A CIDADE E A LITERATURA Dende Mariñán. Escribo dende o Pazo de Mariñán, na Coruña, nunha fermosa contorna de xardíns románticos, memoria en pedra e árbores milenarias. Se levanto a vista do ordenador prestado no que traballo vexo cadros de Laxeiro e dos grandes clásicos galegos e mesmo un impoñente retrato da raíña Isabel II que seica tamén se aloxou nestas estancias. E aquí estou participando, rematará nun par de horas, no IV Encontro de Escritores Galegos que organiza Luciano Rodríguez co apoio da Deputación coruñesa e que reuniu a un total de 24 autores para debater, dende o venres, sobre as Cidades e a Literatura. Só podo dar agora algúns brevísimos riscos dos intensos debates que nos acompañaron nestes tres días, con sesións organizadas arredor da narrativa (Anxo Tarrío e Rosa Aneiros), a poesía (Marga Romero e Xosé María Álvarez Cáccamo) e o teatro (Manuel Guede e Manuel Lourenzo). Participando intensamente estiveron tamén Euloxio Ruibal, Xabier P. Docampo, Fran Alonso, Ánxeles Penas, Xoán Abeleira, Manuel Castelao, Luís Rei Núñez, Tucho Calvo e Teresa Seara, entre outros. Inaugurou o encontro unha magnífica conferencia de Xavier Gómez Montero, escritor e profesor natural da Coruña e residente en Alemaña, que revisou moi a fondo as relacións, nas literaturas do mundo, entre as cidades e as letras e mesmo fixou unha categoría de referencias: a cidade premoderna, a cidade moderna ou a cidade megápole, un algo apocalíptica e virtual, que no cine trataron con éxito películas como “Matrix” ou “Blade Runner” e que nas letras galegas aínda agarda polos autores que a representen.
Cidade e identidade. Tarrío esculcou nas cidades na novelística europea; Rosa Aneiros deunos unha emotiva e fermosa visión da cidade brasileira de San Salvador de Bahía; Manuel Lourenzo definiu o teatro como espacio irmán da cidade e lembrou as teses do autor albanés Ismael Kadaré: velaí a necesidade que teñen os vivos de escoitar as voces e os espectros dos mortos, para iso tamén naceu o teatro nas cidades. Manuel Guede reivindicou a cidadanía dunha rede de teatros residenciais como forma de afortalar esa identidade cívica e Marga Romero evocou as múltiples cidades que os poetas deitaron nos seus libros, dende finais do XIX ata os nosos días, co forte pulo que as vangardas (Amado Carballo, Manuel Antonio, Eugenio Montes...) lle concederon ó espacio urbano. Falamos tamén da relación entre cidade e identidade e eu insistín na análise do discurso do galeguismo clásico, o que crea as raíces identitatarias da nación (Xeración Nós), cun discurso que abanea entre o antiurbanismo e a concepción dun outro modelo de cidade (a “cidade-xardín” de Castelao, a República campesiña de Otero). Viña eu, venres pola tarde, de escoitar no Paraninfo da Facultade de Historia de Compostela o brillante discurso de ingreso de
Ramón Villares na Real Academia Galega: un moi suxestivo percorrido polo Adrián Solovio de “Arredor de si” e as cidades-símbolo que, dende o Toledo do nacionalismo español pasando polas cosmópoles de París ou Berlín, remata por recalar na visión dunha Compostela nova, símbolo da identidade coa que Adrián/Otero estaba a redescubrir o seu propio país e a súa propia cultura.
Falouse tamén de cidades imaxinarias, cidades invisibles, cidades ausentes, cidades da emigración, cidades neutrais ou non... Tamén de humanizar a cidade, de devolverlle á alma á cidade, de reivindicar dende a escrita a utopía que os políticos (só xestores do posibilismo) xa non son quen de reclamar... Un tema tan complexo e tan rico en matices que, por suposto, non se pode dar por rematado nun encontro de tres días, aínda que sexa tan vizoso coma este.