24 ene 2009


O BOSQUE E A PERDA DA INOCENCIA
ANDOLIÑA luns 25 outubro 2004

Como sabemos por Bruno Bettelheim e por outros autores, os vellos contos infantís cumpriron unha necesaria función educativa: aprendían a enfrontarse aos medos e perigos da vida desde as claves dunha fábula infantil. Por iso aquelas historias doutrora non refugaban a crueldade, ben pola contra esa era a súa cerna máis fonda: ¿pódense imaxinar historias máis crueis que as de Hänsel e Gretel, a Carapuchilla Vermella ou a pobre Brancaneves? Cos mesmos vimbios narrativos, semella que hoxe o cine está a ocupar en parte o lugar daqueles relatos: velaí, “O bosque” (The Village), a película de M. Night Shyamalan.
Lucius, o personaxe que quere cruzar o bosque e chegar ata a “perversa” cidade non é máis que un novo Xoán Sen Medo que desexa probar a súa ousadía. Pero o argumento introduce unha atinada reviravolta para converter o noso heroe nun novo Belo Durminte que terá que agardar a salvación da man dunha agora heroína, Carapuchiña Vermella cega, pero non indefensa. Cando a muller recupera o seu espazo na sociedade e a iniciativa en tantas facianas da vida, é de agradecer este aceno: ¿entendemos que será ela, de volta da aventura, a que conduza ao noso Durminte ao seu espertar da sexualidade?
A película de Shyamalan, fiel aos tópicos do xénero (cómo non, o enemigo está dentro de nós mesmos), admite outras lecturas: entre elas, as que inciden nos seus aspectos máis conservadores (neo-con) e no terror do mundo logo do 11-S. Pero isto pasará, agardemos. E o poder marabilloso dos vellos contos infantís pervivirá sempre...



Por favor, identifíquese ...

Velaí algunhas das fotos das que falei embaixo. Unha no Zoo de Madrid, curso de Ingreso?. O rapaz que está á miña dereita creo que era un Reverter.

Na foto de grupo, no patio dos Maristas, quizais 1º de Bacharelato, lembro todas as caras pero esquecín moitos nomes. Aí van algúns, de enriba abaixo e de esquerda a dereita (irei completando, cos datos que vostedes acheguen).
Na primeira fila, 1. Pedro Diéguez. 2, Quiroga. 5, Darío. 6, Marra. 8. Jaime Barros Leboreiro. 11, Timiraos.
Segunda fila, José Luis Gutiérrez (actual delegado en Ourense da Consellería de Facenda), 1. Manuel Expósito, 2. José Luis Portugal Maceda, 3, e o meu amigo José Fco. Rey Barahona, o hondureño, 4. Alejandro de la Fuente, 6. Cabrera, 8. O Cobo pequeno, 11.
Terceira fila. J. Carlos Lorenzo Rodríguez? 1. Trigo, 2. Alejandro Bravo,3. Iriarte, 4. Felipe Gutiérrez, 5. Este menda é o n.7 e logo están Salgado, 8, o amigo Xosé Lois Carrión, 9, e Antonio Pérez. 10, hoxe avogado e atleta.
Na cuarta fila, Tato, 1. Taboada, 3. O alaricano Manolo Míguez, 4. Mera, 9. Fidalgo, 10. Ancoechea. 12, Maxi(mino).
Seguro que algúns amigos con máis memoria ca min son quen de recoñecer máis nomes... GRACIÑAS polos datos a X.L. Carrión e a Ricardo.

Un premio da infancia
Miren con que xeito sabía recoller un premio cando a miña máis tenra infancia. Debía ser un premio de debuxo, da delegación de Xuventudes, e o que fai entrega é Ricardo Martín Esperanza, Caíto, unha das caras do poder da época.

Fotos antigas.
PAN POR PAN sábado 24 xaneiro
Imaxe: o meu avó materno, Benxamín López Fernández, camareiro en Cuba.

Pasáronme unha pequena colección de fotos antigas da miña familia. Entre elas hai xoias como retratos dos meus avós maternos, Benxamín en Cuba e Carme en Buenos Aires, posando estilo Hollywood, e moitas da miña infancia. Vexo a foto dun curso de Bacharelato en Maristas e o cerebro ponse en marcha: non recordo todos os nomes, pero si moitos acenos, anécdotas, impresións. Outras fotos son dunha excursión colexial a Madrid, con Cesta y Puntos. Retratámonos no Zoo e no Santiago Bernabeu: os das imaxes, algúns hoxe profesionais coñecidos, son neniños ben peiteados, coas súas chaquetiñas de punto ben colocadas, cunha expresión tan cándida como a dos anxiños barrocos das nosas igrexas. Noutras estamos na praia, eu posando cos brazos en xarras. Que queda daquel cativo despois de catro décadas? Quizais unha mirada, quizais unha ilusión, quizais só unha luz no recordo.

23 ene 2009

Estúrdiga Materia de Luís González Tosar, libro galego do ano
A.L.M. Corresponsal
Os lectores de El Progreso e do xornal dixital Galiciae escolleron como Libro Galego do Ano 2008 o poemario 'Estúrdiga materia' (Galaxia) de Luís González Tosar, segundo recolle El Progreso (domingo 29 de decembro). Esta obra saiu dende o primeiro momento como favorita dos votantes, que optaron á par polo libro científico 'Pó de estrelas' (Consello da Cultura Galega) de Xurxo Marino, nunha curiosa aposta por dous xéneros que adoitan ser superados polas novelas neste tipo de votación. Eran quince os libros galegos publicados durante o ano 2008 e asinados por un autor vivo que se enfrontaban ó xuízo dos lectores.
Outros libros considerados foron o ensaio 'Por unha Galiza liberada' (Espiral Maior), de Xosé Manuel Beiras; a obra de Rosa Aneiros, 'Os ourizos cachos e o gran río gris' (Galaxia); a nova obra do escritor Xabier Docampo e o ilustrador Xosé Covas, 'O libro das viaxes imaxinarias' (Xerais); 'Festina lente' (Xerais) de Marcos Calveiro; 'Látigo de algas', de Antón Reixa, e 'As mellores intencións, de Begoña Paz.



Dende Santiniketan
Dende Bengala, na India, escríbeme o amigo e profesor Pepe Paz. Pasa alí uns meses para "desconectar das maldades de Occidente". Reproduzo un anaco da súa carta.

De amor de desamor: 25 anos
En 1984, xurdiu un colectivo poético, formado entre outros por Rivas, Lois Pereiro e Pallarés, que recuperou na Coruña espazos coutados pola ditadura
Artigo de XABIER CORDAL en GALICIA HOXE 23-1-09
Amigo morto, de X.L.Méndez Ferrín, Faro Vigo 23-1-09

Deixounos para sempre o escritor e amigo Manuel Riveiro Loureiro e ficamos tristes e menos. Foi a súa unha vida ateigada de angueiras, dificultades, ledicia, esperanza múltiple; tamén de soedade e dúbidas. Foi un excelente narrador de historias e a historia da literatura galega acolleráo sen dúbida na súa redacción definitiva, que non é aínda para mañá. En cando ao relato meu persoal da literatura e da arte da Galicia en que vivín, nel ocupa un posto de honra a figura deste amigo morto. Riveiro Loureiro abre o capítulo titulado Lealtade no meu particular Libro dos Amigos, ou sexa no meu Cemiterio Privado, dito o cal tamén se me aparecen na memoria Otero Pedrayo e Celso Emilio por non variar.Riveiro Loureiro era fillo nobre da clase obreira desa cidade que non é Marineda na obra de M. Rivas. El foi broche e renovo daquela xente supervivinte que por non chorar ou enmudecer se puxo a cantar polas tabernas en 1936. Pola miña memoria pasan algunhas das mellores mentes da miña xeración, coruñesas. Pasa a sombra de Xohán Casal, precursor e facho da nova narrativa. Martínez Barbeito dixérame que era da familia de Ánxel Casal e na casa deste morto amigo había unha bandeira republicana onda o burros dos abrigos. Pasa, moi desdibuxado, Xosé Antón Arxona de Santiago, que soubo apoiar, o primeiro, a idea de Lois Soto e a insercción do marxismo no atraso político de Galicia -recentemente morto. Pasa Reimundo Patiño Mancebo, en cuxo sangue latexaba a totalidade das porencias cósmicas e das potencias revolucionarias do proletariado da Coruña. Patiño, en quen termina unha forma falsa de facer pintura galega e se abre outra vía que rematará na independencia. Pasa Avilés de Taramancos pegando chimpos e facendo pinchos carneiros polo Cantón vestido do uniforme da Mariña de Guerra Española, non lonxe de Lugrís, Urbano. Pasa o máis secreto dos escritores da Curuña, que non sei se é vivo ou se é morto: José Luis Aranguren, neto do coronel Aranguren que salvou Barcelona dos militares franquistas.Tamén non sei se é morto ou vivo, e ogallá sexa o segundo, Afonso Gallego Vila, mestre da pintura avanzada e do poema radical. E ignoro o paradeiro de María Cremaes, aquel espíro ceibe e boca carnal moi fumadora que sempre se abraza na miña memoria, artistas xémeos eles, con Jean Dubuffet. Esta é a miña Coruña de lembranzas, de sombras, de Saudade non piñeirista. Estes son os grandes coruñeses da miña xeración antifascista e nacionalista que me acompañarán mentres viva eiquí en Vigo e en Vilanova dos Infantes. "Ando en conversación con los difuntos", que escrira o Outro mais soberbio verso castelán.Manuel Riveiro Loureiro era da idade e do xorne destes mencionados e, seguramente, doutros que non se cruzaron comigo nin erraron o discurso dos seus anos polos mesmos carreiros que eu errei. Siescaso, únese aos citados un Xosé Alexandre Cribeiro que baixa agora do Castromil porque tiña que se examinar na Coruña para o título de procurador dos tribunais. Dedicatoria: a Ximeno Amil Edreira, que está vivo e lúcido en Bos Aires.

22 ene 2009


Espartaco - Quintana

Pero, se lles apetece, xa poden ir opinando.
ANDOLIÑA 23-1-09
É unha das escenas inmortais da historia do cine, na maxistral Espartaco, de Stanley Kubrick. Nunha paisaxe montesía repousan os escravos vencidos e encadeados. O xeneral romano quere saber quen é Espartaco, o líder da revolta. Tony Curtis, pesaroso, mira cara a Kirk Douglas. Este érguese dicindo Eu son Espartaco. De inmediato fan o mesmo dous compañeiros e logo un cento deles, todos co mesmo berro.
A secuencia tivo éxito en terras galegas. Primeiro inspirando o Vivamos como galegos, de Gadis, e agora co Eu son Anxo Quintana, da precampaña do BNG. Xa se fala do caso nos telexornais españois: o obxectivo de chamar a atención está logrado. O anuncio, con todo, dista de ser perfecto, sobre todo porque os protagonistas son actores galegos habituais na comedia televisiva galega e isto impide manter o ton épico orixinal. Quizais se buscase un rexistro de parodia, pero isto, se sae mal, é perigoso tratándose de publicidade electoral.
O que é certo é que o anuncio provocou o debate, para ben ou para mal. Está nos blogs e nalgúns mesmo se critica o seu suposto carácter mesiánico. O único que sucede é que a publicidade política véndese coas mesmas armas que as lavadoras. Aínda que sexa do BNG.

Pisco,
BIEITO IGLESIAS, ecg. 22-1-09

Agora mesmo estou pendente do baño que se dá un paporrubio nun pratiño con auga de chuvia. O volátil que alá onda nós (Ourense) se chama pisco, como o defensa central asturiano do Deportivo alcumado Piscu, pousou nun cameleiro de flores damnificadas polo vento e o torbón xélidos, para logo entregarse a delongadas ablucións, batendo a auguiña con asas e bico. Velaquí, plantificado na miña terraza, un perfecto emblema do inverno e deste mes de gatos á xaneira.
Teño un cartón postal adquirido en Florencia no que o primeiro mes do ano (gennaio) aparece representado por un pisco amouchado nunha póla espida polos fríos. A propensión a cantar xaneiras vénme do zodíaco, pois nacín o día de Reis, baixo o signo da Cabra, e a simpatía polo paxariño de pescozo vermello débese a certa complicidade ideolóxica. Porque o paporrubio é individualista, a tal punto que o seu canto pode traducirse así: Fai-pra-ti, fai-pra-ti, fai-pra-ti (con música de serea de ambulancia).
A invernía asóciana os escritores de humor saturnal coa morte. Joyce describiu a folipada de neve como unha mortalla a empanar Irlanda; Paulino Vázquez ensópanos na "chuvia escura, gris, mortal sobre as campas", no poemario Arcaico o tempo que respira, recén saído do prelo; e Emily Dickinson láiase da marcha do cuco e do ouriolo, que levan consigo ao emigraren toda a música do verán. A decir verdade, a poeta non menciona o cuco (isto corre por conta do tradutor ao castelá, que non quer escribir o feo nome de "chotacabras") senón a noitebra.
Os políticos son xordos á palabra calcada polos pés numerosos da poesía, se acaso agárranse ao sucedáneo das rimas do refraneiro. Por iso a Ministra de Fomento quixo combater os problemas de tránsito causados pola neve evacuando adaxios: "Año de nieves, año de bienes". Hai razón. Dúas posibles explicacións da crise económica: Ano de herba, ano de merda ou ben Ano de belota, ano de larota (fame).

Marcos Valcárcel. por Marina Sánchez Soto
--> LA REGIÓN 21-01-2009

Sempre é fermoso comprobar que se lle adica unha homenaxe a un dos nosos, pois témolos moitos e bós. Que os compoñentes do Pen Clube lle rendan tributo a Marcos Valcárcel é unha idea fantástica, realmente, ben pouco recibe moitas veces esta xente que tanto da, que tanto sabe dar, é o caso deste historiador cultísimo e traballador que sabe dinamizar a vida desta cidade -nada sinxelo por outra parte- sabendo facerse imprescindible cando dalgúns actos culturais se trata. Coñecino un día que Aelga (Asociación de Escritores en Lingua Galega) lle concedía un premio ó escritor Xosé Fernández Ferreiro (autor entre outros de ‘Agosto do 36’ e ‘A saga dun afiador’) alá en Luintra por ter este home nacido alí.
E alí estaba Marcos, sempre apoiando, el que tamén leva sangue da terra afiadora e ben que me alegra o sabelo. Viñemos de volta no seu coche, e foi ese o día que máis falei con él, pero xa lle profesaba unha profunda admiración, polo que ademáis de quedarlle agradecida por traerme de volta, lóxicamente disfrutei da conversa coa que sempre nos deleitan os seres cultos e cultivados.
Benvido sexa ese premio e que veñan máis porque os ten sobradamente merecidos, sexamos ‘xenerosos’ e digo esta palabra porque é unha das que máis repite el cando fai falar á humildade.
Excelente a súa ‘Historia de Ourense’ na que este maxistral mestre nos axuda a descubrir -non a onde imos- pero sí de onde viñemos e eso xa é de agradecer. Un día máis outra columna leva o seu nome, pois repetimos o que xa sabemos: que Marcos Valcárcel é excepcional, e por sorte noso, moi noso.

21 ene 2009


Bye, bye, Bush
POR ANXO TARRÍO VARELA

O artigo completo
O único que a este cronista lle desgusta e que se repite con excesiva frecuencia en todos os discursos políticos americanos é a invocación á instancia divina, a ese Deus improbábel que permite tantas traxedias e non cercena as mans dos que someten o mundo en beneficio propio. Mesmo como ocorreu con Íngrid Betancourt, que nada máis ser liberada do secuestro ao que a someteron cruelmente as FARC comezou cunha serie de invocacións á Virxe de Fátima e cousas así que fan desconfiar. Ese Deus que tanto lles serve aos políticos para un rachado como para un descosido, xustificando, neste caso, tanto a pésima xestión do presidente saínte, G.W. Bush, como os máis que previsíbeis fallos do entrante, Obama, pois todo será vontade de Deus. Polo de pronto, Obama invitou á cerimonia da súa toma de posesión como presidente ao seu amigo o pastor Rick Warren, coñecido inimigo das unións de parella homosexual e, xa que logo, defensor dunha discriminación equivalente á que sufriron os negros en América até agora.
A ver cando desaparece Deus do consello asesor dos políticos e se limita a consolar aos seus pobres seguidores.
A hora decisiva
aNDOLIÑA 21-1-09

Onte foi un gran día para o mundo: foise do poder dun dos Estados máis poderosos o señor Bush, un dos políticos que xerou máis odios ó longo de todo o planeta. A maioría das persoas que asistían en Wáshington á toma de posesión de Obama de seguro respiraron aliviadas desexando o final da política das mentiras que quixeron xustificar guerras. Os Estados Unidos poden empezar xa a loitar por recuperar unha outra imaxe no concerto das nacións.Barak Obama apelou onte a conquistar a esperanza contra o medo. Disque un mozo de 27 anos lle prepara os discursos: dende logo respiran o entusiasmo e a coraxe da mocidade.
Pero Obama falou xa como home de Estado, chamando ó esforzo de todos os cidadáns do seu país contra a crise. Alguén dixo que daba a imaxe dun home tranquilo en medio dunha treboada. Agardemos que agora non defraude a xigantesca enerxía colectiva que recolleron as cámaras de televisión. Ante o frío perfil de Bush, Obama afirmou que a seguridade non pode sacrificar a liberdade. Que peche xa a base de Guantánamo e borre o seu país da ignominiosa lista de Estados que practican a tortura. Sequera sexa pola memoria de Rosa Parks e Martin Luther King.

20 ene 2009

Un discurso de talla.
Unha treboada de enerxía colectiva en Washington.
Que non nos defraude.

A estrea de Obama, de XULIO RÍOS, Galicia Hoxe 20-1-09

Por outra parte, as declaracións de Hillary Clinton ante o Comité de Relacións Exteriores do Senado, auguran un cambio de rumbo, cando menos nas formas, asegurando que a forza militar será usada unicamente como "derradeiro recurso". A reivindicación dunha diplomacia intelixente resulta dos fracasos da ausencia de diplomacia e de intelixencia, da marxinación de principios mínimos e do exceso de soberbia fronte a propios e estraños. A dirección que tomará a política exterior de Obama, pese a todo, segue a ser unha incógnita, aínda que estas declaracións, o perfil dos nomes que se barallan para acompañar á titular da Secretaría de Estado e as reiteradas alusións e coqueteos con certo centrismo deixan atrás a orixinalidade prometida durante a campaña electoral. Chegou a hora do realismo.



Ós que deteñen a súa mirada en nós.
Graciñas, grazas... outra vez.
(Ós outros mellores 2008, parabéns).



Fervenzas Literarias :



Tras case un mes de votacións e con case o dobre de participantes que na edición do pasado ano, xa están dispoñibles os resultados de O mellor do 2008. Queremos dar as grazas a todos e a todas os que participaron nesta enquisa e os nosos parabéns aos gañadores.
O mellor do 2008 segundo os lectores:
Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro.
Mellor libro de poesía adultos do ano: construcións (Positivas) de Eduardo Estévez.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos (Xerais) de Manuel O'Rivas.
Mellor libro para adultos traducido ao galego do ano: Lolita (Faktoría K) de Vladimir Nabokov.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais) de Xabier P. Docampo.
Mellor libro infantil do ano: Das novas cousas de Ramón Lamote (Galaxia) de Paco Martín.
Mellor libro infantil e xuvenil traducido ao galego do ano: Un casoiro ben mal amañado (Sotelo Blanco) de Bali Rai.
Autor/a do ano: Marcos S. Calveiro.
Mellor ilustrador/a do ano: Xosé Cobas.
Mellor portada adultos do ano: Pan e coitelo (Galaxia).
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais).
Mellor editorial do ano: Xerais.
Mellor crítico/a literario do ano: Ramón Nicolás.
Mellor iniciativa literaria do ano: Cultur.gal
O mellor acontecido no 2008: Premios Nacionais/Recoñecemento a Xusto Beramendi e a Agustín Fernández Paz.
O peor acontecido no 2008: Consellería de Cultura e Deporte.
Mellor libraría: Libraría Arenas (A Coruña).
Mellor medio de comunicación: Diario Cultural de CRTVG.
Mellor blog: As uvas na solaina.

17 ene 2009


Fagan xogo. Gaña a Banca.
Alfonso Vázquez Monxardín.
La Región 17-01-2009.

Deus me libre de pensar que a banca é unha ONG. Sei ben que é un lexítimo negocio de movemento de diñeiro. Diría máis, en conxunto é sumamente beneficioso sobre todo para os que vivimos dun soldo e non temos cartos nin recursos para comprar vivenda ‘de golpe’. Así eles empréstannos unha cantidade que por outras vías sería imposible de conseguir, e pouco e pouco devolvemos esa cantidade. E como non se trata dunha ONG, a cantidade a pagar, máis ou menos, dóbrase, pero a pagar en vinte e cinco ou trinta anos. Claro que son un pouco pillabáns e aos inxénuos que crían que dun soldo se podían facer chalets de tres pisos, ou que ‘todo o mundo’ tiña igual ‘dereito’ a ir a Cancún ou compar un Audi A-6, pois tamén lle daban polo gusto e lles emprestaban canto pedían. E agora pasa o que pasa: as vacas máis que fracas andan anoréxicas, e algunha xente non dá pagado. Pero a responsabilidade, meus señores, é, fundamentalmente, da imprudencia do que asinou feliz despois de facer as contas do gran capitán. Que non bote balóns fóra e diga que o enganaron, pois hai que ler e non soñar antes de botar unha sinatura ao pé dun contrato. A banca, insisto, non é unha ONG, aínda que as caixas non debían andar moi lonxe.

Como ven, non son nada radical nos meus planteamentos sobre o tinglado financieiro. Pero todo ten un límite. Primeiro foi o redondeo á alza que me fixo por unha centésima pagar ¼ de punto máis de intereses durante anos ata que, loxicamente, prohibiron o abuso. E agora acabo de levar outra sorpresa desagradable. Tócame, como a moitos, renovación de tipos o día primeiro do ano. E independentemente do que digan na tele, conforme a vir de tempo de comerotas, vou ter a principios de ano un tipo máis groso. ¿Que está baixando o Euribor? Ja. Moito conto. Como nos papeis din que as renovacións se fan tendo en conta o último tipo publicado no BOE o 1 do mes anterior ao comezo da nova etapa, pois seica aplican, se algúen non o remedia, o tipo do mes de outubro! Flipo. Ata agora, tempos de subidas e baixadas suaves, esa diferenza dun mes a outro non se notaba moito e non tiña moito sentido estar cismando con decimiñas e media ducia de euros ao mes. Pero no medio desta crise financeira da que eu, xúrolles, non son responsable, estamos falando de 2 puntos enteiros. Ou sexa en vez de pagar un 3,74, pagar un 5,74, o que se un o multiplica polos millóns -de pesetas, claro- que debe e divide por doce meses, pois dá unha pastiña. Se lles permiten este golfería (a diferencia enorme do prezo do diñeiro e que cobrarían por el) cousa que pode e debe impedir o goberno, a banca que nunca perde, faría unha caixa grandísima a custa desta nova clase social maioritaria no tránsito de milenio que somos os hipotecados. Podería Marx (non sei se don Groucho ou don Carlos), anovar o berro e dicir ‘hipotecados do mundo, unídevos’. Ou doutra maneira: Agradecémoslles que nos deixaran os cartiños, pero non nos metan os dedos nos ollos, por favor.
Pan por pan.
La Region 16-01-2009.

Modelos. Cando estamos aínda empezando a albiscar o que supón a crise económica e financeira, é obvio que hai que reflexionar e cambiar de modelo. A crise afecta xa ás potencias emerxentes como China e Brasil e as súas consecuencias no Terceiro Mundo serán desoladoras. O mundo non é un chicle que se poida estirar ata o infinito sen rachar. Os recursos son limitados e empeñámonos en camiñar cara un desenvolvemento sen límites. Págao a natureza, o medio ambiente, en forma de contaminación, cambio climático, extinción de especies Hai que limitar os excesos da globalización, crear cidades de tamaño medio e recursos e enerxías sostibles, revalorizar o mundo rural e producir sen tóxicos nin pesticidas, causantes logo de enfermidades ambientais que non somos quen de controlar. Non o debemos facer moi ben, á vista dos resultados. Deámoslle unha oportunidade ás xeracións que veñen detrás.
(Na imaxe pedras erosionadas, As Cíes)

15 ene 2009


En marcha a segunda edición

En pouco máis dun mes creo que a primeira edición xa está case esgotada. Só a libraría Torga de Ourense seica vendeu máis de catrocentos exemplares.

De feito, xa está en marcha a segunda edición. E eu alégrome por moitos motivos.

A riqueza erótica da lingua
A NOSA TERRA 15.01.2009. Imaxe: Brancusi.

"Se non imos todos xuntos, imos ó carallo”, dixo hai anos un moi relevante político galego nun recente acto electoral. A anécdota de Fraga lembroume a riqueza polisémica deste concepto na nosa lingua, desde tempos ben antigos: o noso trobador medieval Fernando Esquío xa xogou no seu día, nunha das súas cantigas satíricas, coa diferenza entre estar “encaralhado” (potente sexualmente) ou “escaralhado” (impotente), dúas cousas ben distintas só con cambiar unha letra, como sabía o frade protagonista do poema, ao que lle chegaban a parir tres mulleres nun día “e outras muytas prenhadas que ten...”. Os poetas medievais usaron derivados tan transparentes como “caralhote” e “caralho francés” ou “caralho de mesa”, curiosos artefactos estes últimos que nos revelan que a modernización tecnolóxica no erotismo ten moitos séculos enriba.
A familia semántica do concepto citado é aínda maior: hai que engadir , entre outras, formas como “ben”, “cavalo”, “peón”, “pisso” e “rabo”, citadas todas na magnífica “Antoloxía de poesía obscena dos trobadores” de X. Bieito Arias Freixedo (Positivas, 1993). Son as cousas da riqueza do idioma. Só queda por saber qué políticos van saír da próxima liorta electoral, aló polo 1 de marzo, “encaralhados” e cales quedarán “escaralhados”...
Ós segundos pódelles servir de consolo o saber que todo está inventado hai xa moito tempo. Entre as primeiras películas gravadas na historia do cine hai xa cintas eróticas ou pornográficas: seica cando as actrices eran negras, nin sequera actuaba a censura porque non se consideraban como seres humanos. En todo caso, a nosa cultura ten unha riqueza no potencial erótico da súa lingua que non debe ser desprezada.
Entrevista en XORNAL DE GALICIA, 15-1-09
Marcos Valcárcel: "A vida cultural galega venceu as dificultades"
O escritor e historiador é un dos maiores expertos actuais na cultura galega dos primeiros anos do século XX.
A literatura e o teatro, como dixo hai anos Méndez Ferrín, son campos nos que ha nación xa existe.

A. Losada / XORNAL.COM I A Coruña.- Marcos Valcárcel (Ourense, 1958), é un dos maiores expertos actuais na cultura galega dos primeiros anos do século XX, e un intelectual galeguista á vella usanza, erudito e oteriano. Colabora en prensa dende hai máis de 30 anos e dende hai tres mantén un dos blogs en galego máis visitados, As uvas na solaina. Antonte, levou a sorpresa de recibir o Premio PEN 2009 outorgado pola sección galega do International PEN Club de escritores, pola súa labor a prol da liberdade de expresión e da difusión cultural, o mesmo galardón que na anterior edición –en 2007– gañaron Isaac Díaz Pardo e Francisco Fernández del Riego.
Texto completo da entrevista