25 nov 2008


Presentación do poemario de Víctor Campio "O aire, a luz e o canto Poesía Reunida 1987-2006"
(Clic na imaxe para agrandar).

23 nov 2008

Dentro e fóra.
Afonso Vázquez-Monxardín.
La Región 22-11-2008

Discútese bastante o nome do sitio este. E xa son ganas. Que se Galiza soa máis enxebre, que se Galicia é como máis ben dicimos a xente do común. Que se dis Galiza cheira a Bloque e Galicia a menos amante do país. Que nada diso. Que si. Que non. Que se tumba que dálle. Que tal e que sei eu... Trapatrapá. Non me meterei nese bulleiro revivido polo alobado mozo de escasos estudos e sen traxectoria profesional que, miren que reviravoltas dá a vida, é presidente da Comisión de Educación e Cultura do noso Parlamento. E así, dicindo noso, vostedes xa me entenden. E aínda que non cumpriría aclaralo fágoo para o teña as entendeiras atravesadas: que tamén conto por nosos o Parlamento Español e o Parlamento Europeo, pois lugar onde temos palabra e onde se coce pan e leis que nos van afectar, son tamén nosos. Pero así, dicindo como dixen ao primeiro, noso, vostedes xa me entenderon e non teño que andar co tema de cia/za, que me acaba coa paciencia, pacencia, pacenza, ou como os señores gusten, que eu, con tal de nos ir enten dendo, aínda que sexa de forma incorrecta, o resto impórtamelles ben menos.

E pois téñolles eu a intuición transversal de que os galegos sentimos un certo pudor cando debemos referirnos ao ente colectivo abstracto que hai por riba das nosas aldeas e cidades ao que sabemos pertencer. Por iso abusamos dos adverbios de lugar. Pois usamos un ‘Aquí’ identitario e colectivo cunha cotidianeidade pasmosa. A maioría de nós diría ‘Aquí cómese de marabilla’ en vez de comezar a frase por ‘En Galicia cómese...’. Tanto é así, que creo que esa cámara de deputados de Santiago se podería chamar simplemente ‘Parlamento de Aquí’. ¿E que me din do adverbio fóra? Se un de Ourense vai estudar a Vigo ou Santiago, sempre usariamos o topónimo alternativo para significar onde debería asistir a clases: ‘Marchou estudar a Santiago’. ¿Pero que acontece se saiu da nosa comunidade autónoma? A cousa é, popularmente, non ten volta de folla. O resto do mundo é simplemente ‘fóra’. ‘Marchou estudar fóra’ significa só iso. Que a universidade pode ser de Zamora, Madrid, Inglaterra, Interlaken, Macao, Montevideo, Zimbawe, Río de Janeiro ou Frankfut. De calquera sitio. ‘Casou cunha de fóra’. Pois dominicana ou asturiana ou de calquera lugar do resto do planeta menos dese ‘aquí’ de 29 mil quilómentros cadrados que, caracterizados por oposición ao ‘fóra’, sería ‘dentro’. Incluso falamos dos ‘galegos de dentro’ -ou de aquí- e os ‘galegos de fóra’ -os emigrantes-.

Tan grande é o ‘fóra’ como fondo o ‘dentro’. Por iso tamén poderiamos nomealo, sen máis, como ‘O Parlamento de dentro’, e tería poética aliteración evocadora de ondas mariñas morrendo en fíos de escuma nos areais de Corrubedo, un día calquera de inverno. E Santas Pascuas.


21 nov 2008



Marcos Valcárcel

XAIME DA PENAAvogado e galeguista.


Un que xa nos se vos emociona por case nada, que debulla na realidade, anota as contradiccións e denuncia todo aquelo que un home pode denunciar, e que nin se ocorre endereza-lo dereito pensa que poucas persoas da nosa terra, quizabes se contan cos dedos dunha man, merecen unha homenaxe coma a que o día 29 se lle vai a dar a Marcos Valcarcel en Ourense.

Sei que nestes días somos moitos, e en tódolos medios posibles os que nos sumamos a esta celebración, que constata a profunda admiración pública que sentimos por este ourensán sabio.

Cada un de nós, ben polo coñecemento directo da súa persoa ou pola súa obra, facemos unha aproximación do Marcos historiador erudito, do escritor pulcro e cosmopolita, do conferenciante exuberante, do profundo coñecedor do galeguismo e dos galeguistas e que día a día, achega a achega, vaite vernizando ata te sentires un privilexiado de ser galego, da túa cultura e do teu país.

Cando Pondal xuntou os dous cualificativos de Bó e Xeneroso, non podía pensar en Marcos Valcárcel, pero o noso amigo, o máis famoso vendimador da rede, o patrón DAS UVAS NA SOLAINA, é especialista en facerte sentir ben, transmíteche a paz xusta para exprimirte no debate, ca seguridade de que sempre che vai axudar para non retirarte derrotado e erguerte o día seguinte para segui-la análise, que é preciso que continúe para illa-la incultura e a soberbia discriminadora.

Marcos tamén ten todo aquelo que sempre quixemos do noso pai e para o noso fillo, a tolerancia suficiente para que te comprenda nun extremo e un sorriso cómplice despois dunha zoupada, !vas caer¡, pero con eso non se nace, eso faise o longo de cincuenta anos, día a día, lectura a lectura e artigo a artigo, e de aí ese bendito respecto profesoral que lle temos os seus okupas, e como dicía o outro senón existira habería que fabricalo. Nós témolo, disfrutémolo.


(Outro millón de grazas máis, tamén para vostede, amigo Xaime. )

Fonte: Xornal.com, 21 de novembro de 2008.

19 nov 2008

Un corazón,
de XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR
El Correo Gallego 18-11-08

Erguinme moi cedo e coas ideas amarradas, para que todo saíse ben no momento de sentar diante destas teclas, que agora se me encerellan completamente. Escribín o título antes de nada, rápido e sen pensalo, porque se refire a Marcos Valcárcel, un recolector de estrelas, de Historia e de palabras e porque Marcos é sobre todo un corazón. Mais o resto do escrito que tamén vai tratar del, rómpeseme constantemente cando parece que quere arrincar.
Quixen prender o fío pola xoiaría familiar ao lembrar a primeira vez que entrei alí. E levaba bo camiño, porque Marcos sempre fixo talla doce sobre aceiros e cobres de papel e de luz de pantalla. Creo que toda esa teima naceu de imitar o pulido do ouro no taller da casa, visto cada día durante a infancia. Marcos lixa e almacena o tempo e as palabras e cando os demais tirabamos coios na rúa, que temperan tamén o carácter, mais doutro xeito, el seguramente se metese para dentro, para buscar a paz e a dozura, á beira do buril e do foco do pai, até acabar converténdose en alfaia de tanto velas facerse. Sendo adolescentes en Compostela regalounos aos máis próximos o candor da súa forza sen conto, que xa daquela consistía en saber reunir o disperso e en procurar a medición ordenada para proclamar Galicia e destrozar o tirano. Sen berro ningún de quen nunca os soubo botar, nin daquela nin nunca.
Eu convídoos a que busquen a súa obra. A que está á vista, todos os días no Galicia Hoxe, o xornal irmán de EL CORREO GALLEGO; en La Región; en calquera dos seus libros e no seu blog que se chama As Uvas Na Solaina, a principal referencia do galeguismo en Internet.
Un grande corazón que impulsa e transporta, desde o pasado para o porvir deste país, e desde a sombra para o entendemento e o amor. Non lle coñezo a outra obra, a do erudito e coleccionista paciente. Tenme falado dela nos cálidos días en que nos retratabamos xuntos e sei que en Ourense hai casas enteiras de arquivos de papel que pola lúcida escolla constitúen talvez a notaría máis importante da Historia de Galicia do último medio século. E todo porque Marcos Valcárcel é tan grande como imprescindíbel.


(Do xefe desta casa: graciñas tamén a Xosé Manuel Sarille con quen compartín tantas cousas e de quen aprendín outras moitas. Menos mal que estes días non saio de casa, porque parecería un semáforo en vermello andante)

18 nov 2008

Obama si pode
ECG. 13-11-08

BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR

Por ter nado eu na Galiza profunda, case me levan lástima os votantes de Kentucky ou Cansas, desa Norteamérica non menos entrañada, que quedaron cun palmo de nefres ao ver na Casa Branca a un tipo bronceado (Berlusconi dixit).
Por parte da cor, aos electores do fosco Sul e do Medio Oeste camponio, non lles chistou un candidato do que temían a suba da contribución e a interdición de gastar armas así sen máis nin mangas. Eses drégolas de barba rubia, camisa a cadros e calzas vaqueiras, que o tópico fílmico pinta enviando cervexa en bares de estrada e que Tom Wolfe describe como langráns dados a tirarse coios na noite do sábado (igual que se acantazaban aquí os rillotes malensinados hai catro días), xa non se consolarán coa idea de que aínda existe unha clase inferior a deles, integrada por pretos marcados co estigma dos devanceiros escravos. Que farán para soerguer a autoestima?
Quizais lle abonde con arrebollar e marcar unha vaca de cornas ganchelas. De resto, en Europa e por estes pagos, a elección de Obama recibiuse con indisimulado contento, pola asa progre e mesmo por varios líderes da asa conservadora. Non era para menos, despois de aturar as meteduras de zoca da Administración Bush, que levantou avespeiros na xeopolítica e deixa a economía aterecida. Outra cousa é o entusiasmo un chisco infantil desatado cada vez que os medios de comunicación publicitan un "feito histórico". Un terzo dos americanos con dereito a voto abstívose, ben polos engarros do sistema electoral, ben porque son personaxes de novela de John Updike e pensan que "a historia sucede, pero non nos sucede a nós agás que nos asoballe".
Un xornalista definiu a Obama como "nacionalista irredento cunha concepción case mítica da patria", apoñéndolle trazas de Ibarretxe. Supoñendo que acertase no retrato, o único seguro é que con el non han poder nin Rosa Díez nin Savater.
graciñas, Xosé Manuel

"Marcos Valcárcel", de XOSÉ M. GONZÁLEZ
Colaborador de
Xornal.com. Luns, 17 de novembro de 2008

Un quere lembrar, e volve ao ano setenta e nove ou oitenta. Certo grupo de mozos nacionalistas, chegando desde a rúa perpendicular ao cine Capitol, xorden pola Porta da Mámoa con afán de recuperar o Entroido rueiro santiagués e facer algo de política. Pepe Barro deseñara un mómaro que porto eu; e na comparsa de dez ou quince o espigado ourensán de gafas elixiu para sátira un atavío balompédico, talvez camisola branca e vermella, desde logo calzón curto. No medio do inverno. Qué novos eramos.

Despois moito choveu, e non só auga. En decenios, o profesor lugués retirado de actividades militantes conservou figuración e imaxe mediática do futbolista por un día. Aínda relevo político, gradual e ascendente protagonismo cultural... Nada imprevisible refutaba aquela silueta xuvenil. E chega o blog. Vese illa ilustrada, abeiro que promete. Entra un sen pedir moito permiso, e o balsámico repouso non esquiva debate gladiatórico. Estímulo de contertulios, achego do patrón, provocan froito rara vez sopesado: escribir un libro. Grazas ás uvas e o amo, xa non queda máis cá árbore para chegar a home.
E deica hoxe. El, motivo e titular desta peciña, leva gañado o que dicían o Miranda e quen asina: constituír arestora único parangón factible para don Ramón Otero Pedrayo. Igual lle agroma roibén nas fazulas, cavilando que aquela enorme sombra non ten hogano semellar. Confundirase. Hospitalidade, erudición, ourensanía. Perciben o aire de familia?
Na presente xeira de homenaxes, diversa voz próxima e ilustre colocará a súa alfaia no panexírico. Eu só quería lembrar e agradecer. Ou moito moito se torce, ou este vinte e nove encontrarémonos alí. Madia leva se non.

15 nov 2008


Cambalache
MANUEL RIVAS, El País 15/11/2008

Cuando era un ángel de la guardia y director general de la Benemérita, Luis Roldán no consiguió nunca ser entrevistado a fondo y en prime time en televisión. Ése era su verdadero anhelo. Lo intentó por todos los medios, pero sólo obtuvo displicencia. Un día tuvo una revelación. Se le apareció en sueños Alfred Hitchcock y le dijo: "Escucha, Rol, muchacho. Cuanto más elaborado sea el malo, mejor será la película". Desde entonces, se aplicó a la tarea, desarrolló lo mejor que supo lo peor de sí mismo, derrochó talento para hacer bien el mal, se sacrificó incluso en penosas orgías y desagradables dispendios, hasta conseguir, no sin alguna incomprensión en este país de la envidia, una meritoria condena de 31 años de prisión por delitos propios de una encomiable voluntad de estilo, como malversación, cohecho, fraude y estafa. Y todo por conseguir una entrevista en hora de máxima audiencia. El guión de Luis Roldán no se entiende de otra forma. Con todos los matices y diferencias pertinentes, ése es también el caso de otros esteticistas como Mario Conde o Julián Muñoz. Por fin empiezan a ser comprendidos. (...)

Amina Lawall e Aisha Ibrahim Duhulow
Afonso Vázquez-Monxardín
LA REGIÓN 15-11-08


Lembran aquela desdentada nixeriana a quen querían lapidar -matar a pedradas, que soa máis duro e claro- por ter un fillo cinco anos despois de divorciada, alá, no cu do mundo, nunha das catorce provincias do norte de Nixeria onde se aplica a Sharia? Seguramente Amina Lawal nos debe a vida e ela ben o debe saber. Pois si. A presión internacional fixo daquela -hai cinco anos- que o caso fose sobreseído polas cortes do país. Nixeria, cos seus defectos e problemas, é un país. Amnistía Internacional, chapeau. Pero o caso de Aisha é outro. Amnistía chegou tarde, chegamos todos tarde, porque Somalia desde hai vinte anos son só unhas raias nun mapa que fan sufrir, cun xogo de alianzas cambiantes entre señores da guerra, islamistas, piratas e ‘occidentais’, que nin os que seguen a actualidade puntualmente dan entendido ben. O tema é que non puidemos facer nada por ela. Só soubemos que vivira pola súa morte.Aisha pasou uns anos da súa nenez no cam pamento de Hagadeer no noreste de Kenia. A guerra leváraa alí da man de seu pai, quen, como optimista, hai catro meses, decidira que as cousas ían a mellor na terra de orixe e volveu con saudade dos parentes.Instalouse en Kismayo, a terceira cidade do sur de Somalia e a última en ser conquistada aos señores da guerra locais, en xaneiro de 2007 polo exército etíope e o Consello de Tribunales Islámicos, e tratou de refacer a vida. O lugar, certamente, ten un clima paradisíaco pero resultou ser o ollo do inferno. Aisha Ibrahim era xa unha mociña que se daba a maior. Tiña trece anos pero aparentaba máis. Axiña, tres desalmados dun grupo armado calquera, violárona. Ela rota pero con ganas de vivir, animada polo pai, foi presentar denuncia ao cuartel da milicia islamista Al Shabab que no mes de agosto pasado, ou sexa cando nós estabamos coa barriga ao sol, se fixo co control de Kismayo. Os soldados, cómplices, ríronse na súa cara e acusárona de adulterio. Por iso debía morrer. Sentenciárona. Un tal Sheikh Hayakalah, dixo que un tribunal islámico que a xulgara e que ela pedira a morte. Tiveron que levar un camión cheo de pedras ata o estadio de fútbol pois era onda a praia e alí só lle poderían tirar puñados de area. Cavaron un foxo e enterrárona viva deixándolle só fóra a cabeza, tapada iso si, cun saco negro. Seica eran mil os espectadores. Cincuenta milicianos empezáronlle a tirar as pedras. Un rapaz intentou auxiliar á nena. Matárono dun disparo, retiránono e seguiron tirando pedras. Cando pensaron que estaba morta, desenterrárona e levárona para certificar a morte. Pero aínda estaba viva. Devolvérona ao burato, seguiron as pedras zoando no aire e impactando na cabeciña da nena ata que acabou por morrer de todo. O pai, os parentes, as testemuñas din que a nena quería vivir e que a deberon levar arrastras ao burato mortal. Noticia tan incrible é incriblemente certa. Al Jazira fala dela. E mentres aquí, inútiles, discutimos sobre o sexo dos anxos, sobre desenterros, sobre se a raíña pode opinar ou non de terminoloxía e case ninguén falou de Aisha. Que lonxe nos caen esoutros mundos que están tamén neste mundo...

14 nov 2008


En carne viva (fragmentos)

- Que, seica imitando ós grandes do boxeo para conseguir uns cantos puntos de sutura nos beizos, non?, dixo Afonso cando entrou na habitación do sanatorio de visita.

A realidade era moito menos novelesca e cinematográfica: unha simple caída, ó erguerme do sofá, afociñando de fronte contra o chan e batendo cos dentes contra o parqué como o mellor porteiro cando vai parar un posible gol, engadindo neste caso bastante sangue espallada dende os meus beizos. A María e a Eire, pois as dúas estaban na casa, custoulles levantar os meus oitenta e cinco quilos. Fixérono cunha cadeira e logo pedín ir ó baño, porque pareceume que quería vomitar. Pero, chegado alí, fóiseme realmente a cabeza e María, asustada, foi chamar unha ambulancia, mentres a miña filla me sostiña sentado no servizo, eu inclinado sobre min mesmo, pero sen caer. Daquela debín perder o coñecemento moi pouco tempo, quizais un minuto ou moito menos, non o sei. Espertei oíndo berrar a Eire: “Papá, que che pasa?”.
Por fortuna, case dous días despois e feitas todas as análises e controis habituais, os médicos non viron nada especial nin danos novos. Iso é o que di a ciencia. Eu teño outra incógnita: dese minutiño que eu pensei soñar e debín perder o coñecemento de xeito moi transitorio, non lembro case nada. Pero creo que soñaba, imaxinaba, lembraba, eu que sei, unha paisaxe de verdes moi fortes, arredor dun pozo ou dunha congostra ou algo así. Moito me gustaría saber de onde procede esa paisaxe ...
Sapoconchos nas uvas da solaina

Se alguén lle pode respostar, seguro que o agradece:

Boas. Buscando no jujel atopei unha referencia no seu blog os sapoconchos no Arnoia, xustamente en Xunqueira de Ambia. Estaria interesado en calquera referencia historica da zona, xa que se está a facer o plan de conservacion e calquera zona que quede fora agora será mais dificil de que poida ser incluida despois.
Saudos,Cesar-- Vocal de Conservacion AHERede de Observación Ambiental de Galicia (ROAGA)CINAMCentro de Investigación e Información Ambiental - Lourizán Estrada PO-546 Pontevedra-Marín, km. 4Apdo. de Correos 127- C.P. 36080Lourizán - Pontevedra-Spain
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO. CADERNO ABERTO
Marcos Valcárcel, intelectual e historiador, galicia hoxe 14-11-08


Se un intelectual é aquela persoa que produce, e en certa maneira administra, os contidos culturais representativos da sociedade, o historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel responde perfectamente, sen dúbida, a ese retrato; e aínda a definición, no seu caso, fica curta e merece ser ampliada nos pormenores que lle afectan. Eu vexo a Marcos Valcárcel no papel que lle asigna ao intelectual Mario Bunge -o intelectual é aquel que busca a verdade e a difunde, di o filósofo-, mais, ao mesmo tempo, navegou e navega o noso amigo polas augas do que Pierre Bordieu -autor dun texto a estes efectos imprescindíbel: Contra a política da despolitización- consideraba absolutamente necesario como forma permanente de compromiso: a restauración da política, a acción e o pensamento. Velaquí, todo sumado, o perfil nidio de Marcos Valcárcel. E todo isto vén a conto porque o historiador, o profesor, o escritor, o homme de lettres, vai presentar nos próximos días na cidade das Burgas un novo libro, Historia de Ourense, obra esta que se unirá a ese inmenso labor de investigación, documentadísima en todos os aspectos, que Marcos Valcárcel leva realizado, relacionando -é un dos seus puntos maiores de interese- a historia cultural, social, humana e política do galeguismo coa cidade de Ourense. No ano 1987 publicaba xa unha obra titulada A prensa en Ourense e a súa provincia, e logo virían títulos como Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (1988), A cidade da Xeración Nós (1996) e Ourense, craro río, verde sol. A cidade na voz dos seus poetas (2001), entre outros. E non quero esquecer aquí outra obra: Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998). Agora o excelente profesor e tamén gran xornalista literario, compañeiro nas páxinas de Galicia Hoxe, publica unha Historia de Ourense, e os amigos de Ourense e da Galiza toda decidiron facerlle unha homenaxe: puro acto de xustiza poética cunha das figuras máis importantes da cultura galega do noso tempo. Alí estaremos.


(Da miña banda: graciñas, de corazón, a Fernán-Vello e a Pepe Paz polos seus artigos de hoxe, fillos máis da amizade que das miñas cualidades)
Marcos Valcárcel, ourensano exemplar
José Paz Rodríguez
LA REGIÓN 14-11-2008


Hai muitos anos que conhecemos a Marcos Valcárcel. Ao que apreciamos e admiramos sempre. Pola sua homia de bem. Polo seu labor profundo e prolongado ao largo do tempo a favor da nossa cultura. Polo seu ourensanismo de pro. Por ser uma pessoa que respeita aos demais, embora possam discrepar de algumas das suas ideias. Porque tem investigado muito e bem sobre temas galegos, sobre pensadores e escritores e sobre o jornalismo e os jornais galegos. O seu livro sobre este tema é modélico e nom compreendemos, ao estar esgotado, como nom se faz do mesmo uma nova ediçom. Por quem corresponda.De Marcos lembramos muitas cousas positivas. Da sua assistência continuada às sesoes do Cine Clube ‘Padre Feijóo’. Sendo logo nosso colaborador como Vocal de Galiza na Federaçom de Cine Clubes do Estado Espanhol. Sempre gostou do cinema de qualidade. Polos seus estudos, as suas leituras, as suas pescudas e as suas publicaçoes, é uma pessoa de cultura elevada e um excelente conferencista. Resultando um prazer escoitá-lo. Uma pessoa que enlaça, e o comentamos sem dúvida alguma, com os grandes vultos da cultura ourensana. Como Risco, Otero, Cuevilhas, Joaquim Lourenço e Ben-Cho-Shei. Valcárcel é, estamos seguros, nos últimos tempos, um dos que mais tem estudado sobre a nossa cidade, a sua história, as suas personagens, a sua cultura, os seus feitos destacados, a cultura popular.. (...)

ARTIGO COMPLETO
ENTREVISTA: Luces MARCOS VALCÁRCEL Historiador
"Aínda temos mentalidade de leiriña"


Unha boa xornalista pode converter unhas declaracións sinxelas nunha excelente entrevista: isto é o que fixo CRISTINA HUETE hoxe en El País, traballo que ag radezo de corazón.
Magnífica tamén a foto de DANIEL ATANES.

12 nov 2008

Curros, poeta (case) coruñés
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 11-11-2008

Hame perdoar o amigo Antonio Piñeiro, compañeiro desde a súa columna chilena -por estreita e longa- de aquí ao lado. Hanme perdoar os de Celanova se lle chamo a Curros Enriquez, para finalizar este ano centenario da súa morte, provocadoramente, poeta (case) coruñés. Ben saben que me gusta levar a contraria pois paréceme exercicio intelectual máis útil que ir sempre ‘coa maoría’, como dicía cando o despertaban nos plenos e lle preguntaban se votaba a favor ou en contra, un concelleiro de Canedo compañeiro da corporación do meu bisavó Nemesio alá polos anos vinte e un ou vinte e dous, que logo, non me estraña, Primo de Rivera os mandou a todos para casa. E que me gusta ver as cousas como aos cubistas, desde varios puntos de vista, aínda que o resultado pareza estraño aos ollos do común. E unha destas formas posibles de achegarse a Curros, é comparar o trato que tivo nas terras ourensás e coruñesas. De aí que lle chamamos pacovazquianamente, poeta (case) coruñés. Sabemos que Curros marcha de Celanova a Madrid, pelexado co pai contra os quince anos. E que, desacougado, vén vivir a Ourense depois do éxito do concurso de poesía de 1877 e bota cinco anos na cidade. Deles, a maior parte do tempo en pelexas con Valentín Lamas Carbajal, cambiando de xornal continuamente e coa descomunal bronca de 1880 en que o bispo Cesáreo Rodríguez denúnciao polo libro ‘Aires da Miña Terra’. E en Ourense é condenado en primeira instancia, e logo absolvido na Coruña. En Ourense bastante silencio, agás un par de amigos (o pai de Otero, Paz Nóvoa...) e en Coruña recoñecementos múl tiples: da Academia, do concello, da xente do común. Lembra en varios poemas a Coruña, -patria do meu pay querida- os seus anos de neno paseando pola praia de Orzán, e a estancia na aldea familiar de Santiso... Coruña, conexión atlántica co mundo pola que marchou dúas veces a Cuba e, se cadra, unha a Londres... En Coruña coroárono e enterrárono. E alí o veneran nun altar cívico de Asorey, inaugurado polo presidente da república don Niceto Alcalá Zamora. En Ourense, algunha homenaxe tivo canda a morte e algunha depois, pero a presenza e popularidade de Valentín Lamas Carbajal, morto un ano antes, en 1907 era máis intensa. Incluso, o primeiro recoñecemento municipal, en 1925 ao poñerlle o seu nome a unha rúa e a un colexio non foi exento de polémica. O alcalde, un tanto brutamontes, non quería pois dicía, ignorante, que era un poeta ‘pornográfico’. En fin, menos mal que hoxe temos a Antonio Piñeiro e á Fundacion para corrixir desde Celanova o esquecemento desta capital ourensá, outrora eclesiática e ingrata.


O cabalo e a morte
andoliña 12-11-08

Poucos animais tan unidos ó ser humano, dende tempos moi antigos, como o cabalo. Dende vello simboliza o poder, a velocidade, a nobreza. No mundo cristián, tamén o valor, mentres en Oriente se asocia ó lume e ó ceo. O cabalo negro é a cotío símbolo da morte.Hai varias lendas galegas que recollen este último sentido e cítaas Vítor Vaqueiro na súa Guía da Galiza Máxica.

Se un cabalo tropeza cunha pedra, conta Mandianes, interprétase como petición de axuda dunha ánima, para que se rece por ela. En terras de Nogueira de Ramuín cita Afonso Monxardín o Camiño da Ponte, onde se aparece un cabaliño lanzal de gran brancura, que se achega a un valado para que as xentes o cabalguen, pero non o fan por medo. Unha historia semellante recolleu Risco en Congostro-Rairiz de Veiga, onde se aparece un pequeno cabalo moi fermoso diante dunha muller. Esta négase a falar con el e o cabalo retírase detrás duns amieiros, botándose a rir e desaparecendo: os campesiños pensan que se trata do demo.

Nos traballos de X.Cuba, X. Miranda e A. Reigosa son máis vizosos aínda os acenos simbólicos do animal: cabalos de mouros, cabalos acuáticos, cabalo da fiaña, cabalo do vento e un longo etcétera.

11 nov 2008


Negrita
magosto pola igualdade
en exclusiva para os lectores, un adianto da próxima campaña da Vicepresidencia da Igualdade da Xunta
(Fotos Pepe Trebolle)
FÍO MUSICAL, DE XABIER ÁLVAREZ
HUMOR E MÚSICA

"O que canta, os seus males espanta"
A ironía e o sentido do humor adoitan ser unha moi boa actitude ante os problemas da vida cotiá.
O cancioneiro popular ofrécenos abondosas mostras...
Aquí é un coro nórdico o que lle bota humor ós seus problemas diarios (que non son moi distintos dos nosos)

http://es.youtube.com/watch?v=S-roCZhh2Sw

ANDOLIÑA martes 11 novembro
FESTA DO LUME

Dende bastante cedo, soben os mozos coas súas mochilas polos montes dos arredores. Luciu o sol onte en Auria, día de festa, coma hoxe, polos magostos. E velaí tedes un modelo de encontro ben enxebre, que en case nada variou dende os días remotos da nosa infancia: castañas, viño, chourizos, etc. Si, quizais hoxe a variación de bebidas alcohólicas sexa moito maior, pegada dos botellóns xuvenís. A cantos magostos iría eu dende neno? Sería difícil calculalo: no Montealegre, no Ervedelo dos avós, na Derrasa cando xa había algún coche para desprazarse, en lugares que xa nin podo lembrar.
Festa do lume: todas as culturas teñen mitos e ritos fillos desta tradición. Dende o Prometeo clásico que rouba o lume ós deuses ata a Ave Fénix que arde cada cen anos e renace das súas cinzas, símbolo da resurrección e a inmortalidade. En medio do lume represéntase tamén o deus hindú Agni, cabalgando un carneiro, e o corpo dos vellos xefes viquingos era cremado nunha lancha: seica entendían que o fume que se erguía simbolizaba o retorno do espírito ó sol, o dador da vida. Os nenos esculcan fascinados as lapas antes de se apagaren: quizais ata sexan quen de ver todo isto na súa fogueira.

10 nov 2008


‘El periodismo es un cuento’
Marcos Valcárcel
LA REGIÓN
10-11-2008

Relecturas. Hoxe, se lles parece ben, voulles recomendar un libro que non é novidade. Moi pola contra publicouno Alfaguara no ano 1997 e asinábao o escritor galego Manuel Rivas. É unha excelente escolma de textos xornalísticos do seu autor, publicados sobre todo na prensa madrileña, e paga a pena volver sobre eles aínda unha década despois. Cando inicio a relectura dalgún libro que me gustou no seu día, sempre me entra algo de vertixe: e se o libro non me gusta agora nin a metade do que o fixo antes? Pero sabía que iso non me sucedería con Manuel Rivas, sobre todo porque moitos dos textos deste volume son imposibles de esquecer. Dalgún deles case podería dicir cando o lin por primeira vez, publicado no xornal, e onde estaba eu daquela e non me equivocaría. Velaí xoias como ‘La triste historia de Eva’, ‘Costa da Morte’, ‘Las madres del mar’ ou ‘Esclavos del gran sol’. Quen contou coa brillantez de Rivas, agás Méndez Ferrín, que o fixo tamén en varios artigos, a épica dos nosos curros de cabalos salvaxes (‘La muerte del rey de los caballos’)?

En boa compaña. Adentrarse nun libro de Rivas é sempre viaxar en boa compaña. Neste caso, ó carón de María Casares e Sha kespeare, de Joyce e Valle Inclán, de Elías Canetti ou de Manfred, o alemán de Camelle (falecido anos despois, cando o Prestige). E con eles, con centos de heroes anónimos, algúns aquí recuperados cos seus nomes de pía e apelidos, mariñeiros, mariscadoras, vellos mineiros derrotados pola silicose, etc. Boa compaña, dende logo, para reflexionar sobre as miserias do mundo que nos tocou vivir.Literatura e xéneros. Non ousarei repetir aquí a dicotomía entre periodismo e literatura, que aboliron grandes mestres como García Márquez, Truman Capote ou Kapuscinsky. Xornalismo de primeira, por suposto, pero tamén literatura de altísimo nivel. Aínda máis, Manuel Rivas, como os grandes, extorsiona os xéneros e subverte as fronteiras tanto do xornalismo como da literatura. Xoga a reinventar libremente os xéneros xornalísticos como a reportaxe, a entrevista ou a columna de opinión, sen máis límite que a súa propia imaxinación. Velaí o Obi tuario ó xornalista Luís Pita, que pecha o libro, ou as magníficas entrevistas realizadas a don Gonzalo Torrente Ballester e a Carlos Núñez: achegan na súa brevidade unha visión moito máis vizosa dos dous personaxes, e sobre o seu tempo, que moitos longos e sesudos ensaios académicos.

Moitos dos textos incluídos neste libro poderían figurar en calquera antoloxía do xornalismo moderno. ‘La esperanza del mundo’, por exemplo, é un canto entusiasta ó poder transformador da educación e dos mestres. Outra mostra sorprendente da elegancia narrativa de Rivas é ‘Monseñor y el poeta’, curioso diálogo entre espiritual e teolóxico entre o poeta racionalista Ángel González e monseñor Elías Yanes: un diálogo denso, franco, auténtico, dende o respecto e a tolerancia cara os que non pensan como nós. Elegancia, expresión, narratividade, en suma, un mundo literario ó que paga a pena volver.

9 nov 2008

A MIRADA RETIDA
O PASEO NOS 50.

A foto debe ser de 1953, segundo nos informa Xesús G. Tobío, quen nos achega esta imaxe. O lugar é ben recoñecible, aínda que cambiaron algunhas cousas: a rúa do Paseo, xa preto do parque de San Lázaro. Velaí, en primeiro plano, á dereita, o edificio que foi Círculo Católico e que remataría como sede do Goberno Militar. Máis adiante o Banco de España e moitas casas que permanecen aínda. Desapareceron varios chalés da rúa, como o chalé Losada, onde hoxe se ergue o edificio Viacambre, este xa dos anos 70. A imaxe ampliada no ordenador permite mesmo recoñecer pequenos anuncios como a delegación da casa Ford ou esa xastrería que ofrecía “Pañería de alta calidad”. Daquela, anos 50, a rúa xa levaba o nome de José Antonio Primo de Rivera, o fundador da Falange, imposto en 1937; antes fora rúa de Fermín Galán, nos anos republicanos, e antes aínda, de Vicente Pérez, o deputado liberal. Case non había coches (un camión, ó fondo) e polas vestimentas podía ser un día de primavera ou verán cos cativos cos seus pantalóns ata os xeonllos. Que slogan poñería aquela pancarta no medio da rúa? E quen o sabe xa...!