Unha valiosa análise do blogomillo
No Faro de Vigo de hoxe Manuel Ángel Candelas Colodrón, profesor da Universidade de Vigo, fai unha interesante e atinada análise do blogomillo galego. Paga a pena ler o traballo completo, que demostra que é un excelente coñecedor deste mundo virtual e que ten o don da síntese e da interpretación do conxunto. Para abrir boca deixo aquí un anaco amplo deste artigo de opinión, que, ademais, nos dedica algunhas gabanzas, que agradecemos de corazón:
O primeiro que chama a atención no blogomillo é a diversidade de intereses que xunta. Pola esperable xuventude destes protagonistas, os asuntos vencellados coas diferentes formas artísticas (poderiamos dicir de vangarda) son maioría: innumerabeis blogs de música, con impagables crónicas das euforias nocturnas (Beliscos pequenos ou Apocalipse do porco), ou senlleiras mostras de afeccións á xéneros (O niño do moucho co seu heavy metal) ou a cantantes (+ dylan, con Chiquito de la Highway 61). Tamén aparecen numerosos blogs de artes plásticas (con tendencia á fotografía), con galerías enteiras, que permiten amosar a incandescente creatividade de moitos artistas descoñecidos fóra deste ámbito. Aínda que non son estrictamente diarios, como é habitual nos blogs, contaminan o blogomillo co seu xermolo de orixinalidade e deseño, como pode verse en páxinas coma Selva de Esmelle ou A pícara de Allegue, bitácoras, por certo, suliñadas cunha preponderante e poderosa voz feminina. O mundo do cinema, que ten tanta devoción interneteira, cabe no blog de Días estraños, cun dos máis activos blogueiros, Martin Pawley, quen provoca, con sentido lúdico e vitriólico, aos cinéfilos máis recalcitrantes da galaxia galaica. Dentro deste aspecto do cinema, é inevitable a mención do bizarro Cinema Friki ou ás diferentes reflexións, máis ocasionais, de Mario, desde O porto dos Escravos, ou do dono de As túas balas, que poñen con perspicacia e unha vontade de estilo notoria o seu persoal contraponto. O do cinema é asunto que se repite en boa parte das bitácoras, coa aportación xa ineludible do You tube para ilustrar os comentarios.Pero é indudable que a importancia do blogomillo mídese no (ultra)terreo dos libros. É celebrado, cunha perspectiva específica de editor, o de Manuel Bragado, Brétemas, que engade, de cando en vez, reflexións de corte político e social, fenómeno moi frecuente, mesmo obrigado, nesta caste de cadernos. Desde o mundo bibliotecario (Ana Bande) ou da edición institucional (Fragmentos da Galaxia), danse a coñecer iniciativas útis que desde outros lugares non é doado atopar. Os escritores non resultan alleos a este esforzo intelectual e acostuman levar ás súas bitácoras as súas consideracións sobre o mundo da cultura como fan Jaureguizar no Cabaret Voltaire, Francisco Castro na Canción do náufrago ou Fran Alonso en Cabrafanada. Outros, coma Moralla (Yolanda López) ou Gradicela, prolongan nas páxinas do ordenador a súa pulsión literaria, que acompañan con ilustracións fotográficas ou con debuxos. Neste caso, o diario convírtese nun acto creativo de primeiro orde e abre a posibilidade, aproveitada por moitos, de dar o salto á maxia do papel, amenazada xa por esta virtualidade. A conexión entre o blogomillo e a industria libresca atopa nestes casos un extraordinario punto de encontro, que eu agoiro pasaxeiro por ver que moitos (e moitas, xa que as mulleres ocupan un lugar preminente) son máis lidos por este formato ca pola súa impronta impresa.A creatividade comparte espazo coa crítica cultural, social ou política. Un dos blogs máis lidos e respeitados é o que comanda con espíritu xeneroso Marcos Valcárcel desde As uvas na solaina. É un dos casos senlleiros da trascendencia do blogomillo no mundo do papel diario. Non é raro ler nas páxinas de opinión dos xornais temas ou asuntos tratados nesta bitácora, chea de suxerencias e conversación civilizada. Á política deriva boa parte do blogomillo, de xeito inevitable: desde blogs de partidos ou candidatos á alcaldía (de pouco peso dentro do espíritu combativo e creativo do blogomillo que non gusta de consignas ou de ideas preconcebidas) ata máis sesudos (e elegantes, como o de Manuel Gago) espazos de reflexión (Zerovacas ou Calidonia), sen esquecer os xa clásicos (e consabidos) blogs que serven para o desafogo persoal do creador e dos comentaristas que entran a algo que nin de lonxe pode parecer un debate.
MANUEL CAO: A ARTE DE CONTAR
-
Ribas de Sil, Quiroga, Caurel: territorio literario
*
Se queres ser universal f...
Hace 8 horas











































