30 jun 2008


A mirada retida: un vello magosto (La Región 29.6.08)
O texto vai desta vez en Comentarios, porque xa falamos aquí desta foto hai seis meses. A foto, cedida por Antonio Piñeiro, pertence ó arquivo fotográfico de Anxo Martínez, que está ó resgardo do Concello de Celanova.

28 de junio de 1983- El abogado orensano Nemesio Barxa presenta una querella contra el párroco de Santo Domingo, el sacerdote Emilio Lorenzo, al que acusa de manifestaciones "injuriosas y difamatorias" realizadas en el curso de un funeral por el padre del letrado.
28.6.1958. La revista "Vida Gallega" dedica su último número a la provincia de Orense, con colaboraciones de, entre otros, Matilde Lloria, José Ramón Fernández Oxea, Felipe Fernández Armesto ("Augusto Assía"), Ramón Otero Pedrayo, Jesús Ferro Couselo, Isidoro Guede o Antonio Fraguas, y fotos de Inocencio Schmidt, Villar, Pacheco, Marcelino Rodríguez Freijido y Carmen Vázquez. // La revista "Vida Gallega" que en 1958 dedicaba su número de junio a Orense sigue suponiendo un tesoro de información sobre Galicia y los gallegos, tanto en textos como en publicidad, vida social, literatura y fotografías en un tiempo en el que estas últimas no abundaban en la publicaciones gallegas. Fue fundada y dirigida por su propietario, un singular personaje olvidado y apenas estudiado en una Universidad gallega que dispone de Facultad dedicada al periodismo. El número dedicado a Orense con motivo de las fiestas de la ciudad de 1958 lleva portada dibujada por Prego de Oliver y artículos de Manuel María, Matilde Lloria, Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo, José Luis López Cid, Ferro Couselo.Especialmente hermoso es el firmado por Augusto Assía recordando el Orense de su niñez. Por supuesto no faltan los "saluda" del alcalde Domingo Saavedra y el presidente de la Diputación, Rodríguez de Dios.Magníficas las fotografías firmadas por Rodríguez Freijido y Schmidt de las Heras, ambos coruñeses. (Da sección "Historia en 4 tiempos", La Región, por Maribel Outeiriño)
Republicanos galegos, de M.V. (La Región 30.6.08)

República. Publicado polo Ateneo Republicano de Galicia, chégame o libro ‘República e republicanos en Galicia’, da man do seu coordinador, o historiador Emilio Grandío. Este libro colectivo agrupa 11 traballos: algúns enchen baleiros historiográficos; outros son sínteses útiles de diferentes perspectivas. A primeira parte do volume segue unha orde cronolóxica e abrangue o estudo dos grupos e líderes republicanos en Galicia dende a época de Isabel II ata 1936. A segunda parte escolle a perspectiva temática e ocúpase das relacións co republicanismo do movemento obreiro, da escola, da prensa e das mulleres, cunha última entrega sobre o exilio republicano en México. Grandío esculca a andaina dos dous grandes grupos da Segunda República: a ORGA, de raíces galegas, e o Partido Radical, ámbolos dous con semellantes bases sociais (o PR con maior peso no mundo agrario). A ORGA, logo IR, abaneou cara a esquerda e rematou na Fronte Popular. O Partido Radical, acubillo de clientelas anteriores, na busca do centro, acabou nunha posición moi conservadora. O PR rematou desaparecendo meses antes da guerra. Dalgún xeito, os electores pensaron: de imitar á dereita, preferimos a dereita de sempre.
(o artigo completo)

















Trasalba, 28 xuño 2008. Homenaxe a Olga Gallego.
Xornada agradable, como sempre, en Trasalba. Nestas primeiras fotos que manda Trebolle: Ramón Villares, Lourenzo Fdez. Prieto, Craig Patterson, Vïctor Freixanes, Ánxela Bugallo, Benxamín Casal, Carlos García Mtez., Felipe Vilas, etc. A anécdota do día, no xantar no souto que está fronte á Casa Grande de Otero, un bar ambulante cunha bandeira de España e o texto, en galego: "Pedimos apoio á nosa selección". Creo que ninguén lles mandou quitala, logo dirán algúns que non somos tolerantes (deixo en Comentarios a "crónica de sociedade").
A crónica do acto oficial, por Cristina Huete (EP)

28 jun 2008

Quedaron sen colgar...

o pasado venres, estes dous artigos en El País, que me parecen magníficos. Un paseo breve, pero rigoroso, pola historia do pensamento galego ("Os chourizos de Heidegger"), da man de Antón Baamonde, e a habitual cita con Manuel Rivas, "O Che, a Virxe e o peixe que ri ", da súa serie dos Grouchos, que agora sae en libro publicada por Xerais.
entrada 2122 (en poleiro alleo)
Un día no fútbol, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 29-6.08)

Como isto do fútbol está de moda estes días, descubrireilles o segredo de que fun socio infantil do Club Deportivo Ourense -un regalo do meu tío Ramón- alá polos tempos da miña primeira comuñón. Era cando soaba Pataco como xogador todoterreo noso e o Ilicitano como bicha que nos apeara da copa ou da liga ou algo así, nun par de ocasións.Despois non volvín nunca a un estadio máis que a ver aos Rollings, que foi en Vigo co ‘Bridges to Babylon’, hai xa uns dez ou once anos. Minto. Fun unha vez. Non lembro con que motivo nin cando, pero debeu ser hai uns vinte anos ou así, que fun ao estadio do Couto. Xogaba o Ourense con outro equipo que era manifestamente mellor. O público, escaso, estaba irónico e pouco comprometido coa escuadra local. A min, que me aburre o de darlle patadas para aquí e para alá á condenada bóla que, como dicía Arsenio, é redonda e non se sabe nunca onde acabará, non me daba pasado o tempo, así que me dediquei a observar as reaccións do persoal. Era como berrar no metro ou gritar ‘eco’ desde os balcóns de Madrid, que non sei por que ten que levar ese nome o precioso miradoiro sobre o Cañón do Sil da parte de Parada e da Teixeira. A xente desfogábase e berráballe ao árbitro cousas espantosas, insultos inauditos para min, e creo que inéditos na historia da infamia, a pouco que se aproximase á banda. Tanto tiña quen estivese en posesión da pelota nin onde fose a xogada.
(artigo completo)

Home e máquina.
PAN POR PAN sábado 28 xuño (Imaxe de "Blade Runner")

A relación entre Home e máquina é unha pertinente metáfora do gran debate dos límites da ciencia: por iso foi tan útil na literatura, nas artes plásticas e no cine. En clave satírica xogou con esas claves o “Tempos Modernos” de Charles Chaplin: o traballo impersoal, repetitivo, anulador, etc. E coas 60 horas, ou máis, das últimas directivas europeas. En clave fantástica, Frankestein é o gran mito a este respecto, se ben ten egrexios precedentes, dende Prometeo ata Pinocho. A ciencia-ficción sachou a eito este territorio e deunos pezas magníficas, algunhas arredor do mundo dos robots ou mesmo dos replicantes. “Blade Runner” constituíuse en película de culto e mesmo mito romántico na miña xeración. E vimos máquinas que cobran vida: en “Christine”, un automóbil capaz de asasinar por vontade propia. Imaxe simpática dado o simbolismo deste elemento na nosa sociedade.

Caos informático.
PAN POR PAN venres 27 xuño (Imaxe de
Minority Report)
Falando de apocalípticos, que é o tema destes días tamén no meu blog, Xohán da Coba relembrou o nome de Alvin Tofler, un home que vendeu moitos libros, pero que non acertou demasiado nas súas predicións: aventurou que xa no ano 2000 os centros psiquiátricos estarían saturados de persoas incapaces de adaptarse ás novas tecnoloxías. E lembrarán o barullo que se montou co efecto 2000 nos ordenadores, que logo quedou en nada. É o medo ás máquinas e ó poder hipertecnocrático: como ese heroe perseguido en “Minority Reporet” que ten que operarse e cambiar os seus ollos, que son un código de barras de control policial. Na mesma liña van novelas de ciencia-ficción como “O home terminal”, de Michael Crichton: un home ó que lle converten o seu cerebro na terminal dun computador, o ser humano convertido en apéndice da máquina, un novo Frankestein.

26 jun 2008


Soylent Green.
PAN POR PAN xoves 26 xuño

O cine popularizou a xeira de distopías nacidas na literatura e no pensamento. En películas boas e malas, presentásenos un mundo futuro, apocalíptico, onde os que sobreviven á catátrofe loitan entre si polas moi escasas fontes de enerxía. En “Waterworld” imaxínase que só é posible xa sobrevivir na auga. Unha película xa antiga, “Soylent Green” (1973), protagonizada por Charlton Heston, tiña unha teoría bastante tétrica e escatolóxica sobre os alimentos do futuro. Lembro vivamente dúas escenas: nunha delas, un personaxe lembra con nostalxia cando aínda se podía comer carne e peixe frescos. Na outra, vese como se retira Edward G. Robinson para ir morrer no Fogar: déitase nunha cama e escoita música clásica mentres observa fermosas paisaxes que xa non existen. Quizais despois do apoxeo dos tanatorios, sexa este o gran negocio do futuro, vai ti saber.
en poleiro alleo
Dous artigos de "A Nosa Terra" quizais de interese para o debate

Damián Villalaín intervén na polémica "Galicia e Galiza"

e Belén Regueira opina sobre Eurovisión, Erasmus, euroescepticismo, Eurocopa, etc.

25 jun 2008

en poleiro alleo
Bocata de xamón ou fútbol, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 24.6.08)

Non é esnobismo, que podía, pero de fútbol non sei absolutamente nada. Nin sei se xogan once e o porteiro ou doce e o porteiro de cada lado. Si, claro, sei que xogou España con Italia antonte, porque non son impermeable, non vivo nunha barbulla, pero o certo é que non me interesa grande cousa. E non por discusións nacionalistas de escaso calado que nos foros da miña mocidade argumentaban a favor das derrotas de España nas competicións internacionais para non promocionar o ‘españolismo’ popular, ou a contraria, a favor da vitoria, para darlle unha alegría ‘aos obreiros’.Nunca tiven especial opinión sobre un tema tan afastado de min. Pero desexar derrotas apréciame feo. Por principio. Algo de deporte tamén tiña que entrar no tema, pero en fin.Por iso, o domingo, cando viña de Praia América de meterme un bo baño no Atlántico, parei a facerlle honores ao bocata de xamón da Cañiza, e botei unhas risas co tema xamón-fútbol. Non pola posible discusión entre os partidarios do bocata de Soutelo de Montes e os da Cañiza. Nin entre os da Cañiza da dereita -gasolineira- ou esquerda -Os do Resero-. Nin sequera pola reflexión fonda que nos sitúa aos ourensáns como compulsivos comedores de xamón que debemos facer unha parada polo medio nunha viaxe duns cincuenta minutos, igual que cando duraba a viaxe tres horas, para ‘repostar’.
(segue o artigo completo)

Apocalípticos.
pan por pan mércores 25 xuño (imaxe: H.G. Wells)

Os escritores sempre foron por diante. H.G. Wells foi o primeiro en describir unha guerra nuclear e en usar o termo “bomba atómica”: en 1914, con 31 anos de adianto sobre a realidade. Sorprende o éxito, dende sempre, das teorías da fin do mundo: o físico Herman Kahn calculou as consecuencias dunha conflagración nuclear entre Estados Unidos e a URSS: os americanos verían destruídas todas as súas cidades e terían 160 millóns de baixas. As teses apocalípticas pasaron logo das novelas e dos informes militares ó cine e á cultura de masas. Con moitas variantes. O choque da Terra cun gran asteroide letal. A propagación dunha epidemia ou peste mundial: Jack van Impe calculaba que no 2020 a infección por VIH acabaría co derradeiro supervivente da Humanidade. Como consecuencia fatal do cambio climático, etc. Oxalá nunca sexan máis que argumentos de películas.

24 jun 2008

Eurodeputados galegos e inmigrantes, de X.M. Sarille (ECG 24 xuño)
O goberno de Zapatero acaba de activar un novo mecanismo de simpatía, liderando nos foros internacionais a abolición da pena de morte. É gratis. Como gratis e resultón foi tamén no anterior mandato legalizar os matrimonios homosexuais e aprobar a lei contra a violencia de xénero. Estas iniciativas non impedían que ao mesmo tempo os constructores obtivesen beneficios sen límites, e que a banca gañase como nunca, sen a penas contribuír ás arcas públicas, polo menos en proporción ao diñeiro que obtiñan.
Dirán algúns de vostedes que mellor iso que nada, e que Felipe González resultaba aínda máis frustrante para as ansias progresistas. Seguramente teñan razón, pero namentres o PSOE contenta así á parroquia máis moderna, España aumenta a exportación de armas a todo tipo de países, inclusive aos menos recomendábeis, sen que a man esquerda, nunca mellor dito, queira saber o que fai a man dereita. Convén lembrar que as bombas e as metralladoras valen para matarse; fóra do patíbulo, iso si.

Non hai que magnificar o progresismo máis alá do caramelo abolicionista. A directiva de retorno dos inmigrantes foi aprobada o outro día polo Parlamento Europeo co apoio imprescindíbel do PSOE. Chámanlle a Directiva da vergoña, porque permite manter detidas ás persoas durante dezaoito meses sen culpa ningunha e sen intervención xudicial.
Europa creou con esta norma unha categoría inferior de seres humanos, mais iso non lle impedirá ao goberno español seguir vendendo progresismo a nivel mundial. Son cousas da xente guapa, máis preocupada polo peche dalgunha emisora no terceiro mundo e polo velo das mulleres que pola falta de trigo e arroz para os seus fillos.
Dezaseis eurodeputados socialistas españois apoiaron a regulamentación, entre eles Rosa Miguélez e Antolín Sánchez Presedo, os dous de Galiza. Conta a lenda que un vello país de emigrantes sempre se portará mellor cos que agora chegan, porque conserva a memoria da dor. Todo iso é puro verso, que din os arxentinos. Aquí o que hai é moito coidado para non contrariar aos xefes. Por certo, votaron en contra dous cataláns, a pesar de seren dunha etnia avara, como se sabe.

Prediccións.
Pan por Pan martes 24 xuño

Seica esoutro día, nunha tertulia, Carrillo falou dos horrores do século XX: dúas guerras mundiais, o nazismo, os totalitarismos, etc. Segundo me contan, mesmo se atreveu a entrar no campo dos futurólogos, pois anunciou o seu temor de que o século XXI no que vivimos sexa moito peor. Pode ser. Pero, no campo da política, facer de adiviño é un risco xigantesco: quen lembra, por exemplo, a Fukuyama e a súa tese sobre o fin da Historia?
Warren Wagar, historiador norteamericano, avanzou nun seu libro un holocausto nuclear para o 2044, que destruiría Norteamérica, Europa e o subcontinente indio, así como o 70 por cento da poboación do mundo. Oxalá se equivoque, claro: eu preferiría non velo. No canto XX da Divina Comedia, Dante mandou ós adiviños ó inferno: alí estarían co pescozo e cabeza retortos cara atrás, pola falsidade das súas visións. E Dante era un tipo moi listo.

23 jun 2008

en poleiro alleo
Galeguistas de Marx

Ferrín escribe hoxe no Faro dos últimos libros sobre Xohán Xesús González e sobre Benigno Álvarez.

CONVERSA NUN CAFÉ
La Región 23 xuño (M. Valcárcel)

Media España estaba pendente do que podía suceder en Valencia, no Congreso do PP, remate dun ciclo convulso na dereita española. Onte mesmo escoitamos esta conversa nun café auriense.
- Que che parece? Ó final parece que o Rajoy saíu vitorioso, elixido con oitenta e catro por cento dos compromisarios.
- Ben, en realidade os congresos gáñanse antes de inauguralos e Rajoy tíñao moi seguro cando ningún dos seus opoñentes foi quen de presentar un candidato alternativo. Outra cousa é que os resultados sexan para bater palmas: despois de todo o que pasou, é imposible restablecer a unidade ideal e xa viches como se despachou, mesmo con saña, Aznar contra o seu delfín. Hai “apoios responsables” que matan.
- Si, pero a lectura que fará todo o mundo, mira o que din xa todos os medios, é que Rajoy gañou a Aznar. E que ademais se liberou da vella garda, dos Aznar, Acebes, Zaplana, Elorriaga, Mayor Oreja, Vidal Quadras, e moitos máis.
- É unha posible lectura, pero todos eses que citas e outros, mesmo María San Gil, agora xa non teñen nada que perder e non creo que queden calados. Esperanza Aguirre non é moi silenciosa, non? E o congreso uniunos no desamparo e non se sabe como van reaccionar. Creo que a crise é xa irreversible, de verdade. Iso non ten arranxo.
- Pero hai caras novas, e femininas, mira esa moza e nova secretaria xeral, María Dolores de Cospedal, supoño que traerán novos modos de facer política. Personaxes como Jiménez Losantos ou Pedro J. Ramírez xa non terán moito que pintar nas axendas do Partido Popular.
- Véxote optimista, pero eu só vexo unha loita polo poder. Pura e dura. A renovación dos mandos co reclamo da viaxe cara o centro: tamén Aznar xogou a iso no seu día e ata pactou cos nacionalistas. E logo, xa ves. Porque no programa non hai cambios, non? Eu vexo que segue o de sempre: contra o matrimonio homosexual, contra a materia de Educación para a Cidadanía, etc. Mesmo o alcalde de Madrid, o vitorioso Gallardón, é un home de dereita pura, fóra as formas.
- Ben, haberá que darlle tempo ó tempo. Os cambios nunca poden ser radicais e menos nun partido de dereitas. Ó cabo todos os congresos fanse para ventilar as loitas de poder: despois os que gañan son os que deciden a andaina e evolución política do partido, día a día. Tamén ós “populares” galegos, que apostaron ó cabalo gañador, haberá que darlles tempo. Mira este xornal o que pon: “Acento gallego en Valencia”. Aquí di que os compromisarios galegos levaron varias emendas de corte galeguista e autonomista.
- Si, home si. Pois vaia autonomistas. Con Núñez Feijóo e Corina Porro pedindo a “Libertad Lingüística” e manifestándose ó carón dos que lle queren darlle a estocada letal ó galego. Que non estamos no século XIX. Que non hai galeguismo posible co desprezo do galego. Se se chaman rexionalistas, vale. Pero que non me veñan con máis contos.

22 jun 2008


a lavandeira coxa
Falamos aquí hai días dos cantos dalgúns paxariños. Tamén falaba Ferrín, o venres pasado, das lavandeiras...

Eu gosto da lanvadeira, así da esquiva e colorida dos ríos retirados, que non se civiliza nada, como da máis común que leva tamén en galego o nomes vulgares de pastoriña (Vilanova dos Infantes), pastoriza (con seseo, Morrazo) ou paxaro da neve (en castelán, aguzanieves). Seu nome científico é Motacilla alba, á que lle recoñecen unha subespecie máis escura que no é do caso agora. A lavandeira, patilonga, ten o bico finiño, e nela destaca o rabo que sempre move ao andar. Cando escapa de nós en pequenas voaduras a lavandeira desprega a cola. Chía moi pouco e non asociamos a súa voz con canto ningún. É un paxaro fino, xentil, cuxa observación relaxa o paseante. É unha presenza femenil á que non lle imaxinamos macho.En latín chamábanlle motacilla/-ae, de onde no século XVIII saiu o nome linneano. Pro este nome dispuña dunha variante, moticella, que os romanos, por etimoloxía popular, facían derivar do verbo moue, -es, moui, motum, mouere, que significa "mover". Lemos en Varrón, a respecto da lavandeira, isto: "semper mouet caudam". Quer decer que estamos a tratar dun paxaro caracterizado visualmente polo feito de que el "estás sempre a darlle ao rabo ou a mover a cola". Por iso mesmo o nome vulgar francés de lavandeira é o de hoche-queue: "a que move a cola de arriba a abaixo". O curioso é que os franceses tamén lle chaman bergeronnette que significa "pastora" en diminutivo, o cal ven ligar con outros nomes galegos da Motacilla alba que xa citamos: pastoriña e pastoriza.Rematando esta columna vou dar unha volta pola Avenida das Camelias por ver se a miña lavandeira coxa sobrevive na cidade.
Galicia vs. Galiza
Contundente o artigo de onte de Ferrín no Faro: velaí en PDF, "Denominación da Patria".

E un saúdo cordial para Luís González Tosar (Galicia, ovación, Ferrín) : agardemos que se repoña dos seus achaques dos últimos tempos.









Cen anos de historia cultural
Documentación e remate
(Remato hoxe a serie Cen Anos... cun total de 111 entregas. Dediquei o último artigo a sinalar a documentación utilizada e dar as grazas a persoas que colaboraron nela, incluídos algúns contertulios deste blog. Imaxes de Castelao, Luís Seoane e Laxeiro)

A serie Cen Anos de Historia Cultural comezou en xaneiro do ano 2006, ano en que se celebrou tamén o centenario do nacemento da Real Academia Galega, e remata hoxe.
Dende aquela ata hoxe publicáronse neste xornal un total de 111 entregas, todos os domingos (agás nos meses de agosto). En cada unha delas calculo que figuran unha media de 120 datos culturais, o que fai para toda a serie un conxunto total de arredor dos 1300 datos de carácter cultural para todo o período. Pretendíase rescatar dalgún xeito o xénero das Efemérides, neste caso culturais, que tanto éxito tivo entre finais do XIX e mediados do XX na obra de autores como Arturo Vázquez Núñez ou Alberto Vilanova, entre outros.
Queda só indicar algunhas das fontes documentais utilizadas e sinalar algúns agradecementos. Citarei en primeiro lugar a serie de Xosé Mª Monterroso Devesa para o período 1882-1982, titulada ‘Historia de cen anos’ e publicada en varios números conmemorativos do Centenario do xornal La Voz de Galicia ó longo de 1982.
A MIRADA RETIDA
O HOSPITAL MODELO.

No seu libro “Locura, medicina y sociedad: Ourense, 1875-1975” (Xunta, 2005) David Simón achega datos moi valiosos sobre a historia da sanidade na sociedade ourensá. Por exemplo, do antigo Hospital de San Roque, que estivo na Alameda (no mesmo lugar onde hoxe asenta Correos), ou do das Mercedes, cando a medicina non tiña cura para moitos males: xa saben o que facían cos tolos daquela. Pero a modernidade chegou tamén neste campo, en tempos da Ditadura de Primo de Rivera: velaí o chamado Hospital Modelo, construído a finais dos anos 20 segundo proxecto de Joaquín Rogi. Constaba de dez pavillóns modernos de cantería, en medio dun gran parque (a zona estivo despoboada ata finais dos 60). A Vicente Risco non lle debeu gustar, pois di que a obra segue o “mal gusto acostumbrado en las construcciones modernas”. Na súa contorna celebráronse banquetes de homenaxe a varios escritores galegos. Co tempo pasou de espazo para curar con medicamentos a albergar as esperanzas dos mozos do Campus universitario.