MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 07.04.2010
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
Fotos:La Región de Onte


É "urxente", para a cuestión da lingua no ensino, acadar un "pacto" estable, non dependente do goberno de quenda nin manipulable "política e electoralmente". O galego non se estaba a impoñer, senón que levaba anos camiñando cara á "deriva", polo que é necesario protexelo co "apoio institucional máximo". Pero en Galicia hai "xente que ten como lingua materna o galego e xente que ten o castelán", e a "liberdade de escoller" debe ser respetada. Así o cre a escritora Luisa Castro, que reflexiona sobre a lingua e moitos outros temas no seu libro Melancolía de Sofá, que acaba de editar Xerais.
"Se as persoas que teñen como lingua materna o galego rexeitan o seu idioma, non o transmiten, non o defenden, están a privar os seus fillos da posibilidade de medrar nese sentido, de aproveitar ese valor que é ser bilingües. As institucións teñen que velar polos dereitos colectivos, para que o galego sexa valorado...", engadiu.
Melancolía de Sofá recolle unha escolma de artigos publicados na prensa pola autora entre o 2000 e o 2006. Textos agromados do "subxectivo, que é o que temos", das "impresións do día a día". Froito "do momento", do vivido, do sentir ante "o que ves na rúa, o que pasa...", explicou a escritora.
"Non son artigos de opinión, de crítica da actualidade. Atopo moi arriscado, e mesmo ás veces pode ser arrogante, opinar segundo o que ves nos medios de comunicación. E eu non quero impoñerlle ao lector unha interpretación, senón facer artigos abertos.... Se teño algunha certeza é a da dúbida...", salientou.
A memoria da familia mariñeira á que pertence deixa a súa pegada en boa parte dos artigos. "Apóiome nas cousas que me dan a vida, no que me conforma", comenta. "Trato o mundo do mar con sentido do humor, pero tamén con crítica... Ademais, mentres escribía estes artigos estaba traballando nas novelas Viajes con mi padre e La segunda mujer", apuntou.
Así, fálalles aos lectores a Luisa escritora, nai, muller, responsable dunha familia monoparental, membro dunha xeración que superou os 30 anos sen acadar a estabilidade laboral, viaxeira, impactada pola falta de solidariedade e de tolerancia, pola violencia e o sufrimento humano, ás veces soa, descolocada... "Hai moitos artigos que reflicten o mundo literario, si, porque é a miña profesión. Os egos, a vaidade, afloran nisto máis que en ningún outro lugar, e sobre todo no colectivo dos poetas. Son debilidades humanas que temos todos. Nisto fago tamén autocrítica", aclarou.
Ademais, os textos foron escritos "nun momento no que volvín despois de vivir en Barcelona, e tiven que volver adaptarme a Santiago". O título do libro alude "á necesidade de sosego, de calma, de tranquilidade, nunha época na que todo corre rápido... Tirarse no sofá e ler, meditar, soñar... Falar do desalento que nos atrapa no día a día prodúceme un gran desafogo. E tamén é un xeito de fuxir da soidade na que se escribe, na máis estricta intimidade, no teu cuarto... Os artigos foron unha experiencia moi boa cos lectores, cos que tiven unha gran comunicación...", subliñou.
No medio das súas reflexións, a autora pon de relevo o que a inquieta. Como a falta de correspondencia entre "a produción artística feminina" e a súa presenza nos medios ou o seu recoñecemento a nivel de premios polas institucións, ou a "explotación laboral" que se tornou "legal", ou "o terrorismo", ou a "intransixencia relixiosa" ou "nacionalista", as "construccións ideolóxicas" que acaban sendo alicerce do "dominio" ou da explotación, en lugar de achegar algo á vida real...
"Estamos un pouco perdidos todos, mulleres e homes. Cambiou o mundo do traballo, das relacións de 20 ou 30 anos a esta parte. Para as mulleres que triunfan no seu é difícil compatibilizalo cunha vida en parella...", pensa.



Campo de Granada
El rigor leve

Nenos e novas tecnoloxías
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región:06-03-2010
Aver se me explico ben, que a cousa ten moitas reviravoltas e todos andamos nela. Por primeira vez na historia da humanidade hai hoxe unha preadolescencia e adolescencia que sabe da tecnoloxía de vangarda moito máis que os seus pais e que a maioría dos profesores. Antes un pai ensináballe a enxertar a un fillo, un xastre a cortar ao seu aprendiz, ou un obreiro da construción a facer masa ao axudante. E así, os que non querían estudar, a pesar da rebeldía propia da adolescencia, eran conscientes da xerarquía de coñecementos e desexaban ter canto antes un oco laboral no que empezar a aprender cousas que lle habían ser, pensaban, máis útiles e rendibles na vida que o que se lles pegaba dun contexto escolar que non os seducía. Integrábanse na sociedade polo traballo. A outra vía. ¡Ah! Pero isto era antes. Agora, a explosión da microtecnoloxía comunicativa e de ocio nun momento de bonanza económica, fixo chegar ás familias un universo de aparellos –sobre todo telefonía, cámaras, ordenadores, MP3, Ipod, Game Boy, Play Station, Wii, DVDs- cos que, sen dúbida, están máis familiarizados os máis novos da casa.
Os que aprenderon de nenos esa linguaxe botón que tanta gracia nos facía ao principio (Mira que riquiña, anda co chupete e xa sabe pór películas no video) agora colleron o mando non só do televisor senón, a pouco que os deixemos, da casa toda. ¿E como foi a cousa? Unha conxunción de moitos elementos. Por unha banda o lixo televisivo situou ao espectador de chupete –tipo Maggie Simpson- ante a realidade de que unha vez dominada a palabra aínda que sexa a niveis primitivos, todo o emitido por calquera boca ten validez semellante e relativa apoiada na desfachatez e na xesticulación como elementos argumentativos básicos. Xa pode un Nobel dicir que a Lúa é un satélite da Terra, que un tertuliano guaperas e simpático lle pode contestar tan pancho: “Eso te parece a ti, viejo, pero yo sé que es un queso”, todos rin e a continuación, votación democrática: os que crean que é un satélite que chamen ao número X e os do queixo a Z. Gañá o queixo, claro.
Por tamén, ese xa natural dominio da linguaxe botón que aprenderon sós, con proba-erro, fai que nos elementos menos espabilados deles, se cuestione a posibilidade de aprender algo de quen non fale con soltura esa linguaxe. Simplemente, ¿que podo aprender eu deste burro (pai, profesor...) que nin sabe baixar música do Emule ou co Aris? ¿Ou desta ignorante (avoa, nai, profesora) que nin sabe mandar mensaxes polo móbil? E crearon un mundo blindado -aquí o Tuenti- no que se “ciberrelacionan” para ben e para mal. Para ben por varias cousas e para mal por moitísimas que sabemos ou tememos. E aquí, digo, é obriga dos pais saber con quen andan seus fillos –na rúa e no ciberespazo- e é necesidade dos pais actualizárense tecnoloxicamente para poder exercer de pais tamén nese novos mundos. Evidentemente no ensino existe preocupación e todos tratamos de impedir que se fagan gravacións indebidas nos colexios e fomentamos a boa realación entre os estudantes. Pero se ligan, rifan, ou se insultan ás dúas, tres ou catro da mañá desde os seus dormitorios interconectados no ciberespazo, xa lles é cousa bastante fóra do noso control. Pero non debía ser do seu, señor pai, señora nai. Non debía ser.
Nanina SantosRosa tabernaria
ANXO TARRÍO VARELA
Galicia Hoxe, 03.03.2010
Un cronista serio e competente non debería abundar sobre as parvadas emitidas, antes ou despois, e ás veces de xeito continuado, polos políticos, mesmo polos máis ecuánimes ou que nos parecen máis respectábeis. Parvadas como a que enunciou a experta en explotación oportunista de estereotipos imagolóxicos, Rosa Díez, para CNN+ ao comparar Zapatero cun "gallego, en el sentido más peyorativo del término". Pero como un servidor non entra nesas clasificacións de cronistas responsábeis vai dicir o que lle peta. En certo modo, debería preocuparnos, non só aos galegos senón a todo aquel que se precie da súa condición de persoa con criterio, o feito de que alguén que pretende dirixir o goberno do Estado se comporte monoloxicamente nas súas declaracións públicas como un berrador tabernario, no sentido máis pexorativo do termo, empregando clixés e estereotipos que só se comprenden na dialéctica da indixencia cultural característica en que se moven os discutidores vociferantes dos luns futboleiros.
É de coñecemento case común que o estereotipo equival a unha fórmula lingüística ou ideolóxica de carácter arbitrario que funciona como unha expresión banal e escasamente significativa pero que, debido ao uso frecuente, se converteu nun discurso tópico e pouco evocador e se identifica como marca dun individuo ou dunha comunidade cultural, aínda que a miúdo o seu emprego repetido se relacione, sobre todo, coas clases populares. Así, a aparición na literatura de personaxes altamente tipificados, cun rol actancial ríxido, preestablecido, a carón de esquemas narrativos reiterados incide na afirmación da existencia dun modelo social único e inmutable. A este respecto, pódese citar como exemplo o estereotipo do indiano ou emigrante próspero retornado, que a miúdo aparece na literatura galega e castelá. No entanto, é tamén posíbel un emprego distanciado do estereotipo, isto é, un emprego irónico ou mesmo paródico mediante o cal se intenta concienciar o lector ou espectador da situación ideolóxica dominante no momento. Non foi esa a intención de Rosa Díez, que máis ben parece ter integradas no seu entramado ideolóxico, escasamente intelectual, as imaxes do catalán tacaño, o vasco frontal e bruto, o andaluz cantamañáns, o madrileño chulo, etc.
Dende a imagoloxía, o estereotipo concíbese como certa clase particular de imaxe, definida pola unha difusión ampla e pola monosemia. A súa creación responde a un proceso de xeneralización, de confusión entre o accidental e o esencial, entre a norma (moral ou social) e o discurso, entre a natureza (o ser) e a cultura (o facer). Deste xeito, a mirada que o suxeito cultural proxecta sobre o Outro depende dunha concepción monolítica, apriorística, e revela, xa que logo, unha cultura tautolóxica, repetitiva, allea a toda aproximación crítica e tendente á exclusividade esencialista e discriminatoria. Na cultura oral, o coñecemento, unha vez adquirido, debe repetirse constantemente para evitar que se perda; isto explica a necesidade da existencia de fórmulas fixas. E Rosa Díez intúe que repetindo estes clixés faise máis patente a suposta rotura de España e a necesidade dun neocentralismo ao que ela aspira fervorosamente, porque non se pode admitir que o Alcorcón, panda de paletos alfareiros sen sentido de Estado, lle meta 4-0 ao Real Madrid.

Pegerto Saavedra: “O despoboamento do interior é o noso principal problema’’
EN 1750 Galicia tiña o 13 por cento da poboación de España e hoxe anda no 6%; tiña máis habitantes que Cataluña, e hoxe Cataluña ten case o triplo que Galicia
LUIS POUSA, Galicia Hoxe, 27.02.2010
Pegerto Saavedra Fernández (A Fonsagrada, parroquia do Freixo, 1951; casado: unha filla; catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; premio extraordinario de licenciatura en Historia e premio extraordinario de doutoramento) foi Premio da Crítica, na categoría de Ensaio, en 1993 polo libro A vida cotiá en Galicia, e en 1998, compartido cos outros autores, polo tomo I da Historia da Universidade de Santiago.
Por que se produce o cambio demográfico en Galicia?
En 1750 Galicia tiña o 13 por cento da poboación de España e hoxe anda no 6%; tiña máis habitantes que Cataluña, e hoxe Cataluña ten case o triplo que Galicia. Mentres a densidade de poboación dependeu fundamentalmente do sistema agrario, o peso demográfico de Galicia foi moi importante. Cando se acelerou a industrialización e a urbanización en España, Galicia quedou desfasada, empezou a emigración e, con iso, a perda de peso demográfico. Hoxe, se miramos a pirámide de poboación, a situación do que pode pasar no futuro case é dramática.
Por que?
O problema non é só a perda de peso demográfico, é a falta de dinamismo da poboación moi envellecida. No XVIII a poboación menor de 16 anos superaba a maior de 50 anos.
A taxa de fecundidade era moi alta?
Iso é un tópico. Na literatura do Século de Ouro e do XVIII, hai moitas opinións que din que as galegas eran dunha prodixiosa fecundidade. Porén, a fecundidade das parellas non era moi elevada, e había bastantes fillos fóra do matrimonio. O que ocorría é que as taxas de supervivencia eran superiores. Daquela, a mortalidade infantil ata os 7 anos era escandalosa en toda Europa e había sitios que era do 50 por cento, mentres que en Galicia era dun terzo.
Nesa época a que idade casaban as mulleres galegas?
A maioría, despois dos 25 anos. Eran matrimonios tardíos. Despois, entre un fillo e o seguinte transcorrían case dous anos, porque as mulleres traballaban moito. Todo iso facía que as parellas non fosen moi fecundas.
Por que Galicia tiña mellores tasas de supervivencia infantil?
Probablemente por razóns medioambientais e climáticas, e porque se ben era un país de campesiños pobres, esa pobreza, que non miseria, estaba bastante repartida. Era desigual, pero non tan desigual como noutros sitios, e iso permitíalle ter unha esperanza de vida ao nacer superior ás doutras zonas.
Que explica que no país houbera tantos fillos de solteira?
Se un mira os bautizos nos libros parroquiais, ve que hai unha proporción elevada de fillos de solteira. Un pouco antes do 1800 esa proporción aumenta. No 1850 o 15 % dos nacidos en Galicia eran fillos de solteira. Iso xa non é un fenómeno sociolóxico, é un fenómeno demográfico, pois en Galicia a evolución da poboación no se pode facer sen contar cos fillos de solteira. Na maioría dos casos, a solteira que tiña un fillo non casaba.
Cales son as razóns diso?
Nunha sociedade na que o matrimonio é tardío, a posibilidade de que haxa fillos de solteira é maior. Despois hai un elevado celibato masculino e feminino, pero sobre todo feminino. Cada vez hai máis mulleres que non casan, e unha das razóns que alegan para ter fillos de solteiras é garantir o amparo para a vellez. É dicir, hai casos nos que os fillos de solteira non son froito do desexo sexual e do desenvolvemento dunha mentalidade laica. Daquela non había Seguridade Social e nesas circunstancias a vellez sen fillos era especialmente grave para as mulleres. O Padre Sarmiento conta o chiste de que unha muller galega "que estaba en congreso cun home", é dicir, que estaba de palique, para que lle fixese un fillo, lle suplicaba que llo fixese coas pernas ben longas porque o quería para tecedor. Iso dá unha idea de que a sociedade admitía a muller con fillo de solteira, non a consideraba deshonesta, salvo que tivese moitos fillos con moitos homes.
No asentamento da poboación sobre o territorio está presente o concepto de comarca?
Na época moderna, a palabra que emprega a xente para referirse ao que hoxe sería comarca é a de país. País é aquel territorio que ten unhas características, unhas producións, un cultivos, unhas prácticas agrarias, un clima, etc., parecidos. Dentro de Galicia hai unha valoración distinta dun país a outro, que se fai tamén en termos de civilidade, así se di, os daquel país son máis brutos que nós. Pero non hai unha definición comarcal estrita. A comarca é contemporánea e prodúcese nunhas circunstancias mui cambiantes. No antigo réxime, o elemento que articulaba a poboación era a parroquia, a aldea. Galicia tiña 30.000 aldeas, e ese número modificouse pouco, o que modificou moito foi a poboación. A parroquia é naquel tempo o ámbito que mellor articula a poboación non só no aspecto relixioso, tamén no aspecto social, incluso o Estado tende a servirse da parroquia para efectos de información. Hoxe no interior de Galicia xa só quedan parroquias de mortos.
O interior vai esmorecendo?
O principal problema de Galicia é o despoboamento do interior. A costa está a medrar, e o interior despobóase e desertízase. Iso provoca desequilibrios intraterritoriais moi graves que afectan á conservación do territorio e á calidade de vidas das persoas.
Na idade moderna parte da produción agraria vai destinada ao mercado?
A idea de que había unha economía de autoconsumo e o campesiño non vendía nin compraba nada é bastante falsa. Producir o suficiente para non depender do mercado só está ao alcance dunha minoría. Nesa época, especialmente no XVIII, as familias cada vez teñen un maior contacto co mercado, porque necesitan comprar e vender. Ese contacto prodúcese non necesariamente cos produtos agrarios; prodúcese vendendo lenzos; prodúcese coa emigración estacional, na medida en que os milleiros de persoas que van a Castela e a Portugal a segar participan do mercado da man de obra; prodúcese cada vez máis coa venda de gando. A evidencia de que na Galicia do XVIII hai moito contacto co mercado a dá o feito de que se triplica o número de feiras. Estas feiras son rurais e se fan incluso en descampados. As fortunas dalgunhas cabezas de concellos actuais veñen desas feiras: Fonsagrada, Monterroso, Valadouro, A Estrada, O Carballiño. Por outra parte, as explotacións campesiñas estaban cargadas de rendas para pagar –foros, décimos e outras–, en teoría en especie, pero na práctica moito pagábase en diñeiro, o que mercantilizaba a economía campesiña.
E que pasa co viño galego?
O mercado máis especializado era o do viño, sobre todo nos vales do Miño, Sil e Arnoia. No XVIII vendíase moito viño para o Cantábrico, Inglaterra e Francia. Logo ese mercado é copado polo viño de Rioxa, e o mercado do viño galego queda reducido a Galicia. Hai unha gran polémica, e o cóengo compostelán Pedro Antonio Sánchez escribe unha memoria sobre a necesidade de facer navegable o viño co fin de abaratar o seu prezo.
Por que se produce a crise da industria téxtil galega?
En 1800, Galicia tiña catro sectores de transformación moi importantes. O téxtil, coa fabricación de lenzos para vender fóra, máis ben en Castela pero tamén en América; a pesca; os coiros, Santiago case era a capital de España dos coiros no XIX, estaba rodeada de fábricas , pero tamén está Noia, Ferrol, Allariz; e o ferro, cuxas fundicións están situadas na parte oriental de Galicia –O Courel, Quiroga, e algo en dirección a Suarna–. Deses catro sectores só superviviu a pesca, que se modernizou a finais do XIX coa salgadura, a conserva e a construción naval. Pero o téxtil, que daba moito emprego porque se traballaba nas casas campesiñas, desaparece cara a 1830-1840 como sector dedicado á exportación, ao non poder competir co algodón inglés nin co catalán. Iso analizouno moi ben Xan Carmona. É un sector moi espallado, non está coordinado nin protexido por ninguén que favorecese a súa homoxeneidade na produción e a súa competividade. E queda unha produción para o consumo doméstico.
Que interpretación cómpre darlle ó que sucedeu con Sargadelos e Raimundo Antonio Ibáñez?
Os problemas que tivo Sargadelos evidencian os conflitos que creaba unha fábrica tan grande nun contexto agrario. Esta industria, que se instalou con moita oposición do clero e de sectores rentistas, así como dos campesiños, provoca unha oposición interclasista. Os sectores privilexiados ven con malos ollos un tipo de actividade que quita a xente da labranza, paga salarios e supón unha forma de vida alternativa á do produtor de rendas. Tamén está o feito de que Ibáñez é un home poderoso, e o clero e a fidalguía non están afeitos a que lles fagan a competencia. A fábrica de Sargadelos funcionaba cunha serie de privilexios, algúns case de tipo militar, pois empezou fabricando municións. Eses privilexios incluían acoutar os montes, obrigar os labregos a facer carrexos de mineral, e prendelos se non os acataban. Iso provocou grandes tensións que acabaron explosionando no asalto ás fábricas o 30 de abril de 1798.
É tamén un conflito de intereses económicos?
Os ataques ás fábricas veñen tamén provocados polos trastornos que sofren miles de campesiños na súa vida cotiá. Para a economía dun campesiño, que lle rompa un carro ou que un boi rompa unha pata neses carrexos é algo dramático. Hai unha reacción por egoísmo dos grupos privilexiados, e unha reacción de supervivencia no caso dos campesiños. Probablemente, a morte de Ibáñez o 2 de febreiro de 1809 sexa o último episodio daquel motín. Pero eses ataques non provocaron alarma na Audiencia, pois estaba con quen movía os amotinados.
Que papel debe cumprir a Cidade da Cultura de Santiago?
A Cidade da Cultura ten que ser a cabeceira da infraestrutura cultural de Galicia que sirva para coordinar, centralizar e informar, así como manter servizos que non existan, non para duplicar os que xa existen. A Cidade da Cultura pode ter unha rendibilidade inmaterial para o país. Hai outras infraestruturas máis custosas en marcha que non sabemos o que depararán.

PAN E COITELO
Series
“El Correo Gallego”:26-2-2010
BIETO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR
Afonso Monxardín escribiu hai pouco no blogue de Marcos Valcárcel (As uvas na solaina) un artigo pándigo no que relacionaba a polémica lingüística actual cunha serie de tv da nosa adolescencia. Acórdanos ben aquel submarino de Viaxe ao fondo do mar que safaba dos perigos cando o capitán outeaba o panorama co periscopio e berraba: "Inmersión!, inmersión!". Eu seguía estas aventuras no bar Capador do Ribeiriño, único provisto de televisor no meu arrabaldo, ignorando que esa palabra se convertería en maldita varias décadas despois, cando algúns esforzados galeguistas quixeron impedir o naufraxio do idioma vernáculo e excitaron as iras dos que xogan aos submarinos co galego e desexarían velo tocado e afundido. Monxardín inaugura destarte un novo método de análise que axiña se estudará nas aulas de ciencias políticas. Sería interesante, por exemplo, rabuñar a cara de Abel Caballero, por ver se leva unha carauta como os axentes de Misión imposible, superposta ao verdadeiro rostro de Paco Vázquez. Tamén non sobraría observar se o dedo maimiño de Jesús Vázquez, Feijóo e compañía ten xogo e dobra polos cotobelos ou ben se permanece teso como o paidetodos de Aznar facendo a "peineta" e como o d´Os invasores, aqueles alieníxenas que usurpaban a aparencia terrícola e que tanto medo nos puñan aos raparigos teleadictos de outrora. Cómpre tomar moi a serio ao amigo Afonso, que xa fixo achegas fundamentais en temas tan espiñentos como o da cachucha do porco, establecendo con argumentos incontestables a superioridade do dente, máis sabedeiro que a orella. Agradecémoslle que pechase para sempre esta querela que dividía aos galaicos desde tempo inmemorial e que nos crispaba aínda máis que as tirapuxas entre Coruña e Vigo, direita contra esquerda ou galeguismo versus españolismo. Escusado é engadir que son ardido partidario do dente (así do fuciño como das faces) e da inmersión lingüística na lingua de Rosalía.

Máis vale paxaro en man
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región:23-02-2010
Creo que a versión máis rara do refrán que escoitei dicía “Máis vale paxaro en man que un cento de bocadillos de calamares das Galerías Centrales nos pratos doutros”. Que en paz descansen, por certo. Iso que, se cadra, viña tamén moi ao conto esoutro proverbio machista e cinexético –con ambas intencións entrelazadas o escoitei dicir eu- que sinalaba que “De lagartixa para arriba, todo é caza maior”.
Pero fóra bromas, o máis acaído ao tema que nos ocupará é aquel de “Máis vale unha mala avenza –ou acordo- que un bo preito”. Pero tampouco estou moi de acordo, porque, creo eu, que o Estado ceda a planta nobre do Banco de España para usos culturais municipais sexa, nin por asomo, un mal acordo. É máis, se cadra é mellor que a cesión do espazo todo. Porque así, sen proxecto de conxunto moído e remoído por técnicos, sen cadros de persoal específico, sen deseño de estruturas de funcionamento e circuítos, e tamén en tempos de crise e endebedamento como os actuais, é máis fácil comezar cunha xestión máis reducida e logo xa veremos. Se cadra si.
O que creo que convén é arrimar o ombro ao goberno da cidade personalizado nas xestións feitas polo alcalde. É fácil, de balde e inútil, poñerse moi esquisitos e repunantes. Que sexa gratis. Que nolo dean xa restaurado. Que nos paguen polo tempo que o usaron. Que nos paguen o cadro de persoal para o manter. Que lle fagan un heliporto na cima… Estou seguro que sendo todos os nosos concelleiros mamíferos, polo tanto seres fondamente territoriais aínda que non mexen nas esquinas –que se saiba dos actuais- teñen todos un sentido do local suficientemente desenvolvido como para desexar que canto máis paguen os de “fóra” e canto menos nos custe a “nós”, mellor que mellor. Nesta simpleza creo que estarán de acordo os tres grupos e outros tres que houbera. Por iso hai que deixar de pór paus entre os radios da roda e contribuír a que avance agora que parece que algo se vai mover. Porque faga quen o faga agora, xestione quen o xestione, teñen todos xa ben gañada a súa ración de culpa por non o ter feito antes. Uns e outros. Os alcaldes do PP e do PSOE. Os conselleiros e concelleiros de cultura do BNG e do PP. Os ministros do PP e do PSOE. Ou sexa que con discreción, fagan algo eficaz canto antes. Ás veces, si, ensaríllanse as cousas e non hai que lle facer. Só que os cidadáns lles reclamemos unidade e traballo.
Porque xa chega ben que teñan o eixo atuado na lama da historia política os edificios do Cárcere vello -25 anos-, do Museo Arqueolóxico -10 anos-, de San Francisco –xa nin sei- e agora, tamén, seica, o edifico da Fundación Caixa Galicia na Alameda de arriba. Disque hai problemas de cartos na Caixa. En fin, unha felicidade que haxa algo de luz para o Banco de España que aínda queda moita leira ás escuras para traballar nela.