18 may 2009

HISTORIA DUNHA GUITARRA CON ANTONIO VEGA AO FONDO

por Xoán da Cova
Almas en pena.Vázquez Ribada.
No bar de Santiago Rodríguez en Cartelle.

Eu tiña hai anos unha guitarra española, normaliña, das de toda a vida. Xa tiña acumuladas algunhas historias ela mesma, pero non as detallarei. Limitarei a historia a outras que tiven despois, como consecuencia de sucesivos cambios.

Estaba tocando con esa guitarra na compaña de un rapaz que tiña nas mans outra, tamén tipo española, de cordas de nylon, pero moito mellor: Electrificada, con entradas de jack e balanceada, con "cutaway", cunha caixa máis grosa do habitual. Compráranlla seus pais, emigrantes en Suiza, quen lle mandaban tamén desde alá cartos cada mes para vivir.

Varias persoas xa me dixeran que ese rapaz tiña problemas coas drogas, aínda que o seu aspecto non o daba a entender. Propúxome que as cambiaramos. Que eu quedara coa súa e el coa miña. Cando lle dixen que a súa era moito mellor, contestou que non lle importaba, que o feito de que a miña guitarra fose miña tiña para el moito valor. Aínda hoxe non sei como interpretar ese comentario. O caso é que as cambiamos. Desde logo, saín gañando eu. Existen varias fotos de prensa nas que esa guitarra aparece tocada por diferentes persoas ás que lla emprestei en diferentes actuacións en diversos locais d´Ourense.

Un amigo, posuídor de unha tenda de instrumentos, cando ma viu díxo que tiña un cliente que andaba buscando unha coma esa, e que ma cambiaba por outra calquera das que tiña na tenda até unha marxe de precio. Eu non tiña especial interés, mais engadiu que podía seleccionar tamén libros de música até certo prezo, e engadilos coa oferta. O caso é que saín da tenda cunha "Jasmine" de Takamine e con unha chea de libros de partituras. Tamén esa guitarra saiu fotografada en diversas ocasións na prensa ourensá, aínda que case nunca tocada por mín.

Un día visitoume o pintor ourensán P***, e preguntoume se lle podía prestar unha guitarra a un amigo seu madrileño, que estaba en Ourense por unha tempada e non trouxera ningunha canda el. Ao parecer, era un rapaz ao que lle gustaba moito tocar, e tiña "mono" de guitarra. Eu amoseille tres ou catro que descansaban nos seus respectivos soportes, dicíndolle que escollerse unha. Quedou uns intres mirando para elas e, non sabendo por cal decidirse, dixo que volvería máis tarde con ese amigo para que él mesmo a escollese.

Apareceu ás poucas horas co tal. O chaval era máis baixo ca min e agachaba a cabeza como avergoñándose de algo. Non ía moi ben vestido. A súa longa melena ocultáballe o rostro. Naquelo, o meu amigo P*** díxome: - "Preséntoche a Antonio Vega".

Eu non estaba moi seguro de estar desperto, observando como Antonio Vega probaba as guitarras unha por unha. abrazándoas como se as amase, como se fosen a táboa á que se aferra un náufrago para non se afogar. Ao final decidiuse pola "Jasmine". P*** xa marchara, non lembro por que causa, e acompañei a Antonio Vega polas xa case solitarias rúas de Ourense até o lugar no que dixo que ía durmir aquela noite, moi pertiño de onde naceu Alexandre Bóveda.

Non conto máis cousas de Antonio, porque as protagonistas desta historia son as guitarras. Debeu ser por aquela época cando lin no periódico unha triste noticia. Un rapaz aparecera morto, con todos os indicios de se ter suicidado na sua vivenda, pola zona da estrada vella de Celanova. As iniciais e o enderezo coincidían coas do rapaz que tanto valorara unha guitarra polo simple feito de ter sido miña.
Penso agora que vidas internas tan similares poderían ter vivido un músico famoso e un anónimo afeccionado, ambos mortos moito antes do momento que a natureza lles tiña asignado, e como unha historia de guitarras ligou as súas vidas dun xeito que até agora só eu coñecía.

A Jasmine seguíu despois a dar tumbos polo mundo. Se non mudou de dono, anda agora por Madrid nas mans dun músico de orixe colombiana. Pero esa é xa outra historia.
Como tiveramos algunha charla interesante, Antonio Vega deixárame o seu número de telemóbel. Apunteino coidadosamente nunha axenda e non acordei del durante un tempo.

Un día, ao abrir esa axenda, vin o seu número, loxicamente escrito na páxina da letra "A", a primeira. Decidín chamalo para lle preguntar como lle ía a vida. Non debía lembrar que lle tivese dado o número a ninguén e, ao ver na pantalla o prefixo 988 de Ourense, debeu de pensar que era a súa moza quen o chamaba. Descolgou susurrándome fermosas palabras de amor, sen me dar tempo a que eu lle dixese nada. Cando, totalmente azorado, lle dixen que non era quen pensaba, quedou tan cortado que, improvisando unha desculpa, colgou. Loxicamente, nunca máis o volvín chamar.

(Non é literatura: Foi totalmente certo).

Na contraportada de El Correo Gallego.es , Xurxo Fernández da conta de que MARCOS recibe do PEN CLUBE o IV Premio PEN/Voz de Liberdade 2008 o Venres no Hostal dos Reis Católicos as 19 horas.

PREMER xml>

MANUEL RIVAS 11/07/2008:

O piñeirismo era unha ecuación simple: democracia + autonomía + europeísmo. E logo unha técnica, sobre todo unha técnica. O traballo coas elites. A sedución das elites. Hoxe toca pesar pan. Así que no balance positivo, dous intres históricos: O movemento contra o aldraxe da discriminación estatutaria e o acadar un consenso para a Lei de Normalización Lingüística, mesmo convencendo á dereita máis de a ceacú

(De: MANUEL RIVAS en Luces “A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick”)




17 may 2009





Que ben coxea o galego!
Manuel Rivas.
Especial Luces.Día das Letras.
El País 17-05-2009.Edición Papel.
(Como non atopamos a versión dixital do interesante texto, copiamos a metade do mesmo).
Antiga escola Parada no Caurel.José V. Caruncho.
Vai un conto popular:
Era unha vez un home que tiña moita envexa do seu veciño. Pouco máis ou menos, a súa facenda era a mesma. Unha horta cun número semallante de froiteiras. Estaban á par en gando. Tiñan a mesma extensión de leiras e de herbais e prados xemelgos que lindaban na ribeira. Ningún deles estaba por riba do outro. Tiñan candansúa casa con chimenea e fume. Contaban con mesmo número de horas e días ao ano na quenda da auga de rego e do uso do muíño.Mais o home tiña algo que o outro non tiña. Tiña envexa, un sentimento atravesado que condicionaou o seu maxín e sentidos. El tiña colmeas que daban bo mel, mais un día espertou cun sabor amargo na boca. Por que era mellor o mel do veciño? E as mazás?Por que eran máis saborosas as mazás do veciño? E o leite? Por que daban máis leite as vacas do veciño?Cando comentou a súa teima cun irmán, este tentonuno devolver á realidade. Por exemplo, o seu viño era mellor que o do veciño. Iso ainda o alporizou máis. El non era un parvo. En comparanza co seu, ácido e revolto, o viño do veciño era o do Cantar dos Cantares! O gusto, o ollar, a medida das cousas. O prexuízo ía tomando posesión del. O veciño era un inimigo. Había que imporse a el, dun xeito ou doutro. E foi así que o noso home decidiu pactar co Demo.Iso de pacatar co Demo non é ningunha fantasía. Todos os días hai xente que nalgures pacta co Demo, que é máis pactista que Deus.O pacto funcionou á perfección. O Demo, que é un as da propaganda, fíxolle ver que os seus frotios eran máis grandes e saborosas, que o leite das súas frisonas era todo manteiga, e que mesmo a súa soleira era máis soleada que a do veciño. Así que o home acougou, aínda que se mantiña en estado de vixía. Un día chegoulle a noticia de que o veciño fora atropelado por un camión. Era o intre de desentenderse do caso. Até que un día viu chegar un taxi ao adro do lugar. E do automóbil, con moita dificultade, baixou...o veciño!. Botou a andar apoiando en dúas muletas. E o noso home sentiu de novo o arrinque da dinamo do anoxo, e non puido menos que exclamar:"Que ben coxea este cabrón!.
Teño a sensación de que nos últimos tempos, e verbo da línuga galega, os que molesta a algúns xa non é chamado “proceso de normalización lingüística” senón o xeito mesmo de coxear o galego. Que o galego coxea é unha evidencia científica. Trátase dunha coxeira severa, non de nacemento, senón causada por un atropelo a unha miña tía, Pepa Barrós, de Corpos Santo (Tabeiao), que se falvou milagrosamente ainda que ficou moi magoada e con algunas costelas rotas. Cando fomos fela ao hospital, todos a dicir: “pois fou unha sorte!”. E unha neta que ten, Uxía, de cinco anos, a máis lúcida de toda a parentela visitante, vai e solta con retranca: “Si, que sorte máis grande!. Hai que ter moita sorte na vida para que che pase un camión por riba”.
Pois parece mentira, mais é así. Hai xente en Galicia, mesmo xente letrada, que entende que foi unha sorte que nos pasara unha apisonadora por riba. Unha corrosión que durou séculos e que tivo un durísimo espisodio pandémico a partir de 1936, cando se obrigou a abortar o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, fecundado no ventre da República española. Non outra cousa se pode deducir dos cada vez máis obscenos voceiros do Pensamento Túzaro, upados a poderosas tribunas político-mediáticas, e que veñen a decir en síntese: “se o galego se perde, tampouco pasa nada”. Ao cabo sería unha decisión tomada con “naturalidade” por un pobo en uso da súa “liberdade”…

O blogomillo literario.
Mar Mato.Faro de Vigo 17.05.2009
Os blogs galegos adicados á literatura gañan lexitimidade na galaxia dixital e real cos premios dos escritores.
Na imaxe superior, foto dos premiados 2009 pola A.E.G.L.
Abaixo debuxo de Vázquez Ribada, no bar de Santi Rodríguez en Cartelle. Ourense.


O blogomillo (blogs en galego) acaba de adquirir con solemnidade o estatuto de soporte literario. Foi durante a última Cea das Letras na que a Asociación de Escritores en Lingua Galega galardonou a Marcos Valcárcel e o seu blog "Uvas na solaina" como mellor bitácora literaria. Sen dúbida, trátase dun recoñecemento que lexitima o pulo da literatura e a lingua galega na Rede onde xa se contabilizan 7.000 blogs en galego, dos cales máis dun cento ofrecen poesía, relatos e artigos literarios da casta de escritores dixitais. Velaquí a homenaxe polo Día das Letras Galegas e de Internet.


Anda a blogosfera galega revolucionada con apenas medio mes dunha revitalizada blogaliza (unha plataforma de bitácoras galega) na que a web 2.0 vai alén das bitácoras para conectarse coas redes sociais. Como engado, unha xanela dixital á literatura en galego con nome de letras.blogaliza.org onde podemos saber dos blogs adicados ás letras de noso.A etiqueta é necesaria. Cada vez tórnase máis difícil atopar novas bitácoras sobre un tema concreto. A marabunta en toda a internet ten unha cifra: 7.000 blogs en galego, segundo o estudo que están a realizar desde Blogaliza –con datos aportados polo seu fundador e comandante, Pedro Silva, enumerando os desta plataforma así como doutras diferentes como wordpress ou blogoteca–. E destas 7.000 bitácoras, (1.000 delas actualizáronse nos últimos sete días) localizáronse 110 adicadas á literatura, ás que se suman 120 de bibliotecas, e máis ou menos 32 relacionadas coa lingua galega. No caso dos blogs literarios, estes acaban de obter o recoñecemento da crítica como se dunha obra escrita se tratase. Desde este ano, a Asociación de Escritores de Lingua Galega (AELG) premiará o mellor blog de literatura.Para Arturo Casas (nominado ao mellor blog literario) o galardón é "interesante por ser unha maneira de chamar a atención sobre un formato novo que cómpre lexitimar. Que unha institución como a AELG poña os ollos neste tipo de intervencións supón dicirlle á sociedade que existen novas formas de expresión literaria que hai que atender".Alfredo Ferreiro (outro finalista ao premio) asegura que os blogs "son un caldo de cultivo moi importante para a creatividade. O importante é xerar ideas que se concreten despois en convocatorias, obras. É o pouso que esa vida cultural debe deixar".Para outros blogueiros-compositores, como Leo (de Arremecághona e Hai cu –Xerais–) a bitácora serviu de "escenario novo e distinto para superar problemas como o da distribución e publicación de libros e falta de público. Supón un salto cualitativo importante para os poetas", explica en alusión ás penurias de moitos á hora de atopar unha editorial que lles publique os seus poemarios.Non obstante, advirte Leo que, ao seu xuízo, o blogomillo está xa presentando síntomas de debilitamento. "Xa foi máis do que é. A xente estase trasladando a Facebook, Twitter que se poden aproveitar tamén para a expresión litearia gañando en velocidade de resposta nun tempo real".Pedro Silva, desde Blogaliza, sen embargo, discrepa en parte. "O que está pasando é que se están trasladando os comentarios a eses outros espazos (Facebook...) para conversas frívolas mentres que o de escribir artigos con pensamento, con creatividade queda para os blogs".Trátase pois dun diálogo máis pausado na blogosfera, cunha xanela á expresión coidada da que Arturo Casas destaca "o diálogo intercultural, como unha ponte para falar do propio e do alleo con perspectiva de interrelación". Isto último dáse na súa bitácora "Lándoa" pero tamén na doutro nominado ao mellor blog literario pola AELG, o poeta e ensaísta brasileiro Henrique Marques Samyn quen como non, na súa bitácora confésase "sorprendido e agradecido" por ser finalista. Explica que o seu interese polas letras galegas (das que fala no blog, en seminarios e artigos) "está motivada unicamente por unha admiración por unha vigorosa tradición literaria que, ao meu ver, merece ser moito máis divulgada e investigada". O non ser descendente de galegos e non ter vido non lle impide "apreciar a singular beleza da literatura producida nesas terras".Ademais de ponte intercultural, os blogs literarios serven tamén para lograr oco para un xornalismo literario en galego ferido de liñas e para facer visible un país que parece transparente. "O blogomillo constitúe algo moi parecido á Galiza coa que soño. Hai –sinala Arturo Casas– máis manifestación nos blogs que na esfera da vida cultural e política con discrepancias con cortesía e argumentación. Paréceme extraordinario. A sociedad civil e política galega ten moito que aprender. A prensa ten que ter moito que aprender do blogomillo pero esa é unha decisión empresarial máis ca dos xornalistas. Hai que facer unha prensa que se pareza máis á realidade actual na cuestión da lingua e non delimitada a un recuncho de muros do máis rancio porque nin no mundo real nin nos blogs é así".

16 may 2009

Dedos de Pedra (II)
por Xoán da Cova
O bar de Folies Bergiere.Manet.1882
Aparte de tocar música, Dedos de Pedra tamén pintaba, como xa apuntou algún contertulio deste blog nun comentario á entrega anterior. É desta segunda faceta da súa personalidade da que trata a historia de hoxe.

Paseaba eu unha tarde, á hora do café, pola rúa dos viños de Ourense. Estaba perto da súa casa, polo que non foi estraño toparme con el. Díxome:"Imos tomarlle un cubata, e logos bótasme unha man nun pequeno choio".

A historia era a seguinte. Había algúns meses que un coñecido empresario ourensán lle encargará uns coarenta cadros para decorar algún tipo de instalacións. Dedos de Pedra fora pospoñendo o momento de comezar a pintalos até o último día, que era precisamente aquel. Só dispuña desa tarde: debía entregalos o próximo día. Aínda nos entretivemos un chisco tomando unhas copas e falando. Imaxinei que era un "procastinador", alguén que o deixa todo para o derradeiro momento. No entando, agora decátome de que o que facía era, en realidade, "cargar as pilas da inspiración". Porque o traballo fundamental xa tomara forma na sua cabeza.

A media tarde, fomos á sua casa. Cun par de cubatas enriba, levaba as "pilas postas". Sacou unha presa de cartóns brancos, deses que se usan para pintar acuarela, e tamén a paleta de cores. Púxose a pintar acuarelas coas mans. Non o poido dicir con exactitude, mais o tempo medio en pintar cada cadro debía andar polos dous ou tres minutos. Espallaba tres ou catro cores coa man e dáballes todo tipo de formas. Eu estaba alucinado. "Este vai ser unha cidade de noite", dicía. Botaba un groso de pasta de cor negra, espallábao, e logo unha pingas de branco, que remataban por ser "as luces da cidade". Trazaba todo coas mans, xogando cos matices de gris, as difusas contornas de todo tipo de estruturas arquitectónicas: parques, pontes, edificios... "Este vai ser o mar, con barcos". Mandáballe un viaxe á cor azul, con pingas de outros colores. Tiña que calcular rapidamente os diferentes tipos de posibles contornas para que non se lle acabaran unhas cores antes que as outras.Tamén facía algunhas representacións de Cristo nas máis coñecidas situacións que detallan os libros de Historia Sagrada.

O meu traballo consistía en coller o cadro recén pintado e buscar un lugar axeitado pola casa adiante, para poñelo a secar sen que a pintura se derramase. Non daba feito. Ao principio érame sinxelo achar lugares onde colocalos coidadosamente. Sofás, mobles, mesmo unha ampla superficie do chan, na que, a pesar de ser tan grande, axiña tiven dificultades para camiñar, pois quedara cuberta de fermosas acuarelas de todas as cores, hipnóticas, imaxinativas. Nunca vira eu nada igual.

Sañimos ás poucas horas abríndonos paso cara á porta da entrada, observados por moitos dos personaxes pintados que quedaban secándose, cheirando ás substancias químicas propias do oficio de pintar. Tiñámonos gañado uns cubatas. Definitivamente, o encargo entregaríase en tempo e forma.

(Continuará)
Normal.
Bieito Iglesias.El Correo Gallego.14.05.2009.
Magritte.A traición das imaxes.
Feijóo conta co apoio do 99,9 por cento do seu Partido Popular, segundo acaba de demostrar nun congreso de unanimidade descoñecida desde que se disolveron os partidos comunistas do leste de Europa, nos que non se oía un chío disidente. A diferenza está en que aló o consenso viña imposto polo temor á purga e o biruxe siberiano, mentres que os nosos conservadores apiñócanse como un enxamio sen que ninguén os obrigue, con gregarismo semellante ao das peñas futbolísticas e da fanaticada dos concertos de música pop. Nin sequera o León de Vilalba concitou tanto beneplácito interno como ten o Tigre dos Peares, quizais por iso se deixou levar do entusiasmo e pensou que todo o monte é ourego. Hai media Galiza que comulga con el pero a outra media non o pode ver, polo tanto a súa afirmación de que "o PP é o partido dos galegos normais" cómpre tomala como unha faltada. O presidente, tan medido el no discurso poselectoral, cando prometeu gobernar para todos os cidadáns, seica pensa que somos anormais os sufraxistas das demais candidaturas. Existe logo un perfil de galego ao que debemos imitar para non pasar por tarados? Quen encarna ese modelo ou manequín ideal? Franco, Amancio, Cañita Brava, a Bela Otero, o Barriga Verde? Hai poucas dúbidas de que o novo guieiro dos galaicos destinos ama o seu país: o caldo de nabizas, o castrapo, os prados verdes, as gaitas escocesas da Deputación de Ourense, a empanada e a bertorella e incluso as póutigas. Que lle desprace, pois, da Terra Meiga? Incomódao o feito, verdadeiramente aflitivo, de que haxa galegos que nacen vascos ou cataláns, que diga nacionalistas. Velaquí a anomalía que se propón corrixir, acelerando a eutanasia da língua de Rosalía, perigoso marcador étnico que leva a algúns toliños a volver pola selección brasileira (chea de diminutivos enxebres: Ronaldinho, Juninho, etc) en lugar de torcer pola roja.E aquí paz e despois Gloria Lago.


As colas.
A.V.M.16.05.2009.
Charles Le Bron. Expresións das caras da vida.1969



O utro día falaba cunha xente das colas. Eu téñolles especial manía ás colas normais, non ás épicas. Así, aquelas que había na anovación do DNI, onde eu cheguei ir ás cinco e media da mañá, non me molestaban polo que tiñan de desafío vangardista á física erguerse a esas horase ao sentido común. Tampouco me molestan en exceso as colas máis tradicionais, as de sempre, esas que incluso os habitantes dunha cidade como a nosa temos integradas xa no noso código xenético; ou sexa poucas, moitas menos que as dun madriñeño, por exemplo. Colas tradicionais como as dos cines ou do super. Esas si. Non hai problema. Pero as que non fago contento son as da farmacia -cando hai máis de tres persoas diante-, a da panadería -ata cinco aquí, que hai menos cháchara e vai todo máis rápido-, a da ITV -sobre todo cando despois de esperar corenta e cinco minutos lle din a un que non hai sitio para ese día senón saca cita previa-, as do banco -cando dos dous despachantes un ten o letreiro de ‘fuera de servicio’- e, desde logo, a peor de todas: a dos restaurantes para comer ou cear. Sempre chega un alí con fame. Fai a inútil e retórica pregunta de que ‘canto tarda a cousa?’ a un camareiro esquivo e agobiado que non foi contratado como adiviño. Decide quedar. Controla. Estuda. Ese está antes ca nós, ¿ou chegou despois? Ve pasar pratos, entrar xente, olla caras fartas de satisfacción nas mesas, apura cos ollos os cafés dos sentados, vai notando o arrecendo de pratos fumegantes e as glándulas salivares que seguen as instruccións do esfameado can de Paulov...Os que rimos coas artistadas de Ferrán Adriá e pensamos que iso ten que ver co marquetín -tremenda sobredose que levamos del na tele estes días-, co deseño, coa arte, cos happenings, coas ‘instala cións’, e que o seu mérito vai na liña dos primeiros pintores abstractos, temos en Ourense algúns restaurantes onde simplemente pode ir facer o que era habitual nestas locais: comer ben. Ou moi ben. Un deles ten colas antolóxicas, as máis grandes da cidade. Sempre visibles no comezo da Ponte Nova: A Romántica. Non é o espazo para gabarlles a relación prezo-calidade do local, que de xustiza sería, senón falar das colas. Eu dicíalle á xente coa que falaba que prefería pasar sen comer que agardar alí como un estafermo ao sol unha hora ou dúas. E os meus replicantes falaban das virtude da cola. Socialízaste. Coñeces xente. Exercitas a virtude da paciencia. Afírmaste na orde e na defensa dos dereitos -que ninguén se cole na cola-. Aprendes a aprazar o beneficio da satisfacción e relacionalo cun esforzo previo. En fin, coma case todo na vida, é opinable. Eu non as aturo.

15 may 2009

Xurar ou prometer.
Alfonso V. Monxardín.La Region.12.05.2009.
Pallaso.Obra de Arturo Baltar. Ourense
Loxicamente, que cada un que faga o que queira. Xa nin é tema de conversación. Esa é a normalidade democrática que nos encanta a todos. Así, neste tempo de tomas de posesións de políticos, uns xuran e outros prometen, e todo ben. Iso que tendemos a crer que os que xuran son máis relixiosos e os que prometen máis laicos. E o feito de que o novo presidente de Galicia prometese e non xurase non lle estrañou xa a ninguén, pois iso da relixión e a política deben ir, cada vez máis, por camiños arredados. Lembremos que o señor Gallardón, alcalde de Madrid, xa lle gañou un xuízo a un xornalista falabarato da emisora dos bispos. Esa independencia, esa separación ,como todas as que afecten ás actitudes íntimas -relixión, sexo, etcétera-, están, por suposto, moi ben. Son temas transversais que nada teñen que ver coa dereita ou esquerda senón coa liberdade persoal de todos. Se cadra a promesa do noso presidente ten que ver com que empezase o seu ensino medio nun colexio relixioso e rematase facendo o vello COU no Instituto Masculino, como nos recorda constantemente, e propagandista infatigable dos seus ex-alumnos que é -volvo citala-, Anxeles Castro.E aínda que estes dous sentidos ‘ideolóxicos’ que se lle dá ás formas de compromiso no traballo político estean claros na interpretación popular, teño a impresión de que a etimoloxía está sendo retorcida. Porque loxicamente, xurar está relacionado con ‘xurado’, ‘xuramento’, ‘xurisprudencia’, ‘xurisdicion’, ‘xustiza’, palabras todas relacionadas co ‘ius-iuris’ latino, ou sexa da esencia da lei. Polo tanto, xurar sería realzar o compromiso coa lei, como xurisdición é o terreo onde ten valor de forza o que ‘di’ a lei, etcétera. Así, se un o desexa, pode ‘xurar por Deus’, ‘polos seus mortos’, ‘por Snoopy’ -como o pijo redomado na caricatura-, ou por calquera outro intermediario individual ou colectivo, existente ou inexistente, para que exerza de testemuña fidedigna. Pero se un simplemente o que fai é xurar, afirma só a esencia do máximo compromiso da persoa coa lei e a xustiza directamente. Algo laico e legalista.O verbo ‘prometer’ non me acaba de gustar porque non fai referencia á lei, que é a fonte do poder. E porque as promesas no mundo da política... en fin, xa me entenden. A metade delas viven menos que as bolboretas. Só cando Churchill prometeu o 13 de maio de 1940 ante o Parlamento ‘sangue, esforzo -inda que normalmente isto non se diga-, suor e lágrimas’, acertou plenamente. Empezaba a batalla de Inglaterra. En canto lle empezaron a caer as bombas alemás, xuraron todos, pero doutra maneira.
O sitio do meu recreo.
Roberto G. Méndez.Galicia Hoxe.15.05.2009.
FOTO: Axencias
O blog de despedida a Antonio Vega encheuse de cancións de Antonio Vega, que se despediu así, digamos, de si mesmo.

...HAI UNS ANOS, non moitos, como tres, a London Review of Books, prestixiosa revista literaria británica, como saberán ou acabarán de deducir polo críptico nome, publicou They call me Naughty Lola (Chámanme Lola a Travesa), unha selección dos anuncios aparecidos nos entón oito anos de existencia da súa sección de contactos. Hai alí tanta soidade como noutras seccións que se parecen de publicacións que nin de lonxe, pero hai tamén moita máis literatura e ningunha contemplación. Por exemplo: "Home calvo, baixo, gordo e feo, 53, busca muller curta de vista con enorme apetito sexual". Por exemplo: "O amor é estraño, pero agarda a ver os meus pés". Por exemplo: "Muller asmática e con varices, 93 anos, busca home menor de 30 con pulmóns para empurrala ata a oficina de Correos no alto do outeiro". Por exemplo: "Todos riron de Cristóbal Colón. Astrónomo por conta propia, 47, pode probar que o mundo ten a forma dun grande ovo. Todo o que necesita é o amor dunha muller e 40.000 libras. Admítense cheques". Por exemplo: "A túa idade é inmaterial. O teu aspecto é irrelevante. Pero fóra bromas co teu saldo bancario". Ou en fin: "A miña muller ideal é un home. Síntoo, mamá". E un único final case feliz, que eu saiba: "Unha vez atopei aquí a miña parella ideal, pero resultou ser un anuncio que eu mesmo enviara anos atrás e esqueceran publicar".

POBOAMOS O MUNDO de mensaxes, supoño que se quere dicir aquí, para acabar descubrindo que falabamos sós. Cando o outro día morreu Antonio Vega, que parecía irrompible pero vese que tampouco, alguén habilitou un blog para que os fans se despedisen e o sitio encheuse de cancións de Antonio Vega. Cancións de Antonio Vega para despedir a Antonio Vega. Antonio Vega despedíndose de si mesmo. Antonio Vega descubrindo, por fin, para quen cantaba, e desde onde. Onde nos levou a imaxinación. Onde cos ollos cerrados. Etcétera.

Parabens a Afonso Vázquez Monxardín
PREMIO CARRACEDO ano 2009
Fotos: Pepe Trebolle.




14 may 2009


A Academia.
Miguel Anxo Fernán Vello.Galicia Hoxe 14.05.2009.
Mané Boan.Celanova.A fraga.

...E a Academia tamén deixa ben claro na súa exposición que resulta preocupante que as primeiras decisións lingüísticas anunciadas pola Xunta "sexan todas desprotectoras da lingua galega". ¿Como un Goberno responsábel pode chegar a atentar contra o idioma propio do territorio que goberna, cando, ademais, este idioma, ferido de morte, vive a ameaza da desaparición? Agardemos que se impoña finalmente a cordura.


Ah, cómo cambiou a vida!.
A. Conde. El Correo Gallego 14-05-2009
Pintura de Lito Vidal.Ourense.Vello cabilando.

...un rapaz, chegado o tempo de se reincorpar ás actividades cotias; é dicir, de se vestir pra saír á rúa, embutíuse dentro duns calzoncillos que moito me chamaron á atención. Eran coma unha faixa desas que anuncian na tele pra que as mozas luzan unha atraínte figura. Digo, que era como, pero non que fose de muller. Era de home. Tan pouco de muller era que tiña a correspondente abertura que nos permite, ós varóns, o uso do aparatiño práctico do que estamos doutados pra que, cando non se trata dunha enurese, poidamos dirixir onde nos pete o resultado da micción..

13 may 2009


Elena.
Rosa Aneiros.Galicia Hoxe. 13-05-2009.
Foto: Elena Poniatowska.Fonte, blog editorial Galaxia


"Soy chaparrita, como un perro sentado", afirma Elena Poniatowska e a súa voz medra e faise poderosa para falar dos pendejos da fronteira mexicana, das maquiladoras vítimas do feminicidio de Juárez, dos ecos do terremoto, dos estudantes mortos na praza de Tres Culturas. Poniatowska é máis grande cós seus ollos azuis cristal que o debullan todo, máis grande ca todos os vivos e mortos que proxectan luces e sombras nas súas obras. Porque a escritora mexicana, a Alicia no país das testemuñas en palabras de Carlos Fuentes, é tan grande como a voz de todas as testemuñas que recolle nunha literatura que mestura xornalismo e ficción para construír a realidade. Ese mosaico de voces -o pouso da ollada fértil e a man sincera da que falou Manuel Rivas- devólvenos o mundo que non renuncia a espreitar pola fiestra para ver a fame e a miseria que transitan polas rúas ateigadas da Humanidade. Polas súas palabras, un brinde da man de Chavela Vargas, acabados de cumprir os noventa anos: "Nada me han enseñado los años, siempre caigo en los mismos errores, otra vez a brindar con extraños y a llorar por los mismos dolores. Tómate esta botella conmigo, en el último trago me dejas, esperamos que no haya testigos?". Grazas a elas -corpos miúdos, voces xigantes- sempre haberá testemuñas.
O psicotécnico.
A.V.M.Galicia Hoxe.12.05.2009 .
Imaxe:Cadro de Joan Miró.

O mundo existe desde moito antes de que nacésemos nós. E os carnés de conducir existen desde moito antes dos centros psicotécnicos. Creo lembrar que empezaron alá no primeiro goberno de Felipe González e non tanto por necesidade social sentida senón como medida político-adminstrativa tendente á xeración de emprego novo no sector médico. Como o lector sabe, os psicotécnicos teñen a imaxe pública de seren unha especie de fielato onde un vai cada cinco anos deixar uns trinta e tantos euros para que certifiquen que están ben de saúde e lle prorroguen a vixencia do carné ou lle dean un permiso de armas, cousas ambas que veñen sendo máis parecidas do que a primeira vista puidese parecer.
No fondo, e tiña razón o lexislador, a xente non ía protestar por pagar un novo trámite cada cinco anos. A filosofía, ademais, era impecable. Só podía lerse en postiivo: incrementar o control sobre a saúde e capacidade real e efectiva de conducir ou portar armas. E ademais ao facelo a través da creación ex-novo de despachos privados, non se recargaría os médicos da seguridade social de traballo, e todos contentos.
Pois non de todo. Desde a valoración positiva do seu papel e dos novos que van asumindo -como o de xestores na tramitación das renovacións- eu non o acabo de ver claro, porque a min, miren que lles vou dicir, non me desacouga pagar impostos. Xa me gustaría pagar máis polo que iso supón de que ingresaría eu máis tamén. E penso así, claro, interesadamente en primeiro lugar por ser funcionario: creo que debemos animar o persoal a que achegue cartos, máis ou menos contenta, no peto de quen nos paga a nós. E despois, porque sei que os recursos para facer estradas, AVEs, hospitais e dotar os centros de ensino, non saen de darlle á manivela de facer billetes senón á contribución colectiva. E sobre todo das clases medias. Porque aos ricos de verdade, tanto lles ten ir ao médico a Santiago, a Navarra ou a Huston, ou mandar os seus fillos a que llelos eduquen en Inglaterra, Suíza ou USA. Por iso, porque me gusta que o estado funcione ben e dea servizos de acordo co que acheguemos, non acabo de entender como o certificado de que un está apto para conducir non o poida facer o médico que o leva no sistema público. ¿Quen sabe máis da saúde dun, o doutor que o segue día a día, mes a mes, ano a ano ou aqueloutro amable profesional que lle fai un par de preguntas -¿usa vostede lentes?, ¿ten algunha enfermidade que lle impida conducir?- e xa está. Porque as máis das veces é así. Dous minutos, trinta e seis euros.

Pleno da Real Academia Galega celebrado o ano pasado en Vigo con motivo do Día das Letras dedicado a Álvarez Blázquez
FOTO: Axencias

Cara ao 17 de maio Contra o non-futuro.

Nun acto inédito, a Academia Galega en pleno amosará hoxe a súa inquietude polas incertezas que anuncia a política lingüística de Núñez Feijóo

MARÉ . SANTIAGO(Galicia-Hoxe)

A Real Academia Galega (RAG) fará hoxe público un comunicado sen ambigüidades sobre as incertezas que rodean o idioma galego tras a chegada do Partido Popular (PP) á Xunta. Os académicos, que se reunirán ás doce do mediodía na sede coruñesa da institución, están preocupados non só pola deriva legal que creará a derrogación do Decreto do Ensino do galego -unha das primeiras medidas do presidente Alberto Núñez Feijóo- senón que temen tamén polo futuro dun idioma que, ano ano, perde un significativo índice de falantes.
A institución académica pide que o idioma quede fóra de "controversias partidarias"
A CORUÑA, 12 Maio (EUROPA PRESS) -

A Real Academia Galega (RAG) cualificou hoxe de "preocupante" as primeiras decisións anunciadas polo novo Goberno autonómico en materia lingüística ao entender que "todas" son "desprotectoras" do idioma galego. Esta institución pediu tamén que o idioma quede alleo a "controversias partidarias". Así se recolle nun comunicado, aprobado polo plenario da institución académica, e ao que hoxe deu lectura o presidente da RAG, Xosé Manuel Barreiro acompañado pola executiva desta institución.

No 'Comunicado do plenario dá RAG nas vésperas do día dás Letras Galegas', a RAG expresou a súa "preocupación" ante as polémicas sobre o idioma "partidarias a maioría das veces, e nacidas ben do exceso de celo, ben do prexuízo lingüístico e que deben ser superadas pola acción dun goberno que aspire a ser de todos os cidadáns", remarcou.

"A convivencia, o respecto e a harmonía deben presidir en todo momento as actuacións que se desenvolvan en torno á lingua", insistiu a RAG, que pediu tamén "unha política estratéxica e decidida" por parte da Administración para promover accións que o "igualen" con outros idiomas que non se viron "oprimidos na súa historia".

REFORZO NO AMBITO ESCOLAR

Por iso, reclamou, entre outras medidas, "reforzar" a presenza do galego no ámbito escolar, con especial atención nas idades máis temperás. A RAG sinalou que debe facerse "respectando" o idioma das familias, pero cunha "política activa" para promover o coñecemento do galego.

Advertiu tamén que esta política lingüística non debe quedar "reducida" ás aulas, senón non orientarse tamén a outros ámbitos da vida como a empresa, a universidade, as actividades vinculadas ao ocio ou as novas tecnoloxías.

A RAG defendeu, así mesmo, o proceso de normalización lingüística e achacou aos "contrarios" deste proceso de "manchar a palabra normalización coma se significase agresión aos que non teñen o galego como lingua habitual". Ao respecto, sostivo que isto xerou tamén un "falso concepto de liberdade, que parecen entender como dereito a non falar nunca o galego".

No seu comunicado, solicitou o cumprimento de catro principios básicos para que o galego "non" sexa un problema, senón unha oportunidade", concluíu. Así, demandou un "compromiso" para que evitar a "controversia partidaria" sobre o galego e o impulso do "multilingüismo".

PLAN DE NORMALIZACION

Tamén solicitou o desenvolvemento do Plan de Normalización da Lingua galego que aprobou por unanimidade o Parlamento galego e o impulso dunha "cooficialidade simétrica dentro da Constitución na que todos os cidadáns teñan dereitos e deberes co castelán e co galego".

Ao termo do acto, Barreiro instou a toda a sociedade, empezando polos medios de comunicación a "responsabilizarse da situación do galego". "É preocupante o que está caendo", indicou en referencia ao uso ideolóxico e político do idioma.

Por outra parte, o presidente da RAG, evitou concretar se o acordo do plenario sobre o comunicado lido hoxe foi por unanimidade. "Aquí está representada a voz da RAG", respondeu a preguntas dos xornalistas sobre esta cuestión.










O pasado 30 Abril, presentounos en AURIA "Para seguir bailando"

10 may 2009








PREMIOS AELG 2009: AS UVAS NA SOLAINA, MELLOR BLOG LITERARIO


por Corresponsal
Fotos(Trebolle
(1) A modo de teletipo:

Celebrouse onte, sábado 9 de maio de 2009, a tradicional Cea Literaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega (ALEG). No transcurso dunha cea no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela entregaronse os seguintes galardóns:
Literatura infanto-xuvenil: O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo. Poesía: A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel. Teatro: Unha primavera para Aldara, Teresa Moure. Ensaio: Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado. Tradución: As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza. Narrativa: Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva. Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní. Mellor blog literario: As Uvas na Solaina, Marcos Valcárcel.

(2) A modo de entusiasmo:

Este blog cobra supetamente autoconciencia, como o Hal 9000 de Kubrick, e felicita a todos os galardoados, a todos os nominados e, moi en particular, parabenízase a si mesmo (abrindo con isto un preocupante precedente). Sobre todo e en primeiro lugar, ao seu mestre vendimador, o sabio colleiteiro Marcos Valcárcel López. En segundo lugar, a todos cantos teñen escrito neste blog desde os seus comezos até hoxe, quer fosen ocasionais, quer sexan habituais. E en terceiro pero non en derradeiro lugar, aos centos de lectores e lectoras que teñen incorporado ao seu quefacer diario pasar a botar un grolo de viño novo nesta solaina. En nome de todos eles, moitas grazas aos membros da AELG por teren distinguido a este blog.

(3) A modo de crónica social:

A xente foi chegando aos poucos a algo que pretendía asemellarse a un cóctel. Escritores famosos, semifamosos e perfectos descoñecidos, ademais de escritores aspirantes a famosos, a semifamosos ou a perfectos descoñecidos, parentes, amigos e demais familia, déronse cita para estar presentes na posterior cea e na conseguinte entrega de premios.

Sen ánimo de exhaustividade e citados ao chou para non ferir suceptibilidades, estiveron Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Teresa Moure, Francisco Fernández Naval, Marcos Valcárcel, Inma López Silva, Ana Romaní, Rubén Ruibal, Marica Campo, Olalla Cociña, Arturo Casas, Marcos S. Calveiro, Pilar García Negro, Millán Picouto, Rosa Aneiros, Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Borrazás, Manuel Bragado, María Xosé Queizán, Francisco Castro, Avelino Pousa Antelo, Tati Mancebo ou Modesto Fraga, entre moitos outros que tamén se poderían citar (agás os escritores descoñecidos ou aspirantes a descoñecidos por motivos obvios). Así mesmo, tamén se contou coa presenza de representantes políticos como Ana Pontón.

A ementa da cea foi congruente cos tempos de crise económica: sobria e escasa. O público asistente, nin moito nin pouco, estivo tamén sobrio e contido, amosando un signo preocupante: o que noutrora houbese desatado unha devastadora jacquerie, apenas suscitou protestas. Efectivamente, a ausencia dos licores anunciados co café non deu pé a unha acción colectiva revolucionaria que asaltase as despensas do hotel. Que tampouco se coreasen ao unísono clásicos populares como “A rianxeira” pode considerarse un efecto colateral de tan clamorosa carencia. O semiólogo Arturo Casas, nominado polo seu extraordinario blog Lándoas, podería vincular tales circunstancias coa chegada ao poder do Partido Popular e coa derrota das forzas bipartitas.

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, que cada día que pasa se parece máis a un pintor impresionista francés do século XIX, oficiou de eficaz mestre de cirimonias. Varios dos galardoados non estiveron presentes, recollendo os premios outros comisionados. Das intervencións dos premiados paga a pena destacar a serenidade de Ana Romaní, a contaxiosa alegría de Inma López Silva ou as palabras de Marcos Valcárcel reivindicando a tradición cultural galeguista ourensá. Foi, naturalmente, o máis aplaudido da noite. A gran escritora mexicana Elena Poniatowka, unha “chaparra” descendente ao parecer dos reis de Polonia, foi nomeada Escritora Galega Universal e fixo unha emotiva intervención. A AELG agasallou aos presentes cun libro de relatos seus, traducidos ao galego para a ocasión por dez escritores.

Ao remate houbo unha certa desfeita e algunha xente foise sen despedir. Non houbo baile. Mesmo Xosé Manuel Pereiro se deitou cedo, segundo anunciaba minutos antes no Facebook. Algo está a mudar en Galicia: el será que os tempos non son chegados?

9 may 2009




ALL THAT IS SOLID MELTS INTO AIR

por Apicultor


Imaxe: La comuna de París.
Aquel día de primavera, aquel 28 de maio de 1871, os cento corenta e sete foron botados ao foxo coas balas atravesando os seus corpos no derradeiro día da Semaine Sanglante. “Subamos ao Mur des fédérés”, dixo Jules Guesdes, e a consigna atravesou vintecinco mil corazóns o 23 de maio de 1880.

Paul Lafargue e Laura Marx, suicidados, pediron ser soterrados ao seu carón: corría o ano 1911. "A vinganza, vella de cen anos, ten aínda os dentes de leite", dicía un proverbio agfano que Paul lembraba. Coa esperanza nun futuro esplendoroso, o 24 de maio de 1936 máis de medio millón alí se congregaron con Léon Blum e Maurice Thorez á cabeza. “Tombe sans croix et sans chapelle, sans lys d'or, sans vitraux d'azur, quand le peuple en parle, il l'appelle Le Mur”, cantou Jules Jouy.

Hoxe aquel é un lugar de memoria devaluado: o dionisíaco Jim Morrison, malgré lui, gaña por goleada dentro dos altos muros. “All that is solid melts into air”, xa advertira o vello xudeu de Tréveris que obedecía ao nome de Karl Marx.

DEDOS DE PEDRA (1)
por Xoán da Cova
A imAXE, afiche dos ourensans, "Los Tamara".
Nunca esquecerei o día en que coñecín a Dedos de Pedra, hai xa tantos anos. Un domingo cedo, intempestivamente, chamoume á porta un amigo. Era un "representante" musical que me pedía que fose urxentemente, coa miña guitarra, a amenizar unha "sesión vermú" a algún lugar da comarca do Carballiño. A formación inicialmente prevista non podería asistir, non lembro por que razóns. Obxectei que non tiña xeito de localizar a ningún teclista que me puidera acompañar. Tras matinar uns instantes, pedíume que o acompañase a levantar da cama a un que coñecía. Con todo, non entendía ben como podería ir eu tocar cun descoñecido sen poñérmonos previamente de acordo nos temas, sen telos ensaiados, mais deixeme levar.

Recén chegado ao "panorama musical" ourensán , todo me chamaba a atención nese "novo mundo". Ávido como estaba de novas experiencias, non me importaba que non foran de todo agradables. Aprender, aprender: esa era a consigna. Souben tempo despois que había anos que ninguén quería tocar con Dedos de Pedra. Quizais foi por iso polo que a súa nai me mirou con tanta curiosidade cando chegamos á súa casa, buscándoo. Imaxino agora que, de non ser pola súa axuda non o teriamos convencido de que se erguera e que viñera connosco. Uns cartiños a gañar non lle veñen mal a ninguén, pero Dedos de Pedra, como souben máis tarde, tiña outras motivacións na vida. Desde o primeiro momento sorprendeume a súa xerga persoal e intransferible. O seu utilitario, no que cargamos os instrumentos, era a súa "nave espacial". O soporte do teclado, a súa "metralleta". Tardaría eu bastante tempo en poder manteñer con el unha conversa fluída, sen preguntar a cada momento o particular significado que lle daba a tantas palabras.

Non vou contar moito máis daquela gloriosa primeira xornada na que tocamos xuntos. Decidimos as cancións sobre a marcha, moitas delas pedidas pola xente, que pronto se deu conta da esmorga que nos traiamos entre nós, polo que nos invitaban a beber para que tocaramos máis tempo do acordado. A expresión "invitación a beber" parecía exercer unha fascinación especial sobre o meu compañeiro. Os seus movementos e acenos faciais eran un espectáculo de seu. Para uns era un "Jimi Hendrix" das teclas, un xenio. Para outros, un "pasado de voltas". O caso é que cobramos o "bolo".

Pensaba eu que aquelo fora un episodio illado, pero días máis tarde chamoume o mesmo representante para me decir que, en vista do "éxito" obtido na primeira saída, tiñanos xa contratado todo aquel verán como dúo. Poderíase escribir un relato con cada unha daquelas actuacións. Dedos de Pedra era unha auténtica fábrica de historias, non todas agradables. Contarei unha máis agora, deixando outras para vindeiras entregas.

Íamos amenizar unha importante voda nunha catedral, vestidos con traxes serios, oscuros, tal como a ocasión requería. De súpeto, fixeime en que levaba posta na lapela da chaqueta unha flor de plástico parcialmente rota, de deseño infantil, como se tivese formado parte dalgún xoguete. Eu pregunteille: "Como pretendes levar iso co traxe?". Non houbo maneira de o convencer de que a quitase. Só un tempo despóis souben a historia daquela flor.

Había un tempo viaxara a Londres para ver un importante partido de fútbol do seu equipo favorito. Só se preocupara de conseguir os cartos para o viaxe de ida e para a entrada ao campo. Cando rematou o partido, deuse conta de que non tiña máis cartos. Entre os diferentes modos que artellou para "buscarse a vida", pintou nuns cartóns uns cadros abstractos e tentou de vendelos. Sen moito éxito. A punto de tirar a toalla, mellor dito, de tirar os cadros ao Támesis, pediulle a Deus, ollando cara o ceo, que o axudase (estudara no seminario e mantiña unha certa relixiosidade). Fixouse daquela nunha flor de plástico que caía paseniñamente, xirando sobre sí mesma como as hélices dun helicóptero, desde algún edificio, até os seus pés. Estaba a colocala coidadosamente no peto da camisa cando un viandante se interesou polos seus cadros, comprándollos todos. Desde ese momento, a flor de plástico era o seu talismán.

(Continuará).




Parabéns aos premiados!

Nuevo Cal e Emilio Xosé Ínsua gañan o Premio Fole de ensaio

Galicia Hoxe, 09.05.2009
Baldomero Moreiras.Ourense.A bola de neve da namorada.

Os dous investigadores, que xa obtiveran o mesmo galardón no 2003, presentaron un traballo sobre Maruja Mallo

Un xurado reunido en Lugo acaba de anunciar os gañadores do XXIII Premio Ánxel Fole, un dos máis prestixiosos galardóns literarios do país, dedicados este ano á artista Maruja Mallo. A decisión, tomada por unanimidade, deulle o premio a Carlos Nuevo Cal e a Emilio Xosé Insua. Ademais, o xurado suxírelles ás entidades convocantes que dediquen a próxima edición deste importante e singular certame literario ao estudo da vida e da obra do poeta Xosé Díaz Jácome, cuxo centenario se celebrará no vindeiro 2010.
Nuevo Cal e Ínsua gañaron xa a edición XVII deste galardón, co ensaio O primeiro Antón Vilar Ponte. Achegamento ao período de formación do fundador das Irmandades da Fala (1881-1908), no 2003, ano no que o premio se dedicou á figura do pensador galeguista.
Carlos Nuevo Cal, profesor e historiador viveirense, preside na actualidade o Seminario de Estudos Terra de Viveiro, desde a súa constitución en 1996, e é, así mesmo, membro fundador da Asociación de Amigos del Conjunto Histórico Artístico de Sargadelos e coordinador e fundador da revista Viveiro en Vivo (1988-89). É autor de cinco ensaios ademais de numerosas colaboracións e escritos.
Emilio Xosé Ínsua é doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago e profesor de Lingua e Literatura Galegas no IES A Basell", de Vilanova de Arousa. Foi socio fundador e membro da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística entre 2001 e 2002, ademais de formar parte do consello da editora Letras de Cal. Colabora habitualmente en prensa e ten editado libros de poesía e ensaio.


Cea literaria.

A noite máis importante.

A Asociación de Escritores entrega hoxe os seus galardóns, que este ano inclúen por vez primeira o recoñecemento ao mellor blog .

A Cea Literaria da AELG terá lugar no Hotel Puerta del Camino de Compostela a partir das nove da noite.

A Cea das Letras, na que a mexicana Elena Poniatowska recibirá a distinción de
Escritora Galega Universal, servirá para coñecer as obras que, na opinión dos membros da AELG, son as mellores das publicadas no ano 2008 en cada un dos xéneros literarios, ademais de tradución, traxectoria xornalística e, desde a edición deste ano, mellor blog. Premiarase, igualmente, a Institución que, segundo os escritores e escritoras, fixera un labor destacado en prol da cultura galega.

A inclusión do mellor blog amosa, ao mesmo tempo, a vontade da asociación para non deixar fóra ningún soporte nin ningunha expresión, creando así un galardón que é único, polas súas características, en Galicia. Nese apartado, os finalistas son os blogs .?mmmm? de Estíbaliz Espinosa [estibalizes.wordpress.com]; As uvas na solaina, de Marcos Valcárcel [www.asuvasnasolaina.blogspot.com]; Das orixes de marzo, de Helena González, [dasorixesdemarzo.wordpress.com]; Lándoa. Marxes de Texto, de Arturo Casas [landoa.blogspot.com]; Henrique Marques-Samy de Henrique Marques-Samyn [marques-samyn.blogspot.com] e O levantador de minas de Alfredo Ferreiro [olevantadordeminas.blogaliza.org].

No apartado de traxectorias periodísticas, os finalistas seleccionados foron Ana Romaní, Bieito Iglesias, Camilo Franco, Gustavo Luca de Tena, Marcos Valcárcel, Xosé Manuel Eyré e Xosé Manuel Pereiro.

Entre os asistentes á cea non figura o novo conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, que tiña problemas de axenda. Si estarán, pola contra, os portavoces de Cultura dos tres grupos parlamentarios da cámara galega.(De GH