26 oct 2006
(Outro éxito da fornada de COU do antigo Instituto Masculino, hoxe Blanco Amor...)
C. p. santiago) La Voz de Galicia, 26-X-2006
Claudia Grandal resultou ser Manuel Guede Oliva, profesor, escritor e quen foi director do Centro Dramático Galego desde 1991 ata o 2005. A autoría da peza teatral Ocaso Otero , gañadora da décimo quinta edición do premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais desvelouna onte o propio interesado, que tomou prestado o pseudónimo dun dos personaxes dunha novela súa que publicou a finais dos anos oitenta, Vésperas de Claudia . Manuel Guede, que obtivo o premio convocado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) por maioría do xurado presidido por Laura Tato, creou un certo misterio ao non indicar na plica o seu nome. Só fixo constar o DNI e un número de teléfono. O texto, elixido entre 24 candidatos e presentado baixo o lema AGLAV (Valga ao revés) relata o regreso a Galicia de Carolina Otero, La bella Otero , para matar ao home que a violou. Guede declarou que non aportou o seu nome pola necesidade que sinte de protexerse, porque ten sensación de acoso. «Presenteime ao premio porque quería gañalo antes de que lle cambien de nome ou lle poñan límite de idade», engadiu.

Poetas da guerra.
(Pan por Pan xoves 26 outubro)
Dende a Sección de Literatura do Liceo estamos a conmemorar nestes días a catro grandes voces da literatura española: Miguel Hernández, Antonio Machado, Unamuno e Federico García Lorca. Onte tivemos un recital cun grupo de 25 mozos e mozas de varios institutos, que leron os seus textos: un encontro emotivo e enriquecedor para todos os que alí estabamos, mozos e maiores. Entre todos eles quizais estea máis esquecida a inmensa figura, de curta vida, de Miguel Hernández (na imaxe), o creador de “Nanas de la cebolla”, “El niño yuntero”, “Umbrío por la pena” ou “Canción del esposo soldado”. De orixes moi humildes, Neruda chamouno “o reiseñor pastor de cabras” e demostrou que a sensibilidade aniña en todas as clases sociais. Tamén nos lembramos de Manuel Gómez del Valle: pechamos o acto co seu xigantesco “Manifiesto pastoril a los niños pobres del campo”.
(Nota: o Liceo fará nos próximos meses unha homenaxe semellante dedicada ós poetas galegos e con obra en galego vítimas da guerra, como Roberto Blanco Torres, ou condenados ó exilio)
25 oct 2006

Que sexa para ben!!
Eu alégrome e espero que a cousa vaia adiante, razonablemente ben: o PP xa se dará conta do seu erro histórico...
El Periódico de Cataluña
14:01 SESIÓN DA EUROCÁMARA
O Europarlamento aproba a resolución de apoio ó proceso de paz en Euskadi por 10 votos
El Europarlamento aprueba la resolución de apoyo al proceso de paz en Euskadi por 10 votos
A proposta socialista sae adiante en Estrasburgo malia a oposición do Partido Popular Europeo

Ciencia-ficción.
Un amigo mándame por correo electrónico o trailer de “Children of men” (Fillos dos homes), a película do mexicano Alfonso Cuarón, que se proxectou en San Sebastián. As imaxes son impresionantes: debuxa un mundo caótico, de paisaxes urbanas apocalípticas, pero abondo realistas. Terrorismo, guerrillas e golpes militares, refuxiados e campos de concentración... todo iso forma parte do abano habitual de actualidade. A trama argumental baséase na tenebrosa hipótese da esterilidade mundial: as mulleres non poden ter fillos e o mundo encóntrase cheo de vellos, sen rexeneración posible. A única esperanza desvélase no momento que a cámara deixa ver un corpo espido, dunha moza negra, que tapa coas súas mans o seu ventre preñado.
Os autores de ciencia-ficción pariron soños que, co tempo, fixéronse, case ó cen por cen, realidade. Sucederá tamén esta vez?

Beiras vetado na Radio Galega
Acabo de enterarme por Galicia Hoxe que Xosé Manuel Beiras foi vetado no programa da Radio Galega no que colaboraba. Segundo este xornal, por comisarios políticos da UPG, tema ó que dedica tamén un comentario o director de GH, Caetano Díaz.
Se tal nova se confirmase (cousa que, por desgraza, non me estrañaría nada), iso significa que xa se pasou a fronteira das "boas maneiras" que reclamaba o noso Eduardo Blanco Amor.
E que algúns neoestalinistas están dispostos a todo: moi cedo empezarán a borrar as fotografías do 25 de xullo dos últimos anos para eliminar nas imaxes os rostros de Beiras e de Camilo Nogueira e quen sabe si se todos os simpatizantes dos mesmos (seguro que os teñen ben controlados).
Admítense curriculums para a convocatoria de novas prazas de funcionarios neohistoriadores e neopensadores, na mellor xinea do relato de George Orwell... Como en "1984" alguén quere aquí reescribir a historia e dicirnos o que debemos pensar e o que non.
(Imaxe: o Savonarola foi un bon precursor dos totalitarismos de hoxe).
24 oct 2006


A MEMORIA DA POESÍA
Xornadas en lembranza de Miguel Hernández, Federico García Lorca, Antonio Machado e Miguel de Unamuno
A Sección de Literatura do Liceo de Ourense organiza unhas breves xornadas de lembranza dos poetas españois máis relacionados coa guerra civil. Velaí o programa:
- Martes 24 outubro (20,15 h.). Mesa redonda sobre Miguel Hernández e Federico García Lorca, a cargo dos profesores Manuel Zabal e Severo Pérez, cun recital poético introductorio.
- Mércores 25 outubro (17 h.) Recital Poético con alumnos/as de varios institutos de Ourense.
- Xoves 26 outubro (20,15 h.). Mesa redonda sobre Antonio Machado e Miguel de Unamuno, a cargo dos profesores Adolfo Salgado Pérez e Isabel García Martín.

A ensoñación gobernamental
(Un anaco dun interesante post sobre o BNG e o papel de Quintana no blog Dpaso. Aínda que eu faría algunha matización, en xeral creo que o diagnóstico da situación actual do nacionalismo é axeitado. O que deparará o futuro é unha incógnita (quizais só parcial), creo).
Errou Quintana crendo que o motor do cambio do nacionalismo galego ía ser básica e case exclusivamente a acción de goberno. Confiando na capacidade de transformación e de apertura de novos diálogos cos intermediarios sociais desde a Xunta, desprezouse a importancia de manter activo o proceso de renovación do Bloque. Mesmo, o contrario, entregouse a organización ao control da UPG e despolitizouse a súa dirección nacional. A renovación desde arriba e desde fóra do BNG está condenada ao fracaso se non conta cunha sólida organización de apoios entre a militancia. O camiño non é unha renovación bonapartista desde arriba e desde fóra, senón a organización dos militantes non adscritos partidariamente que queren un cambio real no BNG e a súa democracia interna.A crenza de que só sobre a base da acción gobernamental o BNG mudaría a súa imaxe de partido, arroupándose cos atributos de forza de goberno madura, resultaron fallidos. A presenza dos nacionalistas no executivo galego tamén puxo en claro as debilidades programáticas, moitas inexperiencas na xestión, e evidenciaron, dramaticamente, a ausencia de mediadores sociais realmente comprometidos co BNG na maioría das áreas políticas da súa responsabilidade; nomeadamente no que lle toca ás políticas sociais e industriais, pero tamén ás culturais.

A mala sorte.
Os pobos, como as persoas, poden ter boa ou mala sorte. En outubro de 1956, os húngaros creron nas promesas de desestalinización do líder soviético Kruschev e botáronse á rúa, tiraron estatuas de Stalin e cantaron nas rúas de Budapest a Marsellesa e o himno “De pé, maxiares” do poeta Sandor Petófi.
Quitáronlle a fouce e a estrela á bandeira húngara e reclamaron a legalización dos partidos políticos e a saída do país das tropas soviéticas. Aquela revolta non acabou ben: os tanques rusos tomaron Hungría cun saldo final de tres mil mortos, 350 executados e douscentos mil refuxiados. Non tiveron sorte os húngaros: soñaron antes de tempo coa liberdade.
O resto do mundo nin mirou para eles. Non se podía alterar o difícil equilibrio da Guerra Fría. Como xa sucedera na España de 1936, as democracias fixeron como os moniños eses: nin vían, nin falaban, nin escoitaban. (Imaxe da pintora inglesa Ruth Franklin)
22 oct 2006

Salvado pola música de gaita: así naceu a gaitoterapia
Camilo Martínez era un mozo da Peroxa, de 22 anos, soldado, que estivo internado no Hospital militar de San Ambrosio da Habana no ano 1885. Ferido, estivo en estado cataléptico durante 14 meses, con períodos de depresión intermitentes. Os doutores déronlle un diagnóstico de “catalepsia por nostalxia” e prescribiron unha curiosa curiosa estratexia de curación: mandaron poñer un gaiteiro tocando muiñeiras e fandangos con gaita galega na cabeceira da cama.
A cousa foi ben e logo lle puxeron tres gaiteiros, un de Ribadavia, outro de Valdeorras e outro de Penalba. O caso é que curou: a música da terriña lle espertou o espírito e fixo nel un efecto maior que todas as medicinas do mundo, como contaba Lamas Carvajal en “O Tío Marcos d´ a Portela” (1885).
O amigo David Simón escribiu sobre o suceso www.alternativadecontenidos.com) : así naceu a gaitoterapia.
O caso de Camilo Martínez, o mozo da Peroxa salvado da nostalxia coa gaitoterapia, non foi o único. David Simón lembra outro caso recollido na prensa no 2004: unha muller de Noia, con sesenta e moitos anos, residente en Miami e en contacto coa súa familia galega por teléfono, sufriu un atraco con agresión que a levou a padecer un episodio amnésico-disociativo, esquecendo a súa identidade, perdida nunha residencia de enfermos vellos. A muller, no seu semimutismo, cantaba cancións de Pucho Boedo e dos Tamara e grazas a iso remataron por localizala os seus familiares de Noia, pois algúns pertenceran a grupo musical. Un empregado desa residencia confírmalles por teléfono que hai alí unha muller, parecida no físico á que buscan, que pasa todo o seu tempo cantando “Galicia, Terra Nosa” e “De Santiago vengo”: a música en auxilio da vida e da memoria.
(Na imaxe unha pintura de Hendrick Terbrfugghen, 1624)
21 oct 2006

Roteiro irmandiño polos castelos de Galicia
Xabier Feixóo, do concello de Sandiás, está a traballar conxuntamente coa xente de Cultura Galega.org, na organización dunha especie de Tour irmandiño, isto é un
roteiro irmandiño polos castelos de Galicia, que revalorizaría lugares como o castelo de Moeche, a torre dos Andrade en Pontedeume, o castelo medieval da Rocha en Compostela, os de Soutomaior, Monforte de Lemos, Monterrei, etc : velaí o proxecto, que parece do maior interese.
(Nun fío dos últimos días, Gustavo Peaguda e outros amigos referíronse varias veces á figura de Euxenio Montes. Para eles rescato este anaco dun traballo meu antigo, onde fago referencia a un suceso pouco coñecido: a súa presentación nas Constituíntes de 1931)
Nesta liña hai que situar a candidatura de Montes, que tiña un aceno exótico e provocador, propio de certas poses do mundo intelectual da época, o que creou certa confusión na prensa local, pois para uns medios era un republicano indepñendente e para outros, como “La Región”, era socialista, quizais porque un seu irmán era entón alcalde socialista en Bande. A calificación que lle outorga o diario católico sorprende no futuro publicista falanxista, pois daquela xa era firma habitual en xornais situables no campo da dereita como “La Época” ou “El Debate”.
O escritor de Bande non fixo campaña pública activa na provincia. Limitouse a distribuir un manifesto dirixido “a los obreros e intelectuales” onde descalificaba o resto das listas electoris, esixía para os candidatos “capacidad intelectual y pureza ética” e afirmaba que o seu labor en Cortes centraríase nos temas relacionados co ensino e a Universidade. Sobre a problemática galega e os temas económicos, engadía que interviría en Cortes “para reclamar todas las justas exigencias de Galicia, hasta el límite máximo que permitan la cohesión nacional y la universalidad que caracteriza a la cultura. Yo intervendría, en fin, en problemas económicos de acuerdo con la actuación del partido socialista, cuyo criterio comparto en esta materia en su totalidad”, declaración esta que o situaba no campo socialista que lle apuña o diario católico e conservador da cidade.
Como era previsible, a candidatura de Montes, sen apoios partidarios nin sociais precisos, non podía ter éxito. Non obtivo o arelado escano pola provincia ourensá, pero quedou nun posto intermedio, o número 18 entre os 29 candidatos presentados, cun total de 14.457 votos, moi por riba de figuras de maior relevo político, como o conservador Luis Espada Guntín, o católico Mariano Vidal ou os republicanos Roberto Blanco Torres e Tertuliano Hervella, entre outros.

(Eu, sinceramente, non perdería o tempo en facerlle retoques co ordenador...)
Noticia de EFE recollida hoxe polo Faro de Vigo:
La actriz italiana Mónica Bellucci, que participa en Roma en la Fiesta Internacional del Cine, reconoció que sus fotografías son "retocadas" para que luzca "una belleza perfecta" y "vender un sueño", según publica el diario romano "Il Messaggero"."Cuando miráis mis fotografías veis una belleza perfecta, pero que no corresponde con la realidad, porque las fotos son retocadas. Son imágenes falseadas de la realidad para vender un sueño, hoy funciona así", reveló la artista, que ha actuado en películas como "Matrix Revolutions", "Matrix Reloaded" y "La pasión de Cristo".El fotógrafo de estrellas más famoso de Italia, Enrico Lucherini, aplaudió la valentía de Bellucci por esa confesión y agregó que en la actualidad "todos piden un retoque en las fotografías para hacer desaparecer los defectos y verse más guapos de los que son". La fotógrafa de divas, Angela Lo Priore, coincidió con Lucherini en que las estrellas piden siempre "correcciones" en sus imágenes, para aumentar el volumen del seno, quitar arrugas o adelgazar los muslos, entre otros aspectos. Y es que hoy la imagen se ha convertido en una poderosa herramienta para modelos, actores y artistas en general. Otra cosa muy distinta es que después reconozcan que su imagen ha sido "maquillada" para resaltar la belleza al máximo. No son muchas las estrellas que como Bellucci reconocen pública y abiertamente que las fotografías de los posados han pasado un corrector para perfeccionar ciertos aspectos de su físico y ese arrebato de sinceridad la honra
20 oct 2006
Celebramos hoxe a cuarta tertulia do Liceo (xuntámonos agora no segundo piso, nunha saliña en exclusiva para nós sós) e, como xa sucede unas anteriores, foi moi densa e enriquecedora. Tanto que vai ser moi difícil resumila aquí, só aspira a apuntar algúns dos temas que se trataron para que os lectores (e tamén os que non puideron asistir) se poidan facer unha idea de cómo foi a cousa. En primeiro lugar, paso lista: estaban nesta ocasión Antonio Piñeiro, Pepe Trebolle, Pilar Charro, Javier Casares, Serafín Alonso, Rosendo Fernández, Sexismundo Bobillo, Abelardo de Gabriel, Xulio Prada, Carlos Varela, César Ansias e este cronista, ademais de Millán Picouto e Xerardo Méndez, que cito ó remate porque viñeron por primeira vez e se incorporan así ó núcleo inicial.
Retomamos inicialmente o tema da última cita –políticas culturais- falando do noménclator urbano: da xa aprobada no Concello, pero non cumprida retirada de todos os nomes franquistas da cidade (quedan aínda Coronel Ceano, Capitán Eloy, Xeneral Aranda e algún máis). Tampouco se levou a cabo a tamén aprobada (contouno Millán, concelleiro daquela) recuperación dos nomes históricos, medievais, do casco antigo. Puxéronse exemplos doutras cidades de España en que a cousa é peor (Santander, etc.), pero iso non lle resta importancia ó caso ourensán. AG amosouse sorprendido pola falla de referencias en Granada a García Lorca, agás un parque a el dedicado, onde sobran en cambio nomes franquistas.
Despois a cousa saltou á memoria da guerra e da represión e falamos abondo: de cómo foi a represión, do silencio de tantas xeracións, da propaganda que ocultou todo no franquismo. E das formas de sociabilidade na posguerra: quen non pasaba por Acción Católica pasaba polo Frente de Juventudes, non había máis, ou pola Sección Feminina (CV comentou o documental emitido en TV sobre a Sección Feminina –eu non o vin- onde mulleres de moitas anos contaban aínda orgullosas a súa pertenza á mesma); PCh contou dalgunhas xornadas que lle tocou participar e do que se facía nelas, arredada da política, dicía (quizais, engado, porque a concepción machista do réxime esixía xa que a muller estivese fóra da política).
XP e máis o cronista falamos abondo do Ourense da época, a partir dos nosos estudos, e do poder da dereita católica que todo o controlaba dos anos 30 en diante. XP amosouse convencido de que a Falanxe, que só medra a partir de febreiro do 36, foi despois convertida no partido de grupos de choque de Franco, pero non se pode considerar, nese momento, como un partido fascista, agás en núcleos moi reducidos. Os fascistas orixinais foron neutralizados e Franco fixo e dispuxo todo o que quixo, neste país de sacristías e hisopos (desto temos falado aquí máis veces).
Tamén falamos moito do papel das tertulias de posguerra e das Academias privadas onde se refuxiaron os profesores represaliados: Albino Núñez, Manuel Luís Acuña, Vicente Bóveda, etc. (qué interesante sería un estudo histórico ó respecto). Houbo anécdotas simpáticas: AG contou do Raúl, que moitos vían moi comedido, cómo, nun día de chuvia moi intensa, lle dixo a unha alumna moza: “Ves ese cano a rebordar de auga sen parar. Pois así mexa o bispo”. Despois de rirnos un pouco, relacionamos isto co tradicional anticlericalismo que marcaba o republicanismo e a esquerda ourensáns dende vellos. JC deleitounos con varias anécdotas dos mozos católicos de Xinzo (nos que el ía) que xogaban ó fútbol contra os de Falange e estes metíanlles grandes malleiras (5-0, etc.); logo, ó rematar o partido, ían a un local onde había protestantes, vixiados de perto polo crego, e alí lles cantaban aquilo de “Protestante, protestante/ vete fuera de esta patria/ que aquí estamos, los del Sagrado Corazón” (a cita non é literal, pedireilla con detalle a Javier Casares).
MP amosou a súa tristura pola historia do país: nas escolas estamos sempre co mesmo, esta etapa foi moi mala para o galego e a cultura, e logo vén outra, e tamén foi mala, e sempre así... todo escuridade, sombrío... Só nos queda, engadín eu, destacar os momentos de luminosidade que xurdiron en medio desa triste historia nalgunhas das súas personalidades máis valiosas. E tamén falamos do exilio, da persecución de todos os relacionados co Frente Popular e dos problemas naquela época de personaxes como Celso Emilio Ferreiro ou Ramón Cabanillas Enríquez (pai) e da importancia que puido ter nalgúns casos algún parente crego ou falanxista para salvar a cara: un irmán de Celso Emilio (Sindo) tiña un cargo relevante na Falange ourensá, como contou Antonio Piñeiro.
En fin, saíron moitas máis cousas, pero sería imposible resumilas todas. Pero os lectores/as percibiran cando menos que si celebramos ben o Ano da Memoria. E nesa liña seguiremos.

Fonte de informação valiosa
Reenviada pola AELG, esta mensaxe que pode interesar a moitos lectores/as:
Imaginem um lugar onde se pode ler gratuitamente, as obras de Machado de Assis, ou A Divina Comédia, ou ter acesso a contos infantis de todos os tempos. Um lugar que lhe mostrasse as grandes pinturas de Leonardo Da Vinci, ondesepode escutar músicas em MP3 de alta qualidade.Esse lugar existe!!!! O ministério da educação disponibiliza tudo isso, basta aceder ao site: www.dominiopublico.gov.br
Só de literatura portuguesa são 732 obras! Estamos em via de perder tudo isso, pois vão desactivar o projecto porfalta de uso, já que o volume de acesso é muito reduzido. Vamos tentar impedir esta desgraça, divulgando e incentivando amigos, parentes e conhecidos, a utilizarem esta fantástica ferramenta de disseminação da cultura e do gosto pela leitura. Maria Augusta Araújo

Franco lexionario.
Di Paul Preston que Millán Astray foi a persoa que máis influencia exerceu na formación moral e ideolóxica de Franco: nomeouno o seu segundo xefe e comandante de campo e upouno a dirixir a Academia Militar de Zaragoza. De Franco soldado en África tamén quedan historias lóbregas: el mesmo lle contou ó seu curmán como ordenou fusilar a un lexionario por non gardar o respecto a un superior por un incidente insignificante arredor da comida.
Na Lexión adquiriu Franco a teoría nacional-militarista que logo impuxo dende o poder: odio ó liberalismo e o Exército, encarnación da patria.
En 1906, un ano antes de iniciar Franco a súa carreira militar, Millán Astray casaba con Elvira Gutiérrez de la Torre, filla dun xeneral. Ó rematar a voda, “Elvirita” díxolle que xurara castidade de por vida e así foi: converteuse en criada do seu marido para sempre xamais.
(Imaxe: "Franco, o asasino", de Luís Seoane, do álbum Trece estampas de la traición).
19 oct 2006

Millán Astray.
Sempre me sorprendeu que persoas sensibles e intelixentes (poñamos un Günter Grass ou un Ingmar Bergman) tivesen caído na súa mocidade na tentación de militar en grupos nazis ou fascistas. Tamén houbo en España poetas seducidos polo fascismo, dende Eugenio Montes ata Giménez Caballero, algúns mesmo grandes escritores como Cunqueiro ou Torrente Ballester.
E qué pensarían eles de personaxes como Millán Astray que cada día convocaba os xornalistas de Salamanca a golpe de silbato e os mandaba poñerse en fila para que escoitasen as súas arengas cotiáns?
Un individuo que recomendaba cantar ós lexionarios para combater o medo e que un día fixo formar a súa escolta cantando o “Himno da Legión” mentres o dentista lle quitaba unha moa, por certo seica asustado: o concepto “esperpento” tiña que nacer neste país, sen dúbida, don Ramón.
(Imaxe: o impresionante retrato de Millán Astray, por Luís Seoane no álbum Trece estampas da traición.).
18 oct 2006

Literatura galega
Técnicamente, é o idioma empregado o que caracteriza ás distintas literaturas. Cando falamos da literatura alemá, non coidamos nos poemas que escribiron en francés Goethe ou Rilke. As novelas de Pierre Loti pertencen á literatura francesa, inda que se desenrole a súa acción ern países esóticos. Nen a nacencia do autor nen os ambientes descritos son criterios axeitados pra determinar a incrusión das obras dentro dos marcos dunha ou doutra literatura. Os "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca, son literatura galega. "La Colmena", de Camilo José Cela, é literatura castelá, malia o novelista ter nado en Padrón...
Asi de clariño o explicaba don Ricardo Carballo Calero, xa hai moitos anos, e pensei que todo o mundo entendera (menos, polo visto, Marta Rivera de la Cruz).
O certo é que cansa un pouco xa volver sobre este debate, pero, se a alguén lle interesa, velaí algunhas opinións de Anxo Tarrío, Dolores Vilavedra, González Herrán e Césareo Sanchez Iglesias.
Vaia racha no 2006 no BNG ourensán: o histórico Fernando Pérez, que residía en Pontevedra (Fernando de Sarria); Manuel Quiroga, da comarca de Valdeorras; Pepe Peña, candidato municipal hai anos; agora Roberto Fernández Viñal, concelleiro e voceiro no Carballiño... Que pase canto antes este lóbrego andacio!

O Noivo da morte.
(Pan por pan mércores 18 outubro)
O berro de “¡Viva la muerte!” non naceu en 1936: esas palabras xa as usara Millán Astray para recibir os primeiros lexionarios en 1920. Menudo personaxe! Entre os seus méritos, figura ser o mestre en transmitir a crueldade e a brutalidade a Franco e ós africanistas. Os seus soldados recibiron a Primo de Rivera en 1926 en Marrocos con cabezas de mouros cravadas nas baionetas. Críase un aventureiro como o poeta Gabriele d’ Annunzio e hoxe falan del os historiadores como dun pallaso histriónico. Mutilado e consumido polas feridas de guerra, repartía fotografías e bicos como un Don Juan de opereta. Daba grandes discursos animando ós lexionarios a morrer. Non sempre moi oportunos. Segundo conta Paul Preston, recibiu así ó primeiro grupo de alféreces provisionais en 1937: ¡Alféreces provisionales de hoy! ¡Cadáveres efectivos de mañana!.
(Imaxe: Franco e Millán Astray, dous que tal bailaban)
17 oct 2006

Moi interesante: rúa xudea
Veño de coñecer, só hai uns minutos, a existencia dun blog feito dende Ribadavia e asinado por Xoán Salgado, que afonda no pasado xudeu da histórica vila ourensá. Xa leva meses en marcha e conta con artigos de historia, lingua, etc., de Suso de Toro, Gonzalo Navaza e Carlos Barros.
Moi recomendable, polo que quero compartir a nova cos meus lectores que aínda non o coñezan.