26 jun 2007



O díaño no corpo.


Andoliña 27 xuño (Imaxe de Sophie Anderson, Moza rezando)



A literatura presentou múltiples veces o amor como vehículo idóneo para exhibir condutas irracionais, ás veces moi próximas á loucura, dende o Romeo e Xulieta de Shakespeare ó Werther de Goethe, gran fecundador este de suicidios románticos na Europa do XIX.

Velaí a Doce Ferida que dicían os clásicos grecolatinos cando describían o aguillón de Eros, tan doce el como amargo a un tempo. Esa amargura impregna tamén obras mestras como O diaño no corpo, de Raymond Radiguet, escrita cando o autor contaba só vinte anos: por certo, unha carreira ben acelerada, o francés non viviu máis deses vinte anos e só deixou dúas novelas e algúns libros de versos. O protagonista de O diaño no corpo, novela seica tamén abondo autobiográfica (levada ó cine en 1947 por Claude Autant-Lara), é un mozo cínico, mentireiro, inmaturo, irresponsable, mesmo cruel. Case un neno, seduce unha muller casada, cando o seu home está na guerra do 14, e ela entrégase en corpo e alma a ese delirio: “Prefiro ser desgraciada contigo que feliz con el”, dille ó seu amante. É unha historia de amor paixón, sentida en carne viva por dous adolescentes: unha gran historia, perturbadora quizais pola súa mesma autenticidade.

25 jun 2007


CINE, CINE, CINE...


Entre as películas destes últimos días estas dúas que aquí figuran. Roma, città aperta, de R. Rosssellini, revisitada despois duns 30 anos, máis ou menos. Paga a pena achegarse a ela só por ver a ese monstro actoral que foi Ana Magnani. Do resto, o espectador menos informado debería saber algo das imposibles condicións en que foi rodada, sen medios, nin estudios, etc. Creando case da nada o Neorrealismo cunha epopea da Resistencia italiana. De 1945, a película tardou moito en verse en España non só por ser antifascista: o papel do crego (Aldo Fabrizi) ere moi difícil de entender dende a óptica nacional-católica do franquismo. Por iso pode sorprender a insistencia no punto de vista do párroco detido e logo fusilado: en cine, a plasmación do famoso compromiso histórico entre comunistas e demócrata-cristiáns.
A outra película, Atando cabos, de Lasse Hallström, ten unha fasquía ben diferente, pero de suficiente capacidade fascinadora. Sobre todo no que significa de percura das raíces: que sucede cando as raíces só ocultan o sufrimento e a ignominia?






OS MICRORELATOS COMO XÉNERO
La Región 25 xuño
Que é exactamente un microrelato? Fixéronme esta pregunta estes días e paso a responder. Para empezar, un relato moi breve, por baixo do folio e que pode oscilar en canto á súa extensión: o máis famoso microrelato da historia, o de Augusto Monterroso, ocupa só unha liña: “Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí”. Ademais de breve e como sucede no conto en xeral, o microrelato debe vir marcado polo seu pulo narrativo, o predominio formal da condensación e a supresión do superfluo e a súa capacidade para emocionar dende a intensidade, asolagando ó lector na atmosfera da historia que conta e suxerindo moito máis do que se conta.
Despois diso, hai microrelatos de todos os tipos, temáticas e sensibilidades. Todos os estudosos do xénero insisten en saber retratar un microclima narrativo. Algúns apuntan a comenencia de empezalo e rematalo co mesmo suxeito e situación. Outros, mirando para Cortázar, engaden que non ten por qué ter principio nin final explícito. Todos valoran a importancia de suxerir, de actuar como unha chamarada de luz ou unha polaroid fotográfica. “Hai que ser exactos e breves”, dicía Pushkin do conto: con moita maior razón no miniconto ou microrelato.
Hai moitas receitas, pero na literatura non funcionan as receitas. Pero si os consellos dos grandes escritores. Como Horacio Quiroga: “Non empeces a escribir sen saber dende a primeira palabra cara onde vas. Nun conto ben logrado, as tres primeiras liñas teñen case a mesma importancia das tres últimas”. O xenial contista uruguaio dixo tamén: “O conto é un mecanismo case perfecto; xa que logo, esixe o dominio do oficio. É unha frecha disparada cara un branco”.
Unidade emotiva. Con outras palabras deixouno formulado o noso mestre Rafael Dieste, na súa introdución a “Dos arquivos do trasno”: “A unidade emotiva conséguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevir. O remate ha de te-la virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas. A presenza do remate debe estar atafegada pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato. O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente.” Todo o escrito por Dieste en 1926, data da primeira edición do seu libro, é plenamente válido tamén para o xénero do microrelato.
(Imaxe: Hans Baldung Grien, “Aristóteles dominado pola súa esposa Filis”, 1513).
JOHN RUTHERFORD EN TRASALBA.
Afonso V. Monxardín en La Región 23 xuño

O próximo domingo será John Rutherford a persoa homenaxeada na festa anual da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba. A intención da escolla é tamén publicitar neste ano do cincuentenario do nacemento da idea de Unión Europea, a reflexión positiva que sempre animou ao galeguismo clásico con respecto da confluencia de xentes e vontades do noso continente.
Rutherford é profesor no Queens College da Universidade de Oxford. Desde alí potencia a Asociación Internacional de Estudos Galegos que reúne aos profesores interesados nas cousas de por aquí que dan clases en universidades de por aí fóra. E seguro que alguén se pregunta, que como lle poden interesar estas cousas. As explicacións son múltiples, desde termos unha das cinco ou seis grandes literaturas medievais europeas, ata o feito de que nos estudos de lingüística románica en todo o mundo, se estuden de forma especializada algunha das grandes linguas –español, italiano, francés...- e sempre, como complementarias, algunhas das outras máis pequenas. Aí está o inicio dese namoramento dalgunha irmá máis noviña, que, como nas películas de vaqueiros, foi o caso do profesor Rutherford, especialista e traductor, tamén, de La Regenta ao inglés, entre outras moitas cousas. Pero el leva vantaxe: está casado cunha natural de Ribadeo e pasa alá os veráns.
A decisión da Fundación Otero Pedrayo alegoume especialmente porque en 1994 tiven o pracer de coñecelo en Oxford no seo dun congreso sobre cultura galega, pero sobre todo, porque me fixo vivir en xuño de hai dous anos unha anécdota digna de contar e presumir, como paso a facer encantado. Iamos daquela visitar Londres e Oxford cos nosos alumnos do IES As Lagoas na excursión fin de Bacharelato e a noite anterior á saída lembreime del e púxenlle un e-mail para ver se nos podía ensinar o seu tradicional College onde estudaron Clinton e Mr. Bean, por citar dous famosos, pero marchamos, claro, sen recibir a resposta. De alí a tres ou catro días, xa nós no Vao do Boi –que é o que quere dicir Oxford- pregunteille ao guía se podiamos visitar o Queens e dixo que imposible... que nunca se abría a excursións de estudantes... Pedinlle, ante o seu escepticismo, que mo deixara intentar a min... que mal sería. Alí, un vello e eficaz bedel, sabedor da miña posible chegada, acompañoume a través de portas, corredores e escaleiras á sala de profesores. O profesor Rutherford recibiume coa máxima amabilidade convidoume a sentar e tomar un te e charlar un pouco de todo, mentres agardabamos polo resto da expedición, que dirixían os nosos profesores de inglés Carmen Babarro e Xosé Antonio Vázquez. Logo saímos ao seu encontro e fíxonos unha fermosísima visita guiada, en galego con acento de Oxford, polos patios, capela, comedor... ata acabarmos os cincuenta no seu despacho. Contounos da actividade do Centro de Estudos Galegos que alí dirixía e vimos os libros e unha bandeira de Nunca Máis que tiña por alí pendurada... Os meus alumnos quedaron encantados... e eu... pódeno imaxinar.

24 jun 2007




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL


Gallego 1 (libro que eu usei pouco despois nos cursos de galego da Auriense). Adiós, María, Xoana Torres. Retorno a Tagen Ata, Ferrín.
Paco Martín. Fariña Jamardo. Neira Vilas. Xosé Mª Álvarez Blázquez.
Lueiro Rey, Matilde Lloria, Pura e Dora Vázquez, Abelardo Santorum...

Primeiro poemario de Vergara Vilariño. Dende América, Revoeira; Pensamento e sementeira... Carmelo Lisón Tolosana
Galicia 1970. Gonzalo López Abente. Nace TVE-Galicia. Quiroga Palacios, misa en galego.
Voces Ceibes. Euloxio Ruibal. Fermín Penzol. Bouza Brey.

O Sacho de Padrón. Breogán de Ourense. "Roxos" no Ateneo ourensán.
Versos galaicomiñotos de Manuel María, Margarita Ledo, Blanco Amor...
Alonso Montero: o galego non chegará ó ano 2000 sen escola e medios de comunicación.

(Engadido. 1971: Tiña eu 14 aniños. E a historia do país confúndese xa con algúns datos biográficos. Eu estudiei, dous anos despois, ese manual do ILG, nun curso da Auriense. Cónstame que nestes anos empezaba a ler con entusiasmo o xornal (vicio xa para toda a vida). Coñecería despois a moitos dos autores que publicaban os seus libros nesa andaina (Alonso Montero, Manuel María, Margarita Ledo, Pura Vázquez, Neira Vilas, etc.). Asistiría os recitais de Voces Ceibes en Ourense e ás charlas dos "roxos" no Ateneo. Escoitei as misas en galego de Santorum e a algún acto do Sacho de Padrón iría anos despois: velaí unha páxina, tamén, da miña educación sentimental).

Como unha vaca esgotada.

Pan por Pan 24 xuño

Se non se fixo xa, que hai que supoñer que si, poderíase escribir un libro ben gordo só cos centos de imaxes que a descrición do amor e dos amantes provocou na historia da literatura universal. Plantas, animais, astros, elementos en xeral da natureza, o amor como batalla, como aparición espectral e un longo etcétera que os escritores foron quen de crear. Porque a capacidade da imaxinación é infinita. Nun traballo do profesor cordobés Gabriel Laguna, encontrei esta orixinal imaxe das “Églogas” de Virxilio: “Que tal amor posúa a Dafnis como cando unha vaca esgotada/ de buscar o seu xato por soutos e crecidos bosques/ cae esmorecida xunto a un río, xunto á verde ulva/ perdida, e non se lembra de regresar á caída da noite,/ que un amor tal o posúa e non me preocupe eu de coidalo./ Traede da cidade á casa, traede, ensalmos meus, a Dafnis”.

23 jun 2007

Día das Letras Galegas en Roma

Unha amiga quedou un pouco sorprendida da celebración do Día das Letras Galegas en Roma por iniciativa do Instituto Cervantes.
Semella que os aires romanos reconciliaron a Francisco Vázquez, "diplomático", coas letras galegas. Ela encóntralle á cousa pouca poesía. Pero non deixa de ter a súa gracia.



ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé M. González)

2. A Muralla, o Breogán e o Recreo.
(Na foto, a Porta do Bispo Aguirre, arestora. Nos 60, no sitio do primeiro edificio pola esquerda estaba a Comisaría de Policía)

Mediando os anos sesenta había en Lugo dous institutos e, salvo ignorancia, tres centros privados onde se impartía o bacharelato. Aínda quedaba outro, Fingoi, pero tan particular que na vida usual non computaba: realidade paralela e case inefable, coincidíase con eles só no baloncesto, onde todos os seus equipos (Pequenos Líber, Mini Líber, Líber) adoitaban meternos palloscas memorables. Probablemente polo ano 65 ou 66, o meu grupo xogou contra os dous primeiros na competición de mini-basket desenvolvida no antigo pavillón da OJE e terreiro contiguo; perdeuse cos cativos só por oito ou nove puntos: pero deámoslle dimensión aclarando que ao seu pívot quiteille eu a pelota nun salto entre dous (“loita”, daquela) e os cinco meniños aplaudían e berraban “¡Bieeeen!” cada vez que encestaban; co Mini o resultado foi un 74-3 (posible canastra miña, tiro libre do Guillermo) e non se fale máis do choio.

Cousa aparte o Colexio Fingoi. Empresa escolar do grupo Fernández; edificio de Gómez Román, coeducación, horta, clase de gaita, amplos campos de deporte e outras instalacións en ámbito, daquela, certamente bucólico e xeórxico a dous quilómetros mal contados da Porta Agirre. Boa parte das familias máis abastadas enviaban a prole para recibir ensino naquela institución de carestía lendaria, estraña e intrigante modernidade, cadro profesoral bastante connotado: Carballo Calero dirixiuno (como conselleiro delegado, por carecer de autorización estatal), deron clase Ángel Johan, Carlos Varela Veiga, Méndez Ferrín, Bernardino Graña ou Arcadio López Casanova.

Subindo da estesa carballeira e os eidos co centeo, en estrema urbana concéntranse os establecementos normais quitando as Xosefinas (vulgo xuvenil, Pepas), topograficamente algo excéntricas onda a Porta de Santiago. Forma o resto un triángulo escaleno: primeiro vértice nos Maristas, a carón do Campo da Feira e o Cárcere; desde alí, catro ou cincocentos metros en liña recta imposible (cumpriría furar o Seminario Maior) ata a Compañía de María (as Monxas), cuxa traseira xa anda camiño de Fingoi; desde este ápice, por unha Avenida de Ramón Ferreiro sen vivendas vaise ao Instituto Feminino -case por fronte ao Cemiterio Vello- e o contiguo Masculino, que pecha polígono subindo cen metros por entre ambos Seminarios.

A FP é cousa aparte, menor, para pobres; alí apréndese un oficio, e niso se cavilaba inicialmente para un servidor. Ilusións familiares, certa mellora económica, se cadra o desarrollismo, deron comigo no Instituto coa probable esperanza de verme inspector de policía ou empregado de banca. No Instituto Masculino, xaora, e como integrante de tal tribo urbana con veciñas forzosas (no Feminino) e inimigos de caste (nos Maristas). Cada cousa ten o seu caso.

Obviamente, había estrita separación de sexos que durou en ambos liceos deica o 1983. Lindaban pola parte de atrás, con patios terreiros e espazo para o baloncesto. Escaso encontro, ímpeto hormonal, algunha provocación; asalto masculino, alarido feminino; posible aviso ou demanda: a mediados dos 60, en certo recreo xorde da nosa banda abouxante asubío, apupo contundente ao tempo que uns operarios levantan reixa separadora de sexos. Coma Kennedy, sind wir Berlineren und Berlinerinnen; con modo e modismo de orixe radiofónica, nomeamos o cerrado “la valla de la vergüenza”. Notoria mensaxe política e subliminal: “Los chicos con las chicas tienen que estar”.

O dos Maristas é menos puntual. Centros masculinos de referencia, privado e público, a hostilidade é obriga. Nós chamámoslles “laconeros”, en inequívoca suxestión subornativa; eles non deben ternos nome, ostentan a distinción inherente ao que paga máis e é timbre de certo prestixio mandar os rapaces alí. Paus non sei se habería moitos, pero no baloncesto... Dous almirantes, o Hermano Tomás e o señor Rábade; dúas escuadras, Maristas e Estudiantes, cada vez máis en valor coa decadencia dos fingoiáns; o Pavillón Municipal dos Deportes, un fragor.

Porque estamos en Lugo, señores, e o basket é xa tradición que desde algunha elite social, aínda sen ameazar a supremacía do balompé, capta entusiastas practicantes e espectadores. Caixa de recrutamento, os centros escolares; buque insignia, o gran equipo da cidade. Por iniciativa dos irmáns Varela Portas, queda constituído polo 65 ou 66. Barallando nomes, a erudición e prestixio de Celestino Fernández de la Vega impón o de Breogán, certo heroe galego -segundo informa un folleto confeccionado ad hoc- que poboou Irlanda.

Será factor básico de autoestima luguesa en tempo que escasos motivos deu. A pequena cidade onde nada pasaba terá equipo en Primeira División desde o 1971. Entre os oitenta e os noventa, unha das máis concorridas manifestacións da localidade, multitudinaria, apoiará o Breogán fronte aos árbitros e a Federación.

Eran algúns dos leceres da mocidade estudantil; polo menos, da que dispoñía dalgún tempo e algún diñeiro. Cediño, a media mañá, contra as dúas da tarde, a rúa do Bispo Agirre bulía de rapazallada que ía, paseaba ou volvía. Delas, en grupo estritamente feminino, as avisadas non lle quitaban ollo ao Balbino, que coa súa pucha, o sorriso pillo duns sesenta anos e aínda tirando do carretillo, a miúdo atopaba onde meter a man. Nosoutros, directos ao Recreo, establecemento ateigado de futbolíns, billares, máis tarde ping-pong, máquinas eléctricas e juke-box. Quen tiña cartos, xogaba; quen non, miraba.

O selo do Recreo era tal, que o local mantén hoxe a mesma actividade, quen sabe cantos nomes polo medio. Pesaba tanto daquela, que segundo algún Lugo tiña tres monumentos nacionais: os nomes, na cabeceira deste escrito.

Microrelatos
(Pan por Pan 23 xuño. Na foto María Lado)
Concedéronse onte na cidade os premios da sexta edición de Microrelatos Carlos Casares do Liceo de Ourense. Este premio fundouse dous meses despois da morte do escritor ourensán e hoxe está plenamente consolidado: de feito, os case setecentos textos recibidos neste ano, en galego e en castelán, demostran a súa vitalidade. O mundo virtual ampliou a difusión destas convocatorias e hoxe dende calquera lugar do mundo pódese acceder a este tipo de citas culturais. Dos premiados onte, cabe subliñar dúas cousas: a forte presenza feminina, tres mulleres galardoadas, dúas delas cando menos coñecidas no mundo literario. A gañadora, María Lado, é unha moza de Cee que mesmo ten blog propio (casatlantica.blogspot.com): o seu microrelato, “Alugueres antigos”, ten bo pulso narrativo e xoga coa beleza das palabras, a ironía e a capacidade de sorprender. Que non é pouco.

(P.S.: por certo foi unha delicia ver a María Lado ler o seu microrelato cos seus acentos fisterrás, de geada e seseo, nas interiores terras aurienses, tan pouco habituadas a eles. Os meus parabéns ás tres mozas gañadoras e un saúdo tamén para Fátima González Comesaña, de Nigrán, que acudiu a recoller o seu galardón e estaba máis que encantada porque era ata agora autora inédita e escritora case a escondidas. A outra premiada María Lorenzo Miguéns, que non puido acudir, polo que eu sei xa ten participado noutras citas semellantes e foi premiada nalgún Concurso de Contos da Casa da Xuventude).

22 jun 2007


COMPARTINDO...

Unha das vantaxes deste mundo dos blogs e da rede en xeral é a posibilidade de intercambiar as descubertas que cadaquén vai facendo día a día. Hoxe quero compartir con todos vostedes un blog que a min me resultou moi interesante e quizais non coñezan. Cheguei a el de casualidade e chámase http://www.tradicionclasica.blogspot.com/:
o seu autor é Gabriel Laguna, profesor da Universidade en Córdoba e especialista en literaturas clásicas. Pero non só. Nos traballos que lin estes días hai moito (e valioso) de literatura comparada e de estudo dos grandes topoi literarios que dos autores gregos e latinos pasaron á poesía inglesa, francesa ou, sobre todo, española. Así, sen esquecer tampouco anotacións artísticas moi oportunas, hai comentarios moí útiles sobre autores como os clásicos españois do Século de Ouro (con especial atención a Quevedo), Gil de Biedma (Laguna é autor dun estudo monográfico sobre este poeta), Luis Alberto de Cuenca, Luis García Montero ou Felipe Benítez Reyes.
Pois deste blog tomo hoxe prestado un poema de Benítez Reyes sobre a frustración e a ruptura amorosa e tamén unha imaxe procedente doutro comentario ("Cimón e Pero", Rubens, 1625). O blog funciona dende decembro do 2004 e espero que lle guste.


Si alguna vez sufres -y lo harás-
por alguien que te amó y que te abandona,
no le guardes rencor ni le perdones:
deforma su memoria el rencoroso
y en amor el perdón es sólo una palabra
que no se aviene nunca a un sentimiento.
Soporta tu dolor en soledad,
porque el merecimiento aun de la adversidad mayor
está justificado si fuiste
desleal a tu conciencia, no apostando
sólo por el amor que te entregaba
su esplendor inocente, sus intocados mundos.
Así que cuando sufras -y lo harás-
por alguien que te amó, procura siempre
acusarte a ti mismo de su olvido
porque fuiste cobarde o quizá fuiste ingrato.
Y aprende que la vida tiene un precio
que no puedes pagar continuamente.
Y aprende dignidad en tu derrota,
agradeciendo a quien te quiso
el regalo fugaz de su hermosura.

(Felipe Benítez Reyes, do libro Los vanos mundos, 1985)


Fraga e o centro.

Pan por Pan 22 xuño

Cando foi que Fraga se deixou arrebatar a bandeira do centro? Porque a iso xogaba o de Vilalba cando a morte de Franco: apertura, asociacións e todo iso. Pero nas eleccións de 1977 Fraga montou un partido propio, Alianza Popular (AP), con todos os refugallos do franquismo: dende Fernández de la Mora (o do crepúsculo das ideoloxías) ata Licinio de la Fuente e Silva Muñoz. Con eles ía Arias Navarro, o das bágoas por Franco, que nin sequera sacou escano en Madrid.
Chamáronlles os Sete Magníficos. Repetían como lema aquilo de “España, lo único importante”. Os resultados foron desastrosos: 16 deputados e o 8 por cento dos votos. AP foi o partido que máis gastou nesa campaña e quedou en quebra: moito cambiara xa a sociedade española. Mentres, Adolfo Suárez gañaba as eleccións e falaba xa con Tarradellas para restaurar a Generalitat.

21 jun 2007

VI Premio de Microrelatos Carlos Casares, do Liceo de Ourense

O pasado luns reuniuse o xurado do VI Premio de Microrelatos Carlos Casares, do Liceo de Ourense, e fallou os premios desta edición, entre un total de máis de 700 textos presentados. Ata mañá venres, data da entrega, non podo facer públicos os resultados. Pero darei dúas pistas: forte presenza feminina nesta ocasión e, como xa sucedera no 2006, o texto gañador ten moito que ver co blogomillo galego.

Actualización: 22 xuño, 15 h. OS PREMIADOS (acta completa en comentarios):
Despois dun amplo debate sobre 673 os traballos presentados os compoñentes do Xurado acordan por unanimidade conceder o “Premio CARLOS CASARES” de Microrelato, correspondente ó presente ano 2007: O aportado co lema “Anabel Lee’’. Aberta a plica correspondente resulta ser a sua autora Dona María Lado Lariño, con enderezo na localidade de CEE - A Coruña, Rúa da escona, nº 1 - 1c , e o título definitivo da obra “Alugueres antigos”.
Así mesmo acórdase outorgar dous accésit, dotados polos membros do Xurado con 300 euros, ós traballos seguintes: O presentado co lema “Non teño máis que dicir”, do que una vez aberta a plica correspondente, resultou ser a sua autora Dona Fátima González Comesaña­­­­­­, con enderezo na localidade de Nigran - Pontevedra, Rúa Torreiro, 64 - Priegue, e o título definitivo da obra “Sangue”. E o presentado co lema “Berta”, do que una vez aberta a plica correspondente, resultou ser a sua autora Dona María Lorenzo Miguéns­­­­­­, con enderezo en Laiño- Dodro, Tarrío 26 A Coruña, e o título definitivo da obra “O Limoeiro”.


Poden vostedes ler ALUGUERES ANTIGOS na casa blogueira da súa autora: casatlantica. Xa me dirán se lles gusta.
En poleiro alleo

"Tiros", de Bieito Iglesias (ECG) : non vai de himnos, non pensen mal, é unha fermosa evocación do avó Benito, cazador.

"Vilalba", de Antón Baamonde (EP 2o xuño)

"Oviedo e Vigo", de M.A. Candelas Colodrón (FV. 21 xuño)

Queremos ir a Francoforte (X.L. Méndez Ferrín, FV 22 xuño)

"Comer as sobras", de Xavier Castro (GH 22 xuño)
O DIVINO ROTEIRO NA "REVISTA DAS LETRAS"

Moi ben ilustrado (magnífico traballo, Antón), a Revista das Letras de GALICIA HOXE, un dos mellores suplementos culturais deste país, publica hoxe un monográfico co texto completo do meu pregón na Feira do Libro de Ourense, que xa apareceu neste blog.
Esta é a ligazón para ver a nova edición deste texto, e aproveito para agradecer a Caetano Díaz e ós responsables do xornal a súa atención co mesmo.
Ademais, o amigo Ramón Nicolás publica no Faro da Cultura, do xornal FARO DE VIGO, unha recensión do libro Teoría de Galicia, de Otero Pedrayo, no que fixen o estudo introductorio. Graciñas tamén, Ramón, polas túas palabras sempre xenerosas.

Galego na escola: organízanse os que non queren que o noso idioma sexa unha lingua normalizada

Desde hai varias semanas chegan noticias múltiples sobre movementos de asociacións contra o galego na escola. Polo que se vai vendo é un movemento ben organizado, con acceso á prensa, páxinas web e mesmo métodos agresivos e demagóxicos como o citado comic que se comentou en Arroutadas.

Parece oportuno traer aquí o debate, tal como xa solicitaron varios contertulios (X.M. González, Lourixe), aínda que mantendo a cabeza fría e sen caer en provocacións (como recomenda APC).

Que facer ante todo isto? É evidente que moitos aceptaron de mala gaña calquera proceso de galeguización, por morno que fose: que fose o PP, a dereita e mesmo Fraga, quen iniciase o goberno da autonomía quizais foi unha vantaxe para desarmar a estes sectores. Pero hoxe a situación é outra: goberna a esquerda e o nacionalismo e semella que todo vale contra un goberno progresista que só está a anunciar a aplicación da lei e dos acordos que por unanimidade se tomaron no seu día no Parlamento Galego (Plan de Normalización).

Precisamos de moita paciencia, intelixencia e sentido común para afrontar esta situación e evitar que dexenere aínda máis: calquera idea ó respecto será benvida neste debate.

Galego na escola. Pan por pan xoves 21 xuño.
(Imaxe: deseño de Picasso para Celso Emilio Ferreiro)

Con este nome fixéronse moitas campañas a favor do galego nos 60 e nos 70. Xa no ano 1967, por iniciativa de Ricardo Carballo Calero, Fernández del Riego e Domingo García Sabell, a Academia Galega remitía un escrito ó Ministerio de Educación e Ciencia demandando do Estado o recoñecemento do galego como idioma de cultura e a súa incorporación ó ensino medio. En 1971 Alonso Montero dicía en Ribadavia, en Abrente, que o galego non chegaría ó ano 2000 sen escola e sen medios de comunicación. Dende aquela choveu moito. O galego segue a perder falantes, sobre todo na xente nova. E cando se establecen uns mínimos camiños para avanzar na normalización dende a escola, xorden voces e asociacións críticas contra a galeguización: hai moita xente, pero non é o meu caso, aborrecida de repetir sempre as mesmas cousas. Razóns non lles faltan

20 jun 2007

Cogoberno en Ourense
A quen poida interesar: deixo en Comentarios o texto do acordo de goberno municipal PSdG-BNG en Ourense e as asignacións específicas de áreas dos concelleiros nacionalistas.

Inverno do 76.

Pan por Pan 20 xuño


O inverno do 76, ós poucos meses da morte de Franco, foi moi difícil. O goberno Arias Navarro non avanzaba nas liberdades (“Yo lo que deseo es continuar el franquismo”, declaraba o que era coñecido popularmente como “Carnicero de Málaga”). A esquerda estampaba nas súas portadas clandestinas lemas como “¡No al rey impuesto!” (Mundo Obrero) ou “Abajo la monarquía fascista de Juan Carlos” (En Lucha). E a rúa estaba en permanente conflitividade laboral e política. Un capitán xeneral, Prada Canillas, quixo sacar á rúa o Exército para controlar a situación: impediuno Adolfo Suárez como ministro da gobernación en funcións. O titular dese ministerio era entón Fraga, que estaba de viaxe. Como reaccionaría Fraga nesa situación? Pois non o sabemos, por suposto, pero poucos meses despois Fraga fixo famosa aquela frase: “La calle es mía”. Por sorte estaba de viaxe.

19 jun 2007

EN POLEIRO ALLEO

Chamarlle marimacho a una ministra (X.M. Sarille, ECG)

¿Cazo ou caldeiro? Velaí a cuestión (Afonso Monxardín, GH)

Psicoloxía do pacto (M.A. Fernán Vello, GH)

Centros galegos (Xulio Ríos, GH)
Trinta anos despois (Igrexa e franquismo)
Andoliña 19 xuño

O proceso de transición democrática que se abriu coas eleccións do 15 de xuño do 1977, hai agora trinta anos, non foi unívoco: houbo freadas e mesmo retrocesos. Hainos aínda hoxe. Por exemplo: os lectores/as lembrarán que un sector da Igrexa, mesmo da xerarquía, tivo problemas serios co franquismo. Monseñor Añoveros, bispo de Bilbao, estivo a punto de ser expulsado con Arias Navarro por unha homilía na que falaba dos dereitos non recoñecidos do pobo vasco. E o cardeal Tarancón acabou nas pintadas da ultradereita ("Tarancón ó paredón") por dicir cousas como que El-Rei debía ser o rei de "todos" os españois. Esta Igrexa do 77, cando menos en parte, estaba xa moi lonxe dos bispos que saudaban brazo en alto ó carón de Franco cando o ditador entraba nas catedrais: as fotos están en internet.
Hoxe a Igrexa está recuando e non se recoñece naquela imaxe de hai 30 anos. Antonio Cañizares, unha das máximas voces da xerarquía eclesiástica, desfacíase onte, nun xornal de Madrid, en gabanzas do xornalismo antisistema (Jimenez Losantos), afirmaba que en España só hai rexións e mesmo falaba das "Vascongadas": eu podo adiviñar o ton despectivo desa expresión tan dos tempos do ausente.

18 jun 2007


DÚAS NOTAS SOBRE O 15-VI-77
La Región 18 xuño.

15 de xuño. As eleccións do 15-xuño-1977, conmemoradas nestes días, abriron unha nova etapa democrática na historia española sobre a que existe hoxe unha ampla e rigorosa bibliografía. A transición española mesmo se ten presentado como un modelo dentro do conxunto das transicións á democracia no mundo occidental, pero tampouco foi a única con éxito naquel momento (velaí Grecia ou Portugal). O tratamento mediático leva á simplificación e pode suceder que as novas xeracións vexan o fin do franquismo e a chegada á democracia como un conciliábulo dun reducido grupo de actores políticos. Por suposto, ninguén lle nega o seu papel a Adolfo Suárez, que encabezou o abano de reformistas comprometidos en autoliquidar a ditadura, nin tampouco o protagonismo do monarca ou das diversas forzas que se posicionaron na contorna internacional. Adóitase tamén subliñar o relevo dalgúns políticos antifranquistas (Santiago Carrillo dende o PCE) ou a moderación táctica dun movemento sindical que subordinou as súas estratexias á conquista da democracia.
Protagonismo popular. Todo o dito anteriormente non debe ocultar o protagonismo popular de centos de iniciativas, partidos, forzas sociais, que se organizaron contra a ditadura e marcaron dalgún xeito o ritmo dos cambios. Certo que moitas delas eran rupturistas e que o que logo saiu adiante foi un xeito de “reforma pactada” pero de amplas perspectivas: de feito, Javier Tusell fala dunha “ruptura por procedementos reformistas ou unha reforma tan fonda que fixo desaparecer radicalmente o reformado”. Os mesmos resultados das Eleccións do 15 de xuño de 1977, que nos situaron a todos no plano da realidade, ofrecen un mapa político non moi diverso do que xa se consolidara na Segunda República, feito este menos destacado. Así, as comunidades que votaron á esquerda na República fixérono tamén en 1977 polos socialistas e os comunistas. O centro reformista e a dereita (UCD e AP) tamén tiveron os seus mellores resultados nas zonas de predomino do centro e a dereita nos anos 30: velaí a memoria do pobo.
Algúns detalles. Dito isto e subliñada a lexitimidade daquel proceso electoral e reformista, tampouco sobra dicir que a UCD do 77 tivo a Televisión para ela soia e a maioría dos medios de comunicación, así como o respaldo dos poderes económicos e fácticos. Ou lembrar que a esquerda e o galeguismo tiveron que facelo todo dende os seus inicios: como crear medios de comunicación propios como a revista “Teima” (1976), por exemplo. Ou que moitos partidos á esquerda do PCE chegaron ás eleccións sen ser legalizados ou tiveron que acollerse a coalicións electorais para poder presentarse. Así lle sucedeu, por exemplo, á UPG creando xunto coa AN-PG a plataforma do Bloque Nacional-Popular Galego. Aínda en 1977, uns quince militantes da UPG eran (eramos) detidos na Praza do Toural e convidados a visitar os calabozos de Raxoi por querer vender na rúa o “Terra e Tempo”. Son “detalliños” menores estes: a letra pequena da historia.