20 mar 2006


Martes 21 marzo, Día Mundial da Poesía: recital poético no Liceo ourensán arredor do libro-escolma de Fran Alonso, Poetízate.
Non todos os días se xuntan trinta mozos e mozas a recitar poesía. Por iso tomeime a liberdade de poñer aquí os seus nomes e os dos poetas aos que lles van poñer voz.

Un detalle importante: a maioría dos poemas foron escollidos polos propios alumnos e alumnas.

Instituto de Celanova
Iria Méndez Rodríguez: "Xan", de Rosalía de Castro
"No máis fondo", de Ramón Cabanillas
Uxía Vázquez Rodríguez : "Cunetas", de Luís Pimentel
"Daquelas que cantan", de Rosalía de Castro
Arancha Álvarez Rivera: "Por qué miña almiña?", de Rosalía de Castro, e "Sós", de Manuel Antonio

Instituto de As Lagoas
Sabrina Amoeiro Nogueiras: "Taberna" e "Lúa", de Luís Amado Carballo
Patricia Alvarez López: "Definición", "Nunha cena de amigos", de Aquilino Iglesia Alvariño
Elena González González: "Con auga de sede vella", de Alvaro Cunqueiro
Elena Glez Glez/ Gabriel Gavela: "O pozo que non hai", de Alvaro Cunqueiro
Gabriel Gavela González: "Deitado frente ao mar", de Celso Emilio Ferreiro
Gema Pérez Lorenzo: "Marzo, 1972", de Celso Emilio Ferreiro
Celia Parra Díaz: "As pontes", de Pura Vázquez

Instituto Eduardo Blanco Amor
Patricia Gómez Salgado: "Envellecer", de Ana Mª Fernández
Nuria González Nóvoa: "As copias do rexistro", de Marilar Aleixandre
Laura Figueiredo Araujo: "Lapidadas", de Marica Campo
Anxela Crespo Fernández: "Lingua que rexeitaron os meus pais", de Antón Tovar
"Reclamo a liberdade pro meu pobo", de Mendez Ferrín
Instituto de A Carballeira
Marta García Vázquez: "Os mitos adoptan posturas de tipos duros", de Miro Villar
Diego Álvarez Casal Amada: "Labro versos para ti sen sosego", de Miro Villar
Jacobo González Padreda: "Cuspe", de Antón Lopo
Jorge Vázquez Escudero: "Como algodón (o corpo) no contacto esponxoso", de Miro Villar
Laura Blanco: "Os líquidos íntimos", de Olga Novo
Sandra Campos: "Soa", de Antía Otero

Instituto Xesús Ferro Couselo
Alba Cid Fernández (Lerá poemas propios)
Judit Rodríguez Rodríguez
Sandra Vázquez Cañoto
Silvia Cid López
Tamén recitarán Teresa Devesa, da Sección de Literatura do Liceo; a profesora Carme Lorenzo e o poeta Fran Alonso, que pechará o recital.
Teresa Devesa: "Diario dun poeta cidadán", de Ramiro Fonte e "Ás veces digo amor", de Pilar Pallarés.

19 mar 2006



Tivo Franco apoio popular?
Na Alemaña dos últimos anos hai un debate moi vivo, potenciado por algúns historiadores, sobre as complicidades pasivas e activas de moitos cidadáns alemáns con Hitler e o nazismo: sabían os alemáns o que pasaba? beneficiáronse algúns ou moitos alemáns do sucedido e do expolio aos xudeus? Os historiadores din que si.
Téñome feito a mesma pregunta respecto a España e Franco. O mércores pasado estivo en Vigo Carme Molinero, historiadora, par falar do franquismo e das súas políticas sociais. Da crónica que publicou F.Franco no Faro (falou no Clube Faro de Vigo) fago este resume esquemático:
1. Franco combinou a represión cunha política de captación e adhesión das masas por medio dun discurso social e dunha retórica populista.
2. Un réxime que dura 40 anos non pode sobrevivir sen un forte apoio popular.
3. Nos discursos de Franco a política social ten unha alta presenza como argumento recurrente.
4. Dirixentes do réxime como Serrano Súñer e Girón de Velasco eran conscientes dun feito: tras aniquilar o movemento obreiro da República, o réxime necesitaba unha retórica e unha proposta alternativa que o lexitimase no mundo social. Os medios de comunicación colaboraron con esta retórica, uns polas boas e outros porque non lles quedaba máis remedio.
5. Neste contexto hai que considerar as políticas de Girón no Ministerio de Traballo, o Seguro Obrigatorio de Enfermidade (por primeira vez tiveron a percepción dunha seguridade cara o futuro, antes non había nada), a Organización Sindical e a súa Obra do Fogar (unha política de vivenda que construiu realmente pouco, pero que se soubo vender cunha vistosidade evidente).
6. A exaltación do asistencialismo foi un excelente vehículo de propaganda ao servizo do imaxinario franquista.
Con estas ideas sobre a mesa, a pregunta é: tivo o réxime de Franco un forte apoio popular? As masivas manifestacións da Praza de Oriente e as colas ante o seu cadaleito foronun espellismo ou respondían a unha realidade social? Queda algo de todo iso no substrato do noso tecido social?
(Na imaxe, o asasino retratado por Luís Seoane en Trece estampas de la traición, Buenos Aires-Montevideo, 1937, reeditado por Ed.do Castro).

O miragre da música
(Pan por Pan, 19 marzo 2006)
Escoito na radio (“Pioneros”, en Radio 3) unha canción mítica da miña mocidade, “Michelle, ma belle”, a popular balada dos Beatles. Lennon e McCartney querían cantar en francés, parcialmente, di o locutor, e inspiráronse en Nina Simone, dato que descoñecía e que recollo con entusiasmo, porque é unha das miñas cantantes de culto. O programa evoca tempos que están ben lonxe, pero a música salta o valado das crueis cronoloxías e permítenos regresar, sequera por uns minutos, a aquel punto perdido do horizonte do pasado. Nin a literatura nin as artes plásticas, con todo o seu poder expresivo, posúen esa velocidade para transmitir sentimentos e resucitar lembranzas: o labor xenial dun escritor ou dun pintor sempre demanda unha mínima reflexión intelectual. A música pola contra atrapa nun pulo vertixinoso eses fíos invisíbeis da memoria, dun xeito case instintivo e incontrolábel. Ese é o seu milagre.

18 mar 2006


A POESÍA NON MORDE
O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía e os ourensáns amantes das letras teñen, como todos os anos, unha cita no Liceo, ás 17,30 h., para asistir á presentación e recital poético arredor do libro "Poetízate" de Fran Alonso (publicado por Ed. Xerais). Estarán connosco o autor desta excelente escolma poética e o editor Manuel Bragado. Pero os protagonistas da xornada serán os mozos e mozas dos institutos ourensáns que recitarán poemas de escritores galegos de todos os tempos, dende Rosalía de Castro e Manuel Antonio ata Olga Novo e Antía Otero. Participarán nesta nova xeira da Sección de Literatura do Liceo ourensán alumnos e alumnas dos Institutos de As Lagoas, Eduardo Blanco Amor, A Carballeira, Xesús Ferro Couselo e Celanova, ademais de Teresa Devesa e outras persoas.
Para animar e convidar a todos os interesados neste faladoiro (acompañado, como sempre, do tradicional café con pastas), reproduzo unha parte do interesante limiar deste libro-escolma, do autor, tamén poeta, Fran Alonso.
Se pensas que a poesía é un xénero difícil, direiche que estás equivocado, que hai poemas complexos como tamén hai poemas moi doados de entender. O certo é que canto máis poesía se lea, mellor se comprende, porque para estar en forma coa poesía, como no deporte, precisamos adestramento. (…) Ademais, non creo que ninguén teña que obsesionarse con entender a poesía. O importante, dígocho de verdade, non entendela senón gozala, sentila e, en todo caso, intuíla. Ademais, os lectores tamén temos un papel activo nos libros e cada un interpretamos o que se di en función da nosa sensibilidade e das nosas circunstancias. Non hai verdades absolutas; moito menos na literatura. Así que o fundamental non é comprender o que se nos di senón sentir o ritmo do poema, a súa sonoridade, os xogos de palabras que ás veces nos deslumbran, as fascinantes imaxes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Facer da poesía un pracer, en definitiva.

Unha sabia decisión sobre as Burgas
(Andoliña sábado 18 marzo 2006)

Supoño que a moitos lectores lles pasaría o mesmo que a min cando leron as novas que onte traían os xornais sobre as Burgas. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, declarou Ben de Interese Cultural (BIC) ese recinto, o que durante 20 meses paralizará algúns proxectos á espera dun plan especial para garantir a protección patrimonial de toda a zona, isto é, un proxectado Hotel Balneario que xa empezou moi mal e algunha idea perdida sobre o vello cárcere do Progreso que nunca se concretou con prazos e financiamento.
Eu pensei: E logo non eran xa as Burgas un Ben de Interese Cultural? Pero en que mundo vivimos? As raíces romanas da nosa cidade, o hábitat que foi crisol cultural da nosa historia ao longo dos séculos, o humus literario que enchoupou a escrita de Lamas Carvajal, Álvarez de Nóvoa ou Blanco Amor… O noso sinal de identidade no mundo: a cidade das augas quentes. Hai uns meses levamos un bo susto cando as Burgas deixaron de botar o seu caudal: iso non volverá pasar.
As cousas hai que facelas ben (a empresa Xardín das Burgas xa deu probas de que ese non é o seu caso). Ben por Cultura e a súa conselleira, Ánxela Bugallo, e ben por esta prudente decisión!
(Imaxe: postal antiga das Burgas, como as coñeceían un Lamas Carvajal xa velliño ou Blanco Amor aínda neno).

17 mar 2006


Vila de Calvos de Randín: Cuevillas e Xoaquín Lorenzo
(ANDOLIÑA venres 17 de marzo)

No ano 2004 celebrouse o Día das Letras Galegas dedicado a don Xoaquín Lorenzo e insistimos daquela na necesidade de reeditar algunhas das súas obras máis esquecidas. Un ano e medio despois o Museo do Pobo Galego e outras institucións publicaron, en edición facsímile, os volumes Vila de Calvos de Randín (1930), de don Xoaquín e don Florentino Cuevillas (cun limiar de Xosé Carlos Sierra nesta reedición), e Parroquia de Velle (1936), obra conxunta de Cuevillas, Xoaquín Lorenzo e Vicente Fernández Hermida. Son obras que pretendían, na liña dos traballos de Seminario de Estudos Galegos, ofrecer unha visión global da realidade galega: a súa prehistoria, xeografía, etnografía, folclore e literatura popular, socioloxía, etc.
Mesmo o lector non especializado encontrará datos ben curiosos: por exemplo, no volume de Calvos de Randín, os autores gaban a tolerancia relixiosa cos pastores evanxelistas no partido de Bande e condenan a blasfemia que, engadían, os campesiños sempre fan en castelán. E xa denuncian as formas foráneas que "pouco a pouco van matando a nosa enxebre arquitectura rural", desde os chalés suízos ás varandas americanistas: o que hoxe chamamos feísmo urbanístico.
(Foto: Florentino Cuevillas e Vicente Risco no castro de Sam Cibrán de Las)

16 mar 2006


Santiago Carrillo: "Cando tiña 5 anos, en Asturias, e non tiña conciencia política, cando me chamaban galego, sentíame insultado".
Estivo Carrillo en Auria, convidado polo Foro La Región. O salón de Caixanova a sobardar de xente, a metade tivo que quedar fóra. Un militante de IU ao meu carón, todo cabreado: logo nas eleccións non sacamos nin 400 votos, nin nos votan os que están aquí. Cousas da sociedade mediática, sen dúbida. O público era moi diverso, por idades (bastante xente nova, cousa rara nestes actos) e por ideoloxías (cargos políticos do PSOE, antigos militantes de esquerda revolucionaria, cadros nacionalistas da CIG, incluído o líder provincial Etelvino Blanco; ninguén coñecido do PP).
Carrillo falou da situación política actual. Non dixo grandes cousas novas, pero o público respostou con entusiasmo e aplausos convencidos, como nos touros. Fala sosegado, de vagariño, moi seguro do que di. Dálle moita caña ao PP, á xerarquía eclesiástica e sobre todo a Aznar: faino a el en persoa responsábel de romper o consenso e o clima democrático dende a aperta das Azores e a guerra de Iraq. Defende nidiamente que España é un Estado plurinacional e así debe ser recoñecido: di que no espírito da Constitución é o mesmo falar de nacións que de nacionalidades.
Tamén foi moi contundente na defensa de Cataluña contra todos os estereotipos e os ataques da dereita e de parte dos baróns autonómicos socialistas (é Cataluña a que aporta financiación extra ao resto do Estado e non ao revés, como se nos quere dicir). Fala contra os prexuízos e lembra a imaxe que tiñan os galegos non hai moitos anos: humildes, pobres, avaros... El mesmo en Asturias de neno, con cinco anos e sen conciencia política, lembra: "cuando me llamaban gallego, me sentía insultado, así era en aquellos tiempos". Fai fincapé na necesidade de recoñecer esa pluralidade nacional e as diferentes forzas políticas que a representan: os nacionalismos periféricos. Engade: algúns baróns do PSOE están tolos cando falan de cambiar a lei para eliminar do Parlamento os nacionalismos periféricos, existen e deben estar aí.
Defende a Zapatero nas súas políticas con ETA e aposta por "Paz por presos", así de claro. Ata semella sentir certa nostalxia por Fraga, di que cando menos tiña máis "sentido político" que a maioría dos que hoxe dirixen o PP, a dereita que califica de antidemocrática. Ante unha pregunta no coloquio, tamén defende a liberdade de expresión para todos, incluso para personaxes como Pío Moa ou César Vidal, demagogos con carisma de historiadores: "para min só son uns golfos" di Carrillo e engade que sempre estivo convencido de que Pío Moa era un confidente da policía de Conesa no Grapo. (Na imaxe, Carrillo cando novo).

ANDOLIÑA xoves 16 marzo
F. AYALA, DA REALIDADE E DA IMAXINACIÓN

Hoxe cumpre 100 anos o escritor granadino Francisco Ayala García-Duarte. O mérito non é sobrevivir ata esa cifra redonda. O seu mérito foi ofrecernos, ao longo deses anos, unha ampla obra literaria, tanto na ficción narrativa como no ensaio sociolóxico, de moi alta calidade. O centenario de Ayala debera ser tamén un feito a celebrar desde Galiza: non só pola súa vizosidade literaria, senón polas súas relacións, en terras americanas, cos nosos escritores exiliados como Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, entre outros.
Di nunha entrevista Ayala que aínda non sabemos ben qué cousa é a realidade, e engade: a realidade para min é a imaxinación. Tamén nestes días contou Darío Villanueva unha anécdota deste escritor a propósito da súa novela “Muertes de perro”, unha sátira da ditadura escrita no exilio e situada nunha imaxinaria república centroamericana. Tras dar unha conferencia en Nova York, achegouse a Ayala un xornalista nicaraguano e díxolle: “Pero ¡qué bien conoce usted mi país! Yo puedo ponerle su nombre real, sin equivocación, a cada uno de los personajes de su novela”. Porque somos os lectores moitas veces os que non queremos soltar amarras coa realidade. (Retrato de Francisco Ayala por ULISES, de "El Cultural"-El Mundo).

15 mar 2006


VIII Bienal da Caricatura
Hoxe inaugúrase en Auria, na Casa da Xuventude ás 19h. (logo no Museo Municipal e noutras salas) a VIII Bienal da Caricatura, cargada de cousas interesantes.
Unha cita imprescíndible desta Bienal, iniciada no seu día polo Clube Alexandre Bóveda e hoxe impulsada pola Casa da Xuventude ourensá, é o seu Catálogo (adxuntamos a portada), con traballos teóricos diversos e reproduccións dunha escolma do mellor dos artistas presentes. No deste ano 2006 o portugués Osvaldo Macedo de Sousa reflexiona sobre a arte da síntese e da integración de André Carrilho, que é o artista convidado. Siro López escribe sobre un caricaturista esquecido de Compostela, Lino González Rubido, que é o artista histórico desta edición e que se puido recuperar grazas ao labor do libreiro Xesús Couceiro. Macedo de Sousa tamén intervén cun texto sobre "A luta dos trabalhadores (pelo humor)", arredor da exposición internacional, con obras de Carlos Laranjeira, Zé Oliveira, Jugoslav Vlahovic, Haddad, Zlatkovsky, etc. Luís Martínez-Risco, da Fundación Risco, presenta as caricaturas sobre Vicente Risco de autores como Castelao, Conde Corbal, Huici, Laxeiro, Xurxo Fernández, Prego de Oliver e outros. Tamén hai unha mostra sobre nova caricatura (Matías), os premios deste ano do VIII Concurso galego de Caricaturistas Noveis, e a ampla mostra dos caricaturistas galegos habituais nos medios de comunicación: Abraldes, Aguilera, Calros Silvar, Dávila, Estévez, Fernando Quesada, Gogue, José Tomás, Kiko da Silva, Leandro, Miguelanxo Prado, Nachortas, Omar, Orballo, Pepe Carreiro, Pinto e Chinto, Santy, Siro, Tonivsaski, Valcárcel, Xaquín Marín e "Carrabouxo". Como todos os anos, correspóndeme a min o artigo respecto a esta última mostra ("Caricatura en tempos difíciles"), onde non deixo de facer os comentarios que eu estimo pertinentes sobre o estado do mundo hoxe e o barullo das caricaturas de Mahoma (Muhammad sería o correcto en galego, seica).


ANDOLIÑA
Autonomía: no faiado da memoria
Ademais de ver a Francisco Vázquez falando en galego en prol dun Estado federal, houbo máis imaxes sorprendentes na serie de TVE-2 sobre a historia da Autonomía galega. Velaí a Francisco González Amadiós, un dos líderes do PSOE galego naquela hora, defendendo o "Estatuto da aldraxe" da UCD cando se decidiu liquidar a proposta do Estatuto dos 16. Co tempo, o propio Panchulo, hoxe xa falecido, ingresaría no BNG e sería moi crítico coa estratexia socialista. Desapareceron da escena política outros nomes como Fernando Solla, do Partido do Traballo de España, ou mudaron de papel outros como Avelino Pousa Antelo, daquela (1978) na cabeza do Partido Galeguista.
O documental amosou tamén a indiferenza das bases sociais que se mobilizaron o 4 de decembro de 1977 pero desapareceron logo do escenario. Así, o Día Nacional de Galicia, no Obradoiro, 25 de xullo de 1978, apadriñado pola Xunta e case todos os partidos, foi un fracaso de asistencia (as imaxes non menten), mentres o BN-PG, oposto entón á autonomía, ateigaba a Quintana e vencía simbolicamente naquela loita de manifestantes. Que sucedería se fose adiante o Estatuto dos 16, que impulsaban o POG, PCG, PTE e PG? Iso xa nunca o saberemos...
(Cartel de Luís Seoane para a campaña do Estatuto de 1936. Castelao, Seoane e Camilo Díaz Baliño aportaron a súa arte á causa do galeguismo republicano, con deseños de gran excelencia e eficacia).

14 mar 2006


Xosé Manuel Beiras, Galego Egrexio
O pasado sábado a Fundación Premios da Crítica de Galicia acordou nomear Galego Egrexio ao catedrático de Estructura Económica da Universidade compostelá, Xosé Manuel Beiras. Sabia decisión dos amigos do Premio da Crítica e sabia a escolla do lema "Pensar+facer: país", pois iso mesmo é o que fixo Beiras ao longo da súa dilatada vida. Pensar o país, facer o país: elaborar o pensamento necesario para entender a nosa Terra, poñer as pezas imprescindíbeis na acción para que ese soño se fixera algún día realidade. Quizais non viviu a mellor das épocas para gozar da plasmación práctica dese Pensar e Facer, pero o futuro recoñecerá en Beiras un dos chanzos fundamentais da Galiza contemporánea.Aproveito para dicir que non me gustan nada as comparacións que se fan estes días, sobre todo por certos xornalistas, entre Beiras, Fraga e Francisco Vázquez, presentándoos aos tres como políticos en retiro e dunha mesma caste. Admito que os tres foron políticos de peso, pero pouco máis. Fraga foi un ministro do franquismo que se axeitou á nova realidade sen formatear o seu disco duro e iso evidenciábase cada vez que abría a boca, por exemplo, para falar das mulleres e dos homosexuais. Francisco Vázquez era un avogado laboralista ao que o mesmo Beiras recomendou nunha ocasión como un dos futuros líderes do PSOE galego, nos inicios da transición e cando este partido non tiña votos nin cadros políticos: o que veu despois é ben coñecido e non é o perfil que se identifica cun político de esquerda e, moitísimo menos, cun político comprometido co seu país, Galiza (el xa non admitiría esta fórmula: o seu país é España, a poder ser con acento inglés). E Beiras, con todas as súas luces e sombras, como calquera figura pública, é, sen dúbida, OUTRA COUSA.(Caricatura de Gogue)
Presentación en Ourense, hoxe mesmo, do libro "Liquidación de existencias", de Marcos Lorenzo.
O martes 14 de marzo de 2006, ás 20:15 horas, no Café Cultural Auriense (praza do Correxedor, Ourense), será presentado o libro Liquidación de Existencias, de Marcos Lorenzo, editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas.O acto contará coa presenza do escritor e xornalista Camilo Franco, Xavier Paz, editor, e mais o autor. "Liquidación de Existencias" é un texto que une pensamentos, humores e poemas, sen atender a fronteiras estilísticas ou temáticas de ningún tipo. A medio camiño entre o dietario de autor, ao modo dun Nietzsche, Benjamin ou Pessoa, e a antropoloxía experimental, sen referentes claros por estas latitudes, este libro inaugura o xénero aforístico en Galiza. A través deste collage, o autor persegue acceder a unha comprensión persoal e integral do mundo no que estamos inmersos, propoñendo aos lectores unha nova forma de interpretar a nosa realidade.Prologado por Antón Baamonde, o libro está escrito en galego e en castelán e inclúe ilustracións de Antonio Fernández Seoane e do propio Marcos Lorenzo.Marcos Lorenzo (1970, A Coruña) é economista e antropólogo. Foi socio e fundador da cooperativa cidadanía, e exerceu como consultor nos campos da participación cidadá e da economía social. Na actualidade coordina diversos programas, tanto estatais coma europeos, orientados á integración de persoas inmigrantes. No mundo da contracultura ten sido redactor das revistas Anima+l e Ómnibus, e dirixido a Sociedade 'Patafísica do Atlántico.
«A experiencia de ler Liquidación de Existencias é similar á de situarse ante un muro cheo de graffitis: ese fragmento dispoñible da vida urbana que o artista non oficial escolle para enviar a súa mensaxe coma quen tira unha botella ao océano, na esperanza de atopar, no viandante casual, o interlocutor apropiado, alguén a quen aquel trazo lle xere unha resposta.»Antón Baamonde
«Estamos, pois, diante dun libro proteico, con agudeza no xuízo e sutileza nas apreciacións. [...] Unha obra para abrir a mente, con vida, sen respostas.»Armando Broz e Xamie Subiela (revista Grial, n.º 168)
«No ambiente desmitificador das vangardas -surrealismo e dadaísmo, sobre todo- dános unha imaxe crítica do mundo que nos rodea sen ningún tipo de inhibición e politicamente incorrecta. [...] O acedume de Lorenzo non deixa fóra nin vellos nin novos.»Manuel Rodríguez Alonso (revista electrónica Vieiros, 25/2/06)

O autor, contento coa súa bitácora
Así de contento maniféstase hoxe o autor desta bitácora, no seu miniartigo diario de "La Región" de Ourense:
PAN POR PAN martes 14 marzo
Pois xa ven, dende o pasado venres ando pola blogosfera. Non, non se asusten: non se trata de ningún territorio extraplanetario nin tampouco dun ataque de irracionalismo feroz que me levase a algunhas das múltiples sectas que andan polo mundo. A cousa non vai diso. Trátase, sinxelamente, dun espazo virtual, o de Internet, dende o que se comunican millóns de persoas todos os días: o meu currunchiño nesa inmensidade que mete medo leva un nome en homenaxe a Vicente Risco (http://www.asuvasnasolaina.blogspot.com/), que xa utilicei como cabeceira dunha sección semanal neste xornal hai uns anos. Montalo foi doado, cunha pequena axuda de Afonso Monxardín, e eu mesmo estou asombrado da acollida interactiva do meu blogue nestes dous primeiros días. Estou coma un neno cun xoguete novo, case tan contento como esta bailarina aquí ao carón, do artista arxentino Diego Manuel Rodríguez.

ANDOLIÑA martes 14 marzo
E PACO VÁZQUEZ FALABA EN GALEGO
A segunda canle de TVE inaugurou o sábado unha serie documental sobre a historia da Autonomía galega entre 1975 e os nosos días, realizada sobre un guión do xornalista Agustín Díaz (que contou en directo aquelas andainas na prensa) e do profesor Portero Molina e cos fondos documentais da propia TVE. Do xa visto, chamáronme a atención varias cousas. Por exemplo, o exótico de certas imaxes perdidas no faiado da memoria como un moi novo Francisco Vázquez falando en galego en defensa dun federalismo ideal para España.
Comprobamos tamén como algúns políticos daquela hora tiñan dificultades para ler un texto breve en galego. Moitos deles falaban en castelán, sobre todo da dereita gobernante (Meilán Gil, por exemplo). En honor á verdade lembremos tamén o emprego habitual do galego doutras figuras máis galeguistas naquel proceso, á marxe da súa ubicación ideolóxica, como Antonio Rosón ou Paz Andrade.
Camilo Nogueira, dirixente entón do Partido Obreiro Galego, autonomista crítico, dicía algo que non perdeu actualidade: o Estatuto galego non pode ter menos competencias nin status xurídico que o catalán e o vasco. E outras curiosidades das que falaremos mañá.
(Imaxe: Francisco Vázquez nun deseño de Pepe Carreiro).

13 mar 2006



Museo virtual de artistas ourensáns
Para os que non a coñezan, recoméndolles vivamente a web www.museovirtualdeourense.com, inaugurada hai só unhas semanas e financiada con fondos europeos. O "artista" desta iniciativa é Francisco González, responsábel do Centro Simeón, e o deseño correu a cargo de Xosé Lois Vázquez. Recolle unha parte da obra de 150 artistas ourensáns (a condición é que os artistas sexan nados ou traballen en Ourense) e permite tamén visitas virtuais deste emblemático edificio cultural.
Entre os artistas representados está, cómo non, Antonio de Puga, o autor ourensán do século XVII e creador de "O afiador" que se conserva en Rusia (hai pouco estivo exposto na cidade, da man de Caixanova) e do que precisamente acabamos de coñecer un estudo biográfico-artístico de Irene Mera publicado pola Consellería de Cultura: presentouse a pasada semana nun acto no que foi apadriñada pola historiadora da arte Yolanda Barriocanal e polo delegado de cultura, Xosé C. Sierra. E soubemos nese acto da polémica atribución da maioría das obras deste artista. Escollín hoxe dúas das súas obras: O "San Xerome" que seica é seguro de A. de Puga e esa "Magdalena penitente", de atribución moito máis discutíbel, pero a min gustoume tamén moito e por iso figura nesta solaina.

Amigos da República
Os Amigos da República en Ourense, da man de David Cortón, fanme chegar as primeiras novas dos actos deste ano, que xa teñen pechados e que terán como centro unha homenaxe máis que merecida ao benquerido Julio Losada, personaxe cun historial de compromiso que agora se dará a coñecer máis e home fiel das tertulias do Liceo ourensán (foi tamén un dos grandes amigos e confidentes de Carlos Casares, como este mesmo reflectía nos seus artigos).
Para ir "entrando en calor" programan unha conferencia de Gonzalo Puente Ojea para esta mesma semana (transcribo tamén unha parte do seu curriculum, que pode interesar a algúns lectores).

REPÚBLICA, TRANSICIÓN E LAICISMO,
Conferencia de Gonzalo Puente Ojea, o mércores 15 de marzo, ás 20 h. no Ateneo (será presentado pola historiadora Susana Reboreda).

Gonzalo Puente Ojea
Naceu en Cienfuegos, Cuba, no 1925. É unha testemuña excepcional da vida política española, debido aos cargos propios da carreira diplomática, coñeceu aos máis importantes políticos franquistas e aos principais personaxes que levaron adiante a transición política.
Decano do corpo de embaixadores de España, autor de varios libros sobre temas históricos e relixiosos (case que todos reeditados en “Siglo XXI”), Puente Ojea representou ao seu país diante do Vaticano (1985-1987) logo de ser subsecretario no Ministerio de Relacións Exteriores. Un destino que causou polémica entre aqueles que pensaban que o seu ateísmo declarado (ademais de divorciado), resultaba ofensivo para desempeñar o posto (foi cesado como embaixador no Vaticano por deixar de ser idóneo para o cargo).Actualmente reformado (xubilado) da carreira diplomática con título de Embaixador .
Libros publicados
Animismo. El umbral de la religiosidad. Escrita con unha segunda parte a cargo de Ignacio Careaga Villalonga. (Madrid, 1ª ed., abril 2005)
La andadura del saber. Piezas dispersas de un itinerario intelectual. (Madrid, 1ª ed., mayo 2003)
Opus minus. Una antología.



Cumpríronse nestes días (o pasado 9 de marzo) catro anos da morte do amigo Carlos Casares. Moitos botamos en falla a súa palabra cálida, o seu xeito peculiar de entender o mundo e de narrar a vida. En homenaxe e lembranza, reproduzo aquí un seu artigo adicado a Salvador Allende, meses antes do golpe de Pinochet. Casares reflexiona con prudencia e intelixencia sobre os perigos do golpismo nun país como Chile, que presumía de ter as forzas militares máis democráticas de América. O artigo publicouse en "La Región", na sección "Con esta lupa" e con este debuxo de Siro López. (Máis textos do primeiro xornalismo literario de Casares no meu libro "Carlos Casares, punto de encontro", Concello Ourense, setembro 2002).

Con esta lupa: Salvador Allende.
A Unidade Popular de Salvador Allende está pasando un dos momentos máis críticos desde a súa ascensión democrática ó poder. O recente golpe de Estado protagonizado polos fascistas de “Patria y Libertad” vai ter moitas máis consecuencias que as que se supuxeron no primeiro momento. Evidentemente, o golpe foi a acción dun grupo minoritario que non conseguiu mover máis que a un pequeño número de militares de baixa graduación, pro sicolóxicamente tivo a súa importancia. Anque o mito do antigolpismo das forzas armadas segue en pé, pois o groso do exército mantívose fiel á Constitución, nembargantes o espectáculo dos tanques maniobrando polas rúas e disparando contra o pazo presidencial deteriorou unha miga a acariñada imaxen do profesionalismo dos militares chilenos. En todo caso, de agora en adiante o golpe aparecerá como máis posible. Os mesmos oficiales que acaban de aplastar o golpe poderían atopar mañá unha xustificación “moral” a favor dunha intervención. A mesma que lle está ofrecendo a Democracia Cristiá de Frei coa denuncia de anticonstitucionalidade e o entorpecemento continuo que leva a cabo contra a xestión socialista. Os militares poderían acabar sendo arrastrados polo clima alarmista e apocalíptico creado pola oposición. Haberá que agardar algún tempo pra ver cómo evolucionan os feitos. Mentras tanto, pase o que pase, Allende terá dado ó mundo unha lección de lealtade e compromiso coa palabra dada ó seu país antes das elecciós: iniciar a construcción do socialismo sin traicionar á Constitución. Outra cousa é xa se tal lealtade é posible frente a un enemigo poderoso que non cre neses valores a non ser que sirvan ós seus intereses. E desta vez non os sirven.
(La Región, 15 xullo 1973)


Ánxeles Cuña.
Entrou con toda a ilusión do mundo no proxecto de dirixir o Centro Dramático Galego, rodeada do aplauso entusiasta do sector e do mundo da cultura. Por iso é incomprensíbel a situación que levou á súa dimisión: un exercicio de inxenuidade e boa fe pola súa banda? Unha confusión ou chapuza por quen debería estar moito mellor informado? A Asociación de Actores reprochou á Xunta a falla de imaxinación para resolver este problema. Sexa como for, o mal está feito e mal empeza o CDG do cambio, xusto nun momento que todo ía ben, con varias montaxes en marcha. A peripecia surrealista da exdirectora de Sarabela daría para unha montaxe teatral cunhas pingas dos labirintos administrativos de Kafka e o sal groso dos mestres do teatro do absurdo, como os seus amados Ionesco e Alfred Jarry.

12 mar 2006


Xaquín Marín, un dos grandes
Xaquín Marín é, sen dúbida ningunha, un dos grandes do humor gráfico galego. Un dos clásicos aos que moitos lembramos nas súas magníficas viñetas dos anos 70 en "El Ideal Gallego": toda unha crónica da historia do país naqueles anos de embalses, celulosas, Encrobas e tantas agresións. Un dos humoristas-pensadores que mellor coñece este país. Que mellor sabe resolver o eterno diálogo entre a tradición e a modernidade.
Leva anos debuxando en "La Voz de Galicia" e non o deixan en paz, movéndolle a sección a cada pouco de lugar. Agora está nas páxinas de Ocio e Tendencias, debaixo do sudoku, páxinas en todo caso moi consutadas. E alí está a facer a tira (como antes fixera o Gaspariño e outras) "O lecer de Isolino", unha reflexión irónica desde o punto de vista do mundo dos vellos con debuxos tan simpáticos -e tan fondos- como este que reproduzo (do xoves 9 marzo).
Noraboa Xaquín e moito ánimo!

11 mar 2006


Leo Bassi.
"Revelación” é a miña maneira de dicir alto e claro que amo o laicismo e que son fillo da Ilustración, así se manifestaba o artista Leo Bassi despois de estourar un artefacto no Teatro Alfil, onde se exhibía o seu espectáculo “Revelación”. Imos ter que refundar unha Liga de Librepensadores que reivindique os valores da Ilustración e da Revolución Francesa. Fanáticos hainos en todas partes e de todos os colores, aquí e nas madrasas de Paquistán.
(Delacroix, "A liberdade guiando o pobo", 1830. O propio artista incluiuse neste retrato épico da Revolución de 1830, nas barricadas que querían botar fóra o último Borbón: en Francia, claro).