6 nov 2008


Feirantes, de Bieito Iglesias, ECG. 06.11.2008
(debuxo de Laxeiro)

O sábado pasado chegámonos a Monterroso para participar na máis espectacular exposición de bodegóns ou naturezas mortas que se pode visitar neste país. A feira de Santos non nos decepcionou, despregando diante dos nosos ollos remelados queixos, tarros de mel de cores diversas, noces e castañas, cebolas, repolos que se comían cos ollos e carne entrefrebada de porco promisoria dun cocido glorioso. Polo mercado andaba Núñez Feijóo, con cara de ferreiro (aburrida e emburricada) e rodeado por unha comitiva oficial. Seica antes de nós chegarmos xa pasara polo recinto o presidente Touriño, quen se retratou cortando queixo e aproveitou para tizarlle ás diferenzas que mentén coa oposición. Mágoa que o presidente non comese o polbo baixo o toldo no que eu engulín os rabiños de cefalópodo coa rega do preceptivo tinto con gasosa. A dona do establecemento separou o banco para que eu me sentase preguntando "Arrédollo un pouco?" Se Touriño frecuentase estas comerotas populares, aprendería máis galego do que lle ensina o seu profesor particular, unha toupa en pedagoxía idiomática a xulgar polo castrapo do discípulo. Faría ben tamén (o propio vale para Núñez Feijóo) en absterse de declaracións políticas cando toca mercar unha restra de allos e un pouco unto, por algo os paisanos definen aos demagogos como barullantes que "falan prá feira". Nas feiras cómpre relear, palicar coa Galiza profunda e mougar vitela ou polbo. E hai que ir sociños ou en familia, deixando esas comitivas de tabáns que revoan arredor dos próceres. Do contrario corres o risco de que algún vellote arredista che negue a aperta de mans, como lle sucedeu un día a Sarkozy, e entón quedas cortado ou chámaslle parvo (pudo permitirse o insulto o faltón do Elíseo, pero tales fazañas están fóra do alcance dos líderes autonómicos).
Botar discursiños nunha feira é cousa de gilipollas, se me permiten usar un vocábulo da lingua que tanto Touriño como Feijoo badúan na intimidade.

Vixilancia e acoso
andolñiña 6-11-08

Hai debate nos medios e nos faladoiros televisivos sobre esa multiplicación de cámaras de vixilancia nas rúas que aparecen como fungos por todas partes. Invocando o deus supremo da Seguridade, xa nos obrigaron a resignarnos a ser gravados continuamente como sospeitosos delincuentes: o éxito definitivo do Gran Irmán. Que pasará pola cabeza dos vixilantes encargados de espiarnos paso a paso, que nos contemplan nas pantallas como míseras formigas desorientadas?
Oxalá puidésemos estar tranquilos nas nosas casas. Pero nin iso. Aí están os vendedores e comerciais de todo tipo, a importunarnos decotío con seguros, telefonía ou servizos bancarios. Eu xa hai tempo que decidín ser maleducado con esta nova forma de acoso á nosa intimidade e contesto cun simple "Non me interesa" que corta calquera posible diálogo. Porque tamén é mala educación que te chamen da mesma empresa varios días seguidos co pretexto de que son servizos arrendados e cada un deles chama pola súa conta. Hai uns días chamou un comercial dun banco que parecía saber máis da miña economía ca min. E dábame consellos para gastar os cartos, reformando a casa ou cambiando de coche. A min tamén me pareceu outro maleducado.

5 nov 2008

A Raíña, ¿socialista portuguesa?
Afonso Vázquez-Monxardín, LA REGIÓN 04-11-2008


Teño a impresión de que Sophía Margaríta Viktoroa Frideríki Glíxmpourgk, setentaneira con marcha e á sazón raíña de España, non está afiliada ao Partido Socialista Portugués. É máis, incluso creo que non debe estar afiliada a partido ningún, aínda que si, claro, simpatice con algunhas ideas máis que con outras. Supoño que escolmará unhas de aquí e outras de alá, aínda que globalmente apañe máis dos eidos do PP e do PSOE que dos de ANV ou ERC. E como ten boca e non é muda, fala. E por certo que por persoa culta e seica boa profesional, como afirma o seu home, fala idiomas varios. Non é do bilingüismo pobretón. E ás veces, supoño que, como seica non ten a infabilidade do Papa cando fala de teoloxía, tamén se equivocará. A min, por exemplo, non me gusta nada que faga gabanza de ser herbívora, ou pola palabra máis fina, vexetariana. Como ese modelo a imitar que é toda figura pública, as súas opinións nalgún ambiente marcan tendencia, aínda que non creo que moita, pois esta é nación republicanoide. Se inflúe algo, pode chegar a afastar a alguén da fracción social dos amantes do eixo Jabugo, Guijuelo, A Cañiza, pero seguiremos en maioría, non hai caso. Digo que non me gusta nada e digo mal. Ela, a cidadá Sofía Grecia, por nome curto, tal como pon o seu DNI que doutro xeito tiña que ser o seu un carné A4, a mesma que traballa de raíña en Madrid e onde cumpra, ten todo o dereito a opinar, aínda que a min non me guste, como dixen, que ela sexa vexetariana. Pero é a súa opción.
(ARTIGO COMPLETO)
A inmensa xenerosidade dos amigos

Adiantou a nova onte La Región, na súa sección
Quen cho dixo? …
Os amigos andan a preparar unha cea homenaxe a finais de mes, en Ourense, con motivo da saída dun novo libro meu, unha Historia de Ourense que publica Xerais.

Sería inxusto non deixar aquí constancia expresa do meu agradecemento a Afonso Monxardín, Xosé R. Quintana, Benito Losada, Apicultor, Pepe Trebolle, César Ánsias, Manuel Ángel Candelas Colodrón, Xoán Fonseca, José Carlos Martínez-Pedrayo e Eustaquio Puga, que están á cabeza desta iniciativa tan xenerosa pola súa banda.

Aproveito a ocasión para agradecer tamén as incontables chamadas telefónicas e correos que recibín ó longo do último mes que me demostran de novo o que xa sabía: que o meu mellor patrimonio son os amigos e amigas. Grazas de corazón a todos/as.

Cambiará o mundo?
andoliña 5-11-08

Se as enquisas non fracasaron, Estados Unidos a estas horas é un país asolagado na vertixe do cambio e, agardo, cun presidente negro. Se o cambio se confirmou, hai que dicir que non foi doado: detrás está a excelente campaña de Obama (fronte a unha estratexia errada de McCain), a crise económica, o aborrecemento das políticas neoconservadoras de Bush, o apoio masivo dos principais xornais ó candidato demócrata, mesmo as esperanzas que ergueu a candidatura de Obama no resto do mundo, con evidente entusiasmo en Europa.
Que vai pasar agora? Cambiará de verdade o mundo? Esta pregunta é máis difícil e ninguén sabe a resposta. Carlos Reigosa comentaba noutro xornal que o brillante discurso de Barack Obama, excelente contador de historias, no fondo non concreta nin se sitúa con claridade ante case nada: "Quizais vai gañar precisamente por iso; porque cada un pode imaxinar o Obama que el queira, sen que el o desminta nunca". Xa sabemos que no mundo actual esa ambigüidade é inevitable cando un precisa arrincar votos de todas as partes. Pero Obama ten que ser consciente, en calquera caso, de que leva tras súa un inxente caudal de votos polo cambio que non pode nin debe desprezar.

4 nov 2008

GAÑARÁ OBAMA?

Obama non se fía, A. Losada, GH. 4-11-08.
Disque as enquisas cantan segura unha vitoria espectacular da Gran Esperanza Negra. Disque os republicanos temen unha desfeita. A prensa europea aposta maioritariamente por Obama e ao peor confunde desexos e realidades. A demoscopia da vantaxe a Obama a nivel federal. Pero en estados clave que os demócratas parecían gañar durante a campaña, agora volven a andar empatados. O exceso de triunfalismo pode desmobilizar o voto obamista e espolear ao votante conservador para evitar unha tripla maioría demócrata: Casa Branca, Congreso e Senado. Obama leva días repetindo una mensaxe prioritaria: para gañar hai que votar. Non se fía, e fai ben.

O ENIGMA OBAMA, Carlos Reigosa, LVG. 3-11-08
Cando xa sabemos que se as eleccións estadounidenses se celebrasen en todo o mundo, Barack Obama gañaría por abafadora maioría, é a hora de preguntarse que ofrece o candidato demócrata e cales son as súas opcións políticas preferentes. O malo é que as respostas non aparecen nos seus discursos nin cabe deducilas dos variados nomeamentos que fixo no seu equipo. Obama fala da unidade dos estadounidenses, de solidariedade rexional, de integración posideológica, de concordia internacional, de xustiza social, de confianza nunha sociedade aberta, pero non di que vai facer para lograr todas esas cousas. Nomeou para o seu equipo a políticos de todas as tendencias existentes no Partido Demócrata (centristas, socialdemócratas, radicais, etcétera), cun resultado equilibrado, pero nada clarificador. Todos os que queren a Obama na presidencia saben moi pouco del. Imaxínano dun modo ou outro, pero non teñen a menor garantía de que sexa como pensan. Porque Obama fala marabillosamente, pero non di. Non desvela. Non especifica. Non concreta. Vai gañar as eleccións sen situarse con claridade ante case nada. E quizá as vai a gañar precisamente por iso: porque cada un pode imaxinar ao Obama que queira, sen que el o desminta nunca.
O candidato demócrata é un avogado brillante que coñece o seu oficio. Espertou unha enorme esperanza con só aparecer en escena e resistiu vitorioso, sen afirmar nada que poida contrariar a ningún dos seus potenciais votantes. O seu discurso non ten arestas, as súas proclamas son vagas e xenéricas e a súa lema redúcese a dúas palabras: «integración e reconciliación». Algúns o temen pola súa indefinición, pero son os menos. A maioría, logo de engulir tantas definicións erradas de Bush, simplemente adórano. Pero non o coñecen, nin sequera os do seu equipo. Obama é un enigma e por iso vai gañar as próximas eleccións. Votarano aínda sen saber por que (aínda que si contra que). E crerán a cegas a súa reiterada promesa de que lle vai a dar ao país «o cambio que necesita». Pero ¿de que cambio fala? Non consta aínda.

Se gaña Obama, Gonzalo Parente, LVG. 4-11-08
Cando falta un día para as eleccións, sen tomar partido, parece interesante expor o que podería significar que Obama pasase a ser o novo inquilino da Casa Blanca . Anteriormente, o ocupar o despacho oval era sentar no trono do mundo, pero xa non é así. Desde o final da guerra fría, EE.?UU. desperdiciou o capital de liderado conquistado co sangue, suor e bágoas de miles de mozos norteamericanos que loitaron para defender a democracia liberal que agora está en crise.
Por iso, Barack Obama ten ante si unha enorme tarefa para remover as estruturas da vella orde mundial que se derruba. Para iso conta co apoio de millóns de mozos que queren o cambio, pero ademais ten a simpatía no exterior ( Obamamanía ): En Europa, onde esperan que EE.?UU. volva ao multilateralismo; en África, polo ascendente kenyana do seu pai; o mundo islámico mírao como persoa próxima por vivir en Indonesia; e os suramericanos ven a un novo líder de cor, moi distinto dos WASP (brancos, anglosaxóns e protestantes).
Se Obama gañase significaría un cambio sociolóxico do proceso multiétnico da sociedade norteamericana. Pero nada máis. Porque o novo presidente sería ante todo un patriota que continuaría defendendo os intereses do seu país, na mesma liña que os seus predecesores. No exterior terá que afrontar o conflito de Irán, co que prometeu iniciar conversacións; con Iraq liquidará o despregamento para reforzar Afganistán, pero en Paquistán, nación islámica e nuclear, imos ver a súa iniciativa política.
A fin dos enterros, de Afonso Monxardín, GH. 4-11-08

Se cadra parece broma pero o día de Fieis Defuntos fun a un enterro. Éralles no Ourense profundo, nun deses lugares onde aínda non chegou a moda da incineración que esa si, vai cambiar os costumes funerarios para sempre. Alí unha velliña ao meu lado suspirou logo de ver metido o cadaleito no nicho: "Menos mal, a probiña xa descansa na casa". Porque efectivamente a defunta vivía noutro mundo: na capital, a case corenta quilómetros da aldea. Neste enterro non asistín a esas escenas grotescas que teñen que ver co medre da talla e que fan que por veces o morto co seu floreado traxe de madeira non caiba no burato. A circunstancia máis extrema vivina nunha condución no Ribeiro. O enterrador, home resolutivo, axiña botou man dunha machada e zas zas. Chimpou ferraxes, adornos, cristo, patas e todo o que sobresaía. Logo a caixa lambida entrou xustiña. A unha das fillas varréuselle o sentido. E non me estraña.
Este de que lles falo foi un enterro normal con misa cantada e a igrexa chea. A maioría dos homes retomaban fóra -a igrexa estaba chea de mulleres- vellos paliques ou saudaban as xentes que viñan de lonxe. Como a pobriña da defunta era persoa de idade e enferma, a tristura era comedida, como pedían as circunstancias. E non chovía, que sempre se agradece.
E aconteceu o de sempre. Porque cómpre senón un regulamento, si un protocolo claro nos enterros. Explícome. Cando o señor abade di aquelo de "Poden ir en paz", a xente sabe que ten que dar volta e dirixirse á saída da igrexa.
¿Pero que acontece despois no cemiterio cando o cadaleito baixa -ou sobe- ao nicho correspondente? Hai uns minutos de indecisión e ninguén sabe que facer. Se hai crego e bota un responso ou un padre noso, ningúen se move, e só se atrasa o invitable.
Como ninguén di "Poden ir en paz", asístese, sen querelo, ao comezo da última obra co finado. Chega o momento masa. O enterrador agarra o caldeiro, saca de paleta e vai tapando as fendas entre lápida e sepultura. O público asistente, calado, examina as mañas de albanel que se dá o enterrador. Ninguén sabe que facer. Algúns pensan "está a masa demasiado solta" ou "cumpríalle un pouco máis de area que despois abre" pero non é un traballo de comentar como o das obras urbanas nas que pampan os xubilados ao sol. Aínda peor é -horrible cousa da modernidade- cando o enterrador abre a bolsa, saca de silicona, mete o tubo na "pistola" e co raca-raca do gatillo bota unha limpa tiriña tal como se estivese selando o mesado dunha cociña, ou as pezas dun baño. Alguén ten que pór fin aos enterros cunha eclesiástica campaíña ou un "amén" a tempo.














Arias e o medo ós caraveis
andoliña 4-11-08

Carlos Arias Navarro, o derradeiro xefe de goberno de Franco, quixo declararlle a guerra a Portugal e consultaba cos Estados Unidos, vía Robert Ingersoll, entón vicesecretario de Estado, para gañar puntos. Contábao onte con detalle o xornal El País estudando documentos do Departamento de Estado norteamericano agora rescatados. Os caraveis foron un soño de esperanza dende o outro lado da fronteira e aló foron os xornalistas, tamén galegos, a contárnolo (algúns encontraron acubillo fronte á represión, como Margarita Ledo).
Os caraveis asustaron o réxime franquista, temeroso dun contaxio democrático, e os fascistas pecharon Triunfo e reaccionaron con chulería: "España estaría disposta a librar o combate anticomunista, a soas se fose necesario", dicía Arias. E pensaría: para iso gañamos a guerra. As mensaxes do xefe de goberno de Franco, na primavera de 1975, tamén semellan pregos cara a EEUU para que Kissinger facilitase o ingreso de España na OTAN. Poucos meses despois un Arias espectral enchía as pantallas da TV para comunicar entre bágoas a morte de Franco. Un documento único, patético (está en youtube) dun mundo lúgubre que se despedía asinando varias penas de morte.

3 nov 2008


Visibilidade da nación galega
X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo 4-11-08)

Usamos moito o substantivo abstracto visibilidade e invisibilidade para nos referir a que Galicia e o seu idioma sexan ou non perceptibles no mundo exterior. A concesión do premio nacional (español) de ensaio en Madrid a unha obra de Justo Beramendi titulada precisamente De Provincia a Nación e na que non se fai referencia á nación española senón á nación galega constitúe todo un fito histórico. De algún xeito, o feito de o Ministerio de Cultura de Madrid lle outorgar tamén a Agustín Fernández Paz o premio nacional de literatura xuvenil por un libro, O único que queda é o amor, escrito precisamente en idioma galego, vén completar o proceso de revelado ao final do cal a foto dun país con características e idioma de seu pode ser contemplada nidiamente. Haberá xente digamos o clube financiero de Vigo, onde funciona a variedade lingüística local na que o ver se confunde co ollar ou co mirar, que siga na contumacia. Por outra parte o PEN Club acaba de despregar a súa actividade maior do curso actual coa celebración da Bienal Literaria Internacional en Compostela na que escritores de diferentes mundos, entre os que se inclúe o premio Nobel de orixe chinés, falaron entre si e coñeceron Galicia como cultura diferente a todas as culturas humanas.CSertamente, cada un dos visitantes viu o que quixo ou estaba capacitado para ver. O PEN galego cumpriu moi ben a súa misión de chamar a atención dos visitantes sobre a nosa existencia.Galicia débelle unha homenaxe de masas a Manuel Rivas por dúas razóns principais. Unha, porque el é un grande escritor vivo e vastamente seguido por infinidade de lectores. Outra, porque é o autor noso máis aprezado, non só en Madrid senón tamén alén dos Pireneus en nunha chea de linguas ás que foi traducido. Francia e París xa non son o centro da República Mundial das Letras segundo nos explicara con intelixencia e donaire Pascale Casanova nun libro destinado a permanecer, pro aínda mandan moito, estabelecen xerarquías, e infunden respecto universal. E tamén é verdade que na tal República Mundial das Letras as edicións da Gallimard representan o Tabernáculo ou a Arca da Alianza na que os máis valorados tesouros literarios son facturados desde Francia para o Mundo.E ben: a última novela de Manuel Rivas (brillante e conmovedora), Os libros arden mal, foi editada en francés por Gallimard co título moi cortante e feliz de L´ ´eclat dans l´ abyme (ou dans l´ abîme, non sei porque non vin a traducción aínda). Xosé Manuel Pereiro, sempre coa ollada posta (el si) na nosa realidade, infórmanos de que Radio France emitiu fragmentos de L´éclat durante unha semana e de que o noso querido O´ Rivas foi entrevistado a toda plana como escritor en galego en Le Monde e en Le Figaro. Libération, máis afín sen dúbida, colocou ao autor coruñés en primeira por causa da súa novela sobre a Coruña e sobre Galicia en días de horror. Finalmente, o Premio Medicis, sempre de Francia, que se concede á mellor obra literaria en lingua non francesa, escolleu esta novela en galego de Rivas entre as 15 finalistas. O clube financiero de Vigo, para quen o galego é perxudicail para os negocios, debería reparar en que ningún libro escrito en castelán foi escolleito para o Medicis.Os que teñen ollos para ver que miren e os que teñan ourellas para ouvir que escoiten.

charles aznavour (Tacho). FÍO MUSICAL 38.


Qué vos parece para empezar relaxada a semana? Saúdos.
CONTRA A SOIDADE DEVOTCKA (Gustavo Peaguda). FÍO MUSICAL 37.

Levo algunhas semana baixo o meigallo dun poema da poeta uruguaia de apelido tan galego , Idea Vilariño e que me estaba levando ata un profundo silencio. O poema di “ Uno siempre esta solo/pero/a veces/está mas solo”*.

Pero este silencio no que empezaba a vivir e que me acompaña polas mañas nas rúas de Compostela ateigadas de estudiantes que volven para as súas casas despois dunha noite de “ Rodeame de gozo que no naci para estar triste”** foi esnaquizado polas notas da musica de Devotcka. It is time to say good-bye to the silence. It is time to dance.

* Idea Vilariño. Uno Siempre esta Solo. Vuelo Ciego. Editorial Visor
** Gioconda Belli. Petición. De la costilla de Eva. Editorial Nueva de Nicaragua

Prezado Sr Valcarcel: Nesta mensaxe vai un novo fio musical que pode ser do seu interese para poñer no seu blog que visitamos dende esta cidade de Compostela. O texto pode acompañalo co video de you tube que pode atopar en:
http://es.youtube.com/watch?v=njCkVbrIRB0
Unha forte aperta.

O MISTERIO DAS AUGAS

O misterio das augas (artigo completo, LR. 4-11-08)
Marcos Valcárcel
Augas salvadoras. Un home de letras escribiu no século XVI que ningunha muller debía lavarse, nin sequera nas súas partes íntimas. Disque a raíña Isabel, chamada a Católica, presumía de terse bañado só dúas veces ó longo de toda a súa vida. Eran outros tempos, con outros valores e códigos de conduta, sen dúbida. ( ...)
Sangue Blaugrana
ECG. 30.10.2008
BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR


Había tempo que non sentía falar de Deus, Patria e Rei, así con maiúsculas e con toda a carga ameazante que encerra tal lema.Tiven coñecemento por primeira vez desa tríada na escola nacionalcatólica e grazas ás páxinas esclarecidas da enciclopedia "intuitiva, sintética e práctica" que daquela chapabamos os alumnos. A mesma que me informou do "noso" imperio africano: "Las posesiones de España en África son las ciudades de Ceuta y Melilla, el peñón de Vélez de la Gomera y las islas Alhucemas y Chafarinas, al norte; las provincias de Ifni y Sahara, al oeste, y las de Río Muni y Fernando Poo, en el golfo de Guinea". E de África precisamente chégame agora noticia da temible divisa, pois parece que os rapazolos marroquinos deben escribila non sei moi ben onde (nos cadernos escolares?) sen atrapallarse. Disque un mozote con gana de brincar trocou o emblema e estampou Deus, Patria e Barça. Nunca tal fixera! Os vixías do reino consideran que lle fixo a burla ao maxestoso Mohamed e queren meterlle un bo paquete. Existen monarquías máis ou menos sentidas ou susceptibles. Por exemplo no Reino Unido a familia de Isabel foi motivo de francas risadas cando saía nuns monicreques televisivos cagados e cuspidos aos membros da casa real. En España cómpre andar con pés de la e non facer debuxos escabrosos de persoas de sangue azul. E, no reino alauíta, coidadiño con substituír o sangue azul polo blaugrana! Non me custa nada porme na coira dese raparigo pándigo que coroa a Xavi ou Iniesta e entroniza a Puyol no canto do rei que lle asignou a historia. Porque eu tamén sufrín a un profesor de Formación del Espíritu Nacional que che daba un lapote se non escribías de requitilla na libreta o discurso proferido por José Antonio no Teatro da Comedia. E porque creo que os pupilos de Guardiola practican un fútbol rexio. Quedo coronando ("coronar" significa deleitarse en galego auriense) cando gañan os partidos por cinco a cero.
O jogo bonito -case brasileiro- do equipo culé é un magnífico antídoto contra a estupidez das testas coroadas.

2 nov 2008


A MIRADA RETIDA 2-11-08
ÁLVAREZ DOPAZO

Velaí esta interesante foto, que me achega xenerosamente a amiga “Cachito”, pois o protagonista era o seu avó. E quero recuperala e con el un nome, o dun gran alcalde da Segunda República. No centro da foto está Niceto Alcalá Zamora, presidente da República, nunha visita oficial á cidade. Ó seu carón, na esquerda, con sombreiro e bastón na man, don Antonio Álvarez Dopazo. Foi o alcalde republicano de xestión maior duradeira, dende 1931 ata 1935, cando, trala Revolución de Outubro, ocupou o cargo Santos Fernández Fueyo, republicano radical, co apoio da dereita. Álvarez Dopazo vivira en Cuba, tiña unha pequena fábrica de chocolates preto do Posío e residía neses anos na Praza da Imprenta. Debeu gobernar con xustiza, pois nin sequera na prensa máis reaccionaria hai críticas contra o seu labor. Era un home de opinión independente e coas ideas claras. Hai anos rescatei un seu artigo dos anos 20 onde defendía o soño dunha urbe organizada arredor do casco histórico e o ensanche e rodeada de parques e xardíns á beira dos ríos da cidade. Unha fermosa utopía, imaxinada xa hai máis de 80 anos.



Solución a un pequeno atranco.

Ata o de agora os contertulios escribían comentarios e acababan firmando debaixo do texto para sair da situación, debido a que segundo poidemos saber; Blogger quere dificultarlle a vida ós usuarios alleos ó seu sistema. Para elo os anónimos "puros" (non rexistrados en Glogge/blogger ou gmail) teñen que pór un comentario co seu “nick” a “pelo”, e inmediatamente despois o vencello á súa suposta páxina web ou blog. Vexamos paso a paso como facelo.

(A modo de exemplo supoñamos que son o amigo Medela, e quero facer un comentario sen estar dado de alta , os pasos son os seguintes :)
1) Sobre o apartado "elegir una identidad" clic sobre a terceira das posibilidades de facer comentarios.

2) Escribo o meu nome no oco da caixa "nombre".

3) Escribo no oco da caixa "Nombre/Url" o enderezo dunha páxina web/blog.

(No caso de Medela o do seu álbum de fotos “undergran” en flick : http://www.flickr.com/photos/8586225@N02/

4) Pulsar no botón publicar.

Nótese que se non teñen páxina web poden indicar na caixa Nombre/Url calquer nome e punto es. (nome ou alias.es) ou a das Uvas: http://asuvasnasolaina.blogspot.com/
Saiban que incluir o enderezo das uvas axuda a posicionar nos buscadores a páxina fundamentalmente o índice de actividade, detalle que en todo caso se agradece.

Aprecien como Arume ven facendo comentarios sen problema algún porque está asociado o seu nome ao seu blog.
Disculpen este post de literatura ausente, coma nas obras, "perdoen as molestias".

P.S.: (Se fan clic na imaxe superior deste post poden ver o resume xeral do pasos indicados anteriormente. Avantaxe de estar rexistrado cunha conta de Gmail, ten como privilexio poder borrar un comentario arrepentido, do contrario só o pode facer o administrador do blog).





1 nov 2008


ADEUSES...

a un gran escritor:
César Antonio Molina Ministro de Cultura:



a un loitador social:
en poleiro alleo

escrito en cafeterías : O banqueiro anarquista, de Miguel Anxo Murado, Xoves 30 de outubro de 2008
Lujo y vileza, de DAMIÁN VILLALAÍN, El País, 01/11/2008



Conozco a Emilio Pérez Touriño desde hace bastante tiempo, trabajé durante tres años en su Gabinete y puedo asegurar que será difícil que en el futuro Galicia llegue a tener un Presidente más indiferente al lujo. Es una cuestión de carácter, de trayectoria personal y también de convicciones, de gusto y de sensibilidad. Llevan razón quienes dicen que no va a ser sencillo avistar a Touriño cazando corzos con marqueses y banqueros. Y es probable que uno de los sectores de la sociedad gallega más descontentos con la manera que tiene Touriño de acometer el trabajo presidencial sea el de los restauradores de alto copete de Santiago de Compostela, sin duda añorantes de los old good times peperos.



artigo completo

Nacionalismo de benestar
andoliña 1-11-08

Recoñezamos primeiro que nos últimos tempos houbo unha nidia modulación da linguaxe no BNG. Cando Anxo Quintana fala de nacionalismo de proximidade ou dunha "nova fronteira" kennedyana, sen dúbida o seu discurso arrédase do resistencialismo antisistema de outros tempos. Onte, en El País, o vicepresidente da Xunta afirmaba que o nacionalismo só ten sentido se crea benestar. A declaración é impecable e compatible coa defensa da nosa identidade e doutros sinais que marcaron a evolución do nacionalismo nos últimos 30 anos.

Pero este discurso ten limitacións na procura de novas bases sociais. Nunca convencerá os sectores hostís ó galeguismo, que renegan da nosa lingua, nin vai satisfacer os que agardaban do Bloque nas institucións un papel máis comprometido cos cambios radicais que antes se demandaban. Quizais estes son sectores non maioritarios e Quintana bota as redes nos únicos caladoiros onde el encontra peixe.

As enquisas din que o BNG penetra nas bases rurais, onde son máis efectivas as políticas de Vicepresidencia e mais de Medio Rural. Nas cidades algo falla na comunicación fluída do BNG coas xentes: está pendente ese diagnóstico, urxente. Antes da próxima primavera.
TEMPOS AQUELES...!!

Historia en 4 Tiempos (31/10/2008)
Maribel OuteiriñO
HACE 25 AÑOS. Alfonsín, presidente de Argentina

31 de octubre de 1983 -Se constituye en Orense la Federación Galega de Cine-Clubes, en cuya primera junta directiva están Segismundo Bobillo Morgade y Marcos Valcárcel López, ambos pertenecientes al Cine Club ‘Padre Feijóo’ de Orense y Miguel Ángel Fernández, del Cine Club ‘Carballiño’.