13 dic 2007

Avance de contidos

Estes días, co Simposio Carlos Casares e outras cousas, non creo que poida escribir moito. Só dicirvos, a todos/as, que na primeira sesión, de mañá, xa se contaron moitas cousas de interese. Sobre todo na intervención de Xavier Carro que conviviu con el na etapa que Casares retrata en "Xoguetes pra un tempo prohibido" e que mesmo lle pasou moitos dos libros que puideron influír nel naquel momento.
Tomei bastantes notas: en canto teña un pouco de tempo, seguro que esas notas acaban por aquí.
Por exemplo, só como avance: entre os libros que lían os mozos da NNG, ademais dos que se citan sempre (Joyce, Proust, Kafka, Faulkner, etc.), había outros que puideron deixar unha forte pegada no Casares dos "Xoguetes". Por exemplo, "Señas de identidad", de Juan Goytisolo (na primeira edición mexicana). E "Tiempo de silencio", de Martín Santos. E "Encerrados con un sólo juguete", de Juan Marsé. E mesmo un de Torcuato de Lena, "La edad prohibida": obsérvese que palabras como XOGUETES e PROHIBIDO estaban xa nesas referencias.

HOMENAXE Ó EXILIO MEXICANO
Andoliña venres 13 decembro

O cineasta Carlos Velo, o pintor Arturo Souto, o poeta vadeorrés Florencio Delgado Gurriarán, o mestre Luís Soto, compañeiro de Castelao, todos eles impulsores da revista “Vieiros”, unha das xoias da historia da prensa galega. Quedan aínda descendentes de todos eles e de moitos máis centos de galegos que se refuxiaron no exilio mexicano. O México de Lázaro Cárdenas recibiunos cos brazos abertos: dende os que desembarcaron no buque Sinaia ata todos os que alí se achegaron despois. Aló proseguiron co seu labor republicano e galeguista. Aló saiu o “Caniconeiro da loita galega” de 1943. E “Loita”, revista galeguista da comisión galega do PC de Hespaña. E a antoloxía “Poesía de Galicia”, de Alejandro Finisterre (1969)-
Toda unha aristocracia intelectual que enriqueceu a cultura mexicana con acenos galegos: lembremos tamén ó poeta Lorenzo Varela, acollido na casa de Octavio Paz; ó arquitecto José Caridad Mateo, Serafín Ferro, Marcial Fernández, Roxelio R. de Bretaña, ó médico Francisco Comesaña, etc. Ata a morte de Franco, México mantivo o apoio ó goberno republicano no exilio. A Xunta, con Pérez Touriño á fronte, homenaxea agora esa xeración: con toda xustiza.

12 dic 2007









en poleiro alleo
(Imaxe: "Laura", de Giorgione, 1506)

"Unha torpe política cultural" (A. Conde en ECG 12 dec.)

"Agradecemento e adulación" (X.M. Sarille en ECG 12 dec.)
Fotos e espíritos.
Pan por Pan mércores 12 decembro. Foto enviada por Monxardín.

Falei o domingo aquí da fascinación que produce a morte: dos anuncios sensuais dunha funeraria italiana ou das campañas en Centroamérica con simulacros de mulleres asasinadas. Quizais sempre existiu esta fascinación. Velaí as fotos dos defuntos para lembrar a un ser querido, tan abundantes en Galicia mesmo con fotógrafos ambulantes que ían polos pobos. Ou as chamadas “spirit phtohraphy” nas que din que saen os nosos antepasados ó carón dos vivos. No blog dime un colega que no París de mediados do XIX a xente pagaba para visitar a morgue, onde se exhibían os cadáveres dos suicidas ou dos que sufrían morte violenta (contouno Dickens nun texto). Logo viñeron as fotografías forenses: o libro de Eugenia Parry, “Crime Album Stories!, dos arquivos policiais franceses de finais do XIX. E agora a serie C.S.I.: o mundo xira e xira. Cantas cousas volven!
Carlos Casares, a estudo

Andoliña mércores 12 decembro

11 dic 2007


Arquitectura en toda España

O colega e amigo Carlos Varela pásanos referencia desta web sobre Arquitectura Española: ARCHXX-SUDOE.ES.

Contén unhas fichas valiosas, con foto, sobre edificios de valía arquitectónica, catalogados polas diferentes provincias do Estado: en Ourense, 12 de diferentes épocas. (Na foto a casa de Vázquez Gulías, en Praza Maior, 4).
Entrevista
Na web do Consello da Cultura Galega, Manuel Gago colgou unha entrevista en MP3 comigo (uns 12 minutos) sobre a ponencia que presentei onte.
Presentárona así:

Marcos Valcárcel: “O galeguismo foi moi crítico coa prensa do país”
11 de Decembro de 2007
O historiador e profesor Marcos Valcárcel repasou onte no Consello da Cultura Galega a relación entre a prensa e o galeguismo no marco das xornadas Medios de Comunicación e Identidade. Para Valcárcel, o galeguismo foi “moi crítico” cos medios de comunicación nas primeiras décadas do século XX: “Antón Vilar Ponte falaba de que en Galicia, no xornalismo, hai unha selección ao revés. Ascenden o que non valen”. Valcárcel sinala que o galeguismo achegoulle á comunicación en Galicia unha nova modernidade e destaca as coincidencias entre as denuncias sobre o xornalismo galego nos anos 20 ou 30 coa situación actual da comunicación en Galicia: “moitos dos artigos que levo lido son actuais mesmo nas condicións máis degradantes do que é o oficio de xornalista”. Nesta entrevista, o intelectual ourensán tamén repasa os cambios que estamos a vivir na cultura e na comunicación en Galicia coa chegada de Internet e dos blogs. Escoita a entrevista completa con Marcos Valcárcel.
As xornadas "Medios de comunicación e identidade" no web do Consello da Cultura Galega; As Uvas na Solaina, blog de Marcos Valcárcel.
Prensa e nacionalismo (Coloquio en Compostela, Consello da Cultura Galega)

Algunhas referencias na prensa:
"A lingua na encrucillada" (Galicia Hoxe e ECG)
Tamén hai unha columna en El País sobre a xornada de onte.

Do que puiden asistir, toda a mañá e media tarde, destacaría as intervencións dos ponentes cataláns e valencianos, por ofrecer algúns datos orixinais, e a do vasco, J. Larrañaga, por saber facer unha lectura en positivo da realidade nada doada do número de eusquera-falantes e o seu papel na prensa e en Internet (toda a prensa vasca está monopolizada, agás os medios en eusquera, por dous grupos de comunicación: Vocento e Grupo do Norte). Cos mesmos datos, un galego estaría laiándose e fustrigándose en clave victimista, como indiquei eu mesmo no coloquio.
Os cataláns comentaron a experiencia de "El Periódico de Cataluña" que edita dous diarios, idénticos, un en catalán e outro en castelán, cunha audiencia arredor dos trescentos mil exemplares, distribuídos en 45-55% cada edición. Víctor Freixanes cuestionou a identificación mecánica entre emprego da lingua galega e nacionalismo (é nacionalista a Radio e TVG, preguntábase?).
Houbo polémica tamén co profesor andaluz, que reivindicou Andalucía como nacionalidade histórica (Vilhar Trilho interveu no debate en contra desta tese) e sobre a relación entre as linguas e a territorialidade: dende o público, Camilo Nogueira defendeu con contundencia que (á marxe do fenómeno Internet), ambas cousas non podían separarse nunca. Unha lingua só pode ir adiante cun territorio de referencia e Estado propio ou cunha institución política que fixe o seu estatus (exemplo de Suíza).
Do resto, unha intervención desaforada e fóra de tono (nas formas) de Xosé Luís Barreiro Rivas, nunha liña totalmente liberal respecto dos medios, contestada polos valencianos e cataláns que reivindicaban a necesidade dun Consello Audiovisual, como o aprobado en Cataluña, e dun control e regulación das TVS privadas, que están a facer, díxose alí, "prevaricación" e poderían ser pechadas por non cumprir cos seus cometidos fundacionais.

































Estatuaria urbana (4)
Nova entrega, toda ela con fotos de Trebi.
A horrorosa pontiña da que xa falamos.
A peza dun escultor portugués ("Vixiante d0 Camiño" ou algo semellante) que estaba no inicio da Ponte Vella e con bo tino se levou para outro lugar alí perto do Pavillón.
Unha imaxe de Concepción Arenal no seu actual emprazamento, ó carón do Palacio de Xustiza.
Un grupo escultórico relixioso diante do Colexio dos Salesianos.
Unha bola do mundo (supoño?), que tamén é fonte, diante do Pavillón de Deportes.
O coloso do escultor limiao Carrera, instalado na entrada da Ponte do Milenio, na etapa do alcalde Cabezas (houbo que traer nun trailer a peza dende Xinzo, estivemos nesa inauguración).
en poleiro alleo
Sobre información e violencia contra as mulleres:

10 dic 2007


O vento que axita a cebada
Andoliña martes 11 decembro

Vin nestes días O vento que axita a cebada (2006), unha das últimas películas de Ken Loach. Narra as orixes da independencia irlandesa e as loitas fratricidas que acompañaron aquel parto, tema tratado tamén en Michael Collins, de Neil Jordan. Os militantes máis radicais non aceptaron a partición dos condados do norte (o Ulster) nin o pacto cos terratenentes do país. No Reino Unido, os medios conservadores tachárona como película pro IRA, pois o centro desta é o papel desta organización naquela loita. Tampouco é a primeira película sobre o IRA: lembren O delator, de J. Ford, 1935.
Vista dende aquí, con todo, é inevitable pensar en Euscadi e nas posibles semellanzas: a estratexia de guerrilla dos voluntarios irlandeses, o apoio do clero ó nacionalismo etc. Aquilo foi en 1920 e xa choveu, moito cambiou o mundo e a contorna internacional. Pero, sería imaxinable unha Euscadi Sur, sen a parte francesa, a padecer unha guerra fratricida entre vascos, digamos vascos do PNV contra vascos de ETA? A organización terrorista xa ten atentado contra cargos peneuvistas: posibilidade nada inverosímil, pois. Agardemos que na Europa do século XXI tal horror non sexa posible.

BLANCO AMOR E A MEMORIA DA CIDADE (e 2)
Continuación do artigo do 3-XII. La Región. Imaxe: El Orense Perdurable, Conde Corbal.
A mesma realidade urbana que vimos en A esmorga aparece reflectida en La catedral y el niño, Os Biosbardos ou Xente ao lonxe. Ás veces a definición dos espazos urbanos sérvelle ó autor para marcar o perfil dunha cidade que gardaba aínda fortes xerarquías no seu plano físico, como manifestacións dun clasismo que viña de moi vello; así no inicio do conto A arrasadeira, cando nos lembra que os mozos do pobo non entraban no paseo do medio, porque “era o do señorío”.
Véxase o papel simbólico da igrexa de Santa Eufemia no conto Primeira Comunión ou o retrato dun día de Corpus en Auria arredor da Praza Maior, a rúa da Paz, a Praza da Verdura e a Fonte Nova, rúa de Alba, a Travesía, Progreso, para rematar nos espazos sagrados das igrexas de Santa María Madre, a Trinidade e Santa Eufemia ou no cemiterio de San Francisco (O estreno). Tamén son identificables os lugares da liberdade e da transgresión, recunchos que escapaban o peso abafante das xerarquías dominantes na cidade; velaí no remate do conto O estreno o papel do Campo dos Remedios, territorio da ilusión do rapaz namorado, ou a fuga dos mozos de A arrasadeira polas terras de Oira, Peliquín, Cudeiro, realidade transustanciada desde o mundo onírico do protagonista.
O mesmo simbolismo encerra o Campo dos Remedios como lugar de concentración das organizacións agrarias e sindicatos obreiros no remate de Xente ao lonxe. As mobilizacións obreiras permitían vivir a ilusión, sequera por un día, da posesión real da cidade polos obreiros e campesiños, cando as clases fidalgas e o Bispo marchaban para os seus aposentos extraurbanos, á espera de que pasase a marea popular. No resto dos días os obreiros retirábanse “pra os arrabaldos de casas de pallabarros onde vivían os máis dos traballadores”. Entre os territorios propios figuran tamén a Escola Laica e as asembleas obreiras en casas particulares (a Casa del Pueblo non se inauguraría ata maio de 1929).
Téñase en conta, ademais, que EBA escribe sobre o pasado, mesmo un pasado arredado, pero sen esquecer nunca un presente que en paralelo empezaba a debuxar posibilidades reais de democracia e liberdade. Como sinalan Mª Victoria Moreno e Xesús Rábade, os sucesos de Oseira, contados en 1973, facían relembrar necesariamente as loitas labregas aínda recentes en Castrelo de Miño e, aínda de forma máis evidente, a apoteose obreira de Xente ao lonxe ten moito que ver tamén coas loitas obreiras e a organización sindical galegas de fin do franquismo e particularmente co pulo das grandes folgas obreiras en Vigo e Ferrol no ano 1972, moi pouco antes da publicación da novela.
Moitos outros espazos simbólicos aparecen nos contos e novelas de EBA: O Posío, a Praza de Abastos, a Praza do Trigo, o río Barbaña, o camiño de Seixalbo e as proximidades do Cumial, etc.. Realmente ningún lugar significativo da cidade daquela época está ausente do microcosmos blancoamoriano. Existe outro Ourense desde que Eduardo Blanco Amor pisou as pedras de Auria e, sobre todo, desde que, moitas décadas despois, desde América, recreou na súa memoria un espazo literario novo, que xa é tan ou máis auténtico que o Ourense histórico daqueles días.

9 dic 2007


"Urbano Lugrís: viaxe ao corazón do océano"
Antón Patiño. Ediciós do Castro. Arte, 2007.

"O presente libro vai abranguer a figura de Urbano Lugrís na súa dimensión conxunta, vida e lenda, a creación artística e a súa produción literaria. Relatos breves e poemas que xiran sempre de xeito hipnótico (e mesmo obsesivo) arredor do mundo mariño e toda a súa iconografía. Ese foi o Norte magnético do compás que guiou sempre a Urbano Lugrís. Mesturando o espazo físico e mítico na alianza da imaxinación creadora." (Fragmento do prólogo)
(Segue en Comentarios)

Estatuaria urbana (3)
Que está a suceder? Perderon o gusto os ourensáns das últimas xeracións? Ou só as súas autoridades, e logo calamos todos? Porque é evidente que noutros tempos as estatuas urbanas tiñan outra presenza, outra dignidade, outra calidade artística.
Non quero caer no de "calquera tempo pasado...". Pero compárense as instaladas en tempos recentes (máis abaixo) con calquera das colocadas no século XIX ou inicios do XX: o Padre Feijóo (1887), Concepción Arenal (1898), grupo de Lamas Carvajal (1949, o busto é de 1907), etc. A comparación é contundente a favor das estatuas históricas. (Na imaxe, a estatua de Concepción Arenal no seu primitivo emprazamento, na actual praza do Bispo Cesáreo, de onde foi sacada con nocturnidade e alevosía e a protesta pública de intelectuais como Otero Pedrayo).





























Estatuaria urbana (2)
Máis imaxes da estatuaria ourensá, varias delas enviadas por Trebi. Clicando nelas, pódense ver ampliadas, as que paguen a pena (que non son todas, nin moito menos).

Entre elas, dúas históricas, os monumentos a Valentín Lamas Carvajal, no Posío, e o busto de Prado Lameiro, agora moi perto da outra (sobre as estatuas ourensás ata 1993: Mª das Mercedes Gallego Esperanza, Evocaciones en piedra y bronce. Escultura pública en Ourense, Deputación Provincial Ourense).
Das recentes, van nesta entrega O Carrabouxo, de César Lombera; A Castañeira, do Parque de San Lázaro (creo que de Xosé Cid); A muller deitada da Alameda (Borrajo?, foto Juan, http://www.galicias.com/); e unha foto mellor do Castelao de Buciños.

Morte e fascinación.
Pan por Pan domingo 9 decembro 2007
Son os grandes temas de sempre, os que entretecen a historia da cultura universal: o amor, a morte, o paso do tempo, a vinganza e as paixóns, o sagrado, etc. De todos eles, sorprende a fascinación pola morte: o oculto, o ignorado, o inaprensible. Ninguén volveu para contárnolo. Por iso Cees Nooteboom publica “Tumbas”, libro sobre a última morada de 80 poetas e pensadores do mundo. Por iso en Guatemala e no Salvador causa estragos unha campaña publicitaria para vender zapatos que exhibe mulleres que simulan ser cadáveres na morgue ou suicidas (cunha tarxetiña colgada do zapato). Xa houbo protestas que acusan a estes anuncios de incitar ó feminicidio, tema grave naquelas latitudes. E unha empresa funeraria italiana (Cofani Funebri: busquen en Internet) publica calendarios de cadaleitos con mozas en poses sensuais. A morte: medo e fascinación.

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1988: O ESPLENDOR DA NOVELA

Algúns títulos máis completan a relación do ano 1987. Na narrativa, as novelas Saraverde, de Xesús Rábade Paredes, e O sorriso de Gardel, de Isaac Otero, e a última novela de Ricardo Carballo Calero, Scórpio. A reedición do volume de José Ogea, El mundo rural (Biblioteca Gallega) e o valioso ensaio de Xosé Chao Rego, Para comprendemos Galicia, ademais do estudo da profesora Nicole Dulin Bondue, El granito y las luces (Xerais), sobre a pegada da cultura francesa na Xeración Nós. (...)

Os anos 80 foron decisivos na narrativa galega. Abríronse campos ata entón case inéditos: a novela policial, a novela de aventuras, a de ciencia-ficción, a novela histórica da guerra civil etc. E publicáronse cando menos dúas ou tres novelas por ano de relevancia destacada, consolidándose unha xeración con nomes como Alfredo Conde, Víctor Freixanes, Carlos Casares, Méndez Ferrín, Xavier Alcalá e un longo etcétera de nomes máis novos que viñan detrás.

O tema da guerra civil estivo presente en 1988 (tamén o ano anterior, como vimos, con Casares): nesta ocasión con Vísperas de claudia, de Manuel Guede Oliva, o relato do fascismo auriense, e O bosque das antas, de Francisco Xosé Fernández Naval, cun espazo xeográfico semellante (Ourense, Velle, o protagonismo do río Miño), a novela que gañou o Xerais daquel ano, resolto en Baiona. Da mesma andaina son a novela intimista de Marina Mayoral, Unha árbore, un adeus; unha procura na ciencia-ficción de Xesús González Gómez, Ucronía; a novela de viaxes e aventuras de Martínez Oca, As florestas do Mañuema; e os relatos de e os relatos de Camilo Franco, na súa estrea literaria, A lúa no cénit e outros textos. E unha das ambiciosas novelas do ciclo de Víctor Freixanes, O enxoval da noiva, trasladada ata a Italia do Renacemento, á Roma de Alexandre VI e o papa Borgia, cando as vodas da súa filla Lucrecia. , trasladada ata a Italia do Renacemento, á Roma de Alexandre VI e o papa Borgia, cando as vodas da súa filla Lucrecia. A narrativa do 88 achegounos Catro novelas sentimentais, de Ramiro Fonte; Meta-relatos, de Claudio Rodríguez Fer; O camiño de Middelharnis, de Xosé Cid Cabido; O misterio do barco perdido, novela policial de Carlos Reigosa; As cereixas, de Riveiro Loureiro, e Turbo, de Miguel Suárez Abel. Na narrativa xuvenil tiñan especial éxito, Anagnórise (Galaxia), de María Victoria Moreno, que arrasou nos institutos; Investigación 091, sobre o mundo do contrabando, de Pepe Carballude; Moncho e Driar, en clave de ciencia-ficción, de María García Yáñez; De cando o Suso foi carteiro, de Neira Vilas; Lembranza nova de vellos mesteres, de Paco Martín; Chuchamel, de Concha Blanco, e O gato metido nun saco, de Alberto Avendaño.

8 dic 2007

























Estatuaria urbana de Ourense (I)

Xulguen vostedes mesmos:
Castelao, de Buciños (foto Pili Prol).
A leiteira, de Ramón Conde (foto Nacho Rego).
A muller coa bola do mundo, na rotonda de Pardo Bazán, dun discípulo de Buciños (?), foto Trebolle.
O Otero Pedrayo, de Buciños, na praza do Correxedor.
Ladislao Reverter e Colemán, Los chicos del rallye (descoñezo o autor..., case mellor así).
O Fauno e a Serea (1995), no Parque Barbaña, as dúas de Acisclo Manzano (da web artebronce.com).
Outra visión

Outra visión dun acto comentado abondo estes días, nesta casa:
"A homenaxe a Blanco Amor" (Monxardín, La Región 8.12.07)












López-Casanova. Jane Birkin.

Os dous teñen admiradores, de seguro, nesta casa. O poeta Arcadio López Casanova, catedrático na Universidade de Valencia, estará o próximo xoves 13 (19,30 h. no Liceo), en Ourense, falando de "Tempo de procura (Casares en Compostela)", dentro do Coloquio Carlos Casares.