23 dic 2008
Afonso Monxardín, GALICIA HOXE 23-12-08
Xa sei que ha parecer pouco científico pero é o que hai. O día que me decatei que a persoa que levaba o mantemento da calefacción da casa se apelidaba tizón e que o banqueiro máis rico e con menos escrúpulos de España era botín dei en cismar no tema.
Partimos do terreo común aceptado nos estudos de antroponimia que indica que os apelidos na maioría dos casos son declaracións de filiación ou descendencia (os Fernández, fillos de Fernando, por exemplo), de terra de orixe (galego, franco, outeiriño), de oficio, profesión ou similar (conde, besteiro), ou fosilización de alcumes que poden responder a caracteristicas físicas (crespo, grande, rubio, delgado) ou apostas a determinados animais ou plantas (raposo, coello, carballo, toxo). Máis ou menos.
Claro que por iso dos tradicionais, pracenteiros e produtivos apareamentos home muller e dos misterios do xene dominante pode haber xente que entre en contradición directa co seu apelido, ou sexa delgados gordos, rubios morenos, raposos inxenuos ou toxos suaves.
En Ourense aínda botamos unhas risas cando hai case dous anos nomearon delegado de Medio Ambiente ao señor Fumega Piñeiro e pensamos moitos se estariamos predestinados polos apelidos ou se estes eran unha consecuencia da historia.
En calquera caso, é simpático pensar que algo pode haber. Vexamos o sindicalismo, por exemplo. O secretario xeral da CIG chámase Seixo e sería a dureza, o combate. E no último congreso de CCOO, eu espectador externo e diletante, vía tamén un combate antroponímico oculto. Unha cuestión de onomástica persoal. O señor Fidalgo nos últimos anos creo que se portou co que representaba no encontro: fidalguía, amabilidade, seriedade, bonhomía e varias outras cualidades que é positivo adornen un sindicalista en época de crise e de non crise. Pola súa banda, o señor Toxo representaría unha reacción sindical máis defensiva, dura e tradicional en época de problemas: a intención de "picar" e "facerlles a vida incómoda" aos que se acheguen con intencións diversas ás defendidas por el e mais polo sindicato.
Confiamos na sabedoría do ferrolán Toxo para combinar os seus espiños simbólicos coas non menos simbólicas flores que nós nomeamos chorimas, coa flexibilidade e estabilidade da planta e coa fidalguía de quen o precedeu. Mágoa que o abrazo fose imposible. Non porque puidese picar ao fidalgo senón porque lle había meter o nariz no embigo.

Entre os dez ou quince grandes xenios que nos deixou a Galicia do século XX, sen dúbida hai un lugar merecido para o pintor Laxeiro, do que este ano se celebra o centenario do seu nacemento. E con ese motivo o escritor Carlos G. Reigosa recupera unha entrevista co artista, realizada en 1983 e publicada co título Laxeiro por si mesmo (Xerais). Nas palabras que recolleu Reigosa está o mellor Laxeiro conversador, home de fantasía e imaxinación, creador dun vitalismo insuperable que se reivindica, ós seus 75 anos, como un máis dos pintores novos. Sempre aprendendo, como no debuxo de Goya.
A entrevista quedou inconclusa e o certo é que sabe a pouco: gustaríanos seguir a escoitar a palabra do xenio. O volume compensa esa eiva rescatando cartas e lembranzas de Laxeiro, a través dalgúns amigos. Tamén con textos críticos de Xosé Antón Castro, Antón Patiño e Leopoldo Nóvoa e fotos e obras: o primeiro dos traballos citados é unha boa síntese da evolución das liñas estéticas do artista.
Porque houbo moitos Laxeiros e todos moi grandes. Logrou conquistar unha voz propia. E por iso merece estar, como di Reigosa, nas grandes pinacotecas do mundo da arte contemporánea.
22 dic 2008

OS NENOS DE BLANCO AMOR
Marcos Valcárcel
A Eduardo Blanco Amor bastáballe con “A Esmorga” para pasar á historia da literatura galega, pero a súa extraordinaria sensibilidade e formación cultural amosouse como xenial en moitas outras facetas. Como novelista, como poeta, como xornalista, como dramaturgo, como polemista e loitador cultural, etc. Tamén foi un excepcional fotógrafo, como demostran os negativos que se conservan na Biblioteca da Deputación, moitos deles publicados xa en t
res libros polo Clube Alexandre Bóveda ou por Galaxia. Nese tesouro hai moitas fotos de nenos, unha das pedras de forza da súa literatura: velaí “Os biosbardos”, “La catedral y el niño” ou “Xente ao lonxe”, entre outras. Fotografou ós nenos de Muros xogando cun carro, ós de Louro coas súas gorras debaixo dun cabaceiro, ó raparigo que tocaba o violín en Compostela co seu pai e tío, etc. Fotos todas inmortais como esta meniña galega retratada nos anos 30, que podería figurar en calquera escolma do retrato fotográfico, ou as monxas cos nenos das palmas (Madrid, finais dos 60) que tan ben define o nacionalcatolicismo da época, vivido con angustia no seu conto “Primeira Comuñón”. 
Da wewlog de Galaxia, 22 decembro
Hai escasos momentos vén de darse a coñecer o fallo do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro 2008.
A obra UN LONGO E TORTUOSO CAMIÑO: ADAPTACIÓN, CRISE E CAMBIO NO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (1982-2008), da que é autor Xosé Ramón Quintana Garrido, resultou a gañadora deste premio que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, e Editorial Galaxia coa colaboración de Unión Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 22 de decembro, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 6.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia o próximo ano, aborda o tema da evolución, entre o radicalismo e a adaptación, do BNG, desde 1982 á actualidade. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que destaca a capacidade do autor para interpretar e reconstruír, con rigor intelectual e eficacia expositiva, o proceso recente do BNG. Análise feita á luz da ciencia política e dos abondosos fondos documentais empregados polo autor.O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado porLuís Alonso Girgado, María López Sández, Rosa Marta Gómez Pato, Ramón Villares e Carlos Lema, salientou a calidade dos nove orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.
Xosé Ramón Quintana Garrido (Ourense, 1957) é profesor asociado de historia contemporánea da Universidade de Vigo, e profesor de secundaria. É especialista en historia política e historia social. Ten publicado o libro “Ramón Otero Pedrayo. Vida obra e pensamento” (1988), en coautoría con Marcos Valcárcel, ademais de diversos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas.
20 dic 2008
A falla de apoio orgánico deixará a Ánxela Bugallo fóra das candidaturas,
El País 19-12-08
Bieito Iglesias, ECG. 18-12-08
Aínda que pareza mentira, houbo un tempo non moi recuado (antes de 1965 ou por aí) en que aquí ao pé moraba unha humanidade autárquica que procuraba os frutos que consumía e mercaba un pouco aceite e un chisco de sal ou azúcar como maior concesión á globalización mercantil. Desde unhas décadas antes tamén adquiría roupa de comercio en lugar de tecela no tear ou fiala na roca, pero, ignorante do concepto de "fondo de armario", non repuña as prendas ata que xa non admitían remendos de tan pasadas. Esa xente tivo noticia nos primeiros sesenta de que o Réxime quería modernizar a agricultura mediante a concentración parcelaria. Os enxeñeiros agruparon estaxes e arrincaron marcos, trazaron pistas e adxudicaron lotes ás familias. Ora ben, as máquinas que pretendían converter camiños de carro en pistas folgadas tropezaron con viciños deitados nas corredoiras como se fosen checos diante dos tanques soviéticos, e a garda civil encontrouse con labregos que facían zunir cantazos no aire como se fosen estudantes de Nanterre ás ordes de Dani o Vermello.
Aqueles camponeses accederan á propiedade das leiras cultivadas polos seus ancestros durante séculos tras rabudas loitas agraristas. Unha vez liberados da férula da igrexa e da fidalguía rendista, chamáronse donos dos eidos, pero non só da tona terrestre, senón do subsolo endeica o carozo do planeta e das capas da atmosfera situadas por cima das herdades ata a galaxia de Andrómeda. Nunca e en ningures foi tan privada a propiedade privada. De aí que visen aos peritos (eles chamábanlle "péritos") e ao Estado coa hostilidade que gastan os milicianos de Michigan se lles mentan a burocracia de Washington. Agora estase paliando o minifundio co Banco de Terras, cando aquela civilización autosuficiente xa non existe e a súa experiencia milenaria se escoa polos sumidoiros da Historia. Os campos están a ermo en boa parte e, se o verán vén enxoito, envólvense nun sudario.

Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 20-12-08
nmensas e cunha presenza de paisanos tal que facían que, daquela, naquela urbe do hemisferio sur vivirán máis galegos que en todas as cidades de Galicia xuntas. E alí, desde o Centro Unión Provincial Orensana, retoma o contacto con Blanco Amor -con quen coñece, por exemplo, a García Lorca en 1933- e comeza a actuar como animador e dinamizador das veladas das asociacións recreativas dos galegos porteños. Monólogos... diálogos... contos... poemas recitados.... ensaiados tantas veces co colaboración da esposa. E Tacholas salta ao mundo das ondas e dos coros como Lembranzas de Ultreya, ás audicións radiais... e sempre servindo de referente, de entretemento e ilustración. E pasa ao teatro e ao cine, enfrontado ao sainete arxentino, nos que se imitaba groseramente o acento galego e se lle apuñan aos nosos coterráneos comportamentos pri mitivos, brutos, e indignos.Castelao fíxouse nel, chamouno e estreou ‘Os vellos non deben de namorarse’ en 1941. O rianxeiro gábao: ‘É moito actor para tan pouco papel’ e fanse amigos de por vida. E certo Fernando Iglesias ten unha traxectoria no teatro e cine arxentino que non é posible sintetizar aquí. Si é posible sobrancear a súa amizade con Eduardo Blanco Amor, co que ergue o Teatro Popular Galego, auténtica escola na que se forman na arte da palabra moitos mozos da colectividade e que se converte no lugar onde un grupo de mozos e mozas, en
tre elas, Cloty, fundan hai 55 anos as Mocidades Galeguistas de Bos Aires. En fin, Cloty é unha ourensá de luxo, non polo puro accidente biolóxico do nacemento, e si polo maxisterio do pai, e a opción persoal de sentirse desta vella auria. E trae a Gretta e o neto. ‘Xa é tempo de que coñeza Ourense’. Gretta hai uns anos, chorou en Torga na presentación dun libro sobre seu avó. E case todos con ela. Deixarémolas presumir de cidade a cambio de que nos deixen a nós presumir delas. Felicidades.


Una fría tarde para "A Esmorga".
Cada año el Roteiro de A Esmorga que organiza la sección de Literatura del Liceo de la capital presenta una novedad. Si en anteriores ocasiones este homenaje a Eduardo Blanco Amor se realizada a principios de diciembre en esta ocasión llegando la Navidad llegó una cita teñida de luces de colores y de calles llenas de viandantes, que soportaban el frío que ya aterriza en la capital. La avenida de Zamora fue el punto de partida de un recorrido que lleva por distintos rincones de la ciudad. Espacios que aparecen en la novela y que han sido perfectamente identificados y colocados por los miembros del desaparecido Clube Alexandre Bóveda. Pero el acto de ayer guardaba otra sorpresa. Un incondicional de la cita, el historiador Marcos Valcárce l-que no realizó el roteiro por motivos de salud- se convirtió también en protagonista de la mano de un grupo de sus alumnos de A Carballeira que fueron los encargados de dar voz a los textos de Blanco Amor. Paqui Losada inició la lectura que fue seguida en cada uno de los enclaves por los jóvenes Rebeca Padrón , J osé Manuel Salgado , Pablo Vaz Rolán , Adrián Laso Pérez , Luis Jesús Iglesias y Fátima Álvarez Fernández . De la avenida de Zamora hacia As Burgas, la plaza de San Cosme y San Damián, el casco vello, la calle Libertad o Fonte do Rei los escolares estuvieron acompañados por José Luis Troitiña , Teresa Devesa y Segismundo Bobillo , entre otros socios de la entidad cultural y profesores de A Carballeira, hasta su llegada a la Alameda en donde les esperaba Marcos Valcárcel para realizar una ofrenda ante la estatua de Blanco Amor y dirigir unas palabras a los presentes. Seguidamente llegaron al Liceo, en donde terminó la fiesta de la literatura.
Cándida Andaluz.
Fotos: Miguel Villar.
La Voz de Galicia.

Unha metáfora ecolóxica.
Andoliña.Galicia Hoxe.Venres 19-12-2008
Marcos Valcárcel
Aprendo moito cos documentais da Dúas de TVE, que sigo con certa regularidade. Nun deles fálase dos ríos da península e a reportaxe incide na introdución neles de especies foráneas que ameazan a biodiversidade da natureza: lucios, percas, cangrexos americanos, etc. Depredadores que se ocultan na placidez dos cursos fluviais. Froito das políticas do Iona dende os anos 50 en favor da pesca deportiva, pero un auténtico disparate dende unha perspectiva ecolóxica.
No programa Informe semanal emitiron unha interesante reportaxe sobre o futuro do Polo Ártico, terra de ninguén que se disputan diversos países próximos polas súas grandes potencialidades enerxéticas (petróleo e gas). Por desgraza, as grandes industrias non se rexen pola súa sensibilidade ambiental e non van chorar polos efectos do cambio climático e o desxeo dos polos. Iso significa, entre moitas outras cousas, a desaparición de especies e da biodiversidade.
Unha estudante de doutorado usa unha imaxe moi acaída como metáfora do presente: imos todos no mesmo avión e, pouco a pouco, vanlle caendo as parafusas que unen as súas pezas. Cada especie que se perde, aló vai outra parafusa. Canto durará o avión en marcha?
19 dic 2008
Perspectivas.
MARCOS VALCÁRCEL
ANDOLIÑA,19 diciembre 2008.En cumprimento da Lei de memoria histórica, retírase a estatua de Franco a cabalo en Santander. Por certo, unha cidade moi fermosa, pero tamén chea de símbolos franquistas por todas as partes. Fernando Ónega di que, ademais de praza do Generalísimo, a nivel popular a praza da estatua "era a dos seis ovos: os do cabalo, os do ditador e os do alcalde que mantivo alí o monumento". Porque ese é o tema: suprímese a última estatua do xeneral empoleirado e ben está, pero pasaron xa 33 anos da súa morte física. Hora era, dende logo.
Porque todo é cuestión de perspectiva, claro. Ou "asegún" que dicía don Vicente. Os nostálxicos falanxistas protestan, pero a maioría dos cidadáns ve ben esta limpeza, pura "hixiene democrática".
Escoito tamén o presidente do goberno eloxiar o labor das forzas de seguridade contra o terrorismo etarra. Labor encomiable, sen dúbida. Zapatero dá a cifra de 365 detidos en dous anos, un etarra cada dous días. O dato ten unha lectura positiva. Pero tamén aquí hai outras perspectivas: despois de baleirar os cárceres de presos políticos coa amnistía en 1977, é tremendo tamén pensar que cada dous días hai un novo mozo ou moza vasco disposto a penetrar no camiño da barbarie.
18 dic 2008

17 dic 2008


Afonso Monxardín, GALICIA HOXE 16-12-08
E non me refiro só ás dos ríos que van medrados coas augas abondosas deste mes de decembro que desafían, como é normal, as previsións apocalípticas dos agoirentos desertizadores compulsivos; non. Refírome aos xantares do traballo, ás ceas de amigos e, por fin, ás paparotadas familiares que nos cercan na cerna deste inverno caroal. A sociedade laica avanza imparable pero fai un alto no camiño para nun piedoso -e interesado- exercicio de flexibilidade santificar as festas como está mandado... na mesa. O paroxismo da maratón a piques de comezar é ese entrañable disparate noso que fixo que despois da megacea do vinte e catro veña o hiperxantar do vinte e cinco.
Polbo e bacallau pola vella, lagostinos e pavo, pola nova. Pero é que nós, non somos inocentes de todo. Somos un país que fai -ou facía-do bo e do moito comer, un auténtico sinal de identidade. ¿Ata que punto de educación se debe levar a insistencia/resistencia de "cómalle un pouco máis"? ¿É lícito servírenche máis no prato sen preguntar? ¿Cal é o protocolo do desexo e a fartura na mesa na nova Galicia emerxente?
Na de antes, da sociedade tradicional esmorecida, a fartura contábase máis polo que quedaba nas fontes e pratos que polo que se daba comido. Así, cóntase na casa que unha vez cando a miña bisavoa de Gustei tiña nove anos, cousa que debeu ser a finais do XIX, ocorréuselle acabar coa posta de vitela que quedaba na fonte da carne e escurrichar a fonte dos grelos e patacas para que nada voltase á cociña. Cousa que acontecía na casa de comidas do Cuanda, onde logo estaría a Rexedora, e foi tal por ser día de feira en Ourense e viren eles festeiros ao trato do vacún desde a aldea da bocarribeira. O meu tataravó, ese do que andan as iniciais aínda ensarilladas entre debuxos xeométricos nas bastas colchas de tear, vermellas, azuis e brancas, ou sexa don José Vázquez, por mal nome o Rangán, tanguido polo peso da tradición, tivo que pedir outra fonte só para que quedase. Nin seica probala puideron. Tal é o que comeran xa.
Despois, no camiño de volta, caeulle unha boa rifa á nena Remedios. Houbera que pedir máis porque non ían os do Cuanda pensar que había fame na casa nosa... Aínda máis cós tempos -que cambian de todo-, cambian as mentalidades. E bendito cambio. Léveno con calma.
Rosa Aneiros, GALICIA HOXE 17-12-08
O recente informe do Consello de Europa sobre a situación lingüística en España supón un tirón de orellas para Galicia ou, desculpen a violencia politicamente incorrecta, unha boa reprimenda. Non para a Consellaría de Educación, nin para a Secretaría Xeral de Política Lingüística, nin tan sequera para Galicia Bilingüe.
O informe é, ou debería ser, unha boa chamada de atención a toda a cidadanía. Entre outras cousas, considera insuficiente o galego na educación e alenta para unha necesaria mellora en ámbitos como a xustiza ou os medios de comunicación. A pregunta é obrigada: ¿por que este temor á lingua?
Os galegos poderiamos erixirnos como a porta de Europa para América xa que co galego, o castelán e o inglés -linguas de aprendizaxe no ensino- podemos comunicarnos co continente americano e outra boa parte do mundo.
O galego abre camiños a moitos mozos e mozas que, ao presentarse a probas internacionais, teñen a vantaxe dunha lingua máis no seu currículo e, con todas elas, a capacitación lingüística para se relacionar con cidadáns do Brasil, de Angola, dos Estados Unidos ou de Arxentina.
Pero nós, no canto de aproveitar as sinerxías que nos entrega a Historia, turramos en negalo. Como se tivésemos vergoña.
16 dic 2008
Falece Balbino Álvarez, edil de Cultura na etapa de Veiga Pombo (La Región 16-12-08)
Foi o concelleiro de cultura máis currante dos últimos 30 anos: creo que niso haberá bastante consenso. Revitalizou festas como o Antroido ou o Corpus.
No que eu o tratei, sempre foi correcto nas formas e aberto a apoiar novos proxectos culturais na cidade.
O meu pésame a todos os seus familiares e amigos/as.
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 16-12-08

XOSÉ MANUEL SARILLE PROFESOR E ESCRITOR, EL CORREO G. 16-12-08
A comezos do século XX dúas mestras coruñesas namoradas, deciden vivir xuntas e casar. Unha delas suplanta audazmente a propia identidade, falsifica documentos e faise pasar por Mario, un personaxe inventado. A temeridade descóbrese axiña e supón un desafío ás persoas que non comprenden esa conduta, sobre todo ás que detentan o poder, os cregos, os burócratas e os políticos.
Elisa exerce de home segundo os roles da época, amarra unha pistola ao cinto, pega o xaruto nos beizos, cospe esquinado, retorce o bigote cando se pon nerviosa e acáelle o traxe masculino como unha luva. Marcela no entanto é unha alma cóncava, de corpo redondeado e dozura amante.
Este é o comezo dunha historia insospeitábel que continúa no Porto e ecoa en media Europa despois dunha fuxida novelesca. Cando o Estado Español solicita a extradición da parella, xorde en Portugal un amplo movemento solidario, ou piadoso, principalmente feminino. As multitudes reúnense ás portas da cadea, os xornais simpatizan con elas e venden máis exemplares que nunca. Despois unha casa cun vello por comenencia das dúas, a outra ten un fillo e os lectores vémolas perderse xuntas no ventre de Bos Aires.
Narciso de Gabriel perseguiunas polos arquivos durante quince anos. Elisa e Marcela. Alén dos Homes, recentemente publicada, é unha alfaia. Reúnense nela o dominio científico e a beleza literaria, as dúas cualidades necesarias para que a obra histórica acade a excelencia. Ademais é un guión de cinema. As fotos dos lugares polos que pasan as mulleres harmonizan co texto e dá gusto lelo así. Os responsábeis culturais galegos deberían presentárllelo aos mellores directores do mundo, porque Galicia ten aquí a historia máis fascinante. Poñendo interese pode converterse nunha icona universal da loita polos dereitos das persoas, das mulleres en particular. De Gabriel elaborou un estudo que debe sobardar as fronteiras españolas, porque trata un tema moi vivo en Occidente. Dúas mestras galegas que reforzan a muller como protagonista da Historia, e tamén nos amosan as persoas infames, que di Foucault; as que só son visíbeis cando as focaliza o poder.





