(La Región-Galicia Hoxe)

Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
En Lugo
A pasada semana, o 27, estiven en Lugo, na Facultade de Humanidades, no congreso que anuncia ese cartel.
Para min foi unha honra dar unha conferencia plenaria sobre a prensa cultural galega na Restauración e compartir "cartel" con personalidades como Jean-François Botrel, Dru Dougherty ou Yvan Lissorgues, entre outros.
Despois da homenaxe
de Marcos V.
Na prensa dixital:
30-11-2008
No blogomogollón:
Multimedia:
En Youtube, por Teleminho, presentación do libro ´Historia de Ourense'.
(En breve incorporaremos discursos pronunciados.)
Queren enviarnos fotos para elaborar unha galería do blog antes ou despois da homenaxe de M.V., mándenolas a este correo que figura así mesmo na cabeceira do blog: marvalcarcel@gmail.com. A poder ser, que non pasen de 500 K. de peso cada foto. Se queren tamén facilitarnos o traballo, identifiquen a cada suxeito de arriba a abaixo e de esquerda a dereita, e xusto o lugar e a data onde foi tirada.
O Clube Alexandre Bóveda, a Asociación cultural Auriense, a sección de literatura do Liceo, a Fundación Carlos Casares ou o Pen-Clube de Galicia. Son só algunhas das asociacións relacionadas coa cultura que teñen un incuestionabel nexo en común: Marcos Valcárcel. Este ourensano, profesor, catedrático, investigador e historiador, autor de numerosas publicacións, colaborador de medios de comunicación, como La Región, e organizador de numerosas actividades culturais, é un dos motores da vida cultural da cidade. Esta tarde, ás 19 horas, no Liceo presentará seu último traballo: ‘Historia de Ourense’, e será o protagonista dunha cena homenaxe para recoñocerle a súa traxectoria, algo que recoñece ‘agradezco moitísimo, xa que me consta que foi feita con agarimo e porque, tanto os organizadores como a xente que se apuntou, son amigos e iso e de valorar’. Os comensais xa superan os 300.
¿Que se sinte máis, profesor, investigador ou historiador?
Son facetas complementarias, dende a miña perspectiva síntome máis ben profesor, que é o que fixen prácticamente toda a miña vida. Despois a presencia na investigación e, sobre todo, na prensa, para mín e complementaria, xa que trato a cotío os mesmos temas e é o mesmo descurso, só que plasmado cos distintos linguaxes que utilizo.
¿Que conta ‘Historia de Ourense’?
Trátase dun libro de divulgación, é un libro pequeno, aínda que debo destacar que ten unha presentación moi coidada. Defínese como unha porta de entrada ao que foi a historia inicial de Ourense. Está pensado para estudantes, como os meus alumnos e incluso para universitarios. Aínda que tamén é válido para todas as persoas interesadas en coñecer un pouco máis a historia de Ourense, e para os turistas que se acerquen ata a nosa cidade. Ata agora non había un manual sinxelo no que poideran atopar estos datos e que lles poidera servir para iniciarse na istoria da cidade. O que se trata é poder espertar un pouco o interese pola istoria de Ourense dunha maneira sinxela. Tratei de facelo co todo rigor do que fun capaz e incluso tentei introducir algunhas novedais, como os descubrimentos que se están a facer coas excavacións das Burgas. O que quería era un traballo que poida chegar a maior parte da poboación. De todos modos, tamén aparece unha ampla referencia bibliográfica para as persoas interesadas en profundizar.
Como unha das persoas que promoven as actividades culturais na cidade, ¿pensa que os ourensáns responden ben?
Creo que sí, que Ourense responde as iniciativas culturais. E certo que tratei de introducir cousas novedosas, imaxinativas, pero sobre todo, o máis importante é contar coa colaboración de todo o mundo, eu son únicamente unha peza máis no engranaxe. Hai moita xente en Ourense, amigos como Benito Losada ou Monxardín, por exemplo, que están continuamente en diferentes ámbitos culturais e o que chegamos é a conclusión de que cando as cousas se fan ben, con certa querencia, coordinando todo, colaborando o maior número de institucións, de iniciativas, e sin desexos de protagonismos, que son ridículos, as cousas saen ben e a xente responde. Ourense é unha cidade culta, sempre o foi, quizais noutros momentos tivo máis actividade no sector da producción cultural, e hoxe cecais hai máis espectadores, xa que as infraestructuras aumentaron e temos posibilidades de asistir a un maior número de espectáculos culturais que antes. A asignatura pendente é que Ourense xenere máis productos creativos e que o faga en todolos campos, que se complementen as dúas cousas: a labor do espectador, que non deixa de ser unha labor pasiva, e a do creador, e que de Ourense poidan sair ata outros espazos.
¿Que é o que falla para que se produza esa proxección de creadores?
Estas cousas son moi lentas, o traballo de cultura non se fai en dous nin en tres días, a veces fan falla xeracións, é algo que se ve a moi longo prazo, e non todo o mundo ten paciencia para seguir. Realmente o apoio institucional vai máis ben dirixido a cultura espectáculo e a promocionar cousas que veñen de fora. O meu consello sempre é o mesmo: que as institucións públicas apoien o máis posible o sector creador, sin ningún tipo de partidismos nin sectarismos, e dar a máxima liberdade, porque hai xente moi boa.
¿Os políticos en xeral entenden a cultura?
Non se pode dar unha resposta en xeral, habería que facer matizacións. Hai de todo. Eu coñezo políticos con grandes inquedanzas culturais, que sé que son grandes lectores e participan en eventos culturais continuamente; hai outros que aos que non lles interesa nada, os libros están na estantería non para ler, senon para adornar; e hai outros que se limitan a cumprir coa labor institucional de apoiar mediante subvencións, pero tampouco a súa inquedanza máxima é o mundo cultural. Eso por suposto, non podemos pedir ilusións, ideais, cada quen é como é. Non podemos pedir unha clase política que teña un nivel cultural elevadísimo, porque eso non se da nin en Ourense, nin en Madrid, nin en outros lugares, non é un fenónemo exclusivamente ourensán. O que sí podemos é pedir que os políticos sexan conscentes do valor da cultura, que a cultura é a que da no fondo identidade a unha sociedade, e unha certa personalidade, e que sexan polo menos, digamos que teñan o complexo ou prexuicio de que isto é algo que hai que coidar, agarimar e non desprezar. O realmente terrible é cando por ignorancia a xente despreza a nosa cultura, o noso idioma, porque non saben o que teñen.
¿Existe unha xeración relevo para actividades culturais?
E necesario que exista, debería existir. Hai de todo, na mocidade hai de todo, eu non son nin apocaliptico nin catastrofista. Un vello filósofo antigo, séculos antes de Cristo, falaba contra a mocidade, que era un escándalo, que onde ibamos a chegar, é un discurso vello, que non aporta nada. Na mocidade hai de todo, hai xente moi boa, moi válida, moi ilusionada, moi ben preparada, traballando en ONGs, en campos sociais, culturais, e de ahí ten que sair esa xente. Hoxe o unico é que, digamos certos sectores o teñen máis fácil, teñen unha serie de infraestructuras, está o mundo de internet, que e un auténtico tesouro, e incríble a cantidade de blogs, de iniciativas que están ahí, de diálogo. E a outros niveis, pois a veces hai unha falla de referentes, de saber contra qué loitar. Na miña xeración iso o tiñamos claro, estaba Franco, e tiñamos un obxetivo. Hoxe pode haber un sector da mocidade que esté confuso, que non teña moi claro porque ten que loitar, ni ata onde o ten que facer, pero siguen sobrando causas para loitar, para sair a rúa todolos días, para seguir traballando no mundo social, político e cultural, e hai xente moi potente, boa e moi preparada. Entre a xuventude que coñecin ao longo do tempo hai moitas persoas que poden facelo moi ben, e sen dúbida que están moito mellor preparados que a miña xeración, a nivel académico e a nivel profesional.
¿Qué recorda con máis ilusión?
Dende logo a xuventude polo que ten de descubrimento, de iniciación. Os primeiros anos 70 foron un cambio radical. Eu era un neno da pequena burguesía, afastado da realidade. O salto ao instituto, o salto a agrupación cultural Auriense, as primeiras misas en galego, deron un volco a miña vida, unha galeguización que me volveu ao mundo dos meus pais e avós, que eran galegofalantes e moitos dos mellores amigos que teño son daquela época. A outra etapa foi xa vendo de Santiago, empezando a traballar en algunhas das asociacións que participei. Recordo os encontros, as reunións, todos eramos amigos e isa e a mellor maneira de traballar, sen dúbida.
Ás sete da tarde preséntase o seu 'Historia de Ourense' no Liceo; e ás nove da noite os seus amigos renderanlle unha merecido recoñecemento.
As instalacións do Liceo de Ourense (Lamas Carvajal 5) acollerán a partir das sete da tarde deste sábado a presentación de Historia de Ourense, o máis recente libro de Marcos Valcárcel. O acto contará coa intervención de Francisco Rodríguez Fernández (alcalde de Ourense), Alfonso Vázquez Monxardín, Manuel Bragado e o propio autor. A continuación, ás nove da noite no restaurante San Miguel celebrarase unha cea-homenaxe de recoñecemento de todos os amigos e amigas ao "infatigábel labor de Marcos a prol da cultura de noso".
A comisión organizadora da homenaxe, formada por César Ánsias, Xoán Fonseca, Benito Losada, José Carlos Martínez-Pedrayo, Eustaquio Puga, Xosé Ramón Quintana, Xosé Trebolle e Afonso Vázquez-Monxardín quere con este acto "buscar formas para expresar a gratitude e cariño que moita xente quere comunicar a Marcos, nestes momentos complicados para a súa saúde". Os seus amigos destacan os seus traballos de investigación e divulgación sobre a historia de Galicia e en especial nos eidos cultural e xornalístico, a súa constante presenza na prensa galega dende hai trinta anos (hoxendía en Galicia Hoxe, La Región, e A Nosa Terra), o seu desinteresado labor de organizador e dinamizador cultural na cidade de Ourense, ou o seu blog As Uvas na Solaina; "e todo sempre desde posicións galeguistas, progresistas e dialogantes", salientan.
Nas últimas semanas veñen aparecendo en distintos medios de comunicación numerosos artigos de opinión que gaban a figura do historiador. Por exemplo Xosé M González escribiu en Xornal.com "El, motivo e titular desta peciña, leva gañado o que dicían o Miranda e quen asina: constituír arestora único parangón factible para don Ramón Otero Pedrayo. Igual lle agroma roibén nas fazulas, cavilando que aquela enorme sombra non ten hogano semellar. Confundirase. Hospitalidade, erudición, ourensanía. Perciben o aire de familia?".
Xosé M. Sarille, en El Correo Gallego, dixo: "Un grande corazón que impulsa e transporta, desde o pasado para o porvir deste país, e desde a sombra para o entendemento e o amor. Non lle coñezo a outra obra, a do erudito e coleccionista paciente. Tenme falado dela nos cálidos días en que nos retratabamos xuntos e sei que en Ourense hai casas enteiras de arquivos de papel que pola lúcida escolla constitúen talvez a notaría máis importante da Historia de Galicia do último medio século. E todo porque Marcos Valcárcel é tan grande como imprescindíbel".
Xaime da Pena, en Xornal.com, afirmou "Marcos tamén ten todo aquelo que sempre quixemos do noso pai e para o noso fillo, a tolerancia suficiente para que te comprenda nun extremo e un sorriso cómplice despois dunha zoupada, !vas caer¡, pero con eso non se nace, eso faise o longo de cincuenta anos, día a día, lectura a lectura e artigo a artigo, e de aí ese bendito respecto profesoral que lle temos os seus okupas, e como dicía o outro senón existira habería que fabricalo. Nós témolo, disfrutémolo".
E en La Región Rosa Enríquez deixou dito: "Por iso precisamente, ao entrar no blog de Marcos Valcárcel, como dicía Borges, unha aprende e aprende e volve a aprender. Eu, por aprender, aprendín, por exemplo, que hai persoas que traballan arreo, coma Marcos, na configuración da memoria real, sementando o respecto á cultura e ás artes feitas no noso país, fornecendo o espírito de quen teña desexos de coñecer as súas raíces que o único espazo onde se pode dicir que existe radicalidade".
Helena Villar Janeiro, en Galicia Hoxe, escribiu: "Cavilaba eu estes días en que Eduardo Pondal, cando escribiu o poema que se ía converter no himno galego, tivera unha certa premonición de que existiría unha personalidade como Marcos Valcárcel e que lle inspirara en vaticinio aquel sintagma "os bos e xenerosos".
Algúns dos comentaristas habituais do seu blog 'asuvasdasolaina', gaban ao historiador horas antes da súa homenaxe pública.
Arume dos Piñeiros. Nacín na solaina. Xa non recordo o día. Si, non obstante, o recebimento. Cálido, xeneroso. Ignoraba todo do anfitrión, do dono desprendido das uvas. Apenas podía imaxinar (nin quería probablemente) quen eran os/as que escribían naquela páxina con tanta entrega. Foi Marcos o das uvas quen me presentou a Marcos de Auria: nunca lle estarei totalmente agradecido. Mentres tanto, entro e saio a carón dese río dese mundo que se chama Valcárcel.
Xoan da Cova. Eu caín no blog de casualidade. Era eu un internauta consumado, pero non habitual dos blogs. Fixen crítica destructiva de algún texto do autor, e chamáronme "troll". Divertíume o nome e ,asumíndo o rol, empecéi a dar caña a destro e sinistro, sen saber moi ben contra qué ou contra quén. Sorprendéume ver que os contra-argumentos dos comentaristas tiñan un nivel intelectual non habitual, neste mundo internáutico que, daquela, aínda parecía monopolizado por adolescentes e xente moi xove. Non era unha web habitual. Outro contertulio chamóume "ágrafo", e tiña razón. Nunca na miña vida tiña estado especialmente interesado no galego ou na cultura galega,a pesares de ter sido o galego, na aldea, a miña lingua materna. Asumín o nick 'Troll -ágrafo', e seguin desenrolando ambos os dous roles durante unhos debates que se facían máis interesantes cada día. Nunca pensei que me fose divertir e aprender tantas cousas nun blog. As conversas cos contertulios determinaron unha porcentaxe significativa das miñas lecturas desde entón. Cando o Marcos me propuxo o cambio de nick a "Xohan da Coba", posiblemente inspirado nas miñas heterodoxas intervenciós, como heterodoxo era o famoso personaxe ourensán do así chamado, asumino de inmediato. Tamén o pasei ben coas cábalas que se fixeron acerca da miña identidade, en parte alentadas por as pistas falsas que me divertía en deixar. Mesmo apareceron referencias ao meu nick na prensa escrita. Alucinante. Cando o contertulio, que despois se chamou Lobo Neghro, chegou tamén para quedarse, e me descubriu, pasaron todos os habituais do blog a seren amigos do corazón, mesmo antes de coñecelos a moitos de eles persoalmente.
Xa dixen algunha vez que non é nada fácil "facer grupo". Os verdadeiros grupos son heteroxéneos, formados por persoas que asumen roles diferentes. A maioría das persoas queren rodearse de xente igual a eles. Só os líderes naturais congregan ao seu redor, de xeito espontáneo, a persoas moi diferentes entre sí, para formaren unha estrutura supra-individual. O que seguramente Marcos Valcárcel fai en moitos aspectos da súa vida, pero que, cónstame, fixo sen dúbida con este blog das Uvas.
Xosé M. González. Entrei porque había que entrar; vello coñecido, vella música, O Meu País... Dixen algo na columna de Xornal, o dono da Solaina veu saudar e correspondín na súa galería; visita de médico, chámanlle. Iso me parecía.
Si, home, si. Un gancho que te agarra e bum, volves, volves, non deixas. Comparece un tal Arume dos Piñeiros, temos certa diferenza en relación co peiteado. O amo da casa probablemente observa e sorrí por dentro; "estes rapaces...".
Ben sabido é que, por veces, non hai mellores amigos que os que se petaron de nenos. Aínda haberá máis relea, o dono quérese preocupar un algo. Auga de castañas, sorriso de solaina. "Era visto". Segue mandando vida e nós bebemos.
Lourixe. Móvome aventureira por moitos mundos. No meu devalar de estantiga cibernética en todos os cruces camiño do Parnaso faláronme das Uvas e dos seus afanosos vendimadores. Unha boa cuadrilla coñécese polo esplendor do maioral, e bebo agora gozosa do excelente mosto da Solaina.
Júlio Medela de Lobeira. Chega unha altura na vida en que cómpre reflectir, mesmo para os empresarios do tiro, das ‘voladoras' e dos churros bañados en chocolate. E don Marcos tamén é dos nosos, aínda que máis especializado: Un acróbata do espírito. O día en que un servidor entrou no seu blog, na súa espectral caseta de tiro, chimpou unha baralla moi especial, ben asegurada sobre tres palillos, e cun só tiro!!! Grazas, don Marcos.
Xosé Manuel González. E ao da Cova, entre o wolóf e a requinta, condensador e cervexas, faltalle só unha voltiña pola metempsicose.
E a Lourixe, Chairega Jones da net of nets, demora un anaco na raxeira e fai relato da aventura.
O cabaleiro moinante de Lobeira, adoito pirotécnico, resolve aterrando en arabesco e volcánica enxurrada. De onde a forza da vida se chama Nukus.
O Arume dos Piñeiros regala un soneto, inopinada fonte de imprevista sabenza, abraiante louvanza, derivación sicalíptica.
Pousa cadaquén a súa vianda no luxoso mantel. Na cabeceira da mesa, un Ludovico Sforza menos guerreiro quizá, máis ilustrado.Arume dos Piñeiros. Vai vir o Beria e mandarnos a todos todas á Siberia a menos corenta graos. Ou algo así.
![]() |
Valcárcel , á esquerda, con Xosé R. Quintana e Ramón Villares, en Ourense |
Investigador, activista cultural, colaborador de varios xornais e publicacións, -Galicia Hoxe entre eles-, blogueiro... Marcos Valcárcel organizou, sendo presidente do Clube Cultural Alexandre Bóveda de Ourense, varias homenaxes a distintos persoeiros. Hoxe é a súa quenda. Antes da cea, ás 19:00 horas, no Liceo, presentará o seu novo libro, Historia de Ourense, editado por Xerais.
"É unha historia de Ourense de ton divulgativo, breve e con rigor, desde o mundo romano ata hoxe. Un intento de facer unha historia cultural na que os ourensáns recoñezan as súas raíces, por iso a parte do século XX é moi extensa: a República, a postguerra, os anos 50-60-70, co mundo cultural que xirou arredor da Auriense, o Ateneo, o Liceo, a coral de Ruada, os escritores... A explicación do mundo romano parte dos clásicos: Ferro Couselo e Cuevillas, pero incorpora as actualizacións derivadas dos últimos achados dos arqueólogos. Na etapa medieval introducín os estudos de Anselmo López Carreira por exemplo...", salientou Valcárcel nunha entrevista.
"Desde a Idade Media ata o 1850 houbo poucos cambios. Na etapa contemporánea, que se abriu coa creación da estrada a Madrid, falo da nova burguesía urbana, que consolidou toda a arquitectura chamada modernista, e toda a zona do ensanche... Ao final do libro recollo unha bibliografía para quen queira afondar: desde Otero, Risco, Cuevillas, Ferro Couselo, ata Francisco Fariña, Olga Gallego, Alfonso Vázquez-Monxardín...", engadiu.
Acompañarán ao autor, na presentación do libro, Monxardín -un dos organizadores da homenaxe-, o editor, Manuel Bragado, e o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez.
A actualidade do asociacionismo
Valcárcel dirixe a sección de Literatura do Liceo de Ourense. Foi membro da asociacións culturais O Galo e O Eixo en Compostela, Auriense en Ourense, a Federación de Cine-Clubes de Galicia... "O asociacionismo cultural tivo o seu apoxeo desde finais dos anos 60 ata o 78-79. Foi unha plataforma de denuncia política e social moi importante, e una escola de formación da sensibilidade política galeguista para os que temos hoxe entre 50 e 60 anos. Agora decaeu moito: moita da actividade que se facía nas asociacións xa se fai desde outros ámbitos. Daquela, teñen que adaptarse á nova realidade, pero segue a ser moi positivo que existan, e as institucións deben promovelas", cre.
Valcárcel ten publicado un amplo abano de obras de historia -con especial atención á Segunda República-, historia de Ourense, do galeguismo, do xornalismo galego, estudos sobre escritores e escritoras do país... Como investigador, ten claro que Ourense lle achegou moito a Galiza en canto a "construción da identidade cultural, a través primeiro da xeración Nós e da revista Nós, despois da xeración dos escritores republicanos, con continuidade na posguerra: a revista Posío, por exemplo, despois o mundo das asociacións culturais... Hai moito da historia de Ourense por descubrir...", asegura.
"Aínda non temos o museo"
Ourense, di Valcárcel, é "unha cidade culta", pero cunhas institucións "que non sempre están á altura. Aínda non temos un museo no que estean presentes todos os nosos artistas, escritores...", lembrou.
Un xornalismo para o debate
"O xornalismo, en xeral, debería imitar o modelo da República: de construción dunha idea de país sen localismos absurdos, de pluralismo, sen sectarismos, serio, aberto ao mundo, como un gran foro de debate", pensa.
Unha terra de escritores
A tradición literaria ourensá foi aberta por xente coma "Marcelo Macías" e "Arturo Vázquez", e herdada pola xeración Nós, despois Casares, Ferrín, Bieito Iglesias... que "manteñen o vínculo coa súa infancia", comentou.
OURENSE é pedra, ladrillo, formigón, río, pontes, outeiros e auga calda no meridiano 7° 52’ 12’’W. Auria é pensamento, memoria e literatura no meridiano dos soños. Como nas cidades invisíbeis de Italo Calvino, Auria acontece sobre o mesmo chan que Ourense malia pertencer aquela a un outro mundo ben diferente. Moitos dos habitantes de Ourense morrerán sen saber que existe Auria, mais todos os habitantes de Auria coñecen Ourense.
Auria ten alcalde de seu. As súas ocupacións non teñen nada que ver coas do alcalde da cidade visíbel. Este debe mirar polo estado das rúas, a situación do emprego, a calidade da auga ou os impostos. Aquel anda sempre na teima de comunicar ambas cidades, de facer visíbel a invisíbel, de descifrar o palimpsesto da cidade para que Ourense, ademais de corpo, teña tamén alma. Alma, esa conciencia de si propio, coñecemento e memoria, urdido de historia e fábula alén do tempo dos que o habitan. Auria.
O alcalde de Auria chámase Marcos Valcárcel. Mañá, 29 de novembro, presenta no Liceo da Cidade das Burgas unha súa Historia de Ourense. Con ese pretexto renderémoslle testemuño de admiración e amizade nunha cea homenaxe que ha xuntar multitude de persoas de todo o país. Agasallaremos en un a moitos homes: o erudito, o historiador, o activista cultural, o escritor, o profesor, o amigo e, sobre todas as cousas, o home de ben.
Conta Castelao no seu Sempre en Galiza a anécdota, por el vivida en Badajoz, daquel crego da catedral que, dispondo dun magnífico órgano alemán, pasaba as horas a lle estudar as tripas e a limpar os excrementos que os morcegos deixaban nos tubos, mais sen tocalo e sen llo deixar tocar a ninguén. "¡Que lástima de órgao e que pena de organista!" di, para engadir logo que no censo de intelectuais que moran na nosa terra hai unha chea deles que se asemellan ao organista de Badajoz: sabios, mestres, técnicos; mais improdutivos.
Non é este o caso de Marcos Valcárcel, como xa queda sucintamente descrito, senón todo o contrario. Sen estridencias e desde a primeira mocidade, a vida deste home é a dun servidor, sempre de garda, da causa de Galiza. Ourense é a metonimia ou, se o prefiren, a parcela privilexiada do seu labrar. Da súa produtividade fala ben ás claras a morea de libros que ten publicados até o de agora, con cincuenta anos e máis quefaceres que o da escrita. Non é posíbel citalos aquí, mais si resumir que por el sabemos moito máis da Xeración Nós, do lexicógrafo Eladio Rodríguez, da literatura, historia e xornalismo de Ourense. De Blanco Amor, o que lle dera nome á Auria que Marcos poboa. ¡Poboar!: Ocupar un lugar con xente. Sinónimo: ¡habitar!. A iso nos chama o amigo, a vivir con el no meridiano do coñecemento, a memoria, a literatura e os soños. En Auria. En Galiza.
Cando un servidor furga pola internet, entre as primeiras cousas que fai está ir á web de El Progreso (principalmente, sección Opinión) e ao incomparable blog (perdoen os desta casa, para tal preferencia miña non parece haber emenda) As uvas na solaina. Alí, nunha demorada tertulia hai meses, certo estimadísimo participante aludira aos filólogos utilizando a expresión que titula este artigo, caracterizándonos logo coma unha especie -disimulen- de invertidos. Porque ao resto dos seres humanos váiselles, en todo caso, a lingua pola boca.
Cavilaba eu estes días en que Eduardo Pondal, cando escribiu o poema que se ía converter no himno galego, tivera unha certa premonición de que existiría unha personalidade como Marcos Valcárcel e que lle inspirara en vaticinio aquel sintagma "os bos e xenerosos". Logo visitei As uvas na solaina, un blog moi do meu gusto que publica o ourensán e polo que paseo cada noitiña, e topeime con que xa alguén que quería louvalo a el e ao seu labor utilizara a mesma idea. ¡Que se lle vai facer! Hai coincidencias. Fryderyk Chopin ten no Rondo Krakowiak, opus 14 (1828), catro compases que coinciden con outros tantos da Negra sombra de Xoán Montes e que sorte que o galego a deixara composta para ben da nosa música. Por iso eu tampouco vou renunciar a unha ficción literaria que me parece ilustrativa para dicir o que quero contar do amigo Marcos.
Marcos Valcárcel é moitas, moitísimas cousas. Doutor en Historia e catedrático de Lingua e Literatura Galegas, vinculado a Ourense por nacemento, profesión e vocación, e a Galicia polos traballos de investigación da historia política do galeguismo, coñecedor da nosa literatura e editor dalgúns de grandes poetas, activo xornalista cultural -Galicia Hoxe publica as súas Andoliñas- e un dos blogueiros máis dinamizadores e sistemáticos da rede. Tén publicado un bo número de obras individuais e participa en numerosos proxectos colectivos. O último que coñezo, e acabo de ler e aplaudir, é a análise da nosa literatura nun libro do Consello da Cultura Galega arredor da conmemoración dos seus primeiros 25 anos.
Todo este traballo compaxínao Marcos Valcárcel coa angueira de profesor adiado en ciencia e pedagoxía, co labor no Liceo, coa animación cultural. Nunca dixo que non ao que neste sentido se lle ten demandado e é fácil asocialo ás paisaxes urbanas nas que se celebra un centenario, unha homenaxe ou unha xornada de estudo sobre cultura contemporánea. Á única pregunta á que non contesta é á de como conseguiu fabricar días de 30 horas e gardar a receita para el só. Só neste segredo absoluto Marcos non se nos mostra xeneroso.
Mañá pola tarde presentarase na sede do Liceo o seu libro Historia de Ourense e pola noite os seus moitos amigos e amigas acompañarémolo nunha cea no San Miguel para lle expresar a admiración e o cariño que a Galicia lle merece.
Nada, don Marcos, que non lle é brincadeira, doutor. Vénlle sendo a cota da homenaxe que corresponde á versión re-actualizada da espectral cuadrilla da Santa Compaña. Vde. ben me entende, don Marcos.
Ouviu: Miguel, o xenio do foto-shop que artellou o cartaz, si, Miguel, o neto de Conde-Corbal, insistiu na simetría dos símbolos. Repare, profesor, na esquerdista figura de Lobo Neghro, de cósmica forquita na mán, complementándose coa boneca-títere a invocar os meus queridos amigos de Churrería Lolita. Servidor de Vde., don Marcos, no seu desespero a procurar Jimi de Rairo, non é máis que simple miraxe da aposentada figura da señorita Lourixe. Ana Bande, símbolo do que puido ser e non foi, leva como pedestal a miña filla, de pano palestiniano. Na esquerda, a cobra kundalini, que facendo pausa obrigada en Olás de Vilariño, no seu odiseico periplo Lobeira/Pontes de García Rodríguez, ‘suaviza’ a extemporalidade dun Delacroix galego, que, tal e como a a miña querida amiga da infancia, Ana Bande, puido ser e non foi. Ambas as garrafas representan ambos os estados (consciente e subconsciente) da psique humana: O licor-café (de R.) deprime o sistema nervioso central, alén de desinhibir a personalidade. A garrafa de gasosa, infinito continente, contribúe, e non pouco para o financiamento da vida de nós, os da aldea, na cidade.
O noso querido espectro, Apicultor, continúa atento ao decorrer do blog. E por veces solta algunha abella…
Repare tamén, don Marcos, na ausente expresión de Arume, no cuadrilátero de honor. Mensaxes ocultas ao modo Paul McCartney?
Don Marcos: As walkíricas señoritas Hurley e Antonelli ollan para Vde., extáticas. Non lle me estraña. Ambas dúas están no punto de deixar de VIR SENDO, para atinxir a plena categoría do SER.
E nós, pobres cidadáns do espectral reino bárbaro que tamén puido ser, e tamén, ora pro nobis, tamén non foi, mascarámonos na festa para dicirmos cousas que hai tempo que lle queriamos dicir, e, no diario, ben nos custaría.
Que Deus o bendiga, don Marcos, por nos mostrar o camiño.
P.D.: O seu retrato está colado por riba do bombo da batería do meu admirado Keith Moon (dos ‘The Who’).
(En bits ou tinta fresca, cada novo día esperto, coa voz xenerosa nos distintos soportes -blogs ou medios de comunicación-, de amigos e amigas derramando loas inmerecentes á miña persoa. Un millón, para todos-as, outro tamén para tí Rosa.)
Loitei a vida enteira cun só nome
a piques de saírme polos labios,
sei o tamaño, a forma e até o eco
que deixará no ar se o digo un día.
Mentres tanto palabras como pombas
ceibei a competir coa voz do vento.
Non o podo lembrar, anda no vento,
que quen o pronunciou queimou o nome,
derradeira, quizais, das súas pombas,
liberouno e despois cerrou os labios.
Eu sei que morrerei feliz o día
en que o descifre á fin no son do eco.
O oco da palabra vai no eco,
eternamente vougo polo vento.
Non volverá existir, non verá o día,
xamais regresará o nome ao nome.
É grande para min, non teño labios,
o meu pombal quedou case sen pombas.
Xa non queren voar, xa non son pombas,
anacos de papel que leva o eco.
Se eu dixese o que soño, novos labios
volverían a min, sería vento
a percorrer o mundo cun só nome,
o que quero dicir mais non hai día.
Virá fatal, ha vir, un outro día:
Deixarei dunha vez o ar sen pombas,
no delirio a morrer direi o nome
que procurei sen fe, febril no eco,
neste me eu baleirar tamén no vento,
nun voo de palabras como labios.
Chegará a hora e hei pechar os labios,
cando estea a chegar a luz do día,
e aínda hei procurar no fol do vento
ese amencer de abril orfo de pombas.
Mesmo morto ha soar na voz do eco
a negarse a si mesmo, xa sen nome.
Non ten nome o silencio, non ten labios,
levantan cando o digo voo as pombas
e pousan no ar do eco a facer vento.