réximes chamados comunistas, prodúcese en 1989, cando se derruba o Muro de Berlín e cae polo seu propio peso todo o sistema político e económico erguido dende 1917. Pero en realidade, di Eric Hobsbwawm na súa autobiografía, o sistema estaba xa derrotado moitos anos antes: o derrube xa fora anunciado en febreiro de 1956 cando no XX Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética Jruschev realizou unha denuncia inflexible da figura de Stalin e da súa política, incluída a represión brutal da etapa estalinista.
Foi unha hora amarga para os militantes dos PCs de todo o mundo. Hobsbwawm mantivo a militancia no partido, dende posicións críticas, máis que nada por orgullo e por non ser confundido con outros intelectuais anticomunistas. Desa crise sairon os movementos da Nova Esquerda, con intelectuais de relevo como E.P. Thompson ou Perry Anderson. A Revolución de Outubro xenerou o movemento comunista mundial e o XX Congreso destruíuno, conclúe o historiador británico. Trala desestalinización veu moi logo a desestabilización dos países satélites nas décadas seguintes. A caída do muro foi só o punto final.
5 ene 2007

Chagall e o comunismo.
(Pan por Pan, 5 xaneiro)
A Revolución de Outubro seduciu a milleiros de persoas Europa adiante e en parte de Latinoamérica: así, fundáronse Partidos Comunistas, clonados do modelo bolchevique, por todas partes. Eric Hobsbawm foi un dos moitos intelectuais brillantes que se sumaron ó novo engado revolucionario, no seu caso sendo case un neno. Pero houbo tamén desercións notables.
Por exemplo, o pintor Chagall, nomeado Comisario de Belas Artes en Vitebsk da man de Anatoli Lunatcharcski, designado este directamente por Lenin como director do Ministerio de Cultura. Moi cedo arrefriou o entusiasmo comunista de Chagall, porque a súa arte respiraba creación e fantasía inasimilables polo dogma: por que pintas vacas verdes, preguntábanlle? De Chagall é esta magnífica cita: “A Revolución (bolchevique) podería ser unha gran cousa, se mantivese o respecto polo que é diferente”.
(Nota: este breve texto, que sae hoxe en La Región, naceu nun meu comentario deste blog. En calquera caso, é unha magnífica excusa para colgar outra das marabillas de Chagall).
4 ene 2007

Carautas
artigo de Bieito Iglesias
(En El Correo Gallego, 4 xaneiro 2006. Na foto o actor con Hylary Swank en Million Dollar Baby)
Por algún motivo que se me escapa, Clint Eastwood, cineasta excelente e digno sucesor do período clásico da sétima arte (dos John Ford, Howard Hawks, etc), ten mala imprensa en certos ambientes pouco cinéfilos. Unha compañeira de traballo nova explicoume que non lle gusta porque –sendo vellote– se fai acompañar nos filmes de mociñas en sazón. Creo que o equívoco xorde a partir de Million dollar baby, onde Clint mantén unha relación paternofilial coa boxeadora que adestra, sen cinasco de lascivia. Ninguén pode acusalo de home tentado ou saído pois as súas películas acostuman ser brancas, aptas para tódolos públicos, coa excepción dun par de cintas en que se permite algunha escena explicitamente sexual, peneirada polo romantismo de calquera modo n´As pontes de Madison. O que lle censura a miña colega é a longa restra de anos; ben sabemos que a mocidade esixe heroes imberbes nas pantallas. Esoutro día, nun bar, sentín falar mal do Eastwood por outro motivo: polas doses de violencia que inclúe nas súas secuencias. Quen o criticaba era un ilustre politólogo con columna moi lida nun diario galego; talvez os seus saberes en materia cinematográfica desmerecen dos que acredita na análise de actualidades. Confunde ao Clint coas súas carautas: co pistoleiro William Munny ou Harry o Porco (entre paréntese: Harry será un castrón, pero Torrente é un memo).Contra o que afirma o tópico, as grandes películas deste xenio do celuloide –Bird, Sen perdón, Mystic river– non son maniqueas, se acaso resudan certa misantropía. No esencial, xulgo que retratan as paixóns humanas con alta fidelidade. A vida parécese máis aos seus filmes que a Disneylandia (botón de mostra: mentres escribo esta peza, comunícanme a noticia dun atentado en Barajas). Soamente é un artista, pero nunca deserta da liña de fogo.

Do fracaso patente do comunismo
Sigo coa autobiografía de Eric Hobsbawm. Militaba xa ós quince anos no comunismo, nunha organización estudantil de Berlín. O que co tempo sería un dos grandes historiadores marxistas británicos, en andaina común con Christopher Hill, E.P. Thompson, Victor Kiernan e outros, afirma en Años interesantes que aqueles meses en Berlín “fixeron de min un comunista para toda a vida, un home cuxa vida perdería o seu significado sen o proxecto político ó que se consagrou como estudante” e este era a Revolución de Outubro como grande esperanza do mundo. Así viviron o comunismo moitos intelectuais e centos de miles de persoas en toda Europa no século XX: un proxecto de vida que servía para explicar todos os riscos da realidade social. Con case 90 anos Hobsbawm recoñece que “aquel proxecto fracasou de xeito patente” e, ademais, “estaba condenado a fracasar”. Recoñece tamén os graves erros dos comunistas alemáns na República de Weimar “cando ós ollos da Internacional Comunista os socialdemócratas pasaron a ser “socialfascistas”. Coa chegada de Hitler ó poder precisamente os comunistas foron as primeiras vítimas en ingresar nos primeiros campos de concentración do Terceiro Reich. (Andoliña, 5 xaneiro, cunha nova imaxe de Chagall).
3 ene 2007
Podería, polas trazas, ser unha foto dos anos 40, pero xa sabemos que non o é. En todo caso, é un nacional-catolicismo moderno e vaticanista. Ata o xornal ABC, onde saiu a foto, destaca en titulares a "poco laicista felicitación navideña de Francisco Vázquez". A min lémbrame un pouco A familia de Carlos IV, de Goya, e creo que o exalcalde coruñés debía buscar un gran pintor que os inmortalizase para o futuro: imaxinen a cantidade de estudos que se chegarían a parir desta imaxe e dos seus significados simbólicos, ata algunha tese doutoral de seguro...
Na Viena dos anos 20Debeu ser apaixonante vivir a Viena dos anos 20, cando Eric Hobsbawm era aínda un neno e un adolescente. Era a Viena plurinacional que xuntaba figuras intelectuais como Freud e Mahler, procedentes de Moravia; Joseph Roth, da Galitzia polaca, ou Elias Canetti, chegado dende o Danubio búlgaro. Todos eles xudeus e son só algúns dos nomes que cita o historiador británico na súa autobiografía (Años interesantes). É evidente o peso da cultura xudía neses anos na Europa central, malia o forte antisemitismo histórico nesa rexión.
O caso de Hobsbawm é curioso: tamén xudeu, nunca foi practicante nin tampouco sionista. Non eran sionistas, di el mesmo, os xudeus vieneses de clase media nesa época, uns douscentos mil en Viena, o dez por cento da poboación da cidade. Pero, con todo, a súa identidade quedou moi marcada por unha anécdota coa súa nai cando o futuro historiador marxista só contaba con dez anos. Aquel neno repetiu en varias ocasións un comentario crítico arredor dun seu tío, afirmando que tiña un comportamento "tipicamente xudeu". A súa nai, que tampouco era relixiosa, replicoulle moi seria: "Nunca fagas nada, nin por asomo, que dea a impresión de que te avergoñas de ser xudeu". (Imaxe de Chagall)
2 ene 2007
Unha nova en positivo para o noso idiomaHai un par de semanas saiu á rúa De luns a venres, o primeiro gratuíto en galego no noso país, creo que da empresa do xornal El Progreso. Serán cincuenta mil exemplares en galego cada día nas sete principais cidades galegas e, ademais, gratis. Será unha nova feliz e con continuidade ou desaparecerá ós poucos meses como outras tantas? Terá algún efecto de emulación sobre os outros medios de comunicación escritos no país, tan escasos e retraídos co noso idioma (agás Galicia Hoxe, claro)?








