6 ene 2007


agasallo de Reis

Como pequeno agasallo de Reis, velaí unhas breves reflexións sobre a arte, a poesía, a muller e o erotismo. (Nesta imaxe, "Medias violetas", de Egon Schiele)


A ORIXE DO MUNDO (1)

Aló por 1866, o pintor Gustave Courbet pintou un cadro misterioso, que permaneceu oculto durante moitos anos, titulado “El origen del mundo”. O artista francés rompía así un tabú que pesou sobre a humanidade durante milenios: por primeira vez abordaba a representación do sexo feminino sen ningún tipo de pudores nin estilizacións, na súa carnalidade máis pura. Con ese mesmo título, Juan Abad publicou na editorial Hiperión (2004), unha antoloxía de poesía erótica universal que toma o sexo feminino tamén como cerna do pulo creador dun amplo abano de poetas entre os que os escritores españois e os sudamericanos teñen un relevo moi particular.
Anota Juan Abad que este tema foi tabú non só nas artes plásticas, senón tamén en boa parte da poesía clásica grecolatina, agás en textos groseiros e despectivos que o antólogo prefiriu rexeitar. O que se ofrece, agás o “Concurso de Pubis” do poeta grego Rufino, parte da poesía popular española e do barroco ata a nosa contemporaneidade. Entre eles, moitas xoias de todos os tempos e lugares. Como “A gruta de Cac Co”, da poetisa vietnamita do século XIX Ho Xuan Huong: diríase que a autora só quería describir o misterioso cadro de Courbet.

Conmove todo o que existe
A vizosidade de imaxes que o mundo feminino foi quen de xerar na historia da literatura ocupouse tamén dos seus máis fondos misterios: a escolma de Juan Abad “El origen del mundo” ofrécenos valiosas pistas ao respecto. Cando menos nas letras en castelán, desde o cancioneiro popular ata hoxe, os poetas optaron preferentemente por unha imaxinería procedente da natureza e da paisaxe: “rosa bermeja”, “pluriabierta rosa”, “bosque”, “fruta vedada”, “fruta más sabrosa”, “coral y rubí partido”, “valle sin arar”, “jardín”, “pradico verde” que arela ser trillado, a orquídea de Pierre Louÿs, etc. Como nesta simpática copla popular: “Cuanto más chiquitica,/ madre, la rosa,/ cuanto más chiquitica,/ más olorosa”.
Hai algo de misoxinia en Góngora cando canta as virtudes dese cofre “chico y bien encorado/ y le abre cualquier llave/ con tal que primero pague”. Quevedo pensou nun braseiro e nunha muller humilde que se dirixe fachendosa a un conde: “Pues sople este tizón vueseñoría”. Mallarmé falou da “concha marina” e Claudio Rodríguez da “caverna del resplandor”. E de Rubén Darío son estes poderosos versos: “Pues la rosa sexual/ al entreabrirse/ conmueve todo lo que existe,/ con su efluvio carnal/ y con su enigma espiritual”.

Metáforas cultas e populares
No seu estudo sobre “O sexo na poesía popular” (1995), Xosé R. Mariño Ferro esculca nas múltiples imaxes poéticas creadas arredor do sexo femenino. Algunhas delas coinciden coas que xa vimos na obra dos poetas cultos; outras, en cambio, semellan moi vencelladas ás súas raíces galegas: o ourizo da castaña, por exemplo, e símbolos animalizados como a lebre, a rata ou o coello: “Debaixo da miña cama/ teño o coiro dun conexo,/ e ti debaixo da túa/ tes o vello colgarexo”. Pero quizais sexan máis universais do que eu penso: na escolma de Juan Abad encontro estes versos de Apollinaire: “Coñezo eu outro coelliño/ ao que quixera coller viviño…”.
Poetas e artistas de todos os tempos compartiron metáforas e por iso Théophile Gautier rexeita nun poema a tradición pictórica que refugou o vello do pube, ao tempo que fai a gabanza de Tiziano cando rachan este tabú: “Tú, sólo tú, viejo divino,/ sabes, bajo una mano breve,/ ensortijar el musgo leve/ que alfombra el monte venusino”.
Tamén nisto somos debedores da mirada dos artistas. Afírmao solemne o poeta Fernando Aramburu: “As pinacotecas ensinan que a muller só está de verdade/ espida cando abre as pernas”.
(Imaxe: A lección de guitarra, de Balthus, 1934)
A orixe do mundo, de G. Courbet (1866)
A ORIXE DO MUNDO (2)
Courbet, regressus ad uterum
Cando eu estudaba o bacharelato, lembro que nos falaban de Gustave Courbet no capítulo da pintura realista e lembro que a miña imaxe do xenial pintor francés non era daquela máis que a dun excelente paisaxista, pintor de castelos ás beiras dun lago, de raposos na neve e graciosos cervatos que bebían en fontes de auga clara. O seu popular cadro onde nos ofrece unha ampla vista do seu obradoiro, que nunha beiriña retrata a Baudelaire lendo, era reproducido nun daqueles volumes da infancia só na súa metade dereita, xusto antes de chegar ao espido femenino que de pé garda as costas do artista.
Era, pois, tan parcial como falsa a imaxe que se nos daba daquel Courbet gran paisaxista e retratista. Por suposto, nada sabía eu entón do cadro “A orixe do mundo” (1866), auténtica “epifanía carnal” como escribiu Carlos Reyero, pintada de encargo para o “cabinet de toilette” de Khalil- Bey, un diplomático musulmán que tivo a tela oculta durante moitos anos, como faría logo tamén o filósofo Jacques Lacan que tamén puido admirala na súa casa. Courbet pinta, si, o “regressus ad uterum”: ofrécenos así a chave simbólica para penetrar no fondo erotismo que presidiu boa parte da súa producción artística.
A subversiva mirada de Courbet
“Bon vivant”, bebedor incansable, rodeado de múltiples amantes, demócrata e republicano, de simpatías socialistas, amigo de Baudelaire e de Proudhon, tal era o xorne do pintor Gustave Courbet. Sorprende aínda hoxe o erotismo espléndido de cadros como “Mulleres dormidas”, tamén chamada “O soño” ou “Preguiza e luxuria”, unha das primeiras representacións contemporáneas dunha escea de lesbianismo; ou de figuras como “Muller cun loro”, “A hamaca” ou “Muller espida cun can”, que poden partir de referentes clásicos como Tiziano, pero non ocultan o seu carácter provocador. O mesmo aceno subversivo está en pezas como “Muller na ola” ou “A muller das medias brancas”: pintaba mulleres “desvestidas”, dixo con acerto algún crítico.
En “A fonte” vemos unha muller espida, de costas, que xoga coas mans coa auga que baixa dos montes: unha imaxe que ben podería ilustrar o recoñecido erotismo das cantigas do noso Pero Meogo. Pintor da carne e da corporalidade como enemigos da alma, definiuno Michael Fried. Avanzou liñas estéticas e modos de traballo, din outros autores, que logo chegarían á súa plenitude na abstracción e no surrealismo. Todo ese mundo estaba xa en xérmolo en Courbet.

A ORIXE DO MUNDO (3)

Máis fonda e clara que a aurora
Un dos elementos que o imaxinario popular preferiu como simbólica representación do sexo femenino foi a concha mariña. A vieira sobre a que chega á illa de Citera, tras nacer no mar, a coñecida Venus botticelliana. Disque nos primeiros séculos da historia do cristianismo, a vieira fora xa símbolo da luz solar e da resurrección e con ese sentido aparece como trono de Cristo nalgunhas igrexas españolas de Mérida e Toledo. De volta ao simbolismo venusiano, Ivan Miziara, poeta e médico brasileiro, ten un fermoso poema titulado “A concha” que remata así: “Na concha/ rubra/ busco/ a pérola/ úmida/ ardente/ que me faz/ ser/ quem sou”.
E do “Oratório do corpo”, de Fernando Mendes Vianna, collo prestados uns versos que semellan lembrar de novo “A orixe do mundo” de Courbet: “Crê no teu corpo, confia no teu corpo, no corpo do homem,/ no corpo da mulher./ Crê no corpo como na única ponte entre os homens;/ e que acima do rio variável e enganoso da palavra, / a carne seja como um gesto em perene dádiva./ O corpo é mais antigo e belo do que a Cova de Altamira,/ e a gruta do útero pode ser mais funda e clara/ do que uma aurora que se abrisse no fundo da terra”.
(Imaxe: A onda, de Bouguereau)























1956, CRISE DO MODELO COMUNISTA
(Andoliña 6 xaneiro)

Afírmase a cotío que a caída do “socialismo realmente existente”, isto é, dos réximes chamados comunistas, prodúcese en 1989, cando se derruba o Muro de Berlín e cae polo seu propio peso todo o sistema político e económico erguido dende 1917. Pero en realidade, di Eric Hobsbwawm na súa autobiografía, o sistema estaba xa derrotado moitos anos antes: o derrube xa fora anunciado en febreiro de 1956 cando no XX Congreso do Partido Comunista da Unión Soviética Jruschev realizou unha denuncia inflexible da figura de Stalin e da súa política, incluída a represión brutal da etapa estalinista.
Foi unha hora amarga para os militantes dos PCs de todo o mundo. Hobsbwawm mantivo a militancia no partido, dende posicións críticas, máis que nada por orgullo e por non ser confundido con outros intelectuais anticomunistas. Desa crise sairon os movementos da Nova Esquerda, con intelectuais de relevo como E.P. Thompson ou Perry Anderson. A Revolución de Outubro xenerou o movemento comunista mundial e o XX Congreso destruíuno, conclúe o historiador británico. Trala desestalinización veu moi logo a desestabilización dos países satélites nas décadas seguintes. A caída do muro foi só o punto final.

5 ene 2007






















Chagall e o comunismo.
(Pan por Pan, 5 xaneiro)

A Revolución de Outubro seduciu a milleiros de persoas Europa adiante e en parte de Latinoamérica: así, fundáronse Partidos Comunistas, clonados do modelo bolchevique, por todas partes. Eric Hobsbawm foi un dos moitos intelectuais brillantes que se sumaron ó novo engado revolucionario, no seu caso sendo case un neno. Pero houbo tamén desercións notables.
Por exemplo, o pintor Chagall, nomeado Comisario de Belas Artes en Vitebsk da man de Anatoli Lunatcharcski, designado este directamente por Lenin como director do Ministerio de Cultura. Moi cedo arrefriou o entusiasmo comunista de Chagall, porque a súa arte respiraba creación e fantasía inasimilables polo dogma: por que pintas vacas verdes, preguntábanlle? De Chagall é esta magnífica cita: A Revolución (bolchevique) podería ser unha gran cousa, se mantivese o respecto polo que é diferente”.

(Nota: este breve texto, que sae hoxe en La Región, naceu nun meu comentario deste blog. En calquera caso, é unha magnífica excusa para colgar outra das marabillas de Chagall).

4 ene 2007


Carautas
artigo de Bieito Iglesias
(En El Correo Gallego, 4 xaneiro 2006. Na foto o actor con Hylary Swank en Million Dollar Baby)

Por algún motivo que se me escapa, Clint Eastwood, cineasta excelente e digno sucesor do período clásico da sétima arte (dos John Ford, Howard Hawks, etc), ten mala imprensa en certos ambientes pouco cinéfilos. Unha compañeira de traballo nova explicoume que non lle gusta porque –sendo vellote– se fai acompañar nos filmes de mociñas en sazón. Creo que o equívoco xorde a partir de Million dollar baby, onde Clint mantén unha relación paternofilial coa boxeadora que adestra, sen cinasco de lascivia. Ninguén pode acusalo de home tentado ou saído pois as súas películas acostuman ser brancas, aptas para tódolos públicos, coa excepción dun par de cintas en que se permite algunha escena explicitamente sexual, peneirada polo romantismo de calquera modo n´As pontes de Madison. O que lle censura a miña colega é a longa restra de anos; ben sabemos que a mocidade esixe heroes imberbes nas pantallas. Esoutro día, nun bar, sentín falar mal do ­Eastwood por outro motivo: polas doses de violencia que inclúe nas súas secuencias. Quen o criticaba era un ilustre politólogo con columna moi lida nun diario galego; talvez os seus saberes en materia cinematográfica desmerecen dos que acredita na análise de actualidades. Confunde ao Clint coas súas carautas: co pistoleiro William Munny ou Harry o Porco (entre paréntese: Harry será un castrón, pero Torrente é un memo).Contra o que afirma o tópico, as grandes películas deste xenio do celuloide –Bird, Sen perdón, Mystic river– non son maniqueas, se acaso resudan certa misantropía. No esencial, xulgo que retratan as paixóns humanas con alta fidelidade. A vida parécese máis aos seus filmes que a Disneylandia (botón de mostra: mentres escribo esta peza, comunícanme a noticia dun atentado en ­Barajas). Soamente é un artista, pero nunca deserta da liña de fogo.






Do fracaso patente do comunismo

Sigo coa autobiografía de Eric Hobsbawm. Militaba xa ós quince anos no comunismo, nunha organización estudantil de Berlín. O que co tempo sería un dos grandes historiadores marxistas británicos, en andaina común con Christopher Hill, E.P. Thompson, Victor Kiernan e outros, afirma en Años interesantes que aqueles meses en Berlín “fixeron de min un comunista para toda a vida, un home cuxa vida perdería o seu significado sen o proxecto político ó que se consagrou como estudante” e este era a Revolución de Outubro como grande esperanza do mundo. Así viviron o comunismo moitos intelectuais e centos de miles de persoas en toda Europa no século XX: un proxecto de vida que servía para explicar todos os riscos da realidade social. Con case 90 anos Hobsbawm recoñece que “aquel proxecto fracasou de xeito patente” e, ademais, “estaba condenado a fracasar”. Recoñece tamén os graves erros dos comunistas alemáns na República de Weimar “cando ós ollos da Internacional Comunista os socialdemócratas pasaron a ser “socialfascistas”. Coa chegada de Hitler ó poder precisamente os comunistas foron as primeiras vítimas en ingresar nos primeiros campos de concentración do Terceiro Reich. (Andoliña, 5 xaneiro, cunha nova imaxe de Chagall).

3 ene 2007

Podería, polas trazas, ser unha foto dos anos 40, pero xa sabemos que non o é. En todo caso, é un nacional-catolicismo moderno e vaticanista. Ata o xornal ABC, onde saiu a foto, destaca en titulares a "poco laicista felicitación navideña de Francisco Vázquez". A min lémbrame un pouco A familia de Carlos IV, de Goya, e creo que o exalcalde coruñés debía buscar un gran pintor que os inmortalizase para o futuro: imaxinen a cantidade de estudos que se chegarían a parir desta imaxe e dos seus significados simbólicos, ata algunha tese doutoral de seguro...
Na Viena dos anos 20

Debeu ser apaixonante vivir a Viena dos anos 20, cando Eric Hobsbawm era aínda un neno e un adolescente. Era a Viena plurinacional que xuntaba figuras intelectuais como Freud e Mahler, procedentes de Moravia; Joseph Roth, da Galitzia polaca, ou Elias Canetti, chegado dende o Danubio búlgaro. Todos eles xudeus e son só algúns dos nomes que cita o historiador británico na súa autobiografía (Años interesantes). É evidente o peso da cultura xudía neses anos na Europa central, malia o forte antisemitismo histórico nesa rexión.
O caso de Hobsbawm é curioso: tamén xudeu, nunca foi practicante nin tampouco sionista. Non eran sionistas, di el mesmo, os xudeus vieneses de clase media nesa época, uns douscentos mil en Viena, o dez por cento da poboación da cidade. Pero, con todo, a súa identidade quedou moi marcada por unha anécdota coa súa nai cando o futuro historiador marxista só contaba con dez anos. Aquel neno repetiu en varias ocasións un comentario crítico arredor dun seu tío, afirmando que tiña un comportamento "tipicamente xudeu". A súa nai, que tampouco era relixiosa, replicoulle moi seria: "
Nunca fagas nada, nin por asomo, que dea a impresión de que te avergoñas de ser xudeu". (Imaxe de Chagall)

2 ene 2007

Unha nova en positivo para o noso idioma

Hai un par de semanas saiu á rúa De luns a venres, o primeiro gratuíto en galego no noso país, creo que da empresa do xornal El Progreso. Serán cincuenta mil exemplares en galego cada día nas sete principais cidades galegas e, ademais, gratis. Será unha nova feliz e con continuidade ou desaparecerá ós poucos meses como outras tantas? Terá algún efecto de emulación sobre os outros medios de comunicación escritos no país, tan escasos e retraídos co noso idioma (agás Galicia Hoxe, claro)?



















Anos interesantes...

Ando a ler nestes días a autobiografía do historiador británico, nacido por accidente en Alexandría, Eric Hobsbawm, un dos grandes pensadores do noso tempo, que foi para a miña xeración unha referencia clave tanto nos seus estudos sociais (El mundo del trabajo, Trabajadores) como nos seus traballos máis políticos e ideolóxicos (Política para una izquierda racional, por exemplo, todos estes títulos en Crítica). O relato da súa vida, narrado con elegancia en Años interesantes. Una vida en el siglo XX (Crítica, 2003), é a crónica vivida dun século tan marabilloso como tráxico. España aparece en varias ocasións: nos anos 50 Hobsbawm visitou este país á procura de datos sobre os anarquistas da guerra. Chegou a Barcelona na Semana Santa de 1951, coa folga dos tranvías, e encontrouse cunha España infeliz. No plano intelectual, afirma o historiador británico, “España, a maioría de cuxos talentos emigrara, era un país asfixiado”. Tamén era un país arcaico e provinciano, de seguro, pero tamén lle pareceu un lugar de xentes orgullosas e de principios: “España non esquecera a guerra civil, e os vencidos, aínda que desprovistos de todo poder e sen esperanza, non cambiaran o seu xeito de pensar ó respecto”.



1 ene 2007

Encontros literarios do Liceo (en forma de adiviña)

O Liceo ourensán celebra dende o ano 1990 uns Encontros Literarios que axuntan escritores galegos e non galegos. Por esa cita, que chega no 2007 a súa XVII edición, pasaron xa a maioría dos máis relevantes escritores da literatura en castelán, tamén algúns cataláns e vascos, moitas veces convidados persoalmente por Carlos Casares: nomes como Luis Mateo Díaz, Caballero Bonald, Carmen Riera, José María Merino, Juan Pedro Aparicio, Miguel García-Posada, Almudena Grandes, Blanca Andreu, Fernando Delgado, Encarna Castejón, Manuel Vicent, Juan Cruz, Jose Mari Iturralde, Benjamín Prado, Juan José Millás, Rosa Regás, Marina Mayoral, Fanny Rubio, Cristina Fernández Cubas, Clara Sánchez, Julio Llamazares, Susana Fortes, etc., ademais dos galegos Basilio Losada, Casares, Suso de Toro, Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Xosé Carlos Caneiro, Luisa Castro, Alfredo Conde, Riveiro Coello, Xavier Alcalá, Miguel A. Fernández, etc. Non é doado traer ata Ourense moitos destes nomes e algúns viñeron varias veces, tras consultar e seguir as súas axendas ás veces durante meses (traballo que realiza con esmero José Luis Troitiña, dende a secretaría do Liceo, e antes o xubilado Álvaro, dende o mesmo posto).
Ós meus sagaces lectores e lectoras, propóñolles unha adiviña. Teremos en Auria, na XVII edición, tres escritores, dous da literatura castelá e un da galega. Douvos as datas e título das conferencias, por se vos podedes achegar:
martes 23 xaneiro: "Memoria e literatura"
venres 26 xaneiro: "La literatura es lo contrario del olvido"
martes 30 xaneiro: "La novela de la memoria".
E algunhas pistas para que sexades quen de localizar ós tres convidados, xa confirmados hai meses:
Un escribe en galego e os outros dous en castelán.
Os tres estiveron xa en Encontros anteriores: polo tanto están citados máis enriba.
Un deles (23 xaneiro) estudou na Facultade de Historia comigo, daquela militaba no maoísmo do MCG.
O máis maior deles (30 xaneiro), amigo de Casares, é un grande memorialista e os tomos das súas memorias foron moi comentados e algo tivo que ver cun vsiconde tradicionalista francés.
O terceiro deles (26 xaneiro), o máis novo, foi discípulo e amigo de Alberti e tivo algúns líos cos que rexentan a súa memoria oficial, mesmo acusándoos de censurar e manipular algúns textos do gran poeta.
En fin, agardo as súas deduccións, aínda que non lles poida dar ningún premio dende este mundiño virtual. Saúdos a todos/as.
Xornais no faiado (2) : unha elexía a Cuevillas, de Fernández Ferreiro

Tiña moi esquecida a sección Xornais no Faiado, que abrín hai unhas semanas cun artigo de Casares. Para reactivala e darlle vida, aí tendes un fermoso artigo de Fernández Ferreiro, en La Región, na morte de don Florentino Cuevillas (1958). Daquela o Ferreiro era un xove xornalista cunha longa carreira por diante e estaba na redacción do xornal ourensán. Vai ilustrada esta recuperación cunha das fotos que máis me gusta de Cuevillas, con todo o seu estilo dandy, esta no castro de San Cibrán de Lás, con Vicente Risco, anos 40-50. Eu nacín no ano da morte de Cuevillas e obviamente non puiden coñecelo en persoa, pero si recibín do meu pai algúns comentarios persoais: o meu pai tratárao en Facenda, por cousas do traballo, e sempre dicía que era unha persoa moi boa e excepcional; logo souben tamén do seu galeguismo e do seu traballo como prehistoriador e arqueólogo (e excepcional escritor: Cosas de Orense; Prosas Galegas: dito en baixiño, ogallá excavase menos castros -xa o farían outros discípulos- e escribise máis). Ben, vai xa o texto:

¡SILENZO!
J. Fernández Ferreiro
Don Florentino, morreu. Non digades nada. ¡Silenzo! Niste caso o millor que se pode dicir de il, é non dicir nada. Si. E a dicir algo, dicilo con silenzo. Calar. Sentarse a escribir e non escribir nada. Poñerse a falar e non falar nada. Pensar. Por moito que se diga, por moito que se escriba, nada dirá tanto sobre il como o silenzo, como as palabras mudas do corazón. Pensar, si. Pensar no fondo da alma, no fondo do corazón. Pensar nil. Pensar nos momentos que se pasaron xuntos a il. Pensar na súa voz inconfundible. Na súa cabeza redonda e brillante. Na súa cabeza de estatua grega, romana. Na súa cabeza galega. Na súa cabeza de home de outros tempos... Pensar no home. No amigo. Pensar... Si, pensar en moitas cousas.
¿E os seus ollos? Os ollos érano todo en Don Florentino. Eran ollos que naceron para ser estrelas. Para alumear na noite dos tempos. Niles tiña a aforza da súa bondade e da súa intelixenza. Pensar, cos ollos pechados, e naquela mirada serena, tranquila, sempre terna, sempre aberta, sempre limpa como o cristal da súa alma. Pro, ás veces, tamén melancólica. Si. A mirada de Don Florentino infundía paz, sosego. Era unha mirada grande como os seus ollos, como a lonxitude da súa bondade. Era unha mirada blanca. Unha mirada que facía sentir e pensar. Porque era unha mirada que chegaba sempre ó corazón.
Pensar e non dicir nada. Don Florentino morreu. ¿Para que dicir nada xa? Todo está dito. A morte, vella amiga dos homes, di sempre a última palabra. O que digamos nós non ten importancia. Nós debemos pensar. Sobre das sepulturas, non se fala. Rézase e síntese. Si. Isto é o que debemos facer nós. Os que o quixemos. Os que apreixamos moitas veces as súas maus esponxosas e blandas. Si. Il foise. Il marchouse. Pro il, Don Florentino, sigue estando con nós. Con máis forza que antes. Agora adrentouse para sempre, definitivamente, no noso corazón. Antes vivía. Estaba fóra e dentro de nós. Agora está soio dentro. Mais dentro que antes. Clavado. Doéndonos. Mancándonos.
Estou lonxe de Ourense. Lonxe da Praza do Ferro, lonxe da rúa de Santo Domingo, por onde il tanto camiñaba á caída das tardes. Sempre pouco a pouco. Tranquilo. Contento. Sereno como a súa mirada. Iba ca súa gorra, ca súa paxarita negra, ca súa caxata, cos seus amigos. Il no medio. Pouco a pouco. Tranquilo. Si. Estou lonxe pero penso. A distancia fai pensar millor, ver millor, comprender millor. Non digo nada. Non podo dicir nada. Soio podo pensar. Ver dentro de min, onde está il. Cos seus ollos limpos, grandes. Co seu traxe sempre impecable. Ca súa calva. Vexo a súa biblioteca. Vexo o seu despacho alí no primeiro piso da Facenda. Si, ¡vexo tantas cousas!
Don Florentino ¡Meu amigo! Desde que morriches busco os teus ollos no ceo, entre as estrelas. Sei que estarán alí. Mirando para nós como antes. Mirando para esa terra quedou teu corpo. Esa terra que tanto quixeches. Esa que ten a ternura, a serenidade, a limpeza, e tamén a melancolía dos teus ollos. Si.
Don Florentino, morreu. Non digades nada. ¡Silenzo, amigos!

(Publicado en “La Región” o 30 de xullo de 1958)

31 dic 2006




De corazón, a todos e a todas os seguidores deste blog, casa común do pensamento, a opinión, a arte e a poesía,


Feliz ano 2007.

Pecharemos o 2006 como quen pecha un vello caderno cheo de notas e debuxos que xa se van desfigurando na memoria. É a hora de desexarlles a todos vostedes, lectores e lectoras, un feliz ano 2007. No que seguiremos a falar de moitos dos temas do ano 2006. Por desgraza os grandes problemas do mundo seguirán como xa estaban ó cabo do 2005 e non mudarán cando remate o 2007: a fame e a SIDA en África, a explotación do traballo dos nenos, o enquistado conflito Israel-Palestina (quizais cunha guerra civil palestina), Oriente Próximo como unha barrica de pólvora a punto de rebentar, o apoxeo dos fanatismos (terrorismo islámico, Bush, ETA) e o longo etcétera que vostedes xa imaxinan. Polo camiño cadaquén gozará das súas pequenas felicidades ou padecerá as súas intransferibles infelicidades. Porque o mundo nunca cambia tanto como nos din. Ou como nós queremos crer.
(Imaxe do fotógrafo Bruno Bisang).






Unha carta de Otero Pedrayo a Manuel Beiras (2 abril 1936)



No seu artigo dominical en Galicia Hoxe, Xosé Manuel Beiras reproduce unha interesante carta de Otero Pedrayo ó pai do asinante do artigo, isto é, o galeguista católico de Compostela, don Manuel Beiras García. Poden consultar o artigo enteiro aquí.
Pero non me resisto a pubicar íntegra a carta de don Ramón que, entre outras cousas, asina o desconcerto do ourensán nesas horas e a súa extrema proximidade cos galeguistas católicos, moitos dos cales romperon co PG para crear a Dereita Galeguista. Otero mesmo debeu ter dúbidas sobre a posición a tomar ó respecto (véxase na carta: "non penso que o meu nome puidera ser bandeira"), aínda que ó cabo, como é ben sabido, mantívose na lealdade e na disciplina do Partido Galeguista. Pero moi lonxe da Fronte Popular e da liña táctica nese momento do PG, como el amosaba nos seus artigos e como explicamos (Xosé Ramón Quintana e máis eu) no noso vello libro sobre Otero (Ir Indo, 1988). E quero repetilo porque en certos sectores culturais do país existe un intento de mixtificación que insiste en afirmar que Otero apoiou a campaña da Fronte Popular, o cal non é certo (non consta en ningún acto nin chamamento desas datas). A carta é clara por demáis. Xuzguen vostedes mesmos:

"Meu distinto e querido irmán: Tiña coñecemento das aitividás dos nazonalistas católicos composteláns. Consolo e espranza nas trubias horas amarguradas por que pasa unha parte do galeguismo. Dende a derradeira asambrea do Partido onde eispuxen a miña opinión loito en conversas e cartas pra o afastar da roita que leva. Están, como Vde ben dí, amparando unha (nova) figura do proceso de desgaleguización. Eles, por o menos unha minoria ben se decatan do feito, pro coidan atallalo despois de conquerir a autonomia, engadindo que grazas aos seus esforzos téñense coutado moitas cousas noxentas na Galiza. Isto é certo en alguns casos, mais non pode xustificar a sistemática aititude d"un partido. Eu teño sufrido moito. Entendo non ser home de aición. Traballando xuntos tantos anos ráchaseme o curazón ca idea de térme de afastar de eles. As consideracións de Vde refrexan fidelmente as miñas loitas interiores. Mais privado do esprito de orgaizazón, priguizoso e neboento ¿que podería eu faguer?. Non penso que o meu nome poidera ser bandeira. Pro cando chegue o momento tereime de arredar do Partido, e dada a maneira como se desenvolveu o debate na asambreia ise intre soio pode presentárese na proisima asambreia na que atacarei en conxunto toda a política do Partido. Quero obrar con completa craridade. Cecais estou contribuíndo a unha obra má ou pol"o menos imperfeita a pesares da miña constante oposición. Teño a espranza de traelos ao rego. Unha espranza raidosa que se desfai. Pol"o pronto mando artigos a Nosa Terra, e sigo afastado de toda intervención política. Desexo a asambrea e traballo pra que se faga logo. Despois témos que trazar unha nídia aición: a seguida por Vdes, a que foi propria do primeiro galeguismo. Namentres considéreme cinguido as aitividas dos nazonalistas católicos de Sant-Iago. Escribin "témos" mal escrito, debendo dicir "teño" con Vdes, mais non en posto direitivo para o que non teño fólego e cecais ben logo non terei nin saúde. ¿Que podo faguer pol"o pronto?. Agradezo moito a sua carta que non respondin porque foi a Trasalba e volveu eiqui tras de min, e prégolle a Vde e demais irmáns que me escriban moito. Esta noite sintome mais desacougado que nunca. Teño novas de Castelao e dóeme miralo en Madrid, perdendo persoalidá, desdibuxada na (?). Perdoe que as miñas palabras parezan dubidosas. En xeneral eu son oitimista. Mais paso por unha crisis que me non deixa. Namentras, e confiando en Deus e no inmorredoiro esprito da Terra, reciba unha aperta do seu agradecido irman na Galiza
R. Otero Pedraio"

30 dic 2006























Cidade da Cultura

Segue a falarse da Cidade da Cultura e o tema dará, para ben ou para mal, para moitos anos. É preciso sen dúbida que un país teña as estruturas necesarias para preservar a súa Memoria: Bibliotecas, arquivos, novas tecnoloxías, Museo da Historia (que non existe), etc. O complexo de Gaiás terá que atender a todo iso. Pero as inversións multimillonarias e os hiperbólicos orzamentos non se gastarán niso. Estase a usar de novo o reclamo da cultura-espectáculo, inserta nunha cidade que en si mesma é o maior espectáculo cultural. Para xustificalo acódese a argumentos tópicos: acudirán centos de miles de persoas... Lembro cando no mundo progresista se debatía sobre a cultura popular e cando subliñabamos os libros de Hauser e de Ricardo Carpani. Canto tempo pasou? Ese é un discurso arqueolóxico: ninguén pensa xa nesas claves. O pobo só se reclama como espectador. E ás veces nin iso.
(Imaxe de Emile Schildt)

29 dic 2006


Dicía Castelao...

Dicía Castelao, no seu Diario 1921, que a arte nova que el viu en Francia estaba dirixida polo xenio do absurdo e arredada do sentido común. O tempo iguala a chegada das novidades artísticas, pensaba o rianxeiro, “pero as Terras son difrentes e a Terra é a nai de todalas Artes”. Esa Terra, como cerne do elemento identitario, era o que Castelao buscaba nas vangardas. E non o encontraba. Por iso si se entusiasma, en cambio, cos pintores rusos que ve en París. Ou cos primitivos flamencos, holandeses e alemáns: sobre todo ca obra do Bosco, de Brueghel o Vello e de Huys, ese universo de elementos fantásticos que copiou no seu “Diario 1921” e no que se inspirou máis dunha vez, mesmo nos seus deseños antifascistas. Sorprende, con todo, que Castelao non entendera a forte relación entre estes artistas (e tamén outros simbolistas dos que fala) co propio surrealismo da vangarda.

28 dic 2006


Recoñecemento a Bóveda e ás vítimas do franquismo no Parlamento Galego

Curiosos os xornais de hoxe: cadaquén conta a feira como lle foi nela. Seica o Parlamento Galego aprobou un certo recoñecemento das vítimas do franquismo e de Bóveda particularmente, cos votos do BNG e PSdG-PSOE e un certo apoio parcial (?) do PPG. Galicia Hoxe cóntao así.
As páxinas galegas de El País (non accesibles dende a rede, creo) insiste máis na postura negativa do PPG, con este titular: "Los populares se niegan a apoyar la reparación de las víctimas del franquismo". E o subtítulo: "El Parlamento pide que no haya centros públicos non nombres de figuras de la dictadura". Segundo El País, o seu portavoz dixo que a iniciativa era revanchista, sectaria e maniquea e que podía reabrir feridas e friccións pechadas na Transición. Pola súa banda o Faro de Vigo titula: "El Parlamento, con la abstención del PP, insta a resarcir a las víctimas de Franco". En fin, que hai que ler todos os xornais para saber qué pasou no Parlamento e aínda así tampouco me quedou demasiado claro.