27 jul 2008


C´est la vie´(Fío Musical 30)

Antes de marchar de vacacións, o amigo Tacho deixounos, para todos/as, esta cantiga:
"Como dia a canción de Chuck Berry, e eiqui canta Emmylou “C´est la vie” . Unha grande aperta a todos e até a volta"
http://www.youtube.com/watch?v=ZGJHhFYI9ww&feature=related

congreso do psdeg-psoe
Touriño ve aos socialistas "parte central" de Galicia e proclama que "xuntos" gañarán ao PP
17.03h. Asegura que "pasarán" as dificultades da "crise económica", á que se referiu así porque "así é como o perciben os cidadáns" (Galicia Hoxe 27-7-08. Foto: R. Escuredo)
Gustoume especialmente isto:
O PSdeG acusa ao PPdeG de usar a língua para desprezar a Galicia.
Collendo unha achega de Arume máis abaixo, aquí queda noticia do congreso dos socialistas galegos: "que logo din que aquí só se pode dar caña ó BNG".
en poleiro alleo
Para Arume e para todos/as

Preguntaba Arume, nun fío que xa non encontro, polos meus problemas médicos, creo que citados de pasada un día destes. Ben, o tema é que levo case dous meses co brazo e man esquerda con pouca mobilidade e flexibilidade, coa man bastante agarrotada. Consultei xa unha chea de médicos e o que máis precisou (nun 95% apostou o seu diagnóstico: plexopatía) dixo que podía ser consecuencia ata dunha mala postura a durmir e que tiña para rato (falou dun ano). O martes fago unha nova proba en Santiago (electromiografía): mentres, levo días xa indo a rehabilitación e con medicación para o que parece, agardo, un problema nervio-muscular quizais serio, iso si. Con todo isto noto unha melloría moi lene e agardo que a cousa vaia mellorando. Xa veremos…

P.S.: eu estou case seguro que a cousa puido ter que ver cun medicamento que viña tomando contra o colesterol (Liplat). Pero non podo demostralo. Pero o abano de contraindicacións con problemas nervio-musculares do mesmo é inmenso. De feito, tamén tiña calambres nos pés durmindo e pasáronme dende que deixei de tomalo.
A MIRADA RETIDA (27-7-08). O FINAL DE BASILIO.

Recupero esta foto inédita, cedida polo amigo fisterrán Modesto Fraga. O terceiro pola dereita, coa paxarela, é Basilio Álvarez. A foto é de 1937, tomada en Buenos Aires, cando publica o libro “España en crisol”: na foto están tamén os galeguistas Rodolfo Prada e o fisterrán Castro Insúa. Antes de 1936, Basilio foino todo. Orador de raza e principal impulsor do movemento agrarista con Acción Gallega. Profesor de periodismo e xornalista en varios medios, fundador e propietario de “La Zarpa”, voz da República para os ourensáns. Avogado de prestixio en Madrid. Deputado e líder do Partido Radical. Vocal do Tribunal de Garantías Constitucionais. Recibe os máximos honores nesta cidade en 1928 e en 1935. En xullo de 1936, os franquistas quítanlle a placa da súa rúa, pechan e espolian o Centro Basilista, arrastran polo chan o retrato que lle fixera Lloréns e que presidía o Círculo, toman a imprenta de “La Zarpa” e editan o xornal, quince días, co xugo e as frechas. Exiliado en Arxentina, en 1938 está nunha cadeira de rodas, case mudo. Morre no Hospital do Centro Español de Tampa (Florida) en 1943. De seguro, abafado pola tristura.

O sexo.
Pan por pan sábado 26 xullo. Imaxe: Otto Mueller.

Na súa “Historia da vida cotiá en Galicia” fala tamén Xavier Castro das prácticas sexuais. Que podía empezar nos xogos infantís e onde os papeis estaban repartidos así: o mozo ía de caza e a moza tiña que resistirse, por medo a quedar preñada e que os pais a botasen de casa. Nas aldeas da montaña os mozos eran máis rudos e brutáns que nas da costa. Pouco disto pasou ás letras, porque os nosos clásicos eran pudorosos: esqueceu Castro o exemplo do poeta Pondal con algúns poemas machistas e misóxinos. Pero estes respondían ás ideas do pobo naquela altura. Velaí o relato dunha conquista por un labrego: “Eu ventaraa como un can. Sentín un lóstrego no sangue. Boteille a mao. E seguiu o conto”. Tamén podería ser un poema de Pondal esta copla da Limia, recollida nos anos 30:
Como te pille no campo,
como te pillei máis veces,
heiche de meter no corpo
erba para nove meses”.

25 jul 2008


Paga a pena lelo...

(23 xullo 2008)

Os costumes.
Pan por pan 25 xullo
Imaxe: Van Dongen.

Moito cambiaron os costumes e xeitos de vida, digamos nos últimos 90 anos. Por exemplo, Castelao vai a París en 1921, a estudar a arte europea e volve escandalizado ó ver como as “couples” se bicaban con descaro na rúa á luz do día. Lembra isto Xavier Castro na súa historia da vida cotiá en Galicia. Nesa época había por estes lares as profesión de “dama de compañía” e dela quedaron algúns restos literarios. Era o que vimos chamando unha “carabina” que acompañaba á moza noiva e casadeira para que o mozo non tivese ningunha ocasión de sobrepasarse. Nos anos da ditadura de Primo de Rivera unha muller anunciábase para esa función nun xornal e daquela cobraba dúas pesetas diarias polo desempeño. Adoitaba ser unha solteirona de familia ben vida a menos. Pasarían aínda anos, cunha guerra polo medio, para que a muller conquistase o seu dereito a saír soia á rúa.
P.S.: supoño que é obvio que me encantan os expresionistas alemáns. E mañá, no PAN, seguindo este fío, falaremos de sexo.

24 jul 2008



Roupa interior,
de Bieito Iglesias
(ECG 24-7-08.
Imaxe: Caetano Veloso)

Por aproveitar papel e atenuar a deforestación do mato amazónico, acostumo escribir a man no envés de folios mecanografados. Este artigo redáctoo nunha folla que, pola volta, ten impresas as notas dunha partitura e quizais sexa esa notación musical subxacente a que me impulse a pór en solfa o concerto dos Ten Tenors, ofrecido o sábado á noite no Obradoiro. Tamén inflúe o feito de que ceamos na terraza (dá ás Hortas e ata ela chega calquera ruído orquestrado no casco vello), abouxados por un potpurrí de temas dos Bee Gees, Abba e Beatles mesturados con arias de Verdi ou Bizet.
A falar verdade, apenas identifiquei as cantigas, se dou aquí a relación de grupos ou compositores parodiados é grazas ás crónicas xornalísticas do domingo, que informaron do repertorio e de que "o grupo fixo as delicias de popeiros e amigos non puristas do bel canto". Aseguran os cronistas que os dez tenores australianos enriqueceron a lista canora habitual cunha escolma de cantigas populares españolas (as notas de Granada rebotaron na catedral e susurraron nas pólas das árbores de detrás do pazo de Raxoi, ata penetrar nos meus oídos como eses insectos ortópteros chamados cadelas-de-frade, que segundo a superstición do pobo teñen a cisma de furgar nas orellas). Non se descarta que en vindeiras actuacións en Vigo, Pontevedra ou Coruña interpreten A Rianxeira.
The Ten Tenors seica son novos e bonitos, adornos que convidan ás féminas a guindar bragas ao palco, asimilando os seus concertos coas touradas de Jesulín de Ubrique. As fans compostelás abstivéronse así e todo de tales expansións, talvez porque o nordés que sopra estas noites desaconsella quedar co cu á recacha.
O luns tocoulle actuar a Caetano Veloso e o cantor quentou o ambiente cunha entrevista na que declarou: "A lingua (no seu caso a portuguesa) marca toda a cultura!" Proferidas na Galiza, esas palabras son case revolucionarias. Por que? Porque moitos galegos falamos case brasileiro.
Do noivado.
Pan por Pan xoves 24 xullo

No libro de Xavier Castro que citei onte hai unha descrición detallada dos xeitos e ritos do noivado na aldea e na cidade. Na aldea o “locus” profano eran a fonte, como nas cantigas medievais; o monte onde a moza ía de pastoreo ou os bailes e romarías. E os fiadeiros, por suposto: dende o século XVIII a Igrexa persegue, ata a excomuñón, ás mozas licenciosas que acudían ós fiadeiros. Se a moza acode, que vaia coa súa nai, din os cregos. Remataban moitas veces xogando todos ás apalpadelas, cando non con pelexas violentas entre os mozos por ciumes. Nas cidades había un control absoluto. Castro recolle un caso en Bilbao, a finais dos anos 30, en que un mozo é detido por darlle un bico á súa noiva nun xardín. Ou podían ser multados. Un poemiña de Edgar Neville fala así dun castigo de dous duros de multa: “Tus labios valían/ el Banco de España,/ y los dos duritos / poco me importaban”.

23 jul 2008

Presentación L. González Tosar

Onte, no Simeón: Estúrdiga Materia. O poeta axuntou un grupiño importante de amigos, contra as calores do xullo auriense. Había por alí algúns contertulios. Tamén estaban Víctor Campio, Eduardo Ananín, Mariluz Villar, Monxardín, Luís Menéndez, Xoán Fonseca, o Celso de Maceda, etc. etc.
Dos presentadores, moi emotivo o seu amigo o pintor Lamazares. Rigoroso, exacto, como sempre, Gonzalo Navaza. E Bieito Iglesias, ademais da análise literaria do poemario, todo un crack: Accatone de Pasolini, Amarcord, Buenos Aires, A Chabasqueira, a linguaxe e o non ruralismo (si visión dende dentro dunha comunidade campesiña) dos textos, John Berger, Faulkner, Cunqueiro e Blanco Amor, foron algúns dos esteos da súa intervención. Moi ben tamén o violinista armenio.

Abelardo Pérez Gabriel,
Ánimo e adiante...!!

Moitos o coñecerán pola TVG e o seu papel de cacique en Libro de Familia. O domingo o FARO daba a coñecer que está a enfrontarse co seu guión máis difícil.
Encontreime onte con el, en zona de médicos, e falamos un pouco. Pouco porque nunca sabes qué dicir nestes casos, ademais de darlle unha aperta. A situación é moi difícil, iso si puiden comprobalo.
Aproveito esta solaina, que é casa tamén de tantos ourensáns e galegos/as, para mandarlle unha nova aperta a Abelardo e unha mensaxe de ánimo, que lle fai falla, seguro.
Méndez Ferrín, profesor
Andoliña 23-7-08


Máis de 30 anos nas aulas: "un observatorio magnífico para ver a evolución de hábitos, modas, músicas, tendencias da mocidade, pero tamén para comprobar que hai cousas que non cambian coas xeracións. A rebeldía, o descubrimento do amor, os desánimos profundos e a forxa do carácter son eternos". Son palabras, no Faro de Vigo, onde escribe tres veces á semana, do noso egrexio escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, que nestes días entra nesa etapa de xubileu ou xubilación que o arredará das aulas do Instituto Santo Irene de Vigo.
O creador de ‘Estirpe’, nacido na ourensá rúa de Reza, na vella casa que se tirou para facer agora a sede da Academia Postal, cumprirá 70 anos o próximo 7 de agosto: é da quinta do 38. Polas súas aulas pasaron centos de mozos, entre eles moitos escritores e científicos de hoxe, de memoria lembro a Antón Reixa e a González Tosar. Como sería o Ferrín profesor? Falei con el algunha vez das súas ideas sobre o ensino, para min moi sensatas: en pro dun ensino humanístico, laico, contra a titulite excesiva, crítico cunha especialización esaxerada.
Sería bo que agora algúns dos seus alumnos nos falasen do Ferrín profesor. E que el mesmo escribise sobre ese seu maxisterio.

Casar.
Pan por Pan mércores 23 xullo. (Imaxe: Boucher)

Na nosa literatura popular hai abondas mostras críticas sobre a institución do matrimonio. Velaí algunhas recollidas por Xavier Castro, na “Historia da vida cotiá en Galicia”: “Casar, bo é de amañar, pero é malo de aturar”; “Casarse é cegarse, ou afogarse”; “Casaraste e arrepentiraste”; “O que se casa por todo pasa”; “Casar, casar, sona ben e sabe mal”. Neste semella que se presenta o matrimonio como castigo, quizais pensando na muller: “Casarás e acougarás, ou amansarás, ou deprenderás”. Tampouco é un fenómeno só galego: “Ya te casaste, ya te amolaste” é un dito da cultura en castelán. Noutros faise gabanza da solteiría: “Cásate e irás ben os tres meses primeiros, mais despois cobizarás a vida dos solteiros; “Casarás en mala hora, e comerás pan e cebola”. En fin, combato a calor con libros coma este, que transmiten estas xoias do saber popular. Vaia dedicado a tantas parellas que casan na canícula.

22 jul 2008


Ramón Piñeiro y la CIA, de A. Baamonde (El País 21--08)


Siempre se ha acusado a Ramón Piñeiro de haber sido agente de la CIA. Podría haberlo sido, como el filósofo Isaiah Berlin lo fue de los servicios secretos británico. Lo más probable, sin embargo, es que el ensayista gallego no haya pisado jamás las oficinas de Langley, la sede central de la agencia en el estado de Virginia, lo que tal vez debemos lamentar. Al fin y al cabo el PNV colaboró con la OSS -la Oficina de Servicios Estratégicos, antecesora de la compañía en los años de la Segunda Guerra Mundial- desplegando una gran actividad en América Latina y en todos aquellos lugares en que los nacionalistas vascos tenían presencia. El entonces Lendakari José Antonio Aguirre puso a miles de exiliados a trabajar con los norteamericanos. Cabe indicar que Vázquez Montalbán noveló en El caso Galíndez a uno de los miembros de esta red asesinado por Trujillo, el dictador dominicano. A Galíndez también está dedicada La fiesta del Chivo, la novela de Vargas Llosa.

"La acusación contra Piñeiro es una muestra más de la frivolidad del país"
Si Ramón Piñeiro y el Partido Galeguista hubiesen hecho lo mismo habrían estado en su perfecto derecho y, desde luego, no sería malo si a través de ello se obtuviese algún resultado tangible para la causa de Galicia. Lo que les habría guiado sería lo mismo que a los nacionalistas vascos: lograr más peso e influencia en la potencia que podía derrotar a Hitler y a Franco, o condicionar el momento de su desaparición de la escena. Ramón Piñeiro que colaboró con el PNV en aquellos años y que compartió estancia en la cárcel con Koldo Michelena muy bien podría haber compartido esta visión y nada se habría podido objetar a ello en aquellas circunstancias. Lo que hay que lamentar no es que Ramón Piñeiro fuese o no agente de la CÍA, sino que el galleguismo no tuviese valor alguno a los ojos de los estadounidenses. (...)


Polo mesmo prezo, dúas columniñas (ben simpáticas), de Monxardín

Os ollos das agullas (Galicia Hoxe 22-7-08)

Malditos cargadores (La Región, 22-7-08)

Así como nos promiscuos enchufes das paredes ou nos portos USB das computadoras entra calquera cousa periférica, non sei porque cos móbiles non podían facer algo semellante. Pero non. Teñen os seus buratos -cargador, auriculares...- reservados en rigorosa exclusividade, non xa para cada marca, senón para cada modelo. E cando se derrama un móbil desaparece de forma máis ou menos rápida pero o cargador escóndese no fondo do caixón de ferranchada tecnolóxica listo para a nosa confusión posterior. Cando o descubrimos non nos atrevemos a tiralo ao lixo por medo a desfacernos do equivocado e meternos nun lío. Estou seguro que se vostede agora revisa ese maldito caixón dos cables enzerrovellados atopará polo menos un par de cargadores que non ten nin idea de a que aparello serven. Algo así como a versión moderna das putas chaves de filiación descoñecida.

21 jul 2008

Fírgoas de historia e xornalismo
Curros en ‘El Correo de Celanova’ (I)

As Fírgoas desta semana (Galicia Hoxe; 20.07.2008)

Destruid esa “raya”, que separa como una muralla de odio, una familia de hermanos, convirtiéndola en extranjera, y sobre las ruinas de esa muralla tended el puente por el cual se comunique y enlace el corazón de Galicia al corazón de Portugal, restableciendo la obra de Dios, que destrozaron los reyes; y haciendo que uno y otro se completen por justaposición, viviendo en el porvenir como vivieron en el pasado, unidos por los lazos de la fraternidad y del amor, según conviene á pueblos de la misma raza y con la misma historia”.
´Guardiamarines´

Sobre o uso do castelán (e o Manifesto) escribe hoxe Ferrín no Faro.
Por certo, onte contaba o mesmo xornal que nestes días se xubila o noso egrexio escritor no Santa Irene: velaí algunhas das súas opinións sobre o ensino, en xeral moi sensatas (sinto non poñer a ligazón, pero buscar novas atrasadas na web do Faro é insufrible).
MANDELA, O PRESO 46. 664 (La Región, 21-7-08)
90 anos. Puxo o nome de Soweto no mapa e pasou 27 anos no cárcere: con ese número, o do preso 46.664. Hai anos estaba na lista dos máis perigosos terroristas, por loitar contra o racismo e pola democracia, e hoxe a súa antiga cela é cita turística de peregrinación laica. É o nome que encarna a loita contra o apartheid. Recibiu en 1993 o premio Nobel da Paz xunto con F.W. de Klerk, o último mandatario da Sudáfrica racista que tamén deu os pasos necesarios para poñer punto e final a décadas de segregación racial implantada xa polos colonizadores holandeses.
Pero Mandela é moito máis que iso. Querido polos seus concidadáns, que lle chaman Madiba, título honorario reservado ós maiores da tribo, Mandela non é só un líder antiracista e da negritude. É en realidade un líder mundial pola liberdade e a dignidade humanas, comparado con Gandhi e situado entre as grandes personalidades do século XX, ese tempo en que foi perseguido e encarcerado: foi posto en liberdade no ano 1990.
Un símbolo. Mandela é ademais un símbolo necesario para África. Tan necesario para un continente que só aparece nos noticiarios asociado ás catástrofes e novas negativas: guerras tribais, fames e epidemias, o xenocidio da SIDA, a extrema pobreza, etc. Todos os días temos novas de líderes africanos asociados ó horror das ditaduras militares: dende o estrafalario Idi Amin ata o presidente de Sudán, Al Bashir, agora condenado pola Corte Penal Internacional por crimes de guerra en Darfur, ou dirixentes corruptos e criminais como Robert Mugabe, aferrado ó poder coas armas e a mentira ós seus 84 anos en Zimbabue.
Mandela é a outra África, que tamén existe, a que aposta pola liberdade, a democracia e o desenvolvemento. A que sabe que África merece outra esperanza. Non é fortuíto que no seu discurso do 90 aniversario Mandela se centrase na cuestión da pobreza: “A pobreza aínda afoga a nosa xente. Se es pobre, non é probable que vivas moito tempo”. A fronteira económica é moito máis poderosa que as liñas que debuxamos nos mapas: basta ver as cifras do PIB per cápita, das dúas bandas do Mediterráneo
(acaba de celebrarse un cumio euromediterráneo). Países como Marrocos, Mauritania ou Exipto teñen cifras do PIB por baixo dos dous mil euros, Alxeria un pouquiño máis. Da outra beira, a rica Europa ofrece datos moito máis alentadores: 22.300 euros en España, índices maiores en Francia ou Italia.
En galego. Todos os anos visítannos estudantes universitarios de todo o mundo que asisten a cursos de galego nas nosas Universidades, na de Compostela ou na de Vigo. Varios deles estiveron estes días en Allariz, croatas, eslovacos, norteamericanos, curdos, palestinos, etc. Todos se declaran encantados co noso idioma e a nosa cultura. Moito máis que outros galegos aquí nacidos que renegan de calquera sinal de identidade. Que andazo padeceremos neste país?
axenda (clicar para ampliar texto e imaxe)

20 jul 2008


A MIRADA RETIDA (La Región 20-7-08)
UN HAIKU EN SAN FRANCISCO
Conta unha das Cantigas de Santa María, o Cancioneiro relixioso dirixido polo rei Afonso X, que un monxe estivo trescentos anos nun xardín escoitando o canto dunha paxariña: así obtivo da Virxe, no que el coidaba só uns segundos, unha visión única do esplendor do Paraíso, vitoria sobre o tempo dos reloxos. Sospeito eu que ese poema puido ser composto nun espazo coma este, o claustro de San Francisco de Ourense, capaz de amosarnos unha imaxe do mundo nas formas e símbolos do século XIV, pero tamén de esvaecer o paso do tempo. O claustro era un dos centros do universo monástico medieval, como di Georges Duby: lugar de comunicación dos monxes cos milagres máis perfectos da natureza, o aire e o sol, as augas, as árbores e os paxaros... Lugar sagrado de meditación sobre os misterios de Deus. Toda esa beleza permanece neste claustro, que por desgraza hoxe non se pode visitar. E toda a delicadeza daquel haiku de Issa Kobayashi:
“Lusco-fusco das cerdeiras.
Tamén hoxe converteuse
en pasado”.