31 may 2008




Feira do Libro: Agustín Fernández Paz
Esta mañá inaugurouse na rúa do Paseo a Feira do Libro. Dúas notas sobre algunhas intervencións.

Os políticos.
O libro fai milagres: asisten (e falan os dous) o alcalde e o tenente de alcalde, xuntos, cousa non habitual.
Alexandre Sánchez Vidal insiste na imaxe de Ourense como Universo Literario e evoca as figuras e a obra de Blanco Amor, Carlos Casares e Méndez Ferrín. Felicítase polo premio Nacional a Ferrín e reclama o seu Nobel (“xa tivemos a Saramago, Nobel en lingua galego-portuguesa, este sería o segundo”). Por dúas veces cita a Manuel Outeiriño e a min mesmo como “Creadores e estudosos dese Universo”, quizais tamén por estarmos os dous presentes. Cita tamén a “Chesi” e creo que a algún autor máis. Agradézoo, en todo caso.
O alcalde, Francisco Rodríguez, cita pola súa banda libros: as últimas novelas de “Chesi” e “do meu amigo Caneiro”, pero tamén dous títulos moi recentes de Carlos Ruíz Zafón e de Ken Follet (recomendacións de lectura?).

O pregoeiro oficial, Agustín Fernández Paz, maxistral, como era de agardar. Empeza dicindo que “vén a diario por Ourense a través de As Uvas na Solaina, ese blog imprescindible de M:V.” (todos os meus agradecementos). Fai un percorrido amplo polos autores ourensáns: moitos dos xa citados e moitos outros como Álvarez de Nóvoa ou Diego Ameixeiras. Loubanzas entusiastas para “Xente ao lonxe”, “gran novela á que volvo moitas veces”. Os esteos do seu discurso son firmes e ben resistentes: Cunqueiro, Blanco Amor, Valente, Paul Auster, etc. Remata cun canto optimista á cultura do libro e a demanda enérxica dunha maior visibilidade nos escaparates das librarías para o libro galego (“que os nosos títulos non estean sempre ocultos no montón de “los de gallego”, dixo”).

30 may 2008




Faltriqueira no Campus (onte)

Eu non puiden asistir, pero seica foi un éxito a actuación de Faltriqueira, cun cento de persoas escoitando. Trebolle dá conta do suceso cultural.

Romeu hoxe
Un humorista (El País), que non me gusta moito, pero h0xe dá no cravo.
Un asesor torpe? (en La Región, quen cho dixo?)

"Por qué disque el conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu, se ha mostrado como un auténtico indocumentado, a juicio del boss Baltar? Porque aquél acusó a la Dipu (la del siglo XIX, claro) de despedir a Manuel Curros Enríquez en un acto en Calvos de Randín cuando, atestigua el segundo, la gloriosa figura de las letras fue cesado, sí, pero de la Delegación de Hacienda, trasladándose a Madrid para trabajar en ese ayuntamiento. -si será por esos problemas de documentaçao por los que la Cidade da Xustiza (que compete al primero) acumula ya tres años... pero de promesas?"

P.S.: non só Curros non puido ser despedido da Deputación, porque alí non traballou, senón que, ademais, a Deputación ourensá daquela subvencionou a publicación de "Aires da miña terra".

Baltar ten razón (desta vez)
Baltar acusou onte ao conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu, de ser «un auténtico indocumentado que se adica a desprestixiar e a criticar aos demais sen ter a máis mínima noción». O socialista Méndez Romeu facía unhas declaracións o mércores en Calvos de Randín denunciando a moción de censura e culpando a Baltar da mesma. Para «ilustrar» a actuación da Deputación dixo que xa o propio Curros «pagou un alto prezo pola defensa dás persoas máis oprimidas, xa que foi perseguido, condeado xudicialmente e despedido do seu posto na Deputación de Ourense». Ademais de ironizar sobre o feito de facerlle responsable dun acto que, de ser certo «que non ou foi», ocorreu no século XIX, Baltar recordou que Curros volvía a Galicia en 1.878 para traballar en Facenda en Ourense, non na Deputación -coa que nunca tivo relación laboral-. Baltar tamén recordou que a institución subvencionou en 1880 a publicación de Poesías galegas, en 1927 concedeu unha pensión vitalicia á súa viúva, en 1951 colaborou no financiamento dunha pensión ao fillo de Curros e dos actos de conmemoración do centenario e en 2000 participou na recuperación da casa do poeta. (LVG)
Bieito Iglesias
A pegada de Blanco Amor, Vicente Risco, Valle Inclán, Camilo Castelo Branco... na súa narrativa (segundo Paulino Vázquez), na crónica de ECG.

DÚAS PREGUNTAS
Andoliña 30 maio

Sóubose onte o contido das dúas preguntas que Ibarretxe quere formular na súa consulta ós vascos, da que tanto se ten falado. Así está a actualidade política: o galimatías vasco e o galimatías Rajoy.
As dúas preguntas do lehendakari están redactadas cunha chea de palabras agradables: “final dialogado da violencia”, “proceso de negociación”, “acordo democrático”, “dereito a decidir”, etc. A priori case todo o mundo está de acordo con tales propostas. Con todo, hai un pero. Na primeira pregunta o “final dialogado da violencia” está suxeito a esta redacción en condicional: “se previamente ETA manifesta a súa vontade de poñer fin á mesma para sempre”.
E aí está o problema. A banda terrorista non ten ningunha intención de entrar nesa condicional: teno demostrado abondo. De que valería, pois, votar en afirmativo se ETA non vai facer caso ningún do resultado? Por outra parte, se a banda decidise deixar a violencia, xa sobra case todo o resto: que os partidos vascas se dediquen a facer política, sen máis reviravoltas. Os analistas interpretan a consulta Ibarretxe en clave de estratexia electoral. Lexítima, pero frustrante cando se vexa que, rematadas as eleccións, todo vai seguir igual.

29 may 2008












Paseando por Auria...
O Trebolle que non para: imaxes da mostra de Curros Enríquez, na rúa que leva o seu nome, e os versos de José Ángel Valente, na praciña das Mercedes.

Unlla e carne
Hoxe presenta en Compostela Bieito Iglesias o seu último libro (Fundación Torrente Ballester, 20,30 h.).
Bieito Iglesias recrea en "Pan e coitelo" os últimos anos do fraguismo desde un ollar satírico que incide no cinismo e nos rituais do mundo da política, sen omitir o seu lado máis humano .
Xenial tamén o seu artigo de hoxe, de Bieito Iglesias, en ECG:
'La Señora' e posibilidades galegas. de ANXO TARRÍO VARELA (GH. 28.5.08)
Neste interesante artigo, A. Tarrío chama a utilizar as novelas galegas e os seus argumentos como material de base para ficcións audiovisuais en galego.

Fito histórico. Méndez Ferrín, Premio Nacional de Literatura

Os premios nacionais da Cultura galega recoñecen as achegas de Ferrín ao novo horizonte da Literatura do país e os logros da remodelación urbana de Pontevedra. Na categoría de Pensamento e Cultura Científica, o xurado escolleu o edafólogo Franciso Díaz-Fierros, do que destacaron a súa capacidade para colocar na axenda da cultura galega a cultura científica e saber unir a investigación con problemáticas actuais da sociedade galega, como o ambiente. (Galicia Hoxe, Maré)
O xornal Galicia Hoxe publica un especial da Revista das Letras
sobre Ferrín cunha entrevista e artigos de Anxo Angueira, Antón Dobao e Xabier Cordal.

28 may 2008


Documento histórico-visual ourensán (graciñas, Xabimusic)

Velaí a esplendorosa estrea do coro de alumnos-profesores do IES A Carballeira de Ourense, luns 26 de maio. Imaxe tan relevante merece ser ben documentada para a posteridade. Velaí:
Fila masculina, superior (estabamos sobre uns pequenos taburetes): de dereita a esquerda, os profes Rafael González (Ciencias), Xabier López (Historia), Felipe Iglesias (Informática), M.V. (Liter. Galega), José Manuel Fidalgo (Francés), Xoaquín Fernández (Inglés, pero non se ve na foto) e Gonzalo, alumno do ciclo de Sanitaria.
Fila feminina, primeiro plano, tamén de dereita a esquerda: profesora Uxía Méndez (Lingua Española), alumnas Laura Blanco e Paula Campos (2º e 1º Bacharelato Ciencias), profesora Minerva Outeiriño (Matemáticas), alumna Francisca Losada (1ª Bach. Ciencias), alumna Sandra Campos (2º Bac. Ciencias), a miña alumna romanesa Nicoletta Ghiban (3º ESO) e a súa compañeira húngara Andrea Toth; a profesora de inglés Marina Cortizo (non se ve na foto), e Esther Justo (Liter. Española), que nese momento le un poema en galego, mentres os demais lle facemos un coro melodioso de fondo. Tampouco se ven na foto, pero estaban cantando, as alumnas Jessica de Araújo, Noelia López Pérez, Samanta e Aurora Gómez Yahia (alumnas de ESO e Ciclo Sanitaria).
Non puido estar na estrea a compañeira de galego Milagros Roca, por un desgrazado accidente na súa familia, pero acordámonos moito dela e dedicámoslle unha canción con todo o agarimo. Dirixe o director do coro, Xabier Álvarez.
CITA

Ó fundarse unha relixión, o primeiro que desparece é o humor.
(Andrés Trapiello, "Magazine", 25.5.08)
Bilingüismo, de Damián Villalaín (en ANT., 26.05.2008)

Non entendo a xenreira que certos sectores nacionalistas profesan contra unha idea como a de “bilingüismo”. Non entendo qué estratexia normalizadora pode haber detrás de lemas como “as cobras tamén son bilingües” ou “bilingüismo é colonialismo”, exhibidas na recente marcha a favor do galego. Non entendo a pertinencia de agasallar a organizacións como “Galicia bilingüe” cun concepto que goza do aval do sentido común e, por democrático e igualitario, dunha moi positiva consideración social.
Que o reseso batallón de Gloria Lago faga circular unha imaxe falsa e indocumentada do bilingüismo non é motivo de abondo para darmos por boa esa manipulación. Todo o contrario: habería que reapropiarse desa bandeira, explicar que o bilingüismo implica igualdade de oportunidades e de presenza pública das linguas coexistentes e, sobre todo, igualdade de dereitos dos falantes. Esa é a batalla do galego hoxe, ese é o cerne dunha “normalización” que non pasa por unha Galicia monolingüe nin en castelán nin en galego.
Pero hai medios e entidades que se empeñan en clamar contra o bilingüismo, aludindo a historias de “diglosias” que ninguén entende nin lle importan. Un activismo que se empeña en crear un “conflito lingüístico” co castelán no que o galego levaría todas as de perder. Un discurso que segue a vivir de diagnósticos elaborados hai case 40 anos e aínda hoxe non revisados…
Que se pretende co galego? Que sexa a lingua única dos nacionalistas ou unha das dúas da sociedade? A pregunta segue sen recibir unha resposta clara e acaída.














Debuxos de Xohán da Coba... no Tía Matilda (foto Trebolle)




Oráculo de Delfos
(fotos Trebolle)



Moi interesante a charla de David Hernández sobre o Oráculo de Delfos, no Foro La Región (e a sala a rebosar, qué marabilla). Presentouno, con dignidade e acerto, Xosé M. Domínguez Prieto.
Repito aquí o que dixen na miña intervención no coloquio: primeiro, a miña felicitación por ser o ponente capaz de suxerir moitas máis cousas das que dixo. Segundo, unha observación sobre os Oráculos despois do fin (cando rematan en tempos de Juliano o Apóstata): aínda que a Igrexa cristiá os considerase como demoníacos, as igrexas medievais souberon utilizar as súas formas e elementos simbólicos, readaptados, cando non os lugares de culto (en Galicia sabemos moito disto): o ponente deume a razón e puxo moitos exemplos de Grecia e Exipto de reutilización posterior destes Oráculos pagáns. Finalmente, engadín que, visto o que dicía David Hernández, sobre as relacións entre o poder político, a maxia e adiviñación, hoxe temos tamén outros Oráculos igualmente eficaces e potentes: os grandes medios de comunicación.
Fío Musical (20), de Arume dos Piñeiros
PUNK IS NOT DEAD

No ano 1976 fun por primeira vez a Londres: daquela nace a miña comprensible devoción anglófila. Voltei ao ano seguinte (o ano do xubileo da Raíña Isabela II) e puiden ver polas rúas do Soho e de Piccadilly aqueles tipos de cabelos tesos, con aquelas cazadoras negras e cremalleiras oblicuas por todos os lados. O número 1 daquel verán era o inesgotable Elton John, pero xa comezaba a rular o God save the Queen dos Sex Pistols. Tras escoitar aquela furia, veloz e vertixinosa, xa nada podía ser igual. Con eles, os Ramones e, como cumio daquel movemento, o mítico London Calling dos Clash. Nunca cheguei á imitación completa (algunha cazadora aínda fica no armario), pero teño que confesar que o punk foi para min unha das miñas preferencias. Aínda hoxe, escoitar a explosión das Spanish bombs ponme a cen.
Fío musical (19), de Gustavo Peaguda

The TimesThey Are Changin Vs So You Want To Be A Rock and Roll Star. The times they are a changin´ cantaban os nosos politicos de esquerdas naqueles anos mozos na compostela mitica. Poderían hoxe eses homes e mulleres asinar o que escribiu Jean Paul Sartre no prologo da novela de Paul Nizan " Aden Arabia" no ano 1960 :" Comunicar os xovenes desconocidos a nosa cordura e os bos frutos da nosa experiencia?. De dimision en dimision. só soubemos unha cousa: a nosa radical impotencia". Por iso co tempo alguns poden pensar que seria mellor que aqueles xovenes cantaran " So you want to be a rock and roll star" a berro limpo. Polo menos o cinismo non presidiría a vida dalguns e se lembrarian mellor do que facian e pensaban cando eran novos. Eu de momento seguirei escoitando as versions daqueles temas que fixeran os The Byrds nos sesenta.

Onte, hoxe, mañá (DESPEDIDA 2º BACHARELATO, 26 maio 2008).
Deixo aquí (está íntegro en Comentarios) o meu discurso do luns no IES A Carballeira, en nome dos profesores do centro. De seguido, algunhas frases soltas para convidarvos á súa lectura.
Falo dunha Galicia moi diferente desta, cando non había televisión nin internet nin xogos de consola. Eu aínda acordo a chegada das televisións ás cidades, na miña infancia, e dos primeiros baños de aseo nas casas das aldeas. Pois antes non os había. O primeiro edificio con calefacción na nosa cidade foi o Hotel Miño, na rúa do Paseo, e inaugurouse con todo o esplendor, no ano 1936. (...)
A barbarie quixo evitalo nin máis nin menos que cunha guerra civil: lograron parar o reloxo da historia uns corenta anos, pero nada máis. Os ideais e ilusións de outrora renaceron nas xeracións que aboiaban ó mundo nos anos 60 e 70: as que puxeron as bases da Galicia que hoxe vivimos. (...)
Porque esas son as nosas raíces. Porque somos fillos desas xentes e deses tempos. Deses nosos avós que marcharon a América, ou logo a Europa, cunha maleta mal atada e as catro regras: Galicia non pode ser ingrata coa realidade inmigrante de hoxe, sería un sacrilexio. Os nosos avós son tamén os marroquís, romaneses e colombianos que chegan agora ás nosas aulas. Que teñen dereito a un mellor destino integrados nesta Galicia aberta a todos/as. (...)
Non é o mesmo a Divina Comedia de Dante que o Chickiliquatre. Non é o mesmo Umberto Eco que María Patiño. Non é o mesmo o xornalismo que o habitual espectáculo de mentiras, desinformación e manipulación que padecemos a cotío. Non perdamos o norte. Lin de moi novo e releo moitas veces a Divina Comedia e sei que aínda nos meus últimos días encontrarei algo valioso en libros como ese; en cambio, dentro duns meses e por sorte, digo eu, xa non lembraremos quen representou a España no 2008 en Eurovisión. Chámase a isto xerarquía cultural. E é necesaria para situarnos no mundo. (...)
E houbo persoas que se ergueron e convocaron á loita contra a escravitude, contra a discriminación racial ou contra a explotación das mulleres. Todos eles, e elas, foron adiantados ó seu tempo: o primeiro que tiveron que facer foi convencer ós seus contemporáneos que unha sociedade de escravos non era o máis xusto, que a discriminación dos negros non era a vontade de Deus ou que as mulleres eran algo máis que bestas de carga e seres sen dereitos. Non lles foi doado, seguro, porque sempre é máis fácil deixarse levar polo pensamento dominante. (...)
Lembrade a Goya, o xenial pintor, cando realiza, xa no remate da súa vida, un fermoso debuxiño dun vello de longas barbas brancas camiñando, apoiado en dous caxatos. O debuxo leva un pequeno texto debaixo que é toda unha filosofía da vida: “Aún aprendo”. Con ese optimismo, con esa esperanza, con ese entusiasmo, calquera reto que vós decidades afrontar nos novos capítulos da vosa novela vital pode ter éxito. Que teñades tamén toda a sorte necesaria para facer esa viaxe salvando todas as treboadas ata a ben amada Ítaca.
"Aún aprendo". PAN POR PAN mercores 28 maio

O pasado luns fixemos no Instituto de A Carballeira o acto solemne de despedida de curso de 2º de Bacharelato. E foi ocasión axeitada para a estrea dun coro do Instituto, formado por alumnos de todas as idades e profesores, con catro cancións: en galego, inglés e latín. O argallante de todo é Xabier Álvarez, mestre de música e de moitas cousas máis, que nos puxo as pilas e nos converteu en “chicos do coro” a algúns que somos, para a nosa desgraza, analfabetos musicais. Pero o coro gustou e moito. No meu discurso de despedida ós alumnos e alumnas faleilles do famoso debuxo de Goya no que se pintou a si mesmo, xa moi velliño, camiñando apoiado en dous caxatos e por baixo o lema: “Aún aprendo”. Canta verdade! Non pasa un día nas nosas vidas que non teñamos a oportunidade de aprender algo: quen me ía dicir a min que, cumpridos xa os 50, ía eu cantar nun coro?

27 may 2008

en poleiro alleo
A ferocidade do Partido Popular (X.M. Sarille, ECG 27.5.08)
Se entre eles son capaces de insultarse e agredirse así, é fácil imaxinar o que estarían dispostos a facer cos demais se gañasen as eleccións e obtivesen o monopolio da estaca e a mordaza. Despois deste espectáculo, seguro que a maioría dos votantes do PP están espantados coa súa decisión de meter e...