3 dic 2008

O DISCURSO DO 29 (1)

GRACIÑAS (29-11-08)
Boas noites e grazas a todos e todas por estar hoxe aquí.
Hai pouco máis dun mes os meus amigos puxéronse a traballar nunha cea homenaxe a este humilde colega voso, con motivo da saída dun novo libro meu, unha Historia de Ourense que publica Xerais. Antes de nada sería moi inxusto non deixar aquí constancia expresa do meu agradecemento a Afonso Monxardín, Xosé Ramón Quintana, Benito Losada, Pepe Trebolle, César Ánsias, Manuel Ángel Candelas Colodrón, Xoán Fonseca, José Carlos Martínez-Pedrayo e Eustaquio Puga, que estiveron á cabeza desta iniciativa tan xenerosa pola súa banda.
Eu mesmo participei moitas veces, como organizador en actos semellantes e neste mesmo salón, con grandes personalidades culturais ourensás e galegas. Sei do traballo que dan estas cousas, pero sei tamén que, no caso de persoas como as citadas, non hai esforzo que as bote para atrás porque traballan sempre con ilusión e rigor. Tamén aproveito para dicirvos que é moito máis doado estar do outro lado, cos organizadores da homenaxe: da miña banda, só agardo poder enfiar unhas cantas liñas cun mínimo de harmonía e coherencia literaria, se a emoción mo permite.
Acepto este encontro de amizade e irmandade como un tributo á percura da felicidade. Permitídeme recobrar aquí unhas liñas dunha Andoliña (12-9-08) na que precisamente meditaba sobre isto:

“A felicidade: é o único realmente importante. Semella obvio, pero convén repetilo, mesmo con insistencia. E iso non ten outra faciana que o amor ós seres queridos e o que recibimos deles mesmos, a capacidade de convivir en harmonía, de compartir con amigos e amigas horas de alento e desalento. Levamos séculos de Historia vivida e escrita e sería moi doado encontrar centos de definicións de grandes personalidades sobre a felicidade. Todas as que gardan algo de verdade teñen que ver co que escribín antes e pouco conta niso, de certo nada, a acumulación de poder ou de riqueza ou de calquera outra falsa ilusión.
Da noite para a mañá o mundo tal como o coñecemos pode confundirse nos seus perfís, esvaecerse nos seus absolutos ou perder todos os adobíos que nós mesmos lle colocamos. E a vida mantén o mesmo sutil ritmo de inestabilidade, como un xogo entre infantil e absurdo repetido por inercia, sen coñecer ben as súas claves máis fondas. Por iso é necesario invocar, coa regularidade metódica dun mantra oriental, a forza das palabras primixenias: Amor, Amizade. Sen falso pudor a que nos acusen de cursilería estilística. Cando menos así o sinto hoxe, cando escribo nesta tardiña dun xoves solleiro de setembro.”
O universo de amigos e amigas, de compañeiros e compañeiras que hoxe nos axuntamos aquí, resume boa parte da miña biografía. Están aquí os meus familiares e varios amigos da miña infancia; os meus compañeiros do Instituto de A Carballeira, onde traballei os últimos 25 anos; colaboradores de mil e unha andainas do galeguismo e do nacionalismo de esquerda; persoas coas que compartían arelas e espazos nas A.C. Auriense e nas A.C. O Eixo e O Galo de Santiago; os amigos do Clube Cultural Alexandre Bóveda e do Liceo de Ourense; xornalistas de diferentes medios nos que colaborei nas tres últimas décadas; profesores das tres universidades galegas; amigos e colegas da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, das Fundacións Curros Enríquez, Carlos Casares, Otero Pedrayo e Premios da Crítica de Galicia; amigos e amigas tamén do Pen Clube e da AELG. Para rematar, por aquí andan ademais, a maioría dos contertulios habituais do meu blog As Uvas na Solaina, e a todos e todas lles agradezo por igual a súa xenerosidade. Outros amigos que por motivos de traballo están lonxe (en México, en California, en Berlín, etc.) escribíronme e chamáronme nestes días para acompañarnos en espírito.
É un auténtico privilexio compartir convosco este encontro, porque nesta sala está hoxe depositado o mellorciño do código xenético da Galicia de hoxe. Esta é unha ceremonia da irmandade, da que non creo ser merecente, pero que acepto gustoso como un irmandiño máis deste esplendoroso “contubernio” da Galicia cultural do século XXI. En días nos que o noso idioma é desprezado por algúns sectores cunha saña grotesca, é bo comprobar que existen moitos milleiros de galegos e galegas, como os que hoxe aquí nos axuntamos, que seguimos a crer no noso país, na dignidade da nosa lingua e da nosa cultura e na vitalidade das enerxías necesarias para que Galicia siga sendo ese soño que herdamos dos mestres de Nós: unha vella nación europea, unha moderna cultura do século XXI que quere achegar ó mundo a súa orixinalidade cultural.
O DISCURSO DO 29 (e 2)

E quero rematar estas palabras de agradecemento cunha lembranza dos meus anos de infancia e formación. Quizais os meus intereses intelectuais se definiron xa de moi novo: lector entusiasta de canto caía nas miñas mans –tebeos, revistas, libros, etc.-, da miña infancia lembro en casa varias coleccións sobre fauna e natureza e moitos libros de mitoloxía, cos que me agasallaban os meus pais. Entre eles estaba un amplo volume de “Mitología clásica ilustrada”, de Otto Seeman, que publicara Vergara en Barcelona: teño a quinta edición, de 1968, e debín lela ós 14 ou 15 anos. Aquilo me abriu outra dimensión da realidade e me descubriu o enorme potencial da fantasía e a riqueza humana para contar historias e comprender o mundo a través delas. Logo viñeron a Ilíada, a Odisea, moitos clásicos gregos, e tamén a Divina Comedia, de Dante: cando se len tales libros a esas idades queda un marcado para sempre, a miña vida, inevitablemente, estaría rodeada de libros, xornais e revistas.
Houbo, entre elas, nos anos do franquismo final algunhas que deixaron unha pegada especial. Falo de “Triunfo” e da revista mensual “Tiempo de Historia”, dúas aventuras nacidas da man de Eduardo Haro Tecglen que foron, cando menos para a miña xeración (tamén para outras), unha auténtica escola cívica, de formación dun espírito ético de liberdades, moi arredado da Formación del Espíritu Nacional que estudiabamos nos manuais escolares.
Aproveito a ocasión para render contas dunha débeda persoal que teño, hai moitos anos, con Haro Tecglen, a quen logo tiven a honra de presentar no Liceo ourensán: eu era aínda moi novo cando chegaron á miña man os primeiros exemplares que vín de “Tiempo de Historia”, trouxéraos o meu irmán Fiz cando estudaba en Madrid. Lembro aínda os seus contidos e argumentos, as súas fotos de portada: un grupo de republicanos a fuxir de Xixón nunha barcaza cando a cidade era tomada polas “tropas nacionales”; un cartel coa cruz, o globo terráqueo e a bandeira rojigualda baixo o lema “Catecismo Patriótico Español”; un retrato en escorzo de Lenin convocando ao soño revolucionario. Nas súas páxinas aprendimos moitos mozos a deletrear con paixón nomes ata entón ignorados e prohibidos: Trotsky e Bertolt Brecht, Ricardo Mella e Besteiro, Machado e Araquistáin, entre tantos outros. Descubrimos alí a existencia dunha outra historia, reveladora e transformadora: a antítese do que nos ofrecía, co mesmo nome, a escola nacional-católica que padecíamos. Alí escribían tamén, de cando en vez, autores galegos como Blanco Amor, Xesús Alonso Montero, Ramón Chao, Javier Alfaya ou Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros. De xeito consciente aquela revista abría os seus brazos para contarnos a historia dunha Galiza cultural negada e exiliada: Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Celso Emilio Ferreiro..., eran cita habitual nas súas páxinas. E tamén o eran os novos artistas galegos, desde a mirada crítica de Moreno Galván, e o noso nacente teatro galego arredor de Abrente e Ribadavia, ben atendido nas crónicas de José Monleón, ou a música de Voces Ceibes e a Nova Canción Galega.
“Eu penso sempre en alguén vivo cando escribo. Esa vida trasmítese ao fluído diálogo, cheo de creatividade, que establezo co seu pensamento, sen autocensuras”: velaí o segredo de Haro Tecglen, a quen evoco agora con agarimo.
Contei isto como unha páxina posible do meu Arredor de si, porque penso que é unha experiencia semellante á de moitos mozos e mozas da mesma xeración. E hai outras moitas páxinas por escribir. Por exemplo, a pegada que me deixou o crego Digno González na necesidade de ter unha visión aberta, solidaria e crítica do mundo. Ou a redescuberta de noso que significaron para min as clases da Auriense, onde tivemos o privilexio de contar con profesores como Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Carlos Casares ou Francisco Rodríguez, entre moitos outros. Habería páxinas nesa miña glosa oteriana que falarían da misa en galego na Capela do Santo Cristo e da Coral de Ruada de Manuel de Dios e do mestre Vide (eu neno escoitei a misa máis dunha vez ó seu carón, no órgano do Santo Cristo, entre xigantescos anxos e columnas salomónicas). E debería falar do Cine Clube Padre Feijoo, con Pepe Paz, Bobillo, Álvarez Pousa, que nos ensinou a ver bo cine italiano e a Bergman e Dersu Uzala, e tantas xoias; e dos debates no Ateneo, de Histrión 70 e os versos de Celso Emilio (Tempo de chorar) e da última páxina de La Región, con artigos a diario de Otero, Ben-Cho-Shey, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Luís Trabazo, Carlos Casares, etc. Todo un luxo na formación dunha persoa amiga das letras! Cando os estudantes do Instituto saímos á rúa contra as pestilentes celulosas que querían instalar no val ourensán, don Ramón escribía coa súa lírica melancólica contra ese pesadelo e en defensa do Pai Miño.
Todo isto sucedía entre 1972 e 1974, anos da miña adolescencia e de reencontro co meu país e a cultura de noso. Foi decisivo o meu salto ó Instituto Masculino e o encontro con xentes coimo Bieito Iglesias, Benito Alonso “Roi”, Manuel Guede, Paco García, Carballude, etc., todos nun mesmo COU de letras. Íamos para filólogos porque tal nos aconsellaba Paco Rodríguez na Auriense. Pero encontrámonos cun ser encantador, unha profesora leonesa, recén saída da Universidade, que nos daba clases de Historia, unas clases didácticas e rigorosas. E que, sobre todo, nos deixaba debater nas clases sobre os Irmandiños ou sobre o Sempre en Galiza, de Castelao. Moitos dos seus alumnos acabamos na Facultade de Historia; tamén é certo que nunca deixamos o mundo das letras e varios rematarían por facer carreira literaria.
Eran tempos difíciles e para montar un simple posto de libros no Día das Letras Galegas tiñamos que pelexar co xefe de estudos e co director do Instituto. Pero as cousas ían avanzando, de vagariño, co esforzo e sacrificio de moitos. Penso agora que naqueles días empecei un camiño do que nunca me arredei nos últimos 35 anos. Tiven ó meu favor moitas plataformas para expresarme: nos libros, na prensa, no labor cultural. Sempre en plena liberdade: podo ler os meus artigos de hai anos sen avergoñarme de nada. Ese camiño fíxeno con todos vós, os amigos que hoxe me acompañades, e de novo reitero as miñas grazas a todos e todas: por estar aí, por darme folgos, por quererme, en suma, querenza que procurarei devolvervos sempre na medida das miñas posibilidades.
Leis hiperbólicas, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 2-12-08)

O que é un recurso do humorismo popular e para a literatura como a hipérbole non debería pasar ao serios mundos da política, das leis, da alimentación da economía. Así, se decimos dunha moza que está como un tren, entendemos inmediatamente a hipérbole e non nos pasa pola imaxinación que teña rodas e ventaniñas.Pero os consumos hiperbólicos son espantosos. Se vostede come un quilo de cacao puro, seica morre de obstrución intestinal fulminante. Se come cinco quilos de marisco -fóra cascas- tamén morre intoxicado por non sei que. Agora que o penso, se come cinco quilos de calquera cousa, de vez, o máis problable é que morra de indixestión... ¿E pensa vostede que se debe prohibir o cocholate, o marisco ou as racións abundantes? Nada diso.A raíña de España cando foi á Bolivia en tempos pre-evistas ou pre-moralistas, mas cou folla de coca e a ninguén se lle ocorreu a hipérbole de chamarlle drogadicta. O outro día, aí atrás, cando a mesma señora se dedicou a acariñar e -puagh- a bicar burros a ninguén se lle ocorreu... En fin, xa me entenden, que hai que andar con cuidado e non esaxerar en exceso.E nestas zaca, hiperbolicamente queren meter nas leis que o viño é unha droga. ¡Mi madriña! O Papa pois -que misa con viño e non con gaseosa- no mesmo grupo dos yonkis. Seguro que foi cousa da vicepresidenta, que transmite confianza e seguridade, pero ten cara de anoréxica e de non comer quente. Non confundamos as nosas simpatías e gustos persoais co que debemos lexislar ou non. Se vostede é abstemio, felicidades. Se vostede sabe medir e gozar dos praceres do viño e a mesa, pois moitas máis felicidades, aínda. Pero distingamos ben excesos e normalidade. Se vostede conduce por riba dos límites de velocidade debe ser vostede o multado e o reeducado polas boas -convencemento- ou polas malas -multa que te criou-.Se vostede é borracho, debe tamén ser obxecto de atención sanitaria e reeducativa e é vostede o que ten necesidade de reconducir a súa conduta, non eu. Así, non poden prohibir conducir, nin considerar o viño unha droga. Isto forma todo parte da deleznable parte do espectáculo da acción política. Deses grandes xestos hiperbólicos que ao final se escapan como os globos dos nenos nas festas. E non pasa nada.

Pan por pan/Andoliña.
(La Región-Galicia Hoxe)
Marcos Valcárcel
03-12-2008
Marcos Valcárcel
Graciñas.
Quero expresar o meu agradecemento a todas as persoas que participaron nos actos do pasado día 29. Grazas á comisión organizadora e ós amigos que tan ben e con tanta ilusión traballaron. Graciñas de corazón tamén ás máis de trescentas persoas que chegaron desde todo o país, loitando contra as estradas con neve. Graciñas tamén ós compañeiros e alumnas do Instituto de A Carballeira que me agasallaron un dos momentos máis auténticos da noite: aquel en que cantei co coro do Instituto, pelexando coa fonda emoción que me asolagaba. Graciñas polas súas xenerosas palabras a Bieito Iglesias, Suso de Toro, Cristina Berg, Manuel Rivas, Alonso Montero, Xosé L. Axeitos e Ramón Villares. E ós que estes días escribiron nos xornais co seu agarimo e a La Región. ‘Amei moito e fun moi amado’, dicíalle Blanco Amor en 1979 a Maribel Outeiriño: así me sentín eu tamén o pasado sábado.

2 dic 2008





En Lugo


A pasada semana, o 27, estiven en Lugo, na Facultade de Humanidades, no congreso que anuncia ese cartel.


Para min foi unha honra dar unha conferencia plenaria sobre a prensa cultural galega na Restauración e compartir "cartel" con personalidades como Jean-François Botrel, Dru Dougherty ou Yvan Lissorgues, entre outros.

UN CONTO TRISTE
Marcos Valcárcel
Hoxe voulles contar un conto triste, que dicía o mestre rianxeiro. Un conto doutros tempos. Ou quizais non. Antonia é unha muller moi humilde que traballa como asistenta e leva a diario a roupa a enxaboar no lavadoiro público de Marineda, aterecida polos fríos do inverno. O seu propio marido asasinou á súa nai, movido pola cobiza dos cartos da sogra, e paga agora a súa pena no cárcere, mentres ela vese condenada a sobrevivir en condicións de extrema miseria criando a un pequeno. Foron vinte os anos de castigo para o esposo e a pobre muller confía en que o prazo é abondo para curar o medo: en vinte anos, pensa ela, pode o seu home morrer no cárcere, ou podo morrer eu, ata aló falta moito tempo aínda. A morte natural nunca lle asustou, conta con ela: só lle aterroriza de verdade a posibilidade da volta do cónxuxe criminal.
Pero o azar histórico, co nacemento dun herdeiro de El-Rei, facilita un indulto que deixa ó preso libre na rúa. A Xustiza dálle ademais o dereito a compartir a casa onde vive a súa muller e onde el cometera noutrora o seu grave delito. Antonia vive angustiada, pensando na hora dese regreso, temendo ser ela a próxima vítima da violencia do bruto liberado. Chega o día fatídico e é obrigada a acoller ó seu home no fogar e mesmo a compartir leito co asasino. De todos os xeitos, el non chega a matala. Antonia morre “de morte natural”. O corazón non puido máis: morre de medo.
Velaí un breve resume do argumento de “El indulto”, un magnífico conto de dona Emilia Pardo Bazán, publicado en 1883 en “La Revista Ibérica”. O paso do tempo non deixa de ser un xogo un pouco absurdo. Os grandes problemas, os dramas e traxedias, tamén as nosas ledicias, son os mesmos dende que se escribiu a Odisea ata hoxe. O ser humano, para ben ou para mal, non cambiou tanto. Quizais cambiou moito menos do que somos capaces de albiscar. Iso, cando menos, é o que nos fai pensar este relato tan oportuno, no seu tempo e hoxe, da autora de La Tribuna.
“El indulto” é literatura aínda viva: nin sequera é preciso contextualizala. Por desgraza, os xornais contan cada día historias moi semellantes.

ANT, novembro 2008

OURENSE: UNHA VISIÓN HISTÓRICA GLOBALIZADORA

O HISTORIADOR MARCOS VALCÁRCEL DÁ A COÑECER UN CONCISO E RIGOROSO ENSAIO SOBRE O PASADO DA CIDADE DAS BURGAS

Non é a vez primeira que Marcos Valcárcel se interna polos vieiros da historiografía, que eu non me atrevería a denominar unicamente local, pois tanto este libro que arestora chega aos andeis das librarías –Historia de Ourense- como outras achegas que o autor foi dando a coñecer ao longo dos anos, enriquecen, como poucos, o coñecemento que debemos de ter de nós mesmos e da nosa historia, a través da aplicación dun criterio globalizador e xeneralista, exhibindo unha visión de carácter integradora que fai harmonizar os avances na historia con achegas que asentan a súa orixe en fontes arqueolóxicas, económicas, paisaxísticas, arquitectónicas e, xaora, culturais e literarias... Velaquí, sen dúbida, un dos acertos deste volume e que é elemento caracterizador das pescudas do historiador ourensán: traballos de interpretación que concilian a rigorosidade histórica con outras frontes analíticas para abrir, así, novas portas interpretativas do noso presente e, asemade, proxectando as reflexións cara ao futuro.
A través, así pois, de sete breves capítulos, o volume permite viaxar, e non é un eufemismo, desde as orixes da vella Auria, pasando pola marca que deixou a topografía peculiar na cidade ou analizando as pegadas que as distintas épocas históricas foron deixando na cidade ata a actualidade, vendo así medrar unha cidade, por veces chegando a percibir plasticamente a súa dinámica vital ata datas contemporáneas. Conclúe o volume o profesor Valcárcel apuntando a idea crucial, que un asume, de que cómpre identificarse co patrimonio propio e mais coa identidade para garantir un futuro mellor da cidade e promover unha maior autoestima. Sen dúbida, tras a lectura deste ensaio, un decátase de que agora xa está máis achanzado o camiño para acadar ese obxectivo, e estao porque se compendian aquí moitos saberes e moita erudición, mais gobernada por unha inexcusable vontade didáctica e divulgadora, exposta nese preciso punto medio que fai atractiva e áxil a lectura.
Esta Historia de Ourense presentarase hoxe, loxicamente, na cidade das Burgas. A cidade á que o autor rendeu e rende horas de traballo e divulgación agora recoñece o seu labor nun acto de homenaxe. Salientar tanto o rigor dos seus traballos historiográficos, literarios e xornalísticos, por medio dos que tanto ensinou e segue a ensinar, e non só os referidos a Ourense senón a Galicia toda, como destacar esoutro espazo, aquel que atinxe ao seu perfil humano e que o sitúa nese lugar dos bos e xenerosos, resulta hoxe unha débeda, unha obriga que moitas persoas temos contraída con el.
ENSAIO. Historia de Ourense. Marcos Valcárcel. Xerais, 72 pp., 9 €

Ramón Nicolás (La Voz de Galicia, Culturas, 29-11-08)

Mozambique (por Luís Menéndez)
Entendéndose en galego coas tribos dos macuas.

A Marcos Valcárcel, coa meirande amizade, de sempre.

De delirios e feitiçarias
Teus encantos profundos de Africa

Noémia de Sousa.

-¿E os homes están, aonde?
-Nâo há na aldeia. Estan tudos na massanga.

Foi así como respondeu Eliana, mulher de dezaoito anos, nunha das tantas aldeas macuas –barro, canizo, palma- que abeiran a estrada terrea do norte que vai morrer en Mocimboa da Praia. Neno dormente baixo a capolana de cores, garrafa de cinco litros de auga na cabeza, equilibra o seu camiñar randeante na liña de area vermella que a leva do pozo á aldea seguida doutras mulleres ás que acompañan, coma sempre, multitude de crianças. E sorrindo, pero con indisimulado temor, continúa:

-O trabalho dos homes é fazer filhos, eles son a nossa riqueza. É asím.

Ben, si, ás veces velos cavando naquela terra árida, dándolle cun sacho de media manga, achaiando os terróns da massanga para plantar se acaso algunha papaieira desafiante a sequidade, a salinidade, o vento…Pero os máis deles están a durmir á sombra das acacias ou obrigando os rapazolos a botarse literalmente sobre a calzada provocando a freada do 4x4 e metendo pola xanela media libra de castana de cajú, as mangas de Macomia, un galo pericote…

Estou nun país musulmán, este norte mozambicano. Máis xiíta que sunnita. Mesquitas a eito, pero con cultos diversos segundo as confrarías. Todos se reclaman da umma, isto é, do mesmo Profeta e do mesmo Corán. E o home é o home. E a muller, tamén. Pero custa diñeiro, traballa e camiñan detrás do macho. Así foi de sempre….O Islam chega ata estes afastados contornos de África pero compite coas crenzas animistas aínda enredadas co miolo do saber popular. Tamén neses círculos de fe e confesións sobrenaturais a muller ten rol secundario, semella que asume resignadamente unha inferioridade imposta tras séculos de dominación masculina. Despois dunha danza damba na paradisíaca illa de Matemo, no arquipélago das Quirimbas, a grea infantil que participa despide entusiasta o home branco, rico, colono, “patrâo”, coas tres posicións do choque de mans (palma-polegar-palma). As nenas, xa mociñas, agardan para ao final, e cunha tímida reverencia collen a túa man aberta entre ás delas que suavemente esvaran coma un xesto entre protección e cariño. Pero tamén submisión.

A vela árabe, triangulando o ímpeto do vento, empurra a jalufa cara á illa de Ibo, á que fora capital de Cabo Delgado no tempo portugués. Chegar a Ibo é traspoñerse coma dun soño no que amodo vas camiñando pesadamente sobre un chan esvaradío, as figuras deambulan lentas, lentísimas, por aquelas rúas de area (non se coñece coche en Ibo) escoltadas por palmeiras e jacarandás, mesmo na liña das casas coloniais, estragadas totalmente por decenios de abandono. Baixo un sol cegador das nove de mañá, luz e calor pegañento, sae da escuridade interior dun predio un bacoriño negro, seguido de dúas pitas, para finalmente apoiarse no marco da porta un neno de ollos grandes e pel escura con trazos hindús, esculcando silente o paso do forasteiro…

(Foto, unha danza “Damba”, nas illas Matemo (Moçambique). Fermoso , ¿non? )
Que conste...

Que conste aquí o meu máximo agradecemento a Xulio Outumuro, que actualizou durante estes días o blog con intelixencia e esforzo impagable ...

30 nov 2008




Despois da homenaxe

de Marcos V.

(Pegadas nos medios.)




Na prensa dixital:

30-11-2008




1-12-2008:

2-12-2008:


No blogomogollón:


30-11-2008





1-12-2008.
2-12-2008.

3-12-2008

Multimedia:

En Youtube, por Teleminho, presentación do libro ´Historia de Ourense'.

(En breve incorporaremos discursos pronunciados.)


Queren enviarnos fotos para elaborar unha galería do blog antes ou despois da homenaxe de M.V., mándenolas a este correo que figura así mesmo na cabeceira do blog: marvalcarcel@gmail.com. A poder ser, que non pasen de 500 K. de peso cada foto. Se queren tamén facilitarnos o traballo, identifiquen a cada suxeito de arriba a abaixo e de esquerda a dereita, e xusto o lugar e a data onde foi tirada.



29 nov 2008

La region-Sonia Torre - OURENSE - 29-11-2008

Marcos Valcárcel: ‘As cousas si se fan ben, sen desexo de ridículos protagonismos, teñen boa resposta’

Catedratico de Lengua e Literatura, investigador e historiador
A actividade cultural en Ourense non se pode entender sen o nome de Marcos Valcárcel. O profesor, investigador e historiador presenta hoxe o seu último libro ‘Historia de Ourense’, e ademáis será o protagonista dunha cea-homenaxe pola sua intensa traxectoria.
O profesor, investigador e historiador Marcos Valcárcel, nun momento da entrevista. (Foto: Miguel Ángel)
O profesor, investigador e historiador Marcos Valcárcel, nun momento da entrevista. (Foto: Miguel Ángel)

O Clube Alexandre Bóveda, a Asociación cultural Auriense, a sección de literatura do Liceo, a Fundación Carlos Casares ou o Pen-Clube de Galicia. Son só algunhas das asociacións relacionadas coa cultura que teñen un incuestionabel nexo en común: Marcos Valcárcel. Este ourensano, profesor, catedrático, investigador e historiador, autor de numerosas publicacións, colaborador de medios de comunicación, como La Región, e organizador de numerosas actividades culturais, é un dos motores da vida cultural da cidade. Esta tarde, ás 19 horas, no Liceo presentará seu último traballo: ‘Historia de Ourense’, e será o protagonista dunha cena homenaxe para recoñocerle a súa traxectoria, algo que recoñece ‘agradezco moitísimo, xa que me consta que foi feita con agarimo e porque, tanto os organizadores como a xente que se apuntou, son amigos e iso e de valorar’. Os comensais xa superan os 300.

¿Que se sinte máis, profesor, investigador ou historiador?

Son facetas complementarias, dende a miña perspectiva síntome máis ben profesor, que é o que fixen prácticamente toda a miña vida. Despois a presencia na investigación e, sobre todo, na prensa, para mín e complementaria, xa que trato a cotío os mesmos temas e é o mesmo descurso, só que plasmado cos distintos linguaxes que utilizo.

¿Que conta ‘Historia de Ourense’?

Trátase dun libro de divulgación, é un libro pequeno, aínda que debo destacar que ten unha presentación moi coidada. Defínese como unha porta de entrada ao que foi a historia inicial de Ourense. Está pensado para estudantes, como os meus alumnos e incluso para universitarios. Aínda que tamén é válido para todas as persoas interesadas en coñecer un pouco máis a historia de Ourense, e para os turistas que se acerquen ata a nosa cidade. Ata agora non había un manual sinxelo no que poideran atopar estos datos e que lles poidera servir para iniciarse na istoria da cidade. O que se trata é poder espertar un pouco o interese pola istoria de Ourense dunha maneira sinxela. Tratei de facelo co todo rigor do que fun capaz e incluso tentei introducir algunhas novedais, como os descubrimentos que se están a facer coas excavacións das Burgas. O que quería era un traballo que poida chegar a maior parte da poboación. De todos modos, tamén aparece unha ampla referencia bibliográfica para as persoas interesadas en profundizar.


Como unha das persoas que promoven as actividades culturais na cidade, ¿pensa que os ourensáns responden ben?

Creo que sí, que Ourense responde as iniciativas culturais. E certo que tratei de introducir cousas novedosas, imaxinativas, pero sobre todo, o máis importante é contar coa colaboración de todo o mundo, eu son únicamente unha peza máis no engranaxe. Hai moita xente en Ourense, amigos como Benito Losada ou Monxardín, por exemplo, que están continuamente en diferentes ámbitos culturais e o que chegamos é a conclusión de que cando as cousas se fan ben, con certa querencia, coordinando todo, colaborando o maior número de institucións, de iniciativas, e sin desexos de protagonismos, que son ridículos, as cousas saen ben e a xente responde. Ourense é unha cidade culta, sempre o foi, quizais noutros momentos tivo máis actividade no sector da producción cultural, e hoxe cecais hai máis espectadores, xa que as infraestructuras aumentaron e temos posibilidades de asistir a un maior número de espectáculos culturais que antes. A asignatura pendente é que Ourense xenere máis productos creativos e que o faga en todolos campos, que se complementen as dúas cousas: a labor do espectador, que non deixa de ser unha labor pasiva, e a do creador, e que de Ourense poidan sair ata outros espazos.

¿Que é o que falla para que se produza esa proxección de creadores?

Estas cousas son moi lentas, o traballo de cultura non se fai en dous nin en tres días, a veces fan falla xeracións, é algo que se ve a moi longo prazo, e non todo o mundo ten paciencia para seguir. Realmente o apoio institucional vai máis ben dirixido a cultura espectáculo e a promocionar cousas que veñen de fora. O meu consello sempre é o mesmo: que as institucións públicas apoien o máis posible o sector creador, sin ningún tipo de partidismos nin sectarismos, e dar a máxima liberdade, porque hai xente moi boa.

¿Os políticos en xeral entenden a cultura?

Non se pode dar unha resposta en xeral, habería que facer matizacións. Hai de todo. Eu coñezo políticos con grandes inquedanzas culturais, que sé que son grandes lectores e participan en eventos culturais continuamente; hai outros que aos que non lles interesa nada, os libros están na estantería non para ler, senon para adornar; e hai outros que se limitan a cumprir coa labor institucional de apoiar mediante subvencións, pero tampouco a súa inquedanza máxima é o mundo cultural. Eso por suposto, non podemos pedir ilusións, ideais, cada quen é como é. Non podemos pedir unha clase política que teña un nivel cultural elevadísimo, porque eso non se da nin en Ourense, nin en Madrid, nin en outros lugares, non é un fenónemo exclusivamente ourensán. O que sí podemos é pedir que os políticos sexan conscentes do valor da cultura, que a cultura é a que da no fondo identidade a unha sociedade, e unha certa personalidade, e que sexan polo menos, digamos que teñan o complexo ou prexuicio de que isto é algo que hai que coidar, agarimar e non desprezar. O realmente terrible é cando por ignorancia a xente despreza a nosa cultura, o noso idioma, porque non saben o que teñen.

¿Existe unha xeración relevo para actividades culturais?

E necesario que exista, debería existir. Hai de todo, na mocidade hai de todo, eu non son nin apocaliptico nin catastrofista. Un vello filósofo antigo, séculos antes de Cristo, falaba contra a mocidade, que era un escándalo, que onde ibamos a chegar, é un discurso vello, que non aporta nada. Na mocidade hai de todo, hai xente moi boa, moi válida, moi ilusionada, moi ben preparada, traballando en ONGs, en campos sociais, culturais, e de ahí ten que sair esa xente. Hoxe o unico é que, digamos certos sectores o teñen máis fácil, teñen unha serie de infraestructuras, está o mundo de internet, que e un auténtico tesouro, e incríble a cantidade de blogs, de iniciativas que están ahí, de diálogo. E a outros niveis, pois a veces hai unha falla de referentes, de saber contra qué loitar. Na miña xeración iso o tiñamos claro, estaba Franco, e tiñamos un obxetivo. Hoxe pode haber un sector da mocidade que esté confuso, que non teña moi claro porque ten que loitar, ni ata onde o ten que facer, pero siguen sobrando causas para loitar, para sair a rúa todolos días, para seguir traballando no mundo social, político e cultural, e hai xente moi potente, boa e moi preparada. Entre a xuventude que coñecin ao longo do tempo hai moitas persoas que poden facelo moi ben, e sen dúbida que están moito mellor preparados que a miña xeración, a nivel académico e a nivel profesional.

¿Qué recorda con máis ilusión?

Dende logo a xuventude polo que ten de descubrimento, de iniciación. Os primeiros anos 70 foron un cambio radical. Eu era un neno da pequena burguesía, afastado da realidade. O salto ao instituto, o salto a agrupación cultural Auriense, as primeiras misas en galego, deron un volco a miña vida, unha galeguización que me volveu ao mundo dos meus pais e avós, que eran galegofalantes e moitos dos mellores amigos que teño son daquela época. A outra etapa foi xa vendo de Santiago, empezando a traballar en algunhas das asociacións que participei. Recordo os encontros, as reunións, todos eramos amigos e isa e a mellor maneira de traballar, sen dúbida.



Marcos Valcárcel, o vendimador da cultura galega

Redacción -Vieiros- 13:35 29/11/2008



Ás sete da tarde preséntase o seu 'Historia de Ourense' no Liceo; e ás nove da noite os seus amigos renderanlle unha merecido recoñecemento.



As instalacións do Liceo de Ourense (Lamas Carvajal 5) acollerán a partir das sete da tarde deste sábado a presentación de Historia de Ourense, o máis recente libro de Marcos Valcárcel. O acto contará coa intervención de Francisco Rodríguez Fernández (alcalde de Ourense), Alfonso Vázquez Monxardín, Manuel Bragado e o propio autor. A continuación, ás nove da noite no restaurante San Miguel celebrarase unha cea-homenaxe de recoñecemento de todos os amigos e amigas ao "infatigábel labor de Marcos a prol da cultura de noso".

A comisión organizadora da homenaxe, formada por César Ánsias, Xoán Fonseca, Benito Losada, José Carlos Martínez-Pedrayo, Eustaquio Puga, Xosé Ramón Quintana, Xosé Trebolle e Afonso Vázquez-Monxardín quere con este acto "buscar formas para expresar a gratitude e cariño que moita xente quere comunicar a Marcos, nestes momentos complicados para a súa saúde". Os seus amigos destacan os seus traballos de investigación e divulgación sobre a historia de Galicia e en especial nos eidos cultural e xornalístico, a súa constante presenza na prensa galega dende hai trinta anos (hoxendía en Galicia Hoxe, La Región, e A Nosa Terra), o seu desinteresado labor de organizador e dinamizador cultural na cidade de Ourense, ou o seu blog As Uvas na Solaina; "e todo sempre desde posicións galeguistas, progresistas e dialogantes", salientan.

Nas últimas semanas veñen aparecendo en distintos medios de comunicación numerosos artigos de opinión que gaban a figura do historiador. Por exemplo Xosé M González escribiu en Xornal.com "El, motivo e titular desta peciña, leva gañado o que dicían o Miranda e quen asina: constituír arestora único parangón factible para don Ramón Otero Pedrayo. Igual lle agroma roibén nas fazulas, cavilando que aquela enorme sombra non ten hogano semellar. Confundirase. Hospitalidade, erudición, ourensanía. Perciben o aire de familia?".

Xosé M. Sarille, en El Correo Gallego, dixo: "Un grande corazón que impulsa e transporta, desde o pasado para o porvir deste país, e desde a sombra para o entendemento e o amor. Non lle coñezo a outra obra, a do erudito e coleccionista paciente. Tenme falado dela nos cálidos días en que nos retratabamos xuntos e sei que en Ourense hai casas enteiras de arquivos de papel que pola lúcida escolla constitúen talvez a notaría máis importante da Historia de Galicia do último medio século. E todo porque Marcos Valcárcel é tan grande como imprescindíbel".

Xaime da Pena, en Xornal.com, afirmou "Marcos tamén ten todo aquelo que sempre quixemos do noso pai e para o noso fillo, a tolerancia suficiente para que te comprenda nun extremo e un sorriso cómplice despois dunha zoupada, !vas caer¡, pero con eso non se nace, eso faise o longo de cincuenta anos, día a día, lectura a lectura e artigo a artigo, e de aí ese bendito respecto profesoral que lle temos os seus okupas, e como dicía o outro senón existira habería que fabricalo. Nós témolo, disfrutémolo".

E en La Región Rosa Enríquez deixou dito: "Por iso precisamente, ao entrar no blog de Marcos Valcárcel, como dicía Borges, unha aprende e aprende e volve a aprender. Eu, por aprender, aprendín, por exemplo, que hai persoas que traballan arreo, coma Marcos, na configuración da memoria real, sementando o respecto á cultura e ás artes feitas no noso país, fornecendo o espírito de quen teña desexos de coñecer as súas raíces que o único espazo onde se pode dicir que existe radicalidade".

Helena Villar Janeiro, en Galicia Hoxe, escribiu: "Cavilaba eu estes días en que Eduardo Pondal, cando escribiu o poema que se ía converter no himno galego, tivera unha certa premonición de que existiría unha personalidade como Marcos Valcárcel e que lle inspirara en vaticinio aquel sintagma "os bos e xenerosos".






"Foi Marcos o das uvas quen me presentou a Marcos de Auria"


Redacción Vieiros - 14:23 29/11/2008

Algúns dos comentaristas habituais do seu blog 'asuvasdasolaina', gaban ao historiador horas antes da súa homenaxe pública.



Arume dos Piñeiros. Nacín na solaina. Xa non recordo o día. Si, non obstante, o recebimento. Cálido, xeneroso. Ignoraba todo do anfitrión, do dono desprendido das uvas. Apenas podía imaxinar (nin quería probablemente) quen eran os/as que escribían naquela páxina con tanta entrega. Foi Marcos o das uvas quen me presentou a Marcos de Auria: nunca lle estarei totalmente agradecido. Mentres tanto, entro e saio a carón dese río dese mundo que se chama Valcárcel.

Xoan da Cova
. Eu caín no blog de casualidade. Era eu un internauta consumado, pero non habitual dos blogs. Fixen crítica destructiva de algún texto do autor, e chamáronme "troll". Divertíume o nome e ,asumíndo o rol, empecéi a dar caña a destro e sinistro, sen saber moi ben contra qué ou contra quén. Sorprendéume ver que os contra-argumentos dos comentaristas tiñan un nivel intelectual non habitual, neste mundo internáutico que, daquela, aínda parecía monopolizado por adolescentes e xente moi xove. Non era unha web habitual. Outro contertulio chamóume "ágrafo", e tiña razón. Nunca na miña vida tiña estado especialmente interesado no galego ou na cultura galega,a pesares de ter sido o galego, na aldea, a miña lingua materna. Asumín o nick 'Troll -ágrafo', e seguin desenrolando ambos os dous roles durante unhos debates que se facían máis interesantes cada día. Nunca pensei que me fose divertir e aprender tantas cousas nun blog. As conversas cos contertulios determinaron unha porcentaxe significativa das miñas lecturas desde entón. Cando o Marcos me propuxo o cambio de nick a "Xohan da Coba", posiblemente inspirado nas miñas heterodoxas intervenciós, como heterodoxo era o famoso personaxe ourensán do así chamado, asumino de inmediato. Tamén o pasei ben coas cábalas que se fixeron acerca da miña identidade, en parte alentadas por as pistas falsas que me divertía en deixar. Mesmo apareceron referencias ao meu nick na prensa escrita. Alucinante. Cando o contertulio, que despois se chamou Lobo Neghro, chegou tamén para quedarse, e me descubriu, pasaron todos os habituais do blog a seren amigos do corazón, mesmo antes de coñecelos a moitos de eles persoalmente.

Xa dixen algunha vez que non é nada fácil "facer grupo". Os verdadeiros grupos son heteroxéneos, formados por persoas que asumen roles diferentes. A maioría das persoas queren rodearse de xente igual a eles. Só os líderes naturais congregan ao seu redor, de xeito espontáneo, a persoas moi diferentes entre sí, para formaren unha estrutura supra-individual. O que seguramente Marcos Valcárcel fai en moitos aspectos da súa vida, pero que, cónstame, fixo sen dúbida con este blog das Uvas.

Xosé M. González. Entrei porque había que entrar; vello coñecido, vella música, O Meu País... Dixen algo na columna de Xornal, o dono da Solaina veu saudar e correspondín na súa galería; visita de médico, chámanlle. Iso me parecía.
Si, home, si. Un gancho que te agarra e bum, volves, volves, non deixas. Comparece un tal Arume dos Piñeiros, temos certa diferenza en relación co peiteado. O amo da casa probablemente observa e sorrí por dentro; "estes rapaces...".
Ben sabido é que, por veces, non hai mellores amigos que os que se petaron de nenos. Aínda haberá máis relea, o dono quérese preocupar un algo. Auga de castañas, sorriso de solaina. "Era visto". Segue mandando vida e nós bebemos.

Lourixe. Móvome aventureira por moitos mundos. No meu devalar de estantiga cibernética en todos os cruces camiño do Parnaso faláronme das Uvas e dos seus afanosos vendimadores. Unha boa cuadrilla coñécese polo esplendor do maioral, e bebo agora gozosa do excelente mosto da Solaina.

Júlio Medela de Lobeira. Chega unha altura na vida en que cómpre reflectir, mesmo para os empresarios do tiro, das ‘voladoras' e dos churros bañados en chocolate. E don Marcos tamén é dos nosos, aínda que máis especializado: Un acróbata do espírito. O día en que un servidor entrou no seu blog, na súa espectral caseta de tiro, chimpou unha baralla moi especial, ben asegurada sobre tres palillos, e cun só tiro!!! Grazas, don Marcos.

Xosé Manuel González. E ao da Cova, entre o wolóf e a requinta, condensador e cervexas, faltalle só unha voltiña pola metempsicose.

E a Lourixe, Chairega Jones da net of nets, demora un anaco na raxeira e fai relato da aventura.

O cabaleiro moinante de Lobeira, adoito pirotécnico, resolve aterrando en arabesco e volcánica enxurrada. De onde a forza da vida se chama Nukus.

O Arume dos Piñeiros regala un soneto, inopinada fonte de imprevista sabenza, abraiante louvanza, derivación sicalíptica.

Pousa cadaquén a súa vianda no luxoso mantel. Na cabeceira da mesa, un Ludovico Sforza menos guerreiro quizá, máis ilustrado.Arume dos Piñeiros. Vai vir o Beria e mandarnos a todos todas á Siberia a menos corenta graos. Ou algo así.


Marcos Valcárcel edita la 1ª historia de Ourense breve para estudiantes y turistas

EFE (http://www.soitu.es)
Actualizado 28-11-2008


Ourense.- La primera historia de Ourense breve, destinada a estudiantes de todos los niveles educativos y turistas aporta rigor, información actualizada de nuevos hallazgos y se puede "leer de un tirón", dijo en entrevista a Efe su autor el catedrático de Literatura gallega y doctor en Historia Marcos Valcárces
ampliar foto
(EFE)

El catedrático de Literatura y Lengua Gallega y doctor en Historia Marcos Valcárcel, con una caricatura suya obra del humorista gráfico Carlos Quesada, que ha escrito la primera historia de Ourense breve, destinada a estudiantes de todos los niveles educativos y turistas aporta rigor, información actualizada de nuevos hallazgos y se puede "leer de un tirón", dijo en entrevista a Efe su autor.

Valcárcel presentará mañana día 29 esta obra en el transcurso de un acto público organizada por el club Alexandre Bóveda, del que forma parte, al que se prevé la asistencia de más de 300 escritores, intelectuales, amigos y políticos de toda España.

El libro "Historia de Ourense", según explicó, tiene 70 páginas, con fotografías históricas y una "amplísima" bibliografía para el lector interesado en saber más.

Para su elaboración se basó no sólo en las investigaciones de etnógrafos sino que incluye información obtenida por arqueólogos en excavaciones iniciadas hace pocos meses en el casco viejo de la ciudad.

La brevedad del libro fue elegida de forma consciente por el autor, que también optó por extenderse más en diferentes fases del Ourense contemporáneo, desde la entrada de la ciudad a la modernidad con la apertura de la Rúa Progreso en 1850 -que facilitó la instalación de burgueses del resto de España-, hasta hoy.

"El libro es desequilibrado pues la época sueva se limita a los estudios de Anselmo López Carrera, y poco más hay, pero al acercarme a la actualidad me extendí más de forma consciente para que a estudiantes y curiosos les quede constancia de la importancia de la Xeración Nós y de la gran actividad cultural y económica que hubo en la ciudad de la posguerra, a pesar de la situación", agregó.

En ese sentido, explicó a Efe que los intelectuales actuales son deudores de los que les precedieron, como la "Xeración Nós" -Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo y otros- e incluso ésta "no tendría la fuerza que tiene si antes no hubiese otros ourensanos menos conocidos pero igual de importantes".

El investigador considera que la cultura en Ourense "siempre supo optimizar sus recursos" y se conserva porque se engarzan unas generaciones con las anteriores "y ahora podemos hablar, entre otros, de Bieito Iglesias que vive en Santiago pero sigue bebiendo de su infancia en el barrio de A Chavasqueira y deja así patente una parte de la memoria de la ciudad".

Del mismo modo, el fallecido Carlos Casares, y Xosé Lois Méndez Ferrín, a pesar de su vínculo de adultos con Vigo, son ejemplo claro de que la infancia -en ambos vivida en Ourense- es la patria del poeta "igual que ocurrió antes con el premiado poeta José Ángel Valente, incluso cuando marchó a Ginebra, o Antón Tovar", agregó.

Valcárcel no considera adecuada la denominación del Ourense de una determinada época como "Atenas de Galicia" -frecuentemente utilizado en actos públicos- y atribuye la riqueza cultural de la ciudad "a que es una de las pocas que conserva con fuerza su tradición y esa es la mejor base para avanzar y renovar", subrayó.

Tras la publicación de su breve "Historia de Ourense" en Xerais, Valcárcel tiene proyectos inmediatos "aunque parados por ahora hasta que recupere el ánimo que perdí cuando me detectaron una enfermedad que no tiene tratamiento".

En ese sentido, dijo que está recién editado un novedoso calendario cultural de Galicia que recoge los principales hitos de cada año entre 1906 y 2006 "como una especie de guía de curiosidades anuales" que ya tuvo éxito durante su publicación en el diario "Galicia Hoxe".

En las "tareas pendientes" de Valcárcel está volver a colaborar en periódicos, un estudio inédito sobre las influencias literarias de Eduardo Blanco Amor y nuevas investigaciones sobre Antón Tovar.
O traballo recoñecido

Marcos Valcárcel reivindica Ourense como unha cidade "culta" que contribuíu moito á "construción da identidade cultural" do país

M. DOPICO . SANTIAGO-Galicia Hoxe 29-11-2008

Valcárcel , á esquerda, con Xosé R. Quintana e Ramón Villares, en Ourense
Valcárcel , á esquerda, con Xosé R. Quintana e Ramón Villares, en Ourense

"Para min Ourense é unha localización sentimental e literaria no mundo, cun perfil moi preciso, pero perfectamente compatible coa nosa identidade galega". O historiador e catedrático de Lingua e Literatura galega Marcos Valcárcel explicaba, deste xeito, nunha entrevista con Manuel Vidal Villaverde publicada por este xornal a súa "ourensanía". Agora, a sociedade galega e, en especial, o mundo cultural, queren amosarlle o recoñecemento que merece polo seu compromiso co país cunha cea homenaxe que esta noite reunirá no restaurante Sanmiguel a máis de trescentas persoas.

Investigador, activista cultural, colaborador de varios xornais e publicacións, -Galicia Hoxe entre eles-, blogueiro... Marcos Valcárcel organizou, sendo presidente do Clube Cultural Alexandre Bóveda de Ourense, varias homenaxes a distintos persoeiros. Hoxe é a súa quenda. Antes da cea, ás 19:00 horas, no Liceo, presentará o seu novo libro, Historia de Ourense, editado por Xerais.

"É unha historia de Ourense de ton divulgativo, breve e con rigor, desde o mundo romano ata hoxe. Un intento de facer unha historia cultural na que os ourensáns recoñezan as súas raíces, por iso a parte do século XX é moi extensa: a República, a postguerra, os anos 50-60-70, co mundo cultural que xirou arredor da Auriense, o Ateneo, o Liceo, a coral de Ruada, os escritores... A explicación do mundo romano parte dos clásicos: Ferro Couselo e Cuevillas, pero incorpora as actualizacións derivadas dos últimos achados dos arqueólogos. Na etapa medieval introducín os estudos de Anselmo López Carreira por exemplo...", salientou Valcárcel nunha entrevista.

"Desde a Idade Media ata o 1850 houbo poucos cambios. Na etapa contemporánea, que se abriu coa creación da estrada a Madrid, falo da nova burguesía urbana, que consolidou toda a arquitectura chamada modernista, e toda a zona do ensanche... Ao final do libro recollo unha bibliografía para quen queira afondar: desde Otero, Risco, Cuevillas, Ferro Couselo, ata Francisco Fariña, Olga Gallego, Alfonso Vázquez-Monxardín...", engadiu.

Acompañarán ao autor, na presentación do libro, Monxardín -un dos organizadores da homenaxe-, o editor, Manuel Bragado, e o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez.

MEMORIA

A actualidade do asociacionismo

Valcárcel dirixe a sección de Literatura do Liceo de Ourense. Foi membro da asociacións culturais O Galo e O Eixo en Compostela, Auriense en Ourense, a Federación de Cine-Clubes de Galicia... "O asociacionismo cultural tivo o seu apoxeo desde finais dos anos 60 ata o 78-79. Foi unha plataforma de denuncia política e social moi importante, e una escola de formación da sensibilidade política galeguista para os que temos hoxe entre 50 e 60 anos. Agora decaeu moito: moita da actividade que se facía nas asociacións xa se fai desde outros ámbitos. Daquela, teñen que adaptarse á nova realidade, pero segue a ser moi positivo que existan, e as institucións deben promovelas", cre.

Valcárcel ten publicado un amplo abano de obras de historia -con especial atención á Segunda República-, historia de Ourense, do galeguismo, do xornalismo galego, estudos sobre escritores e escritoras do país... Como investigador, ten claro que Ourense lle achegou moito a Galiza en canto a "construción da identidade cultural, a través primeiro da xeración Nós e da revista Nós, despois da xeración dos escritores republicanos, con continuidade na posguerra: a revista Posío, por exemplo, despois o mundo das asociacións culturais... Hai moito da historia de Ourense por descubrir...", asegura.

VISIÓNS

"Aínda non temos o museo"

Ourense, di Valcárcel, é "unha cidade culta", pero cunhas institucións "que non sempre están á altura. Aínda non temos un museo no que estean presentes todos os nosos artistas, escritores...", lembrou.

Un xornalismo para o debate

"O xornalismo, en xeral, debería imitar o modelo da República: de construción dunha idea de país sen localismos absurdos, de pluralismo, sen sectarismos, serio, aberto ao mundo, como un gran foro de debate", pensa.

Unha terra de escritores

A tradición literaria ourensá foi aberta por xente coma "Marcelo Macías" e "Arturo Vázquez", e herdada pola xeración Nós, despois Casares, Ferrín, Bieito Iglesias... que "manteñen o vínculo coa súa infancia", comentou.

A TECELÁ EN OUTONO

Marcos de Auria.

Marica Campo
El progreso
28/11/2008

OURENSE é pedra, ladrillo, formigón, río, pontes, outeiros e auga calda no meridiano 7° 52’ 12’’W. Auria é pensamento, memoria e literatura no meridiano dos soños. Como nas cidades invisíbeis de Italo Calvino, Auria acontece sobre o mesmo chan que Ourense malia pertencer aquela a un outro mundo ben diferente. Moitos dos habitantes de Ourense morrerán sen saber que existe Auria, mais todos os habitantes de Auria coñecen Ourense.

Auria ten alcalde de seu. As súas ocupacións non teñen nada que ver coas do alcalde da cidade visíbel. Este debe mirar polo estado das rúas, a situación do emprego, a calidade da auga ou os impostos. Aquel anda sempre na teima de comunicar ambas cidades, de facer visíbel a invisíbel, de descifrar o palimpsesto da cidade para que Ourense, ademais de corpo, teña tamén alma. Alma, esa conciencia de si propio, coñecemento e memoria, urdido de historia e fábula alén do tempo dos que o habitan. Auria.

O alcalde de Auria chámase Marcos Valcárcel. Mañá, 29 de novembro, presenta no Liceo da Cidade das Burgas unha súa Historia de Ourense. Con ese pretexto renderémoslle testemuño de admiración e amizade nunha cea homenaxe que ha xuntar multitude de persoas de todo o país. Agasallaremos en un a moitos homes: o erudito, o historiador, o activista cultural, o escritor, o profesor, o amigo e, sobre todas as cousas, o home de ben.

Conta Castelao no seu Sempre en Galiza a anécdota, por el vivida en Badajoz, daquel crego da catedral que, dispondo dun magnífico órgano alemán, pasaba as horas a lle estudar as tripas e a limpar os excrementos que os morcegos deixaban nos tubos, mais sen tocalo e sen llo deixar tocar a ninguén. "¡Que lástima de órgao e que pena de organista!" di, para engadir logo que no censo de intelectuais que moran na nosa terra hai unha chea deles que se asemellan ao organista de Badajoz: sabios, mestres, técnicos; mais improdutivos.

Non é este o caso de Marcos Valcárcel, como xa queda sucintamente descrito, senón todo o contrario. Sen estridencias e desde a primeira mocidade, a vida deste home é a dun servidor, sempre de garda, da causa de Galiza. Ourense é a metonimia ou, se o prefiren, a parcela privilexiada do seu labrar. Da súa produtividade fala ben ás claras a morea de libros que ten publicados até o de agora, con cincuenta anos e máis quefaceres que o da escrita. Non é posíbel citalos aquí, mais si resumir que por el sabemos moito máis da Xeración Nós, do lexicógrafo Eladio Rodríguez, da literatura, historia e xornalismo de Ourense. De Blanco Amor, o que lle dera nome á Auria que Marcos poboa. ¡Poboar!: Ocupar un lugar con xente. Sinónimo: ¡habitar!. A iso nos chama o amigo, a vivir con el no meridiano do coñecemento, a memoria, a literatura e os soños. En Auria. En Galiza.


28 nov 2008

A censura franquista de libros
X.L. Méndez Ferrín
(Faro Vigo 28-11-08)


Despois de botarlle unha ollada á exposición "Editar en galego baixo a censura franquista" que, organizada por Xosé Manuel Dasilva, foi inaugurada na Casa Galega da Cultura de Vigo (Fundación Penzol), penso no moito que hai aínda por investigar e divulgar neste material. Seguindo a liña aberta por Abellán, floreceu unha interesante corrente histórica e de crítica literaria centrada no fenómeno da censura franquista e nos efectos ocasionados na literatura castelá e na literatura catalá (non sei se tamén na vasca).
A censura franquista de libros (segundo teño entendido e tamén padecido), divídese en dous períodos. No primeiro, as obras presentadas á censura (na calle Génova de Madrid, que parece ter unha especial vocación inquisitorial) eran examinadas por tres "lectores" que corrixían, tachaban e emitían os respectivos informes. Logo un xefe redactaba a resolución final na que se prohibía a totalidade, se autorizaba ou se suprimían partes da obra. Parece ser que os "lectores" eran anónimos e non se coñecían entre si. O secreto era tal que hoxe ignoramos o nome dos que foron censores ou "lectores" dedicados á vixilancia das letras galegas. A segunda etapa da censura franquista de libros ábrese coa posta en vigor da Lei de Prensa de Fraga Iribarne, que, para algúns, foi aperturista. Cousa, como veremos agora mesmo, completamente falsa.
O Ministerio de Información de Fraga Iribarne abriu un libro de rexistro editorial no que se relataban as editoriais máis de confianza política do Réxime. As editoriais rexistradas e numeradas segundo decisión personal de Fraga Iribarne podían publicar libros sen se someteren á "consulta previa". Ora si, se o libro publicado e distribuído contivese proposicións contrarias aos intereses do goberno e do Réxime podía ser secuestrado, retirado da circulación e os editores e autores procesados.
En canto ás editoriais que non gozaban do privilexio de figuraren no rexistro, seguían obrigadas a pasar os trámites da censura igual ca sempre. Fraga Iribarne non permitiu que Galaxia e as restantes editoriais galegas, a excepción da Val Lemos de Monforte, figurasen no grupo selecto das acollidas no "rexistro editorial". O cal quer decer que para Fraga Iribarne a cuase totalidade das editoriais galegas eran sospeitosas de desafección ao réxime franquista. E penso que non se equivocaba nada, a excepción da Val de Lemos que era inequivocamente antifascista e nacionalista galega.
E aínda había outras censuras. As conferencias culturais tiñan que ser aprobadas, previa presentación do texto ou dun guión pormenorizado, polos Gobernos Civís. Se resultaban desautorizadas non podían celebrarse e se algunha asociaciación se atrevía a facelo, recibía unha boa multa gobernativa ou mesmo era obxecto dun procesamento por parte do Xuzgado de Orde Pública. Aínda me lembro das 50.000 pesetas de multa que lle caíron á Asociación Cultural de Vigo por un coloquio informal e matutino protagonizado por J.L. Aranguren sobre 1968 ¡E da sanción a Manuel María! Determinados oradores nunca ou case nunca eran autorizados a falar en público. Houbo un período no que o mesmo Rector da Universidade de Santiago, García Garrido, prohibía as conferencias dos profesores de Instituto que figuraban na súa propia lista negra.
Naturalmente, nesta ínfima nota non se esgota a historia negra da censura exercida contra a cultura galega. Dos libros que eu publiquei co meu nome, o derradeiro que pasou a censura franquista foi o titulado Con Pólvora e Magnolias e fíxoo en 1976.

A boca pola lingua.

Xosé M. González.
El progreso 28-11--2008

Cando un servidor furga pola internet, entre as primeiras cousas que fai está ir á web de El Progreso (principalmente, sección Opinión) e ao incomparable blog (perdoen os desta casa, para tal preferencia miña non parece haber emenda) As uvas na solaina. Alí, nunha demorada tertulia hai meses, certo estimadísimo participante aludira aos filólogos utilizando a expresión que titula este artigo, caracterizándonos logo coma unha especie -disimulen- de invertidos. Porque ao resto dos seres humanos váiselles, en todo caso, a lingua pola boca.

Marcos Valcárcel

HELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA

(El Correo Gallego -28-11-2008)

Cavilaba eu estes días en que Eduardo Pondal, cando escribiu o poema que se ía converter no himno galego, tivera unha certa premonición de que existiría unha personalidade como Marcos Valcárcel e que lle inspirara en vaticinio aquel sintagma "os bos e xenerosos". Logo visitei As uvas na solaina, un blog moi do meu gusto que publica o ourensán e polo que paseo cada noitiña, e topeime con que xa alguén que quería louvalo a el e ao seu labor utilizara a mesma idea. ¡Que se lle vai facer! Hai coincidencias. Fryderyk Chopin ten no Rondo Krakowiak, opus 14 (1828), catro compases que coinciden con outros tantos da Negra sombra de Xoán Montes e que sorte que o galego a deixara composta para ben da nosa música. Por iso eu tampouco vou renunciar a unha ficción literaria que me parece ilustrativa para dicir o que quero contar do amigo Marcos.

Marcos Valcárcel é moitas, moitísimas cousas. Doutor en Historia e catedrático de Lingua e Literatura Galegas, vinculado a Ourense por nacemento, profesión e vocación, e a Galicia polos traballos de investigación da historia política do galeguismo, coñecedor da nosa literatura e editor dalgúns de grandes poetas, activo xornalista cultural -Galicia Hoxe publica as súas Andoliñas- e un dos blogueiros máis dinamizadores e sistemáticos da rede. Tén publicado un bo número de obras individuais e participa en numerosos proxectos colectivos. O último que coñezo, e acabo de ler e aplaudir, é a análise da nosa literatura nun libro do Consello da Cultura Galega arredor da conmemoración dos seus primeiros 25 anos.

Todo este traballo compaxínao Marcos Valcárcel coa angueira de profesor adiado en ciencia e pedagoxía, co labor no Liceo, coa animación cultural. Nunca dixo que non ao que neste sentido se lle ten demandado e é fácil asocialo ás paisaxes urbanas nas que se celebra un centenario, unha homenaxe ou unha xornada de estudo sobre cultura contemporánea. Á única pregunta á que non contesta é á de como conseguiu fabricar días de 30 horas e gardar a receita para el só. Só neste segredo absoluto Marcos non se nos mostra xeneroso.

Mañá pola tarde presentarase na sede do Liceo o seu libro Historia de Ourense e pola noite os seus moitos amigos e amigas acompañarémolo nunha cea no San Miguel para lle expresar a admiración e o cariño que a Galicia lle merece.

27 nov 2008

Leria.
(A outra faciana das Uvas).

Nada, don Marcos, que non lle é brincadeira, doutor. Vénlle sendo a cota da homenaxe que corresponde á versión re-actualizada da espectral cuadrilla da Santa Compaña. Vde. ben me entende, don Marcos.

Ouviu: Miguel, o xenio do foto-shop que artellou o cartaz, si, Miguel, o neto de Conde-Corbal, insistiu na simetría dos símbolos. Repare, profesor, na esquerdista figura de Lobo Neghro, de cósmica forquita na mán, complementándose coa boneca-títere a invocar os meus queridos amigos de Churrería Lolita. Servidor de Vde., don Marcos, no seu desespero a procurar Jimi de Rairo, non é máis que simple miraxe da aposentada figura da señorita Lourixe. Ana Bande, símbolo do que puido ser e non foi, leva como pedestal a miña filla, de pano palestiniano. Na esquerda, a cobra kundalini, que facendo pausa obrigada en Olás de Vilariño, no seu odiseico periplo Lobeira/Pontes de García Rodríguez, ‘suaviza’ a extemporalidade dun Delacroix galego, que, tal e como a a miña querida amiga da infancia, Ana Bande, puido ser e non foi. Ambas as garrafas representan ambos os estados (consciente e subconsciente) da psique humana: O licor-café (de R.) deprime o sistema nervioso central, alén de desinhibir a personalidade. A garrafa de gasosa, infinito continente, contribúe, e non pouco para o financiamento da vida de nós, os da aldea, na cidade.

O noso querido espectro, Apicultor, continúa atento ao decorrer do blog. E por veces solta algunha abella…

Repare tamén, don Marcos, na ausente expresión de Arume, no cuadrilátero de honor. Mensaxes ocultas ao modo Paul McCartney?

Don Marcos: As walkíricas señoritas Hurley e Antonelli ollan para Vde., extáticas. Non lle me estraña. Ambas dúas están no punto de deixar de VIR SENDO, para atinxir a plena categoría do SER.

E nós, pobres cidadáns do espectral reino bárbaro que tamén puido ser, e tamén, ora pro nobis, tamén non foi, mascarámonos na festa para dicirmos cousas que hai tempo que lle queriamos dicir, e, no diario, ben nos custaría.

Que Deus o bendiga, don Marcos, por nos mostrar o camiño.

P.D.: O seu retrato está colado por riba do bombo da batería do meu admirado Keith Moon (dos ‘The Who’).

-Seu sempre Medela.-




C O N V I T E

AS UVAS NA SOLAINA.
Rosa Enríquez
La Región 27-11-2008

Para botar unha ollada interesante e coñecer até o fondo a historia e a cultura do país existe un recuncho na rede ben coñecido de todas e todos que constitúe xa unha ventá aberta para quen queira aventurarse e disfrutar do debate. Refírome, xa saben, á unha leira virtual, onde recoller as uvas máis sabrosas, esas que saben a memoria, a canto laudatorio e un pouco, porque non dicilo, tamén a humor. É este campo de vides un lugar insólito onde a aprendizaxe ten ese carácter significativo que tanto busca o profesorado para favorecer no alumnado o pensamento propio, a análise do que nos rodea e, por suposto, a autocrítica. Por iso resulta tan edificante entrar nese espazo que se abre coma un racimo de uvas verdes ou violetas e deixar que o tempo transcorra liña a liña, coma os camiños revirados da consciencia e entreabrir as portas do coñecemento, un ámbito tan atractivo coma enigmático no que perderse.

Das primeiras visitas á solaina de Valcárcel lembro o estupor experimentado ante as mentes pensantes e sesudas, dito isto de sesudas no senso positivo en tanto que rigorosas e afiadas, e certo respecto e necesidade de prudencia antes de intervir cun comen tario que puidera resultar inxénuo. Digamos que entendín que aí todos os que participaban eran expertos discutidores e, loxicamente, preferín permanecer atenta antes de entrar no asunto, calquera que este fose. Un bo día entrei, plenamente convencida, deixei a miña humilde pegada. Gustoume a experiencia e disfrutei enormemente do meu atrevemento. Porque non? Se cadra os prexuízos eran unicamente meus ao considerar que só opinar sesudamente podía ter interese. O tema que se discutía referíase aos artistas e o seu carácter. Eu entendín, como sigo a entender a día de hoxe, que as habilidades ou dons para crear, non están relacionados en absoluto coa xenerosidade, unicamente co inxenio, así que, dende o meu punto de vista, o feito de ser un pintor ou un escritor excepcional non garante en absoluto a excepcionalidade no plano persoal. De aí que, na miña humilde opinión, teñan existido grandes mentes no interior de espíritos pobres.

Este foi o meu parecer sobre o asunto e, máis ou menos, así o expresei libremente sen problema. A complicación estaba na miña cabeza, unicamente alí era onde vivía aniñado o medo ao ridículo, algo que co tempo as persoas imos superando ao apren der a rirmos de nós mesmos. En certo xeito é coma se pensásemos que despois do ridículo non quedase nada máis que a vergoña. Porén isto é totalmente falso porque, detrás do bochorno sentido, están as persoas, o seu corazón palpitante e ese desexo lexítimo de superación que anainan as almas grandes, esas que serven de soporte ás ideas propias, nunca froito da repetición porque si, tampouco non da aceptación da idea maioritaria.

Por iso precisamente, ao entrar no blog de Marcos Valcárcel, como dicía Borges, unha aprende e aprende e volve a aprender. Eu, por aprender, aprendín, por exemplo, que hai persoas que traballan arreo, coma Marcos, na configuración da memoria real, sementando o respecto á cultura e ás artes feitas no noso país, fornecendo o espírito de quen teña desexos de coñecer as súas raíces que o único espazo onde se pode dicir que existe radicalidade. Se cadra por todas estas cousas, este ourensán estará rodeado de tanta xente o sábado, porque se lle recoñecen todos os méritos, dende as súas colaboracións diarias na prensa até libros coma este que presentará o día 29, ‘Historia de Ourense’, editado en Xerais, seguramente moi ilustrativo.

(En bits ou tinta fresca, cada novo día esperto, coa voz xenerosa nos distintos soportes -blogs ou medios de comunicación-, de amigos e amigas derramando loas inmerecentes á miña persoa. Un millón, para todos-as, outro tamén para tí Rosa.)