BNG, un xiro mirandés
Galicia Hoxe, 26.04.2009
MANOEL SANTOS
O acordo do BNG de concorrer ás misteriosas europeas do 7 de xuño na coalición Europa dos Pobos, composta entre outros por partidos soberanistas de esquerdas, como Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Eusko Alkartasuna (EA), non é intranscendente. Tampouco a escolla de Ana Miranda para a cabeceira da listaxe en Galiza -segundo posto na circunscrición estatal.
Deste xeito o BNG logra, quer de xeito intencionado quer indirecto, catro cousas fundamentais. Primeiro, ter algunha posibilidade de acadar representación no Parlamento, por canto a outra opción -PNV, CIU, CC- só ofertaba o cuarto posto na candidatura. Europa dos Pobos ten asegurada unha acta e se cadra dúas, mais de obter unha o posto sería por quendas. A importancia dun escano na UE non é menor, tanto dende o punto de vista organizativo, pois para formacións miúdas coma o BNG, Europa supón unha fonte de recursos económicos e estratéxicos nada desprezábel; como dende o punto de vista político, xaora que garante loitar en primeira liña por cuestións fundamentais para o país -pesca, agro, ambiente, lingua, construción naval- e, por que non dicilo, tamén formar futuros cadros políticos. Ana Miranda, que chegou a Bruxelas con Camilo Nogueira no 1999, é boa mostra disto.
En segundo lugar, o BNG cae onde ten que caer por ideoloxía fundacional. Como ERC e EA, forma parte da Alianza Libre Europea (ALE), partido político con 42 organizacións en cuxo grupo parlamentar (Os Verdes/ALE) se integraría a hipotética deputada. Amais, a vicepresidenta da ALE é a propia Ana Miranda. O feito devólvelle ao BNG a coherencia ideolóxica sobre o papel, especialmente se temos en conta o que a ALE defende: dereitos humanos e dos pobos, desenvolvemento sustentábel, abolición da enerxía nuclear e potenciación das alternativas, reorientación da Europa do neoliberalismo, a competencia e o centralismo, participación das nacións sen estado nas negociacións sobre temas da súa competencia, diversidade lingüística e cultural?
A terceira cuestión é máis importante do que parece. O xiro á esquerda, malia que tardío e sospeitoso por ser logo dunha desfeita electoral, alivia un chisco as dúbidas e desencantos dunha militancia que nos últimos tempos tivo moi difícil defender diante da sociedade galega algunhas decisións e derivas gobernativas do cumio da pirámide nacionalista.
E en cuarto lugar, a escolla de Ana Miranda achega un aire fresco imprescindíbel para quen está preto da asfixia. É nova, con moita experiencia nas labirínticas institucións europeas, coñece coma ninguén a Galiza exterior, ten unha sensibilidade para cos movementos sociais -é asidua dos foros sociais- que debería ser obrigatoria no BNG, excelentes relacións con outras nacións sen estado e, malia que resulte estraño por estratexia electoral, é pouco coñecida no país, o que hogano no BNG é case unha virtude. Máis alá dos resultados que obteña, é xente da súa xeración e preparación a que ten que ir collendo o temón dun BNG que nunca parece renovarse de verdade.