6 abr 2008




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1999: HOMENAXE A ROBERTO BLANCO TORRES.
(Nas imaxes, RBT e un debuxo de Colmeiro, do que se expuña unha ampla antolóxica en 1999).

Amigos da República: homenaxe ós artistiñas do Volter (programa)
(O cartel é un deseño do artista Iñaqui Basallo)

Por décimo ano, Amigos da República, asociación apartidaria que reúne en Ourense, como o seu nome indica, a amigos/as e ademais republicano/as quere lembrar nestas datas a II República española e os valores que defendeu, valores todos eles fundamentais para o desenvolvemento da sociedade: Liberdade, Igualdade, Fraternidade e laicismo.
Un dos sinais de identidade da nosa asociación é querer representar aqueles valores en persoas do noso entorno. Nesta ocasión queremos homenaxear aos Artistiñas, grupo de artistas ourensáns ou residentes nesta cidade denominados así polo escritor Vicente Risco, con quen se reunían e falaban do humano e o divino na taberna ourensá do Tucho, na praza do Eironciño dos Cabaleiros. Risco comezou a chamar a aquela taberna O Volter xa que lle lembraba a un café de Zürich, Cabaret Voltaire.

Os seus integrantes: Xaime Quessada, José Luis de Dios (pintores), Acisclo Manzano, Manolo Buciños (escultores), Virxilio (pintor), Arturo Baltar (escultor) e Xabier Pousa (pintor) son os protagonistas deste ano, xa que pertencen a unha xeración que bebeu nos valores da República e que tanto polo seu traballo como polo compromiso ideolóxico tentaron que a Liberdade regresara tras a “longa noite de pedra”, que dixo Celso Emilio Ferreiro.

O pasado ano homenaxeamos aos cidadáns/ás que protagonizaron unha heroica resistencia cívica aos golpistas: Camilo Pérez Pato e Manuel Prieto García, veciños respectivamente de Paderne de Allariz e Entrimo, que defendendo a República dende o Quinto Rexemento defenderon aos cidadáns/ás, o que fixo que coñeceran a represión, cadea e campo de concentración. Amigos da República homenaxeou tamén a Pepín e Honesta: “Dous loitadores pola Liberdade” (1998); ao mestre galeguista Luís Taboada Camoeiras (2000); a Josefina González Cudeiro, Maruja González Cudeiro, Luisa González Cudeiro e Fina Priede Priede (2001), representantes do papel da muller neste período de progreso e liberdade, interrompido polo golpe de Estado fascista. No 2002 os actos centraranse no movemento sindical na República, personificado no veciño de Ventosela, José Bóveda Formigo, mentres que no 2003 foron homenaxeados os guerrilleiros na persoa de Camilo de Dios, o guerrilleiro da Limia. Ao ano seguinte foron homenaxeados os veciños de Cambedo, pobo da Raia. En 2005 a homenaxe recaeu en Clemente Jiménez, mentres que en 2006 o homenaxeado foi Julio Alonso Losada.

ACTOS. Mércores 9 ABRIL
Presentación do libro: “Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Álbum de Guerra”.
Venres 11- ABRIL. Mesa redonda: “Da ditadura á Democracia, pasando polo Volter”, presentada por Benito Losada. Participarán Arturo Lezcano e Marcos Valcárcel.
Cea da República: “Homenaxe aos artistiñas”.
Domingo 13- ABRIL. Cemiterio de Ourense: Homenaxe aos republicanos/as fusilados/as. Presentación: Xosé Lois Carrión.
Luns 14 - ABRIL
Homenaxe aos Artistiñas: Pasarrúas republicano, con atención especial ás obras urbanas dos Artistiñas instaladas na cidade de Ourense. Coordinado por Ánxeles Cuña e Sarabela. Ánxeles preparou un amplo e interesante programa que transcribimos no inicio dos comentarios.
Venres 25 abril. Concerto RockPública. Actúan: Cuchufellos e Sonoro Maxín.
Unha imaxe quizais pouco atinada (pero explicable) de Anxo Quintana

Se son certas as declaracións que hoxe recolle La Voz de Galicia, Anxo Quintana non estivo moi espilido nesta imaxe para defender o galego. Xulguen vostedes mesmos: se lles dicimos ós mozos, que desertan da súa lingua, isto que segue, que poden pensar eles?

El dirigente del BNG resaltó que hacía estas declaraciones ahora que se había suscitado nuevamente una polémica sobre el empleo del gallego. Añadió: «En calquera pobo de Galicia os nenos crecen e aprenden castelán, só faltaría. Nun pobo cunha galescola seguirán aprendendo castelán e falando castelán. A diferenza é que nun pobo con galescola damos un pasiño máis para que os nenos aprendan tamén o galego, que é o noso idioma».
Sobre la utilidad del gallego, Quintana precisó: «¿Para que serve o galego? ¿E para que serve unha nai de 82 anos, con párkinson e incapaz de moverse? Coidámola para que viva o mellor que poida porque é a nosa nai. Pois o galego coidámolo porque é noso e por principios».


Actualización (7 abril).
Por motivos que constan nos Comentarios, decidín suavizar o título deste post. Os políticos teñen que falar a cotío e non sempre con tempo para pensar as imaxes retóricas que poidan utilizar: se esta imaxe parte dunha experiencia persoal, obviamente cambia o sentido do manifestado (aínda que non o entendan así os que lean o xornal).
Entrevista en Faro de Ourense

No Faro de Ourense de hoxe sae unha longa entrevista miña, que me fixo o xornalista Xosé Manuel del Caño na súa serie dominical sobre artistas e escritores ourensáns. Publica ademais varias fotos miñas (algunha antiga) que xa coñecen os habituais do blog. Creo que esas páxinas non están na Rede, só en papel. Se a consigo, aínda a traerei ata aquí.

en poleiro alleo: festas en galego (Imaxe de Bansky)

- Cancións en galego. Máis dun cento de concellos pactan galeguizar as súas festas. As orquestras deberán interpretar unha de cada catro cancións en galego (LVG 6 abril)


- Expulsan dunha Hermandad a unha lesbiana por orden del Obispado de Ciudad Real (ECG 6 abril).



Ourensanía

Entran no arquivo da Ourensanía imaxes da cidade como esta das pontes e o Miño ou outras máis antigas do centro urbano (Banco de España) e varias vistas da Catedral.
Tamén unha pequena serie de personaxes populares como o Cepo (na imaxe, do arquivo do pintor Carlos Vello e da web de Moncho Conde Corbal), o doutor Gallego, a charanga do Cuco de Velle e o cenetista José Bóveda. E algunhas obras de arte de Arturo Baltar e Conde Corbal.

5 abr 2008


Ciprianillo
(Na foto, achegada por Félix Castro Vicente, un Libro de San Cipriano, Ed. Maucci, Barcelona, 191o)

Nestes días, nos escaparates da entrada da Libraría Torga, pódese contemplar unha escolma de Ciprianillos, da colección de Félix Castro Vicente. Paga a pena botarlles unha ollada, sen dúbida.

Galicia Encantada: conversa con Félix Castro Vicente sobre o Ciprianillo.

O Ciprianillo nas crenzas galegas

O poema de Curros sobre o Ciprianillo

Luther King.
Pan por Pan sábado 5 abril
Onte cumpríronse 40 anos da morte de Martin Luther King, un dos grandes nomes do século XX. Símbolo da loita polos dereitos civís e dos métodos de non violencia activa e de desobediencia civil, na liña de Gandhi e Thoreau, foi quen de axuntar un cuarto de millón de persoas en Washington e ser recibido polo presidente Kennedy. En 1964, con 35 anos, logrou converterse no Premio Nobel da Paz máis novo da historia. Catro anos despois sería asasinado. Non sabemos se Luther King estaría contento cos Estados Unidos de hoxe: abolidas as leis racistas, cada vez hai máis políticos e executivos negros, pero o 23 por cento das persoas de color viven na pobreza. Podería mesmo chegar a haber un presidente negro, Barak Obama: supoño que iso sería unha gran vitoria para a memoria do líder de Montgomery, Alabama. E para a loita antiracista en todo o mundo.

Irmaus

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Se é túa a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro e eu branco,
se temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.
(Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de Pedra)

4 abr 2008


Lembranza de Sebastián Martínez-Risco. Xustiza e lingua galega.
(Da serie OURENSE, UNIVERSO LITERARIO (39), de M. Valcárcel)

Desempeñou durante 17 anos a presidencia da Academia Galega nun período moi relevante (1960-1977): institucionalización do Día das Letras Galegas, creación do museo Pardo Bazán, etc.; nun traballo recente lembraba Alonso Montero os esforzos de Sebastián Martínez-Risco para homenaxear, en anos ben difíciles, a figura de Castelao. De feito, con el de presidente, a RAG editou a conferencia do rianxeiro sobre o “Humorismo”, adicoulle en 1964 o segundo Día das Letras Galegas, publicou un número monográfico sobre Castelao do seu Boletín en 1975 e textos como o discurso de ingreso de Fole, en 1963, sobre “Castelao i a tradición galeguista”. O labor de Sebastián, como sucede en moitas figuras do galeguismo desta hora, foi poliédrico: poeta, novelista, ensaísta, xurista, animador cultural, etc. Foi, sen dúbida, un dos artífices do proceso de restauración cultural na Galicia da posguerra, como demostra X.R. Freixeiro no seu estudo Sebastián Martínez Risco na cultura galega (Laiovento, 1994); mesmo cedeu o seu despacho profesional para a reunión fundacional clandestina que preparou a creación do Partido Socialista Galego (PSG), andaina da que andaban perto xentes como Fernández del Riego e Fermín Penzol. Tamén fixo xestións importantes para emendar as acepcións pexorativas da voz “gallego” do diccionario da Real Academia Española. Home de elevada formación intelectual, foi poeta modernista de novo, cando colaboraba en La Esfera de Madrid, e despois publicou volumes líricos como Nadaliñas ou Trebol Poético (Recuerdo de Compostela) (Roel, 1943), que conta cun gabancioso prólogo de Santiago Amaral (Otero Pedrayo). Publicou tamén a novela La tanza negra (1943), que narra o conflicto planteado a un xuíz nunha vila sometida ó dominio dun cacique contra quen ten de dictar sentencia; Carballo Calero, que estudou esta novela, vía no seu estilo pegadas de Azorín e Valera. A súa obra ensaística e xurídica é moi ampla, pero cómpre destacar estudios como O sentimento da Xustiza na literatura galega (discurso de ingreso na Academia, 1953); Presencia da lingua galega (1973); Las ideas jurídicas del Padre Feijóo (1973); Valores espresivos da obra de Castelao (1975), Raíz galega de Valle Inclán; Jurisconsultos gallegos: Paz Nóvoa, etc.
Paga a pena ler con atención os estudios de Sebastián Martínez-Risco. Por exemplo, Presencia da lingua galega, que non só recolle a evolución histórica e literaria do noso idioma e defende a identidade substancial do galego co tronco luso-brasileiro, senón que plantea os seus principais problemas á altura de 1973: a súa necesaria presencia na didáctica e na escola, na igrexa e nos medios de comunicación social, mesmo a imprescindible introducción do galego na función notarial e nos Tribunais. O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 1953, que fora respostado por Manuel Banet Fontenla, é outro texto excepcional: un rigoroso e exhaustivo traballo sobre “O sentimento da Xustiza na literatura galega” que viaxa ata os trobadores medievais e a literatura popular para reflectir cómo viron os galegos a función da Xustiza ó longo dos séculos. Polo estudio do erudito pasan os escarnios medievais (Xohán Airas, Esteban da Guarda, etc.), Valle Inclán, o Padre Sarmiento, Curros Enríquez, Rosalía, Ramón Cabanillas, Lamas Carvajal, Pérez Placer, as coplas populares, etc. Por certo, abundan as opinións moi críticas sobre xuíces, escribáns, avogados, alguaciles e testemuñas. Fálase tamén dos preitos (“O preito do pobre na proba morre”). Velaí esta fermosa copla da voz do pobo: “Tres cousas che fallan, Vila,/ si o preito queres gañar:/ ter razón, saber pedila/ e máis que cha queiran dar”.
(Engádese unha ficha biográfica en COMENTARIOS).
Pasa en Ourense...

A acusación rebaixa a petición de 40 a 26 anos de prisión para Benigno Moure, da Fundación San Rosendo (Faro de Ourense, 4 abril)

Moi simpática tamen a crónica que sae en Faro de Ourense (non a encontro en Internet, de M.J.A.) sobre o atraco á rexedora dun clube de alterne en Verín. Segundo se conta alí, toda a economía da zona depende deses clubes e da gasolineira e dos 400 portugueses que pasan cada día, porque a prostitución está prohibida en Portugal (isto é así?). Di que sen eses clubes tiñan que pechar restaurantes, perruquerías, comercios, etc...
Galicia racista, de Xosé L. Méndez Ferrín (Faro Vigo, 4 abril)

O espazo cultural e esportivo de Valença do Minho foi invadido recentemente de letreiros que asina Resistencia Ariana: cruces gamadas, triskeis de Álvaro das Casas, círculos coa cruz que fixera famoso o fascismo europeísta de Occident. Todo fala dunha supervivencia galega do vello nacionalsocialismo de CEDADE.Se a simboloxía é profusa e redundante, os textos son probes e están escritos (coma no caso de CEDADE) na ortografía "reintegracionista" que discurrira un día Carvalho Calero. Din: "Gallaecia naçóm ariana" e cousas do xénero. A resposta non tardou. Nun recente paseo pola zona vin as pintadas cruzadas e unha expresión contradictoria: "Abaixo os fascistas". Tamén polas rúas de Celanova se fai notar esta Resistencia Ariana galaico-duriense.En realidad R.A. é un grupo que imita o norteamericano Arian Resistence cuxos loucura e baixos instintos poden ser examinados polos cursidosos en internet. Baséanse na supremacia dunha inexistencia "raza aria", concepto no que se basaba unha parte da ideoloxía alemá do nacionalsocialismo (a parte fundamental era o anticomunismo). A noción de aria (en portugués "ariana") non ten outra explicación que unha ben feble: nalgunhas linguas indoeuropeas asiáticas arya significaba "xefe" membro da comunidade dominadora, de onde Irán e iraniano ou iraní (arabizado). Tal termo arya foi descoñecido polas linguas de Europa incluída as dos vellos xermanos e a dos habitantes da antigua Gallaecia e da antigua Lusitania.En realidade toda esta chafallada ideolóxica só ten o fin, entre nós, de lle dar cobertura a unha mobilización fascista e racista contra os xitanos, os norteafricanos, os hispanoamericanos, os pretos en xeral os emigrantes que veñen vivir entre nosoutros. A min estes "arios galaicos" fanme acordante daquel debuxo de Castelao que representaba un indixente con esta lexenda por baixo: "O home que mercou un can para ter en quen mandar". Se vostedes visitaren en You Tube o video de Resistencia Ariana-Galicia (Galiza, xa se sabe, é máis radikal ca Galicia) verán imaxes do grupo queimando ao estilo KKK, suxeitos coas caras cubertas con felos que representan caliveras ("Abajo la inteligencia, viva la Muerte": Millán Astray, na Coruña sempre en efixie) e un conxunto de encarapuchados que lle plantan lume (ou fogo, tanto ten) a unha bandeira galega coa estrela vermella de cinco puntas. O ideólogo actóctono que estes continuadores de CEDADE veneran como seu precursor é Vicente Risco e escriben moi pouco. Os contidos de R.A. reducense a isto: "Galicia e N. de Portugal unidos contra as razas inferiores que nos invaden".
II.
En moitos lugares de Galicia prodúcense manifestacións racistas de importancia contra a presencia de cidadáns (agora dígoo eu) da minoría xitana que leva connosco desde o século XIV (ou desde antes). En Vilaboa os muros aparecen pintados con slogans contra os marroquinos que escolleron ese concello e a freguesía de Paredes para vivir, mandar aló os nenos á escola e pagar os impostos e rendas de aluguer. O concello (maioría de "progreso") de Vilaboa xa lles proibiu aos veciños de orixe magrebí abrir no termo municipal unha mesquita.
III.
Estamos á espera dun movemento galego contra o racismo e a xenofobia.

A FOTO DA SEMANA: Sandra, filla do ex concelleiro socialista Isaías Carrasco, a escasos metros de Miren Azkarate (EFE). Publicada en El País 3 abril.

Traballo e diversión.
Pan por Pan venres 4 abril. (Imaxe: Paul Lafargue)

Seica onte ou antonte era o Día para celebrar o Día Internacional da Diversión no Traballo. O inventor do slogan merecería pasar á historia, vaia. Os da miña quinta fomos educados no espírito de “O traballo faivos libres” e cousas así: quizais por iso teñamos un xen ácrata que invoca o dereito á preguiza de Paul Lafargue. O certo é que é unha sorte ter traballo e unha lotería ter un traballo que a un lle guste cando menos un pouquichiño. Despois, pedir entusiasmo xa é máis difícil, sobre todo se un leva anos no asunto. Pero o da Diversión xa parece unha hipérbole e un exabrupto. O traballo pode ser unha dimensión máis da vida, digamos necesaria e soportable. Eu creo que a partir de aí calquera énfase pode achegarse á impostura ou á babecada. Se así fose, habería que aplaudir as xornadas laborais de catorce horas diarias ou máis. E iso non parece tan divertido, non?

3 abr 2008


Facendo memoria...
(Foto Pepe Trebolle)

Facendo memoria, reconstrúo os nomes dos que colaboraron na xénese do Roteiro A Esmorga de Blanco Amor, a mediados dos 90 (excusas se esquecín a alguén, aínda se pode corrixir).
A minihistoria do Roteiro xa está na Ourensanía, na súa imaxe e entrada 120. Concello de Ourense e Deputación colaboraron tamén nesa andaina.

Delitos e faltas, de Bieito Iglesias (ECG 2-4-08) (Imaxe: por qué esta portada? Porque Bieito fala ó remate da novela negra e porque lle teño moito agarimo a esa novela de Chester Himes e a esa vella colección de Bruguera).

Un estarrecente suceso destes días (a morte dunha nena a mans dun depredador sexual) suscita comentarios de toda orde, encamiñados os máis deles a escurecer un dato fundamental: existen suxeitos ruíns como a sarna, parvos insurrectos contra a dor de vivir que expanden os seus desexos ata invadir o espazo dos demais, sadistas que matan sen dó con tal de realizar os seus soños perversos. As actualidades impoñen o individuo insular, irresponsablemente infantilizado. Ninguén ten culpa de nada intramuros da citania occidental, desde nenos somos descargados dese peso que antes achombaba aos humanos como a burros baixo a fardica. Os viciosos son exonerados co expediente de declaralos doentes e o mal ocúltase baixo o espectro exculpatorio do sistema. Certo que no caso que nos ocupa fallou o sistema xudiciario, no entanto, aínda que funcionase como un reloxo, quedaría en pé a pregunta: unha pena de catro anos por abusar da propia filla chega para disuadir a un criminal ogresco?
Viaxemos por un momento ao futuro (aos EEUU que anticipan o que nós seremos de aquí a pouco) para mergullarnos nunha sociedade cunha enorme poboación reclusa, con pasquíns delatores á porta dos pedófilos, con pena de morte en varios estados e un auténtico estado policíaco virtual (televisado). Paga a pena examinar a evolución da novela policial, do thriller cinematográfico e dos telefilmes do xénero negro: pasouse do gánster heroico e do detective que loitaba contra a corrupción social e policial da época clásica (anos 30), á enxurrada actual de polis e forenses infalibles, presentados como único dique da civilización fronte a psicópatas perpetradores de asasinatos a cada paso máis bizarros.
Por parte das vítimas concretas de uxoricidas, pederastas ou pistoleiros que desaloxan colexios a bala limpa, tamén morre o optimismo antropolóxico. Corremos o risco de que a xente asustada se sitúe á esquerda ou á dereita da policía.

Democracias.
Pan por Pan xoves 3 abril. Foto de Tatiana Cardeal.
Escoito o final dunha tertulia na radio sobre a democracia nos países de América Latina. Un dos participantes alude a un estudo (nalgures lin eu iso mesmo) que sostén que é case imposible que exista un sistema democrático nun país onde os seus cidadáns non cheguen a unha renda per cápita de catro mil dólares. Outro contertulio intervén afirmando que ese dato, de ser certo, sería moi cínico: non tería sentido falar de democracia se antes non hai desenvolvemento económico. O dato será cínico, pero non por iso falso. En España tivo moito que ver o crecemento económico dos anos 60 coa caída do franquismo, xa insoportable para unhas clases medias modernas. Pasará iso en China e noutros países dentro duns anos? Chegarán á democracia dende a creación da riqueza? Tamén existe o polo negativo: a crise económica dos 30 foi funesta para a democracia republicana española.

2 abr 2008


Parella de ases: Luis de Góngora Francisco de Quevedo (LORENZO SILVA LUISA CASTRO)

No suplemento Campus de hoxe en El Mundo. Dedicado a ARUME. (Debuxo de Ulises, de EM)





en poleiro alleo: o primeiro dicionario galego e máis cousas

O xornal Galicia Hoxe é xa unha referencia importante no que se refire á información cultural galega e á opinión. Dúas ou tres mostras de hoxe mesmo:
* a nova do primeiro dicionario galego, de Luís Aguirre del Río (1858), da man de Carme Hermida;
* As amizades venturosas, de Anxo Tarrío: por qué o mundo xitano non ten literatura propia?
* xornalismo con opinión.

Memoria Histórica.
Pan por Pan mércores 2 abril
O elefante pariu un rato. A Lei da Memoria Histórica, aprobada hai meses nas Cortes, esixe cambiar o nome dos edificios públicos que exalten a sublevación militar, a guerra civil e a represión da dictadura. Pero vese moi pouco interese na Xunta en poñela en práctica. A Consellería de Educación disimula cos once colexios en Galicia que manteñen nomenclaturas franquistas e remite o problema ós Consellos Escolares, cando as leis son de obrigado cumprimento, non? E a de Sanidade di que non se tocará o do Hospital Juan Canalejo, líder falanxista local, co peregrino argumento de que iso afectaría á súa merecida reputación internacional. A min non se me ocorre mellor forma de afortalar o prestixio do hospital coruñés que mudarlle esa indigna adherencia fascista e belicista. E logo na Alemaña hai hospitais que ostenten o nome de Adolfo Hitler, por exemplo?
Hospital Juan Canalejo, de Miguel A. Fernán-Vello (Galicia Hoxe, 3 abril)
Din os máximos responsábeis da Consellería de Sanidade que non teñen intención de cambiar a denominación ‘Juan Canalejo’ do hospital coruñés que loce tal nome e apelido. E alegan que o recoñecemento da comunidade científico-médica do complexo sanitario coruñés non aconsella un cambio de denominación que o desvincule do prestixio acadado en vinte anos. ¿Será que a comunidade científico-médica é incapaz de entender o cambio da denominación contra-natura dun hospital sen que perda este o seu prestixio? Informada e ben informada a comunidade científico-médica, ¿será esta incapaz de entender que un hospital abandone o seu nome franquista e falanxista para dignificar a súa identidade como centro público de saúde? ¿Cando o Hospital Francisco Franco de Madrid pasou a chamarse Gregorio Marañón, perdeu o seu prestixio? ¿E no caso da Ciudad Sanitaria Francisco Franco de Barcelona, que pasou a ser denominada Hospital Universitari Vall d’Hebron, produciuse algún conflito? Sen dúbida, a comunidade científico-médica é intelixente dabondo, formada por profesionais de alta cualificación técnica e en moitos casos tamén intelectual, e saberá discernir sobre o particular, mesmo celebrando democraticamente que un hospital deixe de levar o nome dun ‘terrorista’ –si, do grupo falanxista clandestino e armado coruñés Primera Línea, que levou a cabo os seus primeiros actos violentos no ano 1934. E se a sociedade científico-médica saberá entender perfectamente o cambio de nome, da mesma maneira o entenderá a sociedade civil. Non teña medo a conselleira de Sanidade socialista, María José Rubio, e cumpra coa Lei da Memoria Histórica, aprobada por Zapatero, que esixe cambiar o nome aos edificios públicos que supoñan "exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura". En Lugo o Hospital Hermanos Pedrosa (coñecidos falanxistas) xa se chama Xeral Calde e en Vigo o Almirante Vierna leva o nome de Xeral Cíes. É preciso unha catarse. Unha purificación. Contra a vergoña.l

1 abr 2008

Blanco Torres pídelle cen pesetas a don Ramón
Carta difundida por X. Alonso Montero, en La Voz de Galicia, 11-5-1999.

A Ourensanía acaba de chegar ás súas primeiras cen imaxes. Entre as máis curiosas, a carta que reproducimos alí na que o poeta Blanco Torres, acuciado por temas económicos, lle pide cen pesetas prestadas a don Ramón.