5 mar 2009


Miradas Alleas (e VI)
MARCOS VALCÁRCEL
andoliña 4-3-09

Comentei na pasada semana os diferentes volumes da serie Miradas Alleas, publicada pola Xunta de Galicia. Faltaba dar conta do libro Borges dende o labirinto galego, encargado ó profesor Claudio Rodríguez Fer, autor de diversos traballos sobre o escritor arxentino, que foi sempre unha referencia viva tamén na literatura do lugués.Co mesmo título do libro publícase unha conferencia de Rodríguez Fer do ano 1999 cun seguimento detallado das conexións galegas de Borges: a súa ascendencia portuguesa, a súa presenza en Alfar e a da súa irmá Norah Borges nas revistas de vangarda galegas, a súa admiración por Rosalía, as súas relacións con Eugenio Montes, Blanco Amor, Seoane, Dieste, Francisco Luís Bernárdez, Valente, etc. Inclúense palabras de gabanza para Primitivo Rodríguez Sanjurjo, que segue totalmente esquecido, e detalles da súa visita a Compostela en 1964, acompañado de María Esther Vázquez, onde tivo como anfitrión a Ramón Piñeiro.

Un segundo ensaio do mesmo autor, Borges: escepticismo e fantasía, afonda nas claves da súa literatura. Algunhas delas, como o escepticismo esencial e o cultivo do xénero fantástico, achegan o mundo borgeano a riscos ben definidos da nosa personalidade cultural.
Os 300.000
BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR, ECG. 5-3-09

Albert Boadella, canso de que no Principado trunfe sempre o catalanismo, pasou a morar alén dos Pireneus (sospeito que reside máis en Madrid que no Midi) e escribiu unha nota de despedida titulada "Adiós a Cataluña". Algúns amigos meus, que me chamaron consternados o domingo á noite, tamén andan a escribir o seu "Abur a Galiza", aínda que por motivos de índole profisional ou familiar non pasen a vivir de momento no norte de Portugal. Quedaron mancados non tanto polo resultado electoral como por unha campaña mediática que chegou a cultivar pérolas nacaradas: "Este país non pode ser refén de 300.000 nacionalistas". Querse dicir que o Bloque, na súa versión máis descafeinada (tanto que causou a decepción das súas bases), mobilizou os anticorpos dunha sociedade que non tolera veleidades galeguistas. Os apestados, que xa somos menos desde o reconto de papeletas, quizais debamos coller o andante. Apenas se notaría, despois de todo aquí os votantes desaparecen en masa nun cuadrienio sen que ninguén repare na falta. En 2005 había censadas 2.616.081 persoas e antonte tiñan direito a voto 2.311.584. Faltan trescentos mil, que non pereceron coa peste negra nin protagonizaron un éxodo repentino a outras partes de España; imaxino que foron expurgados do censo de residentes ausentes porque xa estaban mortos, como mortas están as máis das estrelas que divisamos no firmamento. Este dato explica o suposto incremento da participación, que non foi tal, de facto houbo incluso menos votos desta volta, aínda que aumentase a porcentaxe porque borraron os electores fantasmas.

A redución do censo é un recordatorio do declinio demográfico. Hai certa lóxica poética no feito de que os galegos se extingan canda as palabras da tribo e como as cotrolas que cantaban (co-to-lí, co-to-lí) sobrevoando as restrebas nas tardiñas veraneiras de antes.

3 mar 2009


Pedagoxía política
aFONSO Monxardín, g.h.-3-3-09. Debuxo de R. Patiño.

Un día, hai para aí vinte anos ou así, comezaba eu unha visita ao Parlamento británico cando unha vella desas de gafas picudas e plástico na cabeza para a chuvia se achegou onda un bedel e pediulle que lle fose chamar o deputado do seu distrito, que non sei que lle tiña que dicir. Entrementres nós subimos ao poleiro a tempo de ver como o subalterno entraba e libraba dun crispado discurso do reverendo Ian Presley a un deputado daqueles que estaban apertadiños nun escano e que parecía a espera do médico en día de feira en vila pequena. Aos dez minutos xa nós cheos de espectáculo, baixamos. E alí estaba a boa da señora rifando co seu representante, aceando co dedo índice, mentres el aturaba impasible, sentados ambos nun banquiño á entrada da sala.
Como anglófilo confeso pareceume preciosa e entrañable esa proximidade entre a rúa e o poder. Proximidade si, pero iso non quere dicir darlle a razón sempre á xente, demagoxicamente, pois ás veces a opinión pública convértese só nun perigo público. Como cando se mesturan sangue e sentimentos. Digamos o caso do asasinato da parella de gays de Vigo onde a opinión pública en forma de xurado público absolveu o inabsolvible. É preciso xulgar desde a lei e non desde os sentimentos, ideas e prexuízos. Para iso lles pagamos a profesionais. Non quero eu esa responsabilidade. E nos últimos tempos vexo os nosos políticos coxeando do pé de querer congratularse sempre coa xente que máis sae ou berra nos medios de comunicación.
Falemos claro. Coa dor das persoas debemos ser solidarios e punto. Pois temos a seguranza de que o puro sufrimento non é fonte inmaculada de sabedoría. Así, os pais das nenas asasinadas en episodios macabros non teñen por que ser recibidos polos presidentes de nacións. Esas persoas despois desas experiencias traumáticas desexan, loxica e humanamente aínda que non o digan, vinganza. Queren cambiar leis movidos só pola dor e esgazamento íntimo e non por coñecementos forenses. E non señores. Non pode ser. Que falen, que se desafoguen cos amigos, coa familia, -ou cos deputados provinciais se queren-, pero os presidentes dos estados non deben de andar ás cousas das dores íntimas e de circos mediáticos.
Hai que educar á opinión pública para facela máis responsable, máis esixente co poder, e non darlle a razón sempre e tratar de gobernar en función de Salsa Rosa.
Pasou o que pasou
andoliña 3-3-09
MARCOS VALCÁRCEL

É certo que esta foi a campaña máis sucia da historia da democracia en Galicia. É evidente que a dereita mediática, en Madrid e na Coruña, queimou as naves para chegar a isto. Pero o goberno bipartito non perdeu a Xunta por isto. Ou non só por isto, se prefiren.
Os máximos responsables socialistas e nacionalistas teñen que reflexionar. E escoitar máis a sociedade civil. Unhas cantas voces avisaron nos últimos tempos do desencanto de boa parte das bases sociais socialistas e nacionalistas, do impacto da crise económica fronte a unha administración demasiado distante, da incomprensión para a maioría dos votantes dunha xestión dual a costas do socio de goberno. "Mellor que mande un só, total todos van chupar", dicíame convencido un rapaz de menos de trinta anos. Ulo foi o voto xuvenil?
O peor do conto, para a xente de esquerda, é ter que aturar o nivel de interpretacións dos tertulianos das televisións. Onte mesmo, Fernando Ónega dicía que o PP en Galicia é algo así como un Partido Galeguista. Non sei se se refire ó mesmo partido que hai dúas semanas apoiaba cos seus cargos políticos unha manifestación contra a normalización do galego. Eu é que xa non lles entendo nada...
Canseira postelectoral
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 3-3-09

Quedeilles canso. Ir iría aos mitins pero daríame vergoña que me viran aplaudindo en todos e pareceríame descortesía estar alí, de estafermo, sen mover as mans, cando tanto se esforzaban uns e outros polo voto... pero tamén, aplaudirlles a todos, xa me dirán, parecería cousa dun cataventos e non é cousa. Mellor pois, non ir a ningún. Tampouco quedei canso por ir votar. Sempre é agradable saber que un ten na man un cacho do rabo da tixola. Non me gusta moito pero xa estou afeito a que che ripen o sobre da man para metéreno eles na urna... e iso que estou case seguro que certaría coa ragandixa, se me deixasen. Non me fartaron tampouco os debates da tele. Nin sequera me cansei do abouxe das megafonías pois xa non se estilan e todos podemos vivir cómodos nas casas sen que nos veñan furgar nas orellas con consignas.
Pero quedei canso de tanto esforzo ‘potencial’. Estes pedíronme que lles dese máis forza; eses lembráronme que miña forza movía o país; e aqueles lembrábanme que chegara o momento de esforzarse. Mi madriña! E como sempre, os lemas dos partidos maioritarios, radicalmente intercambiables. As vellas consignas ‘políticas’ tipo ‘A crise que a pague o capital’ ou ‘Orde e autoridade ante todo’ ou ‘Galicia ceibe, poder popular’, xa non venden. Cheiran a radical. A aceptación centrada do sistema por parte dos tres grandes fai que os xestores de propaganda política sexan tan intercambiables como os seus lemas. Vexamos. O de ‘dálle máis forza’, valía, claro, para calquera partido e incluso para unha nova marca de gasolina enriquecida, para un club de fútbol en busca de socios, para animar un boxeador en horas baixas, para a declaración da renda en favor da Igrexa Católica ou para motoserras Ojea. O de ‘a túa forza move o país’ é só constatación de que vivimos nun réxime democrático. ¡Claro que é nosa forza colectiva a que move o país! e logo quen ía ser? Tamén vale como anuncio de Caixa Galicia, de Mombús, do Banco Pastor, de Pescanova, do Citroën C-5 ou de xamóns Louriño. E de ‘Chegou o momento’, que lles vou dicir? Lembroume un camión que pon no parasol ‘Chegou o Antonio’. Pois si. Chegou o momento de: cambiar, seguir traballando, casar, divorciarse, pintar a casa, comprar un can, dos bombóns ferrero-roché; dos xelados de polo... Vale para case todo. Por iso, con lemas neutrais a xente vota con percepcións de medio percorrido, non por campañas puntuais. En fin, xa o dixera Pondal: ‘Os tempos son chegados dos bardos da idades que as nosas vaguedades cumprido fin terán’. Pois xa foi a cousa. Non lles sei como quedou pois estou escribindo en sábado. Que sexa para ben. Moitas felicidades aos gañadores e a traballar que ben cómpre e hai moito no que.

2 mar 2009

O DÍA DESPOIS



pOIS acertaron (acertamos) os que dicían que viña o lobo. Que podía volver a caverna, escribiu alguén…
Máis abaixo xa deron vostedes algunhas opinións sobre a derrota do bipartito. Tamén me parecen atinadas as de A. Baamonde e as de Suso de Toro.



Por desgraza, tamén pode ter razón Brétemas cando certifica a derrota da esquerda para toda unha xeración …

Fírgoas da cultura auriense
Marcos Valcárcel, lA región 2-3-09
Sociabilidade. O percorrido das pasadas semanas pola miña formación escolar quedaría incompleto sen facer referencia ó que se chama educación informal, aquela recibida, no meu caso entre 1968 e 1975, noutros espazos de sociabilidade cultural. Velaí o caso da Alianza Francesa, con sede no Progreso, enriba do quiosco do Clemente, nas épocas do Dr. Bravo Mateos. Alí ía a clases sendo eu neno e alí lembro ver eu documentais sobre a pintura francesas e cine galo en versión orixinal; a Alianza tamén organizaba moitas exposicións e concursos de debuxo e pintura, tamén para nenos e nos que participei. Eran os tempos ademais dos grandes torneos de xadrez no Liceo, con mestres internacionais dos países do Este: arredor dos dez anos houbo concursos de xadrez nos Maristas que eu seguía con paixón. Polas noites soñaba na cama coas xogadas das partidas, tal era entón a miña obsesión.
Misa en galego. Ás nove da mañá, na capela do Santo Cristo. Eu ía co meu pai e o meu irmán maior. A primeira misa en galego permitida era máis que unha misa. A fermosa capeliña barroca da Catedral convertíase nun templo da galeguidade. Nunca esquecerei a inmensa figura de Otero Pedrayo seguindo os oficios e de moitos outros galeguistas históricos. Rezabamos en galego e cantaba a Coral de Ruada. Máis dunha vez, eu moi novo, deixábanme subir ó carón do órgano que tocaba o fillo do mestre Vide. A capela refulxía a esas alturas e eu pasmaba mirando as Sibilas. Rematada a misa facíase, nas portas da Catedral, un breve faladoiro, cos Puga, Guitián, Monxardín, Anxo Martínez, Leuter, etc.
O meu tío Exmelin cantaba na Coral de Ruada, nos tempos do mestre e poeta Manolo de Dios, e iso permitíame ir a moitos dos seus concertos ou á fermosa Festa dos Amigos no inicio do verán.
Artistas. Tamén os domingos era bo día para acudir ás exposicións de arte. Era un costume tradicional en casa porque o meu irmán maior Félix tamén era pintor. Daquela era o Museo Arqueolóxico o centro das principais mostras e alí expuñan dende clásicos vivos como Prego de Oliver ata os artistiñas, xa ben recoñecidos, e tamén moitos novos artistas que empezaban: se a memoria non me engana, nomes como Iñaqui Basallo, Xosé Cid, Antón Pulido, Baldomero Moreiras, etc. A través do meu irmán puiden coñecer o estudo dalgúns destes artistas e familiarizarme cos seus xeitos de entender a arte.
A Agupación Cultural Auriense tivo un papel decisivo nesa educación informal e diso escribirei máis de vagar. Agora só quero lembrar que un dos meus primeiros contactos coa Auriense foi unha Festa da Árbore, no inicio da primavera, celebrada na parroquia de Velle. Escribo só de memoria. Tería que consultar o meu arquivo (agora non podo), pero de seguro andaban por alí Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo e quizais Manuel Blanco Guerra.

1 mar 2009


Retrato dunha época
Marcos Valcárcel, lA rEGIÓN 1-3-09

Ó pintor Xosé Conde Corbal debemos non só a mellor descrición en imaxes do noso patrimonio e do Ourense monumental, no volume ‘El Orense perdurable’, de Vicente Risco, senón tamén unha serie de retratos individuais e colectivos que, ensarillados entre si, dan boa conta da historia cultural contemporánea. O tempo urbano, pousado e estantío, quedou inmortalizado nos seus óleos, debuxos e gravados. Velaí esta peza súa, unha das máis coñecidas, porque está colgada na casa de María Andrea. Precisamente representa o exterior dese edificio e a Praza do Eirociño e, no primeiro plano, o faladoiro cultural auriense dos anos 50 e 60, de gran pluralidade ideolóxica.
De esquerda á dereita, participan nese conciliábulo de escritores, artistas e xornalistas, Xesús Taboada Chivite, Xoaquín Lorenzo, Xesús Ferro Couselo, Vicente Risco, o propio pintor e o xornalista Ánxel Huete.
Na primeira fila e na mesma orde, o escritor e humorista Gimeno, Leuter González Salgado, Ernesto Gómez del Valle, Antón Tovar, Arturo Baltar, Acisclo Manzano, Xosé Luís de Dios, Xaime Quesada e o crítico Luís Trabazo.

28 feb 2009

Xornada de reflexión
Quintana, seguro de si mesmo: "O PP quere destruírme, pero cando difaman o BNG avanza", di

galicia hoxe 28-2-09

"Cada vez que menten, o BNG crece. Cada vez que difaman, o BNG avanza", advertiu o cabeza de cartel nacionalistas, quen pediu ata o voto "da xente honesta de Galicia" que votou ó PPdeG e que "está escandalizada e arrepiada pola campaña de suciedade". "Pídolles o voto a todos os cidadáns de ben, ós nacionalistas e ós que non o son, ós que falan galego e ós que non", continuou e sentenciou que apela ó voto dos que "levan Galicia no corazón e que queren unha forza política propia que faga que se respecte" o país. Quintana advertiu de que Galicia "non pode ser un país falto de democracia", para o que receitou "votar BNG" mañá e garantiu que os nacionalistas están "dipostos a traballar nos momentos difíciles ó lado da xente, como sempre se caracterizou".
Xa pola noite, no último acto e co pavillón olívico ateigado de xente, Quintana sentenciou que "non chegamos ata aquí para parar" e chamoulle ó voto masivo. Parafraseando a Basilio Álvarez, o "cura amigo dos traballadores", reclamou "máis carbón" para que a "locomotora da liberdade e da democracia" arrancada hai tres anos e medio "siga camiñando".
"O 1 de marzo vai ser o auténtico Waterloo do señor Rajoy porque aquí empezou a derrota de Aznar tras o "Prestige", e aquí vai ser tamén o enterro de Rajoy"

"Quen di que en Galiza se persegue o español é un marciano"
E Beiras reapareceu no mitin derradeiro
O ex portavoz nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, que se mantivo á marxe durante toda esta campaña electoral, decidiu onte sumarse a ela para despexar calquera tipo de dúbida sobre o seu apoio ó Bloque nestas eleccións galegas. Beiras estivo no último mitin do día maratoniano de Quintana, en Vigo.
CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ
Darwin en Galicia

en galicia hoxe 28-2-09

Miradas Alleas (V)
andoliña 28-2-09
debuxo de MASKA

En abril do 2002 recibín un convite insistente de González Tosar para asistir á entrega dos IV Premios Rosalía de Castro e á cea posterior en Fonseca. O amigo Luís subliñaba: vai estar Ernesto Sabato, que naquela hora superaba xa os noventa anos. Gárdolle moito respecto ó mestre arxentino non só polas súas novelas, senón tamén por breves ensaios recollidos en volumes como Páginas de E.S. seleccionadas por el autor, da editorial Celtia. Non me puiden negar e aló fun con Afonso Monxardín para participar naquela xornada emocionada arredor dun home fráxil e fatigado, que choraba ó escoitar a música das gaitas.
Na serie Miradas Alleas, Sabato está representado polo volume Palabras para Galicia, que recolle varios textos galegos do autor, sempre coa presenza rosaliana na cabeceira e a lembranza dos emigrantes galegos. González Tosar describe con precisión aquelas xornadas do escritor en Compostela e Padrón. Víctor Freixanes evoca un encontro co mestre na súa casa de Santos Lugares e o espectáculo dun teatro arxentino a rebordar aplaudíndolle durante quince minutos.
Lorenzo Varela, grande amigo de Sabato, é coprotagonista do libro, cun estudo de Gregorio Ferreiro e os Cadernos do Tortoni (2006).

27 feb 2009

E NON PODERÍA PASAR QUE ... ?
a campaña suxa do PP, sobre todo contra o BNG, anime a moitos votantes galeguistas, desencantados e que pensaban quedar na casa, a acudir a votar por fin o domingo?
De momento, a campaña pepeira está a darlles unha visibilidade ós nacionalistas, aínda que sexa á contra, que lle negaban os grandes medios.
Así o pensa Quintana e quizais acerte nisto.
pasquín do pp
repartido onte en Celanova

6QUERES QUEOAR SEN AS TUAS FINCAS?
BANCO DE TERRAS DE GALICIA
SE GOBERNA 0 BNG EO PSOE PODENCHE QUITAR AS TUAS TERRAS
E DARLLAS A OUTROS COA EXCUSA DE QUE NON AS TRABALLAS.
SE GOBERNA 0 BNG E 0 PSOE NON PODES VENDER E MERCAR
AS TUAS FINCAS L1BREMENTE.

(...)
Quen foi falar!
BIEITO IGLESIAS, ECG. 26-2-09

O Partido Popular e os seus abouxadores altavoces mediáticos insisten en dous argumentos descualificantes: os socialistas son señoritos peraltas que gastan o demo en cadeiras e autos oficiais; e os nacionalistas son caciques que converteron as consellerías ao seu mando en axencias de colocación dos correlixionarios. Sobre os gastos suntuarios -se é certo que os houbo- levan razón en denuncialos; mágoa que non acordasen antes, cando derretían o orzamento en Mausoleos da Cultura e auditorios nos que (unha vez que se esbarrúen polo desuso) axiña cantarán os grilos. No tocante ao enchufismo dou fe de que os populares contrataban a dedo porque fun testemuña desas prácticas, tamén non poño a man no lume polos novos gobernantes sabendo que todos pertencemos á humanidade caída no Edén. Ignoro se contrataron a 60 veciños de Cartelle ou a 6, como sostén Suárez Canal. Sería ben que estas "noticias" se acompañasen de nomes e apelidos para saírmos de dúbidas. En calquera caso, se estivese no lugar dos cargos do BNG, extremaría o rigor no acceso á función pública. Poría exames que incluísen a recensión (en perfecto galego) de tantiños libros: Ada ou o ardor, Luz de agosto, O oficio de vivir, Xente ao lonxe? Suspenderían todos cantos descoñecesen as obras de Nabokov, Faulkner, Pavese ou Blanco Amor. Logo pediríalles aos aspirantes a funcionario sinopses de certos filmes. O anxo azul, Confidencias, O terceiro home, A sala de baile, Sen perdón, etc. Por último avaliaríase un comentario ecfrástico sobre determinados cadros e esculturas: Alegoría sacra de Bellini, A tempestade de Giorgione, O gálata morrente do Museo Capitolino?. A saber cantos naturais de Cartelle pasaban a proba. Quizais quedásemos sen funcionarios, pero ninguén lanzaría acusacións de clientelismo.
Estou de broma, porque acabo de ler no Diario de Jules Renard que "O humor é a hixiene moral e cotiá do espiríto"
Realismo suxo de campaña
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO, galicia hoxe 27-2-09

Xa saben vostedes que o realismo suxo é un movemento de creación literaria que propón nos seus textos unha certa sobriedade e parquidade no relativo sobretodo ao elemento descritivo, véndose a linguaxe enfiada dun xeito moi directo e descarnado, coloquial, rozando mesmo ás veces, como un efecto de expresividade artística, o indecente, o violento e o badoco ou indelicado. E velaí, por exemplo, o escritor cubano Pedro J. Gutiérrez, que non dubida en titular un dos seus contos Yo, revolcador de mierda, ou o mestre Charles Bukowski, autor de obras tituladas Fuck Machine ou Erections, Ejaculations, Exhibitions and general tales of ordinary madness. Pois ben, salvándomos adecuadamente as distancias e sobretodo por parte dalgúns dos seus protagonistas, a campaña electoral que hoxe remata moi ben poderiamos situala dentro da estética do realismo suxo. E do realismo suxo, por suposto, de baixa ou ínfima calidade; con expresións directas, si, mais ateigado dunha violencia expresiva baseada no infundio, na patraña, na argallada, no engano e na mentira. Con razón dixo Quintana, sen irmos máis lonxe, que o líder do PPdeG "está a facer a campaña máis suxa e rastreira que se recorda na historia política deste país". E até o presidente Touriño, que cualificou ao aspirante do PPdeG de "aprendiz de brujo", acaba de pedirlles aos cidadáns galegos que lle dean as costas a Feijóo pola súa "campaña suxa", xa que "quen non pode facer unha campaña limpa non pode gobernar de forma limpa Galicia". Xulguen vostedes mesmos. Porque o certo é que esta campaña electoral que hoxe remata pasará á historia, sen dúbida, polo seu realismo suxo de trazos extraordinariamente túzaros e grotescos, onde se baixou mesmo á difamación e onde os insultos á intelixencia dos electores brillaron coma nunca. E pobres os cidadáns galegos, que se ven sometidos a visitas de políticos de fóra, que falan dos problemas de fóra e que só pensan en si mesmos -mercaderes do voto- condenando a Galicia a ser unha simple e ás veces vulgar anécdota.

Miradas Alleas (IV)
MARCOS VALCÁRCEL
and0liña 27-2-09

No ano 1973, centenario do nacemento de Azorín, Xesús Alonso Montero publicou, na luguesa editorial Celta, unha colectánea de textos do escritor alacantino titulada Rosalía de Castro y otros motivos gallegos. Sobre esa base, revisada e ampliada, aparece agora Galicia (Paisajes, gentes, carácter, costumbres, escritores...), unha nova recolleita de textos azorinianos, preparada e introducida por Alonso Montero na serie Miradas Alleas, da Xunta de Galicia.
Só polos seus numerosos textos rosalianos, Azorín xa ten un lugar de honra nos galegófilos de orixe foránea. Ante o silencio ou o desprezo de tantas voces, Azorín reivindicou a nosa autora como un dos grandes poetas do seu tempo e amosou o seu respecto e admiración tamén por Manuel Murguía. No libro hai moito máis: a visión da paisaxe galega, dende os textos de Rosalía, dona Emilia Pardo Bazán e Valle Inclán; o seu entusiasmo pola música popular galega; palabras agarimosas para Lamas Carvajal; a súa exaltación da coroza, etc.
Moi oportuna esta volta sobre as páxinas de Azorín, ese filósofo do pequeno que mantén toda a elegancia da súa prosa, como ben subliñaron Vargas Llosa, Pere Gimferrer ou o noso Casares.

26 feb 2009


CAMILO NOGUEIRA
LUGAR DOS ROMANZINHOS
Desde o areal de Estorde
Escrito para o libro de homenaxe a Marcos Valcárcel


Desde o areal de Estorde onde Marcos, María e a súa filla Eire viven días do verán, par de Sardiñeiro, logo do estenso areal de Lagosteira avánzase cara a Fisterra e o mar aberto. Chegando ao Cabo contémplase a ría de Corcubión, o monte Pindo ao que convén subir para aquelar Galiza, a carón da Fervenza do Xallas en Ézaro, chegando as aguas xalleiras da planicie ondulada de Santa Comba, regando o secreto Mazaricos. Non se farta un de ollar a praia de Carnota, dividida pola Boca do Río, continuada por Lariño, antes do Louro e Muros, baixo o alto das Paxareiras e as terras debruzadas por Valadares e Suevos na ría da Noia do Tambre. Non lonxe a vista pode chegar ao Pico Sagro na terra de Santiago, e para alén os longos vales do Ulla e do Deza e desde a vista dos nevados picos do cordal oriental, cima de Ponferrada.
Desde o onde acababa o mundo vese a Curota dos cabalos no Barbanza, co Río Pedras desabando cara á Arousa da Illa e enxérgase no horizonte o milagre de Corrubedo coa praia do Vilar. A mirada préndesa na Sálvora de Vilagarcía, a Lanzada e a península do Grove, as Ons de Pontevedra e as Cíes entre a Costa de Soavela e Baiona, nos montes da Groba, terra dos petróglifos, nas alturas do condado de Toroño, riba dunha costa atlántica granítica, no meio Oia, como a da irlandesa Galway, entre o baixo Miño e a ría de Vigo e de San Simón. Desde o Monte da Alba e o Galiñeiro camiño de Tui, albíscase o cabo fisterrán. O curso miñoto xorde potente e calmo baixo o castro de Santa Tegra, alí como outra Ría Baixa. Vén o río do Ourense de Ramón Otero Pedrayo, depois de definir a Terra Chá e Lugo e antes de percorrer Arbo, Melgaço, Salvaterra, Monção, Tui, Valença, Tomiño, Vilanova de Cerveira, Caminha, A Guarda. Desde o Tegra a vista alóngáse a Moledo, Viana do Castelo, Vila do Conde. Viana é acariñada polo Limia de Xinzo, Entrimo e o Lindoso, bordeando polo Sur a Peneda de Castro Leboreiro, antes de Ponte da Barca e Ponte de Lima.
Tornando ao Cabo do mundo, mirando cara a Inglaterra, alén do Centolo e o San Guillerme, fronte ao Océano veñen a praia de Mar de Fóra e a Arnela. Camiñando polo areal de Rostro, envoltos pola natureza, no verán ou no inverno, con sol ou con chuva, co balbordo das ondas que baten sen parada, está Lires co río Castro e Nemiña, antes de Touriñán que discute a Fisterra a proximidade a América. Depois chega a Costa da Morte máis calada e asombrosa, Viseu, Moreira e Cuño antes de Muxía, Camariñas, o Cemiterio dos Ingleses, Trece subindo o areal até o cume do monte, Santa Mariña, o grande areal de Trava, Laxe, Ponteceso do Anllóns, Corme, as Torres de Mens e Ponta Nariga, Malpica e as solitarias Sisargas, para arribar á grandeza areosa de Razo e Baldaio en Carballo, perto de Caión, o mar ártabro coa Coruña da Torre, a ría de Ares do Eume e o cabo Prior onda Ferrol, antes de Cedeira e a Vixía Herbeira no alto cantil europeu do Ortegal, a ría de Cariño e Ortigueira, Estaca de Vares, O Barqueiro e desde o monte as Ribeiras do Sor, Vicedo, Viveiro e o Landro, Xove, Burela, Foz, San Martiño de Mondoñedo, as praias da Mariña e o Eo entre Ribadeo e A Veiga. Detrás ficaron As Pontes, Vilalba, Ferreira de Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, a Rañadoira, o Xistral.
O Cuiña ou o Mustallar nos Montes de Cervantes deixan adiviñar os cursos do Ancares e o Burbia baixando para Vilafranca do Bierzo, Pedrafita caendo o Navia antes de tornar por Becerreá camiño do mar, recollendo o Suarna de Fonsagrada e bordeando os Oscos, o Caurel e o destemido Lor, Trevinca co Tera abaixándose pola bacia glaciar en procura do Esla e dos arribes do Douro, Valdeorras e o Bibei do Sil, as Portelas e o Tuela baixando por Ermisende.
Fronte aos altos da Ribeira Sacra, entre Nogueira de Ramuín e mis os soutos de Santa Cristina, xorde Monforte e toda a Terra de Lemos cruzada polo Cabe desde o Incio das castiñeiras.
Desde Manzaneda o horizonte montañento das serras de Monte- sinhos, a Coroa, Larouco, o Xurés. O Arnoia de San Mamede, por Maceda, Baños de Molgas, Allariz, Celanova, achegándose ao Rio Pai.
De Ribadavia, cara ó Condado, a Serra do Suido enfrontando a Peneda, e collendo a vía do Ávia até o río virar á esquerda para a serra, ao Carballiño, o pazo de Trasalba, Oseira e desde alí as aguas do Bubal uníndose nos Peares.
Antes, en Monterrei, o Támega de Verín, Chaves e Amarante para deitarse no Douro de Lamego e Porto. É subindo cara ó norte, como na Ponte Romana todo é Minho.
Un mundo.
Extraído de vieiros.com, 26-2-09 (Galicia Hoxe)

Miradas Alleas (III)
andoliña 26-2-99
MARCOS VALCÁRCEL

Outro dos volumes da colección Miradas Alleas ocúpase de Julio Cortázar e Aurora Bernárdez, baixo o título Un (re)encontro con Galicia. Como é sabido, en decembro do 2005 Aurora Bernárdez, primeira muller do narrador arxentino, dooulle a Galicia un valioso fondo documental e audiovisual relacionado co escritor, que hoxe custodia o CGAI: o propio presidente da Xunta relembra no libro aquel suceso.
Sobre as relacións de Cortázar con Galicia xa escribiran Fernando Salgado e Francisco X. Fernández Naval. Neste volume fano Fernando Salgado, Nélida Piñón, Rocío San Claudio Santa Cruz e Camilo Franco, que entrevista a Francisco Porrúa, o editor galego do mestre arxentino. O volume está cheo de datos sobre o Cortázar destetado como escritor polos exiliados galegos, Seoane, Lorenzo Varela, Dieste e Arturo Cuadrado. Tamén sobre as súas viaxes a Galicia e as cartas que as describen: fermosísima esa imaxe en que o mestre di descubrir o misterio dos cancioneiros ó pé do pai Miño.
Todo o libro é ademais unha homenaxe ben merecida a Aurora Bernárdez, filla de masidaos e tan xenerosa co país. As imaxes publicadas fan do volume unha xoia para todos os cronopios do mundo

25 feb 2009

DE LETRAS E DE SIGNOS
Follas de limoeiro fritidas
POR ANXO TARRÍO VARELA, galicia hoxe 25-2-09

Adoitaba dicir Carlos Casares que para ter certo éxito ou suceso nisto de escribir columnas de xornalismo literario, á parte, naturalmente, de se manexar estilisticamente con algunha frescura e habelencia, cómpre non tocar nunca estes temas: política, relixión e sexo. A actualidade, no entanto, ponnos aos columnistas moi difícil driblar, quero dicir, canear por entre eses asuntos sen tocalos un chisco. Porque, imos ver, estamos no vórtice da campaña electoral e o cronista non pode pasar asubiando e mirar para outro lado, cando o certo é que a feira dos votos o tenta a cada intre a se pronunciar contra todo ese mercadeo onde do que menos se fala é das necesidades da cidadanía e moito das miserias dos políticos e das políticas, que deixan o campo de xogo cheo de detritos e inservíbel para o estabelecemento dun terreo de diálogo intelixente, dunha ágora civilizada, produtiva, creativa e lista para o progreso.
O da relixión tamén é asunto difícil de esquivar, pois entre outras intromisións das relixións na vida civil e laica, que tanto recordan o nacional-catolicismo dos corenta anos de marras, aparécennos agora os autobuses ateos e deístas disparándose anatemas e dogmas entre eles, cando o agnóstico cronista ten que se situar equidistante para poder manter unha certa coherencia, malia sospeitar que este negocio do universo pode estar rexido por un equipo de investigación ben cualificado e autofinanciado, quérese dicir sen subvencións de I+D+i nin pendente de índices de impacto, ao que decote se lle escapa o control das esferas parar amolarnos aos terráqueos e vai ti saber a cantos trillóns de seres intelixentes que andarán rolando a cen mil mi- llóns de anos luz procurando unha explicación a tanto misterio.
O do sexo sería quizais, a estas alturas, o máis doado de evitar, pero, claro, con Penélope Cruz a gañar un Oscar, algún pensamento se desvía sempre, quéirase ou non, e o cronista ten que disimular indiferenza diante da parroquia.
Polo tanto, o mellor, xa que estamos en pleno entroido, será falar de algo que, cando estaba a pensar na escritura desta columna, veu tocar o meu padal como unha epifanía. Trátase dunha fritura de sobremesa da que decote oín falar na contorna familiar pero que non recordo tela probado nunca até agora. Son as follas de limoeiro fritidas (case lle copio o título a Jon Avnet), consistentes nunha masa ou amoado semellante en todo ao das filloas ou das "flores" (que tamén teñen o seu aquel), co que se impregnan as follas de limoeiro para as meter a fritir en aceite ben quente. O resultado é excelente, e para este cronista, que non é nada lambón, foi todo un descubrimento, até o punto de que coloca esta arte de sobremesa no primeiro posto dos gustos de entroido, só por detrás do cocido e das filloas. Leo na arañeira que é un "postre típico murciano". Seica se chaman por alí paparajotes. Se as fan vostedes, que lles aproveiten! pero non lles coman as follas do limoeiro, só a fritura. De nada

Miradas Alleas (II)
andoliña 25-2-09

Lembro ben a Carlos Casares pronunciando en Auria, nun acto de inauguración de curso da Universidade de Vigo, a conferencia Hemingway en Galicia. Era un dos seus escritores favoritos e un dos temas do que lle encantaba falar. De feito, repetiu esa charla en varios lugares de Galicia e foi ampliando datos ata publicar un libro ben gorentoso con esta temática na Editorial Galaxia. Agora ese libro é reeditado na colección Miradas Alleas, da Xunta de Galicia, cun texto complementario de Carlos G. Reigosa.

É fascinante percorrer o periplo de relacións galegas do Nobel norteamericano, que incluíu personaxes galegas nas súas novelas e contos, dende a Pilar de Por quen dobran as campás? ata os cregos que lembran as andanzas agraristas de Basilio Álvarez.As opinións de Hemingway sobre os galegos son diversas, ás veces considerados como brutos ignorantes ou desprezados por ser unha cultura allea ó mundo dos touros.

Pero, como di Casares, o escritor fíxose inmortal logo pola épica do mar, reflectida en O vello e o mar e Casares sostiña, sobre textos do Nobel, que esa visión puido nacer vendo o esforzo heroico dos nosos mariñeiros na ría de Vigo.