12 sept 2007

POR BIEITO IGLESIAS*
PAIS E FILLOS (12-9-07, no gratuíto De luns a venres. Imaxe de Renoir pai)


Alberto Gonzales, fiscal e estreito colaborador de Bush, viuse na obriga de dimitir por causa de diversos fracasos na súa xestión. Despediuse cunha memorable perorata: “Eu catei o soño americano. Non teño queixa, porque os meus peores días á fronte da Fiscalía foron máis gratos que os mellores días coñecidos por meu pai en toda unha vida”. Imaxinamos ao Gonzales sénior pasando as de Caín como hispano inmigrante na Terra de Promisión que publicita o american dream. O seu cachorro, inchado como un sapo tras empoleirarse nas altas maxistraturas dos EE UU, ve no seu éxito a proba de que mora no país das oportunidades. Esta é a perspectiva habitual das persoas de orixe humilde que logran situarse no presenteiro, embriagadas polo elixir do progreso individual.
Moi outra visión adoptan os fillos de papá célebre, coma tal Jean Renoir (o cineasta), autor dun libro (Renoir, mon père) dedicado a Pierre Auguste, figura da pintura impresionista. Jean evoca sen complexos os gozos rústicos do seu proxenitor, as horas pasadas na lareira borgoñona vendo cocer o pote pendurado da gramalleira ou comendo claudias e fatóns. Ningún dos Renoir acreditaba moito no progreso. O pintor mesmo ironiza sobre os avances tecnolóxicos: “Dinme que un escritor coa súa máquina de escribir pariu un libro en tres anos; Molière e Shakespeare, cunha pluma de ganso, escribían unha obra de teatro en oito días e era unha obra mestra”.
Un anuncio de 1936, do Día do Estatuto (28 xuño)
Publicado en La Voz de Galicia (Enviado por Monxardín. Clicar na imaxe para ampliala)

11 sept 2007


Un verán luctuoso para o cine: Jane Wyman

Así a lembran, tamén cun video da actriz, no blog Diasestranhos:

Na miña memoria Jane Wyman ficará asociada a outros filmes: a Johnny Belinda, o dramón no que facía de xordomunda que lle proporcionou un Oscar; a The lost weekend, de Billy Wilder, acompañando a un alcoolizado Ray Milland; á biografía de Cole Porter protagonizada por Cary Grant, Night and day, ou aos seus traballos con Alfred Hitchcock e Douglas Sirk, sen esquecer a deliciosa parella que formou con Bing Crosby nun dos títulos menos coñecidos de Frank Capra, Here comes the groom, onde cantaban esta peza de Hoagy Carmichael e Johnny Mercer que acabou convertíndose nun standard, In the cool cool cool of the evening.
(De paso, consulten nese blog a súa lista "Están vivos", cos directores e actores nacidos antes de 1930 que non se levou aínda a Parca)
Jane Wyman. Pan por Pan 12 set.
Este verán está a ser abondo luctuoso no mundo do cine: Bergman e Antonioni e Emma Pennella e agora Jane Wyman. Engadan a Villalonga, que sempre fixo de si mesmo na pantalla. De Jane Wyman destacan os medios que foi a primeira esposa do actor-presidente Ronald Reagan e o seu papel como Angela Channing en “Falcon Crest”. Creou alí un estereotipo de mala despois copiado cen veces en telenovelas e similares. Pero esa non era o seu perfil máis clásico: aínda nestes días revisitei “Obsesión” (1954), de Douglas Sirk, onde a Wyman, facendo de cega, vive un milagre de amor ó recuperar a vista da man dun cirurxián coa cara de Rock Hudson: a súa actuación fíxoa candidata ó Oscar, que logo non lle deron. Foi a cinta que lanzou a Hudson, cun gran éxito comercial. Sirk fixo repetir a parella protagonista un ano despois en “Só o ceo o sabe”.

Un delincuente.
Pan por Pan martes 11 setembro. Imaxe de Auguste Rodin.
Escoito na radio entrevistar a un delincuente. Trátase dun tipiño que está nunha banda dedicada a asaltar fábricas en polígonos industriais do Mediterráneo: conta a súa metodoloxía con detalle e apunta os seus valores. A familia por riba de todo: reforza esa idea con esta expresión “por donde no corre sangre no se hacen morcillas”. Pregúntanlle a causa deses atracos e di que non se trata de necesidade. Que agora lle colleu o gustiño e necesita facelos. E compara o seu “oficio” co executivo que, tras duras horas de oficina, reserva a fin de semana para facer puenting e liberar adrenalina. O argumento non é absurdo. Son moitas as posibles motivacións dos nosos actos: positivas como o amor ou a solidariedade. E negativas como a maldade ou o desexo de vinganza. E as grandes palabras como deus ou a patria. Haberá que engadir isto de liberar adrenalina.
O pau das estradas (Afonso Monxardín, Galicia Hoxe, 11 setembro)

Cada vez que paso por baixo da ponte bipartita do Reino, sorrío. Alí campan dúas pancartas que din, máis ou menos: "Touriño grazas pola conexión á autovía, PSOE de Piñor de Cea; e outra "Grazas veciños polas 2.000 sinaturas que lograron a conexión á autovía, BNG de Piñor de Cea". O certo é que como está en zona de curvas, tiven que pasar varias veces ata entender que se trataba dunha disputa sobre réditos politicos de tanta altura como esa ponte que cruza a estrada Ourense-Santiago preto do límite con Pontevedra. E claro, aí se ve que hai quen pondera sobre todo a actitude positiva do presidente da Xunta e outros a importancia da palabra dos veciños. Seguramente son as dúas cousas -e se cadra outras moitas máis- as que influíron e parece pasatempo ocioso discutir se foi antes o ovo ou a pita. Pero como nestas terras da mazurca de Cela non hai moito que facer, o demo da política, a falla de vacas, espanta el moscas co rabo.
E ía pensando nestas cousas cando me atalla de súpeto un solitario semáforo de obras: a conexión cun cacho da autoestrada nova ou algo así. Parei. Esperei a que pasasen os outros e logo duns minutos, xusto cando apaguei o motor, púxose verde. E lembrei un sucedido simpático doutro tempo.
Andaban en obras no norte de Lugo e estaba parada na estrada unha longa fila de coches. Eu era o penúltimo. Tocábanos pasar. O encargado achegouse ao último e, simplemente, deulle "o pau". O bo do condutor, un alemán grande de pelo crecho, colleuno con sorpresa, ollouno curioso, moveuno? e pasoullo á súa compañeira, quen fixo outro tanto. Logo, entre xestos de incomprensión e sorrisos, devolvérono indicándolle, como podían, que grazas pero que non lles interesaba. O encargado decatouse entón da matrícula e da pinta daquela xente e veu cara a min que atendía divertido polo retrovisor? En canto mo deu, deille as grazas e lisquei de alí seguido do alemán que non me quitaba ollo, a ver que carallo ía facer eu co pau aquel. En canto chegamos ao lugar preciso deillo, sen seren precisas palabras, ao outro encargado -a estrada quedaba aberta- e seguín. Antes de acelerar deume tempo a ver como o teutón abría a boca e entenderlle nos labios algo así como "Acabáramos. Era iso". E o curioso é que de alemán non teño nin idea. Se cadra linllo nos ollos.

(Un tema semellante aborda Sarille en ECG, "Corenta mortos en cinco anos")

10 sept 2007


rENXEN AS eNGRANAXES
La Región 10 setembro

Dous anos. Cumpridos xa dous anos da posta en marcha do goberno bipartito, hai que recoñecer que renxen as engrenaxes do pacto que deu pé a este goberno. A dimisión ou cese de Antón Losada é só o último acto dunha serie de desencontros sucesivos que deturpan a imaxe do goberno socialista-nacionalista. O máis grave do asunto é que as críticas choven non só, como era de agardar, dende a oposición do Partido Popular (bastante despistada, de todos os xeitos), como dende os sectores máis próximos ó propio goberno progresista. Por poñer algúns exemplos, nesta mesma semana publicáronse artigos moi críticos de Manuel Rivas e Manuel Bragado a propósito do escándalo dos “pluses” dos altos cargos: en palabras do primeiro deles, “trátase de algo moralmente insostíbel. E algo que non é explicábel dende a ética, non pode ter tampouco un sentido práctico. En Galicia non só hai que cambiar o futuro, senón cambiar o pasado. Esa prebenda do Plus dos 15.000 fede a pasado. A corporativismo de Antigo Réxime.”
Moito máis duro aínda era Xosé M. Sarille cando afirmaba “O bipartito non ten proxecto e sitúase xa entre os peores executivos do ciclo democrático que xa é dicir (prestiges aparte). Unha política de anécdotas, sen que se fale nunca dos grandes temas pendentes, a natalidade, o caos urbanístico, o desequilibrio territorial, a morte do idioma, a necesaria reforma administrativa, a comarcalización”. Sobra dicir que os tres nomes citados se moven no campo cultural e na órbita do nacionalismo e que pediron o voto para o BNG en diversas ocasións.
Áreas blindadas. O modelo de reparto de poder escollido ten eivas de difícil solución. Sempre é positivo consensuar e intercambiar posicións, dialogar ata chegar a puntos comúns, converxer nun relato común das necesidades do país (na liña que apuntaba M. Rivas). Pero moitas veces semella que non se trata diso, senón só de repartir o poder en “áreas blindadas” para asegurar a presenza dos votos propios nas próximas eleccións: é posible tal cousa cando a política ten hoxe unha complexidade que necesita da complicidade de tantos actores? Pode unha consellería “facer a guerra” por si soia sen o acomodo das outras ou mesmo en direccións contraditorias? O que temos “máis parece o reparto dun botín de guerra que a distribución de áreas de goberno” di un comentarista no meu blog e sospeito que non é do Partido Popular.
As engrenaxes renxen e a opinión pública percíbeo. Cando os dous socios de goberno se pelexan a cara de can pola presenza de cada forza política na TVG, que cabe dicir das promesas de transparencia e obxectividade nos medios de comunicación públicos? Como xustificar o bochorno dunha visita ó país do ministro de cultura na que non figura como convidada a propia conselleira de cultura?
Ideas ou intereses? Sobran os exemplos sobre a primacía dos intereses sobre as ideas. Intereses políticos lexítimos de cada forza de goberno, pero que poden enturbar o panorama e ocultar a propia acción positiva de goberno. Creo que hai ideas interesantes neste goberno, por exemplo en Medio Ambiente, en Medio Rural, en Ordenación do Territorio, en Vivenda, etc. Falta que esas ideas se convertan, na maior parte dos casos, en realidades. A oposición dos medios máis conservadores vai ser brutal (velaí as liortas ridículas sobre os mandilóns nas Galescolas), pero con iso xa se contaba. Hai mesmo campos nos que pouco avance se constata, aínda no campo das ideas novas: Cultura e Normalización Lingüística, por exemplo. Renxen os engrenaxes, pero o goberno está a tempo de buscarlle solución e poñelos en perfecto estado. Terán, iso si, que pensar máis en gobernar e menos nos minutos que saen
en televisión.

(Imaxe: Cástor e Pólux, Museo do Prado)

9 sept 2007







cen anos de historia cultural
1976: CON PÓLVORA E MAGNOLIAS
Se o ano 1975 foi importante para as nosas letras, sobre todo na narrativa, o 1976, xa morto o ditador, foino para a poesía. De feito en todos os estudos sinálase esta data como fulcral na renovación lírica pola aparición de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín, e tamén de Mesteres, de Arcadio López-Casanova, versos de cadencia salmódica e litúrxica, e aínda de Seraogna, magnífico libro do quizais algo esquecido Afonso Pexegueiro. O poemario de Ferrín aborda os grandes temas da literatura universal vistos desde Galicia: o paso do tempo e a nostalxia ("Triste Stephen"), o amor e o erotismo ("Posturas para copular en homenaxe"), as raíces da patria (o celtismo), a revolución ("Reclamo a liberdade pró meu pobo") e mesmo a derrota e o asasinato fascista dos militantes republicanos e galeguistas ("En Compostela pode un home..."). Versos de amor e loita cunha forma preciosista e experimental, inzada de referencias culturais, xestos vangardistas e inquedanza universalista.
(...) No campo musical Bibiano publicaba o seu primeiro disco, Estamos chegando ó mar, con textos propios, de Novoneyra e de Vázquez Pintor e a famosa canción "O can (de palleiro)", que nas asembleas universitarias se cantaba cambiando un pouquiño o seu refrán: "Abaixo a dentadura", xa poden imaxinar o cambio. Amancio Prada publicaba Caravel de Caraveles, baseada na música popular galega, acompañado de Alejandro Massó e Eduardo Gasttinoni, e nacía o grupo Roi Xordo, integrado polo Movemento Popular da Canción Galega e por "Bem-Virá": Romaní, A. Seoane, Pi da Bahía, Ze Luís e Quico de Cariño, música folc-rock con acentos reivindicativos.
Foi 1976 un ano fundamental en moitos aspectos. O gran dinamismo da sociedade, que conquistaba de vagariño a democracia, manifestouse nunha morea de iniciativas políticas, sociais e culturais. O 5 de xaneiro fundábase o Consello de Forzas Políticas Galegas, composto pola UPG, o PSG e o PGSD. Noámbito estatal creábase a Federación de Partidos Socialistas, na que se integraba o Partido Socialista Galego (PSG). En xullo nacía a Táboa Democrática de Galicia, que agrupaba varios partidos estatais de esquerda, e en outubro, na Coruña, a Asamblea Popular Galega, escisión da AN-PG nacionalista que viña funcionando había uns meses. Tamén nese ano nacía a Intersindical Nacional Galega (ING), encallaba o petroleiro Urquiola na ría da Coruña, empezaban as loitas contra a expropiación das terras dos labregos nas Encrobas e tamén as obras da Autoestrada do Atlántico. Nun consello de ministros celebrado na Coruña e presidido polo rei Juan Carlos, o Goberno aprobaba a demandada Amnistía para os delitos políticos e de opinión. Nese mesmo ano nacía a asociación ecoloxista Adega, con nomes como González Laxe e Xosé M. Beiras entre os seus promotores; a Asociación Sociopedagóxica Galega (ASPG) e a feminista Asociación Galega da Muller. Rexurdía o Ateneo de Ferrol; e nacían a Sociedade Galega de Historia Natural e a cultural Afonso Eans en Negreira. A Facultade de Económicas de Compostela pasaba dende o edificio de Fonseca a súa actual localización, despois de ser ocupada en varias ocasións por peches de universitarios.
(...)
Víctor Freixanes publicaba o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos (Galaxia), toda unha redescuberta de Galicia dende o xornalismo literario: a memoria do país dende Otero Pedrayo e Luís Seoane ata Beiras, Ferrín, Alonso Montero e Carlos Casares. En xullo fundábase en Compostela o Museo do Pobo Galego, que abriría as súas portas poucos meses despois, tamén co pulo detrás de moitos intelectuais galeguistas e o apoio de figuras históricas como Xaquín Lorenzo e Antón Fraguas.
A facilidade do mal.
Pan por Pan domingo 9 setembro. Imaxe: Niobide sagitta, de J.J.Pradier

É máis doado destruír que construír: en só minutos, quizais segundos, podemos botar por terra construcións do noso patrimonio ou da natureza que se tardaron centos ou milleiros de anos en erguer. Algúns mesmo lle chaman a iso progreso tecnolóxico. Muñoz Molina lembraba esta axeitada cita de Paul Valéry: “a horrible facilidade de destruír”, que por certo tamén encantaba a Josep Pla. O terrorismo é a plasmación evidente desa facilidade no mundo no que vivimos: velaí os atentados masivos dos últimos anos. En Alemaña lograron parar un inmenso masacre detendo unha célula de integristas islámicos: dous dos detidos naceron na propia Alemaña, nunha contorna burguesa, e logo se converteron ó islam, un deles ós 15 anos. Vítimas do fanatismo, non sería despois difícil convencelos, nun campo de entrenamento de Pakistán, do acerto letal da cita do poeta francés.


"O fillo abandonado", de Marina Mayoral
La Voz de Galicia, Sabado 08 de septiembre de 2007

Vanity Fair publica unha longa reportaxe sobre o cuarto fillo de Arthur Miller, que padecía o síndrome de Down. Ese fillo foi recluído nun orfanato e borrado da vida do escritor, que nin falou nunca del, nin o visitou, nin o tivo en conta para nada, excepto no testamento redactado pouco antes de morrer, onde o equiparou aos outros tres fillos.
Os detalles da reportaxe son arrepiantes: a imposición de Miller contra a vontade da súa muller, a fotógrafa Inge Morath, que quería quedarse co neno; as deficiencias da institución na que foi internado; os prexuízos que isto ocasionou para o seu desenvolvemento intelectual; a negativa de Miller a que participase en ningún acto familiar, incluído o funeral da nai... Unha persoa que traballou no orfanato di: «Non era un sitio onde un quixese que vivise o seu can». E a propia Inge Morath, que visitaba regularmente ao fillo, dixo que era «como unha pintura do Bosco».
¿Como puideron facer algo así? ¿Como un home que foi considerado «o moralista da América do século XX» ( The Denver Post ), que se negou a dar nomes ao comité anticomunista, que defendeu nas súas obras o compromiso moral cos desfavorecidos, puido abandonar ao seu fillo por ser discapacitado mental?
¿E como Inge Morath, que tiña unha sensibilidade especial para captar a dor e reflectila, que sempre tivo unha ollada compasiva nas súas fotos, puido consentir en privar ao seu fillo do agarimo dun fogar? A resposta é sinxela: non eran deuses, só seres humanos capaces de grandes accións e de feitos miserables. Como todo o mundo.

8 sept 2007

ENTRE HORTAS E PORTAS (9), DE XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ.
VIÑO E CORDAS.

Entrada ao espectáculo (a Porta Nova)

Rúa Nova hai en moitos lados, pero a nosa leva algo especial. Non me refiro a que fose (din) o cardus fundacional, tampouco xaora a que no segundo treito radicase a xudaría; é polo nome e a súa fonética.

En Lugo o topónimo constitúe grupo fónico, soa coma unha palabra: “ruanova”. Diverso enderezo e entidade ostenta graficamente a forma soldada. E a min resultárame sorprendente ler, tería dezaseis anos, substantivo e modificador desunidos en placa de pedra substitutoria, porque o anterior e metálico epígrafe lucía -é un falar- branca sobre azul a mensaxe “Calle de la Ruanueva”. Teño cavilado ultimamente que igual se debía incluír tal redundancia no exemplarizante catálogo de Haciadamas, Viveros e Niños de la Guía; non iría soa: en antiga parte de xudeus, onde remataban os case únicos pallabarros que eu vin na cidade, comeza á esquerda o Carril das Estantigas; longo tempo foi denominado oficialmente “Carril de las Ortigas”, e é arduo colixir se interveu aí deturpación, estrañamento por desuso vocabular ou certo arrepío.

Todo o que arrecenda a Volkgeist ou disposición colectiva adoita volverse cheiro para algúns, a mofo; encontro eu porén que a sociedade móvese, con mudanza ao primeiro inconsciente e sentida. Polo ano setenta medraran cabeleiras e ancho do pantalón, asomaba o galego nalgunha placa pública, xurdía a “Misa de la Juventud”, levábase francamente mal o “a las nueve en casa” e “non fales, que poden escoitarte”. Resume a inquedanza moito do cantar que cantamos, ese con quien sueña su hija, quién no escribió un poema, vivo en un lugar donde no llega la luz, the answer my friend. Para algún crúzanse en magma proteico a Cançó de Matinada e Pete Seeger; acabados de adquirir Manuel María e Celso, irisan Moscoso e Benedicto, desvelan Alonso e Miro Casabella escarño e pasado culto da nación, Lois Diéguez outra visión do Vietnam ou o agromar branco e azul.

Bulía daquela o grupo xuvenil máis ou menos estable, bisexual xa sen remedio. Dos tres da Pandilla que vivían na Rúa Nova, Tomás -case enfronte ao Carril das Estantigas- posuía un activo e dous pasivos con gran rendemento: guitarra e magnífica destreza no arpexio; bufarda para uso persoal sobre a vivenda familiar; gravacións propias e intransferibles de Serrat e o fenómeno que acabou de convencernos: con aquilo, chamado “dialectos” na primeira escola que tiveramos, podíase protestar e amar o país -xa quedaba pouca dúbida-, tamén amar sen máis, ser perfectamente moderno desde o compromiso ético e a excelencia artística. Da grandeza do personaxe habíannos dicir co tempo o múltiple camiño, sátira e outros recoñecementos; no 1970, os admitidos na bufarda simplemente lle entrabamos a Lluís Llach, autor dunha marca para o noso grupo.

Na mesma vía e treito, Pedro Prósper tocaba guitarra clásica. Extramurallas, Pedro Vila beneficiábase dunha especial predisposición familiar, estudaba piano e seguía tamén a afección das seis cordas; Leandro, Pajón e Rodri tiraban polo rock: isto é só compendio, pretexto para aludir á fusión que en dez aniños nos traería a Brath e Taranis. Pero para os lugueses de calquera idade, a Rúa Nova era ante todo a dos Viños, parte substancial na zona máis etílica; constituía esta o primeiro tramo, da rúa de Montevideo á Praza do Campo, especialmente concentrada entre a estatua de San Vicente e mailo Carril dos Fornos. No que aínda se cocía pan, pervivencia artesanal e mercantil patente así mesmo en ben portais con variada tenda aberta.

Sempre supuxen por alí ao defunto Paredes, alegado asesor divino en materia lucense. Teríase levado ben co Piño, que ao marchar do Centro asentou no Ferreirós e, a máis dun capuccino con alto poder de convocatoria, ofrecía as ilustres tapas da tortilla vitaminada e o bichinguai, chamados por xente ignara “tortilla con ensalada” e “mexillón con salsa”: o que non sabe é coma o que non ve; no amplo catálogo do petisco gratuíto figuraban así mesmo callos de Mondelo, “o mellor callista de Lugo”, segundo encomiaba o Piño e con establecemento extirpador no Campo do Castelo. Tamén na Rúa, da outra banda e máis arriba, O Neno despachaba caldo e orella de bondade inversamente proporcional á empatía dos barristas; César, unha vez tras doutra, resumía o pedido colectivo só polo gusto de completar, cun dedo índice erguido que asemallaba o paidetodos, “¡...y un huevo!”, realmente medio, cocido e con pemento: vez tras vez o facía e sen falta era atendido con virar de costas e modorra aparentemente ilesa.

Á excelencia culinaria (como norma, feminina) non sempre correspondía graza palaciana -que diría Cunqueiro- no verosímil cónxuxe; verbi gratia, o patrón do Espuela mantiña para nosoutros perpetuo ceño tras do bigote, pero os callos ben o valían. Ás veces eran outros reclamo e disensión, a traseira do Yuma o tal para as guitarras e o dono en desacougo por tanta sudamericana de teor quizá conflitivo ou un Himno Galego que, aínda na parte primeira e tolerada, adoitaba levar camiño da segunda e prohibida. Mini, Mero, Monchiño o venezolano, Rodrigo Romaní, José Miguel Hernández... canta tarde, algún viño, canta música.

Fálase aquí de espazos idos. Pero cando a perna, igual con menos lixeireza, transita e continúa alí o Eslava, c’ Os Tres Pés, o Campos e o Miraz... podería de memoria ir ata os outros, poderían ocasionalmente xurdir Piño e Hernández, os pedros Prósper e Vila, tamén Marcos. Pois sempre están aí.

Párame un amigo na rúa
Pan por pan sábado 8 set.

Párame un amigo na rúa a propósito do PAN de onte, no que falaba da aerofobia e daquela película co monstro a estragar os motores dun avión en voo. Titulábase “Nos límites da realidade” e estaba inspirada nunha serie fantástica de TV dos anos 60 nos Estados Unidos, “The twilight zone”. Spielberg, un dos admiradores de mozo da serie, foi productor da película e codirector con John Landis, Joe Dante e George Miller. Este último dirixiu o mellor episodio, o do viaxeiro con aerofobia, para esmendrellarse de risa. Leo na rede a historia interna da rodaxe da película e xa non ten tanta graza: na rodaxe do primeiro episodio, dirixido por John Landis, este infrinxiu a lei para rodar unha escena cuns nenos escapando dun helicóptero entre explosións. Houbo un accidente e morreron decapitados un actor e dous nenos. O equipo de rodaxe, xulgado por homicidio accidental , foi absolto.

7 sept 2007

O BIPARTITO E O BIPOLAR (Manuel Rivas, "Escoitar e a Galicia Borrosa", EL País, 7 setembro)
En que se nota que lle está a fallar a Escoita a este goberno?
O que une a un goberno de dous e un relato común. Cada quen ten a súa propia lenda, mais o relato, na práctica de goberno, ten que ser común. Un relato popular, dirixido á xente, comprensíbel. O proceso da coalición ten sido bastante razoábel, mais nos últimos tempos ten habido unha deriva bipolar. Unha cousa é o bipartidismo e outra a esquizofrenia. Que ninguén se engane. En cada liorta, perden dous. Canto máis nimia sexa a causa da crise, máis danosa será, como ocorre cos púxiles que abrazados castigan os cadrís.
A sociedade é consciente de que este goberno se atopou con herdos diabólicos. A maldición da Cidade da Cultura e a chantaxe catastral da planta de gas en Mugardos. Só con coraxe, proxectos e relatos comúns pode saír airoso o bipartito. Mais hai outros erros de Escoita inexplicábeis. Non hai relato que sosteña o Plus dos 15.000 euros para altos cargos e funcionarios nunha sociedade onde para unha maioría onde esa cantidade equivale a todo un salario anual. Trátase de algo moralmente insostíbel. E algo que non é explicábel dende a ética, non pode ter tampouco un sentido práctico. En Galicia non só hai que cambiar o futuro, senón cambiar o pasado. Esa prebenda do Plus dos 15.000 fede a pasado. A corporativismo de Antigo Réxime. Hai unha saída que reforzaría a dimensión moral do cambio en Galicia. O anuncio público da anulación desa medida, máis propia dun réxime de faccións que de partidos que defenden os intereses xerais.
O bipartito vai durar, mais pode acabar como un principio ou como un final. Como un fracaso irreversíbel ou como rexo alicerce da redención galega. Pode facer fuxir á xente nova cara a unha estrondosa abstención ou pode reavivar a esperanza. O que é imprescindíbel é desenvolver o don da Escoita.


(Na nosa "Guía de Boa Lecturas" de hoxe é imprescindible esta cita de Manuel Rivas. Recomendo tamén a reportaxe de Daniel Salgado sobre os 30 anos do fin de TEIMA, coa opinión de moitos dos seus xornalistas daquela hora. Por certo, a conclusión que alí se deita, que Teima morreu polo radicalismo das súas posicións naquel contexto político tan difícil, é a mesma que fixera, xa en 1977, Carlos Casares nunha das súas entregas de "A ledicia de ler" na Voz).

en avión

Pan por pan venres 7 setembro

A finais dos 70 puxéronse de moda as películas de catástrofes, entre elas moitas de avións que escachifaban e cousas así. Non son entusiasta do xénero, pero lembro ver un episodio, non sei se de Spielberg, no que un trasno endiañado se dedicaba a estragar os motores dun avión en marcha ante a mirada aterrada dun pasaxeiro que padecía fobia a voar. Película pouco axeitada para Iberia, pero moi simpática. E se soben vostedes a un Boeing 757 e ven que o piloto ou o enxeñeiro xefe están matando unha cabra e untando o seu sangue no morro do avión, que pensarían? Pois tal cousa pasou nestes días en Katmandú onde, para conxurar unha cadea de avarías nun aeroporto, os xefes da compañía Nepal Airlines acordaron facer tal sacrificio dunha cabra branca e outra negra a Kal Bhairab, o deus nepalí da destrución. Funcionaría o amaño? E despois algúns rinse do San Benitiño!

6 sept 2007



FOTOTECA

Esoutro día en Trasalba déronos dúas fotos de Virxilio con Celso Emilio. Esta é a máis interesante. Están, de dereita a esquerda, Carlos Casares, Virxilio, Celso Emilio e a súa dona (Moraima), Pilar Vázquez Cuesta e a filla desta. Nunha feira, pero non sei onde nin cando: polas trazas a principios dos 70. Se alguén ten máis datos ó respecto, agradécense. Se non estou errado, na beira dereita está a filla de Pilar Vázquez Cuesta, a que coñecimos nunhas das primeiras Xornadas do Ensino. Daquela chamara a atención pola súa beleza entre a militancia bloqueira da época (escoitei logo que anos despois morrera?, pero quizais estou errado).


Engadido
Engado esta foto, do mesmo día, supomos que na Saínza e mediados os 70, con Virxilio e Celso Emilio (alguén identifica a moza sentada que se ve de fronte?).

Gustando (Bieito Iglesias, "Fío e Coitelo", El Correo Gallego, 6 setembro)
Imaxe: Jean-Leon Gêrome, Mercando escravas en Roma, 1886.

Non sei se os lingüistas tomaron nota dos novos usos do xerundio nos anuncios por palabras. Velaquí algúns exemplos de avisos xerundíficos extraídos dun deses diarios que reparten de balde: "Separada de 60 anos, gustando pasear, bailar e conversar, desexa intimar con cabaleiro educado e bo muchacho"; "Moza de 31 anos, 1,72, gustando animais, campo, natureza mar, etc, procura home compatible e sincero"; "Señor de 63, de clase media-alta, gustando música e falar, querería coñecer muller intelixente de características similares ou moi parecidas". Por parte do abuso do xerundio e da redundancia, este xénero de publicidade revela certa tendencia contemporánea a medir os afectos ao peso: "Solteiro, 35 anos, 1,67 e 70 kg, busca relación estable"; "Chico de 40 con tipo fino e sen experiencia procura mozo (absterse obesos)"; "Casado, sentíndose só, xubilado por problemas de lombo, desexa relacionarse con persoa grosa". Outro trazo significativo detectable nos reclamos é a alta opinión que a xente ten de si propia:"Viúva de 53, atractiva, simpática, xovial, doce, busca cabaleiro bo mozo"; "Muller de 45, alegre, divertida, optimista e positiva procura homes para amizade". En xeral, as cualidades máis cotizadas parecen ser a sinceridade, a estatura e a delgadez, non necesariamente por esta orde. Apurando os indicios sociolóxicos, diríamos que emerxen novos xeitos de convivio diversos e promiscuos, pois, a carón dos tradicionais chico busca chica e ao revés, abundan os suxeitos interesados en ligacións co mesmo sexo e as parellas con ansia de formar tríos de distinta composición (dúas contra un ou viceversa).
Agora que se abre un novo curso político, as páxinas de respecto dos xornais pretenderán que os cidadáns andan preocupados polas hipotecas, pero moito receo que as verdadeiras coitas da ordinary people se expresen nesas breves peticións de auxilio que integran a sección de contactos. Visto que existe un excedente sentimental de moi difícil saída no mercado erótico, tal vez de aquí a pouco nos vendan os xaponeses agarimosos robots, androides esveltos e sinceros.

5 sept 2007



Medo de verdade (relatos de Xosé Miranda)
Andoliña, 6 setembro

Sigo con atención a carreira literaria de Xosé Miranda, escritor lugués e ademais vello amigo dos tempos de Compostela, cando dirixía os movementos rebeldes do estudantado aquel que tiña no Lume o símbolo máximo do seu voceiro. Autor dunha gran novela de aventuras (Morning Star) e estudoso constante do noso imaxinario popular en múltiples traballos ó carón de Antonio Reigosa e Xoán Cuba, Miranda asinou varias novelas xuvenís valiosas como Pel de lobo e Ariadna e nesa contorna inscríbese a súa última entrega, que remato de ler, pero que tamén é unha peza magnífica para adultos.
Falo de As mans do medo (Xerais). Ten catro relatos redondos: As mans do medo, Lambirón, Mondoñedo e Seis dedos. O último dos citados xa figuraba na Antoloxía do conto galego de medo (1995) de Silvia Gaspar. O vizoso mundo fantástico do lugués ofrécenos agora corpos mutilados e suxeitos a rexeneración dexenerativa, partes do corpo que cobran vida propia, homes peixe, os aparecidos da nosa tradición popular, etc. O medo, consubstancial á especie humana, impreso nos xenes dende o tempo das cavernas: ben o sabían Poe, Mary W. Shelley e Lovecraft, os mestres do xénero.

4 sept 2007

MOVERSE NA SOMBRA, de Luis Paradelo

Todo escritor ou escritora que se adica á literatura con auténtica paixón aspira a que a súa obra revele un valor perdurábel, escribir sen esa ambición é un mero exercicio de distracción. Se lle retiramos a pretensión artística á escrita saímos da literatura e adentrámonos na cultura do simulacro. Ineludibelmente a honestidade do escritor vai anoada a esa pretensión de durabilidade que atopa hoxe serias dificultades nunha sociedade que consume todo tipo de produtos acelerada e indiscriminadamente. Precisamente esta indistinción é hoxe unha das maiores ameazas que se cernen sobre a literatura.
Edítanse gran cantidade de libros, auténticos simulacros de cultura, apuntes do que poderían ser novelas con máis adicación e algo de sorte. Promociónanse indistintamente a narrativa liviá xunto coas máis serias incursións intelectuais, resultando un “totum revolutum” que distancia e dana os dous cabos do sistema literario, o lector e o autor. A confusión provén dunha industria cultural que introduce o beneficio como único criterio discriminador e soberano, eclipsando toda avaliación propiamente literaria. Con estas prácticas non cesa de aumentar o desconcerto no mercado do libro, terxiversándose función e valor.
Non se pon en dúbida que a literatura de masas aproximou á lectura a millóns de persoas, pero deducir dese logro un alto mérito literario sería unha temeraria estulticia. Que un libro teña gran número de lectores non é indicio de baixa calidade, pero desde logo non garante o seu valor estético.
Nunha sociedade tan monetarizada como a nosa aquelas publicacións que obteñen mellores resultados de venta son obxecto da máxima atención, adicándoselles todos os recursos para optimizar beneficios, mais tanta luz focalizada nunha parte produce necesariamente sombra noutra, entramos na zona escura da literatura onde abondan autores inxustamente ignorados, silenciados e onde o esforzo non encontra aparente compensación. Zona de desasosego na que se vive á intemperie e a onde, ás veces, chega o alento para proseguir da man de escritores como Milán Kundera quen, no seu último ensaio “Le Rideau”, recupera a vella acepción do autor como explorador de novos territorios que agregar ao mapa.
A arte é pois ese relato do descubrimento de novas rexións da existencia humana que se engade aos anteriores, nun proceso no que a valía estética xerarquiza os achadegos evitando que a historia se convirta nunca caótica acumulación de obras sen relacion entre elas.
Milan Kundera defende a especificidade da novela como xénero, argumentando a súa autonomía respecto das ideoloxías, da ética, da filosofía … e observando que “na novela quédanos o último observatorio desde onde podemos abarcar a vida humana como un todo”, e acércanos a ese todo, “A vida humana como tal é unha derrota, o único que nos queda ante esa irremisíbel derrota que chamamos vida é intentar comprendela… Non é a insignificancia un dos nosos grandes problemas?”, e mostra a fotografía do novelista que se orienta por estas paraxes descubríndonos “un desertor que se volve pouco grato, condenábel, emparentado cos cobardes e traidores”.
De entre estas pouco esperanzadoras perspectivas descritas por Kundera xurden interrogantes. Que haberá de compensatorio para que pague a pena ese esforzo por aproximarse a unha realidade desilusionante, nada evasiva das decepcións, frustracións e sofrimentos cotiáns, que pode con facilidade acarrearlle ao novelista toda unha serie de inconvenientes, obliteracións, ninguneamentos e olladas soslaiadas desde o poder, sobre todo cando se observan as xenerosas gratificacións á cultura do entretemento?. Non sería mellor para os autores tentar esa outra sorte menos esixente, onde o manexo das claves do mercado pode algún día sorprendelo gratamente?. Cal é o segredo desta elección teimosa, na que algúns escritores persisten?, acaso un fracaso irreversíbel da súa vida, unha amargura crónica, unha monstruosa inxenuidade, ou acaso ocultan así a súa incapacidade para vivir?. Pode que si, que algo disto haxa pero estou persuadido de que os motivos máis poderosos son outros.
Ir a alma das cousas, como dicía Flaubert e subraia Kundera, adentrarse en campos descoñecidos da existencia humana, situarse no límite do real e asomarse, procúranos unha grande compensación porque obtemos experiencia. Vivir unha experiencia implica introducir unha excepcionalidade no noso transcorrer ordinario, pórse momentaneamente nunha situación, previa a todo o que poidamos dicir ou reflexionar sobre esa vivencia. O carácter común a “facer unha experiencia” é atoparse co inesperado, sexa un erro ou un acerto, no que o coñecido se presenta como acontecemento que anova o noso ser no mundo. Se o que buscamos son experiencias estéticas temos que esixirlle ao artista que a súa obra nos abra a esa excepcionalidade, que non nos ofreza un resultado repetitivo. A historia da arte, a diferencia da humana, non tolera repeticións.
Pero o que funciona no mercado é a copia e a imitación, que carece de novidade, de experiencia. O que ofrece a industria do ocio son compulsivas repeticións, revivals, versións, onde todo é practicamente previsíbel. Pola contra as auténticas obras de arte sorprenden e subvirten o sentido común de quen as percibe, que ve raptada a súa autonomía por un tempo que logo recupera a través da reflexión sobre o acontecido, recoñecendo os poderes da obra e a súa incapacidade para dispor dela ao seu antollo.
A verdadeira compensación para un escritor non é outra que ese poder que lle confire asomarse aos límites para abrir un mundo ficticio desde onde mirar a atrocidade do noso, creando expectativas de comprensión como remedio á renuncia ao mundo, á repetición e ao secuestro da experiencia. Porque esa vivencia desminte que só sexamos o que crimos ser até ese momento, nesa vivencia aceptamos que tamén somos o que nela descubrimos e o que en adiante agardamos, reconciliación ao fin, de nós mesmos entre os demais, na natureza… unha promesa.
Milan Kundera é un novelista de éxito recoñecido internacionalmente, mais que ocorre na Galiza cos escritores que orientan a súa produción literaria por estas paraxes existenciais?, que buscan a experiencia en territorios sociais omitidos pola oficialidade, de onde emerxen obras e discursos molestos ás rutinas sociais?, que procuran a universalidade nas raíces da súa obra e que observan como a lingua na que escriben non ten garantía de existir en corenta anos?. Zona de sombra.
Apartados da luz escritoras e escritores galegos fermentamos na imaxinación novas obras, aillados, ocultos á intensidade dos focos da industria cultural, inmersos na promesa que a arte nos manifesta e correndo un grande risco. Se a escuridade nos cobre por completo acontecerá o naufraxio onde xa non cabe a esperanza porque desaparece a experiencia e a posibilidade de manter o drama co mundo, afogando a promesa. Por iso hai que moverse na sombra, romper o aillamento, falar de nós mesmos, referirnos os uns aos outros e dialogar coa literatura mundial, puxar para que se distinga entre a literatura de entretemento e a de calidade, e para que se recoñeza que esta ten o seu público, que merece un trato diferenciado e que non hai por que entrar en salvaxe competencia. Na sombra os escritores tecemos redes para capturar lectores, únicos e redentores, mais non é posíbel na escuridade total, é preciso algo de luz. Por iso é tan importante que a emerxente industria cultural galega saiba distinguir diferentes gamas de consumo, evitando asfixiar cunha torpe mediación estes lectores e lectoras, alérxicos por intelixencia a miméticas estratexias de promoción.
Sobre de propina
Andoliña venres 7 setembro. Imaxe de Bacon.


Hai bastante barullo nos xornais e nos blogs e foros da rede a propósito dos "complementos retributivos" que percibirán algúns políticos por seren funcionarios: seica ata quince mil euros anuais nalgúns casos. A ‘propina’ tería vixencia para os políticos galegos en exercicio dende 1981, dende os inicios da Autonomía e segundo os cálculos do sindicato nacionalista case dous mil políticos-funcionarios poderían beneficiarse deste polémico ‘sobre de propina’.
Eu disto entendo moi pouco: son incapaz de interpretar a miña propia nómina, poden crerme. Tampouco me atrevo a opinar da moralidade ou da ética deste acordo, tomado no verán e cun certo ocultamento. Pero creo que o común dos mortais tampouco o entende. Nin o comprenden as bases sociais do PSOE e do BNG, partidos que antes se opuñan a esta medida. De seguro terá custos electorais.
A propina semella excesiva, inxustificada: dise que se quere compensar a falta de promoción deses funcionarios mentres están á fronte dun cargo público. Se se consideran mal pagos, que reclamen mellores salarios. Pero sen trampas: cando se presentaron ás eleccións, non nos dixeron tampouco que ían nas listas para facernos un favor.


EN POLEIRO ALLEO. OS SOLDOS DOS POLÍTICOS, X.M. SARILLE (El Correo Gallego, 4 setembro)

Na liña dos comentarios sobre a CASTA política que aparecen no post de Arume máis abaixo reproducido, este artigo de hoxe de Sarille, por certo demoledor na valoración do Bipartito. Se lles parece ben, subimos ata aquí o debate sobre os Privilexios da Casta.

Umbral, xornalismo, literatura
Andoliña mércores 5 setembro
Sorprendeume, pero só en parte, o tratamento informativo da morte de Umbral: máis ben escaso, agás o xornal no que colaboraba a diario. Coñezo ben a obra de Umbral e ten pezas maxistrais: á cabeza delas “Mortal y rosa”, o libro dedicado ó seu fillo morto, en 1975. Ademais, na xinea de Larra, Umbral foi peza fundamental do xornalismo literario neste país: contounos o final do franquismo e os inicios da transición, tamén en varios xornais galegos. Umbral formou na mellor xeira de cronistas da democracia, ó carón de nomes xa desaparecidos como Manuel Vázquez Montalbán e Eduardo Haro Tecglen, ademais das crónicas parlamentarias de Luis Carandell.
Que sucede, pois? Primeiro, que o escritor foi subsumido polo personaxe literario, como lle sucedeu a Cela e a Valle Inclán noutro tempo. Ademais, nos últimos anos Umbral puxo á súa pluma ó servizo duns intereses mediáticos e políticos moi concretos, os dos políticos que foron ó seu enterro. Moitos dos seus amigos de esquerda viviron ese proceso abondo abraiados e agora escriben del con doses calculadas de admiración e noxo. Como sempre, tamén por Umbral, o tempo dirá: ese gran escultor, na atinada e fermosa imaxe de Marguerite Yourcenar.
Querida bandeira (Afonso Monxardín, Galicia Hoxe, 4 setembro)

Tiven que frear de golpe. Acababa de pasar Castro Dozón cando vin o home cunha elegancia natural e hierática parado no medio da estrada. Semellaba ter uns setenta anos. Gastaba pantalóns de pana, boina e camisa clara. Pousaba no ombreiro esquerdo un inmenso paraugas negro co que se protexía do sol. Na man dereita sostiña firme un pau cunha bandeira que se notaba feita con cariño. Destacaban nela, sobre o fondo branco, unhas grandes letras "Bio" que non nos indicaban a vocación ecolóxica do abandeirado -tampouco a negaban- senón que o home usara un cacho de saco de penso para facela.
Parei, ollei polo retrovisor e puxen precavido os catro intermitentes. Mirei entón o home que coa súa presenza enchía o centro da estrada e pensei se estaría el ben da cabeza. Sen mover unha bandeira que colgaba de lado como vira eu facer aos gastadores nas procesións do Corpus, sorriume convencido. Un toliño, estaba empezando a pensar, cando de repente desde a beira dereita cruzan case correndo seis preciosas vacas rubias. Tanguíaas unha señora tamén maior, cunha aguillada máis grande ca ela, e animábaas -abilloei, ei vaca bei- a seguir o seu camiño tradicional, arestora cortado por esa estrada na que eu conducía un coche de moita tecnoloxía saído das fábricas proletarias de Vigo, na mesma nación pero noutro tempo.
O home, satisfeito, cruzou ­unhas palabras que non escoitei coa muller, enrolou a bandeira no pau como tantas veces fixemos todos na mocidade en Compostela, botoulle man polo saco para que non se desenvolvese, olloume de novo, azaneou educado e agradecido a cabeza de arriba abaixo e seguiu o seu camiño.
Un, que vai tendo unha tépeda aversión polos símbolos, insignias, himnos e bandeiras, acababa de encontrar unha pura. Con pau da terra e zume de xente. Con sentido común. Non para significar grandes construcións humanas, desexos ou parvadas (hai bandeiras de países, cidades, equipos de fútbol, bebidas, aceites de coche, gasolinas ou tabacos...). Esta fora concibida para algo esencial, práctico, útil, cotián. Para chamar a atención e facilitar a convivencia entre o gando tranquilo e un pai apurado que vai buscar a filla a un campamento da Xunta na outra punta do país. Ademais era branca, puña "bio" e parei ante ela. Declárome, pois, cidadán da república representada por esta bandeira. A miña.