29 may 2007

En poleiro alleo

Millonarios e asasinatos rusos (Afonso V. Monxardín)

Aclaracións a unha "Aveleiriña" de Neira (Avelino Pousa Antelo)

O cartucho de Vázquez (X.M. Sarille)

Convites
Hoxe, martes 29, ás 20 h., no Liceo, organizado pola Asociación de Amigos da República, charla do poeta ANTONIO GAMONEDA.

Mañán, mércores 30, ás 13 h., no Paseo, inauguración da Feira do Libro de Ourense, que este ano celebrará unha homenaxe á Libraría Stylo. Podo adiantarlles ademais (isto non o trae a prensa de hoxe) que o Pregón vaise titular O DIVINO ROTEIRO.
Antonio Gamoneda en Auria
Andoliña 2 xuño
Estivo en Auria hai uns días o poeta Antonio Gamoneda, nun acto organizado pola Asociación de Amigos da República e cumprindo un compromiso establecido xa hai un par de anos. Foi unha auténtica ledicia escoitar a magnífica charla do escritor leonés, cunha serie de variacións arredor da definición da poesía e un fermoso recitado de varios dos seus poemas, nun rexistro de voz entre albertiniano e nerudiano. Leu versos de “Descripción de la mentira”, “Libro del frío”, “Arden las pérdidas” e “Cecilia”, entre outros libros, con valiosas anotacións que achegaban, se cabe aínda máis, a súa palabra poética.
E foi unha ledicia tamén ver o Liceo ourensán cheo de xente nun acto literario coma este: de seguro axudou a concesión a Gamoneda dun recente Premio Cervantes, pero aínda así amósase que cando se programan actos culturais relevantes, o público responde, en Ourense e en calquera cidade ou vila galega. O poeta, cos seus moitos anos enriba, tivo aínda paciencia para atender os moitos admiradores que lle pedíamos a sinatura dalgún libros: non só asinaba senón que con cada un de nós botaba un pequeno parrafeo de complicidade. Deixou un ronsel de agradecidos lectores dende a súa sinxela bonhomía.

28 may 2007


LAS NOCHES LOCAS…
La Región 28 maio
Luis Sepúlveda. O escritor chileno, residente agora en Xixón, Luis Sepúlveda, é un tipo simpático, con ese acento doce e pausado do falar latinoamericano. Demostrouno na charla que deu en Ourense, organizada polo Club Internacional de Prensa (e que tiven a honra de presentar), en defensa dos “idiotas latinoamericanos”, isto é, os escritores críticos co neoliberalismo devoto do deus Mercado. Contounos alí como se fixo escritor. Tiña un amigo no colexio, “el gordito”, que vendía e revendía cousas (acabou sendo Ministro de Economía no goberno Lagos). E estaban apampados cunha profesora nova, a señora Camacho, que gastaba minisaias e xeitos sedutores. O gordito pediulle a Luis que escribira unha noveliña “picante” sobre a profesora para venderlla ós compañeiros. E Sepúlveda escribiu “Las noches locas de la Señora Camacho”, que foi un bestseller no colexio do neno escritor. Cando foron descubertos, o rapaz pasou polo despacho de dirección, pero o castigo foi suave: o director mandouno a colaborar cos seus escritos nunha emisora de radio. E así naceu o escritor de “Un viejo que leía novelas de amor”.
Tamén nos deu Luis Sepúlveda a súa visión sobre a realidade política e económica chilena de hoxe, amosando o seu apoio crítico á presidenta Bachellet: admirada porque ela mesma sufriu a tortura pinochetista (o seu pai foi vítima da ditadura), pero dende unha posición crítica polas grandes presións que sofre no exercicio do goberno, coas mans atadas por unha Constitución que necesita ser renovada. Falou tamén das loitas do pobo mapuche, que el mesmo apoiou moi activamente, contra unha serie de planes industriais que supuñan na práctica un desastre ecolóxico de dimensións xigantescas no seu territorio. Novas que non son de onte: esta mesma semana a prensa informaba da loita do pobo mapuche contra a multinacional Benetton por usurparlles terras das que foron desaloxados os seus avós mediante documentos falsos.

As cámaras que nos vixían. Estamos a chegar a unha sociedade cada vez máis parecida á que debuxan películas e novelas de ciencia-ficción como “Minority Report” ou “1984”. Imaxine vostede á señora que está vendo tan pancha na tele o culebrón da tarde, chorando polas desgrazas e infidelidades dun Carlos Rafael calquera de acento venezolano, e nisto, nunha conexión deportiva, encontra o seu marido brincando nunha praia cunha moza impresionante. Pois máis ou menos iso acaba de suceder en Italia, segundo conta o xornal “La Reppública”: un marido infiel foi descuberto nunha praia coa súa amante ó ser gravado pola cámara dun helicóptero que retransmitía o Giro de Italia e ser recoñecido na pantalla por un familiar. Xa saben, coidado coas omnipresentes cámaras, estamos permanentemente vixiados.

27 may 2007

AGORA XA VOTAMOS, QUE FOI O QUE PASOU?

Abro un novo fío para valorar os resultados electorais. O tema ben nos interesa: máis de 300 comentarios en menos de quince días. É chegada a hora (dende as 20 h.) de avaliar os resultados e teñen aquí este foro para facelo e compartir opinións, se así o desexan.

Carta ó meu novo alcalde
Andoliña 29 maio
As eleccións municipais en Galicia consolidan o camiño iniciado nas pasadas autonómicas a favor do cambio político no noso país. Este camiño faise amodiño, de vagar, como se fan as cousas por estes lares. Pero é unha realidade indiscutible: velaí a desaparición do PP no mapa urbano, a perda da Deputación de Lugo, mesmo a baixa de case cen concelleiros nos feudos ourensáns de José Luis Baltar.
Na miña cidade, Ourense, o PP perde o poder despois de moitos anos. Gobernarán, como é lóxico, o Partido Socialista e o BNG en coalición. O medre socialista foi sorprendente, sobre todo porque os nacionalistas estaban antes mellor situados e tiñan moitas esperanzas na candidatura de Alexandre Sánchez Vidal. Pero gobernarán xuntos.
Se entre Francisco Rodríguez e Álex S. Vidal son quen de facer unha xestión honesta e imaxinativa. Se crean novas zonas verdes, amplos parques tan necesarios e espazos de lecer e sociabilidade, sobre todo nos barrios. Se atenden a falta de vivenda protexida e impulsan o emprego xuvenil, poñendo en valor as riquezas naturais da cidade, sobre todo termais. Se apostan pola cultura e polo noso idioma, de seguro terán máis votos, ámbolos dous partidos, dentro de catro anos.


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1968: NACE VOCES CEIBES.




En maio, nunha xuntanza no Hotel Compostela, nacía oficialmente o grupo Voces Ceibes, nome proposto por Xavier e onde estaban presentes tamén Benedicto, X. Moscoso, A. Conde, Margariña Valderrama e Vicente Araguas (este último foi quen historiou este proceso en Voces Ceibes, Xerais 1991)
A nova do ano foron os conflitos estudantís na Universidade de Santiago (Maio do 68) e o nacemento do grupo Voces Ceibes e da Nova Canción Galega. Tralo recital de Raimon en Compostela (maio 67), un novo concerto celebrado o 26 de abril de 1968, na Facultade de Medicina, daba saída definitiva á NCG: actuaron alí Benedicto, Xavier González del Valle, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas, con letras propias ou dos escritores Alfredo Conde, Celso Emilio Ferreiro, Lois Diéguez, ademais de textos de poemas cataláns e doutras culturas traducidos por Xosé L. Franco Grande, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño, etc. En maio, nunha xuntanza no Hotel Compostela, nacía oficialmente o grupo Voces Ceibes, nome proposto por Xavier e onde estaban presentes tamén Benedicto, X. Moscoso, A. Conde, Margariña Valderrama e Vicente Araguas (este último foi quen historiou este proceso en Voces Ceibes, Xerais 1991).
Outros nomes asociados logo á NCG foron Miro Casabella, Andrés Lapique do Barro (a quen se lle prohibe algún concerto), Xoán Rubia, Suso Vaamonde, Jei Noguerol, Luís Emilio Batallán, entre outros. En decembro de 1968 houbo outro concerto, no Cine Capitol de Santiago, presentado por Manuel María e para esa ocasión fixo un fermoso cartel Reimundo Patiño. Ó longo dese ano houbo máis de 13 concertos programados: na A.Cultural de Vigo, no grupo Rumbo de Ourense, en O Facho da Coruña, en O Galo de Santiago, Pontevedra, etc.
Algúns destes encontros foron prohibidos e os seus protagonistas multados, como testemuña o informe da policía que Xan Fraga vén de publicar na revista Grial (n.173): poemas como ‘Vencermos nós’, ‘Loitemos’ ou ‘Carta a Fuco Buxán’ eran aplaudidos e cantados por grupos de mozos (arredor de 300 en cada actuación). Benedicto era multado con mil pesetas por cantar "No al Vietnam" en Pontevedra. Os primeiros discos apareceron da man do selo Edigsa, con Galaxia, e da recén creada Xistral: entre eles Poemas ditos coa súa voz, de Manuel María, e Miro canta as súas cancións, de Miro Casabella. No mundo literario foi tamén ano de bos libros. Aínda que se publicou máis tarde, desa data é o poema ‘Vietnam canto’, de Uxío Novoneyra, que marcou a toda unha xeración. E o polémico libro de Celso Emilio Ferreiro, Viaxe á país dos ananos, que foi recortado pola censura (non se autorizaron os poemas ‘Anaina polo Che’, ‘Proieuto final’ e ‘Contribución ao Plan de Desenrolo’) e provocou un gran debate no que non faltaron voces críticas co poemario (Luís Seoane ou Fernández Ferreiro, por exemplo). No mesmo ano, en Caracas, Celso Emilio editaba as súas Cantigas de escarnio e maldicir, unha das pezas claves da súa poesía satírica. (...)

DA MIÑA NACENCIA COMO LECTOR (1)
(Imaxe: Tetis implorando a Zeus, por Ingres. Museo de Aix-en-Provence)

Lin dende pequeno, con entusiasmo de converso a unha nova relixión, e as miñas lembranzas do neno que fun lendo son pracenteiras e ben fermosas. Como a todos os nenos léronme contos e contáronme historias: difícil relembrar cales eran, pero recordo unha preferencia grande, dende moi noviño, polos contos de terror. Poucos anos despois, unha fermosa colección de contos, que viñan ordenados por nacionalidades (Cuentos Rusos, etc.), creo que de Anaya.
Moi neniño aínda, cando baixaba á casa do tío Exmelin ou cando mos deixaba levar, devoraba os tebeos de todo tipo que el mercaba, comics e historietas (“Hazañas Bélicas”, todos os tebeos tradicionais da época, tamén lembro moi vagamente un personaxe cunha Zarpa metálica ou algo así). E na casa dos meus avós de Ourense, a miña avoa gardaba, dos anos de mocidade da miña tía Olguita, a colección da revista “Chicas”, ben encadernada en tomos. Linos e relinos vinte veces cada un e quizais aí naceu a miña paixón polo cine: copiaba e debuxaba todos os días as caricaturas que viñas coas críticas das estreas do cine clásico: Gary Cooper, Spencer Tracy, Katharine Hepburn, James Dean, Liz Taylor, etc.
Estou falando aínda dun neno moi pequeno, antes do ingreso. O meu pai, que tiña un taller de xoiería na Avda. da Habana, usaba para o seu traballo un “Diccionario Gráfico de Artes y Oficios Artisticos”, Lapoulidt, publicado en Barcelona, J.Montesó editor (gardo aínda un tomo): debullei aqueles catro tomos con paixón gargantuesca, canto aprendín alí da arte, da historia, da mitoloxía, ata da haxiografía (vidas de santos, advocacións das virxes,etc.). E debuxaba todos os deseños, case sen excepción, e clasificaba, e ordenaba (una teima miña de vello)
. O meu pai usábaos para sacar deles modelos de letras e deseños para gravar nas medallas ou nos arranxos artísticos de pulseiras e xoias varias. As imaxes dese Diccionario irán comigo ata o final dos meus días.
Na miña casa, ata daquela, non había moitos libros. Supoño que os primeiros que entraron foron para favorecer a nosa educación, a miña, a do meu irmán maior e os dous que viñeron detrás. Os meus pais subscribíronse ó “Monitor” de Salvat, a unha Enciclopedia de Ciencias Naturais e, anos despois (1973), á “Gran Enciclopedia Gallega”, que usaba eu case en monopolio e non me avergoña dicir que cheguei a subliñar en moitas ocasións: obra todo o discutible que se queira, pero na que moitos aprendemos moito.
Os meus pais, como digo, facilitaron a nosa educación mercándonos os libros que pedíamos. Moi neno aínda mercáronme unha magnífica Enciclopedia de Fauna, que aínda gardo, en varios tomos, e outra extensa, en oito tomos, de Mitoloxías do mundo, ademais de “Mitología Clásica Ilustrada”, de Otto Seemann (Barcelona, Ed. Vergara): esta aínda está a man, aínda que só sexa pola calidade das reproducións artísticas e o moito que aprendín nela. A primeira edición española é de 1958, cando nacín: mercáronme a quinta edición, 1968, cando eu tiña 10 anos. Rapaz ensoñador e fantasioso, vivía eu máis no mundo de Zeus, Venus e Hércules que na propia realidade. Cando ía á aldea de Ervedelo, ás matanzas ou ás vendimas, o neno ía cos pais e toda a familia a traballar: pouco traballaría, digo eu, pero non calaba un segundo. “Ai, carallo, este vergallán, cantas cousas el sabe...!”, dicía o avó Benxamín, que en paz descanse. E as mulleres rían da miña verborrea infinita e de todos aqueles personaxes mitolóxicos tan raros e ó tempo tan literarios. (Seguiremos con este fío: na seguinte entrega, os meus primeiros libros de carácter estritamente literario).

A Biblia porno.

Pan por Pan 27 maio (Na imaxe, Lilith)

Recollo esta nova dun artigo en “La Vanguardia” de Quim Monzó, un dos mellores articulistas españois. Conta Monzó que as autoridades de Hong Kong censuraron como “indecente” un artigo con preguntas de temática sexual nunha revista estudantil. Periodistas e profesores universitarios reclaman agora que se respecte a liberdade de expresión e dous mil cidadáns fixeron un manifesto pedindo que se clasifique a Biblia como un libro obsceno: que se prohiba ós menores de 18 anos, cun aviso en cuberta do seu carácter pornográfico, e que se venda envolta en plástico transparente. De certo, na Biblia hai adulterios, incestos, violacións, orxías, condutas condutas sexuais heterodoxas, etc. Malia iso, forma parte da nosa civilización e ninguén se escandaliza lendo “O Cantar dos Cantares”. Creo que os protestóns, pois, teñen algo de razón: o caso é que lla dean

26 may 2007


A SORTE ESTÁ BOTADA
Andoliña 26 maio (Imaxe: La pudizia velata, Nápoles)

Remata o barullo electoral, os ruídos abusivos na rúa e a retórica dos carteis. As caixas do correo poderán repousar por fin despois dos excesos alimenticios destes días. Chega a hora da reflexión e nunhas horas de pouco valerán as enquisas, nin as fotos de impacto, nin os sorrisos enchoupados nas paredes. Nestas alturas, o único soberano é o electorado é un misterio saber o que pensa este señor.
Que decide o voto da xente? A ideoloxía dos partidos ou o carisma dos candidatos? A estratexia atinada ou non das campañas ou a opinión pública e publicada dende os medios de comunicación? Ou o poder do peto do pantalón? Ninguén o sabe realmente. Presentáronos múltiples modelos de cidades ideais, ó gusto de cadaquén, pero iso tampouco garante ningún éxito: houbo promesas semellantes xa noutras campañas anteriores. Supoño que o quid da cuestión está na palabra credibilidade: oxalá puidésemos esculcar no fondo dos ollos de cada candidato e descubrir así a súa máis auténtica personalidade.
Pero non pasa nada. O mundo segue. Como dicía onte o amigo Monxardín, o luns todos gañarán, todos terán algún argumento para demostrar que as cousas non lles foron tan mal. Todos contentos.

25 may 2007

Tempos piadosos...
Na ceremonia da que lles falei no post anterior, os rapaces fixeron unha especie de parodia dun concurso televisivo con fotos antigas de alumnos (dos dous cursos de Bacharelato que remataban) e dos seus profesores. Os que concursaban acertaron esta, pero tiveron que darlle unha pista: "Un profesor que conta moitas anécdotas, ás veces moi divertidas, outras veces para roncar" (máis ou menos, en clave irónica).
COMPRENDERÁS QUÉ SIGNIFICAN AS ITACAS...
(Discurso no IES A Carballeira, 25 maio)

Nos catro ou cinco últimos anos facemos no meu Instituto a tradicional ceremonia de despedida dos alumnos de 2º de Bacharelato. Na mesma hai espazo para discursos dos alumnos/as, do director e dos profesores que lles imparten clase: ata agora tocoume a min sempre e aceptei gustoso. Transcribo agora aquí o que onte mesmo dei lectura e que agradou bastante ós meus compañeiros: quizais non sexa o discurso convencional para a ocasión, tomeime o encargo con bastante liberdade. Como é longo, vai en portada só o inicio: se lles gusta, o resto está accesible nos comentarios.

Onte pola tarde estiven a ver, nese aparato tan marabilloso como prostituído que chamamos televisión, un documental sobre a natureza nos tempos da conquista do Oeste. Nunha das súas primeiras imaxes contemplamos un xigantesco bisonte americano, tombado no chan, a bafexar con toda a súa forza como se estivese asistindo a un dos momentos cruciais do seu existir. E así era, pero non era a súa agonía, senón o nacemento da vida: aos poucos segundos viamos caer daquela tonelada de músculos e peles unha bolsa chea de sangue da que, case de inmediato, saía unha forma viscosa pero recoñecible que, ao pouco, tentaba xa poñerse de pé e empezar a súa andaina polas grandes chairas norteamericanas. Así se inicia a vida, de certo, e non é moi diferente o xeito de nacer de calquera dos bichos que nos movemos por riba do planeta, máis ou menos racionais...
Aínda que, cómpre matizar. Un bisontiño, unha cría dun cervo, un bebé león pode xa, en canto ve alborexar a inmensa luz do sol, poñerse de pé e gozar de certa autonomía por si mesmo. Moitas especies en poucas semanas abandonan mesmo o ubre da nai e dedícanse de inmediato á loita na eterna, cíclica, constante, conquista pola vida. Os seres humanos do noso tempo nacemos rodeados de lámpadas, batas brancas, tecnoloxía avanzada, aparatos de medición de todo tipo: nada debe fallar. Pero facémolo así, porque somos inmensamente febles, sen dúbida, cando nacemos, máis inseguros, máis incertos, máis vulnerables, que a maioría dos nosos compañeiros do mundo animal. E iso tamén debe querer dicir algo: iniciamos unha viaxe, pero non será en solitario. Será unha viaxe acompañada desde os comezos, na que sempre teremos alguén sobre quen reclamar un apoio, un brazo solidario, unha palabra de alento. Vivir, para a especie humana, é inevitablemente un Convivir. Non pagaría a pena se así non fose: ao “último home vivo”, así se titulaba unha vella película de ciencia-ficción apocalíptica, só lle quedaría suicidarse para burlar a anguria do sensentido.

Nacemos, pois, non por propia vontade, pero si cun roteiro camiñado antes por outros, se queredes cun certo destino se a palabra non vos parece moi pretensiosa. O psiquiatra Víctor Frankl, que coñeceu os infernos de Auschwitz e Dachau, dicía que, como no xadrez, na vida non existe a xogada perfecta: “non deberíamos buscar un sentido abstracto á vida, pois cada un ten nela a súa propia misión que cumprir; cada un debe levar a cabo un cometido concreto. Xa que logo nin pode ser reemprazado na súa función, nin a súa vida pode repetirse; a súa tarefa é única como única é a súa oportunidade para instrumentala”. Debería, pois, defenderse unha auténtica biodiversidade (ese concepto que de seguro ben vos explicou Emilia Otero) a favor das persoas; como dicía o gran Antonio Machado, por boca de Juan de Mairena: “Ninguén é máis que ninguén, porque, por moito que valla un home (ou unha muller, podemos engadir), nunca terá valor máis alto que ser un home”, isto é, un ser único, irrepetible, dotado da vontade para facer o máis marabilloso ou o máis execrable. Por iso é tan importante saber cara onde imos: “quen ten algo por qué vivir é capaz de soportar calquera cómo”, de novo en palabras de Víctor Frankl.
(Segue... ... )

En poleiro alleo

Monxardín escribe sobre o que imos escoitar todos o luns 28: todos gañaron (o artigo completo).
E Ferrín reclama, cero que con acerto e xustiza, uns Premios Nacionais de Literatura Galega, apoiados pola Xunta de Galicia: Premios Nacionais de Literatura Galega. Imaxe de Tamara de Lempicka.

(...) Unha parte da vitoria é negar sempre a derrota. E por absurdo que sexa, sempre haberá xente disposta a crer cegamente. ¿Non se suicidaron uns para iren na cola do cometa Hale-Bopp en praza de primeira? ¿Non houbo quen comprou minimotoserras eléctricas de cociña para cortar o pan de comer? A xente estalles disposta a crer calquera cousa que lle digan "os seus". Tanto ten que sexan líderes relixiosos como políticos, mediáticos ou deportivos. A xente necesita crer. Así, pasadomañá, as explicacións máis peregrinas terán o seu corifeo de azaneadores e todos contentos. O PP de aquí, porque gañará en Madrid, aínda que baixe en Galicia. O PSOE gañará, porque mentres o pau vai e ben descansa o lombo e resistiu aparentemente ben feros ataques que de tan indiscriminados, acabaron por aborrecer. O BNG gañará porque manterá os bastións, incrementará votos e seguirá na súa política de diferenciación. (...) (Monxardín)

Pois ben, se un autor galego no pode recibir o Cervantes, nin o Reina Sofía, nin o Príncipe de Asturias, e só con moita sorte (houbo casos, sobre todo de literatura infantil e xuvenil) recibirá un Nacional de Literatura, a Xunta de Galicia, como ocorre co Goberno de Euskadi e coa Generalitat de Cataluña, tería que fundar e conceder premios nacionais galegos de nivel equivalente. E cando digo nivel equivalente estou a decer que o Premio Rosalía de Castro, poñamos por caso, hoxe verdadeiramente inexistente, non podería estar dotado nin con un euro menos ca o Premio Cervantes. (Ferrín)
EIRE

Cando chegou, eu xa tiña 31 anos e andaba en plena campaña electoral, nas autonómicas do 89, a fondo co PSG-EG. Pasou polo hospital case toda a candidatura de compañeiros a felicitarnos, a María e a min. Aquela cousa pequeniña e encantadora, que nin sequera deu a lata polas noites, acabou por converterse nunha moza de case 18 anos que onte rematou o Bacharelato. E como vostedes, ademais de amigos, son case da familia, tómome a liberdade de contarlles que onte ás dúas e media da madrugada (viña da cea e festa de despedida) Eire me contaba, eu aínda medio dormido, que sacara unha media no segundo curso de 9,7 (seis 10 e tres 9) e matrícula de honra. En fin, que a rapaza merece todos os parabéns e na casa hoxe estamos todos moi contentos. Se todo vai ben, dentro duns meses andará por Compostela a empezar os seus estudos de xornalismo (Si, é evidente: ímonos facendo vellos…).

24 may 2007


Entre copas (Bieito Iglesias)
El Correo Gallego, "Pan e coitelo", 24 maio 2007

(Un pouco bastante abrumado, case avergoñado, reproduzo este artigo que o amigo, extremadamente xeneroso, Bieito Iglesias, me dedica hoxe en ECG. Creo que son, xunto cun limiar dun libro que me fixera o finado Carlos Casares, as palabras máis amables que sobre min se escribiron nunca. E aí quedan, para compartilas con todos vostedes. Pero a que vai quedar máis contenta co artigo, sen ningunha dúbida, é a miña muller)

Unha mañá destas da ponte das Letras Galegas, desafiei o biruxe das primeiras horas e fun almorzar na praza maior, oficialmente denominada del Caudillo, de Carrión de los Condes, Palencia. Anoto de pasada, antes de seguir co conto, que me opoño ao proxecto da Consellería de Cultura de converter outra volta en laboral a festividade do 17 de maio. Tal efeméride debe continuar como vacacional, polo menos para os escritores en galego, meravigliosas creaturas protagonistas de tan asinalada data. Naquel bar palentino coincidín con homes de pelo en peito (víaselles a pelame e as cadeas douradas con medallas da Virxe porque lucían a camisa parcialmente desabotoada), con señores que trasfegaban ao romper o día copas de coñac e anisete -sol y sombra- ou viño quinado. Só algún pusilánime bebía cervexa con aceno esquivo, pedindo perdón por semellante mariconada. Eran individuos tan alleos á sociedade da información como poidan selo os indios yanomani do estado brasileiro de Roraima.

Sufrín un ataque de envexa porque estar informado non te volve máis feliz. De que me serviu a min saber (por artigo de Alfredo Conde neste diario) da armadilla que lle prepararon ao meu amigo Marcos Valcárcel? Serviu para pórme de malas, pois Marcos foi atraído a unha emisora co achaque de falar de historia cando o que pretendían era encalatralo para que rifase cun adepto do xugo e as frechas. A noticia circula no ciberespazo: "Comunista se niega a debatir con falangista". O meu amigo aturou falanxistas no bacharelato (sádicos profesores de ximnasia e de Formación del Espíritu Nacional), aos seus anos xa está ben libre de ter que rebaixarse en espectáculos circenses de mouros e cristiáns. Por certo que a etiqueta de "comunista" non o retrata con precisión. É galeguista, de esquerdas, historiador rigoroso, orador ameno nas palestras, columnista brillante e boa persoa. Tamén é un tipo máis calmo que O home tranquilo filmado por John Ford. Aínda por riba a súa muller, María, parécese a Maureen O´Hara.

OS POLÍTICOS QUEREN SER XENTE
Andoliña 24 maio (Imaxe: Dona en camisa, A. Derain)

Desta campaña electoral, a diferenza doutras anteriores, deduzo dúas novidades. A primeira, a riqueza de medios que exhiben todos os grandes partidos: os dous que cogobernan no bipartito e o principal da oposición. Todos seguen unhas estratexias xerais que se cualificarían non hai moitos anos como un exceso de electoralismo: ata a contratación, mesmo no BNG, de figurantes mozos para un mitin.
A miña segunda conclusión é que os políticos queren ser xente do común. Verán. Escoitei hoxe na radio este eslogan: “Vota PP, o partido que máis se parece ós galegos”. Creo que vai na liña de flotación daquel “Galego coma ti” que tantos éxitos lle dera noutros tempos a Fraga Iribarne. E os nacionalistas, cando menos en Ourense, o mesmo: levan días a dicir que o seu candidato, Álex, é o máis parecido á xente normal da cidade. Xa o dixo Quintana e repíteo a cotío o propio candidato. E velaí a música deste mesmo grupo: “Xente que camiña...”: por certo, a mellor banda sonora da campaña, da man de Berrogüeto.
Que sucede? Vense os políticos como marcianos doutra galaxia para insistir tanto en que son xente normal? Ou teñen medo do menosprezo que as enquisas reflicten sobre a clase política en xeral?

23 may 2007


Guy Môquet, o heroe comunista que eloxia Sarkozy


Dedicáronlle estes días varios artigos, como este en El País.

En La Vanguardia falan hoxe da "memoria roubada" pola instrumentalización política da figura do xove comunista por Sarkozy. Nesa liña publicáronse textos tamén en Libération.

Que pasaría en España se Rajoy reivindicase a memoria de Julián Grimau? Hai manipulación en Francia ou hai que aplaudir cando a dereita se fixa nos mitos da memoria da Resistencia e da esquerda?
Sarkozy e o ‘caso Guy Môquet
Andoliña 25 maio
Pois vaia barullo está a montar Sarkozy, trala súa vitoria electoral en Francia. Primeiro, incorporando como ministros persoas procedentes da esquerda e utilizando como referentes símbolos do pacifismo e do antifascismo como Jaurés e Blum. E agora, instando ós profesores de historia a usar nas aulas a carta de despedida de Guy Môquet, un mozo comunista de dezasete anos fusilado polos nazis. Sarkozy non é nada parvo: xa logrou descolocar os analistas e a opinión pública.Para algúns é un simple oportunista que que cre que é un novo De Gaulle e que está a utilizar o consenso antifascista da historia francesa como un novo mito mobilizador en clave nacionalista. Para outros, é digno de aplauso este recoñecemento da tradición da esquerda. O debate está na prensa francesa. Tamén no meu blog (As uvas na solaina) : alguén lembrou os comezos de Aznar con gabanzas a Manuel Azaña (seica inspirado por Jiménez Losantos!!) e fotografías buscadas con Alberti. Din estes que co tempo Sarkozy amosará a súa verdadeira faciana. Quizais. Pero eu non imaxino a Rajoy reivindicando a memoria de Julián Grimau ou de Durruti: de verdade que non.
Luis Sepúlveda.
Pan por Pan 23 maio (Foto facilitada por Carme Carballo)

Estará hoxe en Auria o escritor chileno Luis Sepúlveda, autor de contos, novelas, obras de teatro, ensaios e guións para cine e radio. Como xornalista coñeceu nos anos 70 a Amazonia Ecuatoriana no marco dunha investigación da UNESCO e alí, entre os indios shuar (mal chamados jíbaros), naceu a novela “Un viejo que leía novelas de amor”, premio Tigre Juan, a sedutora historia de Antonio José Bolívar Proaño despois de convivir cos indios nese mundo virxe que xa non saberemos ver sen os ollos do realismo máxico. Traducida a vinte idiomas, tras desta obra publicáronse moitos outros dos seus títulos, incluídos “Hot Line” e “Diario de un killer sentimental”. Falará nos locais de Caixa Galicia (Xoán XXIII), convidado polo Club Internacional de Prensa, sobre “A importancia de ser un idiota latinoamericano”, nunha charla de seguro tan suxestiva como polémica.

Supoño que as conferencias de Santiago e Ourense foron semellantes, así que aí vai un resume:

Un texto ben simpático de Luis Sepúlveda (un anaco só). Por certo, recomendo os seus artigos en Le Monde Diplomatique (accesibles aquí).

Hay monos más caros que otros (15-VIII-2005)
Si un mono de Gibraltar gasta treinta euros anuales en comida, vacunas y veterinarios, ¿por qué el Estado chileno gasta 600 millones de pesos cada año en alimentar, vacunar y asistir veterinariamente a Pinochet? Los monos de Gibraltar roban helados, bolsas de papas fritas, hasta alguna cartera dejada al descuido en el auto, pero ninguno tiene cuentas secretas en los EE.UU o en paraísos fiscales, Tampoco defraudan al fisco con declaraciones fuleras, ni sus monas y monitos forman sociedades para delinquir.
Los ingleses están convencidos de que esos monos sirven para algo, pero ningún chileno puede decir lo mismo de Pinochet. ¿Es justo que ese punga tenga asignados cinco autos con chofer, una ambulancia con médico incluido y 45 empleados que le pelan los plátanos?

22 may 2007


En poleiro alleo
(Fotografía: Floris Andrea)

Sobre a in-dependencia (Afonso Monxardín, Galicia Hoxe)

A nostalxia dos reiseñores (Xosé M. Sarille, El Correo Gallego)

Bazofia na TVG (Afonso Álvarez Cáccamo, Faro de Vigo, 21 maio)


As grandes preguntas.

Andoliña 23 maio

Moito se ten escrito xa sobre o caso Günter Grass e a súa confesión sobre os seus anos de mocidade: ós 17 anos pertenceu ás SS hitlerianas. “Fun seducido por Hitler. Crer nel e na vitoria non cansaba, era facilísimo”, di o escritor alemán nun xornal. Pregúntase agora Grass por que non dubidou. Por que non preguntou por aquel profesor desaparecido ou por aquel compañeiro de clase que era Testemuña de Xehová e nunca máis volveu?

Toda unha xeración foi seducida, sen facer preguntas. Non foi Grass o único: hai unha longa lista de escritores, filósofos, intelectuais, seducidos polo irracionalismo nazi. As preguntas facémolas agora: Carlos Casares escribiu Deus sentado nun sillón azul movido polas mesmas preguntas, despois de coñecer en Alemaña o palacio onde se tomou a decisión final: nin máis nin menos que eliminar toda unha raza, os xudeus, e seis millóns de persoas.

Preguntas que renacen ó ver películas tan maxistrais como O pianista, de Polanski, que repoñen na TVG, baseada en boa parte nas súas lembranzas do gueto de Varsovia cando a persecución nazi: agardo que os mozos de hoxe si se fagan moitas preguntas. Porque, de certo, non temos outro antídoto posible contra a barbarie e a senrazón.

21 may 2007


As Idades da Vida

A los periodistas les gusta preguntar a la gente mayor y más sabia qué ha aprendido de la vida. ¿Puedo formularle esa pregunta?
R. Ahora que estoy sola con mi vejez -mi marido durante 47 años murió hace seis-, me encuentro con la sorpresa de que es como una vuelta a la adolescencia, porque lo cuestionas todo y observas cómo reaccionas con los demás y lo que esperas de ellos. He oído un mito precioso de que la vejez es una especie de hermosa meseta de calma y aceptación del mundo, llena de sabiduría. Pues bien, no hay sabiduría en la vejez. Son las mismas viejas preguntas que me hacía a mí misma y a los demás cuando tenía 15 años. Me temo que esa paz de la vejez no me ha llegado.
(Nadine Gordimer, Premio Nobel de Literatura, El País, 20 maio. A entrevista completa)

20 may 2007


Cen anos de historia cultural: Casares, García-Bodaño, Neira Vilas (1967)
(Nas fotos, Carlos Casares nos 60 e Tovar nun retrato de Blanco Amor)

Empeza a miña crónica dos Cen Anos... hoxe cunha referencia á gran homenaxe de despedida a Celso Emilio Ferreiro en 1966 (non me colleu o domingo anterior).
Falo logo da estrea de Carlos Casares (Vento ferido) e de Neira Vilas (Camiño Bretemoso) e de Salvador García-Bodaño (Ao pé de cada hora). E doutros libros de Franco Grande, Manuel María, López-Casanova, Antón Tovar (Non) e a edición bilingüe da Longa noite de pedra, de Celso Emilio en El Bardo. // Outros autores do ano foron Ramón Piñeiro, Ferro Couselo, Cunqueiro e Lago González. Del Riego e García-Sabell instaban un comunicado da Academia Galega ó Ministerio de Educación pedindo a introducción do galego no ensino.
Morrían María Mariño, Uxío Carré, Plácido Castro, Peña Novo, Rafael López de Haro e Ángel Romero Lojo. // Outros nomes do ano: Alexandre Finisterre. Arturo Baltar.
Nacía a Auriense e Amigos da Cultura de Pontevedra. E nacía a colección popular "O Moucho", con O Catecismo do labrego. (etc. etc.)