30 jun 2006


O PATRIMONIO DOS NOSOS AFIADORES
(Andoliña venres 30 xuño)
Florencio de Arboiro, de nome Florencio Martínez Vázquez, debe ser o maior coleccionista de rodas de afiar de España. Dende hai 30 anos colecciona e restaura rodas, das que posúe unha magnífica colección de máis de 150 exemplares, algunhas do século XIX. No ano 1999 exhibiu en Ourense a mostra “Afiadores polo mundo”; ademais, preside e promove a asociación Ben-Cho-Shey, que traballa dende hai varios anos na investigación dos nosos oficios tradicionais.
Vén de inaugurarse en Albacete, no Museo Municipal de la Cuchillería, unha ampla mostra desta colección, acompañada dun breve pero suxestivo catálogo. No mesmo recóllese a historia do oficio dos afiadores, vinculados ás terras ourensás de Nogueira de Ramuín, e a descrición técnica dos seus elementos de traballo fundamentais (roda, chifro, etc.), así como algunhas notas sobre a súa xerga, o barallete (que estudara o propio Ben-Cho-Shey) ou sobre o proceso de dignificación deste oficio-símbolo que nos representa aos galegos no Hermitage de San Petersburgo a través do cadro de Antonio de Puga. Unha iniciativa digna de aplauso, que chega agora ata terras da Mancha e que amosa canto queda aínda por facer na salvagarda do noso patrimonio popular.
(Imaxe sacada do catálogo: Afiador español. Século XIX (Pagé, Camille, La coutellerie depus l' origine jusqu' à nos jours).

29 jun 2006


ANTES DE NACER MILLADOIRO
(Andoliña xoves 29 xuño)
No ano 1994 o grupo Milladoiro recibiu o premio Casa dos Poetas de Celanova. Tocoume daquela facer a súa “laudatio” na vila de Curros e, ademais de consultar algúns papeis, tiven que remexer no faiado da memoria, o mellor arquivo. E lembrei as orixes do grupo (aquel memorábel concerto no Auditorio da Salle) e algúns detalles da súa prehistoria, que esoutro día compartía eu en Trasalba con Manuel Bragado. Por exemplo, a lembranza de Roi Xordo, grupo constituído no ano 1976 na liña da canción rebelde daqueles días, que só durou uns meses. Estaba formado por músicos de “Bem-Virá” e do Movemento da Canción Popular Galega; velaí: Antón Seoane e Rodrigo Romaní, a cantante Pilocha, Pi da Bahía e Quico de Cariño e o brasileiro Ze Luiz.
Cantaban poemas de Méndez Ferrín, Manuel María, Neira Vilas e Cabanillas. Eles mesmos (a memoria volve de novo á Salle compostelá) escribiron e musicaron un Himno da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega), que por algures teño traspapelado e que comezaba “Galego, é hora xa/ labrego, pra ti tamén; / que pide a patria/ todas as mans”. Tamén reclamaban “berros de luz” e “bandeiras en pé”. E remataban contundentes: “A loitar! A loitar! A loitar!”. Que tempos!
(Imaxe: Jolie Coeur, de Dante Gabriel Rossetti, 1867)

28 jun 2006


Aracataca non será Macondo
(Andoliña mércores 28 xuño)
Que pensarían os meus veciños se alguén propuxese mudar o nome da miña cidade polo de Auria, tal como a chamaba Eduardo Blanco Amor e tal como logo usamos, de prestado, outros autores? Ou mesmo suxerir unha rolda de topónimos posíbeis con denominacións literarias como Ouréns, Augas Quentes ou Serenou, entre outras? Non creo que os meus veciños aceptasen e farían ben. Como fixeron os habitantes de Aracataca, o pobo colombiano que inspirou o Macondo literario dos Cien años de soledad de Gabriel García Márquez.
O alcalde do lugar, barallando que iso sería bo para o turismo, someteu a referendo o cambio de nome, pero só acudiu a votar a terceira parte dos electores, aínda que apoiaba o cambio a maioría dos votantes catacas, que é o seu xentilicio. Aracataca é a raíz do universo literario do Nobel colombiano, que inmortalizou así un espazo que hai un par de séculos aínda estaba ocupado polos indios chimilas, como conta Dasso Saldívar na súa biografía de García Márquez, El viaje a la semilla. Pero Macondo é moito máis que un lugar concreto do mapa e xa ten turistas abondo, turistas entusiastas, dispersos por todo o mundo, que seguiremos a viaxar polas páxinas desta novela inmortal. (Imaxe do pintor manierista Domenico Becafumi)

27 jun 2006


Milladoiro (e Castelao) en Trasalba
(Andoliña martes 27 xuño)
Estivo brillante o profesor Xesús Alonso Montero o domingo pasado en Trasalba, coa súa evocación das cartas entre Castelao e Otero: sublime, moi especialmente, a imaxe que nos ofreceu de don Ramón e da súa nai dona Eladia camiñando co sacho cara ó lugar máis querido da súa horta a coller un saquiño de terra para mandar a Bos Aires e enterrala no sartego de Castelao. Magnífica igualmente a "laudatio" que fixo Manuel Bragado da ampla historia de Milladoiro, premio Trasalba 2006: moi ben documentada, certeira na recolleita de datos, profunda en subliñar o significado do grupo na nosa cultura onte (dende 1978) e de hoxe (e de mañá). Moi ben tamén Víctor Freixanes, mestre de cerimonias (nalgún momento semellaba un clon do finado Sixto Seco), e Anxo Quintana, dende o plano institucional, que demostrou sen complexos que lle gusta a música de Milladoiro.
En nome do grupo homenaxeado, que ten paseado o nome de Galiza por todo o mundo, Antón Seoane preparou unha intervención reivindicativa, densa e reflexiva, como diagnóstico (algo lle axudou a súa profesión de psiquiatra) dun país doente de hipersomnia e desmemoria. Esperanza e galeguidade: as voces de Trasalba no 2006.
(Hoxe vai a foto enteira de Blanco Amor, realizada en Compostela en 1958, con Luis Meneses, o neno violinista, no medio)

26 jun 2006


Ciclo da Terra, de Millán Picouto
A Sección de Literatura do Liceo de Ourense e Edicións Linteo
comprácense en convidalos á presentación da obra de
Millán Picouto
Ciclo da Terra.
Nun acto que terá lugar no Liceo ourensán o martes 27 de xuño do 2006, coa participación do editor e profesor Manuel Ramos e do propio poeta.

Desde hai varios anos Edicións Linteo está a publicar, en volumes como adoita esta casa ben fermosos e coidados, a Obra Completa do poeta e dramaturgo Millán Picouto. O presente volume tivo como antecedentes os titulados Ciclo de Venus e Ciclo de Mercurio.
Pola súa banda, Ciclo da Terra contén as obras
Prisciliano en Tréveris, Os corvos, As andoriñas e María Soliña.

Trasalba 2006

Mañá contareivos da magnífica xornada de Trasalba 2006, o domingo, en homenaxe ao grupo Milladoiro.
Hoxe só quero agasallarvos con este anaco dunha coñecida foto feita por Eduardo Blanco Amor en 1958, en Compostela, foto que reutilizou Milladoiro na portada dun seu disco (e a Fundación Otero Pedrayo nos convites deste ano). Como xa contou algún xornal, o neno do violín, que tocaba co seu pai e cun irmán chámase Luís Meneses e hoxe ten moitos máis anos, claro: a sorpresa é que apareceu o domingo en Trasalba e alí mereceu un cálido e moi merecido aplauso.
Hai xa bastantes anos (1993) o Clube Cultural Alexandre Bóveda
publicamos un fermoso volume de fotos de Blanco Amor (hoxe creo que esgotado), acompañado de textos que contextualizaban cada unha das fotos (e diso encargámonos Ángeles Fernández, da Biblioteca da Deputación de Ourense, e eu mesmo).
Para esta foto dos músicos ambulantes, escollimos un texto do xornal arxentino no que escribía Eduardo Blanco Amor, que reproduzo agora (permitídeme tamén dedicarlle esta cita á amiga do blogomillo en Buenos Aires, que defende a súa galeguidade coa forza da súa poderosa palabra, Débora Campos (Fíos Invisibles):

En medio de la plaza del Obradoiro, flanqueado por los pétreos encajes del hospital plateresco, por la acuñada música del arco de San Jerónimo, por la elegante lógica neoclásica del Seminario de Rajoy y por el vuelo de las torres gemelas, advertí que se me habían terminado las palabras interiores y comencé a sentir la ciudad como una dulce y potente música, como si todo yo flotase en una torrencial y unánime melodía, como si fuese a diluirme en ella, a perderme en sus sofocantes túneles sonoros de lejanos acordes simultáneos que nacían de cada una de las piedras nocturnas... ("Mi invención de Compostela", de Blanco Amor, en LA NACIÓN, Buenos Aires, Domingo 3, agosto, 1941.

25 jun 2006


Galería de badocos.
(Pan por Pan domingo 25 xuño)
Pensei que ninguén lograría nunca superar os xeitos do meu badoco preferido: xa saben ese que vai coas ventás do coche baixadas, a música chunda-chunda a tope para que se escoite a dous quilómetros e abaneando a cachola sen parar cando se detén diante dun semáforo. Pois no universo das realidades horteras sempre hai quen gañe: é o caso do badoco motorizado cunha moto destas de catro rodas para andar polo monte (chámanlles “quads”, creo), que logo vai a todo meter polo centro urbano, facendo un ruído insoportábel, cun casco estilo dos tonechos e mirando as mozas da beirarrúa da dereita e da beirarrúa da esquerda: aquí vai o guapo do barrio... Ademais non adoita parar diante dos semáforos en vermello. Supoño que no monte estes cacharros son unha ruína para o medio natural. No mundo urbano, o maior esperpento da gran badoquería.
(Imaxe: unha lectora de Courbet que se conserva en Washington)

24 jun 2006


Memoria da cidade. (Pan por Pan sábado 24 xuño)
Por razóns que non veñen agora a conto, debín ser o primeiro ourensán en coñecer a nova da homenaxe que vén de merecer Olga Gallego, honrada coa medalla Castelao. Alegreime entón e manifesto de novo esa ledicia, porque esa decisión recoñece o seu labor na recuperación da memoria da nosa cidade. Un labor de toda unha vida, co seu traballo no Arquivo Histórico, no Museo e no grupo Marcelo Macías e cos seus traballos de investigación (velaí o seu estudo do Ourense medieval e da Idade Moderna, 2001). Vai estar ben acompañada Olga Gallego, ao recoller este galardón, ao carón de Ángel Carracedo, médico especialista en Xenética Forense, e do mestre e galeguista Avelino Pousa Antelo, que preside a Fundación Castelao. Para recuperar o prestixio das medallas Castelao, reduciuse o número de premiados este ano. Pero todos eles cos merecementos necesarios.
OS CAMIÑOS DA VIDA
Na morte de Fernando Pérez

Así lembraba Ferrín, onte no "Faro de Vigo", a figura de Fernando Pérez:
"Veleiquí a morte, esa única verdade, que se presenta e nos roza coa súa asa de xelo. Chega para paralizar alguén que nos é próximo e, nun intre, percibimos que se interrompe unha persoa. Aquilo que é era un eu complexo e un organismo deixa de ser e as súas sustancias pasan a se diluir na materia eterna. Esa personalidade éranos amiga, e entón notamos unha falta irremediábel. Vimos de Sarria, de lle dar a despedida para sempre a Fernando Pérez López. Mais, con todo, sabemos que a morte non poderá nunca riparnos totalmente o amigo, o camarada. A súa memoria permanecerá en nós en canto vivamos e será consolo ao que, neste caso, se une un seu xesto de lección permanente.Hai homes e mulleres insustituíbeis. Nas obras colectivas, nos movementos comunais, na vida das organizacións constituidas para mudar o mundo, e aínda para o facer mudar de base, hai homes e mulleres únicos. E hainos que non escribiron e que, aínda facéndoo, publicaron poucos textos ou fixeron poucos discursos orais, pero a súa man está detrás doutros que asinaban obras e doutros que contribuían a elas con diversas aportacións. Rosalía, Murguía, escribiron e asinaron os seus traballos, son únicos e a Galicia de hoxe sería outra sen o seu contributo. Alexandre Bóveda e Lois Soto escribiron moi pouco pero o seu labor incesante e a súa función motora e aglutinadora convertenus en esteos sobre os que descansa a idea de nación na que participa a porción de pobo galego que se nega á asimilación e carece de vocación suícida.Do mesmo modo non podemos imaxinarnos o espazo político da esquerda nacionalista realmente existente sen a presenza reflexiva e activa de Fernando Pérez. Esa é a razón pola que as persoas do seu arredor van notar a ausencia de Fernández Pérez á hora das realizacións de intervención no seo da sociedade e na hora de pensar para a mudanza. Podo decer que él foi un elemento fundamental na Historia de Galicia de finais do século XX e principios do XXI. E, aínda despois de morto, no máis fondo da memoria de clase, de poesía, de arte, de política, o pensamento marxista de Fernando Pérez seguirá a marcar un camiño. Fernando Pérez foi inseparábel de todos os procesos críticos que en Galicia tiveron lugar desde o intre en que o nacionalismo maioritario diu en abandonar os principios do marxismo, aceptou a lóxica do capital e recuperou o rexionalismo de Brañas en lugar do republicano de independencia, proceso de degradación que contou coa oposición contundente de Fernando Pérez. El estivo na fundación da ANPG, e logo distanciouse e participou no labor de reconstrucción permanente do sindicalismo galego. E integrou as Redes Escarlata, na Aula Castelao de Filosofía, o movemento de solidaridade con Cuba, alén de outras frontes que agora terán que aprender a funcionar sen el. Destas e mais cousas falouse en Sarria, cando unha moitedume se despedía para sempre dos despoxos corporais de Fernando Pérez.

23 jun 2006


O reino do absurdo. (Pan por pan venres 23 xuño)
Onte espertei co detector de absurdos aceso. E deime conta que era absurdo que os alumnos acudisen aos centros educativos co seu teléfono móbil: a xunta debería vetar o emprego deste dispositivo nos colexios, como se fai co tabaco, aínda que dubido que se atreva a facelo. O móbil non é un elemento educativo, todo o contrario: mesmo pode facilitar agresións e humillacións de alumnos acosados e gravados. E no instituto non lles fai falta para nada. Tamén é absurdo, escoito isto na radio, o anuncio que di: a DXT e a casa Ford lémbranlle que non se debe usar o móbil conducindo máis dun minuto. Refírese a un aparello deses de mans libres, pero é o mesmo: se é un perigo falar por teléfono no automóbil, vaino ser tanto nun minuto como en quince segundos. E a ocasión dun accidente pode xurdir en moito menos tempo. Por desgraza.
(Imaxe: retrato de S.Rohner)

FALEMOS GALEGO. EN POSITIVO
Unha achega de Helena Villar, "Palabras únicas", que podedes consultar no blog irmán www.blogoteca.com/falemosgalego/

O tempo, a natureza, a felicidade
(Andoliña venres 23 xuño)
A Dúas de TVE emitiu estes días uns excelentes documentais da BBC sobre o sentido do tempo na natureza: puidemos ver a disciplina prusiana dos cangrexos cos seus movementos determinados pola lúa ou a puntualidade rigorosa desas curiosas cigarras que reaparecen, xusto cada 17 anos, nin un máis nin un menos, nunha vila inglesa. A natureza, sempre sorprendente, sempre chea de preguntas.
Tamén o home ten o seu reloxo biolóxico; de feito, é o bicho máis obsesionado coa idea do tempo: mellor dito, co soño de superalo e de vivir por riba dos marcos que impuxo, ata agora, a natureza. Ningún ser humano viviu máis de 122 anos, aseguran certeiros no documental (moito menos do que contan os relatos bíblicos e lendarios), pero podería chegarse ao horizonte dos 500 anos, como mera hipótese, se antes somos quen de manipular os xenes como xa se fixo cun verme en laboratorio. O home non renunciará ao soño de superar ese límite temporal: e logo canto vivían os nosos antergos hai unhas décadas?
Mentres tanto, é mellor vivir tranquilos: disque unha persoa feliz e optimista pode ampliar a súa vida uns 20 anos máis (de 85 a 105, por exemplo). Só queda saber que é o imprescindíbel para ser feliz.

21 jun 2006


A Igrexa contra a Educación para a Cidadanía
(Pan por Pan, mércores 21 xuño)
A xerarquía eclesiástica non deixa de sorprendernos. Un día reúnese para afirmar a unidade de España (tema teolóxico clave, non?), outro proclama que a materia de Educación para a Cidadanía é un ataque á familia: palabras do arcebispo de Toledo. Esta materia debe promover unha reflexión ética en pro dunha educación sentimental do individuo (saber xestionar as súas propias emocións) e da súa participación na vida política. Todo ben necesario no mundo no que vivimos. Díxoo moi clariño José A. Marina: “A educación para a cidadanía pretende ensinar a convivir. Tamén a convivir en familia. Quere ensinar que a democracia é un proxecto ético, que todo dereito implica un deber, que debemos buscar a xustiza en todas as relacións –incluídas as familiares- e que debemos respectar as crenzas doutras persoas, sempre que se manteñan no marco ético”. Nin máis nin menos.
(Imaxe: Lucas Cranach, The Adoring Husband, 1530)

20 jun 2006

CEN POEMAS, ESCOLMA
n.7, Manifiesto pastoril a los niños pobres del campo, do poeta comunista e mártir Manuel Gómez del Valle
Xa que nestes días falamos da homenaxe a Manuel Gómez del Valle, poeta do que só se conservan (polo de agora) algúns poemas en castelán publicados en revistas, aproveito hoxe para incluír o máis coñecido, porque foi publicado na revista Cristal, de Pontevedra, no seu n.4, outubro 1932 (está reeditada polo Centro Ramón Piñeiro).
Alonso Montero dixo o venres que este era o primeiro poema marxista escrito por un autor galego de nacencia. E que por este poema mataron ao seu creador: porque quería repartir mazás e leite cos nenos pobres do campo e da cidade. Dende logo, é un poema escrito co corazón, dun forte sentimento solidario. (Ilustra o texto a nena das uvas de W. Bouguereau, a miña descuberta artística destes días).

NIÑOS descalzos de las escuelas de campo.
De los caminos del campo.
De todo el campo.
Abrumados bajo tres océanos de sol, en verano;
Y ciento cincuenta témpanos resbalados del Polo Sud en invierno.

Sol, frío –siempre descalzos-
Frío, sol – siempre desnudos-
Bajo la lluvia de vuestra melancolía,
La ciudad es el tamboril donde tiemblan todos los ruidos
De las atracciones…
Donde los niños señoritos se comen vuestras manzanas
- si se las comen, también juegan con ellas a la pelota-
A los niños señoritos les sobran vuestras manzanas
Que vosotros veis partir del huerto, una sobre una…
Si vuestros ojos legañosos tuvieran imán
Os quedaríais con las más rojas
Porque las visteis crecer a flote de la primavera florecida.

Los niños señoritos de la ciudad non saben como empiezan
A nacer vuestras manzanas
-Solo saben comerlas-
Si vuestros ojos lagañosos tuvieran imán
Os quedaríais con las más rojas
Porque las visteis desembarcar de la primavera enardecida.
Los ignorantes niños de la ciudad se beben vuestra leche
-apenas si sben tomarla, repugnantes, sorbo a sorbo-
Nada saben de donde se hace manar,
Porque nunca han visto copular a las vacas
Mientras en el monte pacen a tu cuido.

Niños pobres del campo,
En la ciudad, hay también niños
Pobres que tienen hambre.
¡Que tienen mucha hambre!
QUE NO TIENEN LECHE NI ROJAS MANZANAS!
UN DÍA, PRONTO, OS JUNTAREIS PARA REPARTIROS
TANTA RICA LECHE Y TAN ROJAS MANZANAS.

ENTONCES ES QUE SE HA ACABADO LA INJUSTICIA.

…Y seguiréis pastoreando vuestras vacas,
Y que copulen mucho
Para que tengan leche todos los niños pobres.
Y ya lavados vuestros ojos
En fuente de rocío, en lagos de luna,
Sin envidia, sin envidia,
Veréis vuestras manzanas
Que visteis colgar de las sombrillas florecidas de la Primavera enardecida.

QUE NO TIENEN LECHE NI ROJAS MANZANAS!
UN DÍA, PRONTO, OS JUNTAREIS PARA REPARTIROS
TANTA RICA LECHE Y TAN ROJAS MANZANAS.

CATALUÑA, ESTATUTO BEN LEXÍTIMO
(Andoliña martes 2 xuño)
Vivimos nun país de tolos? Tal podería pensar alguén que non coñecese o noso contexto político e mediático ante as portadas dalgúns xornais de Madrid de onte. O que para uns foi un éxito masivo do “Si” ao Estatut, noutros era un fracaso rotundo: quizais haxa outra Cataluña diferente en Marte e tamén aló se votaba? A abstención foi alta para o marco catalán, pero ninguén pode sumarse os votos dos que deciden non opinar: nin a favor nin en contra. Podía desexarse un maior entusiasmo na apertura desta nova etapa política, pero a opción abstencionista (que non suma nin resta) non debe ser manipulada.
Entre os que votaron, case a metade da poboación con dereito a voto, foi abrumador o resultado afirmativo: un 74 por cento, uniforme ademais en todas as provincias. O novo Estatut, un avance no autogoberno e na identidade definida dende as arelas dos propios cataláns, é pois ben lexítimo, diga o que diga Rajoy e o PP.
Lembremos que o Estatuto galego, sometido a referendo co presidente Quiroga Suárez (1980), tivo unha abstención superior ao 73 por cento e en moitos concellos ourensáns e lugueses superou o 80 e o 90 por cento: xa que logo, seremos os galegos ilexítimos dende aquela?
(Imaxe do pintor W. Bouguereau)
Faleceu Fernando Pérez, presidente da Aula Castelao de Filosofía
Moi recentemente recollía o Pedrón de Ouro en nome da Aula Castelao de Filosofía. Soubemos polos xornais que faleceu onte, con 60 anos, vítima dun infarto. Había moitos anos que non o vía nin falaba con el. En tempos foi un dos responsábeis da AN-PG en Ourense e unha das súas primeiras caras públicas nos inicios da transición democrática. Daquela era Fernando o de Sarria. Logo viñeron tempos difíciles e polémicos, que non é o caso relembrar agora. Seguiu a traballar no ámbito cultural e a vida foille, sempre o é, demasiado curta. Vaia dende aquí unha última lembranza cordial.
Camiño do Vao: novo artigo de Monxardín
Un novo artigo de Afonso Monxardín sobre a lingua, supomos que polémico (cando menos na súa orixe). Extractamos un anaco brteve do mesmo:
¿Está o galego en peor situación hoxe que hai trinta anos? Se alguén contesta que si, é que non ten nin idea da historia. Falen coa xente. Xa está ben de buscar inimigos fóra. Escoitáballe o outro día a un sabio dicir que aquí non temos unha sociolingüística cuantitativa da recuperación. ¿Cantos nenos hai que levan xa nomes galegos? ¿Cantos comercios hai xa co nome na nosa lingua? ¿Cantas conversas se desenvolven con normalidade en galego en ámbitos que antes eran alleos? A cousa non lles está tan mal como pensa o Sr. Callón. Saia da cuncha, rompa o ovo, tire molida ou xugo, e patee a terra sen orelleiras. De acordo con que hai que poder casar ou testar en galego, pero non é cousa que fagamos todos os días. Vaia ao súper e fálelle en galego á caixeira. Vaia ao Instituto e fálelle en galego ao profesor. Vaia á Policía e fálelle en galego ao axente. Vai ao bar, á biblioteca, ao médico, a unha oficina, a comprar un coche, ao fútbol, a facer a depilación, ao museo, equivóquese por teléfono, fale con calquera. Vaia onde queira e fálelle en galego a quen queira e, por sorte, grazas ao bilingüismo pasivo de todos, vostede pode vivir sempre en galego, se é a súa vontade. E se lle fala á xente con boa cara, e se ven que vostede se desenvolve en galego de xeito natural, espontáneo e non forzado, é posible que cambien e lle falen tamén en galego. Os tempos de "Hábleme en castellano", onde é que eles van. Sabemos todos que cómpre aínda facer moito, moito, pero meu amigo, cambiando de ton, e emitindo en positivo. Imos ter que explicarlle á xente o do "deber" no novo Estatuto, en positivo, como oportunidade fermosa e útil e non como imposición ou obriga, dúas palabras que a ninguén atraen.

19 jun 2006

FALAMOS GALEGO. EN POSITIVO
Proseguindo coa campaña que se inicou neste blog, hai un par de meses, vimos de abrir unha nova bitácora que se reservará exclusivamente a promover este debate arredor do noso idioma, "en positivo". Chámase www.blogoteca.com/falamosgalego, e xa está a agardar polos vosos artigos e aportacións (hai neste momento trece entradas relacionadas co tema citado, que recollen en parte a historia desta campaña).
Tamén pego aquí o texto que figura aló como "Benvida (presentación)"

Dende hai un par de meses hai un ruxe-ruxe polo mundo cultural galego e tamén polo mundo das bitácoras galegas arredor da necesidade de buscar un novo estilo de defensa da nosa lingua. Un novo estilo que se define na cabeceira desta mesma bitácora, “Falemos galego. En positivo”, e que pretende buscar tamén un novo discurso que poña sempre en primeiro plano os aspectos positivos da recuperación do idioma e non aqueles, negativos e mesmo de confrontación agresiva, que xa son demasiado subliñados nos medios de comunicación tradicionais.
Este ruxe-ruxe foi dando pasos de vagariño que ata agora foron moi valiosos:
(1) a elaboración dun manifesto (provisional) que dende Ourense asinamos Afonso Vázquez-Monxardín e Marcos Valcárcel; (2) a difusión deste escrito entre xentes da cultura comprometidas co noso idioma, moitas das cales xa amosaron de xeito explícito o seu apoio a esta perspectiva; (3) o debate ó respecto no mundo dos blogs (de forma moi particular en www.asuvasnasolaina.blogspot.com, dende inicios de maio, pero tamén noutras bitácoras: rei de copas, galeidoscópio, brétemas, beliscos pequenos, etc.); (4) unha primeira xuntanza en Compostela, o pasado 14 de xuño, de xentes que coincidían nos datos básicos do diagnóstico que se facía no manifesto e nestes debates.
Chegados a este punto, decidimos abrir esta nova fiestra á reflexión e ó debate e reproducir aquí o manifesto inicial e, ademais, algúns dos textos que xenerou toda esta campaña.
O paso seguinte precisa da colaboración de todos/as vostedes: agardamos polas súas reflexións e pertinentes tomas de posición que serán trasladadas a este espazo virtual para que o debate prosiga e nazan novas ideas e propostas, sempre en positivo. Todos e todas aqueles que queiran participar só teñen que mandar as súas reflexións ós enderezos que figuran na cabeceira desta bitácora e serán aquí reproducidos ó dispor de todos os interesados en que o noso idioma poida gozar das “mil primaveras máis” que soñou o señor de Mondoñedo, don Álvaro Cunqueiro.
HISTORIA, NACIÓN, CULTURA
(La Región, luns 19 xuño)
Unha vella nación. “Grazas á nosa literatura non somos unha rexión”, di Xosé Luís Méndez Ferrín nunha entrevista que publica a revista “Naz-on”, presentada hai dous meses en Auria. E ten toda a razón o egrexio escritor galego, presentado de novo polas asociacións de escritores como candidato ao Nobel (non o será polo de agora, pero de esperanza tamén se vive). Foi co labor dos nosos escritores, dos pintores e artistas, dos científicos e dos historiadores, dos xornalistas e dos eruditos, como se foi construíndo a fisonomía da identidade deste país ao longo da historia. Un vello país, de lonxanas raíces indoeuropeas e celtas, que acusou unha fortísima romanización, que se impregnou da herdanza cristiá e do alento priscilianista (coa monxa Eteria camiño dos Santos Lugares, tamén precursora), que tivo un excepcional lugar de seu no esplendor cultural medieval dos trobadores galego-portugueses, que se redescubriu a si mesmo dende a cela solitaria do Padre Sarmiento e que alentou cos Precursores e co Rexurdimento a ilusión definitiva por atopar o seu camiño desde unha perspectiva galeguista e progresista: “somos fillos do noso país, pero tamén somos fillos do noso tempo”, como afirmou, solemne e certeiro, o gran patriarca Manuel Murguía.
Un debate bizantino. Non somos unha rexión, de certo, e tócanos agora asistir a un debate bizantino, como pasou en Cataluña, ao respecto da definición como “nación” no próximo Estatuto de Galiza. Semella existir acordo ao respecto entre os dous partidos que conforman o goberno bipartito (aínda que existan algunhas voces discordantes) e xa é un éxito que o PSdeG e o BNG presenten un documento de bases conxunto para o debate estutario. Existen moitas fórmulas posíbeis en xogo, mesmo nestes días saiu a forma “nación de Breogán”, en boca do meu admirado Ramón Villares: supoño que se quere insistir no concepto de “nación cultural” que el mesmo ten defendido e que o PP galego podería aceptar sen estridencias. E tamén cabe lembrar, díxoo estes días en Auria Camilo Nogueira, que xa houbo unanimidade ao definir a Galiza como nación cando se aprobou a Lei de Símbolos: alí figura “Himno Nacional” en referencia ao texto de Pondal e a música de Pascual Veiga e tal estatus aprobouse gobernando no país o Partido Popular, con Fernández Albor como presidente.
O futuro. Serán os galegos quen se definan na práctica, día a día, na súa ilusión renovada: a nación é o plebiscito cotián de todos os días, dixo o vello bretón, Ernest Renan, e a súa proposta segue tan viva e chea de vizosidade como cando foi formulada. É o tecido social galego –as xentes da cultura, os empresarios, os comunicadores sociais, os deportistas, os profesores universitarios e non universitarios, o mundo do traballo, as asociacións de mulleres e de mozos, etc.- o que definirá no devir cotián qué somos e qué queremos ser os galegos. E ninguén pode dubidar que Galiza ten unha moi forte personalidade etnocultural ou identitaria, non menor de ningún xeito a que poida ter Cataluña ou Euskadi. Que esta identidade non tivese ata hoxe un correlato no plano político é só un suceso explicábel desde a propia evolución histórica. Iso pode mudar e creo que xa está a suceder.

18 jun 2006


Prego, case esquecido.
De Manuel Prego de Oliver, un dos clásicos da pintura galega, xa case non se fala. Saíu o seu nome na homenaxe a Manuel Gómez del Valle: el sufriu tamén a traxedia desa familia, que era a súa (a súa noiva Branca era irmá do poeta). Para protexer ao resto da familia, trala morte de Manolo e da súa nai María del Valle (máis logo sería asasinado Ricardo, outro irmán), Prego incorporouse á fronte, na unidade de Tiradores de Ifni e fixo a guerra. Rematada esta, foi depurado e expulsado do maxisterio: a represión non era arbitraria, dende logo. Dedicou desde entón a súa vida á pintura e xa en 1945, nunha mostra en Madrid, recibiu os eloxios do pintor Gutiérrez Solana. Xa fixo 20 anos da súa morte. Entón falouse dun futuro museo a el dedicado en Vigo: nada se sabe daquelas promesas. De novo, fai presenza a ingrata desmemoria.
CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1926
Se queredes saber qué pasaba na Galiza cultural á altura de 1926, remítovos ao meu artigo de hoxe en GALICIA HOXE.
Basta citar a Castelao, Dieste e Cabanillas para decatarse da importancia na nosa historia cultural e literaria dun ano como 1926, un dos mellores do período de preguerra. O ano en que se publicou o primeiro libro das inmortais Cousas de Castelao ou obras como A coutada, de Vicente Risco; Dos arquivos do trasno (El Pueblo Gallego), de Rafael Dieste, ou O purgatorio de don Ramiro, a segunda entrega narrativa de Ramón Otero Pedrayo. Obras mestras todas elas da narrativa breve e do relato curto, que deixarían unha fonda pegada nas letras galegas e nos autores posteriores. Pero, ademais, o propio Otero daba a luz nesas datas a súa Guía de Galicia, que aínda se segue a vender 80 anos despois, e a súa Síntese xeográfica de Galicia. Tamén foi un ano glorioso para Ramón Cabanillas, que vía publicada a súa obra Na noite estrelecida, na imprenta de Mondariz, e O mariscal, na colección Lar (poucos meses despois de publicar O bendito San Amaro), ademais de reedicións de No desterro e Da Terra asoballada. Con 50 anos en 1926, Cabanillas, presente ademais en múltiples xornais e revistas, era xa un clásico vivo.Boa parte dese esplendor, temos que repetilo unha vez máis, débese ás meritorias figuras dos editores Leandro Carré e Ánxel Casal, os pais da Editorial Lar, onde saíron os libros de Castelao e Risco. Na mesma colección aparecían tamén obras como O filósofo de Tamarica e O Kalivera 30 H.P., ambas as dúas de Xulián Magariños Negreira; Desengano, de Xosé Pla Zubiri; O consentimento, de Luis G. Vicente (pseudónimo de Luis Carré Alvarellos); O home que deu vida a un morto, de Leandro Carré; Manecho, o da Rúa, de Xosé Lesta Meis; Xelo o salvaxe, de Felipe Fernández Armesto; O xardín do castelo de Vidre, de Álvaro de las Casas; Fuxidos, de Gonzalo López Abente, ou O corazón dun pedáneo, de Leandro Carré, primeiro volume da Biblioteca Teatral de Lar.

OS OLLOS DA MEMORIA
Hoxe teño o pracer de comunicarvos que estreo unha nova (e breve) sección na prensa: Os Ollos da Memoria (o máis bonito da sección, xa o vedes, é o título).
Sairá todos os domingos en El Correo Gallego, no suplemento El Correo 2, e recollerá fotos relevantes da nosa historia acompañadas dun texto breve de contextualización.
A primeira entrega titúlase Curros na Coruña (1904) e pego aquí a foto porque na versión dixital do xornal non sae publicada.

17 jun 2006

González Tosar, reposto, segue a escribir
Días pasados, como moitos saberedes, o amigo Luís González Tosar, gran poeta e presidente do PEN Clube galego, deunos un susto: un dos tres Cs famosos, en formato de infarto. Repúxose e vímolo en Compostela: hai que coidarse moito e facerlle caso ós médicos, quédanche moitas cousas por facer. De momento, podemos seguir a gozar dos seus artigos en El Correo Gallego ou en Galicia Hoxe, por exemplo, este de hoxe mesmo, "Desamparo e clorofila".
(Na imaxe, compartindo un agradable cantar en Celanova, na Casa dos Poetas, tras entregarlle o premio a Acisclo Manzano, setembro do 2004: con Tosar, Méndez Ferrín, Marcos de Auria e Sexismundo Bobillo).

Homenaxe a Manuel Gómez del Valle
Celebrouse onte unha homenaxe masiva (arredor de 140 persoas) no Ateneo de Ourense. organizada polo Foro da Memoria.
Falamos nese acto Manuel Peña Rei, Xesús Alonso Montero e o asinante destas liñas, ademais de Laura Pérez Landeira, unha ferrolá que logrou emocionarnos recitando poemas de Machado, Lorenzo Varela, Ramón Cabanillas e Luís Cernuda, e Ernesto Gómez del Valle (fillo do Ernesto irmán do poeta mártir) que deu as gracias en nome da familia, tamén presente.

Pan por Pan sábado 17 xuño
Aínda gardo un vello libro de literatura de Bacharelato no que viña unha brevísima nota sobre García Lorca que remataba así: “Murió en 1936”. Sen máis, coma se falecese por accidente ou enfermidade: esa era a historia que ata nós chegaba no franquismo. Tardamos en saber o que significara a guerra española tamén na masacre das súas mellores voces, mortas na represión ou no exilio: Lorca, Machado, Miguel Hernández. Menos aínda se falaba dos poetas mártires galegos: quen sabía daquela quen eran Roberto Blanco Torres ou Manuel Gómez del Valle, o poeta comunista ourensán que homenaxeamos onte? Ou o artista católico Camilo Díaz Baliño ou o editor Ánxel Casal. Non é un capricho o empeño de hoxe en recuperar a memoria. Nin un aceno de desquite. É só que non queremos vivir nun país queixoso de alzheimer histórico.

Dous datos para a historia: a primeira recuperación deste poeta, do que só quedan algúns poemas publicados (en castelán), tivo lugar no Liceo ourensán, cunha conferencia de Xesús Alonso Montero, no ano 1995 (24 novembro), e no III Encontro de Escritores Ourensáns: eu mesmo fun o organizador daquel acto. Logo, en 1999, Alonso Montero publicou o único estudo a fondo que existe do autor, na revista Madrygal, da Complutense de Madrid, onde estudiou o propio Alonso. O artigo, titulado "Manuel Gómez del Valle, poeta, comunista e mártir (1906-1936)", está na rede e podedes consultalo en PDF (está publicado no n.2, 1999: síntoo, pero non logro incluir a ligazón).

(Imaxe: o retrato de Manuel Gómez del Valle, por M.Prego de Oliver. Era un mozo ben guapo, dicían mesmo as señoritas de Auria, asasinado con 30 anos polas bestas da barbarie).

16 jun 2006


Denuncias no reino do disparate
(Andoliña venres 16 xuño)
Carlos Callón, segundo informan os xornais, decidiu denunciar a Presidencia da Xunta e a Consellería de Educación diante do Consello de Europa por presuntas trabas ao proceso de normalización do idioma: a nova pertence, como outras que cada día chegan á prensa escrita, ao reino do disparate. Ninguén en Galiza pode pensar que o problema do galego hoxe sexa Emilio Pérez Touriño ou calquera outro alto cargo do seu goberno. Pérez Touriño preside un goberno progresista e galeguista, que se comprometeu a aplicar o Plan de Normalización Lingüística e que está a anunciar medidas novas en defensa do idioma, discutíbeis, como todo, pero orixinais de seguro.
Que sucede logo? A única explicación que entra dentro do campo da razón é que estamos ante un novo episodio de loita partidaria, cun certo aceno sectario e mesmo contraproducente na intelixencia política do goberno de coalición: non esquezamos que o goberno denunciado ante o Consello de Europa é tamén o goberno dos nacionalistas do BNG (ou non?). Callón e os seus colegas están a tirar por terra, con este tipo de actuacións, o creto político que a Mesa gañou en moitos anos en amplos sectores do noso tecido social.

15 jun 2006


PECHAR GUANTÁNAMO, AXIÑA!
(Andoliña xoves 15 xuño)
A Unión Europea reclamou nesta semana o peche da base de Guantánamo, onde os Estados Unidos manteñen en gaiolas ao aire libre, sen ningún tipo de dereitos legais, a 460 supostos terroristas dende o 11-S. Estes días houbo tres suicidios de detidos naquel limbo legal que nin sequera estaban acusados formalmente acusados. Á marxe de calquera garantía xurídica, os presos de Guantánamo en teoría son vixiados constantemente, cada dous minutos, e padecen torturas como a “privación sensorial”, isto é a privación da súa capacidade de falar, de ver, de oír, de ulir e de tocar. Unha situación que atenta contra todos os dereitos humanos. O propio ministro español de Asuntos Exteriores declarou: Guantánamo é unha anomalía, e canto antes o pechen, mellor.
O cidadán canadense Omar Khadr, que foi posto en custodia cando tiña 15 anos, ferido en Afganistán, presenta, segundo o doutor Eric W. Trupin, os síntomas psicolóxicos propios das persoas vítimas de tortura: os grupos de Ourense e Almería de Amnistía Internacional están a enviar postais en pro dos seus dereitos legais ao Fiscal Xeneral dos Estados Unidos e ao primeiro ministro de Canadá. Estas campañas son a súa única esperanza para que teña dereito a un xuízo xusto. (Imaxe: un dos cadros da serie de Botero inspirados nas torturas de Iraq).

14 jun 2006


Onte en Ourense, baixo a bandeira de Nunca Máis
No remate da presentación de A terra cantada, na libraría Torga, da rúa da Paz de Auria (a mesma de don Ramón, Risco, o Xocas..., a antiga rúa dos Zapateiros). Na foto, Carlos Varela, Camilo Nogueira, a súa compañeira Paz, Xavier Paz e o blogueiro que asina estas liñas. (Foto de Xulio Outumuro).

A terra necesita ser cantada
"Unha terra que non é cantada é unha terra morta, se os cantos fosen esquecidos a propia terra remata por morrer": con esta cita de Bruce Chatwin comeza A terra cantada, o novo volume de Camilo Nogueira que presentamos onte en Auria. Un vasto conxunto, 80 textos, de diversa procedencia e cronoloxía, dende artigos de prensa ata discursos parlamentarios (en Galiza e en Europa), que amosan a faciana reflexiva dun home de acción que marcou dun xeito moi relevante as claves do nacionalismo contemporáneo (algúns non llo recoñecen, pero ese é outro problema). Moitos deles foron publicados na prensa e outros son inéditos, como as súas intervencións no Parlamento Europeo arredor do Prestige ou de crítica á dereita autoritaria de Berlusconi.
Hai no libro textos que van dende 1981 ao 2005, todos cunha mesma voz, de gran coherencia: dende a reclamación en sede parlamentaria da volta dos restos de Castelao ata a afirmación das súas fondas conviccións europeístas ou a necesaria esixencia, hoxe, dun Estatuto de nación. Ese que, segundo Rajoy, non se pode parecer en nada nin ao catalán nin ao andaluz. Por suposto que o Estatuto debe ter unha cara de seu, pero non con menor status que os xa aprobados.
(Imaxe: detalle de Venus e Cupido, de Bronzino)
Carta-artigo dun vello amigo
Un vello amigo, dos xa arredados tempos de Compostela, escribe un artigo en xornal.com, onde colabora habitualmente, no que evoca aqueles tempos dos ERGAS de mediados dos 70 e tamén me dedica unhas gabanzas inmerecidas (oxalá fose tan bon estudante como el insinúa nas súas verbas). Ben, en agradecemento e sabendo que é lector deste blog, aí vai o seu artigo:
Estilos de corrector Xosé M. González (luns 12 de xuño de 2006)
Aplicando ás culturas a metáfora do corpo, serían espiña dorsal certos pensadores e artistas con rigor, erudición e profundidade en análise e palabra. Na diacronía xorde a evidencia de Murguía ou a de Otero Pedrayo. Sen afán de comparar, Marcos Valcárcel é vértebra do sistema galego no tempo presente. Semella vocacional. Evocaba Xosé Manuel Sarille como, na eclosión militante de hai uns trinta anos, ninguén de ERGA dedicaba tempo substancial ao estudo quitado o Marcos; son testemuña indirecta de que así era e así debeu seguir xulgando polo froito. Hai pouco estreou blog, e nel -alternando con certas saudades, convidante crónica e información varia- atopo o raro selo de quen falando sobre si porta voz colectiva: onte contaba unha historia de censura e rabenamentos varios na relación coa prensa. E aí quería dicir eu tamén un par de cousas. Non tocante a filtro ideolóxico en tempo de liberdades -que Valcárcel xa é dabondo claro-, si sobre certa práctica da que este Xornal debe quedar exento, dado que a min persoalmente nin sequera un til me trocan. Paralelo ou substituto do que nun tempo se chamou “corrector de estilo” ou “lingüístico”, adoita haber arestora nas redaccións quen supervisa o texto preparado para publicar. É sen dúbida labor importante, encomiable canto a puír o traballo da casa e eliminar grallas involuntarias no artigo de opinión; non así, pola contra, cando se muda o que o colaborador incluíu conscientemente e non coincide co gusto, criterio ou avío profesional do revisor: tocar na vontade ou o estilo dun asinante supón certa caste menor de tiranía perfectamente evitable. Dígoo como quen o sofre. Téñenme xuntado parágrafos; conferido patente recarga ao que eu procurara leve e suxerido; aplicado a ortografía vella a textos do 2003 ou 2004; posto un “a” (preposición) a complemento directo non persoal. Seguramente algún lector avisado atribuíu tales torpezas a desleixo do autor; en todo caso, incomódame tal intervencionismo. De feito (sempre queda Xornal excluído) algunha vez no meu caletre fixen mentes de deixalo. Pero que lle queren, conservo o aquel da escrita e recoñcecemento a quen me difunde. Por outra banda, xusto é recoñecelo: un tamén foi corrector.

13 jun 2006


Os zocos de Lito, meu amigo
Unha fermosa historia da emigración americana, moi ben contada hoxe mesmo, en Galicia Hoxe, por Afonso Vázquez-Monxardín.
(Imaxe: os zocos non de Lito, senón de Van Gogh, 1888)

Da memoria e dos seus misterios
Disque está comprobado que a partires dos 60 anos lémbranse máis cousas da nenez que cando un ten 40: xa lles contarei, se aló chego. Din tamén que na vellez se recuperan moitos recordos dos nosos primeiros anos que quedaron gravados con detalle: a causa disto estaría en que nesa época facemos moitas cousas por primeira vez, como ir ao colexio, recibir un castigo ou ver o mar, e por iso manteñen unha maior permanencia. Sen dúbida, como di o psicólogo holandés Douwe Draaisma nun recente traballo, a nosa forma de percibir o paso do tempo ten moito que ver coa cantidade de experiencias novas que nós mesmos vivimos. Por iso, se facemos cousas novidosas (viaxar e coñecer lugares novos, por exemplo), sentimos que o tempo se estira; en cambio, cando facemos as mesmas cousas cada día, as horas vanse voando sen decatarnos. Sempre foi así, tamén antes de que o estudaran os psicólogos. (Imaxe de W.Bouguereau)


A Terra Cantada

Hoxe, martes 13 xuño, estará en Auria, 20, 00 h., na Torga, Camilo Nogueira, presentando o seu último libro, A Terra Cantada, publicado por Xerais.

12 jun 2006

CATRO NOMES PROPIOS
(La Región, luns 12 xuño)
Beiras. Se o que nos perde é a educación, que xa o dícia don Vicente Risco aló polos anos 20: os galegos somos demasiado educados. Xosé Manuel Beiras tiña que facer a laudatio de dous vellos amigos e camaradas: Ferrín co seu “Contra maquieiro” e Manuel Ferreiro coa súa edición de “Os Eoas” pondalianos. E Beiras quixo ser educado, “por respecto e cortesía”. E foi á misa e escoitou o pregón do xesuíta que soltou unha filípica contra ETA e supoño que tamén contra o goberno de Zapatero e os seus plans de camiñar cara a paz (había unha manifestación en Madrid ese mesmo día, coa mesma mensaxe, sería casualidade). E Beiras respostou, indignado, “porque o sacerdote non me respectou a min”, na súa intervención laica no pazo de Boborás. Eu non estaba alí (non fun convidado), pero seguro que pagou a pena escoitar a Beiras. Sobre todo despois de escoitar na homilía ao xesuíta comparar Euscadi con Auswichtz... mundo de tolos!
Quintana. Na mesma xornada, Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta, tiña que entregar un premio en Barcelona a Manuel Fraga Iribarne, no encontro de Empresarios Galegos do Mundo. Si, escoitaron ben: “o noso Quin” a Fraga Iribarne. Nos foros de Internet hai moita xente cabreada con estas cousas: acudo á páxina web oficial da Xunta e alí está confirmado, con data 9 de xuño. Ao final Fraga non acudiu: estaba en Madrid, berrando contra Zapatero, supoño que iso era máis importante para el. E librou ao vicepresidente dunha foto incómoda. Lembran vostedes as reaccións de certos sectores do nacionalismo cando Camilo Nogueira, dirixente de Esquerda Galega, aceptou o convite dun “almorzo político” con Fraga? “Traidor á patria” foi o máis suave que lle chamaron algúns a Camilo. Eran outros tempos ...
Araújo. O noso concelleiro de cultura seica anda nervioso. Di en varias entrevistas que hai unha conspiración contra as súas festas e que todo é froito dun boicot perfectamente organizado. Só lle queda invocar a masonería e o xudaísmo, como facía o vello. Máis doado sería recoñecer que as festas son abondo cutres, que non hai cartos para facelas como Deus manda e que ata o alcalde da cidade recoñece que son moi mellorábeis. E por riba o bispo parou o da Misa Rociera: algo que debía “fardar” bastante, cando menos aos espectadores de “Salsa Rosa”, digo eu. “Quen teña tenda, que a atenda”, di a sabedoría popular. E quen ten que programar unhas festas dignas, que o faga: sen buscar escuras conxuras de encarrapuchados que me perseguen…
Virxilio. Tampouco puiden asistir o pasado venres á xuntanza da Fundación Curros Enríquez. Pero apoio con entusiasmo a decisión de outorgar o premio Casa dos Poetas deste ano ao pintor Virxilio, un dos nomes fundamentais da plástica galega do noso tempo. Aínda hai uns meses contaba neste xornal que a súa vida puido deterse cando daba clases no Instituto de Ribadavia, pero, por sorte, botárono de aló. E foise logo a París e logo a Alemaña, onde quedou fortemente marcado polo expresionismo alemán, e así saíu gañando Virxilio e tamén a pintura galega e a pintura universal, porque sen dúbida é un pintor universal, sen renunciar ás súas raíces, sempre abrindo camiños, inventando linguaxes, descubrindo mundos novos.

10 jun 2006

Da censura na prensa: a miña experiencia persoal

Levo tempo querendo contar isto e ata agora non puiden: o blog creo que é o lugar máis axeitado.
Hai case 30 anos que veño escribindo en diversos xornais galegos (en case todos). Agora fágoo a diario en dous deles (Galicia Hoxe e La Región), pero tamén o fixen moito tempo, máis de dez anos, nunha edición local de La Voz de Galicia (ademais de nos suplementos culturais), en Orense Diario, en Diario de Galicia, en El Correo Gallego e no Faro de Vigo (e Faro de Ourense). Polo xeral, tiven unhas relacións bastante boas en todos estes medios, houbo problemas (cómo non!), pero solucionados dun xeito ou doutro. E cando o xulguei conveniente cambiei de medio e xa está.
E quero contar agora as miñas experiencias coa censura na prensa: adianto xa que non foron moitas, quizais porque sempre souben en qué medios traballaba e os límites necesarios para escribir neles, isto é, o que se chama autocensura. Non sexamos inocentes: en cada xornal hai unhas claves que non se poden tocar, sexan unha empresa, un poder político, ou mesmo un lobby de calquera tipo. A miña autocensura evitoume moitos problemas, pero non todos. Por exemplo:

1) Nunha ocasión, nun xornal local, foime censurada unha carta (nin sequera era un artigo) na que falaba ben de Telesforo Monzón. Eu era moi novo, debeu ser no 77 ou no 78 e Monzón viñera ao 25 de xullo en nome de HB. Foi atacado e insultado en moitos medios e eu, inxenuo, saín na súa defensa. A carta nunca foi publicada.

2) Segunda situación, nun xornal ben importante, hai moitos anos, case 30. Mandei unha carta de réplica a un escritor moi coñecido por un tema relativo á lingua galega. Que eu recorde a carta era cortés e nada ofensiva, pero nin sequera así saíu. Por desgraza non creo que conserve copia, pero creo que me respostaran no xornal que non a consideraban pertinente. Este é o único caso en que me alegrei, co paso do tempo, de que a carta non fose publicada: o máis seguro era unha babecada e ía dirixida a replicar a Carlos Casares, co que logo tiven certo trato e amizade (por certo, nunca lle contei este incidente e seguro que el nunca viu a miña carta frustrada). Cousas que pasan ...

3) No mesmo medio que o anterior, pero moitos anos despois, e sendo eu colaborador habitual. Eu xa sabía que había nomes intócabeis (era o momento de apoxeo máximo do PP en Galiza), pero o colaborador tampouco sabe nunca ata onde pode chegar exactamente. Por outra parte, hai cousas que lles deixan escribir a algunhas firmas (polo que sexa) e a outros non. O meu neste caso era un artigo que aludía directamente ao pasado de Fraga, entón presidente da Xunta, como exministro de Franco. Tomeino como censura pura e dura, aínda que o xornal non o quixo recoñecer así. Pero o artigo nunca saíu.

5) Noutro medio no que colaboraba habitualmente (e seguín colaborando logo: non nego que xogo ao posibilismo) un día un meu artigo desapareceu da páxina de opinión. Sacárono, pero publicado como carta ao director e en letra pequena. Non pedín moitas explicacións, porque era obvio que non se querían meter dende o xornal con aquel personaxe: o artigo criticaba, con certa dureza, pero non demasiada, ao presidente da Confederación Empresarial Galega daquela, creo que A. Ramilo.

Debeu haber máis casos que agora non lembro. Quizais algúns artigos políticos, cando cultivaba máis este xénero: lembro nunha ocasión que me chamaron dicindo que os colaboradores non podían usar o tono propio dun voceiro dun partido político. Ao mellor ata tiñan algo de razón: disto tamén hai moitos anos. En calquera caso, esa foi a miña experiencia persoal.
E que ninguén pense que isto é excepcional: seguro que hai moitos lectores que tiveron incidentes semellantes, e moitos máis. Aínda máis, cónstame que case ninguén se libra: sei de intelectuais de moito renome, mesmo varios membros da Academia Galega, aos que lles teñen recortado parágrafos e cambiado algunha liña “molesta” nos xornais. Canta máis incidencia pública teña ese medio, moito peor...! Por exemplo, nun diario hai artigos que poden saír nunha determinada edición local (por ser de menor difusión ou recepción social) e non noutra: isto lle sucedía a Bieito Iglesias cando escribía na edición de Compostela da Voz que era a que lían os conselleiros. Tiña problemas continuos e tivo que rematar por deixalo. (Por certo, nos dous diarios que escribo agora fágoo sen ningún tipo de problemas, non lembro ningún incidente censor en moitos anos...).

A cea, a arte do cinismo
(Andoliña sábado 9 xuño)
A obra péchase cunha cita das Memorias de Ultratumba de Chateaubriand. O espectador reacciona algo apampado, encéndese as luces e non ten moi claro cal é a realidade. Volvemos á realidade ou ela era ese mundo poboado de traizóns, paixóns, crueldade e desprezo de todos os valores políticos? Remata a interpretación de A cea de Jean-Claude Brisville e poderiamos afirmar aquilo de "o teatro é a verdade": Fouché, o xacobino que serviu á Revolución, a Napoleón e logo á Monarquía, fronte ao aristócrata Talleyrand nun diálogo maxistral que nos presenta a arte do cinismo como unha das manifestacións máis requintadas do ser humano. O mundo real que nos agarda fóra do teatro é moito máis pobre e plano, carente dos matices que poñen en escena eses dous monstros que son Josep Maria Flotats e Carmelo Gómez.
Foi o propio Carmelo Gómez, que dá vida a ese Fouché desapiadado, quen declarou nunha ocasión que a historia política do mundo debeu de estar chea de ceas coma esta, na que a corrupción e o crime consensuaron o poder absoluto. A acción transcorre en 1815, trala fuxida de Napoleón, pero tampouco custa imaxinar un encontro semellante con personaxes de hoxe. E iso é malo.

9 jun 2006


Moncho Borrajo
PAN POR PAN venres 9 xuño
Unha cousa é o humor, outra a comicidade, outra diferente a retranca e outra a sátira aberta. E no xénero do humor métense moitos máis xoguetes cómicos que ás veces son pura chocalleira, “gracejo fácil” ou riso directo provocado pola burla dos que non teñen quen os defenda: por iso hai tantos chistes racistas, misóxinos e xenófobos. Cadaquén ten os seus gustos: líbreme Deus de reclamar censuras contra ninguén. Pero dicir nun escenario a unha muller do público cousas como esta: “Se estiveses violada, non terías esa cara de amargada”, a min, qué lle queren, non me fai graza ningunha. Iso foi o que fixo hai uns meses o ínclito Moncho Borrajo nun programa da TVG, no Luar. Por iso mesmo protestaba estes días Susana López Abella, deputada do Partido Popular. A propia compañía de RTVG fíxolle chegar unha queixa ao humorista. O mesmo que vén convidado a Auria nas festas do Corpus.
(Imaxe: Q. Metsys)

O humor de Cervantes no Quixote
(Andoliña venres 9 xuño)
Cunha chiscadela do seu ollo esquerdo, magnífico pórtico, recíbenos don Miguel de Cervantes na portada do volume Sobre o humor de Cervantes no Quixote, publicado recentemente nos Cadernos Ramón Piñeiro e da autoría de Siro López (o merecido xubileu, xa o sabiamos, permitiranos seguir a gozar dos traballos do noso amigo). Sorpréndese Siro do feito de que un libro humorístico e que sinala o nacemento do humorismo como creación literaria, como foi o Quixote, non teña merecido maior atención dende esta perspectiva entre os intelectuais españois. Siro enfoca este labor con entusiasmo, esculcando na personalidade humana de Cervantes, na súa pegada humanista (o pouso de Erasmo, León Hebreo, Séneca, etc.), na resposta literaria do escritor á crise do estado e á Contrarreforma e mesmo nas relacións entre o humorismo do Quixote e a caricatura nacida en Italia.
Seguindo fielmente o seu mestre, Celestino Fernández de la Vega, Siro abre moitas fiestras e deita aquí e aló moitas reflexións de valía. Dicía Vargas Llosa que, como en todas as grandes novelas, hai varias novelas no Quixote e cada época escolle as máis próximas á súa sensibilidade. Esta é unha lectura intelixente máis, ben útil por certo.

8 jun 2006


A Terra Cantada
Estará o próximo martes, día 13, 20,15 h., na Torga, presentando o seu último libro, A Terra Cantada, publicado por Xerais.

Felicidades !!
Coñecino no Instituto de Ourense, aló polo ano 73 ou 74. Non, non é certo. Xa o coñecía un ano antes, dos cursos de Lingua e Literatura Galega da Auriense. Eu era un mociño aplicado dos Maristas (un bon rapaz, "educadito" que diría o Luís G.T.) e el era un mozote moi espelido e facíase notar polo ben que falaba en público: hoxe é un dos mellores conversadores deste país, todo un espectáculo escoitalo e compartir tertulia con el. Tamén un dos nosos mellores escritores. E o autor dalgunhas das mellores columnas de xornalismo cultural publicadas na prensa escrita, en Tempos Novos ou en El Correo Gallego. Falo de Bieito Iglesias, un ourensán de Vilarchao e da Chabasqueira, fillo de emigrantes, estudante sempre brillante. Vivimos cinco anos xuntos en Compostela (devorabamos os relatos de Cortázar e outras cousas), fixemos moita política xuntos, e acción cultural. Pouco despois iniciou a súa convivencia con Merche, que perdura 25 anos despois. E o sábado pasado casou, motivo desta nota de noraboa. El mesmo o conta no seu "Pan e coitelo" de hoxe.

Síntomas dun estado cultural
(Andoliña xoves 8 xuño)
Na miña Auria presentaron o programa das Festas do Corpus: o que conto agora vale tamén para moitas outras festas urbanas e rurais do país. O programa adoece de falla de imaxinación e ofrece máis do mesmo: unha serie de grupos máis ou menos coñecidos que nesta ocasión son patrocinados directamente por empresas privadas. Seica o concello non ten cartos e deixou o financiamento na man das empresas. A presenza galega é escasa (Berrogüeto, recital de Caneiro, pouco máis), hai actos repetidos (Moncho Borrajo, que acaba de pasar pola cidade) e nada que diferencie estas festas doutras semellantes en Teruel ou Almería. O programa festivo é un armatoste publicitario a gusto dos patrocinadores: ulos os tempos en que se facían libros ou folletos a xeito, con achegas literarias e obra dos nosos artistas?
E o mesmo cabe dicir da retirada antes de tempo dos programas insignia da nova etapa da TVG: Hai debate e Volver ó rego. Se baixa a audiencia, que é sagrada, xa se sabe, haberá que volver aos culebróns de sobremesa? Tan difícil é facer unha televisión de calidade que interese ademais aos galegos? Tan pouca imaxinación existe neste país no que sempre precisamente presumimos do contrario? (Imaxe: detalle das vellas comendo sopa, de Goya)

7 jun 2006


A última entrega de Fernández Paz
(Andoliña mércores 7 xuño)
A memoria máis recente do noso pasado histórico está presente en moitas novidades literarias: Suso de Toro, Manuel Rivas, moitos outros. Nese campo de xogo sitúase tamén, coa mirada posta no público xuvenil, Corredores de sombra (Xerais), de Agustín Ferrnández Paz, un autor cunha longa andaina nas nosas letras con títulos que hoxe son xa clásicos no seu xénero: Cartas de inverno, Noite de voraces sombras, Rapazas, O centro do labirinto, etc.
A súa última entrega non desmerece as anteriores e non defraudará os seus lectores e, sobre todo, lectoras (len máis as mozas, sen dúbida). O autor manexa con fluidez narrativa os diversos elementos dos que se compón a trama narrativa: as tensións derivadas da localización social e persoal da protagonista (as diferenzas de clase co mozo Miguel, as distancias co pai); os recursos propios da novela de intriga e misterio, agora no marco dun pazo; os arquetipos das novelas da memoria (o galeguismo, a guerra, a represión do franquismo), etc.
A busca de Clara Soutelo e do seu tío Carlos é unha imaxe acaída da arela de verdade que comparte a nosa sociedade: un camiño para encher o baleiro que deixou a amnésica transición democrática. (Imaxe da pintora Sophie Anderson)

6 jun 2006


Unha historia que non foi ficción
(Andoliña martes 6 xuño)
Lin aquela reportaxe, de Ignacio Cembrero en El País, como se se tratase dun anaco de ficción. A historia dun xeneral de orixe marroquí, "o exterminador" dicían en titulares, que presumía das súas matanzas con Franco na guerra civil. Os rifeños que el dirixía mataron con granadas os douscentos feridos republicanos que se acochaban indefensos nun hospital toledano. Falan outras testemuñas da súa extrema crueldade e das torturas que dirixía contra mozas con carné sindical. O xeneral prometeulles aos seus homes "mulleres brancas" cando entrasen coas súas tropas en Madrid e xa llelas proporcionara antes, montando un gran bordel en Navalcarnero con prostitutas traídas de Marrocos e outras "cazadas" na represión contra os republicanos, segundo conta o historiador Herbert Southworth.
Podería ser unha curiosa historia de ficción. Pero foi verdade: o xeneral chamábase Mohamed Mizzian e o xornal madrileño publica unha foto súa, na que parece un secundario malo das películas hollywodenses da segunda guerra mundial. Na súa honra acaba de inaugurarse un museo privado preto de Melilla. Coa presenza, país de esperpentos o noso, de autoridades militares e civís españolas!!

5 jun 2006

SEIS MESES DESPOIS, UNHA LEMBRANZA
Hoxe cúmprense seis meses da morte do meu pai. Naquela noitiña collín un taxi cos meus irmáns Fiz e Oscar e a miña tía Olga e fomos cara a cidade da Coruña: poucas horas despois vímolo morrer no hospital que leva o nome do poeta Abente Lago, perto do monumento a Sir John Moore onde fican os inmortais versos de Rosalía. Tiña 74 anos e todo foi moi rápido: non pensabamos que o seu deterioro fose xa irreversíbel e en poucos días despediuse do mundo, en silencio, sen molestar demasiado. Desde aquela data non deixei de pensar un só día nel e nas lembranzas comúns que compartimos: teño del moito da súa carga xenética e creo que algunhas cousas máis...
Daquela eu non tiña aínda blog: púxeno a navegar tres meses despois. Como vos considero amigos e amigas a todos os que estades do outro lado desta pantalla, quixen facer pública esta lembranza: aínda que o meu blog segue un ton máis cultural e de debate, de cando en vez podo permitirme un pequeno espazo íntimo, creo. Para iso recupero unha foto de mediados dos 90, onde o meu pai está falando co poeta Manuel Outeiriño, nun dos Encontros de Escritores Ourensáns que faciamos no Liceo o Clube Alexandre Bóveda (foto de Eduardo Núñez). Tamén reproduzo o artigo que lle dediquei poucos días despois no Galicia Hoxe e un anaco dunha carta que enviei daquela a moitos amigos e amigas, agradecendo os seus sentimentos de pésame, na que falo tamén doutras cousas da súa personalidade.

NAQUELAS MAÑANCIÑAS FRÍAS… (Andoliña 8 decembro 2005)
Lembrei varias veces, nestes días, aquelas mañanciñas de inverno, ben frías pero aboiando xa o sol moi de vagariño, camiñando polas laxes xeadas da cidade antiga ata a Capela do Santo Cristo da Catedral. Velaí o neno que eu fun fascinado pola riqueza dos ouros, os pampos dos altares, as facianas misteriosas das Sibilas, a vizosidade case natural dese recuncho sacro. No centro o Cristo lexendario sostido por monumentais anxos que tanto asustaba ao neno Eduardo. Ao noso arredor un concerto magnífico de voces, os amigos da Coral de Ruada e a figura egrexia e xigantesca de Otero Pedrayo, nas primeiras filas da dereita, coma unha estatua de Buciños en pedra do país. Ás veces deixábanme subir ao lugar máis alto da Capela, ao carón do mestre Vide, fillo, que alí tocaba o órgano. Desde alí soaban máis harmoniosas as voces nosas e a liturxia en galego do oficiante, quizais aquel Bruno tan serio ou o poeta Santorum. Non, eu non tiña medo. O neno que eu fun, dez ou once anos, entraba no Santo Cristo da man do meu pai e do meu irmán maior. Ao saír da misa falabamos cos amigos, Guitián, Anxo Martínez, Vide, tantos outros… De volta para casa mercabamos uns saborosos churros quentes na rúa dos Fornos…
(Fragmentos dunha carta daqueles días...)
Quero aproveitar a inmediatez dos novos medios tecnolóxicos para darvos as grazas a todos e todas os que me acompañastes nestes días trala defunción do meu pai, ben coa vosa presenza en Armariz (por certo, ben fermosas son aquelas terras, non si?), ben a través de telegramas e correos electrónicos.O meu pai foi un home bo, tolerante, xeneroso, solidario, sabédelo ben todos os que o coñecestes. Era casi imposíbel escoitalo falar mal de ninguén e as súas palabras preferidas eran “ese mozo é un fenómeno”, “é unha persoa grande, magnífica”, etc., e nesas expresións referíase a moitos de vós que o tratastes a fondo durante estes anos. Aínda vivindo na Coruña, cando a memoria empezaba a flaquear, preguntaba a cotío por moitas destas persoas e gardou sempre indelébel o seu anaquel de fidelidades. Adicou toda a súa vida e os seus esforzos á educación dos seus seis fillos e á causa do amor á cultura galega e a este país. Sen reclamar nunca ningún protagonismo. Sen pedir nunca ningunha compensación. Militou no nacionalismo, seguindo aos seus dous fillos maiores neste caso, e foi, ao seu xeito, un home libre: non era doado naqueles tempos, para un pequeno empresario dunha cidade provinciana como Ourense, militar no BNPG (logo no BNG) e na UPG, desde logo non había moitas persoas da súa idade e extracción social na militancia activa. Pero el non tiña prexuízos a este respecto: lémbroo agora tirado polo chan, encadeado diante do Goberno Civil de Ourense, “contra a Constitución imperialista e colonial”, aló polo 78: non lle importaba moito o qué dirán cando estaba seguro das súas conviccións ideolóxicas. Nese espírito de liberdade, tolerancia e amor á Terra fomos educados os seus fillos: non hai mellor herdanza que esa. Eu estou seguro que se sentiría moi agradecido polo que sucedeu nestes días, pola compaña de tantos amigos, pola lembranza de tantos outros. Gustaríanlle de seguro as palabras emocionantes que lle adicou, na nosa lingua, o meu compañeiro Xurxo Gómez (o crego que oficiou, eu nin sabía que iría ata Armariz), ao carón dos versos de Antón Tovar e de Gerardo Diego. El foi crente hai moitos anos, na súa mocidade e primeira madureza (ía aos Milagres andando, pola noite), despois fíxose agnóstico, creo, pero agradecería a humanidade daquelas palabras.

4 jun 2006

Que a terra lle sexa leve...!
PAN POR PAN domingo 4 xuño
É unha das facianas máis coñecidos da nosa historia: o home que agarra chorando ao seu fillo, fotografado no ano 1957 por Manuel Ferrol, nunha imaxe que deu a volta ao mundo. Marchaban cara Buenos Aires os seus pais, unha irmá e varios curmáns: esa é a razón daquela dor auténtica, carnal. El mesmo foi mariñeiro e estivo emigrado en Suíza. Chamábase Manuel Ángel Calo Marcote e en Fisterra, onde morreu nestes días, era coñecido como O Jurjo. Ao seu fillo, o que está na foto, chámanlle Chanquete: de nome oficial Juan Calo, tiña outros catro irmáns. Hoxe home maduro, véxoo de novo nun xornal, no enterro do seu pai: non chora, pero transloce a mesma dor contida daquel retrato de hai 50 anos. De cando os galegos estaban condenados a percorrer o mundo en busca de traballo. Hoxe queda só esta foto para os “novos ricos” que somos hoxe: foto que merecería estar gravada en todas as mentes.
FALAMOS GALEGO, en marcha
O Foro de debate e a campaña "Falamos Galego", nacidos neste blog, seguen adiante. Hoxe amosan o seu apoio ás teses do Galego en Positivo o editor Manuel Bragado e, de forma menos explícita e por segunda vez, o escritor Alfredo Conde (non encontro o seu artigo na edición dixital do Correo, pero lino en papel). Do artigo de Bragado reproduzo os seus últimos parágrafos:
Hoxe, o futuro do galego non é unha cuestión de número de falantes nin da súa competencia, xa que a maioría da poboación galega, especialmente as dúas ou tres xeracións máis novas (as mellor formadas da nosa historia en todos os ámbitos), teñen capacidade para comprendelo, lelo, escribilo e falalo con eficacia máis que aprezable. O maior problema do galego reside en vencer os prexuízos que se instalaron ao seu redor (considerada como "unha lingua aldeana inservible no mundo moderno" ou "unha inequívoca marca política nacionalista"...) que impiden que esta maioría de competentes "falantes pasivos" xoves se transformen no futuro en orgullosos "falantes activos" adultos. Considerado así o problema entre a mocidade, o futuro do galego vaise dilucidar, por unha parte, no terreo de fixar os seus usos preferentes (o que dependerá, en boa medida, da política lingüística que desenvolvan as administracións), e por outra, na necesidade de espilo de connotacións políticas e dotalo de referentes de utilidade comunicativa para o conxunto da cidadanía.Facer fronte a este dobre reto require unha paciente estratexia en positivo que vencelle o seu emprego cos eidos máis emocionais e afectivos, asumindo que o seu futuro non está só nas mans dos políticos e dos ensinantes, senón tamén en cada un dos futuros cidadáns deste país de lingua milenaria. O manifesto "Falemos galego", promovido desde Ourense por Marcos Valcárcel e Alfonso Vázquez-Monxardín, vai nesa intelixente liña de recuperar amantes para esa lingua que dunha ou doutra maneira todos xa falamos.


Cousas que pasaban no ano 1924 na nosa historia cultural
Tamén na Galiza podemos falar dos felices anos 20, cando menos no campo cultural.
Na xeira de 1924 nacía El Pueblo Gallego e tamén a revista Ronsel e a Céltiga de Blanco Amor en Bos Aires, e estreábase a película Maruxa, con textos en galego de Lugrís Freire.
E morría Johán Vicente Viqueira, nacía o poeta Faustino Rey Romero e o Gaiteiro de Soutelo arrasaba América adiante.

3 jun 2006



V Premio Microrrelato Carlos Casares, do Liceo de Ourense
Na tardiña do pasado venres, entregamos o V Premio de Micrrorrelato Carlos Casares que organiza o Liceo de Ourense. Os premiados foron:
Categoría A (maiores 25 anos): 1º Premio. Xesús Manuel Marcos, polo texto "Esqueceu esquecer". Accésit: Francisco Castiñeira Romar, polo texto "Pombas".
Categoría B (menores 25 anos): 1º Premio: quedou deserto. Accésit: Matías Candeira de Andrés, polo relato"Voces al otro lado".
O xurado estivo presidido por José C. Martínez Pedrayo, presidente do Liceo, e composto por Delfín Caseiro Nogueiras, Teresa Devesa, Marcos Valcárcel, con Sexismundo Bobillo como secretario.
Os autores leron os seus textos no Salón Nobre do Liceo nun acto no que tamén interveu a Coral desta entidade e as recitadoras Teresa Devesa e Loli Conde, que leron poemas de Otero Pedrayo, Vicente Risco, Eladio Rodríguez e Curros Enríquez (pechándose así o ciclo que no mes de maio adicou o Liceo aos "Ourensáns na Real Academia Galega", no seu centenario).
Dúas curiosidades: os tres gañadores residen fóra de Galiza (Xesús Manuel e Matías en Madrid, Castiñeira en Oviedo) e dous deles, como xa sabedes os lectores deste blog, son tamén blogueiros: Xesús Manuel Marcos e Francisco Castiñeira.
Na foto que me envia o amigo Xulio de Rabal, de dereita a esquerda: Matías Candeira, Francisco Castiñeira, Xesús M. Marcos e o asinante destas liñas.


Quen podería escribir un bestseller galego? (Enquisa aos lectores)
Díxose nestes días (pido excusas pero non lembro quén foi) que ás letras galegas non lles viría mal un bestseller que despois fose traducido a outras linguas do mundo. Enténdase un bestseller na liña Dan Brown ou Ken Follet. Quizais algún dos que o puidese escribir non queira, pero... fagamos un exercicio de imaxinación. Deixo na mesa estas preguntas:
(1) Que escritor/a galego/a podería escribir un bestseller con posibilidades de éxito?
(2) Cal sería o tema central ideal para enganchar aos lectores/as?
(3) Poderíanse utilizar temas do corpus "tradicional" das letras galegas (tipo Materia de Bretaña, Irmandiños, etc.). Funcionaría?
(4) Que ingredientes necesitaría o cóctel para ter éxito?
(5) Que director de cine (galego ou non) podería levalo ás pantallas?
Agardo polas vosas opinións...
Montaxe: Jaume Plensa

DA NONÓ E AS MULLERES BARBUDAS
(Andoliña sábado 3 xuño)
Se as cabeleiras femininas foron usadas, ao longo da historia, como símbolo de rebeldía e sensualidade, outras protuberancias pilosas, menos atractivas, tamén chegaron ás artes e á poesía. Pensen no cadro “A muller barbuda” de José de Ribera, tan fascinante, que nos amosa o retrato de Magdalena Ventura de los Abruzos encargado polo duque de Alcalá, virrei de Nápoles. Foi un caso extremo de virilización e hirsutismo: dende os 37 anos empezou a medrarlle a barba e así consta nunha inscrición no ángulo inferior esquerdo do propio cadro.
Destas mulleres pilosas, en maior ou menor grao, hai tamén exemplos nas nosas letras xa dende os trobadores medievais. Esther Corral Díaz, no seu estudo sobre as mulleres nas cantigas, lembra aquela de Pero Viviaez na que o poeta se burlaba dunha moza de “rostro agudo come foron,/ barba no queixo e no granhon,/ e o ventre grande e inchado”. Retrato que ata podería inspirar, se o ourensán o coñecese, cousa dubidosa, a imaxe que Blanco Amor nos deixou da Nonó en “A esmorga”, cando a pinta cos seus “dous ou tres papos, por embaixo do queixo, macios e peludos”. Ou cando, en “Os biosbardos”, nos fala daquela Sor Flora, monxa “que tiña unha migalla de bigote”.

Cen Poemas Galegos (7): o U... ju ju... de Risco

Tiña un pouco esquecida a sección dos Cen Poemas Galegos. E acordeime do xogo-experimento de Vicente Risco en xaneiro de 1920, en A Nosa Terra, co seu poema futurista (parcela esta do ourensán estudada por Carlos Bernárdez). Risco coñecía ben o mundo das vangardas e fixo de introductor das mesmas na prensa galega e galeguista entre 1911 e 1931 (El Miño, A Nosa Terra, etc.). Tamén actuaba de informante ao respecto con Manuel Antonio e outros poetas galegos (tiña ademais moi perto a Eugenio Montes, daquela un nome con certo relevo na poesía ultraísta). Daquelas experiencias quedou este U... ju... ju onde está o Risco máis cosmopolita e moderno. Como contraste reproduzo tamén outro poema moito máis convencional (esa panxoliña de 1919).

U… ju ju…
(Poema futurista)

Terra
Duas áas diagonaladas d’ azur baten no mar
Sóbor do Atlántico a diástole imensa da raza
Vapor en todol-os motores do mundo
Añudadol-os nosos nervos á todol-os fíos eléctricos
Terra
A Cruña fita as brétemas d’ Irlanda
Vigo os raña-ceos de Nova York
GALICIA FOR EVER
CRUÑA
Puntos de tensión maxima da vida
VIGO
Terra.
Nudo de todol-os fíos
Enfiando todal-as vilas do mundo
Todal-as sirenas a un tempo a sonar
Trés pintados de sol furando a terra
No cabo de todol-os paralelos
Terra
As flechas das arelas solagadas da Atlántida
Nas nosas espadañas
Onde repican ó bautizo dos séculos novos
Antenas pra radiografial-os nosos himnos ás estrelas
Terra
Folgos de millós de peitos
Mañan
Brinco de todal-as vontades
Estralar de todol-os miolos
Terra
N. S. E. W.
Terra
Chuvia d’ estrelas
Alborada
Lóstrego
Rayos X
Profecía
Terra
O ceo rachou d’ arriba abaixo
Terra
HIP HIP HIP
HURRA
Vicente Risco, Xaneiro 1920


¡Cantas luces acesas sobor da neve

Na noite de Natal!

A brétema non bota seu alento

En tan craro cristal.

A terra

Branca de neve ou de luar

Com’ unha donceliña de castidá vestida,

Hoxe viñérona buscar.

No ceo n’ hai estrelas.

Viñeron os anxos a por elas

Par’ as levar alén.

Hoxe choven estrelas

No portal de Belén.

(V.Risco, Poemas novos, ANT 6-I-1919)

Na imaxe: Curiosa foto de Vicente Risco con coroza

2 jun 2006


Enfermidades sexuais nas cantigas trobadorescas
E tamén, a quen poida interesar, esta curiosa achega ás enfermedades sexuais nas nosas cantigas de escarnio medievais, a cargo de Pilar Cabanes, da Universidade de Cádiz, que comenta algúns dos poemas máis coñecidos do xénero satírico galegoportugués dende esta perspectiva médico-científica
O coleccionista de néboa
Roberto Méndez (Ponferrada, 1970) é guionista, xornalista e escritor, ademais de traductor ao castelán de varias novelas de Aníbal Malvar. Asina os venres, na contra de Galicia Hoxe, uns magníficos artigos que el titula O coleccionista de néboa, nos que xoga cos paradoxos, a ironía, o absurdo da realidade e a sabiduría de sabios como Borges e Bioy Casares. Quería recomendarvos a lectura do de hoxe, por exemplo: "A morte e a doncela".




Entrega V Premio Carlos Casares de Microrrelato
Hoxe, venres día 2 de xuño, a partir das oito e media da tarde, no Salón Nobre do Liceo de Ourense, terá lugar o Acto de entrega do V Premio "CARLOS CASARES" de Microrrelato, ademáis de conocer o fallo do xurado e a entrega os premidados, o acto completarase cun recital poético co título "Ourensáns na Real Academia galega", remate do ciclo en homenaxe ao centenario da RAG, a cargo de Teresa Devesa e Loli Conde, e a actuación da Coral do Liceo. Podemos adiantar xa que entre os premiados hai dous escritores do mundo blogueiro, Xesús M. Marcos López (www.oulego.blogspot.com) e Francisco Castiñeira (www.ningures.blogspot.com), ademais de Matías Candeira de Andrés, residente en Madrid. O Liceo e máis os membros do Xurado queren destacar a número de traballos presentados que chegaron á cantidade de 322, e dunha maneira moi especial quérese facer mención da axuda prestada pola Fundación CAIXA GALICIA que colaborou económicamente para que a dotación dos premios fose maior que en ediccións pasadas. Noraboa aos gañadores!
(Imaxe: Egon Schiele era un dos artistas preferidos de Carlos Casares)
Pero Meogo, Ursula Andress, Uma Thurman
(Pan por pan venres 2 xuño)
No coñecido poema de Pero Meogo, o trobador amósanos á amada nos verdes prados lavando os seus cabelos (“E con sabor d’ elos/ lavei meus cabelos, meu amigo”) e logo facendo trenzas con esta fermosa imaxe da súa cor loura: “Des que los lavei, / d’ ouro los liei, meu amigo”. Os cabelos de ouro seducen tamén ao protagonista dos “Xoguetes pra un tempo prohibido” de Carlos Casares, que usa como símbolos de beleza a a Ursula Andress e a a Marilyn Monroe. Pero o poder de atracción das louras non será eterno: un amigo conta no meu blog que por causa dos xenes dominantes só lles quedan uns poucos centos de anos. Do cruzamento de loura e moreno dá moreno case sempre, igual que retroceden os ollos claros. Nunha sociedade mestiza, os louros teñen, pois, data de caducidade. E, no futuro, será como nas películas de ciencia-ficción: mulleres calvas de grandes cranios? (Imaxe: Uma Thurman)

1 jun 2006


Da fascinación das loiras
(PAN POR PAN xoves 1 xuño)
Ningunha parte do corpo feminino tivo na súa evolución tantas variantes culturais como a cabeleira. Así o afirma Desmond Morris en “A muller espida”. Ten razón e non é cousa de agora. Na Idade de Pedra, hai 20.000 anos, había xa adobíos para a cabeza e trenzas. Os pelos postizos teñen cinco mil anos de historia. En Exipto as mulleres de rango rapaban a cabeza para poñer enriba ricas perrucas. E o mesmo as donas romanas no mundo clásico. Logo veu a Igrexa e prohibiunas. Esculca tamén Morris nas causas da preferencia masculina polas loiras: seica os cabelos desa color dan unha imaxe máis xuvenil, máis alegre, máis cálida. Fenómeno que ben explotou o cine: velaí Jean Harlow, Marilyn Monroe, hoxe Scarlett Johansson. Claro que os símbolos tamén cambian coas épocas: as prostitutas da Roma clásica, que eran legais e pagaban impostos, estaban obrigadas por lei a levar os cabelos loiros.