5 nov 2007

CULTURA E NACIONALISMO (e 2)
La Región 4 novembro

Cultura e crítica. Na primeira xeira desta serie (o pasado luns) falamos da forza das asociacións culturais galeguistas nos anos 70 e da súa crise posterior, cando o nacionalismo toma maiores responsabilidades políticas. Seguimos hoxe nese percorrido.
Despois dunha crítica moi potente e rigorosa ás políticas culturais do PP, xusta e atinada na maioría das ocasións, vemos que agora non aboian as alternativas que se daban por existentes: no peor dos casos faise o mesmo que xa facía o PP con pequenas maquillaxes de matiz. O dito vale tamén para moitos concelleiros nacionalistas que desempeñan responsabilidades de goberno no campo cultural: semellan algúns deles subsumidos nun sono eterno que nin o do rei Arturo...
Proxectos perdidos. Moitos votantes esperabamos moito máis do nacionalismo no eido cultural. Noutros campos ninguén soñaba con milagres, pero na cultura cabía albiscar outra realidade. O nacionalismo ten un marco competencial reducido, porque tamén se fai Cultura, con maiúsculas, dende outras consellerías e un papel relevante ó respecto tamén o cobren Educación, Política Lingüística e Comunicación e TVG, que no pacto de goberno non quedaron en mans nacionalistas. Pero o certo é que, ó abeiro dunhas cativas realizacións (a maioría delas nunha liña de continuidade), os proxectos pendentes son moitos. Cando menos aqueles que figuraban en todos os programas culturais do BNG (molesteime en consultalos dende o ano 2000). Por exemplo, que foi da Editora Nacional que deseñaría unha liña estratéxica de publicacións da Xunta? Que foi da demanda de atención á cultura galega nas embaixadas do Estado español en Portugal e nos paraísos da área lusófona? Ou da demanda das medidas necesarias para a recepción recíproca da televisión entre Galicia e Portugal? Ou da esixencia para que os ministerios de Educación e Cultura fomenten e financien actividades culturais nas catro linguas do Estado, para estimular o intercoñecemento das mesmas? Que foi do Instituto Rosalía de Castro que se ocuparía da proxección da cultura galega no mundo?
Tamén se reclamaba un aumento substancial das horas de emisión en lingua galega en radio e TV e a recuperación da desaparecida Radio 4 de RNE. E a divulgación do cinema e vídeo galego nas salas comerciais e a dobraxe en galego do cine estranxeiro. Remato polo de agora, pero o abano de propostas pendentes podería encher un par de páxinas máis.
Catálogo de desculpas. Ante esta realidade obxectiva caben varias respostas. Escollan vostedes mesmos. A primeira: agora démonos conta de que as cousas son diferentes no goberno e na oposición, os orzamentos son cativos, pero as inercias son xigantes. A segunda: é que o PP tampouco o facía tan mal, moitas cousas non se poden facer doutra maneira (alternativa difícil de vender ó electorado, creo). Terceira: é que levamos moi pouco tempo, os cambios veranse máis adiante, cando as cousas vaian avanzando. Dous anos na Xunta é un tempo razoable para albiscar liñas de cambio?

4 nov 2007

Choiva e chuvia, de novo

Suso de Toro publica hoxe en El País un artigo sobre os rexistros da lingua ("Choiva" y galescolas) que, polo exemplo escollido ("chuvia"/"choiva") lembra moito o espírito doutro recente de Monxardín que xa colgamos nesta casa (Velaquí). Casualidades da vida.

Algo de ese deseo de encogimiento vi cuando se me apareció por primera vez la palabra "choiva" en un panel en la autopista. Nunca había oído esa palabra ni la había leído pero, por el contexto, comprendí que era otra forma de "chuvia". Como aquí hablamos mucho de la lluvia, casi es un signo identitario, me sorprendió enormemente que alguien que se ocupa de fijar las palabras de nuestra lengua hubiese escogido aquella forma para algo tan común. No dudo de que habrá lugares en nuestro país donde se dice así y que es una evolución tan legítima desde el latín "pluviam" como nuestra "chuvia", pero esa forma tan minoritaria, no utilizada hasta ahora en la escritura, nos separa de nuestro contexto lingüístico, de los millones de personas que en el mundo dicen "chuvia" y "chuva". Es la búsqueda de la rareza, probablemente motivada para marcar distancia con la forma castellana pero obviando que formamos parte de un gran mundo lingüístico, ese mundo en el que el gran Toquinho canta con Maria Creuza "a chuva molhando seu corpo, que eu vou abraçar". Es un camino de separación que nos conduce a fijar una lengua rara, fuera de contexto. En vez de abrirnos y extendernos, nos encierra y encoge. Nos separa de nuestro contexto lingüístico y nos minoriza.

Daphne du Maurier
O suplemento cultural de ABC (ABCD) traía onte un pequeno monográfico, varios artigos, dedicado á escritora Daphne du Maurier (no retrato da esquerda), no seu centenario, a autora das historias que nos encheron de soños en Rebeca, Os paxaros ou A posada Jamaica, coa mirada de Hitchcoock polo medio, claro.
(Creo que non está na rede para non subscritores pero, se alguén ten moito interese, que mo comunique, que lle farei chegar fotocopias deses artigos)

Xosé Miranda no Galeusca
Galeusca en Lugo e Mondoñedo: facendo visible a literatura (reseña completa)

A través das mouras, as literaturas galega e vasca atoparon onte en Galeusca un punto en común no seu imaxinario colectivo. Segundo sinalou Xosé Miranda, as mouras en Galicia e a deusa Mari en Euscadi nacen da mesma mitoloxía popular. Son seres sobrenaturais cunha especial altura e que sempre están presentes na mitoloxía de todos os países célticos.
"Hai imaxes colectivas que temos todos e que teñen orixes remotas pero que permanecen e funcionan pasado o tempo, mesmo reconfigurándose ao pasar a literatura escrita", sinala o escritor lugués que destacou a relación da mitoloxía popular e os diversos xéneros da literatura oral cos diversos tipos de literatura escrita.

Así, segundo afirmou, a literatura chamada realista está preto dos chamados por Aarne "chistes e anécdotas" e "contos románticos e novelescos"; a literatura do marabilloso, como a de Dunsany, Tolkien ou Ursula Leguen, procede dos contos marabillosos e dos mitos; a fantástica (Fole), está máis próxima a arqueolenda; os románticos á neolenda con castelos, mortos e fantasmas; e a "literatura do extraño", Edgar Allan Poe (na imaxe) e Dieste, a verdadeira literatura de terror que é próxima ao fantástico pero as veces non o é, asimílase á lenda urbana. "En Cunqueiro está todo o conto, o mito e o arqueo e neo lenda. O que non está en Cunqueiro é a lenda urbana, porque lle desagrada", dixo. "Cunqueiro -sinalou Miranda- está moi lonxe de Poe e de Dieste, de Cortázar e Ambrose Bierce, e próximo a Borges e a Dunsany". Miranda rematou dicindo que, como calquera outro lector de Cunqueiro sabe, a cosmovisión galega está chea de humor e a mitoloxía mais a literatura oral do país tamén.


Cen anos de historia cultural
1983: Nace o Consello da Cultura
(Imaxes: reedición de Logos, por Sotelo Blanco, e Xosé M. Mtez. Oca, premio Blanco Amor, por Beiramar).
Con fortes debates no Parlamento Galego aprobábase en 1983 a Lei do Consello da Cultura Galega. Deputados como Camilo Nogueira e Anxo Guerreiro presentaron emendas, trasladando á cámara o sentir de moitos grupos culturais de base que vían entón a institución excesivamente elitista e dirixida polo poder político. Era conselleiro de cultura da Xunta de Galicia Xosé Filgueira Valverde e esa consellería tiña un orzamento de 767 millóns de pesetas. En novembro entraba na xunta, como Director Xeral de Cultura, o xornalista Luís Álvarez Pousa, que integraría novos nomes no organigrama cultural. O primeiro presidente do Consello sería o intelectual Ramón Piñeiro. Tamén por aquelas datas púñase en marcha, por vez primeira, os Premios Trasalba, instituídos pola Fundación Otero Pedrayo, que presidía Agustín Sixto Seco, para recoñecer o labor dunha figura destacada da cultura galega en relación ó legado de don Ramón: o primeiro homenaxeado foi un dos discípulos do mestre, don Xoaquín Lorenzo Fernández. Pero foi o de 1983 un ano rico en nacementos. Citemos algúns. Nacía a Casa das Ciencias na Coruña e o Outono Fotográfico en Ourense, cunha boa chea de exposicións pola cidade. Fundábase o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e tamén a Asociación Galega de Editores, con sede en Santiago. E nesa listaxe de efemérides debe figurar tamén a fundación do Museo das Mariñas en Betanzos; da Fundación Alfredo Brañas en Compostela, e da Asociación Galega de Artesáns. No plano político, xurdían en Santiago os Comités Abertos de Escola e Facultade (CAEF), nos que militaría a actual conselleira de cultura, Ánxela Bugallo. O Concello de Redondela recibía o Pedrón de Ouro e exhibíanse Galicia adiante dúas mostras importantes, patrocinadas polo Ministerio de Cultura, unha sobre a Guerra Civil Española e outra sobre o debuxante e humorista Bagaría, comnpañeiro de Castelao. (...)

Tamén rexistramos moitas novidades no campo da prensa escrita. Nacía a revista Escrita, fermosa e brillante realización da Asociación de Escritores en Lingua Galegas (AELG), coordenada por Margarita Ledo, e tamén a xenial revista de humor Can sen dono, dirixida por Pepe Carreiro, e a feminista Andaina. Da mesma xeira é a fundación da revista cultural e literaria Festa da Palabra Silenciada, tamén conducida por mulleres, e de Terra, revista dos xeógrafos galegos. Nacían aínda El Orzán, na Coruña, dirixida por Carlos Luís Rodríguez; a Revista Galega de Teatro; o Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega en Vigo e o Boletín do Museo Provincial de Lugo. A editorial Sotelo Blanco sacaba ó mercado unha reedición facsímile de Logos, a revista católica e galeguista dos anos da Segunda República, cun limiar de Filgueira Valverde. No eido teatral eran éxitos Celtas sen filtro, obra de Ferrín, polo grupo Artello e dirixida por Eduardo Alonso, ou o Percival do mesmo autor, por Vidal Bolaño e Antroido. Marigaila andaba con A noite das Tríbades e Artello tamén coa obra infantil Mandatruco. Manuel Lourenzo gañaba o premio teatral de Ribadeo con Medea dos fuxidos e polos escenarios andaban Troula, Caritel e a Compañia Luís Seoane, entre outros grupos profesionais ou semiprofesionais.
Rajoy e as contradicións
Pan por Pan domingo 4 novembro. A viñeta é do xenial Forges, claro (El País).

De sabios é rectificar: en honor ó dito, temos que felicitar a Mariano Rajoy porque rectificou as súas declaracións sobre o cambio climático: “uno habla casi todos los días y a veces se puede equivocar”. De paso libera ó seu pobre curmán dun gran peso morto: xa pode ir ós congresos de novo coa cabeza alta.

O mundo está cheo de contradicións: hai que esforzarse en entendelas. Por exemplo, protestamos contra a TV lixo, con razón, e hai colas de varias horas para entrar no Museo do Prado. E cada vez teñen máis éxito as series de médicos e cada vez hai tamén máis hipocondríacos: mellor sería que non as visen, non? Pero, ben, o caso é que os asesores de Rajoy lle dixeron que había que rectificar e acertaron. Hoxe mesmo dixeron na tele que as castañeiras da rúa vendían menos polo cambio climático. Se Rajoy se fixase niso, ata escusaba facer o ridículo a semana pasada.

3 nov 2007




O home que bisbaba ós cabalos (1998), de Robert Redford

Non vira esta película (en Uruguay chamáronlle O señor dos cabalos: velaí o cartel) cando a súa estrea e recupereina esoutro día dende a TV. Emotiva, sen dúbida (aínda que o pase por TV, con centos de anuncios, estraga calquera cousa). Tampouco sabía que era unha das primeiras películas (non a primeira) de Scarlett Johansson, cando só tiña 14 anos, case unha musa deste blog (falamos aquí dela por Match Point e por A moza da perla). Xa amosaba, tan nova, o que se podía agardar: unha futura excelente actriz.


Europa e o diñeiro.
Pan por Pan sábado 3 novembro

“Hoxe só hai unha gran forza en Europa: o diñeiro. Hai 20 anos os meus estudantes de Oxford querían dedicarse á política e á investigación. Hoxe as nosas elites van ó diñeiro e o diñeiro mércao todo en Europa, é como a droga do esquecemento, non queremos pensar os problemas. E se non encontramos outro ideal, o diñeiro vai sufocar a vida espiritual. En Europa a esperanza sempre estivo na esquerda dende a Revolución Francesa e onde non haxa unha esquerda seria, cun programa humano, hai un burato negro. Suíza, ese pequeno país ultraliberal, convértese nun xeito de protofascismo para vacas. Non hai unha gran ventá sobre o mañá, unha utopía se queren, si, un equivócase, pero se os mozos non queren equivocarse, se din que non lles van enganar de novo, qué lles queda? Irse traballar á banca.” (Dunha conferencia de George Steiner, hai uns días, en Barcelona, citada por La Vanguardia).

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé M. González
17. TRISTEZA.
(Foto: Saudade, de Ricardo Tavares)
Canta Maria Queiroz evocando o seu São Paulo e conta sobre Vinicius de Moraes. Malia ser historia melancólica, a lenda do samba, aquela prosodia e desenvoltura brasileiras -que distintas ela e a irmá Vánia de todos nós, o resto!- aloumiñan e estimulan. Pero a calidez non ten percorrido alén da propia melodía. Esváense notas, acento, resonancia, e a lembranza próxima das verbas adquire particular sentido no chumbo da aura presente.

No serán, unha xanela afastada admite luz amortecida no Portón do Recanto. Tempo e luz semellan hoxe aliado natural de certa apoloxética ao revés que é degustada polo alleo e moitos propios. “O peor de Galicia”, define un viaxeiro que olla desde o tren e pronuncia Lugho con entoación sorneira connotando rusticidade; só eu o presenciara e escoitara, pero hoxe case todos poderían aboalo e o que non, calaba. Ás nove menos cinco Sara e Chus levantan co tempo xusto para acadar a rúa do Miño na hora de chegada que lles marcan; deixan sen moita pena unha reunión de frases breves que seguramente non animaría nin o Jumpin’ Jack Flash. Saudade é palabra que algúns acaban de adquirir; se familiar a todos, non resultaría mala expresión para o que nos pasa.

Que nos falta? Algún observador de lugueses había dicir que humor e chispa, sempre; iso faría, xaora, antes de tratar o Sesé Llamas, poño por caso, ou o Mero Iglesias. Outro que se a choiva e lousados cinsentos, pero temos tamén o aire lixeiro das alturas. Alleos nós a tales metafísicas, porén a empatía non acorda, ou seica a mesmidade chama por unha introspección longo tempo demorada, que a propia mocidade tenta e consegue evitar a cotío en forma doada e voluble.

Grandío conta un conto, gaña algo de tempo, consegue algún sorriso e comentario; pero a el mesmo nin lle brillan moito os ollos nin dan esa impresión de xirar vertixinosos. Entra Xavier Rodríguez Barrio, atrae un par de olladas mais volve saír, non deixa ronsel a incipiente fama de poeta enxeñoso. A pouco e pouco erguemos, imos marchando en silencio, apenas un adeus, ata mañá; dúas ou tres mozas baixan, collidas do brazo, camiño da rúa Cidade de Viveiro. Na Praza do Campo, outros poucos endereitan pola Rúa Nova.

Xa senlleiro, parece o momento de sonho para fazer a fantasia. Pero a noite vén favorable a un estrañamento que desbote calquera caste de entroido. Bo para estoicismo, igual, ou ascetas. Nos soportais da Maior cruzo a Xosé Gayoso Veiga tras bufanda e abrigo, o matemático solvente que puido quizá ser gran científico; semella que o mundo vai con el a medias. No Centro e o Cantombar pouco siareiro queda, non sei qué ten o Madrid (barra fronte á porta e en ángulo, talvez), sempre denota máis bulicio. Un garda municipal ascende o paseo cara ao Pazo do Concello.

Pero son impresións lenes, quizá reflexo doutra anterior, ou posterior. Todo pasa bastante inadvertido, coma a señoriña que leva maletas na Porta da Estación e agora vén por onda a igrexa da Nova; igual có escaparate de Aquilino e a súa grande navalla de reclamo; coma Fole, que fóra de portas debeu xa coller do café para a casa. “Deixei Lugo, e a medida que me afastaba, sentía que me abandonaba gozosamente a opresión que sentira, sentía dentro de min que volvían renacer as miñas ideas, liberadas xa de tanta tristura”; escribiu Petitcolin e non é iso, non é iso. O mundo non é amigo, cómpre buscar achego nalgún xalundes. San Pedro abaixo, ecoa Vinicius. Tristeza non ten fin.

2 nov 2007

Ferrín e o Samaín/ 1 decembro en Allariz
Colonialismo ou tradición? Ferrín, en Tempo de Santos, hoxe no Faro, desmonta a suposta tradición galega do Samaín, que para el non é máis que un remedo das películas uSA.
Por outra banda, a edición da Voz de Ourense dá conta da convocatoria do 1 de decembro 2007, dun xantar de antigos militantes da Asemblea Nacional-Popular Galega (ANPG), entre 1974 e 1982. Ocúpase da organización o historiador Bieito Alonso: "Morriña nacionalista", crónica de Xosé M. Rodríguez.

1 nov 2007

Torquemada novato


É certo ou non que existe un documento interno do BNG de Ourense con orientacións para dirixir a política cultural do Concello?
É certo que en tal documento se quere condicionar a política de subvencións culturais a afinidades políticas?
É certo que o Torquemada novato que redactou estes papeis mesmo acode ás maiúsculas para sentar cátedra do seu dogmatismo e sectarismo?
É certo que neses papeis hai ademais expresións desprezativas cara o PSOE, o Liceo e a Fundación Carlos Casares?
É certo que nunha asemblea do BNG alguén dixo, ante a proposta de formar o Consello de Cultura Municipal, que “diso nada, a política cultural xa a dirixe o partido”?
Discurso pobre sobre o botellón
Andoliña sábado 3 novembro. Imaxes: Autoretrato como Baco enfermo, de Caravaggio, 1594; e Os borrachos, de J.Ensor, 1886.

Escoito nunha emisora de radio falar a un sociólogo sobre o tema de maior actualidade: o botellón. Afirma que os mozos amosaron, inventando este sistema, unha gran creatividade para acceder a formas de lecer propias sen deixarse estafar nos pubs e discotecas. Isto é certo e algúns aínda engaden que se trata dun xeito especial de “cultura” (Cultura e Democracia, por certo, deben ser as palabras máis sobadas, gastadas e manipuladas en todos os idiomas do mundo).
O discurso progresista adoita rematar aquí, pero semella pobre de máis. Habería que engadir, cando menos, que o dereito a esas formas de lecer non inclúe o de molestar con ruídos e escándalo ós veciños, que non teñen a culpa. Nin o de atentar contra o patrimonio urbano. E tamén sería pertinente recoller logo as toneladas de lixo que se deixan nas prazas: como produto artístico, pouco orixinal.

E non sobraría unha reflexión adicional: a quen interesa esa apoloxía do consumo de alcohol que é para moitos, non para todos, o botellón? Supoño que, pasados uns anos, cando cheguen adultos cos fígados estragados ós hospitais, o Estado buscará unha solución: para rebaixar sequera o desbocado gasto sanitario, como pasou co tabaco.
EN POLEIRO ALLEO
"CORAZÓN", de Bieito Iglesias (ECG 1-XI-07). O amigo Bieito Iglesias, sábeno ben os que teñen a sorte de coñecelo, é , entre moitas outras virtudes que ten, un altísimo especialista en asuntos de Corazón: e non falamos do plano médico, senón das revistas couché e prensa rosa. Non sei de onde saca tanta información, pero tenos feito rir en xuntanzas a gargalladas falando do Julio Iglesias e dos grandes da jet. Para proba este artigo.

"Que nos dure a realidade do país", Alfredo Conde (ECG 1-XI)

NOTICIAS DE VERDADE HISTÓRICAS
Andoliña 1 novembro

Foi onte unha xornada en verdade histórica e non me deixo levar por ningunha retórica, que sobra nesta ocasión: producíronse dúas novas de carácter histórico. En primeiro lugar, a aprobación da chamada Lei da Memoria Histórica, que se resume moi ben na cita da vicepresidenta Fernández de la Vega: “non ten unha soia liña que non poida ser apoiada na súa integridade por calquera demócrata”. En pouco tempo ninguén lembrará as babecadas que se dixeron contra a mesma por parte dunha dereita rancia e de dubidosas nostalxias.
E, aínda con maior transcendencia, a sentencia do xuízo do 11-M. O Tribunal xa se gañara o respecto de todos cun labor procesual impecable. Nos últimos días o PP recuou todo o posible nas paranoias que promoveu con tanta forza. Para non facer máis o ridículo, supoño. España gaña puntos no mundo ditando xustiza contra o comando salafista que perpetrou o horrible atentado: un grupo nacido dun cisma relixioso na mesquita de Madrid, que acordou nun cumio en Estambul converter Europa en “territorio de guerra”. Os que estivemos contra a guerra de Iraq, os que non admitimos os abusos de Guantánamo, os que non cremos en falsas conspiracións, podemos tamén estar satisfeitos.

31 oct 2007


Contada por un cadáver

Contada por un cadáver, como lembraba Arume nun seu comentario. Cine e puro cine, en estado virxinal, indeleble: cine de verdade. Había moitos anos que non me achegaba a Sunset Boulevard (O crepúsculo dos deuses), de Billy Wilder: xeniais Gloria Swanson e Erich Von Stroheim, tamén William Holden, un actor que non brillou demasiado noutro tipo de papeis. Cando un ve películas como esta, pura arte (e alégrome moito de coincidir con Arume e seguro que con moitos máis), un queda reconfortado, aliviado, relaxado. Para min é como acudir a un balneario a liberarme de impurezas, da chea de estulticias que padecemos a cotío: na rúa, nos xornais, na televisión... Por desgraza, dixémolo xa outras veces, este é un mundo case vedado ós mozos e mozas de hoxe: moi poucos coñecen estas grandes películas do cine clásico.
Alguén debe estar moi interesado en apampalos cos títulos de moda: que se pode agardar dunha “oferta cultural” como Supersalidos? Lembro aquilo dos ácratas da televisión como droga que ninguén persigue e ás veces penso que tiñan toda a razón. O mundo está cheo de beleza, de intelixencia, de arte, de bo cine, e non ten perdón que moitos mozos non reciban outra cousa que esa “cocaína espiritual” en pílulas que se lles ofrece todos os días.
en poleiro alleo: sentencia 11-M

Abro este fío polo interese do artigo seleccionado, "Teoría da conspiración", de Miguel Anxo Fernán Vello, e tamén para ubicar aquí o debate e posibles consideracións arredor da sentencia do 11-M (cando escribo aínda non consultei as novas ó respecto).

O valor do xornalismo cultural
Andoliña 31 outubro (Na imaxe, Man e serpe, de Menchu Lamas, unha das artistas integradas en Atlántica).

Para documentar os datos da miña serie dominical, Cen Anos de Historia Cultural, utilizo, ademais doutros materiais, revistas da época e tamén suplementos culturais. Destes teño unha colección particular dende os 70. Nestes días, manexando un deles, decateime do extraordinario valor dese xornalismo cultural, mesmo cando pasen varias décadas da súa publicación. Velaí o caderno titulado Cultura nacido da man de Luís Álvarez Pousa en La Voz de Galicia en 1980.
Velaí a atención destacada a escritores como Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro (estes falecidos uns meses antes), Cunqueiro ou Vicente Risco. E a apertura naquel suplemento de debates relevantes na nosa historia cultural: a demanda da literatura de quiosco, as diferentes estratexias narrativas, o conflito normativo, os problemas do teatro galego, a atención á renovación das artes (Atlántica) etc.
Por aquelas páxinas pasaron autores como Carlos Casares, Anxo Tarrío, Alonso Montero, Carballo Calero, Basilio Losada, Víctor Freixanes, Xosé A. Perozo, Manuel Rivas, Xavier Seoane, entre moitos máis. Aqueles textos son testemuño vivo dunha época. Xa o é tamén a magna Revista das Letras, cada xoves na rúa con Galicia Hoxe.

30 oct 2007

Máis de Conferencias.
Pan por Pan mércores 31 outubro
Contoume Manuel Lourenzo, director de teatro, que unha vez tivo que representar unha obra, con toda a montaxe escenográfica e demais, para unha soia persoa, nunha vila galega. Pagaba a Xunta e impúxose o seu sentido de responsabilidade: hai que actuar. Nunca dei unha conferencia para unha soia persoa, pero eu faría o mesmo: tanto respecto merece unha como cento cincuenta. Creo que foi Millás o que contou un dos peores temores do conferenciante: a sala baleira. Ou peor aínda, engado eu: a sala que se vai baleirando de vagar ata quedar só a voz do orador. Non lembran vostedes o “Ser ou non ser” de Lubitsch?: cada vez que o actor polaco inicia o parlamento máis famoso da historia do teatro, no público o tenente Sobynsky érguese e vaise: xenial a cara de apampado do Hamlet.
Imaxinen a escena: cando o conferenciante diga “Ourense, Atenas de Galicia”, por exemplo...

en poleiro alleo

SUSTO. Pan por Pan martes 30 outubro.
(Imaxe de David Bailey: un retrato de Jane Birkin dos anos 60)

Onte pola tarde leveime un pequeno susto. Un contertulio habitual do meu blog preguntaba pola conferencia que tiña que dar onte mesmo. Por un momento pensei: estou apañado, algún compromiso esquecido. Fun ver a axenda deste xornal e alí estaba: tratábase dun erro, non imputable ó xornal, porque se anunciaba a conferencia sobre Vázquez Núñez que xa dera o día 19 (non o 29). Isto lembroume que algunha vez tiven un soño con esta situación: tiña eu que falar nunhas xornadas pero nin sequera sabía sobre qué tema e o soño convertíase en pesadelo. Pero tampouco sería grave: un escritor galego falou unha vez en Auria durante media hora ata que se deu conta de que o tema polo que fora convidado non era ese, senón outro similar. E non pasou nada, porque aquel escritor, tamén amigo, fala tan ben que todos os presentes quedamos igualmente moi contentos de escoitalo.
P.S.: a ver se adiviñan quen era o escritor do que falo ó remate. Foi na cidade auriense, na Facultade de Humanidades (edificio de Ferro), hai varios anos, nun acto organizado por Xosé R. Gutiérrez Izquierdo, profesor de galego na mesma.