26 dic 2007



A Andoliña de hoxe,

dedicada a A. Fernández Paz.

Nova imaxe do xenial Pablo Auladell.









Cine, Cine, Cine...
Bos días estes para ver cine. Mellor, bo cine. Diario dun escándalo, de R. Eire (o director de Iris), non defrauda: pode lembrar nalgúns momentos A calumnia, de William Wyler.
Lejos del cielo, de Todd Haynes (xa a vira en DVD, revisámola en TV) non é Douglas Sirk, pero fai todo o posible por achegarselle. E conta con Julianne Moore, garantía de estar pegados á pantalla, creo que é unha magnífica actriz, mesmo nestes papeis aparantemente "con pouca substan
cia".
E anda polos quioscos, por se alguén aínda non se decatou, unha oferta (só 10 euros) desas dúas xoias que son Million Dollar Baby, de Clint Eastwood (outra vez), e Mi vida sin mi, de Isabel Coixet: a escena en que o médico lle comunica a protagonista, sentados nun corredor do hospital, sen atreverse a mirarlle a cara, que ten un tumor, xa é antolóxica da historia do cine. Digo eu.

25 dic 2007




As fotos de Carles Santos, censuradas en Lleida

Un novo caso de censura artística. De novo con temática relixiosa polo medio.

As fotos foron antes exhibidas, sen problemas, en Barcelona, Valencia e Berlín.

A decisión tomouna o concello de Lleida, gobernado por PSC e ERC, ó considerar que as imaxes "poderían ferir a sensibilidade dos cidadáns". O autor, que non participou na inauguración da mostra en protesta pola retirada obrigada de 5 fotos, alerta do arriscado que é "permitir que as autoridades decidan sobre qué debe e non debe ver a xente".





en breve
(esta é a entrada n. 1400)


"Se deixasen de súpeto de expender pílulas, todo sería un caos..."
"Sería un caos e nova en todos os medios de comunicación. A xente andaría polas rúas ou nas súas completamente inqueda, angustiada, desasosegada e con desspero non non achar remedo inmediato, que é o químico, contra o seu mal"
(Miguel Silveira, psicólogo clínico, en Faro de Vigo, 22.dec.)

Xúntanse os expdeputados do Hórreo para facer un "lobby" e reivindicar a súa utilidade pública (LVG 22 dec.)
Pero, dos primeiros que asisten, falan todos en castelán nesa primeira xuntanza: quizais, digo eu, porque xa están fóra dos marcos da corrección política dun deputado en exercicio. Indignada, Pilar García Negro fala en francés, con plena corrección, para ridiculizar que ninguén fale en galego.
Indignante ou deprimente? Cantos deses exdeputados pronunciaron máis dun discurso en favor do galego no Parlamento?

Os docentes somos funcionarios da sociedade
José A. Marina, sobre a polémica dos contidos da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (El País 10 dec.):
A polémica causa danos á escola ó presentala como un xeito de mecanismo sen sentido crítico, unha máquina adoutrinadora do Estado. Os docentes aparecen como monicreques, cando a realidade é outra. Aínda que somos administrativamente funcionarios do Estado, somos de feito funcionarios da sociedade, é dicir, temos que defender se é necesario a sociedade fronte ó Estado. Somos intermediarios críticos, non correa de transmisión das directrices ministeriais.
Xosé Manuel López "Ardeiro"

Faleceu nestes días en Ferrol o poeta de Negreira Xosé Manuel López "Ardeiro". Non o coñecín nin lembro ler ningunha das súas obras, cando menos agora. Pero merece por igual unha lembranza neste recuncho.
Gañara no seu día o Premio de Poesía Cidade de Ourense (Na néboa dunha espranza) e era autor de poemarios como O matiz esmeralda da sombra (Ed. do Castro, 1991); Un xardín no tempo (3C3, 2001) e Versos de ausencia e desagravio (Espiral Maior, 2005). Tamén de En bela sombra de amaranto e Sombras e outras presencias. No terreo da prosa, Na outra beira dos sentidos, obra aínda moi recente.
(Como fago sempre que se vai algún escritor, buscarei algúns dos seus versos para homenaxealo nesta despedida).

24 dic 2007


Galicia e Portugal, de A. Baamonde (El País 24 dec.)

(Quizais hoxe non sexa xornada axeitada para os debates políticos, pero quería deixar aquí constancia deste artigo de A. Baamonde, interesante en varios aspectos. Vai ilustrado con outra imaxe de Pablo Auladell).

Pero esos dos proyectos vienen del pasado. Ahora tenemos un Gobierno que se ameniza a si mismo con disensiones internas, generalmente dictadas por la competencia electoral, pero que no da muestras de un gran pulso político. El problema no es el PSdeG o el BNG, sino que los unos o los otros tengan algo que decirnos, serio y solvente, acerca de nuestro futuro. La política urbanística y el Banco de Tierras han sido quizás los dos ámbitos en los que el bipartito ha tenido más fuelle y es de agradecer que haya convocado oposiciones en sectores como el sanitario o la CRTVG necesitados de una cierta clarificación.
Pero se echa en falta una política de democratización del país -medios de comunicación, Ley de Cajas-, un plan de Centros de Investigación (¡y atención al diseño, por Dios!: para las conservas, la moda y los muebles) y, por supuesto, mayor énfasis en relación a la Euroregión. La discusión en curso acerca de las áreas metropolitanas sólo tiene sentido en un marco más amplio de debate sobre los elementos de sinergia y de conflicto de intereses con el Norte de Portugal. Basta con mirar el mapa, como hacen las autoridades europeas, para saberlo.
Postais (5)
Terei que seguir citando as postais e felicitacións que chegan a esta solaina ou ó meu correo particular. A fermosa imaxe que encabeza estas liñas mandouna Monxardín e facémola tamén extensiva para todos/as. Chegaron tamén outras de Teresa Devesa (con versos de Luz Pozo Garza: Naquel espacio mítico de antano/iban as aves ledas a procura do día./A chuvia era moi fráxil / e transitaba a alma con fluviales silencios/coma flor respirada; Xavier Castro; Agustín Fernández Paz; Beatriz Lloves (unha antiga alumna) e Iolanda López. Xan Carlos Ansia enviou unha ligazón a unha canción tamén ben encantadora: Vou-me embora, vou partir, de Nuno da Cámara Pereiro.
DA VIDA DOS NOSOS AVÓS…
La Región 24 decembro

Moito frío. Ía moito frío, un frío extraordinario, que penetraba no fondo dos osos. É unha das conclusións que saca Xavier Castro, da súa mirada ó pasado, no seu libro “Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX”, nunha fermosa e coidada edición de Nigratrea. Na memoria das xentes quedou o frío, cando nas casas rurais non había xeito de quentarse. Esoutro día o escritor Riveiro Coello, presentando a súa última novela, explicaba por qué imaxinaba Ourense con neve: quizais por unha nevada infantil vivida no seu Xinzo natal, quizais tamén por esa lembranza daquel frío abafante.
Presentouse o libro de Xavier Castro no Liceo, hai uns días. Co autor dialogamos Jesús de Juana e este cronista. É unha obra ben singular: a historia “de todos os galegos”, non das clases dirixentes nin das súas elites políticas; se se quere, un ensaio de microhistoria, un achegamento ós que sofren e sufriron a Historia. É esta unha liña historiográfica con moito seguimento hoxe noutras contornas, pero aínda escasa en Galicia: aquí cabe anotar o precedente dun estudo semellante, de Pegerto Saavedra, para o período 1550-1850, a etapa previa á que estuda agora X. Castro.
Contidos e fontes. Na súa estrutura achégase ó historiador á vida nos fogares galegos, á súa alimentación e indumentaria, á hixiene e a ese vivir tremendo de frío, á historia da infancia e da escola, ás formas de noivado,amor e matrimonio, tamén ó Ars Amandi na vellez dende as chocalladas ou á familia como conxunto. Esculca Xavier Castro con moi eficaz proveito nas fontes literarias de autores galegos (e non só), en galego e en castelán: esa Galicia tradicional dos textos de Lamas Carvajal e Rosalía, de Lesta Meis e García Barros, de Valle Inclán ou da Pardo Bazán. E a crónica dos cambios ó iniciarse o século XX: velaí os relatos de Castelao, Carlos Velo, Dieste, Fole, Neira Vilas, Otero, Núñez Búa, entre moitísimos outros. Cando lle convén, acode ó historiador ás memorias e hai poucas en Galicia, pero as máis próximas, doutros lugares de España, tamén aportan datos: Josefina Aldecoa, Carlos París, Haro Tecglen, Fernán Gómez, Alberti, Camilo José Cela, Edgar Neville, un longo etc. E acode ós informes oficiais e documentos especializados. E ás fontes orais. E mesmo á música ou ás artes plásticas, cando é preciso e pertinente.
De onde vimos. O traballo é ben meritorio: vanse así descubrindo os sinais da nosa Galicia tradicional, rural e ás veces urbana: as dúas Galicias, a do pan branco, de millo, e a do pan negro, de centeo; a que durmía nos colchóns de la e a que o facía nos de follasca. Galicia de ricos e de pobres, que houbo confrontación interna nese mundo que algúns escritores deseñaron máis harmonioso, idealizado. No que os maltratos á muller ou ós nenos eran a regra xeral e o absentismo escolar inevitable a maior parte do ano: os nenos facían falta nos labores agrarios. Os nenos que ían á escola con viño no bandullo e que medraban nun ambiente de violencia. Un retrato imprescindible tamén para saber de onde vimos.

23 dic 2007


Paratextos

Hai ensaios xa sobre este tema. E mesmo creo que algunha tese doutoral. Aquí en Galicia tamén algún estudo (no Boletín Galego de Literatura, creo relembrar).
Pero poucas veces vin un libro que seleccionara tan ben os paratextos que abren cada relato como fai Fernández Paz en O único que queda é o amor, que ademais é toda unha declaración de amor ós libros e á literatura. Vexan algunhas das súas xoias:


Todas as lembranzas son sucos de bágoas
WONG KAR WAI: 2046.

Hala bicar. E o bico que lle deas será
Polo que medirás todos os outros bicos da túa vida.
SCOTT HICKS: Corazóns en Atlántida.

Chega o tempo de non agardar por ninguén
Pasa o amor, silencioso e fugaz,
Como na distancia un tren nocturno.
JOAN MARGARIT: O primeiro frío.

Ríos da memoria tan amargos.
ANTONIO MARTÍNEZ SARRIÓN.

Un día nos veremos
Al otro lado de la sombra del sueño.
JOSE ÁNGEL VALENTE : Interior con figuras.

É o azar quen goberna o mundo.
PAUL AUSTER: A noite do oráculo.

O tempo cúrao todo. Mais que
Ocorre se o tempo é a enfermidade?
WIN WENDERS: O ceo sobre Berlín. (A imaxe é desta película)


El que da una palabra da un don.
JOSE ÁNGEL VALENTE: El inocente.



Unha descuberta: Pablo Auladell
O último libro de Agustín Fernández Paz estame dando moi bos momentos. Conmovedores os relatos "Esta estraña lucidez" e "Unha historia de fantasmas". E serviume tamén para descubrir a un gran ilustrador e artista: Pablo Auladell (Alacant, 1972). Os seus debuxos son un luxo para calquera texto. Velaí dúas probas. Poden tamén acudir á súa bitácora: www.pabloauladell.blogspot.com. Eu xa o fixen para felicitalo.
E velaí vai a miña... (postais 4)
(A foto é de Eduardo Blanco Amor: nenos en Louro, A Coruña, 1965)


Que o sorriso destes nenos e nenas,

a máis grande verdade do mundo,

vos ilumine a todos nunhas felices Festas de Nadal

e un ano 2008 cargado de traballo proveitoso e gañas de vivir.

(Para todos os lectores/as do blog e tamén para todos os amigos/as que nestes días tiveron o aceno xeneroso de acordarse de min coas súas felicitacións. Esta é a miña postal colectiva para todos eles/elas).




primeiras postais de Nadal (3)
Ademais de todas as citadas en post anteriores, chegaron tamén nestes días postais de nadal da alcaldía de Ourense (Francisco Rodríguez, con tarxeta de UNICEF); da concelleira de Igualdade, Xuventude e Voluntariado (Marta Arribas, con tarxete de Amnistía Internacional e versos de Millán Picouto); do fotógrafo e amigo Eduardo Núñez; de Fíos Invisibles; de Amancio LIñares e Antonio Puentes, da editora 3C3 (coa fotografía de Cristina Durafe, que reproducimos enriba); etc.
Velaí os versos de Millán Picouto na postal de Marta Arribas:
Que o camiño que sigamos
se distinga do dos astros,
que por órbitas de aceiro
circunvoan engastados.
Non, o noso brinque e bula,
mude e forza a cada cando
e, para asombro do universo,
naza só dos nosos pasos.

A fonte da Mirta
Pan por pan domingo 23 decembro
Imaxe do excepcional artista Pablo Auladell, que ilustra o libro de Agustín Fernández Paz citado embaixo.
Foi como a madalena de Proust: ía eu en automóbil, perto do novo acceso centro da autovía, e escoito na radio falar a unha muller sobre as polémicas obras do citado acceso: fala de casas con fendeduras, de terrapléns mal rematados, de pozos secos e da fonte da Mirta, tamén afectada polas obras. E a mente viaxa cara a escena dun campesiño conducindo os regos nas súas leiras de Ervedelo e ó seu arredor un neniño urbano, dez ou once anos, que pasa uns días na aldea materna ó carón dos seus avós. Na fonte da Mirta o neno está a descubrir un mundo novo, negado nos libros escolares e na TV. Xoga as súas fantasías infantís e imaxina aqueles outeiros como as grandes serras que conquistaba César na guerra das Galias. O neno, resucitado ó volante, pensa que algo de razón deben ter os veciños nas súas protestas cando ese acceso se abriu de forma clandestina, sen aplausos políticos.






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1989: Darío Xohán Cabana, Avilés, A. Risco
(Imaxes: o Darío de Lugo, Andrés do Barro e Chano Piñeiro en caricatura de Siro)
Bo ano literario o de 1989. Empezo pola narrativa e xulguen vostedes mesmos. Darío Xoán Cabana gañaba o premio Xerais, resolto en Santiago, cunha das súas novelas máis populares, Galván en Saor, que dende a recreación da Materia de Bretaña descubría un narrador moi poderoso. Volvía ás letras galegas, dalgún xeito, Antón Risco, o fillo de don Vicente, publicando a súa novela máis ourensá e de gran calidade, As metamorfoses de Proteo; no mesmo ano editábase outra novela súa, O caso, e o libro de relatos Xogo de gardas e ladróns. O Premio Blanco Amor era para unha coidada novela negra de Román Raña, O crime da rúa da moeda vella, ambientada en Compostela. No mesmo xénero movíase Seis cordas e un corazón, de Xelís de Toro, que levou o premio Semana Negra do Concello de Santiago. Marina Mayoral conquistaba os lectores con Chamábase Luís, novela-reportaxe sobre o mundo da droga, e Úrsula Heinze ofrecíamos a novela sentimental, Aniansi, a súa segunda novela, de forte pegada cinematográfica na súa linguaxe. Moi interesantes eran tamén O minotauro, de Xosé Fernández Ferreiro, e Peito de vimbio, de Afonso Álvarez Cáccamo. O ano completábase ademais con obras como Fuxidos de sona, de Carlos G. Reigosa, e Máis alá de Galicia, de U. Heinze e Artesa, de Lois Diéguez, estes dous no campo da literatura xuvenil. María Xosé Queizán sacaba O segredo de pedra figueira, novela de aventuras sobre a viaxe da tribo dos amala na procura dun novo país, nun xeito de recreación mítico-lúdica das orixes da nación galega (DLG). Da mesma autora e data é A semellanza, na que un narrador omnisciente nos presenta a andaina dun homosexual dende a súa infancia no Lugo burgués do franquismo, en tempos de represión, ata o seu duro paso á transexualidade en Barcelona. Outro nome clásico das nosas letras que se achegaba á narrativa en 1989, neste caso por primeira vez, era o poeta Antón Tovar, co seu libro de relatos, cheo de autenticidade, A grande ilusión e outros contos.
O mapa lírico do ano rexistra a volta de Antón Avilés de Taramancos cun dos seus mellores poemarios, As torres no ar, un conxunto de trinta e seis poemas centrados na natureza e no amor. Darío Xohán Cabana publicaba Patria do mar e recibía o Premio Otero Pedrayo e a medalla de ouro do Concello de Florencia pola súa tradución ó galego de A Divina Comedia. De Luís González Tosar aparecía o seu segundo poemario, Remol das travesías, premio da Crítica Española no ano seguinte, unha viaxe poética chea de símbolos e lecturas superpostas (existencial, lectura social, metacultural), segundo o Dicionario da Literatura Galega de Galaxia. Manuel Rivas publicaba Ningún cisne, premio Leliadoura, e Xavier Rodríguez Barrio, Celebración do gozo, achega lírica chea de sensualidade, que foi premio Esquío e finalista do Nacional de Literatura. De Anxo Angueira, Val de Ramirás; de Xulio López Valcárcel, Presaxio de sombras, e de Víctor Vaqueiro, A cámara de néboa, viaxe mítica a través da paisaxe galega e do corpo feminino, completan o panorama anual, ademais do colectivo Ao mar de adentro, no que está presente o poeta ceense Miro Villar.
No campo do ensaio e a investigación tamén cabe reflectir algúns títulos fundamentais. Entre eles, estudos de conxunto como Escolas e mestres, de Antón Costa, ou traballos como Galicia, el bonsai atlántico, de Manuel Rivas, encarga de El País para lectores foráneos que se queiran achegar con tino á nosa realidade social e cultural. No xénero do libro-entrevista, Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán Vello publicaban A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras, libro de fondo significado político na súa recepción, e Román Raña estudaba a Manuel Antonio nunha edición anotada do seu poemario De catro a catro e outros textos. Claudio Rodríguez Fer daba a coñecer Poesía galega: crítica e metodoloxía, achega valiosa ós modelos da crítica literaria en Galicia, e o seu estudo Antonio Machado e Galicia, que esculca nas afinidades e relacións entre o gran poeta castelán e os seus referentes galegos.

22 dic 2007










O último de Agustín Fernández Paz




Deste libro xa se falou con agarimo noutras bitácoras como Brétemas ou Olevantadordeminas.

Eu aínda o empecei a ler hoxe e o que levo lido gustoume abondo. Ten todos os elementos tradicionais da escrita do seu autor: melancolía, tenrura, pracer pola narratividade, etc. Dende logo, un agasallo perfecto para mozos entre os 14 e os 90 anos (fagamos algo de promoción, que o merece, nestas datas).
Vai tamén a dedicatoria, sobre todo por esa post data tan xenerosa con esta casa:
"¡Grazas por tantas uvas como nos dás a probar cada día!".
(P.S: serían de agradecer, como outras veces, unhas notas grafolóxicas de Xohán da Cova sobre AFP).
en poleiro alleo

Víctor Freixanes reflexiona sobre os encontros e desencontros (familiares) destas datas. Afonso Monxardín lévalle a contra ós críticos do negocio das peles. E A. Piñeiro incide no tema das celebracións do centenario do Himno Galego, nun artigo que pode dialogar moi ben co noso "Pan" de hoxe.

Noites difíciles, de Víctor Freixanes (LVG)

Abrigos de peles, de Afonso Monxardín (La Región)

Qué dirían os rumorosos, de Antonio Piñeiro (La Región)

Mystic River

Botárona hai pouco na tele, graveina e puidena ver onte. Desgarradora, perturbadora. Unha película chea de intelixencia. Un atinado retrato da violencia que nos arrodea, sen necesidade de encher a pantalla de sangue nin vísceras: un prodixio da narración, da elipse, da arte de contar historias. O certo é que non me entusiasmaba o primeiro Clint Eastwood (cando Harry o sucio, etc.). Pero nos últimos tempos é un dos mestres do noso cine contemporáneo. Sen dúbida.

O Himno. Pan por Pan sábado 22 decembro
O xoves pasado, cando se cumpría o centenario do Himno Galego, os tres partidos con representación no Parlamento Galego celebraron esa data. Fixérono en Ourense e en Santiago. Este titular é certo, tal como está, pero non di toda a realidade: os tres partidos (PSdG, PPG, BNG) celebraron a data, pero cada un polo seu lado. Por separado. Era tan difícil dende as institucións promover unha celebración conxunta? Suponse que calquera comunidade ten uns valores propios e uns símbolos nos que se reflicten os mesmos: himno, bandeira, escudo. Pero, se para recoñecernos neles, temos que facelo por separado, algo non funciona. Será a proximidade das eleccións, pero permítome dicirlles que os tres se equivocan. Que é todo un esperpento esta dinámica de confrontación que xa non se salva nin no terreo simbólico ou cultural. E que diría Pondal de todo isto?

ENTRE HORTAS E PORTAS
24. Uns que veñen, outros que se van, de Xosé Manuel González
O Apicultor d’ As Uvas forneceume atención e bo consello.
Isto non é pagamento, só gratitude..
Eu só quería levar pelo máis longo, pantalón máis ancho e, podendo ser, alaranxado; tan pouco, e tan inaceptable para os maiores: en medio século, ou por aí, non se vira home nin rapaz de melena, roupa así folgada por baixo. O 1968 culminaría aquela década rebelde, e a epiderme de toucado e vestimenta daba quizá para albiscar outra insurxencia. Na periferia do mundo chamada Lugo.

Notoria imaxe do Caudillo aínda preside moitos lugares públicos, pero cada vez escasea máis a de ollada á fronte, bigote negro e capote forrado. Un avó substituíuno, lixeira farda aínda militar e ás veces faixa bicolor; paulatinamente, o sogro do moi mundano Marqués de Villaverde amosa traxe, garavata, perfil menos terminante. A escala de mando inmediata, o xerifalte de provincias, van arrombando boina escura, camisa azul, guerreira branca de días sinalados. Insensiblemente, aquí e aló danse de baixa, no partido único FET y de las JONS, este e aquel, tal desafecto, algún decepcionado, outro que non sabe para que valerá iso agora. Franco envellece, tamén o seu poder. Certa oposición, inimigos de sempre atopan oco, fan socialmente palpable a disensión. De a pouco, home e réxime serán provectos.

Non de momento, vive Carrero e o xugo con frechas mantén educación política en escolas, institutos. “Formación del Espíritu Nacional” é chamada; José Luis de Blas Escolante elabora un manual da materia, publícao en Bilbao; imparte a doutrina oficial, disque con alento joseantoniano, quizá tamén retórica, na Escola de Maxisterio lucense. Posiblemente ande xa a elaborar unha longa Historia da Guerra Civil; en todo caso, con dona Cecilia a de Música é dos máis coñecidos, permanente no elenco profesoral que forma educadores.

A carón de Maxisterio, no Instituto Feminino o catedrático de Historia chámase Federico Bouza; alto, cabeza grande, expansivo, non parece de mal trato; “la coña integral” escóitoo unha vez definir certa situación de paradoxo. Protexe, traspasando límite, cando menos unha alumna ante abuso de poder: din que por iso e outras cousas decae como Xefe Provincial do Movimiento. Que Bouza é falanxista firme, Lugo enteiro ben o sabe. Filias aparte, e asoballamento, algún respecto merece quen mantén fidelidade e coherencia, principalmente se o tempo vira.

Coma o Pepiño da Lotaría, peixe miúdo. Esborrállase todo e el segue a proclamar adhesión fascista pola Praza Maior, Rúa Nova ou estación do tren; cotián, ruante. Dous uniformes con gorra, azul e gris, alternan para cubrir corpo, sustentar a insignia vermella e amarela; esa que algúns reclaman, outros aceptan, case ninguén ostenta. Avanzando os setenta fai Pepiño coda no desfile militar, e a marcialidade pretensa mal disimula fatiga nun continente escaso, volto repoludo. Caín se lle chamaba, ás veces con asañamento algo inane ante a patente decadencia.

E os outros agroman. Jesús Vilela García dá tamén clase de Historia, no Instituto Masculino. Testa redonda, mestamente poboada; un noventa seguro, amplo tórax e contorno, pándego indesmentible. “Voy dispuesto a todo”, afirma certo día -de garda, reclamado por alumnos- cara á porta atrancada do retrete. As listas do 23-F presentan coma “nacionalista radical” a quen nos últimos anos, talvez marcando distancia, apenas fala galego en acto público e se proclama de “los unitarios”. A súa academia no Camiño Real abeirara algunha reunión de contacto e intención post-franquista. PSP daquela, PSOE máis tarde.

Pero a ollada máis frecuente e numerosa procura outro albo, certa usual evidencia. Adoita a lingua do país no trato ordinario, en momento escolar motivado que dará lugar a advertencia; “o galego non é vehículo docente”. Conta el na aula, porén, o que pouquísimos saben: houbo cantiga de amor e rexouba, hai historia literaria que chega a Celso e Manuel María; no seu pupitre, Darío e Xesús Rábade xa eran coñecedores, pero seguen aprendendo. Corre a especie de que o profesor é comunista e non todos o cren, tan forte resulta a palabra. Que ateo, di algún, pero é tema menor; a querenza pola poesía de Curros, que difunde arreo, transmite censura ao estamento eclesiástico. Deu clase en Maxisterio, sae de alí ou bótano; a cátedra no Instituto queda fóra dese alcance. No curso 1970-71, noticia de que era desterrado trae consigo unha homenaxe dos alumnos maiores; á hora da reunión hai dous policías armados no soportal do concello, e os de paisano comparecen no “Monterrey”, xa que o acto quedara suspendido. Pola Rúa Nova, algún grupo pequeno canta o “Venceremos nós”; aquela noite, o delegado dos alumnos no PREU de Letras, Xosé Manuel González, discute de política por primeira vez na casa. Xesús Alonso Montero, compendio antifranquista; embaucador de mozos para a voz anónima que trona sobre o ouro de Moscú.

E os novos chegaban. No lar do boticario Figueroa, a filla prepara as probas de madurez preuniversitaria. Pero vén do corredor alta voz de muller madura, “a ver, onde está esa mociña que me quería coñecer?”. Virxinia Pereira fálalle a unha impresionada rapaza en cuxa alcoba entrou subitamente a lenda, aínda que sexa por medio interposto. A Adela parécelle recibir un legado, o do galeguismo cuxos militantes sempre se trataron por “irmáns”; había ser o 1964, igual 65. Polo 71, os alumnos do PREU de Letras encontran certa mañá, ás nove, os primeiros panfletos da Unión do Pobo Galego. Entrégaos na dirección o delegado, logo de cada un gardar o seu; mal pode el saber, xaora, canto semellante espallará nun futuro escasamente demorado.

Como rolan as cousas, que fluencia. De fondo, un cantante afirma que a vida segue igual.

21 dic 2007







Primeiras postais de nadal (2)

O San Rosendo de Arturo Baltar, unha marabilla (enviada por Fco. Gzez).

A foto de Vázquez Pintor, creo que do seu propio xardín, fermosísima.

A niñada de ourizos cachos (son dúas fotos en realidade), tamén de natureza, é de Rosa Aneiros.

A postal do BNG, que envía Fco. Jorquera, senador e coordenador da Executiva Nacional, quizais sexa un pouco convencional, pero tamén efectiva como deseño de impacto directo e claro (perdón, don Vicente: polo de "impacto"...).