12 dic 2006
Vaia dende aquí a miña noraboa para Marilar Aleixandre, que obtivo coa súa obra Mudanzas o
V Premio Caixanova de poesía. E tamén para Amancio Liñares polo seu premio Manuel Murguía de ensaio. Que este espazo sirva tamén para felicitar aos amigos/as (e despois cadaquén que opine o que queira, sen insultos, claro).
Botellón municipal (apoiado polo concello de Ferrol)
Pan por Pan martes 12 decembro
O Concello de Ferrol subvencionará con 23.000 euros unha festa universitaria a celebrar o día 15. Esta festa de estudantes quere “relanzar o ocio nocturno” e anuncia un gran espectáculo con gogós de ambos sexos e actuación de DJs e consumo de alcohol a prezo módico. Ademais, os estudantes deben pagar 5 euros de entrada. Dito doutro xeito (cos datos que teño) un monumental botellón: ademais, o concello reparte un folleto con enderezos de pubs e discotecas para os mozos aburridos ás seis da mañá que queiran seguir a esmorga ata as luces do novo día. En fin, se os cidadáns ferroláns lles parece ben que se gasten así os seus cartos, alá eles. Pero hai algo que non me cadra: eu estou farto de escoitar discursos apocalípticos contra o botellón que, de paso, culpan de todos os males do país a Rodríguez Zapatero. Discursos que proceden, mira ti, do mesmo partido no que milita o alcalde ferrolán.
11 dic 2006

Rafa Villar premiado
A miña noraboa para o amigo Rafa Villar, poeta das Fisterras e portavoz de Nunca Máis, que vén de gañar o premio Eusebio Baleirón na súa XIX edición, polo libro Escoración dos días. Nado en Cee, o escritor tivo a súa primeira incursión nas letras con Liques da memoria en 1991, que lle valeu o premio Bouza-Brey de autores novos. Licenciado en filoloxía galego-portuguesa, obtivo premios como o Curuxa do Humor e o Cómaros Verdes.
Para celebralo, velai vai un dos seus poemas (do libro colectivo Nós. Batallón Literario da Costa da Morte, 1997):
Hai un mar e unha terra dentro do mar que se crava fonda como
unha espora, e un silencio que ás veces é un látego escintilante
ao corazón da noite inmensa.
Somos esa vida desangrada tras os vidros manchados de argazo.
Os nosos ollos nacen ao inverno e ao espanto como nós á
loucura e ao berro. Perdidos faros alumean para sempre a nosa
ruta afundida.
Hai un mar de terra empuñada vomitando lume en nós. Unha
dor antiga que nos queima. Un horizonte cego. Unha soidade.
Somos como a ardora e o naufraxio, e navegamos calquera
vento imposíbel.
Entre a terra e o mar só os nosos corpos ferozmente amarrados.
10 dic 2006

Os revisionistas, engadido á nota anterior (dalgúns "peixes" locais)
E digo eu que personaxes como Pío Moa, que se debe estar facendo de ouro cos seus libriños, antes de amosarnos a súa santa intransixencia neoliberal non estaría de máis que pedisen desculpas (perdón xa sería moito pedir) polo seu pasado e militancia terrorista no GRAPO, por exemplo.
E asómbrame, a min, quizais tamén a vostedes, a capacidade de reviravoltas dalgúns personaxes da escena pública e do mundo intelectual. Falaba esoutro día con Ramón Luís Acuña de César Alonso de los Ríos, xornalista que no seu momento dirixira La Calle, semanario máis que próximo ós eurocomunistas e que actualmente escribe en ABC e mantén posturas políticas de extrema dereita.
E o mesmo vale para algúns "peixes" locais. Algúns colaboradores de Libertad Digital, por exemplo, teñen pasados tamén sorprendentes: velaí o profesor Xosé Vilas Nogueira, un dos redactores das Bases Constitucionais no seu día (dun nacionalismo máis que radical e intransixente daquela), que andaba Galicia adiante presentando o seu libro sobre o Estatuto de 1936 (tamén no Liceo ourensán), libro que ademais se usaba como base para a crítica política dos nacionalistas ó Estatuto do 36 ("Estatuto nunca máis, Bases Constitucionais", lembran?). E por eses pagos, aínda que no seu caso dende as lindes do eurocomunismo (PCG), andaban tamén un Pedro Arias, ben coñecido polos seus artigos e participación nos faladoiros televisivos (TVG) ou o mesmo Miguel Cancio, sempre moi antinacionalista, pero non sabía eu das súas últimas viraxes: esoutro día nunha entrevista en El Correo Gallego defendía a Jiménez Losantos.
A lista é moi ampliable, por suposto, vostedes terán moitos máis nomes. Supoño que todo isto é normal nos sistemas democráticos, aínda que a min, pobre inxenuo, cústame un pouco entender cambios tan radicais, ás veces dende a extrema esquerda ata a extrema dereita.
Lendo os xornais...Hai días nos que lendo os xornais un pode adquirir unha gran cultura. Por exemplo, estes días convertémonos todos xa espertos no polonio 210, soubemos que Silvia Jato e Jesús Vázquez son os máis guapos nas enquisas e que (outra enquisa máis!) os españois pensan que os partidos políticos e as empresas son os sectores máis corruptos en España: pois vaia descubrimento!.
Os xornais deberían ter ademais unha sección que se titulase “Disparates”. E nesa sección iría onte o artigo dun coñecido xornalista da dereita española que onte, nun ton apocalíptico, daba unha chea de ideas para posibles atentados do terrorismo de Al Qaida: dende poñer un barco bomba no porto de Nova York ata atentar en prazas de touros e estadios de fútbol nun partido da Copa de Europa. En fin, se os terroristas carecían de ideas, sempre hai alguén disposto a botar unha man. Esperemos que non lean a Ansón...
(Pan por Pan domingo 10 dec. Imaxe de Junakovic)
O Babelia de onte traía bastantes cousas de interese. A min, por exemplo, parecéronme interesantes a recensión que facía J.C. Mainer de Sorolla ou as entrevistas a Juan Goytisolo e a Ángel Viñas. Goytisolo repetiu as súas loubanzas (non é a primeira vez) ó labor do narrador ourensán José María Pérez Álvarez, o autor de Nembrot e Cabo de Hornos. E quixen traer a esta recuncho esta opinión de Ángel Viñas sobre o revisionismo histórico, nunha tamén valiosa entrevista sobre o aillamento da República por parte das democracias da súa época.
P. Su libro aparece en plena eclosión del revisionismo histórico. ¿Cómo ve ese fenómeno?
R. Llevo 20 años fuera de España, pero mi visión es que el llamado revisionismo histórico español, en mi opinión neofranquista y de medio pelo, no es Historia. La Historia es siempre revisionista, se replantea problemas con distintas perspectivas y nueva base documental. Me gustaría que mi libro tuviera de seis a ocho años de vida, pero puede quedar superado en tres. Por definición, pues, la Historia es revisionista. Pero el llamado revisionismo español pone en lenguaje cheli, adaptado a principios del siglo XXI, los viejos mitos fundacionales de la dictadura sobre la República y la Guerra Civil. No hay nada nuevo, de verdad. Y hay, en cambio, mucho de una ignorancia supina de la historiografía crítica académica, la que hacemos los historiadores, y una pasada por el turmix de algunos mitos que son coetáneos de la guerra civil misma: la salvajería, el asalto a la civilización occidental, la manipulación por el Comintern, la barbarie española. Exactamente 70 años más tarde, son las mismas ideas.
P. ¿Por qué cree que se da ahora este tipo de Historia?
R. Es una aplicación al combate político de hoy de una lectura selectiva de la Historia. Y con un terrible éxito de ventas, que ya quisiera para mí. Una parte de la sociedad española ha estado amamantada en los mitos franquistas. La labor de historiador normal nos ha llevado necesariamente a desmontar esos mitos. Más o menos eso se ha desarticulado. Pero para un sector de la sociedad española, esto es muy doloroso porque significa un repudio a los ideales de su juventud o a lo que han creído sus padres y abuelos. Lo comprendo, pero no lo justifico porque no puede justificarse.
O ano que naceu o xornal La Noche e no que Castelao foi elixido ministro do Goberno Giral. Tamén o ano en que foi detido Ramón Piñeiro, no que Díaz Castro gañaba nos Xogos Florais de Betanzos ou no que Luís Pimentel presentaba a súa "ars poética" nunha conferencia no Círculo das Artes de Lugo. O artigo completo aquí.
Tamén foi a comezos de 1946 cando, tras unha reforma do Goberno republicano de Giral, co ingreso da dereita republicana e dos comunistas (entre eles Santiago Carrillo), se lle dá entrada a Castelao como ministro en representación de todos os partidos antifranquistas galegos. Antes unha delegación galeguista do interior acode a Francia reivindicando un posto no Goberno para Galicia e propoñendo a Castelao para o mesmo, co asentimento de todos os galeguistas. O goberno republicano no exilio conseguirá o recoñecemento diplomático de moitos países europeos e latinoamericanos e as Nacións Unidas aproban, en febreiro deste ano e por ampla maioría, unha proposta de bloqueo diplomático á España franquista. A prensa galeguista de América mantiña unha posición radicalizada na defensa da República e do galeguismo: “Non, a terceira República non pode ser tan inocente como a pasada. É mester que resolva a fondo os problemas que a impediron perdurar. E o problema principal é o da súa estruturación. Sen a autonomía de Galiza non terá unha base firme e estará outra vez disposta aos ataques da reacción”, dicía A Nosa Terra en abril dese ano. Cando Castelao é elixido ministro afírmase neses medios que “aínda que persoeiro dun partido político, representa a toda a opinión democrática da nosa terra, que vale tanto como representar á maioría do noso pobo”. E tamén se publican protestas moi contundentes contra o Centro Galego por usar a bandeira franquista (“o trapo feixista”), “mostrandolle ao público un falso acatamento da nosa colectividade a un réxime que os galegos repudiamos e odiamos con todos os folgos da nosa alma e con todas as iras do noso peito”. Tamén Xervasio Paz Lestón, co seudónimo Pau de Ferro, critica na revista Alborada a decisión dos directivos do Centro Galego de celebrar a festa española do 2 de maio, suprimida pola República, suxerindo en cambio celebrar a independencia arxentina. Ramón Piñeiro, enviado a París en 1946 para conseguir que Castelao entrase no goberno en representación das forzas galegas (entrou a pé polos Pirineos, guiado polo nacionalista vasco Joseba Elósegui) e para entrevistarse cos nacionalistas vascos e cataláns, volve a Madrid e participa na tertulia dos galeguistas no Café La Granja del Henar. Neses días acode a unha cita política clandestina no Café Pidoux e aló é detido pola Policía. Estaría preso tres anos, ata 1949.
9 dic 2006


Máis cidades
literarias (7)
(Andoliña sábado 9 decembro. Nas imaxes, Xela Arias e Xosé María Álvarez Cáccamo)
Vicente Risco evocou en 1920, no seu famoso U…ju…juu…(Poema futurista),
unha Coruña que miraba cara ás brétemas de Irlanda e un Vigo que esculcaba "os raña-ceos de Nova York": era un canto simbólico á modernidade das cidades e non é difícil encontrar imaxes semellantes noutros poetas, por exemplo en Fran Alonso cando escribe: "Vigo dende aquí parece Nova York./ Coma nas películas dos sábados./ E sorrime, desde enfronte, cinicamente,/ fermosa e altiva, a cidade das miñas penas,/ a piques de engulirme".
Marga Romero falou en Mariñán das cidades dos poetas e tivo moi presente Vigo, dende o Vesteiro Torres, que canta Tui e Vigo, mis dos patrias ata Amizade con Mowgli de Cristal Méndez Queizán. No intermedio dese longo camiño hai unha xeira de grandes voces como Xulio Sigüenza, Luz Pozo Garza (Vemos fuxir o corvo torvo, Badía de Vigo, Illas Cíes), Xosé Luis Franco Grande, Xosé María Álvarez Cáccamo (Os documentos de sombra), Xela Arias, etc. A cidade que cantou así Xohana Torres: "Ouh capital do mar, durísima cidade/ de violencia interior como nos leitos,/ altas querervos, grúas, franqueadas na canle,/ as casas como redes caídas polas augas".
Mujeres de negroPAN POR PAN sábado 9 decembro
Na literatura, tan importante como contar os feitos é describir o ambiente, o estado espiritual e sentimental dunha época. Logrouno moi ben Josefina Aldecoa en “Historia de una maestra”: ese percorrido polas duras escolas españolas dos anos 20, a chegada da República, os debates no maxisterio entre tendencias pedagóxicas neutras e outras máis politizadoras. As páxinas sobre a Revolución de Asturias no mundo dos mineiros de León son, aínda que breves, dunha delicadeza narrativa excepcional. Trala morte de Ezequiel, o mestre republicano, fusilado nos inicios da guerra, Aldecoa fixo continuar a historia na voz de Juana, a filla nacida o mesmo 14 de abril de 1931: a novela “Mujeres de negro” foi o resultado desa continuación. Nela figura esta frase contundente que tan ben retrata aquela época: “Tengo miedo de no poder vivir en una cárcel, porque ya todo es una cárcel”.
(Imaxe de Junakovic)
8 dic 2006
Apareceu o mércores pasado no suplemento cultural de La Vanguardia e quíxeno pegar aquí, pero non encontrei a ligazón na rede. Pareceume un documento moi interesante e agora aparece íntegro nesta web. Velaí só un anaco do texto:
La larga condena que he cumplido me ha proporcionado la oportunidad de leer libros y artículos que, fuera de la cárcel, están fuera de nuestro alcance debido a nuestras normas sociales y a nuestra ideología. Estos materiales ofrecen un conocimiento más profundo de la historia del régimen nazi y del genocidio que perpetró. A principios de la década de 1990, leí artículos de pensadores palestinos como Edward Said y Azmi Bishara, y descubrí hechos y posiciones que contradecían las mías y las de muchos otros palestinos. Sus escritos me despertaron la curiosidad y las ansias de saber más, de modo que procedí a leer testimonios de supervivientes del holocausto y de la ocupación nazi. Estos testimonios, por cierto, no eran sólo de judíos, sino también de personas de otras nacionalidades. Cuanto más leía, más me daba cuenta de que el holocausto es un hecho histórico, y descubrí las monumentales dimensiones del crimen de la Alemania nazi contra los judíos, otros grupos sociales y nacionales, y la humanidad en general. Averigüé que la Alemania nazi aspiraba a instaurar un nuevo orden mundial dominado por la raza aria pura mediante la aniquilación física de las razas impuras y la esclavización de otras naciones. Descubrí hasta qué punto los aparatos de Estados normales - burocracias, sistemas judiciales, autoridades educativas y sanitarias, ayuntamientos, redes ferroviarias y otros- habían participado y colaborado en la puesta en práctica de este nuevo orden mundial. En teoría este objetivo, así como las victorias del ejército nazi-alemán ocupante de la época, también pusieron en peligro la vida de árabes y musulmanes.El crimen es monumental, sin importar el verdadero número de víctimas: judías y no judías. Todo intento por negarlo priva a aquel que lo niega de su propia humanidad y lo pone a la misma altura de los perpetradores. Todo aquel que niegue el hecho de que este desastre provocado por el hombre no tuvo lugar, no debe sorprenderse de que otros nieguen el sufrimiento y la persecución de su propio pueblo a manos de los ocupantes extranjeros o tiranos del propio país.
Historia de una maestra(Pan por Pan venres 8 decembro)
Lin varias novelas de Josefina Aldecoa e é unha autora á que lle teño gran estima. Por exemplo, “Historia de una maestra” é unha magnífica crónica doutros tempos, os dos meus avós. Cando nas escolas dos arredados e montesíos pobos de España os nenos morrían de fame e ignorancia. De cando España tiña colonias en África. E a mestra, destinada en Guinea, pensaba: “Mis esfuerzos por enseñarles ciencias o geografía o historia chocaban con una incomprensión que iba más allá del idioma. Eran despiertos pero no podían comprender la Prehistoria. ¿Acaso no vivían en ella? ¿Hasta qué punto les añadiría felicidad el descubrimiento de los avances técnicos que invadían el mundo civilizado? (...) Había un desajuste entre los programas oficiales que hablaban de una cultura ajena y la necesidad de aprender cosas relacionadas con su medio ambiente, sus orígenes, su propia cultura”.

Máis cidades literarias (6)
Contáronme que na exposición conmemorativa da Real Academia Galega na Coruña estaba exposta unha bandeira do Celta, como mostra da galeguidade que impregnou a sociedade daquela época. E contáronme que, ante certas suspicacias, moi logo houbo que colocar ó seu carón outra bandeira do Deportivo. A anécdota, se non é certa, semella verosímil, así que, despois de falar da Coruña literaria, tócalle agora a quenda ó Vigo das nosas letras. Cidade á que, dende logo, ninguén lle pode discutir máxima veteranía literaria: en versos inmortais foi a máis cantada polos trobadores medievais da ría de Vigo.
Nos últimos anos, a cidade viguesa deveu nun fecundo topoi da memoria urbana máis comprometida. Entre outras, velaí A rúa do noxo (1977), de Eliseo Alonso, viaxe nos anos da fame polo barrio da Ferrería; Peito de vimbio (1988), de Álfonso Álvarez Cáccamo; Amor de tango (1992), de María Xosé Queixán, evocación dende o comezo do século XX ata a represión bélica; Panificadora, de Xosé Cid Cabido, premio Blanco Amor 1994; Cemiterio de elefantes (1994), de Fran Alonso; Os ollos do rei de copas (1994), de Xurxo Sierra Veloso, ou Os xenerais de África (1999), de Vítor Vaqueiro (na imaxe).
7 dic 2006

Busquen o seu apelido
Andoliña xoves 8 decembro
Se teñen tempo, doulles unha idea. Tecleen en internet este enderezo: www.usc.es/ilgas/. Dende a columna de recursos poden ir ata a Cartografía dos Apelidos Galegos que veñen de colgar na rede a Universidade de Santiago e o Instituto da Lingua Galega: aí están os 50.000 apelidos que existen no noso país distribuídos por concellos. Seica os máis comúns son os Rodríguez, Fernández, González e López. Pero a cartografía permite tamén dar cos apelidos galegos menos usuais e este é un dato valioso para planificar medidas que impidan que se perdan no futuro algúns dos apelidos máis nosos.
Dende esa páxina xa poden esculcar o que queiran: de Valcárcel, por exemplo, hai 2.197 referencias, concentradas na provincia de Ourense, na Estrada e no centro-sur de Lugo ( Monforte, Proba de Brollón). De Touriño, 1338 cinguidos á zona de Cuntis e Arousa. De Quintana, 1639, dominantes en Allariz, pero con bastantes tamén en Ribadeo e Sarria. De Beiras só 266, todos en Compostela e arredores. De Cabezas hai 644 na área coruñesa. O amigo Ferro Ruibal xa me falara deste proxecto hai un par de semanas, pero eu non sabía que era tan divertido.
Busquen o seu apelido: non se aburrirán.
(Na imaxe un detalle do Inferno, do Bosco)
6 dic 2006

Dúas fotos de Xosé Abad
A foto que vai máis embaixo, nunha das excelentes portadas de LUZES DE GALIZA ( a quinta, n.4, outono de 1986), era de Xosé Abad. Tamén esta que ía na contraportada do mesmo número. Entre os moitos valores daquela revista, que dirixía Manuel Rivas e patrocinaba Ediciós do Castro, estaba o seu moi coidado deseño, a calidade das ilustracións, o labor dos artistas (pintores, debuxantes, fotógrafos...) que colaboraron nela. Fotógrafos como Xurxo Lobato, Delmi Álvarez, Moncho Rama, Vari Caramés, Chus García, Xulio Correa, Xoán Piñón, Manuel Sendón, Manuel Vilariño, Xosé Luís Suárez Canal, Caruncho, o citado Xosé Abad, etc. formaron parte do equipo que colaboraba naquela magnífica iniciativa cultural.

MÁIS CIDADES LITERARIAS (5)
Andoliña mércores 6 decembro
Hai moitas cidades literarias na Coruña dos nosos escritores. Ó carón dos poetas épicos do século XIX está Xurxo Souto e o rock bravú e tamén obras como “As rulas de Bakunin” de Antonio Riveiro Coello ou algúns relatos de Xosé M. Martínez Oca (“Os culpables”). E non esquezamos a forte tradición coruñesa dalgúns autores da literatura castelá de orixe galega: dende a Marineda da Pardo Bazán, con esa marabilla de novela social que é “La Tribuna”, ata a “Volvoreta” de Wenceslao Fernández Flórez.
Tamén nos poetas, por suposto. Dende o Curros Enríquez que canta “Ao pobo cruñés” ata a malograda Luísa Villalta e o seu poemario “En concreto” ou os seus versos sobre a desaparición do barrio do Papagaio, con fotos de Maribel Longueira. Nese camiño, a presenza coruñesa está viva nas voces, entre outras, de Luz Pozo Garza, Tomás Barros, Álvarez Torneiro, González Garcés, Cesáreo Sánchez, Ánxeles Penas, Xavier Seoane, Manuel Rivas, Lino Braxe, Fernán Vello, Francisco Salinas, e un longo etcétera. E naquela magnífica experiencia que foi a revista “Luzes de Galiza” e que ergueu o facho de Galicia como cidade atlántica. Dende A Coruña.

O misterio.
(Pan por Pan mércores 6 decembro)
Velaí un diálogo escoitado nunha emisora de radio local: “Bien, riquiña, tu me dirás”. “Quiero saber de salud y de amor”. “Pues, ya ves, yo te veo en las cartas buena estrella…”. Así empeza unha consulta de astroloxía que logo segue nunha longa sucesión de vaguidades. Comprobo nos últimos tempos un rexurdir deste tipo de espazos nas radios e televisións: territorios que explotan a industria do misterio e o esoterismo.
De pouco vale a crítica racional contra as supersticións, que veñen de vello: dende os tempos do Padre Feijoo e de Sarmiento. Sobreviven con forza todo tipo de agoiros. E non só entre a poboación menos formada. Sospeito que todo isto ten que ver con dúas cousas: unha, o medo, arma moi poderosa para dirixir as condutas. E outra, a necesidade dalgunhas persoas de falar con quen sexa, nunha sociedade non moi feliz nas súas formas de comunicación.
5 dic 2006

Luchino Visconti
PAN POR PAN martes 5 decembro
Pasei a tarde gris do domingo vendo “O gatopardo” de Luchino Visconti. Xa a tiña visto varias veces, pero comprobei que garda toda a súa fascinación orixinal. Poucas veces se retratou con tal acerto a decadencia duns poderes e a súa transformación noutros, nun proceso case natural. Afonso Tancredi (Alain Delon) pasa de militar na guerrilla garibaldina a xustificar logo o fusilamento dos seus compañeiros que non aceptan a nova orde burguesa. Inspirada na novela de Lampedusa, a película de Visconti debería ser de visión obrigada nas Universidades: quizais tamén nas aulas dos Institutos.
Contan que Togliatti, secretario dos comunistas italianos e amigo de Visconti, viu a película nun pase privado co director. Para algúns críticos a escena do baile, que dura un tercio da cinta, é moi longa. Pero Togliatti díxolle a Visconti: "Non cortes nin un metro da película". E tiña razón.

Máis cidades literarias (4)
Andoliña 5 decembro
A cidade da Coruña non ten a mesma fama que Ourense ou que Compostela como topoi literario, pero o certo é que hai un bo mangado de obras de estirpe e de paisaxes coruñesas. A máis recente é a magnífica novela que nos deu recentemente Manuel Rivas, Os libros arden mal, presentada con acerto como a novela da Coruña dos anos 30: por exemplo, ese magnífico retrato da fin dun mundo, o da democracia e da liberdade, na escena que narra, con todo detalle e emoción, o espolio da casa de Casares Quiroga. O acento coruñés está moi presente en Expediente Artieda, de Luís Rei Núñez, premio Xerais 2000, crónica da resistencia urbana antifranquista na posguerra; en A canción do verán, de Vicente Araguas, dende a perspectiva dunha certa burguesía capitalina, ou en The Corunna Boats de Xelís de Toro.
Pero estes autores tiveron egrexios predecesores, hai máis de cen anos. Velaí a Alberto García Ferreiro que cantou en Leenda de groria (1890) a defensa da cidade dos ataques de Drake en 1589. Ou, cun tema idéntico, Os Calaicos (1894), un dos grandes poemas épicos de Vaamonde Lores. Ata o padre xesuíta Xosé Rubinos escribiu O poema da Coruña (1933), tamén moi fiel ó modelo épico e clásico.
4 dic 2006



Cen anos de Historia Cultural: 1945
Foi o ano da revista Posío, e de Galeuzka, e de Xelmírez... E dun premio para Fermín Bouza Brey. E cando morreu o arquitecto Antonio Palacios.
E moitas máis cousas: aquí.
(Nas imaxes, portadas das dúas revistas citadas e o premiado Bouza Brey, nos Xogos Florais, do brazo da filla de Franco, Carmen Franco Polo, madriña daqueles actos).
3 dic 2006

María Mariño.
(Pan por pan, domingo 3 decembro)
No pasado mes de xuño a Real Academia Galega escollía ó escritor a homenaxear no Día das Letras Galegas 2007: escritora neste caso, a terceira na historia da data, tras Rosalía e Herrera Garrido. A escollida foi María Mariño (1907-1963), poeta de Noia que viviu no Caurel, amiga de Avilés de Taramancos e de Uxío Novoneyra, que só publicou en vida o volume “Palabra no tempo”. Agora Edicións Xerais vén de editar a súa “Obra Completa”, cun estudo introdutorio de Victoria Sanjurjo. Os seus versos falan dos grandes temas da poesía de sempre: o paso do tempo, a natureza, o amor e a morte. Cun forte acento telúrico, evocaba así a súa morte:
“Encóllome para entrar de novo en ti, Mundo.
Acurrucada rógoche que deas altura á miña
cabida,
que flote en ti, que en ti se esparza,
e nas túas áas me acollas,
amplias e sinxela, e digas a berro limpo:
Nace de min!”.





