18 may 2008

Ourensanía
Ourensáns residentes en Vigo dinme que seguen atentamente o blog Ourensanía, por aquilo da morriña e todo iso. Estes días ando moi ocupado (actos xerais, conferencias, Uvas, exames, etc.). En canto vaia liberando cousas seguiremos cargando fotos: debo ter unhas 50 pendentes, cando menos. Os que seguen mandando imaxes (Trebolle, etc.), que saiban que todas acabarán na Ourensanía. E graciñas.
A MIRADA RETIDA (2). La Región 18.5.02

UNHA ARTE DE VIVIR
Esta é, para min, unha das fotos que mellor sintetiza os valores máis positivos da arte de vivir na nosa Auria. O toldo loce facendoso o nome do Gran Café La Unión e alí estiveron tamén, conta López Morais, os cafés Victoria, Iberia e Regio: este último tivo que cambiar o seu nome polo de Riego cando chegou a República, a Segunda. As xentes, adultos e nenos, fican inmortalizadas na foto fixa e quedamos coas gañas de saber de qué pensan e de qué falan nos cafés e nas terrazas os contertulios. Que contan os xornais que leva o vendedor debaixo do brazo? Pola época, ó redor dos comezos do século XX, poderían estar a falar das liortas entre Lamas Carvajal e Álvarez de Nóvoa, Mostacillas contra Agujetas. Ou das novas dun deporte aínda exótico naquelas datas, que nos xornais escribían como “football”. De seguro alguén estaría a falar mal do alcalde e dos concelleiros do momento. Por sorte, este fermoso lugar, na Avenida de Pontevedra, garda aínda parte do seu engado histórico: con outras caras, iso si.

Colléronme por sorpresa...
(foto con E. Galeano, de Carme Carballo, graciñas por mandala)




Unha xornada ben intensa (2. Parada do Sil)
O noso corresponsal en Parada do Sil, contertulio habitual, mandounos estas fermosas fotos e esta crónica da homenaxe a Dora Vázquez. Por alí andaban o poeta Víctor Campio e Manolo Blanco e, por suposto, o alcalde, Paco Magide.
VIDA E LATEXAR COMUNITARIO NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS (corresponsal)
Alén dos fastos e fastíos oficiais, pode haber vida na celebración do Día das Letras Galegas. Nas terras privilexiadas da Ribeira Sacra sen ir máis lonxe.

Parada do Sil é un concello da provincia ourensá, entre fermosísimos soutos e carballeiras. A súa fronte encóntrase unha nova corporación dirixida por Francisco Magide. Home rexo, traballador e con ideas, está a desenvolver un labor que está xa a mudar a fasquía dun concello até non hai moito abandonado da man de deus e da administración. Sen pretensións de andar todos os días nas fotos, pero coa ambición de dignificar a terra e os seus habitantes, o Paco impulsa nos veciños a participación comunitaria, desde os plenos (aos que acoden regularmente uns sesenta e onde se lles dá resposta ás súas inquedanzas) até a celebración de actos culturais. Tal como no día de hoxe, 17 de maio de 2008.

Arredor de centocincuenta persoas participaron nas sinxelas pero emotivas celebracións. Nelas honrábase á poeta ourensá de noventa e cinco anos Dora Vázquez, pero non só en calidade de escritora, senón como mestra rural, pois desde 1933 ocupou praza na aldea de Teimende durante dezaoito anos. Moitos antigos alumnos, cos seus fillos e netos, non faltaron á cita.

No local do concello, no que non collía unha alma máis, proxectouse o vídeo “Homenaxe a Dora Vázquez”. Despois fixo a laudatio, con brevidade e elegancia, o excelso poeta Víctor Campio, do minoritario gremio dos líricos non afectados (atentos á inmediata publicación dunha antoloxía súa polo Pen Club: (re)descubrirán unha voz única). O tamén poeta Manuel Blanco Luís (camiñante que coñece palmo a palmo os secretos do Himalaia) recitou, con voz limpa e grave, algúns poemas da autora. A Coral “Auria Canta” pechou esta primeira parte co Himno Galego.

A continuación inaugurouse unha modesta “Praza Dora Vázquez”, volveu cantar a Coral e, de seguido, veciños e convidados compartiron parola arredor dun xeneroso ágape mentres saía o sol. Na súa confección participaron tamén xentes da localidade (con especial mención ao panadeiro: excelente bica, delicioso pan), quen atenderon a todos os presentes con familiar cordialidade. O vídeo foi distribuído entre os asistentes, que marcharon coa agradable sensación de que, en efecto, pode haber vida e latexar comunitario de verdade no Día das Letras Galegas. Excúsase dicir que non se viu por alí autoridade ningunha agás as locais: nin conselleiros, nin delegados, nin altos responsables políticos, nin cargos académicos. Vida e latexar comunitario en estado puro.










Unha xornada ben intensa (1. Gondomar)
Eu non podo estar en todas partes, pero o espírito das Uvas multiplícase nos seus corresponsais, tan xenerosos, e estes mandáronos crónica dos actos das Letras Galegas en Mondariz e Parada do Sil. De Gondomar é esta crónica e fotos (preciosas) de Monxardín.
Mándoche esta minicrónica e imaxes dos actos de Gondomar. Faltaron moitos nomes moi vinculados á figura de Carlos: quizais estivesen noutros actos. Entre os coñecidos por alí andaban Fran Alonso, que leu un discurso; Xulian Maure; Cistina Berg e pouco máis. O acto simpático, bonito, entrañable.
A pita está orientada xusto cara a casa de Vilariño e unha á, seica mira directamente ao cemiterio de Nigrán, onde Cristina, en privado, levou as flores que tiña na man.
A banda de música déulle o toque popular.
Primeiro as lecturas de textos de Casares, logo Cristina leu un poema de Alvarez Blazquez... Logo actuou a banda de Vincios, logo Cristina descorreu a placa do paseo qeu vai ao río desde o Concello de Gondomar. No fondo do paseo, a escultura da pita. Os nenos protagonistas –enredando polo medio- e no discurso de Cristina a eles dirixidos. Que lean. Despois todos a ver a pita. Logo as palabras do alcalde, logo saque de plásticos dos ovos e da pita e, finalmente, o himno gallego (por sorte só a priemira parte). Logo bocadillo de Xamón na Cañiza.

17 may 2008

Álvarez Blázquez – A Academia en Vigo (notas telegráficas)

Bastante ben os actos do 17-M en Vigo. Moi ben os tres discursos sobre o homenaxeado: Vítor Freixanes (centrouse no editor), Darío Xohán Cabana (no poeta e investigador), X.L. Méndez Ferrín (nas súas esculcas sobre Vigo e no seu papel anovador publicando-descubrindo textos de Gonzalo Morullo ou de Anxo Rey Ballesteros). Barreiro, o presidente, rematou cunha contundente intervención sobre a necesidade de salvagardar a memoria histórica e facer xustiza ás vítimas, que rematou cunha cita moi axeitada de Juan Gelman. O local, o Auditorio do Concello, quizais pouco axeitado, pouco cálido. Algúns académicos botaron en falta maior mobilización da xente de Vigo: tamén dicían que o acto estaba mal anunciado polo Concello (mal polo Concello, prefiro non precisar, pero moi mal: só saír na foto e nada máis).
Si estivo case toda a saga-familia: os Álvarez, Álvarez Cáccamo, Álvarez Gándara, Xosé Lois Bóveda, etc. Faltou Xosé, o irmán maior, enfermo estes días e encamado: houbo moitas lembranzas para el, mesmo do presidente da RAG. E foi Afonso Álvarez Cáccamo o protagonista doutra nota de color. Tocouse o himno galego, con Ferreirós á gaita, e dende a mesa pediuse que a xente tamén cantase. Ferreirós rematou na primeira parte. Desconcerto. Alfonso A.C. e a fila da familia seguiu cantando e seguimos todos, e as autoridades sumáronse, qué remedio. Ferreirós incorporouse de novo coa gaita, aínda que todo un pouco mal acompasado.
Un dos momentos máis emocionantes: o aplauso entusiasta de todos/as á viúva de Xosé María, ó remate do xantar no Museo de Castrelos.
Logo, inauguración da placa en Travesas, co alcalde, e intervencións de Afonso A.C. e da poeta Luz Pozo.
A Academia estaba case en pleno, case todos os numerarios e uns cinco correspondentes. Ademais dos académicos, andaban por alí e puidemos falar con todos eles, M.Bragado, X. G. Palmeiro, M. Vidal Villaverde, Anxo Angueira, e outros que esquecerei sen querer.
Do resto tiven ocasión de saudar, despois de case 30 anos, a Xesús López Carrera, que agora é o concelleiro de cultura en Vigo (do BNG) e ó vello amigo o Chicho do Carballiño (sobre todo, amigo do meu irmán maior), que alá está instalado e mandou lembranzas para min (e para todos) de Lula Fortune, que traballa con el.
Tamén moitos comentarios sobre a falta de sintonía BNG-PSdG vigueses mesmo nunha data como esta: se non hai un mínimo de unión sequera no plano cultural... (Do PPG creo que non había ninguén: cando menos que eu recoñecese...).
Arroz con chícharos, de Bieito Iglesias (ECG 15.5.08)

A carestía de certos alimentos ameaza con matar de fame aos pobres da Terra. Tanta é a falta de vexetais comestibles que os biocarburos (antes vistos como unha alternativa plausible ao petróleo) son equiparados a crimes contra a humanidade. Primeiro cómpre comer e despois andar en popó. Pero por que escasean eses frutos? Porque os acaparan os especuladores? Porque non hai cousa que chegue á hora de nutrir incontables chineses e indianos ata antonte sometidos a xaxún de máximo traspaso? Porque non existen labregos dabondo que traballen os montes a ermo e procuren trigo, millo, soia ou arroz? Se cadra por causa de todos estes factores xuntos.
O concepto de suficiencia alimentar depende de que alguén foce nos sucos, con maquinaria se a hai e, se non, con arado mosquito, aixada, petola, rodo ou sacho. Mais o campo e os camponeses andan desde moito tempo atrás desprestixiados, no primeiro mundo compoñen xa un residual parque temático e, no terceiro, a poboación amoréase en megápoles de millóns de formigas ou foxe cara as metrópoles de Europa e América do Norte. Os urbanitas esfameados non saberían arrincar alimento dos torróns aínda que volvesen ao agro, vai desaparecendo o labrador autosuficiente capaz de lograr colleitas para si propio e para os paxaros (as aves granívoras extínguense canda o paisano e regresa o bosque coa fauna medieval de xabaríns e esquíos).
"A cidade faravos libres", reza un célebre dito, aínda que está por ver se nos dará mantido. Como non é previsible un retorno masivo ás endeitas agrícolas, a saída que se vislumbra no horizonte futurista apunta á comida sintética, independente dos ciclos naturais e comprimida en pastillas.
Países populosos que viven do arroz temen quedar falidos coa langrina. A min non me presta o arroz, pero o repolo e as patacas novas que non falten.






Literauria (2): Inauguración.
As fotos son de Trebolle, que era o cabaleiro que andaba a sacar fotos (ademais dos xornalistas), alguén preguntaba por aí embaixo.
Nas imaxes, ensinándolle o moito "peso" das Poesías Completas do Manuel María á concelleira; unha vista dos asistentes e foto fixa da miña intervención. Polo medio, Xavier Toga, un dos armadanzas de todo este tinglado: tamén estaban Xosé Lois Vázquez "Che", da Difusora, e Alfonso Prada, de Duendebux (non vin a Manolo Ramos, de Linteo). Tamén estaban os responsables das librarías Tanco e Eixo (ademais de Torga), as concelleiras Marga Martín e Marta Arribas e o delegado de cultura, X.C. Sierra.

16 may 2008

Magnífica idea en Gondomar: A galiña azul
Amigos e amigas do Instituto de Estudos Miñoranos.
DIA DAS LETRAS GALEGAS 2008 GONDOMAR.
Actos do sábado 17 Maio. Na Praza do Concello
* 19:00 > Lectura pública de textos de Xosé María Álvarez Blázquez
* 19:30 > Concerto da Banda de Música de Vincios
* 20:00 > Inauguración da escultura A Galiña azul e o Paseo Carlos Casares. A escultura da Galiña Azul é obra do noso compañeiro Alfonso SoliñoTroncoso e será inaugurada ese día coa presenza da familia de Carlos Casares e da Fundación.

FÍO MUSICAL (14), DE XOHÁN DA COBA (foto H. Ritts)
Desta vez o asunto das canciós vai ser máis "pelegrín".
Búsquenme canciós pra anuncios publicitarios de:
-Penso pra cas.
-Fomento do cumprimento de obrigas fiscais.
-Fomento da urbanidade ao volante.
-Promoción do galego (non importa que o título ou a letra estea noutra língua, tradúcese).
Admítense suxerencias serias e "de risas".

O cenáculo ourensán, nos primeiros anos da posguerra, nun cadro de Conde Corbal (foto Trebolle).

Xoguen, se queren, ás identificacións: a ver a cantos recoñecen...

Celso Emilio Ferreiro, por Ramón Nicolás

No blog do Liceo poden xa escoitar a lección maxistral que onte impartiu Ramón Nicolás sobre a obra do poeta Celso Emilio Ferreiro (foto Trebolle).
(E non lles conto o que me pasou onte, que me dá vergoña).
















Fío musical (13). Para Apicultor, de Arume (foto IPP)

O Chelsea Hotel está situado na rúa 23 entre a séptima e a octava avenida de New York. Construido a finais do século XIX, en ladrillo bermello, no estilo victoriano que se estilaba en Londres e no medio do distrito teatral e vodevilesco, axiña foi considerado un lugar de culto entre os visitantes á cidade dos rañaceos. Por pouco tempo foi o edificio de apartamentos máis alto de Manhattan, pero a comezos de século XX se convertiu nun Hotel. Os escritores elixiron a súa fasquía un tanto siniestra e estraña como lugar de residencia máis ou menos prolongada e de refuxio por veces delirante. Os nomes de Twain, Miller ou de Dylan Thomas, que morreu nunha das súas habitacións, contribuiron a crear a súa lenda, imparable ata o de agora.
Co desprazamento da vida bohemia (dos beatniks dos 50 ata os hippies dos primeiros 70) ao Village cobrou un vigor extraordinario neses anos de efervescencia contracultural. Desa época datan os episodios máis célebres: Joplin, Hendrix, Dylan, Cohen constitúen o abecedario dos seus cuartos, cos correspondientes relatos, xa míticos, de destrucción ou amor. A última (coñecida) historia de perdición e abismo foi executada por Sid Vicious e a súa fiancée Nancy na suite 100 dese lóbrego albergue.
Agora eleva a súa fachada escurecida de balcóns de ferro no medio dunha rúa ruidosa, de poucos comercios e xa ningún teatro, apenas visitada, agás por aqueles que se adentran por ese decadente barrio con afán de comprobar que o edificio segue en pe e que as ánimas suicidas que algunha vez amaron non teñen peto onde ficar ancoradas. Mirei o hotel desde a outra beirarrúa un día de cinza e imaxinei a terra leve con aqueles nomes de amantes, cheos de balbordo e furia.
Leonard Cohen cantou as súas batallas de pluma e lume con Janis, enfundado nunha gabardina coas solapas levantadas, cos arpexios fráxiles e coa voz dun ensalmo tristísimo. Pero o Chelsea Hotel ha ocupar a historia sentimental, porque foi alí onde Bob Dylan escribiu para Sara Sad eyed Lady of the Lowlands, esa melancólica despedida que soa mentres escribo esta lembranza.












Unha dedicatoria

Tiña eu só 16 anos: novembro do 74. Un mociño da pequena burguesía ourensá que empezaba a descubrir o mundo. E nese novo mundo estaba a Auriense, daquela aínda nos locais da rúa Curros Enríquez, e nese local poetas e escritores que nos traían a súa Palabra, nova, virxinal, emocionada. Entre eles Manuel María, sempre afable, sempre cortés, bo amigo do meu pai... Un día o rapaz debeulle pedir que lle asinase o seu "Barriga Verde": velaí, na primeira páxina dunha vella edición de O Moucho, a obra heroica de Xosé María Álvarez Blázquez, a quen hoxe honraremos, coa RAG, en Vigo. Graciñas ós dous.

Non gañamos para disgustos nestas letras... Primeiro Bouzada, agora o amigo e gran poeta ourensán...

15 may 2008


A Nosa Terra, a través de Xoán Carballa,
cedeume xenerosamente esta foto tan fermosa de Manuel María e a súa compañeira Saleta Goi (de paso, xa saben de qué escribo mañá). Graciñas a ANT.
Manuel María (3). Pan por Pan venres 16 maio.
Máis de seiscentas veces aparece a palabra Amor na “Poesía Galega completa” de Manuel María: deu ese dato esoutro día o seu editor, Fernán Vello. Velaí algúns exemplos. O amor como mar da felicidade: “O meu desexo máis fondo é naufragar,/ ouh miña boa e sinxela compañeira!/ no teu mar de tenrura. Só no teu mar”. En “Poemas da labarada estrelecida” o amor é testemuño da vida común, das primaveras e outonos melancólicos, amor construído como “ferida fonda, nidia, transparente,/ costume irrenunciábel,/ coñecimento total, sabiduría/ absoluta de nós mesmos/ deica chegar á imposibilidade/ de poder distinguir onde/ comezas ti e eu remato”. Amor mencer, amor solpor, amor lume, amor árbore: as imaxes son case infinitas. E ese amor tiña, dende os primeiros versos, nome propio, unha gran personalidade: Saleta Goi, compañeira na loita e na tenrura.
Literauria- Lar das Letras

Temos a honra de convidalo/a á inauguración de Literauria-Lar das Letras,
o venres 16 de maio, a partir das 12,30 h., na carpa do Paseo (ó carón do INSS).
No acto intervirán o escritor Marcos Valcárcel e a concelleira de cultura Isabel Pérez.

En Literauria-Lar das Letras participan as librarías Torga, Tanco e Eixo; as editoriais Difusora de Letras, Artes e Ideas, Linteo e Duendebux; e os escritores ourensáns Camilo Franco, Xosé C. Caneiro, Xerardo Méndez, Francisco Fernández Naval (Chisco), Ramón Caride Ogando e José María Pérez (Chesi).
FÍO MUSICAL (12). Cando a “música moderna” entra pola porta xamais sae pola xanela, por APICULTOR.
(Imaxes: Jimmy Hendrix e Budy Miles. Stevie Wonder)

Corría a segunda metade dos anos sesenta cando unha riada de “música moderna” entrou na miña casa en forma de álbumes que gardaban no seu interior en fundas de plástico centos de singles a 45 r.p.m e de Epés a 33⅓ r.p.m., acompañados do correspondente pick-up desmontable e de sonido mono. Alí estaba todo. Un amigo de meu irmán maior, sucesivamente yeyé-hippie-pijo, de familia de comerciantes ricos para maior identificación, tivera a xenerosidade de prestarlle boa parte da súa colección (mesmo disque viaxaba a Londres á procura de novidades).

Durante moitos meses o neno que eu era escoitou abraiado unha e mil veces todas e cada unha daquelas cancións, até o punto de ter que repoñer dúas veces a agulla do tocata. E alí estaba todo. Desde o pop autóctono (Brincos, Sirex, Mustang) até o soul da Terra das mil danzas de Wilson Pickett ou a calma dun Ottis Reading sentado no peirao da bahía, pasando por San & Dave, o xove Stevie Wonder e as Supremes da Motown; dos Beatles, os Rolling Stones, os Who e Eric Burdon & The Animals, deica Jimi Hendrix, Cream, Blind Faith ou os dezasete minutos do “In-A-Gadda-Da-Vida” dos Iron Butterfly; de Serrat e Vainica Doble até –ouh, ceos!- Patxi Andión. Mesmo tamén os prefabridados Archies e o seu “Sugar, Sugar”. Así foi como me fixen ecléctico por natureza. Non estaban aínda nin Bob Dylan, nin Leonard Cohen, nin Janis Joplin (á que o anterior amara no Chelsea Hotel, como é ben sabido), pois os seus LPs virían o ano seguinte noutra magnífica e ben surtida quenda.

Mais, naturalmente, a música xa entrara moito antes, desde a máis tenra infancia, a través da televisión (Escala en Hi-Fi, Galas del Sábado, Eurovisión, etc.). No meu barrio, e durante bastante tempo, fumos os únicos particulares que dispuxemos de caixa máxico-tonta, grazas á iniciativa modernizadora de meu pai: da emigración trouxera unha General Electric de válvulas en branco e negro, unha pesada máquina de escribir de aceiro macizo e unha máquina de fotos reflex, todas elas de calidade superior.

Así e todo, meu pai, home práctico onde os houbese, nunca accedeu a mercarme un tocadiscos a pesar dos meus requerimentos, pero si todo o demais que fixese falta, incluso unha guitarra española na que aprendín acordes. Logo viñeron os radiocasetes e puiden afacerme un, e as cintas gravadas e copiadas rompían de tanto usarse, como o amor aquel que cantaba Rocío Jurado. Mercabamos “Disco Express” e “Melody Maker”, e estabamos ao día. Algúns amigos dispuñan xa de aparatos e de LPs, e alí escoitaba e escoitaba, e gravaba e gravaba. Finalmente, sería meu irmán quen me agasallaría co meu primeiro tocadiscos. Aínda funciona como o primeiro día.














Galeano en Auria: unha mirada ó mundo dende o burato da ferradura.
(Graciñas a Trebolle, pola foto da dedicatoria, en Torga)

Unha breve nota, impresionista, da charla de Galeano en Auria. O local, como era de agardar, a rebordar: quizais unhas 300 persoas, entusiasmo por todas partes. A amiga Carme Carballo exultante de ver na súa terra natal tanta xente arredor do escritor: non puido evitar darlle un longo bico a Galeano a rematar e citar ó “anxo” que o acompaña (a súa muller Elena).
A charla era a presentación do libro “Espejos” (s.XXI). Leu algúns textos, sempre breves, no seu estilo habitual, outros recuperounos dende a memoria. Eu coñecía xa varios deles, quizais por lelos en Internet nos últimos anos en multitude de foros. Os temas, os habituais no rexistro de Galeano: o racismo, os muros, a conquista de América, o imperialismo de Estados Unidos, as visións manipuladas da Historia (unha cala na riqueza cultural musulmana da Hispania medieval), etc. Cabe subliñar que todo o primeiro terzo da súa intervención foi dedicado a textos sobre a marxinación e a invisibilidade das mulleres (Concepción Arenal e a Pardo Bazán, Teodo
ra de Rávena, as pinturas de Altamira: “e se foron elas? (as pintoras)", etc.).
O milagre comunicativo de Galeano nace, en boa parte, do estilo e das formas. Esa voz cadenciosa, pausada, cos ritmos tan ben medidos. Esa ausencia de aristas histriónicas ou arrebatos de ira. Ese saber xogar co humor e coa ironía dándolle a volta ás cousas para redescubrir motivos e puntos de vista. Ese alento lírico, de reivindicación da palabra e do compromiso. Sospeito que a maioría dos/das asistentes (maioría feminina), coñecían xa os contidos da charla de Galeano porque seguen os seus libros dende Las venas abiertas… a Memoria del fuego. Pero querían oílo en viva voz. Non era, neste caso, a orixinalidade do discurso o que buscaban (buscabamos) os que fomos ata o local de Caixanova.
Engadir tamén (e isto vai polo debate previo no blog) que a súa intervención non foi nada pretenciosa: expresións como “unha gota máis nun océano…” (sobre o seu labor) ou “eu non teño as solucións…” repetíronse na charla.
Case ó remate, Galeano definiu con precisión o seu estilo e os obxectivos do seu labor: ese “mirar o mundo dende as pequenas historias, como dende o burato dunha ferradura”. Sen dúbida, iso si sabe facelo á perfección.

P.S.: hoxe en Torga (12 h.), unha longa cola para pedirlle asinaturas ó autor uruguaio.

Manuel María (2).
Pan por pan xoves 15 maio

O Frente Cultural da AN-PG publicou en abril de 1977 o libro “Poemas para construír unha patria”, de Manuel María. Eu mesmo, que militaba na FC., axudei a distribuír e difundir o poemario. Fernán Vello falou del na súa charla. É un volume de poesía política, firmemente axeitada á liña estratéxica que marcaban a AN-PG e a UPG. Hai poemas dedicados ó sindicato nacionalista, ós patriotas galegos presos e un simpático canto a Margarita Ledo Andión. Ata hai unha composición lembrándolle ós hippies que eles tamén teñen, aínda que non queiran, patria. O libro foi polémico. Fóra do nacionalismo popular, pareceu panfletario. E dentro non foi demasiado ben entendido porque o chairego apostou por unha renovación formal –tipografías, xogos cos versos, maiúsculas, barras e guións, etc.- pouco acaída cos gustos máis convencionais do nacionalismo popular naquela hora.