14 may 2008

Fío Musical (11)
(Vía Marga Alfonso)


Makelele segue en prisión por ser un "perigo" para os cidadáns (ECG 13 maio. Foto ECG)
Cantos "gilis" como este seguen soltos polas nosas rúas, nas estradas e mesmo nas cidades. Que facer para controlalos con xeito antes de que causen máis desgrazas?

Manuel María.

Pan por Pan martes 13 maio


Segue adiante, cun nivel indiscutible, o ciclo que sobre os grandes poetas da posguerra se desenvolve no Liceo nestas semanas. O luns falou do poeta chairego Manuel María o tamén poeta, editor da súa Poesía Galega Completa e amigo do anterior, Miguel Anxo Fernán-Vello. O máis interesante da súa visión do autor de a “Terra Cha” foi o subliñar a fortísima identidade entre vida e poesía que marcou toda andaina daquel barbas xeneroso, da casa de Hortas.
Era un ser transparente, dixo del un día Carlos Casares, e con iso queda ben clara a extrema coherencia do chairego que nunca refugou dos seus principios nacionalistas e populares. Autor ben prolífico, con 47 libros de poesía editados, a obra de Manuel María será revalorizada no futuro, de seguro, cando queden moi lonxe as circunstancias histórico-políticas nas que naceron os seus versos.

13 may 2008


Poetas da posguerra. VI Ciclo Visións de Galicia.
O ciclo do Liceo sobre Poetas da Posguerra está a ser un éxito non seus contidos, cun nivel indiscutible nas ponencias (cando menos ata o luns próximo, ha, ha...). A asistencia podía ser maior (as tres primeiras charlas, unha media de 35 persoas), pero, qué lle imos facer?
Nesta foto de Trebolle, onte luns Teresa Devesa, compañeira na Sección de Literatura, sempre eficiente, creativa, imaxinativa, presentando a Miguel Anxo Fernán-Vello, que falou de Manuel María (daremos conta detallada desta charla).

(Pola miña banda, onte foi xornada densa. Antes do acto do Liceo, tiven unha charla, das habituais nestas datas todos os anos, sobre Xosé María Álvarez Blázquez, no colexio Santa Teresa-Carmelitas. Creo que non disgustou ás mozas/os asistentes (había máis mozos), iso me contou algunha alumna que ten amigas alí...).


en poleiro alleo

* Eduardo Galeano, a voz ética dos invisibles. O escritor uruguaio reivindicou a óptica dos excluídos polo sistema capitalista neoliberal na resentación en Santiago do seu libro 'Espejos, una historia casi universal' (M. Dopico, GH. 13.5.08. Foto Patricia Santos).

* Camiño no vao. Globalización e caramelos, Afonso Vázquez Monxardín, GH. 13.5.08

A mirada retida (nova sección)
O domingo pasado, 11 maio, iniciei unha nova sección en La Región co título A MIRADA RETIDA. Deixo aquí a primeira entrega.

OS MIXTOS.
Chamábanlles os mixtos. Aqueles autobuses que levaban na súa parte superior pasaxeiros, sacos de patacas e ás veces ata animais. Xogándose o equilibrio e o tipo, mesmo o home de gravata que vai en primeiro plano. Cando chegaban xunto unha ponte un pouco baixa, había que baixar todos e todas as maletas para poder pasar. E outras veces había que empuxar cando a estrada facía costa. Este autobús tan estartelado, da empresa Los Americanos, para nunha praza de Allariz: a súa vocación vai ben inscrita no seu frontal: “Ferias y Mercados”. Son imaxes que hoxe nos remiten a outros imaxinarios colectivos habituais nos xornais e na TV: aquelas do Terceiro e do Cuarto Mundo, mesmo dos refuxiados que foxen do horror das guerras. Pero son tamén a nosa memoria máis inmediata: hai 50 anos, só un par de xeracións vitais, eran habituais na nosa paisaxe. E hoxe que se nos enche a boca a falar de novas tecnoloxías e I+D e todas esas cousas, quizais sexa oportuno mirar, e tamén pensar, as fotos que gardan os avós no faiado. Ese é precisamente o obxectivo desta nova sección.

Novoneyra.
ANDOLIÑA mércores 14 maio
Sobre a obra de Novoneyra falou no Liceo ourensán Luís González Tosar, no VI Ciclo Visións de Galicia, que revisa este ano a obra dos grandes poetas da posguerra. Ademais de contar algunha anécdota persoal do seu trato co poeta do Courel, deseñou con xeito os elementos que definen a poesía do autor de “Os eidos”: a forza telúrica da súa palabra, a riqueza reflexiva dun xeito de ver e entender o mundo, a súa vontade social e de denuncia en textos como o pranto polo Che, o poema a Amador e Daniel ou a “Letanía de Galicia”.
Case ó remate da súa intervención, o ponente dixo que hoxe non pode haber poetas desa caste. Poetas, engado eu, capaces de resumir todo o seu cosmos vital en dous versos: “Todo o que pasou a meu pobo pasoume a min./ Todo o que pasou o home pasoume a min”. No coloquio alguén reclamou máis precisión ó respecto da contundente afirmación do conferenciante. Este sostivo que as claves da poética de Novoneyra xa non están entre os novos poetas de hoxe. Como lle sucedeu no seu tempo a Pondal, a Galicia que sentiu o do Courel tampouco existe xa. Pero iso nada lle resta á elegancia do seu verso: “Non podo evitar o reproche./ Amo e por eso esixo a beleza”.
P. S. Publicado este artigo hoxe, tiven esta tarde unha chamada telefónica e unha longa conversa coa viúva de Novoneyra, a quen ata agora non tiña a honra de coñecer pero que seica me le a diario no GH. Pareceume unha muller encantadora e chea de paixón pola memoria e o significado de Novoneyra, que comparte co que foi o seu home unha mesma fe pétrea no poder da lingua e na forza evocadora dos versos que nacen da autenticidade. Convencida tamén de que é necesario que un poeta non sexa portavoz dunha soia voz, senón de todas as voces: ata tal punto chega a identificación Pobo-Galicia-Novoneyra que, ben se ve, segue tan viva como sempre.

12 may 2008

























Da xornada de Celanova (fototeca)
A imaxe do grupo que escoita atentamente a Méndez Ferrín mándama Xoán Fonseca: de esquerda á dereita, Xesús Rábade Paredes, Xoán Fonseca, M.V. , Ramón Villares e Andrés Mazaira. As dúas imaxes das estatuas son de Trebolle e das que falou tamén Ferrín: o Curros de mirar revirado (aquí parece que segue cos ollos o voar dunha pomba) e o Celso Emilio de Acisclo Manzano, case na entrada do mosteiro. O resto das fotografías son de Xulio Outumuro (clicar nas fotos para ampliar).



FÍO MUSICAL (10)

O muxicu[1] das miñas músicas, por Arume dos Piñeiros

Nacín nunha casa onde a radio estaba sempre encesa. Os programas de dedicatorias (Machín, Molina, Piquer) compartiron o ar coa voz da miña nai que cantaba asturianaes (“pinchéme con una espina”), boleros (“no marques las horas”), tangos (“con la frente marchita”) ou coplas (“apoyado en el quicio de la mancebía”). Aquela escola ininterrumpida ofrecía a súa apoteose anual na da miña aboa en aninovo con toda a familia. Tras a cea, as cantigas saían en popurrí sen folgos, sempre cun sorriso digno de Gene Kelly en Cantando baixo a chuvia (a miña película predilecta), cheo de ledicia e entusiasmo. O repertorio popular asturiano completo e o inevitable tributo á moda radiofónica (“húmedas paredes”, “en el río aquel tú y yo y el amor”) non impedían coroar a noite con habaneras (“como azabache negro nací y fue mi suerte tan favorita que esclavo tuyo me convertí” ou “Paloma mensajera, cruzas el mar, dile que no me olvide”), rancheras (“una noche que tronaba y hasta mi suegra temblaba eso sí que tuvo guasa, empezó a soplar el viento, se llevó el ayuntamiento y el tejado de mi casa”) ou sons caribes (“abusadora, abusadora”). A música chamada de cantautor hispanoamericano (Yupanqui, Viglietti, Violeta Parra) alternaba coas cancións dun invencible Víctor Manuel que soaba coa súa discografía ao completo, coa repetición de “por san cosme y san damián nun vayas neña temprano, nun pises el maizal” como mantra místico.
En casa, ás veces, co primeiro tocadiscos (fundador mediante), escoitabamos, sobre todo nas matinées que preparaba o meu pai os domingos, bandas sonoras de películas (Love story, Raindrops keep fallin’ on my head) interpretadas polos inefables Paul Muriat ou Frank Pourcel. Jimmy Fontana era o rei do picú paterno e Il mondo soaba en alto para anunciarnos sempre a súa felicidade. Modugno, Celentano, Carosone e tutti quanti alimentaron desde entón e supoño que para sempre a miña completa educación sentimental.
A música clásica era territorio descoñecido. Aínda hoxe frecuenta pouco a miña casa (detesto os concertos e aínda máis o ambiente alí concentrado). Entre outras cousas, porque a miña afección adolescente ao futbolín debaixo da casa, propiedade dun famoso vocalista ponferradino (sic), puxo nas miñas orellas a Procul Harum, CCR, CSNY ou Chicago, aparte dos archicoñecidos Beatles (“amarillo, el submarino es”) ou os propios Rolling que xurdían daquel jukebox que encendía a mesa de billar a tres bandas. Eses discos que soaban a todas horas e os que tiñan estrados os meus curmáns maiores (Wilson Pickett, Blood, Sweat and Tears, James Brown ou Aretha Franklin) nos seus cuartos desordeados, de insólita tendencia soul agora que o penso, construiron a miña devoción musical, alonxada dos gustos clásicos. Despois aprendín a rabuñar cordas de guitarra máis que nada para acompañar (e o que fixera falta) algunhas cancións de amor e combate. Cantei algunha vez en público (Amancio Prada, Batallán, Simon & Garfunkel) e mesmo obtiven un premio de canción orixinal naqueles concursos composteláns de san francisco con Antón Lopo (sí, o mesmo) de voz arrebatadora.
Pero a miña maior contribución á historia da música foi acompañar o acordeón dun meu amigo no seu intento (victorioso) de conquistar a unha pelirroxa perigosa. Nese momento sentín o que eu sempre quixen ser: un cantante de mariachis, apostado no balcón dunha dama, co peito repleto de enerxía e o corazón disposto a estoupar con verbas de paixón e delirio.
Escribo esto para as uvas na solaina, a 11 de maio. Soan
Entre dos aguas, Old friends e Mansard Roof dos Vampire weekend.
[1] O carozo da mazán en asturiano.

Fama, de Bieito Iglesias (ECG. sábado 10.5.08)

Esoutro día fun botar a quiniela a un dispensario da sorte da Porta Faxeira e tiven que agardar na bicha a que acabase de selar non sei cantos boletos unha muller tan morocha como faladoriña. Vista por tras, en vaqueiros e camisola, parecía paticorta (leve arco de abeacas nas extremidades inferiores) e atlética. Cando virou, ensinoume un cadro de Romero de Torres: un rostro moldurado por manela escura e unha boca apertada que denotaba certa amarga e mundana experiencia. Viña sendo Lolita Flores e non puden menos que agradecerlle a Gayoso e ao seu Luar a beizón de traer a esta negra provincia tales luminarias da cultura e arte españolas.
Na miña infancia en Ourense -antes da chuvia de estrelas propiciada polo Festival do Miño- semellaba impensable que nos visitasen as marabillosas criaturas expostas no fanal do televisor. Que Raphael se deixase caír pola cidade das Burgas era un bo milagre equivalente a tropezar na rúa do Paseo co Virxiniano. Nin sequera Julio Iglesias, cun pai nado no Souto de Vilarrubín, asomaba por alí despois de triunfar en Benidorm (antes de ser coñecido acudía ás festas do San Xinés). Había que contentarse con astros de segunda grandeza, da categoría do Paquito Jerez, que cantaban ás veces baixo un toldo circense no Couto ou nos Remedios. Tampouco sufrimos tanto coa ausencia de cantores famosos, gobernabámonos perfectamente coas versións de Los Sírex que facían os roqueiros locais (os fillos dun panadeiro da Ponte), cos pallasos asturianos (irmáns Tonetti) e cos ciganos húngaros que traían títeres á esplanada que había onda o bar Rapela.
Cando Encarnita Polo, antano faro do flamengo-pop, acabou actuando en furanchos dos arredores de Compostela, soubemos que o star-system sufría un big crush, unha implosión como a que algún día comprimirá o Universo pulsante. Un duro golpe para os deuses olímpicos que criamos a salvo da condición mortal, moradores dun ceo decorado como set de programas que se titulaban Galas del Sábado ou Pasaporte a Dublín.

11 may 2008


A ACADEMIA EN CELANOVA.
Dereito a ser rebeldes. Pasaron 57 anos desde a última xuntanza da Real Academia Galega en Celanova. Daquela, 1951, o motivo era o centenario do nacemento de Curros e a inauguración do busto de Asorey. O pobo de Celanova encheu as rúas, testemuñan as fotos. Naquela sesión entraron na RAG Xoaquín Lourenzo e Xesús Ferro Couselo. O pasado sábado, co concurso da Fundación Curros Enríquez, a Academia quixo renovar ese compromiso coa vila de Curros e Celso Emilio, nos cen anos da morte do primeiro. E aló se desprazaron case todos os académicos nun denso programa cheo de contidos e emoción. Só hai agora espazo para subliñar algúns trazos. Como o magnífico discurso de Méndez Ferrín diante do busto de Curros, que empezou lembrando a data de 1951: daquela o neno de trece anos Xosé Luís viu aquel suceso dende a súa bicicleta, camiño de Vilanova. Agora, Ferrín invocaba toda a potencia do verso currosiano e a forza estética da efixie do poeta que mira como revirado cara o mosteiro: agora, así son as cousas, en realidade mira a inmensa cabeza do seu discípulo Celso Emilio, esculpida en pedra alí preto por Acisclo.
Tamén estivo brillante Xosé R. Barreiro Fernández nas súas dúas intervencións da xornada: apelou ó poder das vilas na defensa da galeguidade do país, por riba das cidades cada vez máis castelanizadas, e, pola tarde e na Casa dos Poetas, invocou o dereito a ser rebeldes e mesmo a necesidade desa rebeldía no ronsel do exemplo ético do poeta republicano e progresista: “non se pode comprender a Curros sen afrontar a súa ideoloxía”, dixo o presidente da Academia. Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, centrouse na identificación co pobo de Curros, o poeta coroado en 1904 entre o aplauso e a aclamación dos coruñeses e do mundo intelectual galego, como demostra a exposición que se inaugurou tamén o sábado na propia Casa dos Poetas. María do Ceo. A música foi fundamental en toda a xornada: Celanova é vila literaria e musical. Sonou a Marcha do Antigo Reino de Galicia e tamén a Marcha procesional de Tui, interpretadas pola Banda de Celanova, unha das máis antigas de Galicia (fundada antes de nacer Curros). A Coral Solpor tamén participou con varias das pezas máis recoñecidas do poeta. E María do Ceo, con ese aquel de acenos musicais portugueses, encheu de emoción o Mosteiro cantando, acompañada de músicos lisboetas e de Aveiro, os poemas “Ai!”, “Unha estrela me namora” e “A Rosalía”, os tres do creador de “Aires da miña terra”, ademais de “Terra de proseguir e non dar nada”, de Méndez Ferrín, un auténtico himno e epopea da nosa identidade telúrica e colectiva. Ten moito mérito cantar tan ben como o fai María do Ceo e soster, sen grandes apoios exteriores, unha sólida carreira profesional que xa está a dar os seus mellores froitos.


















Fío musical (9): Concha Buika.
Entrevista á cantante mallorquina Concha Buika: “Antes cantábaselle á verdade e para redimirse”.
Coplas de desamor desde o estómago e non desde o corazón. Concha Buika regresa con ‘Niña de fuego’ logo do éxito de ‘Mi niña Lola’. A súa propia vida inspira os seus cantos en prol de amor. “Cando unha nena da Coruña chora e se sente mal, canta o mesmo que unha de Singapur”. Hippysmo que recupera o folclore. Unha voz que segue a emocionar (DANIEL DOMÍNGUEZ en Galicia Hoxe, 11.5.08).

Canta cousas como estas:
en poleiro alleo

* A educación física e o moucho bus, Afonso Vázquez-Monxardín (LR. 10.5.08)

* De ´mafioso´ a futuro presidente da Xunta. Tras criticar a Quintana polas galescolas, alcaldes do PP piden perdón e ensálzano (Faro Vigo 11.5.08).

Curros Enríquez por sempre. Políticos e intelectuais rendiron unha cálida homenaxe ó poeta en Celanova no centenario da súa morte
(Imaxe: Miriam Gilbertsson, tataraneta de Curros, na homenaxe diante do busto de Asorey, foto da web de La Región).
* Barreiro proclama que el pensamiento de Curros Enríquez ´está vivo y muy vigente´ (V. Rodríguez en Faro de Ourense).
* Ferrín reivindica a construción nacional na homenaxe a Curros (Cristina Huete en El País).
Nota: mañá publicarei aquí unha ampla crónica da xornada en Celanova, do contido dos discursos e das actuacións musicais de María do Ceo, Banda Municipal de Celanova e Coral Solpor. Como adianto, vai agora xa a "crónica social":
Estiveron presentes os académicos, ademais dos xa citados (Barreiro Fernández, Méndez Ferrín), Ramón Villares, Olga Gallego, Darío Xohán Cabana, Antón Santamarina, Salvador García-Bodaño, Xosé L. Axeitos, Luz Pozo Garza, Manuel González, Rosario Álvarez, Xesús Ferro Ruibal, Euloxio Ruibal, Ramón Lorenzo, Río Barxa e Francisco Fernández Rey, ademais dos correspondentes Xosé Mª Lema e este cronista.
Outros escritores presentes foron Luis González Tosar, Xesús Rábade Paredes e Helena Villar. E tamén andaban por alí os artistas Acisclo e Virxilio (este coa súa filla), Xoán Foseca, Segismundo Bobillo, o deseñador Pepe Barro, o editor Francisco Rodríguez, o realizador da TVG Carlos Menéndez, Francisco Fariña, Bieito Ledo, Xulio Outumuro, Andrés Mazaira, Javier Casares, Xosé M. Cid, Xaquín Vales, Fernando Román, etc. E, por suposto, Antonio Piñeiro argallando todo con xeito.

Cen anos de historia cultural. 2001: Congreso de Curros e mais Eladio Rodríguez
Na foto, de esquerda á dereita, X.R. Barreiro Fernández, X. Chao Rego e Pilar García Negro.
Os temas de ensaio e investigación tiveron presenza abonda nas librarías no ano 2001. No campo máis literario, velaí estudos como Nación, literatura, identidade (Xerais), de Antón Figueroa; Arredor de Castelao, de Pilar García Negro (ANT); A creación literaria en castelán de Ánxel Fole (Deputación Lugo), de Luis M. Pedre Díaz, e Papeis de literatura (Xerais), do crítico literario Ramón Nicolás. O profesor brasileiro Cleudene de Oliveira publicaba en Ediciós do Castro Xosé Neira Vilas e Rachel de Queiroz, fabuladores artífices. Sobre as rúbricas explicativas dos cancioneiros medievais, publicaba Xoán C. Lagares o estudo E por esto fez este cantar (Laiovento). Entre a narrativa e a filosofía movíase Roxe de sebes (Noitarenga), outra moi singular entrega de Ignacio Castro.
No terreo da Historia sitúanse títulos como Castelao e os galeguistas do interior (Galaxia), de Xavier Castro; Pioneiros na corrente do Golfo. A primeira emigración galega a México, 1857.1936 (Xerais), de Elixio Villaverde; Pensa-a Historia (Ir Indo), de J. C. Bermejo Barrera; O galeguismo na provincia de Pontevedra, 1930-1936 (Castro), de Carlos A. Antuña; Daniel, o noso, e A nacencia do socialismo en Galicia (Galaxia), os dous títulos de Borobó; e A derradeira lección dos mestres,de Sabela Rivas Barrós.A Universidade de Santiago esculcaba no seu pasado co volume de Xosé R. Barreiro Fernández, Historia da Universidade de Santiago.I. Das orixes ó século XIX, ademais doutros dous tomos sobre o seu patrimonio histórico coordinados pola profesora María Dolores Vila Jato.
No pensamento político, novidades de X.M. Beiras (O Estado da nación) e Camilo Nogueira (A memoria da nación); o volume Globalización e cambio de milenio (Xerais), das Xornadas de Filosofía da Aula Castelao, e a tradución de Os nacionalismos perigosos (Laiovento), de Josep Huguet e Joan M. Serra.

10 may 2008


XORNALISMO GALEGO
A Nosa Terra 1 maio 2008. Imaxe: Valentín Paz Andrade.

Hai catro meses saían á rúa dous volumes publicados pola Editorial Galaxia e o Consello da Cultura Galega titulados “Xornalismo con Opinión”: un tomo enteiro dedicado a estudos sobre 20 autores e outro cunha escolma de textos dos mesmos xornalistas e escritores. Víctor Freixanes e Xosé López asinan unha introdución na que reflexionan, dende o presente, no significado do xornalismo de opinión (xénero hexemónico na prensa decimonónica tan ideoloxizada) e na escasa atención que lle teñen dedicado ata agora os estudosos da comunicación. Con eles colaborou Rosa Aneiros coordinando o traballo dos vinte autores estudados. Entre eles hai nomes moi pouco coñecidos fóra do ámbito dos especialistas, como Sofía Casanova, Lustres Rivas, María Luz Morales ou o mesmo “Ben-Cho-Shey” na súa faceta de xornalista e pioneiro como correspondente de guerra. Outros nomes quizais sexan máis recoñecidos como políticos ou líderes que como xornalistas (velaí o agrarista e republicano Basilio Álvarez). Só algúns deles practicaron con frecuencia o periodismo en galego, sobre todo da banda galeguista: Antón Vilar Ponte, Víctor Casas, Luís Seoane, Ánxel Fole, etc. Pero en conxunto os dous volumes son un tesouro para calquera persoa que se queira achegar á historia do xornalismo galego e, tamén, á historia do xornalismo en galego.
Porque o realmente sorprendente é que, a 30 anos da inauguración desta nova etapa democrática, a memoria do noso xornalismo siga a ser tan precaria. Hai bos traballos de investigación, mesmo sobre algúns xornais (como o “Galicia” de Vigo, de Paz Andrade), pero estes non chegan sempre ó gran público. E a maioría dos galegos e galegas descoñecen case todo sobre o noso pasado nos xornais: cantos ourensáns saberán que foi na cidade auriense onde o vello Lamas Carvajal puxo a peza fundacional do xornalismo en galego con “O Tío Marcos d´a Portela”? Se non estou errado, nin sequera nos estudos da nosa propia Facultade de Xornalismo, en Compostela, existe unha materia específica sobre esta historia interna dos nosos xornais e dos nosos xornalistas, tan mal coñecida. Quizais se poida argumentar que o xornalismo de hoxe pode avanzar sen coñecer a súa propia tradición, porque o futuro só depende das novas tecnoloxías. Pero eu non son desa opinión.
FÍO MUSICAL (8), por Xoán da Coba.

Un exercicio que fago ás veces é lembrar canciós que falan dun tema determinado calquera (o amor, non ,eh!). Por exemplo, a chuva, que estáchovendo "de carallo" en Ourense. Ou a noite, que xa é de noite. Colguen canciós que falen da noite. Así, de memoria:
-La última noche que pasé contigo (velaí a versión de Los Panchos).
-Beautiful night for love.
-Negra noche (Sabina): vai unha de Pedro Infante, non encontrei a de Sabina (M.V.).
-La noche de mi mal.
Engadan as que poidan, e cólguennas. E as da chuva, tamén.



FÍO MUSICAL (7)
Era difícil gorentar a arte de vangarda... (Xosé M. González)
...aos vinte e tres anos. Pintura abstracta, diciamos, e talvez se esperaba algún cromatismo amable para recompensar o intento de comprender. Non se comprendía, quizá o artista nunca tal quixera, pero a obra era para a consciencia ou iso quizá tentaran inculcarnos. Quizá non todos.

Que a arte fose puro xogo, por ende, si que era concibible, mais hábito afastado por urxencias militantes. E veu quen nos dixo que pólvora non quita magnolia, pero aquela palabra difícil non foi moi percibida. Tivo que ser a música, semántica inmediata ou adobío do pinchacarneiro verbal. E foi el,
que tamén militaba, naquel disco do cão Gastão, Nefretite, paz, poeta e pombas. Pillou volume a palabra, asubiou roda da vida.

Seguramente é proba cordial que uns pais de alumnos, logo de morrer,
canten o que ti cantaches. Ou que outros sigan chamando polo amigo.

‘Canle segredo’
Andoliña 9 maio

Poeta de múltiples rexistros
e de voces ben plurais, Xosé María Álvarez Blázquez ten en Canle segredo unha das súas obras de maior calidade e pulsión poética. O volume gañou un premio do Centro Galego de Buenos Aires en 1954, pero non viu forma de libro ata 1976: a súa posible pegada en autores dos 50 e 60 quedou así diluída e adiada.O amor é un dos centros da poesía de XMAB, o recollemento interior, o intimismo e o ton confesional. Pero tamén é certo que hai en Canle segredo versos máis obxectivos ou de denuncia social. Son versos que dialogan cos acenos líricos do Celso Emilio de O soño sulagado e Longa noite de pedra, como sostén Darío Xohán Cabana.
Ise neno da rúa’ volve ó mundo dos nenos e á denuncia das inxustizas dun mundo indiferente coa pobreza: podería ser o mesmo neno que trema de fame e frío no pórtico húmido dunha igrexa en versos inmortais de Rosalía. Elexía a unha muller do campo semella unha anticipación do verso épico da Seraogna de Pexegueiro. Os importantes comparte con Celso Emilio o alento de sátira contra os poderosos. E Soedá sorprende como poema escrito nos anos 50: de certo, retrata con detalle o abandono do mundo rural do noso presente.

9 may 2008




Hoxe pasei por Bar Cobas no Polígono e fixen as fotos do cadro de Miguel Carballo.
Comentada no Blog po XDC. A Sra, di o do Bar e a Nai do personaxe. Saúdos, Trebolle.