12 feb 2009


RECOMENDABLE
Grafismo de Sara Lamas

No blog SIBILA, unha colección de Aforismos de Ética, Estética, Política, Crítica e Erótica Poética, de Claudio Rodríguez Fer.
Darwin o revolucionario
CRAIG PATTERSON, galicia hoxe 12-2-09

Celebramos esa semana o bicentenario dun dos seres humanos que máis mudaron a nosa maneira de entender o noso lugar no universo. Por medio da súa visión integradora da biodiversidade e da selección natural, o ser humano moderno puido optar a unha vida guiada polo empirismo da ciencia. Por iso Darwin foi un auténtico revolucionario, e son poucas as revolucións que compaxinan dunha maneira tan axeitada e pacificamente o rexeitamento da orde establecida e o liberador acto de asumir unha verdade centificamente innegábel. Deulle, literalmente, unha volta á tortilla da ríxida sociedade do seu tempo.
Non lle foi nada doado ao autor de A orixe das especies tomar a decisión de publicar unha obra que se xestara na viaxe arredor do mundo que fixo no Beagle (1831). Inda que el se fora achegando cada vez máis a unha visión atea do universo, ben sabía que a polémica que xeraría a súa obra lle podería arruinar a reputación para sempre. Ben sabía que o seu libro revelaba unha existencia case cruel e nada requintada. As fermosas e terríbeis leis do determinismo biolóxico non reflicten unha natureza perfecta porque a natureza non o é: ollemos as imperfeccións do ollo humano, por exemplo, ou a forma dalgúns dos bechos máis estrafalarios do ecosistema. Pero agasalla o ser humano coa conciencia da fatídica lei do máis forte, coa absoluta necesidade de vivir conforme unha norma moral se pretendemos ser o organismo máis evolucionado se non ilustrado da natureza.
Unha vez nunha festa nun piso de Chicago, encetei conversa cunha profesora de instituto. Parecíame unha persoa bastante aberta, ata que me confesou que nas súas clases lles aprendía aos rapaces que un deus creara o mundo en sete días. Ao pensar nese novo grupo de mozos que sairían do colexio cos miolos lavados, púxenme a pór en dúbida as bases das súas afirmacións, e a conversa acabou nunha situación un tanto incómoda. Non o dubidemos: Darwin deunos as ferramentas para crearmos un mundo sen demos nin anxos, pero a tarefa inda está por cumprir ao deixarmos que o ensino estea influído por institucións relixioso-políticas ao xeito da Palin. A revolución na cosmovisión humana que causou Darwin en 1859 só terá un equivalente se no futuro aterran os marcianos no céspede da Casa Branca.
Androlla
BIEITO IGLESIAS, ECG. 12-2-09

Ao acollido das refoladas de vento e dos aires cativos que sopraron o domingo a favor e en contra da manifestación polo apartheid lingüístico, tiven ocasión de mougar unha androlla achegada por Montse Aira, amiga que trouxo o embutido desde as terras do Cebreiro, do lugar de Rabaceira por máis sinal. Por parte dos ósos embuchados no pedro, tamén se comeron chourizos de carne (nada de chourizos de chofre), repolo e cachelos. Unha comerota ideal para combater este inverno caroal que amorica nos altos trousos de neve. Se aquí se implantase o sistema idiomático escolar do País Vasco, tal como defenden "Galicia Bilingüe" e o Partido Popular, cunhas aulas en galego e outras -separadas- en castelán, dacordo coa lingua materna, moitos rapaces non terían onde aprender palabras como "pedro", "chofre", "trouso", "caroal" ou "refolada", esta columna sería ilexible para eles e un servidor daría en comunicarse, vía médium e en sesións espiritistas, cos devanceiros que descansan onda o galo cataventos do campanario.
Non é que rabee por palicar con Gloria Lago, Rosa Díez ou Ana Pastor, preferiría practicar o reintegracionismo no Río de Xaneiro e faltaríame tempo para fuxir cara alá se tivese conta nas illas Caimán, como ese ex candidato do PP por Ourense. Vou facer, así e todo, unha precisión sobre a lingua materna e o fracaso escolar, que Díaz atribúe ao ensino en galego. A miña nai falou galego 63 anos e italiano 17 (os que morou na Suíza); conforme ao modelo dos manifestantes dominicais, debería ser instruído nas linguas de Rosalía e do Dante, pero estudei en instituto franquista monolingüe en castelán. Sendo galegofalante, seica estaba condenado a fracasar no bacharelato, porén obtiven o mellor expediente académico da miña quinta. Non llo apoñan ao idioma galego, o fracaso escolar élles cousa de parvos.
Manual de amor.
Andoliña venres 13-2-09

Por un blog dunha autora galega, Lula Fortune, souben que na Biblioteca Capitular de Verona encontrouse o primeiro manual para escribir cartas, do século XII, asinado por un tal Guido, quizais un crego, e que inclúe un capítulo dedicado ás cartas de amor. Seica saíu no xornal La Repubblica, segundo a propia blogueira.

Alí, nese capítulo sobre as perfectas cartas de amor, aconsella gabar sempre a beleza e calidades da amada, con exemplos de parellas mitolóxicas (Paris e Helena, Píramo e Tisbe), usando imaxes de pedras preciosas ou enviando "tantos saúdos como peixes hai no mar" ou "flores leva o verán". Convén referirse ó sentimento de amor como algo imposible de describir: "ámote tan fondamente que non sería capaz de explicalo aínda que todos os membros do meu corpo puidesen falar". Tamén fala ese manual de bicos, apertas e "cousas doces, cousas para facer xuntos" e recomenda dirixirse ó destinatario con expresións deste xeito: "a túa beleza sabe que...", "a túa dozura coñece...".

Outras expresións refírense ó tópico do mal de amor: "a mente non responde", "o ánimo enlouquece de tanta alegría". Que sorte tiveron as mulleres amadas naquela xeira, cando menos na literatura.

11 feb 2009


DE LETRAS E DE SIGNOS
Eluana descansa
POR ANXO TARRÍO VARELA, Galicia Hoxe, 11-2-09. Ilustración, A.Goyanes.

Aínda sentindo un total respecto por quen poida pensar doutra maneira, resulta moi difícil comprender cómo hai quen prefire ver sufrir unha persoa e todo o seu entorno familiar antes que ceder a unha eutanasia que, en casos como os de Ramón Sampedro ou Eluana, estaba máis que xustificada. Un querería saber se quen defende esas cativas (cautivas) vidas, cheas de sufrimento e desespero pasou algunha vez por ter na súa familia un caso semellante. Dá a impresión de que non, non saben o que é ter un familiar enfermo no seu día a día, con dores ás veces insoportábeis; con dependencias absolutas, dende inxerir a comida até todo o que supón o necesario mantemento diario da hixiene, e sen esperanza de volver a ter unha vida normal nunca máis. O cronista sabe de que fala.
Resulta inhumano impoñer as propias crenzas sobre o sufrimento dos demais, administrando así os males alleos sen ceder aos argumentos máis elementais acerca dunha vida sen posíbel aumento de calidade pola que se xustificaría a esperanza de que algún día volvería o enfermo a gozar de plena autonomía e dos praceres aos que acceden os que están con boa saúde. É tan elemental que mesmo dá algo de vergoña dicilo en voz alta. (...)


Políticos.
Pan por pan 11-2-09

Dicían os manuais do xornalismo que só as malas novas se converten en noticias. Será por iso que os políticos que saen nos telexornais son noticiosos, pero pouco dignos de aplauso. Políticos enfouzados na corrupción que estenden o mar da dúbida sobre toda a clase política, para desgraza dos honestos, que tamén os hai. Políticos que gañan as eleccións co poder do medo: velaí a vitoria da dereita e a extrema dereita en Israel, nación que se sente acosada, mesmo despois de causar máis dun milleiro de mortos en Gaza. Políticos carroñeiros como Berlusconi, quizais o máis detestable de todos, querendo forzar as leis para impoñer os seus dogmas contra o sentido común. Dezasete anos en coma irreversible e en estado vexetativo: quen pode desexar esa tortura para a propia enferma e a súa familia? A única verdade do caso Eluana está no que o seu pai sufriu ó despedirse dela nos seus últimos dez minutos de vida.

10 feb 2009

Furrichado
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 10-02-2009

Eu sempre dixen ‘furrichar’, aínda que tamén oía normalmente ‘firrichar’, cirrichar’, ‘zurrichar’ e outras formas parecidas. Agora, co avance da lingua light, xa non se oe moito disto, pero vostedes seguro que me entenden. O caso é que papei un susto cheiroso.
Cóntolles.Pedín coche prestado -tiña o meu a pintar- e parei nunha gasolineira na autopista a Santiago. Baixei bufando, abrín o depósito, collín a mangueira, introducina no burato e apertei. E por primeira vez na miña vida furrichoume para fóra. Coñecese que non metera suficiente o bico da mangueira -non coñecía ben os sangumiños do depósito- e o gasóleo debeu petar nalgunha revolta do camiño que se desviou cara a min, cuspíndome maleducado. Instintivamente apertei a man e furrichou aínda máis. Enzoufeime lixeiramente. Garabata. Camisa. Chaqueta. Pantalón. Metín de novo e máis fondo o cano, botei o que quería, entrei no baño, lavei as mans e divertido, pensando no arrecendo que me ía acompañar nas xestións santiaguesas, dirixinme á amabilísima caixeira.
-Mire, eu sonlle empregado desta empresa e acabo de ter un pequenísimo accidente laboral e...
Abriu os ollos de cuarta e atalloume incrédula mentres ladeaba a cabeza:
-¿Empregado?
-Si, veño de estar traballando para esta gasolineira e quería saber se o meu seguro como traballador...
Non saia ela do seu asombro aínda que algo ía cheirando.
-¿Como di?
Entón expliqueime o mellor que puiden.
-Si. Mire. Nas gasolineiras ‘normais’ hai uns traballadores que fan o seu traballo botando gasolina e gasóleo nos coches, por eles se cotiza, teñen a súa preparación para andar con líquidos inflamables e perigosos e o seu seguro de responsabilidade. Nesta gasolineira xa non hai eses empregados pero como o traballo non desaparece, débeno facer outros moitos traballadores momentáneos, non sei se ilegais, pero si sen contrato nin preparación que á súa vez son clientes. E non entremos xa en que se aforran media ducia de soldos e deberían vender máis barata a gasolina como forma de pagamento compensatorio a nós, polos minutos do noso traballo temporal...
A moza, moi disposta -atendía á vez a caixa xeral da tenda, a dos surtidores e a barra do bar onde preparaba cafés e puña torradas e bocatas-, escoitou o discursiño con cara de entender o que lle eu dicía, tatexou un ‘síntoo’ sentido e un ‘¿quere facer unha reclamación?’.
Entón rin e díxenlle: -Non, muller, non. Só queria botar unha risa contigo e tomar un café con leite.Sorriu comprensiva -e aliviada- e deu volta cara a cafeteira.

Credibilidade.
pan por pan 10-2-09

Xosé Vilas Nogueira, no seu día especialista no Estatuto Galego, foi redactor das Bases Constitucionais da UPG e ANPG. Hoxe, despois de paradas en ribeiras como Esquerda Unida, escribe en Libertad Digital e chámalle ‘social-nacionalistas’ ós membros do bipartito.A súa viaxe da esquerda á dereita non é un caso illado: velaí, en clave galega, Pedro Arias, que xa lle chamou subnormal a un ministro, ou Miguel Cancio, por poñer dous casos. A nivel español, a lista é longa: César Alonso de los Ríos, Pío Moa, Jiménez Losantos, Gabriel Albiac, etcétera. Por suposto, están no seu dereito a cambiar de opinión dende o comunismo, o maoísmo ou o trosquismo ata a extrema dereita nalgúns casos. Aínda que, sen facer antes unha mínima autocrítica, tamén sexa difícil outorgarlles credibilidade.

9 feb 2009

Ferrín: firme puño de liberdade.
Luís González Tosar.
ECG. 8-2-09

Cheguei -de Buenos Aires- a Vigo, en 1969. Matriculeime en 5º de bacharelato no Instituto Santa Irene e cadrei nun grupo moi xeitoso que agromou arredor de Xosé Luis Méndez Ferrín, o noso profe de repaso de Literatura española de 4º, polas tardes. Un día chéganos a nova de que Ferrín estaba preso. Nós sabiamos mellor ca ninguén que el non facía proselitismo barato. O seu estilo era moito máis fino, clarificador, didáctico, aprendéndonos a descubrir a realidade por nós mesmos, abríndonos os ollos adolescentes ás contradicións da abafante ditadura. Durante aquelas clases, fenomenais, nunca lle escoitamos unha palabra descalificadora de Ramón Piñeiro. Pola contra, animounos, aos catro ou cinco do grupo, a ir visitar a Piñeiro unha vez que estivesemos en Santiago. "Vaivos recibir ben, vaille gustar" afirmou. A grande aventura -promovida por Ferrín- daquel COU foi unha viaxe a Madrid, para asisitir ao teatro do Círculo de Bellas Artes. Representaban Luces de Bohemia e alá fomos -unha ducia, profe incluído- en autocar.
Regresamos felices polas reviravoltas da Canda e do Padornelo, cantando, orgullosos do noso profe, sabedores de que estabamos trasgredindo. E aínda que entón non entenderamos algunha cousa, foi un tempo de útil preparación para enfrontarnos á realidade universitaria dos 70, en Compostela. Coñecín, en 1974, a Carlos Casares e a Ramón Piñeiro, fun amigo dos dous. Non por iso cortei, nin enfriei, a vinculación con Ferrín. Piñeiro falaba ás veces de Ferrín, considerábao grande escritor, destacaba nel a integridade, a firmeza de carácter. Certa vez comentou que non lle importaba o de Ulm Roam. Consideraba o personaxe como literario e que tiña máis da creatividade ferriniana ca da súa propia biografía. Corenta anos que pasaron, desde a tardiña na que o vin entrar no bar do Santa Irene a coller tabaco, até hoxe, cando Galicia enteira homenaxea a Xosé Luis Méndez Ferrín, nos setenta anos do seu firme puño de liberdade.
Sen política portuguesa.
Méndez Ferrín.

Faro Vigo 9-2-09

A inexistencia dunha política exterior é unha das características da Xunta de Galicia que presidiu Touriño. Moi especialmente notouse a faltar unha política para Portugal. Con Fraga Iribarne a Xunta tivo unha política cubana e unha política portuguesa, secundada por Fidel Castro e por Mario Soares respectivamente. Mais toda a administración Touriño viviu de costas a Portugal, sen que Quintana ousase corrixirlle nesta materia a plana ao presidente. As conversas sobre o AVE foron vistas polo pobo como frías e insinceras. Nada semellante a aquela xeira do presidente Soares polo provincia do Alto Minho que culminou nunha recepción en Valença aos intelectuais galegos, nos que Fraga Iribarne se apresurou a incluir a Camilo José Cela e así. A liga dos concellos do Limia non sei se é viva ou morta e a dos concellos do Miño xa a anulara o gobernardor Jorge Parada (PSOE) hai un mundo de tempo, por ameazar a unidade de España. Funciona, con escaso ánimo apesares de que o seu xerente, meu amigo Mao, é un entusiasta sincero, o Eixo Atlántico. Esta alianza de municipios é de alcance político moi limitado e son moitos os galegos que aspiran a máis no que se refere ás relacións entre Galicia e Portugal.Entre as posibilidades reais que nos ofrece a Unión Europea está a de constituir euro-rexións. Unha euro-rexión factíbel cuxa posta en vigor reportaría beneficios de todo tipo aos pobos de aquén e de alén Miño e Xurés sería a que englobase o Noroeste ibérico, ou sexa a actual Galicia e o Norte de Portugal até a bacía do Douro (incluída). Os territorios galegófonos da Asturias Occidental, León e Zamora estarían incluídos nesta euro-rexión que só podería chamarse co vello nome de Gallaecia. Sei ben que existen reticencias ideolóxicas e políticas, así en Portugal como en España, que levan un mundo de tempo tratando de frear ou adiar o proxecto. Hai xa moito que a miña familia e os seus amigos vigueses somos, por utilitarismo, usuarios do Sa Carneiro do Porto, onde hai un letreiro que di: "O aeroporto de tódolos galegos" (en galego). Se observamos o movemento de mercadorías nas es-autoestradas e estradas de Galicia non podemos ignorar o aumento de vehículos portugueses ano tras ano. Cada vez más os visitantes portugueses de lecer non son só os siareiros do Corte Inglés de Vigo e chegan en masa a Compostela e á Coruña, cousa que hai pouco tempo non facían. Ao revés e en dirección ao Sul os nosos conveciños fanse cada vez máis frecuentadores de Portugal. As únicas librarías do territorio español que venden literatura en portugués son algunhas de Galicia.Pois ben, a Xunta actual BNG-PSOE non diu pasos avante na constitución da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Por suposto, á oposición do PP este tema parécelle espiñento e propicio a rachar España e, sempre maís de Aznar ca de Fraga Iribarne, Núñez Feijóo e Corina Porro únense ao histerismo da Galicia Bilingüe que detesta desde as simas da alma a restauración da unidade histórica galegoportuguesa. Esperemos que no próximo Parlamento do Hórreo se trate por fin deste tema despois das eleccións. Pro teñen que aparecer novos actores e actrices no escenario

NORABOA.

A miña noraboa a Agustín Fernández Paz, premiado con xustiza e todos os méritos pola AELG.
E graciñas tamén por isto:
"Igualmente, farase entrega dun galardón á Sección de Literatura do Liceo de Ourense, personificada na figura de Marcos Valcárcel".

Anos 50 / A Mirada Retida
Marcos Valcárcel
La Región 08-02-2009

Francisco Fariña Busto, director do Museo Arqueolóxico, garda unha boa colección de fotos de paisaxes e edificios da nosa cidade, realizada polo seu pai, Luciano Fariña. As que eu vin son dos anos 50, concretamente de 1956, creo: estaba aínda en construción o Colexio Marista na rúa Bedoya, por exemplo.Da mesma época debe ser esta que escollín hoxe, o edificio, ó carón do Goberno Civil, onde ten a súa sede o Instituto Nacional de Previsión. Supoño que foi unha das grandes obras da época, cando o Paseo aínda non estaba cheo de altas torres.O edificio, no que eu observo, non cambiou moito dende aquela: a foto foi tomada nun día tranquilo, sen automóbiles, quizais un domingo. A imaxe respira un ton de gran pracidez no pasear das xentes ou no paisano que se achega en bici, que ben podería ser Antonio Ricci, o protagonista de ‘Ladrón de bicicletas’ (1948).Para os que non vivimos esa época, o cine, sobre todo o neorrealismo español e italiano, é como un álbum de fotos de familia ou un caixón de soños perdidos. Pero, mentres soñamos, vivimos como plenamente reais esa nostalxia dos tempos non vividos.

7 feb 2009

Dinamita para San Francisco.
Afonso Vázquez-Monxardín.

La Región 07-02-2009.

Vicente Risco era moi listo e coñecía a cidade de Ourense como se a parira. Pedra a pedra, xente a xente, historia a historia. Por iso, hai oitenta anos, cando escribiu O Porco de pé, a primeira novela galega moderna, púxolle un final simpático. A apoteose da mediocridade representada na escena final: o incendio da Biblioteca como fondo ante a pasividade das ‘forzas vivas’ enredadas nunha festa de claudicación. Pois ben, non andamos hoxe lonxe. O que pasa é que agora é de verdade. O claustro de San Francisco está para caer.
Xa ensaiamos todas as formas posibles de combinacións políticas. Gobernos todos dun (aquí, alá e acolá), todos doutro, gobernos entrefrebados en varias combinacións...e nada funcionou. Polo tanto, a cousa pola política dos partidos non parece ter solución. Entrementres, unha cidadanía, pasiva, resignada, cada vez que comeza outro capítulo do esperpento di ‘vaia por Dios’, ‘outra vez’ e pasa a páxina do xornal rápido como para escorrentar a culpa e esquecer os anos que leva pechado e aqueles fermosos frescos renacentistas aparecidos no inicio da obra e desaparecidas coa deixadez posterior. Logo detense nas esquelas que, como saben, é o pasatempo favorito dos ourensáns. O político de turno explica de novo que nós non entendemos ben o problema, que é todo moi complicado e trata de sinalar a outro. E agora vai a Consellería de Cultura e di que o Goberno central oculta datos. Cando o Demo non sabe que facer, espanta moscas co rabo. A min, como espectáculo gratuíto sempre me gustaron máis as cheas do río desde o mirador de Oira. Somos caldo de cultivo de ditaduras: unha sociedade civil inerme agardando que sexa sempre outro o que solucione as cousas. Pero ¿imos, meus queridos concidadáns, permitir que as leguleias de empresas manifestamente incompetentes e uns xuíces excesivamente comprensivos deixen caer o claustro? ¿Imos permitir que sexan o vento e chuvia os que rematen a obra da desidia colectiva? ¿Imos permitir que o noso Concello siga a camara lenta? Non señor, non. Non deberiamos.
Hai moitos anos, en 1981 ou así, pedín dinamita para voar o ‘Volter’ -que eu sempre chamei Tucho-, porque era unha ignominia deixalo agonizar entre saudades literarias pero sen mover un cella. Ninguén fixo caso, claro, e as termites e a chuvia fixeron moi profesionalmente o seu traballo. Agora creo que debemos reclamar con forza dinamita para o Claustro de San Francisco. Porque se a cidade non sabe máis que ver aos políticos dándose coa cachiporra falsa como no Barriga Verde, ou cantando a coro aquilo de ‘fuches tu, fuches tu, o que fuches cagar no palleiro; fuches tu, fuches tu, que aínda levas as pallas no cu’, pois ben, se todo é así, o non-remedio pero si alternativa ética, é a eutanasia activa. Como nas películas en que o vaqueiro mata ao cabalo para que non sufra. Como o fidalgo de Otero Pedrayo que cruza Galicia para ser el o que lle ferre dous tiros ao can vello e enfermo, compañeiro de cazatas lembradas. Ademais, está desacralizado o recinto e non é xente...
Que sexa o Concello, ou sexa o noso nós máis próximo e colectivo feito forza, coas mans dos veciños que o queremos, e en lembranza das fotos de vodas que alí se facían, o que meta a dinamita e remate coa agonía. E que o vexamos todos todiños metidos ao quente nas augas mornas da Chavasqueira ou Outariz, cunha presa de castañas municipais e un cacho de empanada na man. Propaganda gratis nos medios de Europa. ‘Un concello voa un claustro gótico no medio dunha festa termal para os veciños’. E logo de derrubalo, podemos proxectar para o solar, un ‘centro de interpretación da cultura medieval’ dedicado á cidade de Ourense, mon amour.

6 feb 2009




Feijóo arreda o número un por Ourense por cobrar comisións a través dun paraíso fiscal .

O candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta xustifica a decisión de sacar da lista a Luis Carrera Pásaro polas súas "irregularidades con Hacienda" .

EL PAÍS 6-2-09
O arraiano Martin Sheen e o poeta cimarrón,
Manuel Rivas

Ferrinianos e ferrinistas
O autor de 'Con pólvora e magnolias' recibe unha homenaxe no seu 70º aniversario
XOSÉ MANUEL PEREIRO 06/02/2009

Homenaxe a Méndez Ferrín, de MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Méndez Ferrín, por ANTÓN BAAMONDE
Ferro. Pan por pan 7-2-09
Foi onte o día de Xosé Luís Méndez Ferrín, homenaxeado en Vigo cunha cea e un libro de homenaxe, ‘A semente da nación soñada’.Estiven alí co corazón, non coa presenza física. Ferrín, a quen os amigos máis ferrinianos chaman o Ferro, é hoxe símbolo de moitas cousas. Antón Baamonde, que nunca foi ferriniano, comenta nun blog o impacto (perdón, don Vicente) que supuxo na nosa cultura a aparición de libros como Con pólvora e magnolias ou ‘Crónica de nós’: eu podería dicir onde estaba e con quen o día que lin por vez primeira eses libros.E o mesmo cabe dicir de obras mestras como ‘Arraianos’ ou ‘Estirpe’. Co tempo tiven a honra de presentarlle en Auria algunha novela e de ter con el certo trato de amizade, con citas periódicas en Celanova ou en actos da Academia. Hoxe teño outra imaxe do Ferro que en nada diminuíu a súa valía literaria, ó tempo que agrandaba a súa calidade humana.



Formación y Futuro.
Lalo Pavón.


Mellor preparados os nosos mozos, teñen que emigrar para traballar ...

En LA REGIÓN 5-2-09
Do viño.
Pan por pan.
La Región 6-2-09.

Vexo na televisión ó noso conselleiro do Medio Rural catando de vagariño unha copa de viño nun acto institucional ó que ten que asistir polo seu cargo. Sabendo da austeridade abstemia de Suárez Canal, a cousa ten o seu mérito. Por iso imos dedicarlle estes versos de Murilo Mendes, un gran poeta modernista brasileiro:

‘As redondezas do vinho. As asperezas do vinho. /
As veleidades do vinho. As veludezas do vinho. /
As calorias do vinho. Os labirintos do vinho. /
As branquidades do vinho. As verdolências do vinho. /
As rosaledas do vinho. As inverdades do vinho. /
As bordalesas do vin ho. As borgonhesas do vinho. /
As fluidezas do vinho. As espessuras do vinho. /
Os jaguardentes do vinho. As águas duras do vinho. /
As florisbelas do vinho. As florisfeias do vinho. /
Os operários do vinho. As excelências do vinho. /
As sonolências do vinho. Os maremotos do vinho’.

5 feb 2009

A vida segue igual
BIEITO IGLESIAS, ECG. 5-2-09

Eses días neste mesmo xornal, evocaba Carlos Luís Rodríguez o índice dun libro da autoría de intelectuais do Partido Comunista de Galiza dos anos setenta. Entre os asinantes figuran destacados cargos e militantes do PSOE de hoxe, desde o presidente da Xunta á presidenta do Parlamento do Hórreo, pasando por unha listaxe de conselleiros e alcaides. A metempsicose ou transmigración de almas comunistas cara ás ringleiras do socialismo pode exemplificarse con moitos nomes coñecidos. Touriño, Dolores Villarino, Abel Caballero?entre os procedentes dos "peixes" ou máis ben "peces" (PC), aos que cabe engadir outros ex militantes trotskistas, como Príncipe, ou maoístas de cando a China era vicina, como Bugallo.
A recente fichaxe de Pedro Arias -máis un político formado na canteira comunista- polo Partido Popular, vén alargar a influencia desa piscifactoría que ameaza con repoboar ríos azuis e ríos tintos, a inteira rede hidrográfica da política galaica. Cando eu cheguei á universidade de Santiago, a mediados dos setenta, o movemento estudantil estaba esgallado en varias pólas: ácratas, nacionalistas de Estudantes Revolucionarios Galegos, peixes, mocos (MC) e trotsko. Librábase inflamada batalla entre o Partido por antonomasia (o Comunista) e a U (Unión do Pobo Galego), que de símbolo químico do uranio pasara a emblema da liberación nacional. Nesa tirapuxa venceron aparentemente os upegallos, alumadores dun Bloque con algunha implantación, fronte ao alpendre creado polos peixes (Esquerda Unida) que loita sen demasiado suceso por avantar a barreira do cinco por cento dos votos. As aparencias enganan no entanto, porque a lideira continúa só que con distintos disfraces. Uns acóllense á carauta do BNG e outros acoden ao baile con máscaras ou siglas diversas, na escudería do PSOE ou na do PP. Experimento a sensación dun déjà vu, de que le temps revient, tal e como afirma certa divisa renacentista. O tempo volve, pero non nos devolve o arxil que algún día tivemos.






Contos.
pan por pan 5-2-09

Estivo nos Encontros Literarios do Liceo Bieito Iglesias. Coa súa brillantez de sempre, falou do conto popular e do conto literario e fíxonos rir a esgalla varias veces. Detívose nos seus contos preferidos como esa marabilla que é ‘A señorita Cora’ de Cortazar. Neste relato un adolescente está ingresado nun hospital para ser operado de apendicite; Cora, a enfermeira, ten que afeitarlle o pube para a operación e o rapaz, avergoñado, imaxina que lle crava vinte veces un puñal á enfermeira. O Bieito tamén contou un motivo oculto polo que gusta tanto deste conto. De neno, eivado, o futuro escritor era levado ó lombo ata o colexio pola súa avoa. Non había baños daquela, íase ó monte. Cando o neno tiña necesidades, a mestra encargaba as dúas rapazas máis fortes da clase que o levasen fóra colléndoo en brazos. Na infancia do noso amigo había, pois, dúas señoritas Cora.

4 feb 2009

Diñeiro e felicidade
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 03-02-2009

Non lles son eu moito de barras, pero aquel día el tiña ganas de falar e eu nada mellor que escoitar. Á segunda caña o dono, desde detrás da barra, empezoume a contar a súa vida. Estabamos sós no lusco fusco daquel soto. Nunca entrara no local e nunca despois volvín. O caso é que el suspiraba con saudade pola vida tranquila e regalada que antes levara. Fora emigrante en Suiza uns aniños, poucos, os suficientes para arranxar a casa da aldea e facer un petiño para un apuro. Voltara á cidade e entrara a traballar de cociñeiro nun hotel (en Interlaken aprendera moito e tiña boa man). Non era un choio malo e tiña, como di a canción cubana, ‘una casa, un carro y una buena mujer’. E como era de bo facer, levábase ben cos compañeiros e cos xefes. Vivía tranquilo e cómodo cando lle sobreveu a desgraza en capítulos raros e lentos. Todo empezou, dicíame angustiado, co premio da lotería. Ser non era moito; o suficiente para unha axudiña e un mellor pasar: dez millóns de pesetas. Pero -logo soubo ben que era certo- tamén abondo para escorregar costa abaixo. E contou.
A muller, descendente directa de Eva, picouno con aquilo de non traballar para outro, de que el na cociña era o corazón do negocio no que daquela estaba e que non lle cumpría máis que estabelecerse pola súa conta para triunfar. Deslumbrado co progreso posible na palabra da muller, e por lle dar a razón, decidiuse. Entre os dez millóns do premio e os seis de aforros só tivo que pedir nove a un banco para coller o traspaso dun restaurante en horas baixas. Pero a malidizón do local seguiuno. Alí non entraba unha alma. Intentouno todo. Convites. Anuncios. Pero a xente non entraba. Non sabía o que pasaba. A preocupación medraba día a día. Os amigos do anterior traballo, que sentiran algo de envexa pola súa decisión, tíñanlle agora algo de lástima. Deica pouco se arrepentiu. Os nove millóns resultaron ser máis gravosos do que pensara, sobre todo sumado ao alugueiro do local, aos gastos enormes que xeraba e a que non tiñan os antigos soldos. Non daban conseguido unha clientela estable, non daban saído dela.
A muller botáballe as culpas... ‘O peor que me ocorreu na vida -dicía con rabia- foi que me tocase a lotería. O diñeiro pode dar a felicidade ou marchar con ela. E a min marchoume. A maioría das cousas que teñen valor, non teñen prezo’.