28 jun 2007
O PP retira o seu apoio ó decreto de ensino da lingua galega aprobado hoxe polo Consello da Xunta
13.19h. En roda de prensa posterior á reunión do Consello, Pérez Touriño destacou que este texto fora rubricado polos tres grupos do Parlamento anteriormente.

27 jun 2007

E das letras saltarían logo estes esquemas e estereotipos ó mundo do cine: sinalouse esta perspectiva xa en películas como a deliciosa Breve encontro (1945), de David Lean, ou, en tempos máis recentes, O piano (1993): os adulterios femininos non podían, non debían, ter un final feliz. Unha actitude diferente amósase na película de Ulu Grosbard, Namorarse: en 1984 xa cambiaran as pautas morais, como testemuñan os personaxes encarnados por eses dous actorazos, Robert de Niro e Meryl Streep. Cando menos neste caso.
26 jun 2007

O díaño no corpo.
Andoliña 27 xuño (Imaxe de Sophie Anderson, Moza rezando)
A literatura presentou múltiples veces o amor como vehículo idóneo para exhibir condutas irracionais, ás veces moi próximas á loucura, dende o Romeo e Xulieta de Shakespeare ó Werther de Goethe, gran fecundador este de suicidios románticos na Europa do XIX.
Velaí a Doce Ferida que dicían os clásicos grecolatinos cando describían o aguillón de Eros, tan doce el como amargo a un tempo. Esa amargura impregna tamén obras mestras como O diaño no corpo, de Raymond Radiguet, escrita cando o autor contaba só vinte anos: por certo, unha carreira ben acelerada, o francés non viviu máis deses vinte anos e só deixou dúas novelas e algúns libros de versos. O protagonista de O diaño no corpo, novela seica tamén abondo autobiográfica (levada ó cine en 1947 por Claude Autant-Lara), é un mozo cínico, mentireiro, inmaturo, irresponsable, mesmo cruel. Case un neno, seduce unha muller casada, cando o seu home está na guerra do 14, e ela entrégase en corpo e alma a ese delirio: “Prefiro ser desgraciada contigo que feliz con el”, dille ó seu amante. É unha historia de amor paixón, sentida en carne viva por dous adolescentes: unha gran historia, perturbadora quizais pola súa mesma autenticidade.
25 jun 2007

Entre as películas destes últimos días estas dúas que aquí figuran. Roma, città aperta, de R. Rosssellini, revisitada despois duns 30 anos, máis ou menos. Paga a pena achegarse a ela só por ver a ese monstro actoral que foi Ana Magnani. Do resto, o espectador menos informado debería saber algo das imposibles condicións en que foi rodada, sen medios, nin estudios, etc. Creando case da nada o Neorrealismo cunha epopea da Resistencia italiana. De 1945, a película tardou moito en verse en España non só por ser antifascista: o papel do crego (Aldo Fabrizi) ere moi difícil de entender dende a óptica nacional-católica do franquismo. Por iso pode sorprender a insistencia no punto de vista do párroco detido e logo fusilado: en cine, a plasmación do famoso compromiso histórico entre comunistas e demócrata-cristiáns.
A outra película, Atando cabos, de Lasse Hallström, ten unha fasquía ben diferente, pero de suficiente capacidade fascinadora. Sobre todo no que significa de percura das raíces: que sucede cando as raíces só ocultan o sufrimento e a ignominia?

OS MICRORELATOS COMO XÉNEROLa Región 25 xuño
Despois diso, hai microrelatos de todos os tipos, temáticas e sensibilidades. Todos os estudosos do xénero insisten en saber retratar un microclima narrativo. Algúns apuntan a comenencia de empezalo e rematalo co mesmo suxeito e situación. Outros, mirando para Cortázar, engaden que non ten por qué ter principio nin final explícito. Todos valoran a importancia de suxerir, de actuar como unha chamarada de luz ou unha polaroid fotográfica. “Hai que ser exactos e breves”, dicía Pushkin do conto: con moita maior razón no miniconto ou microrelato.
Hai moitas receitas, pero na literatura non funcionan as receitas. Pero si os consellos dos grandes escritores. Como Horacio Quiroga: “Non empeces a escribir sen saber dende a primeira palabra cara onde vas. Nun conto ben logrado, as tres primeiras liñas teñen case a mesma importancia das tres últimas”. O xenial contista uruguaio dixo tamén: “O conto é un mecanismo case perfecto; xa que logo, esixe o dominio do oficio. É unha frecha disparada cara un branco”.
Unidade emotiva. Con outras palabras deixouno formulado o noso mestre Rafael Dieste, na súa introdución a “Dos arquivos do trasno”: “A unidade emotiva conséguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevir. O remate ha de te-la virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas. A presenza do remate debe estar atafegada pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato. O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente.” Todo o escrito por Dieste en 1926, data da primeira edición do seu libro, é plenamente válido tamén para o xénero do microrelato.
Afonso V. Monxardín en La Región 23 xuño
O próximo domingo será John Rutherford a persoa homenaxeada na festa anual da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba. A intención da escolla é tamén publicitar neste ano do cincuentenario do nacemento da idea de Unión Europea, a reflexión positiva que sempre animou ao galeguismo clásico con respecto da confluencia de xentes e vontades do noso continente.
Rutherford é profesor no Queens College da Universidade de Oxford. Desde alí potencia a Asociación Internacional de Estudos Galegos que reúne aos profesores interesados nas cousas de por aquí que dan clases en universidades de por aí fóra. E seguro que alguén se pregunta, que como lle poden interesar estas cousas. As explicacións son múltiples, desde termos unha das cinco ou seis grandes literaturas medievais europeas, ata o feito de que nos estudos de lingüística románica en todo o mundo, se estuden de forma especializada algunha das grandes linguas –español, italiano, francés...- e sempre, como complementarias, algunhas das outras máis pequenas. Aí está o inicio dese namoramento dalgunha irmá máis noviña, que, como nas películas de vaqueiros, foi o caso do profesor Rutherford, especialista e traductor, tamén, de La Regenta ao inglés, entre outras moitas cousas. Pero el leva vantaxe: está casado cunha natural de Ribadeo e pasa alá os veráns.
A decisión da Fundación Otero Pedrayo alegoume especialmente porque en 1994 tiven o pracer de coñecelo en Oxford no seo dun congreso sobre cultura galega, pero sobre todo, porque me fixo vivir en xuño de hai dous anos unha anécdota digna de contar e presumir, como paso a facer encantado. Iamos daquela visitar Londres e Oxford cos nosos alumnos do IES As Lagoas na excursión fin de Bacharelato e a noite anterior á saída lembreime del e púxenlle un e-mail para ver se nos podía ensinar o seu tradicional College onde estudaron Clinton e Mr. Bean, por citar dous famosos, pero marchamos, claro, sen recibir a resposta. De alí a tres ou catro días, xa nós no Vao do Boi –que é o que quere dicir Oxford- pregunteille ao guía se podiamos visitar o Queens e dixo que imposible... que nunca se abría a excursións de estudantes... Pedinlle, ante o seu escepticismo, que mo deixara intentar a min... que mal sería. Alí, un vello e eficaz bedel, sabedor da miña posible chegada, acompañoume a través de portas, corredores e escaleiras á sala de profesores. O profesor Rutherford recibiume coa máxima amabilidade convidoume a sentar e tomar un te e charlar un pouco de todo, mentres agardabamos polo resto da expedición, que dirixían os nosos profesores de inglés Carmen Babarro e Xosé Antonio Vázquez. Logo saímos ao seu encontro e fíxonos unha fermosísima visita guiada, en galego con acento de Oxford, polos patios, capela, comedor... ata acabarmos os cincuenta no seu despacho. Contounos da actividade do Centro de Estudos Galegos que alí dirixía e vimos os libros e unha bandeira de Nunca Máis que tiña por alí pendurada... Os meus alumnos quedaron encantados... e eu... pódeno imaxinar.
24 jun 2007

.jpg)

23 jun 2007
Unha amiga quedou un pouco sorprendida da celebración do Día das Letras Galegas en Roma por iniciativa do Instituto Cervantes.
Semella que os aires romanos reconciliaron a Francisco Vázquez, "diplomático", coas letras galegas. Ela encóntralle á cousa pouca poesía. Pero non deixa de ter a súa gracia.

2. A Muralla, o Breogán e o Recreo.
Mediando os anos sesenta había en Lugo dous institutos e, salvo ignorancia, tres centros privados onde se impartía o bacharelato. Aínda quedaba outro, Fingoi, pero tan particular que na vida usual non computaba: realidade paralela e case inefable, coincidíase con eles só no baloncesto, onde todos os seus equipos (Pequenos Líber, Mini Líber, Líber) adoitaban meternos palloscas memorables. Probablemente polo ano 65 ou 66, o meu grupo xogou contra os dous primeiros na competición de mini-basket desenvolvida no antigo pavillón da OJE e terreiro contiguo; perdeuse cos cativos só por oito ou nove puntos: pero deámoslle dimensión aclarando que ao seu pívot quiteille eu a pelota nun salto entre dous (“loita”, daquela) e os cinco meniños aplaudían e berraban “¡Bieeeen!” cada vez que encestaban; co Mini o resultado foi un 74-3 (posible canastra miña, tiro libre do Guillermo) e non se fale máis do choio.
Cousa aparte o Colexio Fingoi. Empresa escolar do grupo Fernández; edificio de Gómez Román, coeducación, horta, clase de gaita, amplos campos de deporte e outras instalacións en ámbito, daquela, certamente bucólico e xeórxico a dous quilómetros mal contados da Porta Agirre. Boa parte das familias máis abastadas enviaban a prole para recibir ensino naquela institución de carestía lendaria, estraña e intrigante modernidade, cadro profesoral bastante connotado: Carballo Calero dirixiuno (como conselleiro delegado, por carecer de autorización estatal), deron clase Ángel Johan, Carlos Varela Veiga, Méndez Ferrín, Bernardino Graña ou Arcadio López Casanova.
Subindo da estesa carballeira e os eidos co centeo, en estrema urbana concéntranse os establecementos normais quitando as Xosefinas (vulgo xuvenil, Pepas), topograficamente algo excéntricas onda a Porta de Santiago. Forma o resto un triángulo escaleno: primeiro vértice nos Maristas, a carón do Campo da Feira e o Cárcere; desde alí, catro ou cincocentos metros en liña recta imposible (cumpriría furar o Seminario Maior) ata a Compañía de María (as Monxas), cuxa traseira xa anda camiño de Fingoi; desde este ápice, por unha Avenida de Ramón Ferreiro sen vivendas vaise ao Instituto Feminino -case por fronte ao Cemiterio Vello- e o contiguo Masculino, que pecha polígono subindo cen metros por entre ambos Seminarios.
A FP é cousa aparte, menor, para pobres; alí apréndese un oficio, e niso se cavilaba inicialmente para un servidor. Ilusións familiares, certa mellora económica, se cadra o desarrollismo, deron comigo no Instituto coa probable esperanza de verme inspector de policía ou empregado de banca. No Instituto Masculino, xaora, e como integrante de tal tribo urbana con veciñas forzosas (no Feminino) e inimigos de caste (nos Maristas). Cada cousa ten o seu caso.
Obviamente, había estrita separación de sexos que durou en ambos liceos deica o 1983. Lindaban pola parte de atrás, con patios terreiros e espazo para o baloncesto. Escaso encontro, ímpeto hormonal, algunha provocación; asalto masculino, alarido feminino; posible aviso ou demanda: a mediados dos 60, en certo recreo xorde da nosa banda abouxante asubío, apupo contundente ao tempo que uns operarios levantan reixa separadora de sexos. Coma Kennedy, sind wir Berlineren und Berlinerinnen; con modo e modismo de orixe radiofónica, nomeamos o cerrado “la valla de la vergüenza”. Notoria mensaxe política e subliminal: “Los chicos con las chicas tienen que estar”.
O dos Maristas é menos puntual. Centros masculinos de referencia, privado e público, a hostilidade é obriga. Nós chamámoslles “laconeros”, en inequívoca suxestión subornativa; eles non deben ternos nome, ostentan a distinción inherente ao que paga máis e é timbre de certo prestixio mandar os rapaces alí. Paus non sei se habería moitos, pero no baloncesto... Dous almirantes, o Hermano Tomás e o señor Rábade; dúas escuadras, Maristas e Estudiantes, cada vez máis en valor coa decadencia dos fingoiáns; o Pavillón Municipal dos Deportes, un fragor.
Porque estamos en Lugo, señores, e o basket é xa tradición que desde algunha elite social, aínda sen ameazar a supremacía do balompé, capta entusiastas practicantes e espectadores. Caixa de recrutamento, os centros escolares; buque insignia, o gran equipo da cidade. Por iniciativa dos irmáns Varela Portas, queda constituído polo 65 ou 66. Barallando nomes, a erudición e prestixio de Celestino Fernández de la Vega impón o de Breogán, certo heroe galego -segundo informa un folleto confeccionado ad hoc- que poboou Irlanda.
Será factor básico de autoestima luguesa en tempo que escasos motivos deu. A pequena cidade onde nada pasaba terá equipo en Primeira División desde o 1971. Entre os oitenta e os noventa, unha das máis concorridas manifestacións da localidade, multitudinaria, apoiará o Breogán fronte aos árbitros e a Federación.
Eran algúns dos leceres da mocidade estudantil; polo menos, da que dispoñía dalgún tempo e algún diñeiro. Cediño, a media mañá, contra as dúas da tarde, a rúa do Bispo Agirre bulía de rapazallada que ía, paseaba ou volvía. Delas, en grupo estritamente feminino, as avisadas non lle quitaban ollo ao Balbino, que coa súa pucha, o sorriso pillo duns sesenta anos e aínda tirando do carretillo, a miúdo atopaba onde meter a man. Nosoutros, directos ao Recreo, establecemento ateigado de futbolíns, billares, máis tarde ping-pong, máquinas eléctricas e juke-box. Quen tiña cartos, xogaba; quen non, miraba.
O selo do Recreo era tal, que o local mantén hoxe a mesma actividade, quen sabe cantos nomes polo medio. Pesaba tanto daquela, que segundo algún Lugo tiña tres monumentos nacionais: os nomes, na cabeceira deste escrito.

(P.S.: por certo foi unha delicia ver a María Lado ler o seu microrelato cos seus acentos fisterrás, de geada e seseo, nas interiores terras aurienses, tan pouco habituadas a eles. Os meus parabéns ás tres mozas gañadoras e un saúdo tamén para Fátima González Comesaña, de Nigrán, que acudiu a recoller o seu galardón e estaba máis que encantada porque era ata agora autora inédita e escritora case a escondidas. A outra premiada María Lorenzo Miguéns, que non puido acudir, polo que eu sei xa ten participado noutras citas semellantes e foi premiada nalgún Concurso de Contos da Casa da Xuventude).
22 jun 2007


21 jun 2007
O pasado luns reuniuse o xurado do VI Premio de Microrelatos Carlos Casares, do Liceo de Ourense, e fallou os premios desta edición, entre un total de máis de 700 textos presentados. Ata mañá venres, data da entrega, non podo facer públicos os resultados. Pero darei dúas pistas: forte presenza feminina nesta ocasión e, como xa sucedera no 2006, o texto gañador ten moito que ver co blogomillo galego.
Actualización: 22 xuño, 15 h. OS PREMIADOS (acta completa en comentarios):
Despois dun amplo debate sobre 673 os traballos presentados os compoñentes do Xurado acordan por unanimidade conceder o “Premio CARLOS CASARES” de Microrelato, correspondente ó presente ano 2007: O aportado co lema “Anabel Lee’’. Aberta a plica correspondente resulta ser a sua autora Dona María Lado Lariño, con enderezo na localidade de CEE - A Coruña, Rúa da escona, nº 1 - 1c , e o título definitivo da obra “Alugueres antigos”.
Así mesmo acórdase outorgar dous accésit, dotados polos membros do Xurado con 300 euros, ós traballos seguintes: O presentado co lema “Non teño máis que dicir”, do que una vez aberta a plica correspondente, resultou ser a sua autora Dona Fátima González Comesaña, con enderezo na localidade de Nigran - Pontevedra, Rúa Torreiro, 64 - Priegue, e o título definitivo da obra “Sangue”. E o presentado co lema “Berta”, do que una vez aberta a plica correspondente, resultou ser a sua autora Dona María Lorenzo Miguéns, con enderezo en Laiño- Dodro, Tarrío 26 A Coruña, e o título definitivo da obra “O Limoeiro”.
Poden vostedes ler ALUGUERES ANTIGOS na casa blogueira da súa autora: casatlantica. Xa me dirán se lles gusta.
"Tiros", de Bieito Iglesias (ECG) : non vai de himnos, non pensen mal, é unha fermosa evocación do avó Benito, cazador.
"Vilalba", de Antón Baamonde (EP 2o xuño)
"Oviedo e Vigo", de M.A. Candelas Colodrón (FV. 21 xuño)
Queremos ir a Francoforte (X.L. Méndez Ferrín, FV 22 xuño)
"Comer as sobras", de Xavier Castro (GH 22 xuño)
Moi ben ilustrado (magnífico traballo, Antón), a Revista das Letras de GALICIA HOXE, un dos mellores suplementos culturais deste país, publica hoxe un monográfico co texto completo do meu pregón na Feira do Libro de Ourense, que xa apareceu neste blog.
Esta é a ligazón para ver a nova edición deste texto, e aproveito para agradecer a Caetano Díaz e ós responsables do xornal a súa atención co mesmo.
Ademais, o amigo Ramón Nicolás publica no Faro da Cultura, do xornal FARO DE VIGO, unha recensión do libro Teoría de Galicia, de Otero Pedrayo, no que fixen o estudo introductorio. Graciñas tamén, Ramón, polas túas palabras sempre xenerosas.







