31 jul 2006


















Nada pode xustificar estas imaxes (como pode un pobo como o xudeu, que padeceu o Holocausto, asistir impasíbel a estas masacres?)

YASHMINA SHAWKI
En contra de los judíos, no; de sus actos, sí
(La Voz de Galicia, 31 xullo 2006)

LLEGARON a mi casa una soleada mañana del mes de diciembre de 1976. Quince libros, de tamaño bolsillo, pulcramente encuadernados en piel teñida de rojo, negro y oro. Mi madre los colocó en la estantería más alta de la biblioteca, no sin antes aleccionarme para que no me acercara a ellos. «Estos libros son muy valiosos y los he comprado para que cuando seas mayor conozcas la historia y sepas lo que realmente sucedió. De momento, eres muy pequeña para comprender». Y así, fue. El tiempo, que todo lo cura, me dio los centímetros suficientes para alcanzar aquella estantería y el raciocinio necesario para asimilar su contenido. Lo cierto es que casi hubiera preferido haber tardado más, ya que aquellos quince tomos marcaron un antes y un después en mi forma de entender el mundo. Las fotografías en blanco y negro que los ilustraban mostraban la crueldad suprema a la que puede llegar el ser humano, la monstruosidad nazi para con los judíos y miembros de otras minorías ajenas a la pureza de la raza aria. Seis millones de personas apartadas de sus ciudades, de sus familias, de su mundo, para ser encarceladas, masacradas, torturadas y vejadas. Resulta muy difícil no sentirse avergonzado por el Holocausto. Sin embargo, el conocimiento y el reconocimiento de esta parte tan negra de la historia contemporánea no justifica que sus víctimas puedan cometer otras atrocidades, que sesenta años después de finalizada la Segunda Guerra Mundial se les permita a los judíos hacer lo que les plazca bajo la excusa de la legítima defensa. Somos millones los que hemos crecido admirando el esfuerzo de recuperación de los judíos diezmados, su lucha por crear un país democrático en las arenas de un inhóspito desierto, sobre las ruinas de un pasado casi olvidado y rodeados de enemigos que, les guste o no reconocerlo, ellos mismos se han creado. Pero, igualmente, somos millones los que negándonos a que se nos acuse de antijudíos denunciamos que el último ataque al Líbano, además de no justificado, viola las normas más elementales establecidas en el derecho internacional, y no puede ser tolerado. Los que consideramos que un acto de guerra así responde a otros intereses diferentes a la erradicación del terrorismo, y que acabará por cobrarse un alto precio de inseguridad en el marco regional.

29 jul 2006


Censura nos Estados Unidos.
(Pan por Pan sábado 29 xullo)

É coñecido que os niveis de censura nos Estados Unidos son maiores que os que rexen en Europa. Lembren moitas películas europeas censuradas aló ou o famoso escándalo do “pezongate” de Janet Jackson na Superbowl: as teles emiten agora con retardo para evitar un peito en pantalla. A cadea ABC ten adaptado cancións e gravacións “sexualmente explícitas” dos Rolling Stones e moitas canles censuraron tamén o trailer da película “Super Size Me” porque McDonalds ameazaba con retirarlles a súa publicidade. Os exemplos sucédense todos os días e algúns chegan ata o absurdo. Por exemplo, cando Bush dixo, diante de Blair e co micro aberto, que Siria tiña que obrigar a Hizbulá “a parar toda esa merda”. Varias televisións e xornais negáronse a reproducir esta palabra malsoante. Coma se ese taco infantil fose o pecado máis grave do sr. Bush!
(Imaxe: Escapando da crítica, 1874, de Pere Borrell del Caso, pintor catalán)


A cidade como a gran lurpia
(Andoliña sábado 29 xullo)

Os combates de hoxe dos integristas, de calquera color que sexan, funden as súas raíces moitas veces nos mitos clásicos. Alguén relacionou os atentados ás Torres Xemelgas de Nova York coa Torre de Babel: nesa mentalidade premoderna é Deus (Alá neste caso) quen cobra vinganza contra o home que desafía as leis da natureza. Nos primeiros séculos do cristianismo, baixo a pegada da Apocalipse de San Xoán, a cidade era a metáfora do mal: Roma ou a Gran Babilonia. Logo santo Agostiño contrapuxo a cidade real, como sede do vicio, contra a cidade celestial, símbolo do amor de Deus: de novo Caín contra Abel.
Ese desafío do integrismo non soporta a visión da cidade como modelo de modernidade: dende tempos medievais as urbes son o territorio da liberdade, do progreso e do benestar, pero tamén do pracer do lecer, do atractivo do diñeiro e do poder do comercio: de novo o pecado da soberbia, dirían os fanáticos. Destruír a cidade sería, nesta perspectiva antimaterialista, destruír o símbolo da metrópole como gran lurpia, presente nos clásicos, e negar a modernidade en todas as súas facianas posíbeis: avións, metros, liñas de ferrocarril, convértense así en obxecto dun fanatismo arcaico que se presenta como redentor.
(Imaxe: Frédéric Bazille, La Toilette (detalle), 1870).


GALIZA VERSUS XAPÓN

Hai anos un pintor xaponés, que visitaba Galiza, afirmaba nunha entrevista que en todas as súas viaxes nunca vira lugar tan próximo a Xapón como a nosa Terra. Pensei eu daquela nalgúns elementos da nosa paisaxe, como o cultivo en sucalcos, pero, malia iso, vía a súa declaración como pura retórica. Pero quizais non. Xa falei aquí noutras ocasións da nosa peculiar proximidade ao mundo poético dos “haikus” que engaiolaron a autores como Novoneyra, Helena Villar ou Consuelo García Devesa. E hai outros fíos que nos comunican …
Na súa “Galicia borrosa”, Santiago Lamas recolle estudos antropolóxicos sobre o país de Oriente Extremo que falan de cousas que os galegos entendemos ben: velaí esa “reticencia verbal” (a cultura xaponesa aconsella non dicir claramente o que un quere), que aboia no mesmo mar da nosa ironía e a retranca. Amigos meus que viviron en Xapón volveron de aló falando marabillas dalgúns dos seus costumes como o amor á Terra e ás árbores de onde derivou a arte dos bonsais. O noso panteísmo semella máis esquecido. A Fisterra occidental e a Fisterra oriental: Galiza versus Xapón. Tamén hai diferencias, por suposto: disque o Xapón é unha illa. E non o será tamén a Galiza?
(Imaxe: Xove xaponesa con parasol, do pintor expresionista Ludwig Kirchner, 1907)

28 jul 2006


GALIZA, TÓPICOS E ESTEREOTIPOS

(Remexendo no arquivo, encontrei esta Andoliña de hai un ano, pouco despois das eleccións autonómicas do cambio. Pensei que o que dicía alí dos tópicos e estereotipos podía ter interese pendurado aquí).

Como era de esperar, de Galiza escribiron nas últimas semanas moitos escritores e xornalistas non galegos: Antonio Gala, Francisco Umbral, Haro Tecglen, Quim Monzó, etc. Como subliñaba o autor de “El porqué de las cosas” abundaron os tópicos de sempre: un país de brétemas e morriñas, o poder dos ausentes, a suposta Galiza matriarcal, e moitos outros lugares comúns que veñen de moi lonxe na literatura xornalística sobre o noso país. Anque o certo é que os resultados finais semellaban querer darlle un novo pulo ao tópico: “Galicia es así. Nunca dice que sí ni que no. O dice que sí y que no al mismo tiempo”, comezaba un dos seus artigos Francisco Umbral.
Pero os tópicos enganan. Como as enquisas. Sabíao xa Blanco White cando reflexionaba nas súas “Cartas de España” (1822) arredor do chamado “carácter nacional”: o poder de observación do home non pode ser a un tempo tan preciso e tan extenso, tan xeral e minucioso, como para permitirlle incorporar os riscos particulares de millóns de seres nun só ser abstracto que conteña os de todos eles”. E nós, tralo cambio político, seguiremos sendo noticia? E serán quen de vernos como somos, un pobo de xentes diversas, por riba dos tópicos.
(Imaxe: para reflexionar sobre o carácter nacional, que mellor que unha das imaxes sempre interpeladoras do malogrado Jean-Michel Basquiat?).

Ecoloxistas de boca.
(Pan por Pan venres 28 xullo)

Somos todos moi ecoloxistas pero de boca, non de conduta. Iso é o que di un estudo realizado en toda España pola Fundación BBVA. Os españois temos unha nidia conciencia medioambiental, estamos preocupados pola contaminación das augas e polos incendios forestais e valoramos positivamente a biodiversidade. Pero, pola contra, temos escasa información ecolóxica (a metade non saben que cousa é o Protocolo de Kioto) e rexeitamos aumentar os impostos para protexer o medio ambiente: só o 27 por cento apoiaría limitar o uso do coche para reducir a contaminación. Sabemos que a auga é un ben escaso, pero non queremos que sexa caro. A maioría coida o seu consumo de auga e electricidade e un 61 por cento recicla os diferentes tipos de lixo. En suma, este modelo social é desastroso para o medioambiente e sabémolo, pero agardamos que non nos pille a catástrofe.
(Imaxe: detalle de "Tetis implorando a Zeus", de Ingres, Museo de Aix-en-Provence).
DE INSULTOS, ÑOQUIS E BOLUDOS
(Andoliña venres 28 xullo)

Faleilles esoutro día da difícil arte dos insultos, a propósito do “Diccionario de la injuria”, de Buffano e Perednik. Dende Buenos Aires chégame un correo co significado exacto de “ñoqui”: así chaman alí aos empregados públicos que cobran o seu salario sen traballar. O alcume inspírase nos ñoquis, unhas pastas que se comen o día 29 de cada mes, o mesmo que os funcionarios que só van ao despacho ese día a cobrar. A miña correspondente arxentina é Débora Campos, descendente de galegos, galeguista de corazón;
aproveito para recomendarlles o seu blog (fíosinvisibles.blogspot.com), excelente. Na súa carta engade que os mozos abusan de “boludo” en formas coma esta: “Che, boludo, vamos a la de Juan, que el boludo tiene unos DVDs bárbaros que le copió un boludo del colegio".
Se queren curiosear, na rede hai múltiples achegas de internautas sobre os xeitos de insultar en Sudamérica. Por exemplo, en México dinlle “comer arroz con popete (sorbete)” a un varón homosexual. Na Arxentina “perro” é alguén malo ou un mal xogador de fútbol e en Perú alguén a quen lle cheiran os pés. “Pendejo”, di outro, é ser moi avispado en Lima, pero en México é ser un imbécil.
(Imaxe: detalle de "Palas doma ao centauro", de Botticelli, 1482-83, Florencia, Galleria degli Uffizi).

27 jul 2006


Carta a Pura Vázquez
(Andoliña venres 27 xullo)
‘In ictu oculi’, dicían os clásicos e así é realmente: nun abrir e pechar de ollos acaba a vida. Chega a morte. Os barrocos déronnos aquelas imaxes lóbregas, que nos asustaban cando nenos, de esqueletos coa gadaña e a clepsidra nas mans, a morte a apagar unha candea: o fin silencioso do tempo que nos foi dado gozar. Nada supera aquela imaxe clásica, pero eu lembrareite sempre antes de apagar esa candea. Quero gardar o teu recordo humano, a túa afabilidade e xenerosidade de sempre, a sonoridade que compartiches con Dora, a vosa disposición a agasallarnos cos vosos versos cos novos sempre que para iso erades chamadas. Para sempre quedarán connosco as túas aleluias de amor, as edras da paisaxe dos sentimentos, os desacougos que baten dende o fondo da señardade, os ríos da desmemoria e os mares da melancolía.
In ictu oculi’, dicían, si, os clásicos, e nesta levidade que é o tempo que cantades os poetas percibo que se está a pechar unha época en que vós erguestes as verbas que nos deron conciencia de noso: Novoneyra e Valente, Manuel María e Tovar, agora ti, amiga Pura, quedamos na orfandade das mellores voces dunha época moito máis vizosa que a longa noite de pedra que rexistran os manuais literarios.

(No diario Galicia Hoxe máis información sobre Pura Vázquez: opinións de Luis González Tosar, Helena Villar, Helena González, Cesáreo Sánchez Iglesias, e o meu artigo "Ourense nos versos de PV", un extracto breve da serie Ourense, Universo Literario)

26 jul 2006


Quédanos a túa voz, amiga...

E chegará ese día. O das gacelas
e as corzas añorantes susurrando.
Día gabia de luz. Día onda leve.
Día violíns e músicas e nardos.
Tamén virán alaudas apousándose
nas árbores fantasmas. Nas fronteiras
dos outeiros amables do abril macio,
co crepúsculo aínda relanzado.
Na levián incerteza dos encontros.
Onda os salgueiros a dobrarse amargos
acharédesme en ondas, en espellos.
Estarei fronte ós astros agardando.
Só eu falarei na derradeira cita
Convosco. Eu soa en túneles pechados
cos calados espectros axexantes.
Co propicio silencio que non cesa.
Co tempo relancío e eternizado.

(De “Orballa en tempo lento”, de Pura Vázquez.)

(Imaxe: Pura Vázquez paseando por Madrid con Ramón Cabanillas e Fermín Penzol)

25 jul 2006


ISAAC DÍAZ PARDO
(Andoliña martes 25 xullo)
Leva varias semanas Isaac Díaz Pardo a recibir homenaxes e adhesións múltiples: non son as primeiras, nin serán as últimas e todas son merecidas. Un incidente moi desagradábel está a complicar a vida do amigo Isaac, o espolio dunha obra que toda Galiza sabe ben que naceu da súa cerna. Porque todos sabemos o que significa Isaac na nosa historia: o elo co espírito rebelde e galeguista de preguerra, o anel que nos une co forte pulo da emigración americana (con Seoane e Blanco Amor á cabeza), o pai das industrias culturais no país que foi quen de facer empresa e cultura en mancomún. Aínda que lle quiten dereitos e propiedades, nunca poderán roubarlle o noso recoñecemento.
Demostrouno de novo na noite do domingo, no magnífico documental sobre a guerra en Galiza que preparou Manuel Rivas. Alí estaban Isaac, Avelino, Del Riego, con outros nomes menos coñecidos, contando o espanto que se nos quixo ocultar durante décadas. Rivas evocaba ante Isaac a memoria do seu pai, Camilo Díaz Baliño, cuneteado en Palas de Rei por riba da súa arte e da súa condición católica. E Isaac só dicía: “eu creo que non debo apoiarme no nome do meu pai”. Sempre humilde, reservado, pero tamén grandioso, Isaac. (Imaxe: Místico, de Díaz Pardo).

24 jul 2006


Unha entrevista no xornal Atlántico
Este domingo pasado, nas súas páxinas dominicais, o xornal Atlántico publicaba unha entrevista que me realizou o escritor e amigo Manuel Villaverde, nunha súa sección dominical. Por problemas de espazo, só saiu un terzo do tratado, pero aproveito estes novos medios (por se a alguén lle interesa) para publicala íntegra. (A imaxe que ilustra é a Venus durminte, de Giorgione).

1.-Historiador, ensaísta, crítico literario, xornalista... cal é a definición sobre ti mesmo?
Ben, recollería como idónea unha expresión que usaban moito no galeguismo histórico e que lle teño escoitado a don Paco del Riego ou a Díaz Pardo: “un obreiro da cultura”. Todo o que teña que ver co mundo cultural, en Galiza e no mundo, sempre me vai interesar e procuro aportar o que poida, dende as miñas posibilidades, na investigación ou na reflexión ao respecto. Nos últimos tempos interésame moi especialmente o concepto de Historia Cultural. De feito estou a publicar dende hai meses unha crónica chamada “Cen Anos de Historia Cultural” (que aparece os domingos en “Galicia Hoxe”) dende 1906, ano da fundación da Academia Galega ata a actualidade. Para o caso galego, estou convencido de que un enfoque puramente político ou partidario da realidade do nacionalismo, por exemplo, é moi reducionista: os galeguistas de preguerra propuxéronse construír unha nación e fixérono dende todos os campos, tanto dende a política como dende a cultura, enchoupándose da realidade social e traballando no teatro, na prensa, na música popular, no cine e nas novas artes, etc. Dende esta perspectiva procuro traballar tanto como historiador ou ensaísta como comunicador de ideas (considero que xornalistas son os que traballan na redacción dos xornais e dos medios), no meu caso a través do columnismo de opinión e da historia cultural, mesmo con frecuencia diaria.
2- De cal dos teus libros gardas mellor recordo?
Gárdolle un especial agarimo ao meu estudo e catalogación da prensa ourensá, que me consta que é un libro que foi e é moi usado e aproveitado como fonte básica para outros estudos e foi a miña tesiña e primeiro libro editado. Logo, gardo tamén gran querenza polo estudo sobre Otero Pedrayo (Ir Indo) que fixen conxuntamente con Xosé Ramón Quintana e outras achegas posteriores a autores ourensáns como don Xoaquín Lorenzo ou Eladio Rodríguez. Dos máis recentes, destacaría a preparación e edición de “Ourense, craro río, verde val”, que editou o concello ourensán no 2001, con case un cento de poemas dedicados á miña cidade natal e que terei que ampliar (xa teño moitos máis poemas) e, por outra parte, a edición e introdución da poesía galega de Antón Tovar, un libro que el non puido ver pero que sabía que sairía nesa colección do PEN Clube, feito do que el mesmo estaba moi orgulloso.
3.- E a propósito de Risco, cal é a túa opinión?
Ben, expliciteino con detalle en “Últimas páginas sobre Galicia” de V. Risco, que editou hai uns meses Alvarellos cun amplo estudo introductorio da miña autoría. Risco foi unha figura moi polémica en moitos aspectos, dende a perspectiva política e mesmo dende claves éticas. Pero é unha figura imprescindible na historia do país. E un luxo como creador cultural ao que non podemos nin debemos renunciar. Ata 1933 Risco marcou a historia do nacionalismo galego, chegando a deixar unha pegada moi forte en autores mesmo de posicións de esquerda ou moito máis radicais como Blanco Amor, Manuel Antonio ou Castelao. A súa evolución posterior a liñas conservadoras no galeguismo, na República, e a súa posición favorable ao franquismo nos inicios da guerra e no xornalismo ourensán deron para escribir centos de páxinas e aínda para ser literaturizados en novelas tan interesantes como “Deus sentado nun sillón azul” do seu amigo e discípulo Carlos Casares. Pero, malia todo iso, moi cedo xurdiron no galeguismo estratexias de recuperación de Risco e creo que iso foi acertado. Galiza non se pode limitar a facer unha lectura só política ou sectaria da súa cultura (que facemos logo con Cunqueiro, con Filgueira Valverde, con Euxenio Montes, etc. ?). E, ademais, Risco foi o autor dunha das meirandes novelas da nosa literatura, “O porco de pé”, e dun xornalismo cultural excepcional na posguerra, en boa parte en castelán polas circunstancias daquel momento.
4.- Téntache ou che tentou a poesía, a novela, o relato en xeral?
Preguntáronmo varias veces e mesmo tiven convites nese sentido, por exemplo por parte do amigo Carlos Casares. Pero ata agora non publiquei nunca literatura de ficción (fóra do discurso literario conmemorativo ou agás algún breve texto en compromisos anecdóticos, de prensa ou volumes colectivos) e non creo que o faga, polo menos polo de agora. A razón é moi clara: hai en Galicia excelentes escritores e para min xa é un pracer suficiente lelos, sendo ademais moitos deles bos amigos e amigas. Prefiro achegarme ás súas obras, contribuír á súa difusión e á reflexión sobre as mesmas: ese é o meu labor e creo que é tamén necesario, como intermediación entre os creadores e o gran público.
5.- Hai historiadores bos e malos?
Hai historiadores bos e malos, como en todo; serios e brillantes ou mediocres e ineficaces. Como en calquera profesión. Pero o fenómeno máis grave agora é a aparición de comunicadores de masas, respaldados por fortes grupos, que presentan modelos de historia revisionista, por exemplo respecto á Segunda República e á guerra civil, e mesmo teñen éxito de público entre xentes pouco informadas, cando o único que fan é repetir os mesmos argumentos da historia franquista dos anos 40 e 50. Non é preciso citar os seus nomes, están na boca de todos e xa teñen demasiada propaganda. A historia de calidade está noutras voces, esas si imprescindibles, e serán as que quedarán no futuro e son xa as que fan avanzar de certo o debate intelectual.
6.- Traballas agora nalgunha obra en concreto?
Neste momento, en canto remate as vacacións que respecto ao longo de todo o mes de agosto, teño varios compromisos pendentes. Seguirei con ese proxecto de Historia Cultural de Galicia dende 1906 e estou a preparar tamén algúns traballos sobre o xornalismo de Lamas Carvajal ou o xornalismo galego nos tempos da Pardo Bazán. Teño pendente, xa entregada, a edición dunha breve Historia da cidade de Ourense, con destino ao mundo escolar, que publicará Xerais, e tamén de inmediato sairá un tomo amplo, publicado por Alvarellos, do xornalismo de Otero Pedrayo en “Vida Gallega”, para o que estou a preparar un novo estudo introductorio. E non deixarei o xornalismo cultural que, como xa sabes, é para min un compromiso diario, que ademais agora extendín con éxito á rede dende o meu blog (www.asuvasnasolaina.blogspot.com).
7.- Les de todo, xa o sei, tes algunha preferencia?
Como xa che dixen non quero deixar baleiro ningún campo. Procuro compatibilizar as lecturas de narrativa e novela, galega e universal, con algúns ensaios e traballos de investigación de Historia e Ciencias Sociais. Teño a miña lista de poetas preferidos, de todo o mundo, aos que volvo con frecuencia case diaria, de forma compulsiva. E, cando quero relaxarme de forma aínda máis absoluta, acudo aos libros de arte, que están sempre sobre a miña mesa de traballo: o mundo das artes plásticas e da evolución cultural resúltame cada vez máis atractivo.

23 jul 2006


Diccionario de insultos.
Hai un par de meses a editorial Losada publicou en Buenos Aires un “Diccionario de la injuria”, obra do xornalista Sergio Bufano e do poeta Jorge Perednik, cuns tres mil insultos usados en Sudamérica. Por suposto, como noutros lugares, a maioría deles están cargados de connotacións racistas, misóxinas ou sexuais. Pero non se pode negar a riqueza da lingua ao respecto. Velaí algúns exemplos: “chimpapo” é como lle din en Nicaragua ás persoas de queixo grande na súa cara e “cachacán” emprégase no Ecuador para cualificar a que non serve para nada. “Boludo” vén sendo tonto en Arxentina, aínda que ten múltiples matices, e “ñoqui” úsase para os vagos no mesmo lugar. De carácter sexual son formas como “chingada” (México) e “chucha”, “cachucha” e “cajetilla (cajeta)” (Arxentina, Perú). Tampouco convén por aló chamarse Concha: por iso mesmo que están a imaxinar.
(Imaxe: detalle de Susana e os vellos, de Gentilleschi)

Nin escritores nin militares.

Resulta curiosa a enquisa do CIS que divulgaban onte os xornais. Xa saben: a de médico/a e as profesións sanitarias son as máis recomendadas polos pais aos fillos. Médicos, profesores, arquitectos, informáticos, albaneis e fontaneiros, por esta orde, son as preferidas. Os heroes da TV levan agora bata sanitaria. Por baixo, xa veñen policías, escritores, empresarios, xuíces, avogados, periodistas e militares (fin da cola). Na mentes dos pais pesará, supoño, que sexan profesións ben pagadas ou de certo prestixio: por iso sorprende o dos profesores, citada no mesmo traballo en caída libre en canto a prestixio social. De feito, os mozos xa din moi claras as razóns para non querer ser mestres: “agora os alumnos pórtanse moi mal...”. Está tamén polo chan o prestixio de xuíces e xornalistas. E dos escritores? Que queren que lles diga? O raro é que saian citados xa na enquisa...
(Imaxe: detalle do óleo No Moulin da Galette, 1892, de Ramón Casas)

22 jul 2006

Rosalía editada en Brasil
Por vías non habituais chegoume (á redacción de La Región en Ourense) un volume de versos que vén de moi lonxe, dende San Paulo (Brasil). Trátase dunha escolma de Rosalía de Castro, traducida ao portugués baixo o título Poesía e publicada pola Editora Brasilense. A autora da escolma é Ecléa Bosi, do Instituto de Psicoloxía desa cidade, a quen non teño a honra de coñecer. A primeira saída do libro data de 1966, daquela da man de Xosé Velo como editor, e logo foi reeditado 21 anos despois. A señora Bosi traduciu tamén a Ungareti, Montale e Leopardi, e agradézolle moito o envío, que me permite, dende unha mirada brasileira e unha sonoridade tan próxima, reencontrarme coa nosa gran Rosalía. O libro inclúe unhas notas introdutorias sobre a escritora no seu tempo e os poemas que lle dedicaron Curros e García Lorca. Quede constancia desta achega que contribúe a espallar polo mundo a imaxe de Rosalía, sen dúbida unha das voces líricas máis poderosas do século XIX europeo. Velaí: Deixa que nesse cálice aonde bebes/ as doçuras da vida/ caia gota de fel, uma somente,/ que meu dorido coraçâo destila./ Compreenderás entâo/ que a dor pode abrandar as pedras frias,/ mas que abrandar nâo pode/ almas de ferro e peitos homicidas.

21 jul 2006




Da cinefilia dos dictadores :
Velaí tres fotos que tiñan que ir co artigo que vai máis embaixo (esoutro día non mas deixou colgar o sistema).

ESFURACADE AS CIDADES VENERÁBEIS...
(Andoliña venres 21 xullo)
Aínda hoxe, case cen anos despois, sorprende a radicalidade verbal dos futuristas italianos como Marinetti e Boccioni, do que falei onte: “¡Metede lume ás prateleiras das bibliotecas! ¡Desviade o curso das canles para asolagar os museos! ¡Empuñade as picarañas, os machados, os martelos e esfuracade sen piedade as cidades venerábeis!”. Gabábanse de non querer saber nada do pasado e facían gala dese espírito de autodestrucción nacido dos “nosos corazóns que non senten cansazo ningún, porque se alimentan con lume, con odio e con velocidade!”. Burlábanse dos poetas do “claro da lúa”, das academias e dos museos-cimiterios. Vicente Risco dá conta moi cedo do seu delirio dende as páxinas de “El Miño” ourensán (“De mi retablo”, xuño 1910). Despois o propio Risco xogou a facer poemas futuristas como o famoso “U... ju...ju” (“A Nosa Terra”, febreiro 1920).
Ignoro se Risco sabería que nin a gastronomía era inocente: segundo leo nun traballo sobre Boccioni, tamén atacaban as pastas italianas. Achacaban ao seu consumo excesivo a mala dixestión e a pesadume dos italianos e propuñan substituílas por unha dieta lixeira baseada en alimentos sintéticos. Por sorte, nisto ninguén lles fixo caso!
(Imaxe: Boccioni, Debuxo da súa nai, 1909)

BOCCIONI E O DELIRIO FUTURISTA
(Andoliña xoves 20 xullo)
Se a lectura xa é relaxante de por si, ler libros de arte é para min especialmente enriquecedor e atractivo: nestes días despachei tres volumes sobre Ramón Casas, Joaquín Sorolla e Umberto Boccioni, todos eles dun tempo tan marabilloso nas artes e nas letras, aqueles días en que todo se inventaba en París, Berlín ou Viena. Boccioni foi un dos líderes do futurismo italiano. Confeso que lles teño certa manía a estes artistas sobre todo por aquela frase horrorosa de Marinettii no manifesto de 1909: “Queremos glorificar a guerra –única hixiene do mundo”. Despois de ler tal alegato é moi difícil ser neutral ante a súa beleza da velocidade e os delirios do dinamismo futurista.
Moitos dos artistas futuristas morreron na primeira guerra mundial ou remataron no fascismo italiano. Boccioni, que foi dos primeiros, tamén escribiu “Desexamos sangue, desexamos mortos”. Teñen creacións artísticas excepcionais, pero esas dúas frases seguen a revolverme o estómago cada vez que as leo. Por certo, varios dos grandes cadros e esculturas deste pintor retratan cabalos en marcha ou desbocados, como “A cidade que sobe”. Ironías do destino: Boccioni morre en 1916, vítima dunha caída do cabalo nos arredores de Verona.

19 jul 2006

DA CINEFILIA DOS DICTADORES
Chaplin e a caricatura de Hitler (1)
Incorporo á miña filmoteca persoal o DVD de “O gran dictador” (1940), a xenial parodia de Charles Chaplin. Sempre revisito os clásicos con certo tremor, pero este non perdeu a súa frescura nin a súa corrosiva denuncia, polo medio máis eficaz e que goza de meirande permanencia: o humor. A capacidade de xerar emocións pervive mesmo no coñecido discurso final de Chaplin, un alegato pacifista e de democracia radical: “Síntoo, pero non quero ser emperador. Non quero gobernar nin conquistar a ninguén. Gustaríame axudar a todo o mundo: a xudeus, xentís, negros, brancos…” O que segue non só está vivo senón que podería servir, aínda hoxe, a 65 anos de distancia, para interpretar a realidade en que vivimos: tan pouco cambiou o mundo?
Hitler viu a película en dous pases persoais que pensaría ao verse reflectido nese espello cruel?. En España “The Great Dictator” non se puido ver ata a morte de Franco: quizais alguén máis se podía dar por aludido. E aínda daquela o humorista gráfico Siro López padeceu un consello de guerra por reproducir, en galego, o citado discurso no xornal “El Ideal Gallego”, naquelas excelentes páxinas dominicais que preparaba daquela a Asociación Cultural O Facho.

A cinefilia de Hitler e Stalin (2)
Por desgraza non sabemos qué pensou Hitler da grotesca caricatura de “O gran dictador”, que viu en dous pases persoais. Hitler gustaba das apoloxías da raza aria de Leni Riefenstahl e de alegatos antisemitas como “O xudeu Süss”. Polo camiño rematou coa fecunda semente do cine expresionista e de Alemaña fuxiron os grandes mestres: Pabst, Fritz Lang, Max Ophüls, Siodmak, Billy Wilder, etc. moitos deles xudeus e demócratas. O nazismo perseguiu con toda a súa forza todo aquilo que anatematizou como “arte dexenerada”.
Tamén Stalin tivo paixóns cinéfilas. Potenciou o estéril realismo socialista e a épica de mitos como “Chapaiev, o guerrilleiro vermello”. Pero, segundo Simoni Sebag Montefiore, o dictador fíxose coa filmoteca de Goebbels e rematou seducido polo cine de vaqueiros, de Chaplin e Tarzán. En todas as súas casas había salas de proxección e el mesmo interveu como actor, productor, guionista e director en varias cintas da época. Eisenstein tivo serios problemas coa segunda parte de “Iván o terríbel”, anque Stalin non o mandou fusilar, como pedían outros. Disque antes de ver cada película bromeaba así: “Vexamos que tal está. Se non nos gusta, fusilamos ao director”.
Franco, Raza, ese home (3)
As cinefilias de Hitler e Stalin, tamén de Goebbels, que xa comentei, son un risco curioso que une aos dictadores por riba das diferencias ideolóxicas. Tamén Franco era afeizoado ao cine e facíase proxectar en privado moitas películas. Os seus gustos confundiríanse cos que a censura impuxo aos españois durante décadas; as primeiras películas franquistas, en plena guerra, locen títulos ben transparentes: “Alma y nervio de España”, “Frente de Vizcaya y 18 de julio”, etc.
Franco quixo aportar o seu grao de area á nova arte co guión de “Raza” (1941), asinado por Jaime de Andrade, seudónimo do dictador. A película estúdase xa como compendio do seu pensamento e tamén achega autobiográfica, desde unha lectura psicoanalítica do destino da familia Churruca. Alfredo Mayo encarnou aquel Franco de cine e o real chorou abondo cando viu a película. Saénz de Heredia, que dirixira “Raza”, asinou logo a haxiografía “Franco, ese hombre”, éxito de taquilla que se exhibiu durante moitos anos (ata o propio ocaso biolóxico do protagonista). Pero, segundo conta Paul Preston na súa biografía do líder nacional-católico, a este non lle gustou. E cando a viu, cun aquel misterioso, só comentou: “Demasiados desfiles”.
A maoísta que choraba coa Diviña (4)
Os estudantes das universidades europeas coñecimos os discursos de Mao Ze Dong no Foro de Ienán como o “summum” progresista das artes desde o marxismo: en realidade, aqueles textos eran só unha defensa do realismo socialista e da submisión dos intelectuais aos partidos comunistas. Tampouco a Revolución Cultural, que provocou ríos de tinta nos anos 60, foi aquela gran primavera de ideas que se nos contou; na mesma Compostela algúns militantes de grupúsculos maoístas, velaí Organización Comunista de España-Bandeira Roxa deixaron as Facultades para proletarizarse porque os estudantes debían confundirse cos obreiros e “enchouparse de pobo”.
Mentres os gardas vermellos esparexían o horror, a esposa de Mao, Jiang Quin, exactriz paranoica, choraba seguido cada vez que vía a Greta Garbo, a Diviña, en “A raíña Cristina de Suecia”, a súa película preferida. En 1979 Deng Xiaoping viaxou aos Estados Unidos e nunha cea coñeceu a Shirley MacLaine. A actriz contoulle que entrevistara a un físico nuclear chinés deportado ao campo a cultivar tomates e que este lle manifestara sentirse máis feliz na horta que no laboratorio: “Mentiulle, dixo Xiaoping, iso era o que lle obrigaban a dicir a el…”.
(Andoliñas 16 ao 19 marzo 2005)

Portela, o libro, a cultura
(Andoliña mércores 19 xullo)
"Cada libro de especulación e de ciencia que saia en galego será un bloque que se poña para o futuro do idioma", escribía Manuel Portela Valladares en 1923 na revista Nós, que dirixía Vicente Risco. Portela non foi militante orgánico do galeguismo, pero coñecía ben a importancia da cultura e do desenvolvemento do ensaio para que Galiza puidese ter conciencia de seu. A cita segue sendo válida: queda aínda moito por facer na normalización lingüística e cultural. E creo, ademais, que segue a ser un labor de resistencia: iso din algúns datos.
O noso consumo cultural mantén índices minguantes en moitos campos: no 2005 descenderon os espectadores de teatro e cine no noso país, segundo o Anuario da Sociedade de Autores. Aparecen novos campos de posibilidades inéditas para a cultura e a lingua: aí está internet, onde moitos estamos a facernos presentes e onde tanta xente traballa con entusiasmo. Pero segue a ser unha minoría na rede, quizais a mesma minoría repetida que xa se fai presente no consumo cultural. Moitos outros, a maioría, úsana só para usos e utilidades que ben pouco teñen de culturais, xa saben. Teremos, pois, que seguir insistindo, cos mesmos azos de Portela Valladares, aló por 1923. (Imaxe: debuxo de Egon Schiele)

17 jul 2006


Xavier Senín

Únome ás consideracións que fai Brétemas sobre a remuda de Xavier Senín. No que tiven ocasión de tratalo, que tampouco foi moito, sempre me pareceu un home afábel e honesto, traballador e comprometido co país: de seguro que seguirá nesa liña estea onde estea destinado.

Dúas pequenas xoias de Arthur Schnitzler

A conspiración dos pobos contra os poderosos é un feito ocasional; o normal no mundo é a conspiración dos poderosos contra os pobos. Aínda na guerra máis sanguenta, o rei dun país séntese máis achegado ao rei do país inimigo que ao seu cabaleiro maior, o seu primeiro ministro ou o seu axuda de cámara, aínda que sexa inconscientemente. (289)

É unha sorte que polo xeral só coñezamos ben aos nosos pais, e como moito aos nosos avós. Se soubésemos tanto dos nosos antergos un pouco máis arredados, non habería defecto de carácter nin vileza que non quixeramos justificar achacándoos á herdanza. (43)

(A.Schnitxler, Relaciones y Soledades, ed. de Joan Parra, Edhasa, 1998. E a imaxe antibelicista é de Otto Dix, 1933).

16 jul 2006


Que pasou na Galiza de 1930?
Como todos os domingos (descansarei en agosto), sae hoxe a miña serie "Cen anos de historia cultural" en GALICIA HOXE.
Aquel ano de dinamismo político e anuncios de cambios (os que virían un ano despois) foi tamén o ano de Arredor de si, de Otero Pedrayo; de Señardá, de Iglesia Alvariño; de Vieiros, de Carballo Calero e de Versos a tres cas o neto, de Eugenio Montes. Tamén o do volume da Vila de Calvos de Randín, de Cuevillas e o Xocas. E o da fundación da primeira Asociación de Escritores Galegos, con sede en Ourense, ou da película La tragedia de Xirobio, insdpirada nun conto das "Cousas" de Castelao. E tamén o ano da morte de Manuel Antonio e de Lesta Meis (para compensar nacían na mesma andaina Uxío Novoneyra e Basilio Losada): moitos máis datos na ligazón.
(Na foto, Manuel Lugrís Freire e Alexandre Bóveda e outros galeguistas nunha homenaxe diante da tumba de Xoán Vicente Viqueira, 1930).

14 jul 2006


CENSO DE GRANDES HISTORIAS
(Andoliña venres 14 xullo)
Estou de acordo cos que pensan que todas as grandes historias están xa contadas. E isto é así dende os tempos das mitoloxías clásicas, as letras grecolatinas e a Biblia: cada xeración só pode aspirar a interpretar dende a modernidade os grandes mitos de todos os tempos. Por iso produce certa incomodidade escoitar declaracións de novos autores (escritores, cineastas, etc.) que din pouco menos que veñen reinventar o mundo. Pobriños, teñen demasiada tradición detrás...
E por iso relacionaba onte o argumento de Superman, e doutras películas de ciencia-ficción, coa historia de Xesucristo. Nun magnífico libro (“La semilla inmortal”, de Xavier Balló e Jordi Pérez, Anagrama) emparéntanse todas as grandes películas, de diversas épocas, coa matriz máis arredada na que se inspiran: por exemplo, “Vértigo” ou “Frenético” son dúas boas películas que remiten ao descenso aos infernos de Orfeo. Historias como o “Scarface” de Hawks que interpretaba Paul Muni veñen do Macbeth de Shakespeare. E os “Tempos Modernos” de Chaplin beben de “O castelo” de Kafka.
Os autores dese libro censan un total de 21 grandes historias. E non creo que haxa máis, de certo, en toda a literatura universal. (Imaxe: Lauren Bacall)

13 jul 2006


O mundo que vén. (Pan por Pan xoves 13 xullo)
Cando eu era pequeno, cría en moitas cousas nas que agora non creo e adoitaba dicir que os meus números preferidos eran o 7 e o 11. O segundo deles supoño que porque vivía daquela nun número 111 dunha rúa desta cidade: os nenos pensan así as cousas. Agora algúns lograron converter o 11 nun número maldito: dende os Estados Unidos á India pasando por Madrid ou Londres. No mundo que vén certas cousas perden o seu sentido: a inocencia dos nenos, a solidariedade comunal, o respecto polo medio natural. Os que de verdade mandan no mundo non barallan estas claves, non contan nas súas gráficas de resultados. E a resposta dos integristas (neste caso islámicos) só aporta autodestrucción, terrorismo e fanatismo: miran cara o pasado e o escurantismo. Houbo tempos peores, dende logo. Pero eu pensaba que os nosos netos vivirían tempos mellores. Empezo a dubidalo.
(Imaxe: Kim Novak)

Entre Xesús e Superman, dicía Eco
(Andoliña xoves 13 xullo)
"Entre Superman e Xesucristo hai analoxía, ambos son un poder superior; a comparación é atinada e a súa historia pode ser extrapolada", declara na prensa Brandon Routh, o novo actor chamado a encarnar a Superman para substituír o malogrado Christopher Reeve.
É unha declaración que semella provocadora, pero que resulta pouco orixinal: hai anos o mesmo Umberto Eco dedicou un ensaio a esta analoxía Cristo versus Superman, que en España publicou a revista El Viejo Topo. O esquema do heroe da capa voadora é unha historia mesiánica literal: un neno salvado dun cataclismo galáctico, educado por uns pais adoptivos, descobre de adulto a súa orixe e superpoderes e ponos ao servizo da comunidade. Tamén fai milagres e sempre ten éxito contra o Mal. No cómic orixinal chegouse a facer morrer e resucitar o personaxe: o único que lle faltaba para remitir máis fielmente á historia de Xesús. De certo, as historias mesiánicas son moi habituais no cómic e no cine: aí están, por citar só algunhas do xénero da ciencia-ficción, E.T., Star Wars, Encontros na terceira fase, ou Starman, entre outras. E as que virán no futuro. Porque aquilo de coñecer o argumento, cando menos en parte, sempre funciona.
(Na imaxe, Simone Simon, a inesquecíbel muller panteira de J. Tourneur, 1943).

12 jul 2006


COMO SE CONSTRÚE UNHA NACIÓN
(para os posibeís interesados que vivan na contorna de Ourense-O Carballiño)

O xoves 13 de xullo terá lugar unha conferencia na Casa de Cultura de O Carballiño a cargo do historiador Marcos Valcárcel co título “Galiza, 1906-1936: como se constrúe unha nación”, organizada pola Agrupación Cultural Avantar dentro dos actos conmemorativos do Día da Patria Galega.

Ao longo da mesma o escritor ourensán percorrerá un amplo roteiro da historia cultural, social e política de Galiza dende o rexionalismo ata os días da guerra civil, abordando aspectos moi diferentes da súa realidade sociocultural: a normalización da lingua, a literatura, a música e os coros populares, o teatro e o cine, os deportes, o pensamento nacionalista, a prensa republicana e agraria, os monumentos e homenaxes, os lugares da memoria, etc.

Esta charla irá acompañada dunha montaxe audiovisual en power point con máis de cen fotografías históricas relativas a ese período, moitas delas pouco coñecidas ou inéditas (procedentes da prensa e dos fondos da Real Academia Galega).

(Ilustro cunha imaxe pouco coñecida, pese ao enorme significado que tivo na nosa historia cultural: o enterro dos restos de Curros na Coruña, 1908, foto dos fondos da RAG)

Urbanismo ou abuso nas costas?
(Andoliña 12 xullo)
A Xunta de Galicia acaba de anunciar medidas contra a ocupación indiscriminada do litoral galego e a degradación da paisaxe pola masificación do turismo nas zonas de praia. De certo, as novas sobre unha posíbel ‘marbellización’ das costas galegas son cada día máis preocupantes. Fálase de milleiros e milleiros de novas vivendas para turistas, que os promotores xustifican en atención á demanda existente. Ninguén vai negar que a construción sexa un dos motores do país ou que lles dea traballo a moitos milleiros de familias, pero semella lóxico actuar con moito coidado a este respecto. Por varias razóns.
Porque a paisaxe destruída non é recuperábel. Porque sobran exemplos de prevaricación ligados ao mundo inmobiliario (non só na contorna de Marbella). Porque só 8 concellos adaptaron as súas normas á Lei do solo e abondan tamén os concellos sospeitosos de conceder licenzas irregulares. Porque mesmo se ten chegado ao atentado (velaí Nigrán) contra os que se opoñen a este modelo corrupto de urbanismo. Porque hai un mínimo de 46 puntos negros neste imperio do cemento, segundo datos de Greenpeace. E os cidadáns esiximos, co noso dereito, todos os controis necesarios para non matar a galiña dos ovos de ouro. (Imaxe do pintor "noso" Sucasas)

11 jul 2006


Parlamento Europeo.
Na semana pasada a eurocámara aceptou o emprego do galego na comunicación cos cidadáns e condenou como institución o franquismo. Xa saben quen votou en contra, contra o uso do galego e contra a condena ao franquismo: o Partido Popular Europeo. O mesmo que moveu Roma con Santiago con recursos para apear ao nacionalista Camilo Nogueira do seu escano europeo en favor dun “popular” de Cantabria: xa sabemos para qué valeu ese cambio. (Imaxe do pintor Guido Reni, “Susana e os vellos”).

Sentido común.
Hai ideas tan lóxicas, tan de sentido común, que o único estraño é saber por qué non se poñen antes en práctica. Como a que anunciou esta semana a Xunta, a través da Consellería de Política Territorial: o Noitebús, unha posibilidade de transporte barato que permitirá aos mozos no verán facer os seus traxectos ás zonas de lecer nun transporte público e sen coller o automóbil propio. Por 1,5 euros poderá moverse, entre as dez da noite e as oito da mañá, en roteiros de marcha como Baiona-Vigo, Pontevedra-Sanxenxo, Ribeira-Padrón ou Malpica-Santa Comba, entre outros. A inmensa traxedia que o alcohol e o automóbil deixan cada fin de semana nas estradas galegas esixe algo máis que o laio repetido e as condolencias inútiles. A iniciativa da Xunta é de sentido común e pode aforrar moitas vidas: con que salvase só a un só dos nosos mozos xa merecería o noso aplauso.
(Imaxe: aínda que non veña a conto, a fermosura sublime de Juliette Binoche)

9 jul 2006



Gerry Admans e os negros que se reivindican como irlandeses (fotos dende Irlanda de Afonso Vázquez Monxardín)
Dende Irlanda, onde está cos seus alumnos do Instituto nun programa de verán, o amigo Afonso envíanos estas fotos de Dublín, rigorosa exclusiva para a prensa galega e dixital. Veñen con estas liñas (eu preguntáballe "se se estaba a facer máis nacionalista..."):
Pois non creo que me faga máis nacionalista.Certamente este é un pobo nacionalista e non estou seguro de que me guste.Amables como poucos, agradables, serviciais, comunicativos, etc. Moito mellor cós ingleses, sen dúbida. Pero en canto se poñen a lembrar o feito polos ingleses... perden o norte.É verdade que os ingleses os trataron como aos cans. Unha colonia máis dentro dun imperio amplo. Negador da súa relixión, da súa esencia, causante directo de millóns de mortes de fame... con fusilamentos a esgalla nos anos dez, con historia terribles que gozan contando.Non creo que sexa san que o primeiro monumentos uqe nos levasen a ver sexa o cárcere de Kilmailham onde os ingleses prenderon e machacaron aos irlandeses e onde estes -desde o estado libre. machacaron aos do IRA mentres o IRA mataba a Martin Collins , que se podería dicir Yoyes... Menos mal que nun recuncho apartado dun parque lle ergueron non hai moito un busto a Collins... Pero o certo é que pasan cousas curiosas. Onte en Dublín encontreime con Gerry Adams. Había unha manifestación de negros irlandeses -recén chegados- que pedían diante do parlamento que non lles aplicasen a lei de estranxeiría local aos que tivesen fillos nados en Irlanda... Ver aqueles negros abaneando bandeiras irlandesas e dicindo proclamas do orgullo irlandés era simpático. Cando chegue Gerry Adams, non había máis ca un xornalista despistado e eu. Gerry dirixiuse cun megáfono de manifa aos presentes e dixo cousas bonitas... Todos somos irlandeses, de onte e de hoxe... etc. Pareceume boa xente. Iame sacar unha foto con el pero acabouseme a batería. Cousas que pasan. Mándoche as tres fotos que fixen no momento. Rigorosa exclusiva mundial para o teu blog.

8 jul 2006


Poucos nomes en galego
(Andoliña sábado 7 xullo)
Alejandro e Lucía foron, en toda España, os nomes favoritos dos pais para os seus fillos, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Os antropónimos varían devagariño e os preferidos mantéñense durante varios anos. Entre os máis usados están Daniel, Pablo, David, Javier, María, Paula, Marta, Claudia, Carla, Andrea, etc. Os nomes dos culebróns televisivos aínda están nun segundo plano. Consulto a páxina web do INE, porque nela constan os resultados por autonomías. E aí xorde a sorpresa, que tampouco é tanta. En Cataluña aparecen Marc, Álex, Arnau, Jordi, Eric, Adriá, etc. No País Vasco dominan os Iker, Unai, Ander, Mikel, Eneko (nenos) e Irati, Ane, Naroa, Nahia, Leire, Uxue (nenas). Que pasa en Galiza? Seguro que o adiviñan. Á cabeza están Pablo e Lucía, o masculino leva sete anos de líder e o feminino é o favorito dende hai catro anos. Dos dez nomes máis usados no 2005 só hai dous exclusivamente galegos: Brais e Uxía, postos noveno e décimo. En cambio figuran como escollidos nomes tan fermosos como Alexandre, Hadrián ou Martiño, pero todos na súa forma castelá (Adrián tamén é correcto en galego). Un país que se nega a si mesmo? Dende logo, nada que ver cos cataláns e vascos.
("Lección difícl", imaxe do pintor W. Bouguereau)

PAN POR PAN sábado 8 xullo
Son escéptico sobre as axendas do estado do mundo que ofrecen os grandes medios de comunicación. Un encontro de diplomáticos e politólogos en Toledo desmitifica moitos dos tópicos que circulan sen reservas: por exemplo, a ameaza militar de China que, segundo din outras voces, está sendo esaxerada polos medios. Ou o problema de Irán que semella nas portas dunha confrontación. A realidade sería outra: Irán non iniciou unha guerra nos últimos 300 anos e colabora a fondo co mundo occidental en Iraq e en Afganistán. Segundo Edward Luttwack, experto en estratexia de Washington, o presidente iraniano xoga a carta nuclear por razóns electorais e o auténtico problema do país é interno: o perigo demográfico dos 20 millóns de iranianos de orixe turca que habitan o nordeste do país e queren separarse. Oxalá teñan razón os expertos e non vexamos novas operacións do deserto en Oriente Medio.
(Imaxe: "Espido con colar", August Macke, 1910)

6 jul 2006


O cosmonauta perdido.
(Pan por Pan xoves 6 xullo)
Tiven un compañeiro na mili que cría en todo o relacionado co mundo esotérico: abducións, corpos astrais, posesións diabólicas, extraterrestres, etc. Eu non son quen de entender ese grao de credibilidade, pero sen dúbida existen milleiros e milleiros de persoas como aquel meu amigo: a proba é que a SER e a Cuatro teñen programas de gran audiencia deste estilo, comandados por Iker Jiménez. Segundo leo no cultural de “La Vanguardia”, esoutro día este artista da fantasía columpiouse abondo coa historia dun cosmonauta ruso, Ivan Istochnikov, seica perdido no espazo por abdución. O simpático do tema é que, por ignorancia ou ousadía, Iker Jiménez estaba a repetir unha lenda urbana nacida dunha serie de fotografías de Joan Fontcuberta, creador hai anos da vida e morte ficticia do tal cosmonauta: velaí como sorrí contento aló onde estea “perdido”.

Corrupción, cemento, novela negra
(Andoliña xoves 6 xullo)
No xénero da novela negra hai unha serie de arquetipos case inevitábeis: o detective amargado e borracho, a vampiresa fatal que manipula as vontades dos homes, a crueldade e brutalidade do gánster e dos mafiosos, o móbil económico que conduce a acción narrativa. Diego Ameixeiras respecta estes tópicos en O cidadán do mes e trasládaos a un Ourense que nas súas novelas non é a cidade tranquiliña na que vivimos, senón unha urbe sobresaltada polos atentados dun chamado Grupo Independentista Armado e polas poutadas do exército da corrupción, con matóns a soldo para levar a cabo os seus plans.
O poder está asociado ao cemento e ao formigón e, nesta novela, ao promotor dun chamado Centro Comercial Milenio que se constrúe nas inmediacións do desaparecido Camiño do Vao e beira dos Salesianos. No mesmo lugar onde se ergueu un centro comercial hai poucos anos, co apoio do Partido Popular e do BNG e co rexeitamento dun amplo sector da cidadanía ourensá. En calquera caso, o tema é de extrema oportunidade: velaí a desfeita que se anuncia nas paisaxes da costa galega e que mesmo tivo xa episodios de violencia e atentados contra bens de concelleiros nacionalistas nas terras de Nigrán.
(Imaxe da pintora portuguesa Adriana Molder).

5 jul 2006


‘O cidadán do mes’, de Ameixeiras
(Andoliña mércores 5 xullo)
Hai unhas semanas gañaba o último premio Xerais Diego Ameixeiras, autor das novelas policíacas Baixo mínimos e O cidadán do mes, arredor das andainas do detective Horacio Dopico. Debemos engadir o seu nome á nosa serie sobre Ourense: universo literario pois ámbalas dúas están ambientadas na miña cidade e con profusión de riscos topográficos. Poderíase elaborar un plano urbano auriense seguindo os pasos do protagonista: dende a Cruz Alta ata o Parque Miño, dende a rúa dos viños ata Barrocás e o Polvorín, con incursións na Derrasa e na Chavasqueira e protagonismo para lugares de culto das novas xeracións como o Café Auriense ou o Rock Club.
Creo que ningunha obra literaria ata agora recolleu un abano tan amplo de espazos ourensáns, axuntando o Ourense histórico e medieval (o que coñeceu a Xeración Nós) cos novos barrios, froito da emigración e da especulación urbanística, nacidos de xeito ben desordenado nas décadas dos anos 60 e 70. Os espazos climatolóxicos tamén son importantes: se en A esmorga a choiva e a friaxe eran dominantes no curso da novela, agora quedamos enchoupados polas suores da calor abafante dun agosto ourensán, tan real por certo.

4 jul 2006


Vermellos e verdes nos simios

(Andoliña martes 4 xullo)

Dúas notas máis sobre os estudos do primatólogo Frans de Waal sobre bonobos e chimpancés en relación coa especie humana. Quedoume engadir esoutro día que ningunha sociedade de simios se organiza en torno á familia nuclear como as sociedades humanas: a educación nesa contorna permitiu unha infancia longa dos nenos, que o seu cerebro acade un tamaño maior que o doutros primates e que o comportamento humano se basee máis na aprendizaxe que no instinto.
Quizais lles debamos tamén algo no que se refire ás emocións e aos sentimentos que asociamos ás cores. E non se pode discutir a pegada das cores no noso mundo emocional: nos hospitais domina a cor azul, queren vendernos en verde os produtos bautizados ecolóxicos ou naturais e todo iso non é casual. Pois ben, o verde é tamén a cor da selva e o vermello a cor do sexo e o do sangue. Para os humanos o verde é un elemento sedante e, en cambio, o vermello, estimulante: bandeiras vermellas, vermellos de Van Gogh, iconas da industria do sexo, etc. Segundo Frans de Waal, as nosas preferencias estéticas estarían relacionadas tamén coa nosa primitiva historia como primates: por algo a Darwin caricaturizábano na súa época con corpo de mono.

O galego, patrimonio común, artigo de Afonso Vázquez-Monxardín
(Galicia Hoxe, Camiño do Vao, martes 4 xullo 2006)
O movemento de recuperación e actualización da identidade galega ten unhas raiceiras culturais moi fondas. Tense dito que no século XIX, coa instauración do estado moderno, Cataluña foi reinventada pola burguesía comercial e industrial, o País Vasco por cregos que defendían os seus foros e a lei vella -ou sexa o antigo réxime- e Galicia, polos homes da cultura que mergullados en arquivos e nas aldeas do país, toparon unha lingua e cultura moi viva cuxa traxectoria ignoraban, pero na que albiscaron futuro.
E eu estou tan encantado de que nos inventaran o país os intelectuais como daquelas intencións tan fermosas e avanzadas do Manifesto das Irmandades de Lugo en 1918 (voto feminino, preocupacións estéticas...) tan lonxe, desde logo, do rancio españolismo uniformista de despois da guerra de Cuba, como do pensamento racista, involucionista e clericalista de Sabino Arana, por poñer dous exemplos que non me entran polo ollo. Moitos consideramos a cultura o noso máximo sinal de identidade, e, se cadra, o único chamado a permanecer por sempre no mundo globalizado. E a lingua é, obviamente, a columna mestra á que se cingue a hedra da cultura.
Dito isto, quero, en voz alta, facer unha libre reflexión sobre lingua, cultura e nacionalismo galego, pois persoas pouco ilustradas poden confundir termos e caeren nunha sinonimia tan perigosa como errada. Permítanme que empece cunha pequena anécdota persoal. Corría o ano de 1984 e impartía eu, ilusionado, un curso de iniciación de galego no concello do Carballiño cando unha señora me atallou nun local público preguntándome se eu era o que impartía clases "dese castrapo, desa trangallada coa que a Xunta quere matar o galego...". Alucinado, pregunteille cun sorriso forzado e amable, cal era a súa graza e a que se dedicaba. "Chámome tal e son costureira", dixo. "Pois si, sonlle eu o profesor -contesteille-, pero perdoe, só lle falo do tema con profesionais. Eu a vostede non lle discutiría de corte e confección e vostede, a min, non me discute de lingua, e menos se empeza faltando". Recoñezo que fun ousado e groseiro -desculpe señora se me le-, pero direi no meu descargo que era eu moi novo e canso estaba xa dalgunhas actitudes.
Aquela sincera señora -estaba, sóubeno logo, nunha asociación desas do galego aportuguesado- obnubilada polo seu amor á lingua, cría estar en posesión dunha ciencia infusa nacida do corazón que mesmo lle permitiría descualificar traballos alleos e falar de ortografías como se fosen xogadores para meter ou sacar nun partido de fútbol. Igualmente, ata hai pouco calquera cachorro nacionalista pouco lido, e grazas á súa "coherencia ideolóxica", atrevíase a denigrar a obra literaria de Carlos Casares ou os ensaios de Xesús Alonso Montero, por citar só dúas bichas históricas. ¿Engánome?
Permítanme que lles diga, meus señores, que furgando na historia da cultura e da literatura galegas, fíxense vostedes, hai tamén escritores de todas as ideoloxías. E non me chama a atención, porque a lingua é o que é, un patrimonio común de todos: altos e baixos, gordos e fracos, louros e morenos, tolos e cordos, nacionalistas e non nacionalistas, de dereitas e de esquerdas. E todos eles teñen a súa participación no mundo da escrita galega. Desde Euxenio Montes a Álvaro Cunqueiro. Desde Celso Emilio a Manuel María. ¿Ou alguén quere unha lingua só para unha ideoloxía? Sería suicida. O galego é un código para que nos entendamos, soñemos e recreemos o mundo. Naceu hai mil anos e viviu ata nós. Agora, é a nosa responsabilidade proxectalo no futuro dos nosos fillos. Desde a historia, desde o feito nestes últimos vinte, trinta, corenta anos debemos ir con Manuel Antonio, sempre "máis alá". Co bo Plan de todos.

3 jul 2006

ETA maquilla a súa derrota
(Galicia Hoxe luns 3 xullo)
O proceso de paz. Hai uns días estivo en Auria o xornalista Gorka Landáburu, que falou no salón de Caixa Galicia sobre o proceso de paz no País Vasco. Gorka Landáburu é tamén unha das vítimas de ETA, pois sufriu un atentado con graves consecuencias nun ollo e nun brazo e, como tantos cidadáns vascos, ten que acompañarse de escoltas. Por iso a súa opinión é especialmente importante e, en primeiro lugar, revela que as vítimas de ETA son un colectivo plural e tamén diverso nas súas posicións ideolóxicas: Landáburu apoia o proceso de paz iniciado por Rodríguez Zapatero e confía en que chegue a bo fin.
A orixe do proceso. Destacou algunhas cousas singulares na súa intervención o xornalista vasco, sobre todo no coloquio. Por exemplo, a constatación de que este proceso, que será lento e traballoso, non vén de agora: ETA tomou xa esa decisión no 2005 e na mesma tiveron un protagonismo fundamental Arnaldo Otegi e Josu Ternera, este cun peso simbólico moi forte na estrutura etarra. Nos últimos anos houbo arredor de 70 xuntanzas clandestinas entre Batasuna e o PSOE vasco, dixo Landáburu, e logo Zapatero non fixo máis que ratificar o proceso. Tamén ten moi claro Landáburu por qué ETA inicia agora, á marxe do que digan os seus comunicados máis duros, un proceso negociador: a banda está convencida do abandono da loita armada, pero, como é lóxico, quere saír desa espiral de violencia sen unha imaxe total de fracaso. Noutras palabras, ETA quere maquillar a súa derrota e isto é moito máis significativo que a chulería de individuos como Txapote (o asasino de Miguel Ángel Blanco).
As dificultades. As dificultades serán moitas, niso todo o mundo está de acordo. Dificultades entre as partes negociadoras, entre os apoios políticos e entre a propia sociedade vasca e os militantes abertzales: hai arredor de 300 mozos novos no País Vasco francés, exiliados por accións de kale borroka, dispostos a volver en calquera momento se son chamados para reiniciar a violencia. No plano social, non convén esquecer que o País Vasco é moi pequeno e non hai unha soa familia que non conte con vítimas do terrorismo ou con presos etarras: será imposíbel (non se debería tampouco) esquecer todo iso. Abondo sería que nun prazo medio (unha ou dúas xeracións) eses mundos fosen quen de dialogar e convivir en paz. As outras dificultades tamén son coñecidas: o principal partido da oposición, con moitos votos detrás, está a facer todo o posíbel para que fracase o proceso. Landáburu foi moi crítico con Rajoy e o Partido Popular, lembrando que tamén Aznar negociou no seu momento, sen que daquela o PSOE fixese outra cousa ao respecto que apoiar o Goberno.
Que se vai negociar? Por parte de ETA é obvio: só pode ofrecer o abandono da violencia e das armas, no camiño da integración na vida política democrática do mundo abertzale. Por parte do Goberno, dixo Landáburu, non haberá nin negociación nin prezos políticos. Pero si se falará dos presos: do achegamento ao País Vasco dos máis de cincocentos presos etarras en cárceres españolas e logo tamén dos 150 presos en Francia e dun milleiro de exiliados en diferentes países. Logo, en función de como vaia o proceso, haberá excarceracións tamén, de xeito gradual pero inevitábel. Esa é a opinión de Gorka Landáburu, que me limitei a transmitir como intermediario: el aposta pola esperanza. Se así o fai el, que foi vítima de ETA, comprometido coa sorte do pobo vasco na historia, haberá que darlle un voto de confianza aos que cren que é posíbel rematar coa barbarie etarra.

1 jul 2006


Da conduta dos bonobos e chimpancés
(Andoliña sábado 2 xullo)
O primatólogo Frans de Waal, da Universidade de Atlanta (Estados Unidos), anda a estudar o comportamento dos bonobos e dos chimpancés para logo comparalos coas propias condutas do ser humano. E, segundo leo na revista Magazine, seica non somos tan diferentes. Coma eles, somos animais grupais, capaces de ser educados na tolerancia e sometidos a enfrontamentos habituais para definir unha xerarquía masculina: nisto parecémonos aos machos do chimpancé, "se non temos motivo de conflito importante, pelexamos por babecadas". En cambio, a xerarquía feminina dalgunhas sociedades, onde por exemplo se valora máis o papel das avoas, estaría máis perto do mundo dos bonobos, que se organizan en sociedades matriarcais.
A dos bonobos é unha sociedade pacífica e hipersexual, máis aínda que nos humanos: os machos non compiten polas femias, compártese a comida e as tensión se disipan con contactos sexuais. A estratexia da nosa especie ao respecto foi reducir as tensións entre os grupos recluíndo a vida sexual á esfera privada para facela menos visíbel. Polo menos era así ata os últimos tempos. Un mundo ben curioso este: o dos primates. Case tanto como o dos seres humanos.