
Franco, honoris causa: nós xa llo quitamos
Veño de asinar na web que promove a campaña para quitarlle o doutorando honoris causa concedido ao dictador no ano 1965 (www.cansendono.net). Contan en Vieiros que seica non hai regulamentos nisto dos honoris causa e vai ser difícil quitarllo: pois, é igual, apetecíame asinar, e ademais os cidadáns xa lle quitamos hai moito tempo ao vello todas as súas distincións. No 65 eu tiña sete anos e non sabía destas cousas pero agora podo opinar, non?
Lembran tamén en Vieiros que en 1965 aínda ecoaban as protestas internacionais, tras as execucións de Grimau, Delgado e Granados. Malia todo, o entón reitor da USC, Ángel Jorge Echeverri, recoñeceulle a Franco "elementos esenciais como son a fe, a esperanza e a caridade", chegando a exclamar "¡Que belas accións ten realizado o noso doutorando!". Poderíase publicar un tomo ben gordo só cos ditirambos dirixidos ao dictador por moitos escritores e poetas (tamén algúns galegos, como estudou Alonso Montero).
O único ditirambo que merece Franco é algún dos moitos que lle dedicou o poeta Delgado Gurriarán; por exemplo:
"Franco, Franquiño/ piquirrichiño,/ refugallo de homes,/ selso de feixismo./ Alacrán con mando,/ sapo con estrelas,/ arañón con cruces,/ cobra pezoñenta./ Franco, Franquiño/ piquirrichiño:/ nas nádegas de Hitler/ puxeche o fouciño./ E o "duce" da Italia/ tamén llas bicache,/ pra que te fixeran/ o que ti soñache".
Por certo, tal como lembra o debuxo de Seoane en "Trece estampas de la traición", Franco e a Igrexa católica española servíronse mutuamente, durante moitas décadas, para os seus propios fins: cando é que vai pedir perdón a Igrexa española por esta criminal complicidade, como debera facer unha institución cristiá?