2 jul 2008

PAN POR PAN mércores 2 xullo. Ben-Cho-Shey.

Convidado por Jesús de Juana, tócame hoxe falar en Celanova de Ben-Cho-Shey, nos cursos de verán do campus. Personaxe fascinante o BCHS, por moitas razóns. O máis galeguista de todos os galeguistas, dixo alguén. Só falaba castelán cando non lle quedaba máis remedio, sinalou Fole. Con ese motivo tiven que revisar os seus libros e moitos dos seus artigos: escribiu centos e a metade deles en defensa do galego e contra o señoritismo que desprezaba o idioma de noso. Moitos dos seus artigos seguen tendo total actualidade: por desgraza. Non mudaron tanto as actitudes, as condutas. Persiste a diglosia: onte mesmo, nun faladoiro da radio, todos falan castelán ata que introducen dúas ou tres frases en galego. Frases que queren retratar o servilismo dos galegos ante o cacique. Un uso tópico, que consolida o prexuízo e asocia o galego á incultura, ó atraso. Que diría o BCHS?

1 jul 2008

axenda: Cursos de Extensión Universitaria Universidade de Vigo, campus Ourense

Curso "Galegos de Ourense" (IV), en Celanova. Xornada do mércores 2 xuño: 10 h. Conferencia sobre Benito J. Feijóo, de Luís Rguez. Ennes.
12 h. Conferencia sobre Eugenio Montes, de Xosé R. Barreiro Fernández.
16,30 h. Conferencia sobre Xosé Ramón Fernandez-Oxea ("Ben-Cho-Sey"), de Marcos Valcárcel.

(Imaxe: Ben-Cho-Shey con Xosé Fernández Ferreiro e Gala Murguía (a filla de Rosalía). Foto de 1958 (detrás, dona Fita, a muller de Otero). Por unha entrada de Cosme, na Ourensanía, podo engadir isto: "Esta foto está feita nas escaleiras do Centro Galego de Madrid,na visita que fixo Gala Murguía para asistir aos actos conmemorativos do centenario do casamento dos seus pais nesa cidade, en outubro de 1858. A foto foi tirada o 10 dese mes do ano 1958."

Estes días estiven traballando en Ben-Cho-Shey para preparar esta cita: se lles parece de interese, mañá colgarei algúns anacos da miña intervención.
en poleiro alleo
Tres cousas sobre o fútbol, de X.M. Sarille (ECG 1.7.08)

Sobre un tema do que falamos estes días no blog, velaí a opinión de Sarille:

"No tempo aquel, do que por outra banda non conservo saudades especiais, as noticias do fútbol, das motos e dos bólidos ían no remate dos diarios e nunca abrían un telexornal. Ao ser espectáculo deportivo, formaba parte da trangallada, igual que as noticias rosas e as de desgrazas. Era un problema de calidade, que estaba ben tratado.
Lembro tamén que pasmáramos moito cando un tipo do Brasil
se tirara polo balcón da casa despois de marcar un gol o seu equipo. Matárase. Non comprendíamos ese nivel de primitivismo, con todo o respecto para os primitivos. Pero o outro día moitos automobilistas conducían con máis agresividade despois da semifinal, como se os rusos continuasen vivos e houbese que ir a por eles.
O fútbol é moitas cousas, pero sobre todo é unha sublimación do nacionalismo. Fea, desagradábel e que pode converterse en baixa. A min, que fago deporte regularmente e que nunca pasei de ser un neno siareiro do Las Palmas, porque saían nos cromos con camiseta amarela, tanto me ten que trunfe o Celta como que gañe o Madrid. Nin máis nin menos. "

Os galegofalantes somos tratados como inmigrantes”
O escritor Suso de Toro di na presentación do seu novo libro "Outra Galiza", que "o galeguismo debe revisar a súa teoría da lingua, que non vai só asociada ao territorio"
Rabo de Porco, de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo 30.06.08)

Lin na prensa que uns veciños do bairro de Rabo de Porco, coido que pertencente á freguesía de Combarro, concello de Poio, queren que o seu microtopónimo ou nome de lugar menor sexa suprimido polas autoridades por consideralo infamante. Cecais obre na reminiscencia destas persoas o sentimento, moi arraizado e antigo, de que os descendentes de xudeus conversos (ditos marraos) tiñan un rabo de porco como prolongación do espiñazo. Os alcumes de Rabino e de Rabiño teñen quizais esa orixe respectivamente en Vilanova dos Infantes e en Cangas do Morrazo. A min non me importaría nada vivir nun lugar chamado Rabo de Porco. "Alegría, alegrote;/ o rabo do porco no pote", que dicían as vellas da aldea.E agora de súpeto véñenme á lembranza nomes de pequenos lugares próximos á miña cidade natal, que é Ourense. Soan ben e ledos, coma se fosen escenarios dunha obra de teatro para nenos: Rabo de Galo, Salto do Can, Regueiro Fozado, Cabeza de Vaca.
Que eu saiba, os residentes nunca pediron, coma os de Combarro, a abolición dos nomes dos seus barrios. Pedir pediron algúns veciños da Praza da Miñoca e da Rúa das Teixugueiras de Sampaio de Navia que o concello de Vigo lle cambiase o nome ao lugar da súa residencia, pro este con moi bo criterio, non lles diu tino e non lle puxo os de María Moliner ou Clara Campoamor, que son denominacións de espazos públicos moi presentes na axenda do PSOE confeccionada en Madrid.Despois dunha pequena esculca eu cheguei á conclusión de que a vila vella de Montenegro, nun intre incerto da súa existencia, considerou que tal nome era feo. En efecto, monte, en Galicia, ten unhas escuras e ancestrais resoancias negativas; é o sitio das feras e dos medos. Negro, por cima, relaciónase coa morte e con todo o nefasto. De xeito que algún señor do castelo chairego foi un día e decidiu mudarlle a denominación. O que era monte deshabitado pasou a ser vila e o que era negro e laido virou ao seu contrario en branca ou alba. Así naceu o nome da actual Vilalba. Con todo, os Montenegro fidalgos que levaban o M orgullosos no seu brasón non se sentiron afectados e seguiron chamándose de tal modo, como moitos dos seus servos e criados e así este é un apelido bastante usual en Galicia. Mesmo Valle-Inclán e Álvaro Cunqueiro se chufaban de Montenegro en terceiro ou cuarto lugar e aínda, non sei se en serio ou por enredar, dicían ser parentes.O doutor Antón Palacios, da Facultade de Filoloxía da Universidade viguesa, é autor dun interesante artigo no que explica como algúns topónimos considerados vergoñentos polas xentes ou polas autoridades foron sustituídos por outros na Idade Moderna ou Contemporánea. O caso máis divertente é o da parroquia de Pérros (con é aberto), que en galego non significa nada pois é un topónimo seguramente prelatino. Pro a algún crego castelán, si que lle resultou irrisorio, e mudaron o nome de Pérros polo de Los Ángeles, moito máis celeste. No parou aí a cousa porque no actual Nomenclátor de Galicia aparece galeguizado como Os Ánxeles (concello de Brión). Tamén é verdade que en Samos existe a localidade de Pérros, onde naceu a nai do P. Sarmiento, que permanece co seu nome ancestral moi ben aceite polo veciñanza. E hai outros Pérros. Pois ben, o lugar de Cans, no Porriño, non só nunca quixo cambiar o seu nome, neste caso ben explícito no significado e en galego, senón que lle diu nome a un excelente festival de cinema en formato curto.

en poleiro alleo
Amiga vaca, de Afonso Vázquez-Monxardín (LR. 1-7-08). Imaxe: Chagall.

A excepción do ornitorrinco, que ten unha vida discreta, afastada e neutra, o resto dos animais teñen para nós connotacións culturais. O oso panda e koala, peluches vivintes, despertan instintos de amabilidade e calma; a cobra, dá grima, noxo e representa o mal; o burro, a pesar de Platero e o partido demócrata estadounidense, representa o que di o seu nome, a burremia ou burrería; o cabalo é a elegancia e o poderío. Así, claro, cando falamos das persoas apómolles denominacións animais de seguido: Un, pode ser burro, mulo, víbora, avutre, lince, aguia, foca, bubela, porco, cabra, cabrón, galiña, ou incluso un bo peixe que ande de can pola vida.E a pomba é indiscutiblemente o símbolo da paz. Creada por Picasso ao abeiro do movemento comunista francés en época do estalinismo -a través do chamado Consello Mundial da Paz en 1949-, non sei se será unha recreación insconsciente do mesmísimo Espíritu Santo. O caso é que a pomba foi, pouco e pouco, asumida polos pacifistas e hippies de todo o mundo e obtivo a lectura actual: simplemente a paz.
(O artigo completo)

30 jun 2008


A mirada retida: un vello magosto (La Región 29.6.08)
O texto vai desta vez en Comentarios, porque xa falamos aquí desta foto hai seis meses. A foto, cedida por Antonio Piñeiro, pertence ó arquivo fotográfico de Anxo Martínez, que está ó resgardo do Concello de Celanova.

28 de junio de 1983- El abogado orensano Nemesio Barxa presenta una querella contra el párroco de Santo Domingo, el sacerdote Emilio Lorenzo, al que acusa de manifestaciones "injuriosas y difamatorias" realizadas en el curso de un funeral por el padre del letrado.
28.6.1958. La revista "Vida Gallega" dedica su último número a la provincia de Orense, con colaboraciones de, entre otros, Matilde Lloria, José Ramón Fernández Oxea, Felipe Fernández Armesto ("Augusto Assía"), Ramón Otero Pedrayo, Jesús Ferro Couselo, Isidoro Guede o Antonio Fraguas, y fotos de Inocencio Schmidt, Villar, Pacheco, Marcelino Rodríguez Freijido y Carmen Vázquez. // La revista "Vida Gallega" que en 1958 dedicaba su número de junio a Orense sigue suponiendo un tesoro de información sobre Galicia y los gallegos, tanto en textos como en publicidad, vida social, literatura y fotografías en un tiempo en el que estas últimas no abundaban en la publicaciones gallegas. Fue fundada y dirigida por su propietario, un singular personaje olvidado y apenas estudiado en una Universidad gallega que dispone de Facultad dedicada al periodismo. El número dedicado a Orense con motivo de las fiestas de la ciudad de 1958 lleva portada dibujada por Prego de Oliver y artículos de Manuel María, Matilde Lloria, Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo, José Luis López Cid, Ferro Couselo.Especialmente hermoso es el firmado por Augusto Assía recordando el Orense de su niñez. Por supuesto no faltan los "saluda" del alcalde Domingo Saavedra y el presidente de la Diputación, Rodríguez de Dios.Magníficas las fotografías firmadas por Rodríguez Freijido y Schmidt de las Heras, ambos coruñeses. (Da sección "Historia en 4 tiempos", La Región, por Maribel Outeiriño)
Republicanos galegos, de M.V. (La Región 30.6.08)

República. Publicado polo Ateneo Republicano de Galicia, chégame o libro ‘República e republicanos en Galicia’, da man do seu coordinador, o historiador Emilio Grandío. Este libro colectivo agrupa 11 traballos: algúns enchen baleiros historiográficos; outros son sínteses útiles de diferentes perspectivas. A primeira parte do volume segue unha orde cronolóxica e abrangue o estudo dos grupos e líderes republicanos en Galicia dende a época de Isabel II ata 1936. A segunda parte escolle a perspectiva temática e ocúpase das relacións co republicanismo do movemento obreiro, da escola, da prensa e das mulleres, cunha última entrega sobre o exilio republicano en México. Grandío esculca a andaina dos dous grandes grupos da Segunda República: a ORGA, de raíces galegas, e o Partido Radical, ámbolos dous con semellantes bases sociais (o PR con maior peso no mundo agrario). A ORGA, logo IR, abaneou cara a esquerda e rematou na Fronte Popular. O Partido Radical, acubillo de clientelas anteriores, na busca do centro, acabou nunha posición moi conservadora. O PR rematou desaparecendo meses antes da guerra. Dalgún xeito, os electores pensaron: de imitar á dereita, preferimos a dereita de sempre.
(o artigo completo)

















Trasalba, 28 xuño 2008. Homenaxe a Olga Gallego.
Xornada agradable, como sempre, en Trasalba. Nestas primeiras fotos que manda Trebolle: Ramón Villares, Lourenzo Fdez. Prieto, Craig Patterson, Vïctor Freixanes, Ánxela Bugallo, Benxamín Casal, Carlos García Mtez., Felipe Vilas, etc. A anécdota do día, no xantar no souto que está fronte á Casa Grande de Otero, un bar ambulante cunha bandeira de España e o texto, en galego: "Pedimos apoio á nosa selección". Creo que ninguén lles mandou quitala, logo dirán algúns que non somos tolerantes (deixo en Comentarios a "crónica de sociedade").
A crónica do acto oficial, por Cristina Huete (EP)

28 jun 2008

Quedaron sen colgar...

o pasado venres, estes dous artigos en El País, que me parecen magníficos. Un paseo breve, pero rigoroso, pola historia do pensamento galego ("Os chourizos de Heidegger"), da man de Antón Baamonde, e a habitual cita con Manuel Rivas, "O Che, a Virxe e o peixe que ri ", da súa serie dos Grouchos, que agora sae en libro publicada por Xerais.
entrada 2122 (en poleiro alleo)
Un día no fútbol, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 29-6.08)

Como isto do fútbol está de moda estes días, descubrireilles o segredo de que fun socio infantil do Club Deportivo Ourense -un regalo do meu tío Ramón- alá polos tempos da miña primeira comuñón. Era cando soaba Pataco como xogador todoterreo noso e o Ilicitano como bicha que nos apeara da copa ou da liga ou algo así, nun par de ocasións.Despois non volvín nunca a un estadio máis que a ver aos Rollings, que foi en Vigo co ‘Bridges to Babylon’, hai xa uns dez ou once anos. Minto. Fun unha vez. Non lembro con que motivo nin cando, pero debeu ser hai uns vinte anos ou así, que fun ao estadio do Couto. Xogaba o Ourense con outro equipo que era manifestamente mellor. O público, escaso, estaba irónico e pouco comprometido coa escuadra local. A min, que me aburre o de darlle patadas para aquí e para alá á condenada bóla que, como dicía Arsenio, é redonda e non se sabe nunca onde acabará, non me daba pasado o tempo, así que me dediquei a observar as reaccións do persoal. Era como berrar no metro ou gritar ‘eco’ desde os balcóns de Madrid, que non sei por que ten que levar ese nome o precioso miradoiro sobre o Cañón do Sil da parte de Parada e da Teixeira. A xente desfogábase e berráballe ao árbitro cousas espantosas, insultos inauditos para min, e creo que inéditos na historia da infamia, a pouco que se aproximase á banda. Tanto tiña quen estivese en posesión da pelota nin onde fose a xogada.
(artigo completo)

Home e máquina.
PAN POR PAN sábado 28 xuño (Imaxe de "Blade Runner")

A relación entre Home e máquina é unha pertinente metáfora do gran debate dos límites da ciencia: por iso foi tan útil na literatura, nas artes plásticas e no cine. En clave satírica xogou con esas claves o “Tempos Modernos” de Charles Chaplin: o traballo impersoal, repetitivo, anulador, etc. E coas 60 horas, ou máis, das últimas directivas europeas. En clave fantástica, Frankestein é o gran mito a este respecto, se ben ten egrexios precedentes, dende Prometeo ata Pinocho. A ciencia-ficción sachou a eito este territorio e deunos pezas magníficas, algunhas arredor do mundo dos robots ou mesmo dos replicantes. “Blade Runner” constituíuse en película de culto e mesmo mito romántico na miña xeración. E vimos máquinas que cobran vida: en “Christine”, un automóbil capaz de asasinar por vontade propia. Imaxe simpática dado o simbolismo deste elemento na nosa sociedade.

Caos informático.
PAN POR PAN venres 27 xuño (Imaxe de
Minority Report)
Falando de apocalípticos, que é o tema destes días tamén no meu blog, Xohán da Coba relembrou o nome de Alvin Tofler, un home que vendeu moitos libros, pero que non acertou demasiado nas súas predicións: aventurou que xa no ano 2000 os centros psiquiátricos estarían saturados de persoas incapaces de adaptarse ás novas tecnoloxías. E lembrarán o barullo que se montou co efecto 2000 nos ordenadores, que logo quedou en nada. É o medo ás máquinas e ó poder hipertecnocrático: como ese heroe perseguido en “Minority Reporet” que ten que operarse e cambiar os seus ollos, que son un código de barras de control policial. Na mesma liña van novelas de ciencia-ficción como “O home terminal”, de Michael Crichton: un home ó que lle converten o seu cerebro na terminal dun computador, o ser humano convertido en apéndice da máquina, un novo Frankestein.

26 jun 2008


Soylent Green.
PAN POR PAN xoves 26 xuño

O cine popularizou a xeira de distopías nacidas na literatura e no pensamento. En películas boas e malas, presentásenos un mundo futuro, apocalíptico, onde os que sobreviven á catátrofe loitan entre si polas moi escasas fontes de enerxía. En “Waterworld” imaxínase que só é posible xa sobrevivir na auga. Unha película xa antiga, “Soylent Green” (1973), protagonizada por Charlton Heston, tiña unha teoría bastante tétrica e escatolóxica sobre os alimentos do futuro. Lembro vivamente dúas escenas: nunha delas, un personaxe lembra con nostalxia cando aínda se podía comer carne e peixe frescos. Na outra, vese como se retira Edward G. Robinson para ir morrer no Fogar: déitase nunha cama e escoita música clásica mentres observa fermosas paisaxes que xa non existen. Quizais despois do apoxeo dos tanatorios, sexa este o gran negocio do futuro, vai ti saber.
en poleiro alleo
Dous artigos de "A Nosa Terra" quizais de interese para o debate

Damián Villalaín intervén na polémica "Galicia e Galiza"

e Belén Regueira opina sobre Eurovisión, Erasmus, euroescepticismo, Eurocopa, etc.

25 jun 2008

en poleiro alleo
Bocata de xamón ou fútbol, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 24.6.08)

Non é esnobismo, que podía, pero de fútbol non sei absolutamente nada. Nin sei se xogan once e o porteiro ou doce e o porteiro de cada lado. Si, claro, sei que xogou España con Italia antonte, porque non son impermeable, non vivo nunha barbulla, pero o certo é que non me interesa grande cousa. E non por discusións nacionalistas de escaso calado que nos foros da miña mocidade argumentaban a favor das derrotas de España nas competicións internacionais para non promocionar o ‘españolismo’ popular, ou a contraria, a favor da vitoria, para darlle unha alegría ‘aos obreiros’.Nunca tiven especial opinión sobre un tema tan afastado de min. Pero desexar derrotas apréciame feo. Por principio. Algo de deporte tamén tiña que entrar no tema, pero en fin.Por iso, o domingo, cando viña de Praia América de meterme un bo baño no Atlántico, parei a facerlle honores ao bocata de xamón da Cañiza, e botei unhas risas co tema xamón-fútbol. Non pola posible discusión entre os partidarios do bocata de Soutelo de Montes e os da Cañiza. Nin entre os da Cañiza da dereita -gasolineira- ou esquerda -Os do Resero-. Nin sequera pola reflexión fonda que nos sitúa aos ourensáns como compulsivos comedores de xamón que debemos facer unha parada polo medio nunha viaxe duns cincuenta minutos, igual que cando duraba a viaxe tres horas, para ‘repostar’.
(segue o artigo completo)

Apocalípticos.
pan por pan mércores 25 xuño (imaxe: H.G. Wells)

Os escritores sempre foron por diante. H.G. Wells foi o primeiro en describir unha guerra nuclear e en usar o termo “bomba atómica”: en 1914, con 31 anos de adianto sobre a realidade. Sorprende o éxito, dende sempre, das teorías da fin do mundo: o físico Herman Kahn calculou as consecuencias dunha conflagración nuclear entre Estados Unidos e a URSS: os americanos verían destruídas todas as súas cidades e terían 160 millóns de baixas. As teses apocalípticas pasaron logo das novelas e dos informes militares ó cine e á cultura de masas. Con moitas variantes. O choque da Terra cun gran asteroide letal. A propagación dunha epidemia ou peste mundial: Jack van Impe calculaba que no 2020 a infección por VIH acabaría co derradeiro supervivente da Humanidade. Como consecuencia fatal do cambio climático, etc. Oxalá nunca sexan máis que argumentos de películas.

24 jun 2008

Eurodeputados galegos e inmigrantes, de X.M. Sarille (ECG 24 xuño)
O goberno de Zapatero acaba de activar un novo mecanismo de simpatía, liderando nos foros internacionais a abolición da pena de morte. É gratis. Como gratis e resultón foi tamén no anterior mandato legalizar os matrimonios homosexuais e aprobar a lei contra a violencia de xénero. Estas iniciativas non impedían que ao mesmo tempo os constructores obtivesen beneficios sen límites, e que a banca gañase como nunca, sen a penas contribuír ás arcas públicas, polo menos en proporción ao diñeiro que obtiñan.
Dirán algúns de vostedes que mellor iso que nada, e que Felipe González resultaba aínda máis frustrante para as ansias progresistas. Seguramente teñan razón, pero namentres o PSOE contenta así á parroquia máis moderna, España aumenta a exportación de armas a todo tipo de países, inclusive aos menos recomendábeis, sen que a man esquerda, nunca mellor dito, queira saber o que fai a man dereita. Convén lembrar que as bombas e as metralladoras valen para matarse; fóra do patíbulo, iso si.

Non hai que magnificar o progresismo máis alá do caramelo abolicionista. A directiva de retorno dos inmigrantes foi aprobada o outro día polo Parlamento Europeo co apoio imprescindíbel do PSOE. Chámanlle a Directiva da vergoña, porque permite manter detidas ás persoas durante dezaoito meses sen culpa ningunha e sen intervención xudicial.
Europa creou con esta norma unha categoría inferior de seres humanos, mais iso non lle impedirá ao goberno español seguir vendendo progresismo a nivel mundial. Son cousas da xente guapa, máis preocupada polo peche dalgunha emisora no terceiro mundo e polo velo das mulleres que pola falta de trigo e arroz para os seus fillos.
Dezaseis eurodeputados socialistas españois apoiaron a regulamentación, entre eles Rosa Miguélez e Antolín Sánchez Presedo, os dous de Galiza. Conta a lenda que un vello país de emigrantes sempre se portará mellor cos que agora chegan, porque conserva a memoria da dor. Todo iso é puro verso, que din os arxentinos. Aquí o que hai é moito coidado para non contrariar aos xefes. Por certo, votaron en contra dous cataláns, a pesar de seren dunha etnia avara, como se sabe.

Prediccións.
Pan por Pan martes 24 xuño

Seica esoutro día, nunha tertulia, Carrillo falou dos horrores do século XX: dúas guerras mundiais, o nazismo, os totalitarismos, etc. Segundo me contan, mesmo se atreveu a entrar no campo dos futurólogos, pois anunciou o seu temor de que o século XXI no que vivimos sexa moito peor. Pode ser. Pero, no campo da política, facer de adiviño é un risco xigantesco: quen lembra, por exemplo, a Fukuyama e a súa tese sobre o fin da Historia?
Warren Wagar, historiador norteamericano, avanzou nun seu libro un holocausto nuclear para o 2044, que destruiría Norteamérica, Europa e o subcontinente indio, así como o 70 por cento da poboación do mundo. Oxalá se equivoque, claro: eu preferiría non velo. No canto XX da Divina Comedia, Dante mandou ós adiviños ó inferno: alí estarían co pescozo e cabeza retortos cara atrás, pola falsidade das súas visións. E Dante era un tipo moi listo.