14 jul 2007

De pozos e balanzas (Helena Villar Janeiro, ECG 13 xullo)

O artigo enteiro

(...) Cando parecen amostrar certa disposición ao diálogo, "sempre que se garanta o equilibro de ambas as linguas", venme á memoria outra fórmula da Física: a da balanza ou equilibrio dunha barra con pesos desiguais nos extremos para calcular a que distancia deles se colocará un punto de apoio. Cando a forza e a resistencia dos dous brazos non son de igual magnitude, hai que facer modificacións na aplicación do apoio para que cadre a fórmula de que a potencia multiplicada polo seu brazo resulte igual á resistencia multiplicada polo dela. Quere isto dicir que o equilibrio de dúas cousas de diferente peso lógrase buscando a distribución asimétrica dos seus elementos. Xa que logo, a grande distancia que separa o peso social de ambas linguas perante os falantes en todos os niveis, rexistros e circunstancias (pénsese en bibliotecas, materiais de apoio, medios de comunicación, estatus social, resistencias ao cambio, prexuízos lingüísticos e ideolóxicos...) supón que non se pode localizar inxenuamente o punto da balanza exactamente no medio de ambas, senón buscar compensacións para que ao final a aprendizaxe e o uso sexan de verdade equivalentes e equilibrados. (...)
ENTRE HORTAS E PORTAS (Xosé M. González)
5. Panoramas.
O barrio da Ponte, dende a acrópole

En Lugo, se ben un mira, o ceo é señor. Verase noutros termos amable azul con almofada, entre nós hai algo sempre de vasta solemnidade; sobre todo cando é chumbo, aquí moi adoito: cinsento en ceo e lousados, na mesma cerca.

Cadramos preto do firmamento, ou tal impresión dá; o lugués de nacemento e longa veciñanza acostuma andar afeito a horizonte e ampla paisaxe. Desde algunha azotea en San Roque aínda se abrangue largacía extensión que sobrancea o río Rato e barrio da Chanca, tirando contra as terras de Castroverde e A Fonsagrada.; en pasado próximo víase mesmo a Ponte da Chanca (lugar de suicidio real ou hiperbólico) e para o leste albiscábanse cumes nevados que unha imaxinación estimulada por lecturas pretendía identificar coma os Ancares. Igual os eran: á fin e ao cabo, a cidade ben se enxerga subindo á becerrense Pena do Pico.

A mellor perspectiva, porén, acádase en lugar distinto. Non lonxe da Porta de Santiago, antes do Postigo, por onde -ten que se lle diga- igual é máis bonito saír ca entrar, hai anos dominábase coa ollada parte non desprezable da ribeira miñota.; libres de edificación monumento e a súa fronte, o adarve suxería alí paseo demorado e quizá ensoñación: o sitio máis propicio. Non tal mirando cara atrás; pero ese será tema doutro día.

O sur da vella urbe, que cada indicio deliña como ámbito máis vital do tempo orixinario, onde se apiñoca o Medievo esencial. A cerca, excepcionalmente visible nestes barrios, amosaba hai oito lustros no pano xistoso amplo retallo en perpiaño granítico, predominante incluso nalgunha das portas; tal bloque macizo e regular, sen argamasa, falaba de utilitarismo romano para o alumno de ensinanza media, dicían -incluso- que romana romana só era aquela fábrica de cor máis clara cá da lousa. Desde a varanda no Poxigo víase ben a rúa baixando en curva, contorneándolle o muro ao Hospital de San Xosé cara á Volta da Viña e a ponte. O río esperaba, desde xuño todo o máis, e co seu degoro había quen cruzaba a Mosqueira, a Ronda General Sanjurjo, inexistencia de sombra onda a beirarrúa é bordo, Porta Santiago e de aí por onde quedou dito. Cruzando o Miño, e afastando á dereita, aínda máis dun quilómetro ata as Insuas; xaora, no autobús de San Fernando, que sempre esperaba por un para retornar costa arriba.

Non torcendo cara a Orbazai e As Insuas, aquela estrada que sobe era a vella de Compostela; antes, presumiblemente a vía que traía a un desde Brácara. Da calzada romana quedaban algúns centos de metros que despois sepultaría certa incuria profundamente misteriosa: un debe algo crer e esperar aínda no peor momento; subía desde a ponte paralela á rúa de Santiago e o muro hospitaleiro. Na outra ribeira, dicía, ascende a estrada buscando As Arieiras, O Picato e perspectivas de fóra.

Quen chega recibe no Picato, a dez quilómetros, a primeira imaxe do casarío; verá daquela, se ten antollo, por que os romanos elixirían ese punto con ou sen lucus, con ou sen castro. Allea é sen dúbida a metáfora da acrópole; miña supoño a evocación de helénico alcipreste en canto o Parque, bico de natural contraforte, se ía distinguindo no retrinco verde que medra co achegamento. Parque de Rosalía de Castro; súa é a hexemonía indiscutida canto a balcóns. A ollada que nos resta, mentres dure.

O Parque era recreo distinguido e inusual de moitos nenos. Nunha marxe, o único tobogán e bambáns que eu coñecía na cidade; do outro lado, un gran mapa da península, en relevo e cuberto, para a fabulación e a xeografía; parrulos que comen o pan que lles dou, outra fauna de ver e escoitar. Coa adolescencia afasta un o resaibo infantil, de máis anos xorde por veces designio bárbaro, turbulento ou só de emoción nova: e o parque son os loros para aprenderlles a dicir “carallo”; o pobre pavón a quen lle quitan plumas ou hai quen planea comelo asado; algún leño esgazado; historias que se contan da noite, co ollo no risco de garda que chegue.

Pero lírica e bucólica atopan ocasión. E un recibía, no solpor de agosto, certa brétema que o río dirixía á balaustrada; non saudosa, impoñente, cara á metrópole augustea. Ou tal día, no lecer de baixa profesoral inesperada, paseaba co Fiscal e o Corrosco falando sobre un docente especial, Alonso Montero, cada un á súa maneira. Que xa naquel tempo había controversia.

O mar tamén ten amores.

A distancia entre o mundo culto e o popular nas letras e nas artes non é tan longa como queren presentar algúns estudos académicos. De feito, a esculca na nosa poesía popular achéganos a cotío exemplos moi semellantes ós utilizados polos escritores cultos. Velaí o mito de Venus, nacida da pura xenitalidade de Zeus e das escumas do mar e cantado mil veces por poetas e artistas como símbolo do amor e da sexualidade. Pois non está moi arredado do fermoso erotismo das cantigas mariñas de Meendinho ou de Martín Códax. Ou desta brillante cantiga, que invoca dende a forza do mar, en paralelo coa sexualidade masculina, un certo panteísmo primitivo: “O mar tamén ten amores,/ o mar tamén ten muller,/ está casado coa area/ dálle bicos cando quer. / O mar dá bicos na area,/ o orballo dá na flor;/ se todo o que se ama se bica,/ dáme un bico meu amor”.

13 jul 2007


Imaxes agrarias (pero non só...)

Pan por Pan venres 13 xullo. A imaxe é de Egon Schiele (Nu femenin au bax bleus)

Moitas das imaxes da nosa poesía popular cargadas de connotacións sexuais proceden do mundo agrario, cousa ben lóxica nunha sociedade tradicional, que foi quen as creou. Por iso son os homes casados os que saben manexar o arado: “Quen quixere ter amores/ téñaos cun home casado:/ sabe gobernar a vida/ e mais temperar o arado”. Do mundo labrego veñen metáforas como “meter o carro no palleiro”, “meter a pá no forno” , “montar a cabalo” ou “meter un ferro no lume da forxa”.

Pero sorprende a capacidade de adaptación do xenio popular ós tempos modernos: velaí o ferrocarril, que Curros cantou como símbolo do progreso. Nesta copla, quizais por semellanza co forno e coas súas calores (a máquina de vapor a máis carbón, máis calor), ten outro sentido: “María ten sete saias/ todas sete lle están ben;/ debaixo das sete saias/ ten a máquina do tren”.

12 jul 2007

MEMORIA, LINGUA, SOCIEDADE (eN poleiro alleo)

A memoria ourensá (Cuestionario, Bieito Iglesias, ECG, 12 xullo)

A lingua (As pírricas batallas da lingua galega, X.M. Sarille, ECG, 10 xullo)

A hipocresía (Iglesia sin conciencia, Fernando Delgado, Faro de V., 12 xullo)

Dez anos despois do crime (Vaia un gudari!, A. Tarrío, GH. 12 xullo)

Barcelona e Woody Allen.
Pan por Pan xoves 12 xullo (un chisco máis frívolo do habitual)

Xa saben que anda Woody Allen por Barcelona (nos últimos tempos vai a cotío tamén por Asturias) a rodar unha nova película protagonizada por Scarlett Johansson. Seica houbo moito balbordo no concello barcelonés por unha crítica do PP e ademais tamén protestan algúns cidadáns. Porque o concello puxo un millón de euros como inversión en axudas á película. Porque cortan as rúas ou desaloxan de turistas as Ramblas para conseguir os planos axeitados da beleza loira. Porque algúns están fartos de turistas e din que Barcelona xa é moi coñecida no mundo (hai xa pegatinas coa lenda “Tourist go home”). Porque lles dan máis facilidades ó xenio norteamericano que ós cineastas cataláns para rodar. En fin, quizais teñan razón nalgunhas destas criticas. Pero eu non protestaría, non, se a encantadora Scarlett Johansson caese por Auria coas cámaras detrás.

11 jul 2007

Lembrando a Eduardo Blanco Amor
(Recupero aquí unha serie de artigos, Andoliñas, publicadas en "Galicia Hoxe" entre o 1 e o 7 de decembro do 2004. Calquera ocasión é boa para lembrar o gran Eduardo. Ademais, sentinme aguilloado por un trasunto espectral de EBA que, no fío que nos dedica Arroutadas, semella amosarse ciumento da atención que lle dedicamos nesta casa a Otero. Por certo, cunha voz ben recoñecible e creo que amiga. Tal cousa non é certa, aquí son todos por igual ben queridos: Otero e Blanco Amor, Risco e Cuevillas, Casares e Ferrín, e moitos máis. Esta serie de seis Andoliñas quere ratificalo unha vez máis. Todas as fotos do post son de EBA)


Unha navallada no bandullo do Bocas

“Sendo eu rapaz de cinco anos, estaba coa miña nai presenciando o “Encuentro” da procesión de Venres Santo, nun balcón da Praza Maior de Ourense. (…) O ar cheiraba a perrita e sentíase un ruído de zocos pola plaza adiante. De repente, fíxose un claro de riña debaixo de nós. A miña nai colleume deseguida e xa non vin máis. Ao “Bocas” abríranlle o bandullo, e foise correndo, emparando as tripas que lle saían, hastra o hospital da praza das Mercedes. Daquela navallada saiu “A esmorga”: con estas palabras contaba Blanco Amor a orixe desta obra mestra das nosas letras, que tivo ademais a virtude de ser unha novela popular e recoñecida polos lectores.
Só por esa obra Eduardo Blanco Amor merecería a magna homenaxe que hoxe lle vai render o Pen Clube galego na súa querida/odiada Auria, cando se cumpren 25 anos da súa morte. Desde América, emigrado-exiliado no corazón, Blanco Amor emprendeu o supremo esforzo de construír toda unha lingua literaria e un mundo narrativo dun vigor excepcional. Ademais renovou as formas de contar, abriu as portas das cidades á nosa narrativa e introduciu na nosa historia literaria personaxes e sectores sociais ata entón ignorados e proscritos.
Blanco Amor escribiu ademais outras catro ou cinco obras mestras en diferentes xéneros e rexistros: Xente ao lonxe, Os biosbardos, La Catedral y el niño, Chile a la vista (no que respecta ao xornalismo), ademais da súa poesía e teatro. Non é pois ningunha hipérbole afirmar que merecería outras tantas homenaxes máis.

A memoria, Marcel Proust, Blanco Amor

En Blanco Amor, narrador serodio, o poder da memoria ten un efecto fecundante que provoca a necesidade de contar: “a patria do home é a súa infancia” repetía a cotío con Rilke e desa concepción naceu “La catedral y el niño”, autobiografía dun tempo, retrato “de una especie de bruma existencial en la que flotan escenas y personas”, en palabras do escritor; novela que rexeita o autobiografismo documental ou testemuñal. “La catedral” está narrada en primeira persoa, por pura espontaneidade vital: “eu non podo facer falar aos personaxes se non é a través de min”. Fragmentos da vida inseridos no relato. E a busca de voces próximas para as súas criaturas: en “O encalatro” O Crisanto ten a voz do seu irmán Camilo; o xeito de ollar entre azul e dourado do rapaciño de “Bartomeu” eran os dun seu amigo, Amadeo Vidal.
Admiraba o ourensán a obra de Proust e a súa fórmula “à la recherche du temps perdu”, pero facía notar sempre que calquera rememoración do pasado necesariamente precisa do labor estilizador e fecundador do escritor, que transforma a realidade dun xeito decisivo: “En realidade o pasado poetiza as cousas, transfigúraas, estilízaas e fai de feitos reais unha cousa entre a fantasía e a realidade”. Así, explicaba Blanco Amor que a realidade “demasiado comprobable” da masacre dos campesiños de Oseira en “Xente ao lonxe” fora tamén estilizada no seu libro, nun xeito de reviravolta literaria: “entón perde verdade e gaña verosimilitude, entón gaña tamén en calidade. A verdade é sempre nun sitio concreto, nun momento exacto; a verosimilitude é o aspecto”.

1 Decembro, día de Blanco Amor
Arredor dun cento de persoas participamos antonte en Auria nun amplo programa de actos de homenaxe a Blanco Amor no 25 cabodano da súa morte. Organizou este encontro o Pen Clube, co patrocinio da Fundación CaixaGalicia e das principais institucións galegas e ourensás. Foi emocionante reunir a moitos amigos de vello do escritor ourensán ou encontrarse cos mozos, estudantes do Instituto que leva o seu nome na cidade, que acudiron ao acto do Cimiterio de San Francisco. Dalgún xeito, en palabras de González Tosar, o primeiro de Decembro convertiuse xa no Día de Blanco Amor e será conmemorado no futuro, de forma regular, nesa data. A Eduardo gustaríalle ver os poetas galegos recitando na súa honra: como ben dixo Víctor Freixanes, acollería esta homenaxe coa súa habitual elegancia e un certo retrouso.
Houbo tempo para lembrar a súa personalidade humana, marcada ás veces pola marxinación con que era acollido un espírito libre, republicano, galeguista, de esquerda e homosexual. E tamén houbo ocasión para contar algunha anécdotas valiosa. Como esta que narrou Díaz Pardo dos tempos de América. O creador de “A esmorga” tiña moi malas relacións con outro Blanco Amor, de nome José e tamén escritor. Para diferenciarse del adoitaba dicir que este era o “Blanco Amor malo”. Coincidiron nunha ocasión entrando no Centro Galego de Bos Aires e cedéronse o paso mutuamente. “A vostede correspóndelle pasar primeiro por orde alfabética” díxolle José. Ao que Eduardo respostou: “si, pero por orde analfábetica tócalle pasar a vostede”.

Unha lectura presentista de Blanco Amor

Bastantes anos despois de “A esmorga” veu “Xente ao lonxe”. Se a primeira, publicada en Buenos Aires en 1959 (aquí non o permitiu a censura), era a crónica dunha derrota, a constatación cruel da impotencia dun mundo marxinal condeado pola historia e o fado, a nova novela, publicada xa en Galiza en 1973, pode lerse como un canto optimista sobre a forza do mundo obreiro e campesiño e como alegato decidido do poder da autoorganización operaria.
Blanco Amor escribe sobre un pasado lonxano, situado como boa parte da súa narrativa nas primeiras década do século XX, pero faino desde a altura dos anos 70, o franquismo final, e iso pode permitir unha outra lectura da novela, como indicaron hai anos Xesús Rábade e María Victoria Moreno: porque a novela é tamén unha aposta desde o presente a favor das loitas labregas (Castrelo de Miño dos últimos 60) e proletarias (as grandes folgas de 1972 en Vigo e Ferrol), movementos que nos estertores da dictadura demandaban liberdades, democracia e unhas condicións dignas de vida. Sempre pensei que a apoteose obreira da última novela de Blanco Amor estaba escrita, non como novela documental histórica, senón como metáfora dun presente.
Alonso Montero ratificou esoutro día este “presentismo” narrativa blancoamoriano cando contou que, segundo propia confesión do escritor, este se inspirou en Dolores Ibarurri para deseñar o perfil do seu personaxe Evanxelina, un xeito de Pasionaria tan socialista como galeguista. O pasado, a historia, o presente: as rodas do ciclo da vida.

Da mocidade, Blanco Amor, un milagre
Nun xantar entre escritores, xorde de forma inevitable o tema da mocidade actual e a situación do ensino. Para un dos asistentes, os mozos e mozas de hoxe, a xeración ESO para entendérmonos, só teñen claves positivas: son creativos, inconformistas, dominan as novas tecnoloxías (“moito máis listos que nós”), etc. Os outros comensais non estamos dacordo máis que con matices: calquera xeneralización, esta tamén, é inxusta. Hai adolescentes rebeldes, ninguén o discute, pero outros son só maleducados, agresivos, consumistas e machistas. Outro problema sería fixar as responsabilidades de cadaquén ao respecto...
Cando menos nun tema concreto moitos rapaces de hoxe (non todos, por suposto) son tan ou máis intolerantes que os de onte. Un mozo dun Instituto dunha vila coruñesa estaba a vivir un auténtico calvario entre os seus compañeiros da escola: a razón era moi sinxela, a súa libre opción sexual. Palabras como “mariquita” e similares seguen a ser os insultos máis agresivos que se poden recibir nunha aula. Un día ese rapaz, en clase de galego, escoitou dicir ao seu profesor que Blanco Amor, un dos máis grandes das nosas letras, tamén foi homosexual e aínda máis, que un colectivo coruñés se bautizou “Milhomes” en lembranza do coñecido personaxe de “A esmorga”. Aquel mesmo día o rapaz viu fender un muro ata entón insalvable: quizais se reconciliou consigo mesmo, quizais recuperou a súa autoestima, quizais...
Disque os santos fan milagres despois de mortos. Pois seica o Eduardo, ademais de crear lectores, tamén ten algo de taumatúrxico...

Melancolía polos libros non escritos

Na homenaxe que lle rendeu o Pen Clube en Auria a Blanco Amor tamén houbo voces críticas sobre o “esquecemento” do escritor e da súa obra tralos fastos do ano 1993 cando se lle adicou o Día das Letras Galegas. Pero creo que tal consideración é errada: a obra de Blanco Amor está máis viva que nunca, nas escolas e nos lectores, e ademais a Editorial Galaxia está a reeditar os seus títulos canónicos e outros novos. Entre eles, está esa peza imprescindible en castelán que é “La catedral y el niño” e o magnífico xornalismo de “Chile a la vista” ; en datas inmediatas vaise presentar un volume co seu xornalismo americano en “La Nación” de Buenos Aires.
Tamén se pode sentir melancolía polos seus libros que nunca leremos, os non escritos. Como Otero Pedrayo ou Cunqueiro, Blanco Amor foi quen de soñar moitos máis títulos dos que puido escribir en vida. A Carlos Casares contoulle en 1973 que andaba na cabeza cunha novela sobre Buenos Aires que recollese a súa “vida porteña dicotómica, entre a sociedade popular galega e a alta sociedade arxentina”. E en 1977 dicíalle a un xornalista de televisión que estaba a redactar as súas memorias, “Memorias de un don nadie”, que tampouco pasaron de proxecto formulado nesa entrevista.
Noutras ocasións falou de aventuras narrativas sen rematar ou mesmo sen iniciar: unha novela sobre a guerrilla (O barallete), outra sobre o mundo da prostitución... Todo quedou polo camiño. ¡Son poucos 82 anos para un autor da súa potencia creadora!
PAXAROS E CEREIXAS
Pan por Pan 11 xullo. Imaxe de Hans Baldung Grien, Adan e Eva, 1531.
Dende que lin o estudo de Mariño Ferro, “O sexo na poesía popular” (Ed.do Cumio, 1995), xa ningunha lectura de coplas é inocente. Se un le, por exemplo, cousa tan fermosa como esta: “O paxaro de María/ anda nas miñas cereixas;/ come paxariño, come,/ que hei de ver as que me deixas”, quizais non atine no seu carácter simbólico: as cereixas, ó estar unidas a pares, representan os testículos e o paxaro que as come é, entón, a vulva feminina.
Nese libro aprendín que pouco hai na literatura popular sen connotacións sexuais. Velaí unha posible lista (incompleta) de símbolos: as cunchas, ameixas, berberechos, navallas, tellas, castañas, o caravel, o xogo das bugalliñas, a troita, a ola, o pozo, o xerro, a chocolateira, o forno, a máquina do tren, a campá, o dedal, os zapatos, a aña, a tea de liño, o coello, a lebre, a rata e o ourizo, ademais dos paxaros dos que falamos nestes días.

10 jul 2007




A música galega dos 70





Ando a preparar materiais para a miña serie CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. Dende os 70 acudo xa ó meu arquivo particular e estes días traballei coas caixas de música galega dos anos 70. É só un esquema provisional, pero decidín colgalo aquí para recibir as súas suxerencias ó respecto. Ademais, a moitas persoas (dende logo XMG, que coñeceu ese mundo ben) pódenlles traer algunhas lembranzas agradables, de seguro (eu estiven na maioría dos concertos que aquí se citan: aló vai a nosa mocidade...).


1972.
Nace en Catoira cuarteto gaiteiros “Faíscas do Xiabre”
Do grupo Folc 72, de Lugo, sairán Fuxan os Ventos
Nacen Xuventudes Musicales de Vigo
1974
Vida e morte (Hispavox), de A. Prada. CÓMO CHOVE MIUDIÑO (Rosalía de Castro) LABREGOS (Amancio Prada) . MARÍA SOLIÑA (Celso Emilio Ferreiro) VERBAS A UN IRMAN (Darío Xoán Cabana) . VIDA E MORTE (D.X. Cabana / A. Prada) UN REPOLUDO GAITEIRO (Rosalía de Castro) CAMINANDO (Nicolás Guillén) POR UNA SENDA (Miguel Hernández) . ROMANCE DE LA REINA JUANA (Luis López Álvarez) CANCIÓN DE AMOR Nº 2 (Amancio Prada) EN TI (Luis López Álvarez) MONORRIMO (Luis López Álvarez)
O seu primeiro disco. Gravado coa Boîte à Musique, París, 1974. Disco bilingüe, en gallego e castelán, contén cancións sobre poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Darío Xoán Cabana, Nicolás Guillén, Luis López Álvarez, Miguel Hernández y do propio Prada ... Con Amancio Prada, acompañándose á guitarra, toca o violoncelo Eduardo Gattinoni, colaborador habitual naquela etapa de bohemia parisina e nos iscos seguentes. Vida e Morte foi distribuido en España por Hispavox. É o único disco non reeditado, ata agora, en formato CD.
1975
Nace en Carballo grupo folc Xocaloma
Primeiro disco de Fuxan os Ventos
Primeiro Festival Cant. Labrega na Merca, organiz. Por Ramón Rguez Conde. Benedicto e Bibiano multados con 25.000 pts. Por “O can de palleiro”
1976
Caravel de Caraveles (Fonomusic), de A. Prada. AluméameO cantar do arrieiro Unha noite no muiño Cómo chove . Xa morreu a miña nai Quén me dera en Lobeira. Amoriños collin. Vamos co carro.Eu teño un canciño . Caravel . Cando se pon a lúa Deus che o pague, churrusqueira . Ver bailar Carmiña. Fía na roca Romance de Don Gayferos . Vai de roda en roda. Caravel de Caraveles temas tradicionais con adaptación e arranxos de AMANCIO PRADA
AMANCIO PRADA: voz, guitarra e zanfona ALEJANDRO MASSÓ: teorba, flautas e percusión EDUARDO GATTINONI: violoncelo. Gravado nos Estudios Sonoland (Madrid).


“Estamos chegando ó mar”, primeiro LP de Bibiano
Grupo Roi Xordo, primeiro grupo profesional da canción galega. Integrado por Mov.Popular Canción Galega e “Bem-Virá”: Romaní, Seoane, Pi da Bahía, Ze Luís e Quico de Cariño
1977
Concertos en Stago e A Coruña do portugués Luís Cilia e da chilena Soledad Bravo
1º LP de Benedicto, “Pola Unión”,con debuxos de J.L.De Dios na portada
“Acción Galega”, disco de Xerardo Moscoso
“Ti Galiza” de Miro Casabella e “Fonte do Araño” de Emilio Cao
Saen “Lembranzas” de Xoán Rubia e “Idioma meu” de María Manoela
Nace grupo musical folc Doa, con Bernardo Btez. e Xoán Piñón
1978
“Bule, berra, chora”, primeiro disco Xosé M. Conde
“Milladoiro”, primeiro disco do grupo do mesmo nome
Os soños na gaiola, disco Suso Vaamonde, ps. Manuel María
A Roda, premio da Crítica de Galicia polo seu primeiro disco
1979
Fausto canta en Galicia
Falemos Galego, segundo LP de A Roda
15 maio, primeiro concerto Milladoiro na Coruña: Seoane, Romaní e gaiteiros Faíscas do Xiabre
Na Galicia de Maeloc, de Milladoiro
Nace Coro Universitario de Santiago, dir. Por Maximino Zumalave
Galicia canta ó Neno, de Fuxan os Ventos
Primeiro disco cantante Pilocha e “Treboada” de Miro Casabella e “Os nomes das cousas” de Benedicto
Suso Vaamonde exiliado en Venezuela por “delito contra a patria”. Volve no 84 e ingresa en prisión, pendente de indulto

Máis paxaros e niños.

Pan por Pan martes 10 xullo
(Pagou a pena escribir este breve artigo só por encontrar en Internet o fermoso xilgueiro de C. Fabritius, pintor holandés da Escola de Delft, do s. XVII, que utilizo para ilustralo)

Algúns exemplos máis, no ronsel dos citados o domingo, sobre as imaxes sexuais dos paxaros nas coplas populares. Velaí: “Ai, que demo de paxaro/ onde foi facer o niño;/ entre as pernas dunha nena/ naquel mesmo buratiño”.
Ou esta recomendación do antroido: “Moito ollo rapazas,/ as que andades na farula,/ coidadiño con deixar/ tocar nos niños de rula”.
Mariño Ferro engade unha cantiga que xoga coa polisemia do niño nas tellas. Se hai paxaros que fan os seus niños nos tellados, estes móllanse cando chove, obvia connotación sexual: “Mari Pepa ten un niño/ entre as tellas do tellado,/ o niño de Mari Pepa/ cando chove está mollado”. Os poetas do pobo, con todo, só seguen os vellos esquemas da mitoloxía e das letras clásicas: pensen no mito de Leda e o cisne, por exemplo; no galo como símbolo da luxuria ou na soberbia que representa o pavo real.

9 jul 2007

SALVAR OS NOSOS MICROTOPÓNIMOS
(Imaxe de Van Dyck)

O pasado mércores (novembro 2005) uns 30 escritores do PEN Clube tivemos a oportunidade de cear en Compostela coa nova conselleira de cultura, Ánxela Bugallo. Foi un encontro agradable e no transcurso do mesmo houbo un longo debate lingüistico, no que Gonzalo Navaza, Xavier Alcalá e Méndez Ferrín luciron toda a súa riqueza dialéctica para defender a urxencia de salvar os nosos topónimos e microtopónimos (que sucede coa Comisión de Toponimia, seica parada? ), así como as formas máis galegas dos apelidos, tamén en perigo de desaparición.
E foi nesas cando Navaza, sabio en tantas cousas, contou o que segue. Cando se bautizaron as rúas e viais do novo Campus de Vigo houbo un debate entre os que querían manter os microtopónimos antigos, de carácter rural, e outros que preferían buscar nomes novos de científicos do mundo. Entre estes estaban algúns profesores da área tecnolóxica que se negaban a recuperar o nome de “Porto de Bois”, isto é, un vao ou paso de vacas e bois que había naquel lugar. Alguén dixo: home, con ese nome, se ven un inxenieiro de Inglaterra ou dos Estados Unidos, vaia vergoña! Pois si, dicía Navaza, sobre todo se chega un catedrático de Oxford, topónimo que significa, mira ti, “Porto de Bois”.


P.S.: Encontrei no arquivo esta foto daquel encontro, tomada cando se ía xuntando a xente. Faltan moitos dos asistentes pero están no retrato colectivo Miro Villar, Luis G. Tosar, M.V., Marilar Aleixandre, Modesto Fraga, Helena Villar, Tucho Calvo, Xavier Alcalá, Carlos Mella, Xavier e Xavier Seoane. Despois engadíronse Méndez Ferrín, Gonzalo Navaza, Luciano Rodríguez, Xosé Mª Dobarro, Miguel Anxo Fernán Vello e Bieito Iglesias, entre outros.
1000
MIL
UN MILLEIRO
Millenta
Primeiros 1000

Comunícolles que a anterior entrada, As marabillas de Galicia, fai a número 1000 das escritas neste blog dende que este seu amigo decidiu abrilo, aló por marzo de 2006.
Graciñas a todos e todas por estar aí.

AS MARABILLAS DE GALICIA
La Región 9 xullo (Opinión) Imaxe: Mosteiro Santo Estebo, na Ribeira Sacra.
As Sete novas Marabillas. Como vostedes xa saberán, o pasado sábado remataba en Lisboa o concurso mundial impulsado polo suízo Bernard Weber para elixir as novas Sete Marabillas do mundo: das do mundo antigo só quedan en pé as pirámides exipcias. O concurso non foi recoñecido pola UNESCO e foi criticado polo seu carácter pouco científico, mediático e mesmo lucrativo (había que votar por SMS ou Internet). En calquera caso as gañadoras foron a Gran Muralla china, a cidade xordana de Petra, o Cristo Redentor de Río de Janeiro, O Machu Picchu peruano, o tempo de Kukulcán en Chichén Itzá (México), o Coliseo de Roma e o Taj Mahal na India. Quedou fóra a Alhambra de Granada, malia as campañas emprendidas, e tamén a Catedral de Santiago, que figurara nas primeiras finalistas. Como consolo dicir que quedaron fora tamén a Acrópolis de Atenas, os Moais da illa de Pascua,o conxunto de Stonenhenge e a Torre Eiffel en París.
En Galicia. A campaña si serviu para abrir un debate sobre as marabillas do patrimonio e da natureza. Eu mesmo participei esoutro día nunha tertulia radiofónica ó respecto, de ámbito galego, na que tamén estaban dous arquitectos, un director de Museo e un técnico de turismo. E nesa tertulia había acordo case unánime en constatar como posibles Marabillas Galegas a Torre de Hércules coruñesa, a Catedral de Santiago e a Muralla de Lugo: non se esqueza que é único fortín romano que se conserva completo no mundo. Falouse tamén das Burgas ourensás, dos Mosteiros de Oseira e Armenteira, das Illas Cíes e da Costa da Morte, do Caurel e doutros lugares. Eu insistín a favor do conxunto natural-monumental da Ribeira Sacra e moi logo conseguín apoios: poucas contornas de tal beleza e riqueza paisaxística e artística son comparables, cos mosteiros de San Estebo e Santa Cristina, da parte ourensá, perfectamente integrados nese lugar case máxico.
Home e territorio. Porque o que pode aportar Galicia a un debate deste tipo é isto: a perfecta compenetración entre o home e a súa paisaxe, a sabia utilización do territorio, como nos ensinaba o mestre Otero Pedrayo. Tiven que contradicir a un contertulio que sostiña que a man do home en Galicia sempre estragara todo: tal afirmación é falsa e moi restrictiva e, dende logo, non foi así ata as últimas xeracións. Foron moitos os séculos de convivencia perfectamente integrada entre o Home e a Paisaxe: a crise dos últimos anos (incluído o chamado “feísmo”) moito ten que ver coa crise cultural e de identidade que sufriu o noso país nos tempos máis modernos. Nas últimas sete décadas Galicia perdeu case un millón de familias campesiñas: algo terá que ver esta realidade coa ruptura desa mutua interrelación de séculos.
Poderíase poñer na entrada da Comunidade Autónoma un cartel que puxese “Entra vostede en Galicia, terra patrimonio natural e monumental da Humanidade”, dixo unha arquitecta nese debate. Estou de acordo e eu engadiría: a terra que forxou dende os tempos medievais a idea dunha cultura europea dende o Camiño de Santiago e que posúe a maior Marabilla de todas: a creación dun idioma propio, o galego, como fonte de cultura para achegar á propia riqueza cultural do mundo.

8 jul 2007





CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL


Beiras Torrado. Abrente. Euloxio Ruibal.
As laranxas... de Casares. Alonso Montero: Informe dramático de la lengua gallega. Prehistoria, Cuevillas. Otero, Noite Compostelá. As Farsas de Blanco Amor. Barriga Verde, Manuel María. Mariñas del Valle
Contos da néboa, Fole. Carlos Durán. Xavier Carro. Cimiterio privado, Celso Emilio. UPG Poemas, de F. Sesto.
Varela Jácome. Cancioneiro Musical de Galicia. Falemos Galego.
Teatro de Blanco Amor en Conxo. Literatura infantil e xuvenil.
Xornadas do Cine en Ourense. Teatro Candea en Noia. Os Cigurros na Rúa.
A Cova das Choias. Morre en Noia Claudio Guerin.
Ferrín, Tovar e Celso Emilio e María X. Queizán na homenaxe a León Felipe en México. José Afonso e Francisco Funhais cantan en Ourense.
As despedidas: Bouza Brey. Augusto Casas. Urbano Lugrís. Xesús Carro. Xoán López Durá, etc.

Os paxaros nas uvas.

Pan por Pan domingo 8 xullo. Imaxe de Miró: paxaros.

Falamos onte daquel “paxaro mixiriqueiro” que lle gustaban as mozas de pelo roxo e non foi o único. Como amosa un estudo de X.R. Mariño Ferro os paxaros, cheos de plumas, teñen unha evidente connotación sexual feminina: “O paxaro de María/ ten cara de condanado,/ polos lados é peludo/ e polo medio arregañado”.
E se ós paxaros lle gustan as uvas, poden entender vostedes esta cantiga tan ousada: “O paxaro de María/ foime ás uvas do bacelo,/ todo paxaro ten plumas/ e o de María ten pelo”.
No entroido de Cacheiras cantábase isto: “A miña Jacinta/ tenvos un niño,/ e teno gardado/ para o meu paxariño”. Onde se despraza a connotación sexual cara o home.
Nesta cantiga portuguesa a imaxe é dupla: home (canario) versus muller (merlo): “Menina, prenda o seu melro/ que me vem ao meu quintal; / se lhe solto o meu canario,/ o seu melro fica mal”.
(P.S.: Graciñas ó amigo sr. Troll Ágrafo que cumpriu a súa palabra e deixoume no Liceo ourensán o agasallo que aquí me anunciara, unha copia do Cancioneiro de Casto Sampedro. Quedo moi agradecido ó meu anónimo amigo).
Vacacións para moitos/as

Moitos e moitas amigos/as andan xa de vacacións e tamén se notou no blog estes días. Pois que o pasen o mellor posible todos eles e elas. A min (e a miña familia) tócanos, como sempre, en agosto, datas nas que o blog estará paradiño e nas que nunca publico nada tampouco na prensa. Por exemplo, o amigo Monxardín anda polas Irlandas, un ano máis, con 35 alumnos/as de ESO e Bacharelato do Instituto de As Lagoas: dan conta das súas andainas no blog AslagoasenIrlanda.

7 jul 2007

EN POLEIRO ALLEO


Nacer en Galicia (Miguel Suárez Abel en ECG)
Unha axuda económica coma a anunciada pode ser criticada pero non deixa de ter a súa miga. É un paso. Insuficiente e talvez criticable por algún lado, pero, máis ou menos oportunista, é unha medida que tódolos gobernos autónomos deberían complementar, e o galego de maneira especial. Hai unha liña que parece clara: ter un fillo esixe unha dedicación e atención especiais. Se queremos favorecer as nais, estas e os pais deberán contar con todo tipo de facilidades para que as empresas poidan prescindir deles. Garderías, axudas e atencións médicas, permisos ben regulados e amplos, facilidades ás empresas para que contratar unha futura nai non lles supoña o máis mínimo prexuízo, eses si serán complementos adecuados para que nacer en Galicia sexa un auténtico regalo. Porque o emprego da muller e o desexo de ser nai non deben resultar incompatibles como o demostran os países nórdicos, onde máis traballan as mulleres e onde máis desexan ser nais. Iso é mirar pola familia e facer país. Así daría xenio nacer en Galicia.


César Antonio Molina (V. Freixanes en LVG)

É A PRIMEIRA vez que teño un amigo ministro. Un amigo da mocidade, quero dicir. Un deses amigos que veñen de atrás, que nos acompañan ou acompañaron durante etapas da nosa vida e que, dun xeito ou doutro, acaban sendo coma pequenos capítulos ou epígrafes da nosa crónica sentimental. Somos nós e somos os nosos amigos, a xente que nos quere e á que queremos (incluídos os libros). Non sei moi ben o que significa isto: se é que nos imos facendo maiores ou, simplemente, que o mundo cambia, que as oportunidades existen, e que ás veces as cousas van para mellor. (...)
Máis coplas.

Pan por Pan 7 xullo. Imaxe de Leonardo.
Vexamos algunhas coplas máis sobre a presenza estética da muller nas coplas. Hai cantigas que eloxian os corpos delgados e outras que satirizan sobre os menos esveltos: “Dícenme que estou gordiña,/ que non me fai xa o refaixo;/ almas que vos condenades,/ que traio outros dous por baixo”.
Os cabelos, dos que xa falamos aquí respecto do seu simbolismo, teñen un amplo abano de posibilidades: “Moza do peliño rubio/ que tes conta do gando: / irás á noite á fiada,/ bailaremos o fandango”.
Ou esta tan simpática, chea, cómo non, de carga sexual: “Paxaro mixiriqueiro/ que estás na punta do toxo: / moito che gustan as mozas,/ aquelas do pelo roxo”.
Tampouco faltan os sarcasmos da fealdade neste rico tesouro do saber popular. Velaí un abondo cruel, ó meu ver: “Non te quero por bonita,/ tampouco por colorada:/ sólo che faltan os dentes,/ que é a fror de toda a cara”.
ENTRE HORTAS E PORTAS (de Xosé Manuel González)
4. A máis animada.

A Porta da Estación, arestora
Pois verán: nova, o que se di nova, non son. Fixéronme, que diga, reedificaron no 1921, cando tamén se abriu a do Hospital; iso si, eu de mellor maneira, que non dinamitaron un cacho de muralla. Don Ángel López Pérez, ben saben, Fillo Preclaro e Alcalde Honorario (un animal, dirá algún); pero deixemos os mortos, sobre todo se teñen monumento no Parque, de Mallo e Asorei.

Aquí primeiro houbo poterna, a ela iría dar o canellón do Gato Mouro, supoño; ben andado o século XIX construíron porta e xa se ve unha rúa por dentro: vía de diversos nomes, depende do tempo e o acontecemento. Agora chámanlle General Franco pero igual podía ser do Teatro, xa que hai un. Que en que ano estamos? Non lle dou palabra, nin a pedra mide ben por esas categorías humanas nin a pátina dá fe cabal; teño idea de 1967, que moito falan os pasantes e á forza dos días e o costume unha vai descifrando signos. Entender é cousa de hábito e interese, tamén ler pode selo. De tempo, e eu tempo teño.

En min, desde dentro, acaba General Franco e fóra, cruzando a Ronda, comeza General Mola. Esa vai dar ao tren, curva á esquerda e non me amosa máis ca oito ou nove casas, boa construción de pedra, balcón, galería. Unha pensión, tenda de ultramarinos, outra de electrodomésticos, un café, tres administracións de transporte. Que lles parece? Tiña que ser eu así, aberta, airosa, sinxela: de todo Lugo, o máis bulinte e dinámico ámbito é o que domino.

O meu ollo mira sen esforzo adiante e atrás. Fincada estou, e de esguello só vexo parede: á dereita a do “Garaje Americano”, pola esquerda a farmacia “La Salud”, dous edificios xemelgos que son do musicólogo Bal e Gai. De oídas coñécese o que hai para aló: na garaxe remata a Ronda de Castela e coa farmacia empeza a Ronda dos Caídos; na beirarrúa de enfronte e nas costelas da muralla, reas de edificación dobre, como dobre era o sentido da circulación viaria ata hai ben pouco. O bulicio tráeo, sobre todo, a parada dos coches.

Aí diante está a empresa Ribadeo, que ten pinta de ser a máis potente; aparece agora o Xosé Manuel González, debe vir esperar o seu medio primo, Marcelino de San Cibrao. Esta compañía ten liña con case toda a Costa, e á Coruña; chegan os mariñaos coma astronautas nun espazo, asfáltico, cheo de buratos negros. Acarón a Freire, que leva a Palas, Melide e Santiago; Miguel Cancio usará ambos servizos (da Veiga a Compostela, cinco probables horas e o que toque agardar polo medio); departe ao mellor Camilo Flores con Felipe Arias e andará por alí o Carlos Villanueva, todos tres dunha quinta; pode que tamén se faga presente o amplo feitío de Xosé Manuel González Reboredo, co pouso de quen leva carreira ben avanzada. Os señores universitarios.

Cabo de min, en castelán non moi desenvolvido contéstalle un garda municipal á señora que vive catro ou cinco casas para arriba; a filla dela, oito ou nove anos, mira, escoita e aprende. Un zunido vén da esquerda. Onda a farmacia, na esquina do mesmo edificio está a Gómez de Castro, Lugo-Vigo con parada e descanso en Lalín. Dous números para alá, os Veigas, que van e volven de Viveiro e A Fonsagrada; fonsagradinos son os boureantes que baixan do autobús, con Hortensio Gómez -sosegado- a ponderar: “Comprei unhos pantalois e salíronme bois”. Pola palabra os coñeceredes e non falan moi distinto os de Becerreá e Navia, chegando pola dereita do outro lado da rúa: “Autocares La Directa, para llevar la espalda más recta”. En local diferente, explota a mesma firma a liña de Ourense; “con ises nós non timos nada que ver” afirma reservado un de Chantada, que cruza e entra no Viveiro botar unha perrita de augardente.

Bares. Cafés: o España, de barra longa, onde Fole vira o Grilo a punto de ser “erradicado” por manda dun aparente falanxista; o Metropol, amable estronicio; o Mónaco, elegancia chic da novidade. Onde comer e durmir: Fornos; a Madrileña; Casa Gerdiz, propietario don Emilio Reigosa Ladra -Amilio, di el-, sempre ás ordes do Caudillo. Tapiceiros, talleres, Armando Rodríguez Castro co butano. E o edificio de Sindicatos, moito cristal, placa escura, tres corpos, seis plantas: Empire State local poderían declaralo os que máis len o Progreso, Almanaque Mundial ou, se cadra, seleccións do Reader’s Digest.

Vai pasando a tarde e hai xente que empeza a achegarse ao cine. Non vexo ben que botan no Gran Teatro, e iso que o encerado amosa -branco de xiz sobre negro- letras ben grandes e claras. Logo virá algunha compañía teatral, quizá Carlos Larrañaga e María Luísa Merlo; o señor Gallego Tato ha de facer cumprida crónica da obra e posta en escena. No Kursal igual dan algo de moita acción, vaqueiros ou policías, porque catro ou cinco mozos acaban de meterse en Pastor Díaz con algunha présa; se cadra queren entrar antes no Bar Taller, polos bocadillos de xamón cocido.

Sempre hai movemento. O garda pensaba en retirar, pero aquel señor que vive catro ou cinco casas máis para arriba chega e dálle fala, en galego, liberal; o fillo deste, dez ou once anos, mira, escoita e ao mellor aprende. “Quen seica non anda nada ben é don Jesús Rof Codina...”.

6 jul 2007

EN POLEIRO ALLEO
"Xeración 600" (Bieito Iglesias, ECG 5 xullo)
Pero para que non digan que son un barrombas ansioso de "alternar" coas plumas máis inspiradas da miña quinta, reducireime a trazar unha brevísima cronografía daquela era do Seat duro (capaz de cargar cos fardicos de patacas que os citadinos levaban os domingos da aldea) e pequerrallo, no que puñamos cara de velocidade ao alcanzar uns pavorosos 80 quilómetros por hora. Meu primo Toño, viaxante de caramelos especializado en piruletas, mercou un de segunda man e deume moitos paseos polo Ourense da época, entregado aos signos da modernidade -encoros eléctricos- e á incipiente cultura de masas: Festival do Miño, un feliz arremedo do certame cantigueiro de San Remo. Era tal a fame de novidades desarrollistas que mesmo cando gardabamos o auto nun garaxe cunha floresta de columnas de cemento, a min parecíame que penetrabamos na Mesquita de Córdoba. (...)

O futuro urbano do idioma. O profesor Gabriel Rei-Doval analiza o estado do galego nas cidades (Entrevista de D. Salgado en EP 6 xullo)
O profesor mugardés da Universidade de Wisconsin, que elaborou o seu volume a partir de datos do mapa sociolingüístico da Real Academia Galega, explicou que "a situación en Compostela, a cidade con máis presenza do galego, non é mesma que en Ferrol, onde o galego está menos visíbel". Rei-Doval sitúa, logo de Santiago, a Lugo e Ourense. "Pontevedra atópase no medio, cun gran contraste entre a periferia, galegofalante, e o centro, castelánfalante". Vigo e A Coruña completan a listaxe.

LUCES, EL PAIS. Xosé María Álvarez Cáccamo Poeta. Entrevista de Xan Carballa: "Meu pai era un curioso absoluto, un activista cultural"

Morenas e brancas.

Pan por Pan 6 xullo. Imaxe de Cranach.

Houbo tempos en que as mozas chegaban a darse cremas para branquear a súa pel, moito antes do costume de torrarse nas praias baixo o sol. A literatura popular dá boa conta desa realidade, na que o ser moreniña, asociado ó duro labor campesiño, non era aínda un valor estimado: “Anque che son moreniña,/ déracheme Dios a gracia;/ si nacín para ser túa,/ aínda m’o tempo non pasa”.
Ou nestoutra: “Chamácheme moreniña/ inda máis podía ser;/ o Señor que me pintou,/ pintoume ó seu parecer”.

Gustaban máis daquela as de pel máis branca, como a tiñan as señoritas: “Eres branca como o leite,/ vermella como o coral,/ delgadiña da cintura/ como unha dama real”.
Quizais a color da pel era motivo abondo de escolla, segundo esta copla: “Olvidei unha morena/ por querer outra máis branca;/ agora xa vou sabendo/ onde m´o zapato manca”.

4 jul 2007


Mulleres activas.

Pan por Pan 5 xullo. Imaxe: Maternidade, de Arturo Souto.

De todo hai, insisto, no noso cancioneiro popular: por exemplo, mulleres de todos os tipos. Velaí esta irónica defensa da muller casada, pero só por horas: “Quen me dera poder sempre/ ó deitarme ser casada/ e á mañán, ó erguerme, / estar como antes estaba”.
Ou esta valente reivindicación da muller activa, mesmo no plano sexual: “Anque che son piquiniña,/ redonda como unha noz,/ teño de darche combate/ tres horas polo relós”.
Non falta a visión tradicional, máis convencional na denuncia das “liberdades” das féminas: “As rapaciñas de agora/ son pequenas como ratos;/ andan no medio dos toxos/ con barrigas como sapos”.
E hai tamén coplas que falan do maltrato ás mulleres, mesmo xustificándoo. Pero esta sería doutra fasquía ben diferente: “A muller pegoulle ó home/ cunhas cestas dun sarillo;/ xa que pode, está ben feito/ que castigue ó seu marido”.
ESCRITORES E GUERRA CIVIL (e 3)
Andoliña xoves 5 xullo

Alonso Montero leva moitos anos a traballar na recuperación da Memoria histórica, ou republicana, como el prefire. Impulsor de múltiples traballos sobre escritores republicanos e exiliados, foi tamén animador, no Día das Letras Galegas, do rescate de figuras como Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Ferro Couselo e Blanco Torres.
No libro que comentei nestes días ten o interesado nestes temas múltiples propostas útiles: velaí a carta de Víctor Casas a Gómez Román pedíndolle a futura reorganización do Partido Galeguista, xa “cun matiz netamente esquerdista”. Ou as reviravoltas do poeta e xornalista Xulio Sigüenza ata dedicarlle os seus “Poemas del Imperio” a Jesús Suevos, de seguro para sobrevivir na nova situación política.
Creo que é bo que saían á luz pública todas estas sombras. Cunqueiro sobrevivirá como o gran escritor que foi malia estas sombras innegables. Máis difícil o ten Risco: segundo me contan os editores, aínda non está perdoado. Carlos Casares escribiu en “Un país de palabras” páxinas sensatas sobre os escritores galegos colocados no ceo e no inferno. Quevedo, Celine ou Ezra Pound tamén estarían neses infernos e non o merecen. Tampouco, creo eu, Risco nin Cunqueiro.
En poleiro alleo

"O corazón dos Ancares" (X.M. Sarille, ECG 3 xullo)
O xoves pasado, despois de tantos días a chover, o sol entrou nas árbores, na herba e na terra, coa decidida impaciencia de quen perdeu moito tempo. A abundancia da auga, como se fose abril, a luz como de agosto e a calor do verán violentaban as veigas de Pereda, as vacas, os bichos, as troitas...

"El oscuro origen de don Juan" (Xurxo Fernández, ECG 2 xullo)
En 1844, José Zorrilla escribió, en veinte días, uno de los dramas más populares de la historia: Don Juan Tenorio. Él mismo nos regala datos muy precisos sobre su gestación en sus memorias –Recuerdos del tiempo viejo, editada en 1880; el año en que se publica Follas Novas de Rosalía de Castro y Van Gogh...

"Hai outra vida nas aulas" (M.A. Candelas Colodrón, FV 4 xullo)
A educación ocupa un lugar central nas nosas vidas; sen embargo, a súa importancia capital atopa escasa correspondencia nos distintos medios de comunicación. Cando se fala deste tema, xorden case sempre as informacións sobre a sempiterna reforma, crónicas de sucesos referidas á venda de droga á entrada dos centros educativos ou a matonismos de variado calibre, e infinitos debates sobre a idoneidade de certas materias. Son, sen dúbida, temas ...

Mortos con prestixio (brincadeira)


Mortos de primeira categoría, nesta funeraria centenaria de Lugo, que seguro ha coñecer o amigo González. A foto é de Carmen García Rodeja. (Grazas polo envío, Tacho).

Máis sobre os ollos e o amor (na literatura popular)

Pan por Pan mércores 4 xullo. Imaxe de J.L. Gerome.

É tan inmensa e vizosa a nosa poesía popular que encontramos nela todos os temas, actitudes e rexistros. Tamén, como estamos vendo, sobre o amor e os ollos.
Estes son a imaxe que mellor representa a amada: “Olliños que ben me queren/ nesta terra non están;/ pasano a Pontesampaio/ sabe Dios cando virán”.
Pero os ollos, aínda os propios, son tamén os culpables do castigo do amor, por eles entran os desexos e as paixóns: “Os meus ollos ten a culpa,/ a eles m’ hei de volver,/ que fun tomar amores/ a donde non deben ser”.
O mesmo laio do trobador medieval García de Guilhade: “Os olhos verdes que eu vi/ me fazen ora andar assí”.
Os ollos permiten ver a amada e non outra cousa é o que quere, por riba de todo, o mozo das nosas cantigas populares: “Quérote tanto, meniña,/ quérote tanto, rapaza,/ que o día que non te vexo/ eu non sei o que me pasa”.
(P.S.: a maioría das coplas que uso nestes miniartigos están sacadas da excepcional escolma de DOMINGO BLANCO, A poesía popular en Galicia, 2 vols., Xerais, 1992, que recolle case catro mil breves cantigas galegas)

Galegos de Ourense (III): Política, Literatura e Igrexa

Aínda que en teoría xa estou de vacacións, seguimos traballando... E estes días bastante liado, por dúas cousas. A primeira, arranxar temas de intendencia: a estancia da filla en Santiago dende outubro (xa está solucionado). E a segunda, polo que segue máis abaixo. (A foto é do 20 de maio de 1994, cando a homenaxe a Casares do Clube Cultural Alexandre Bóveda en Ourense: presentes M.V., Benito Losada, Carlos Casares, José L. Outeiriño -responsable de Protocolo do Concello- e Afonso V. Monxardín).

Galegos de Ourense (III): Política, Literatura e Igrexa
(Curso de Extensión Universitaria. No Mosteiro de San Salvador, Celanova. Dirixido por Jesús de Juana, Julio Prada e Domingo R. Teijeiro)

Mércores 4 xullo. O Bispo Quevedo (Ponente: Jesús de Juana)
San Rosendo (Segundo Pérez)
Marcelo Macías (Miguel Ángel González)

Xoves 5 xullo. Antón Losada Diéguez (Xosé R. Quintana)
Carlos Casares (Marcos Valcárcel)
Florentino López Cuevillas (Domingo Rguez. Teijeiro)

Venres 6 xullo. Manuel Suárez e Benigno Álvarez (Julio Prada)
Xaquín Lourenzo (Luis Domínguez)
(Curso de Extensión Universitaria. No Mosteiro de San Salvador, Celanova. Dirixido por Jesús de Juana, Julio Prada e Domingo R. Teijeiro)

3 jul 2007


Tes os olliños negros.

Pan por Pan 3 xullo

Dos ollos e do seu poder no amor escribín o pasado domingo: os moi cultos seguidores/as do meu blog enriqueceron as referencias literarias, de Lope de Vega a Petrarca, e de Xoán García de Guillade a Louis Aragon. E as mesmas imaxes arredor dos ollos e os amantes aparecen ademais na poesía popular galega. Por exemplo, os ollos e o “morrer de amor” dos trobadores, nesta cantiga: Eu non sei que tes nos ollos/ que, se me miras, ti matas;/ mátasme, se para min ris;/ mátasme, cando me falas”. E a beleza exclusiva dos ollos da amada, os únicos capaces de crear o misterio amoroso: Moitos, moitos ollos vin, / e sólo ós teus, miña rula,/ e sólo ós teus me rendín”. E xa saben, se os ollos verdes son traidores, semella que a este poeta anónimo lle engaiolaban máis os negros: Tes os olliños negros/ como a seda de coser; / nacemos un para o outro:/ que lle habemos de facer”.

1 jul 2007

En poleiro alleo

Boas novas do hábitat (Salvador García-Bodaño en El Correo Gallego, 1 xullo)

Couto Mixto, a Andorra galega (Xosé González Martínez en Faro de Vigo)

A laranxeira de Trasalba (Méndez Ferrín en Faro de Vigo)

Dios y el César (Alfredo Conde, El Periódico)
"CAUSARÍA RISA la actitud de la Iglesia española si no resultase esperpéntica. ¿Es que es ella la depositaria de la moral ciudadana y solo a ella compete impartir doctrina a este respecto? ¿Qué autoridad moral, precisamente moral, es la que la asiste después de tanto tiempo transcurrido detentando la exclusiva de la impartición de doctrina, de doctrina moral, pero también social y no únicamente religiosa? ¿Es que no debe haber más moral que la religiosa? ¿Es que debe el Estado --es decir, ese instrumento del que la sociedad se dota a sí misma, no para servirse de él, sino para que este la sirva-- seguir delegando tamaña responsabilidad en esta concreta institución eclesiástica o deberá ampliarla a todas las demás? ¿Pretenden acaso los reverendos que cuando tengamos seis millones de votantes musulmanes, como ya tienen nuestros vecinos franceses, esa otra moral se enfrente a la suya y el enfrentamiento de ambas pueda acabar por triturarnos a todos?"

Aquele mover d´olhos excelente...

Pan por Pan domingo 1 xullo. Foto J.Simon.


“Aquele mover d’ olhos excelente,/ aquele vivo espírito inflamado/ do cristalino roto transparente…” cantaba Luís de Camoes nunha das súas elexías. E noutro poema o gran poeta portugués fala de “um mover d´olhos, brando e piadoso” e aínda noutra cantiga: “Ûa Dama, de malvada,/ tomou seus olhos na mâo/ e tirou-me û apedrada/ com eles ao coraçâo”. Os ollos da amada, a raíz da fascinación en centos de poemas de amor.

“Ojos garços ha la niña” cantaba Juan de la Encina: “Son tan bellos y tan bivos/ que a todos nos tienen cativos,/ mas muéstralos tan esquivos/ que roban el alegría”. Todo o mundo quere mirar eses ollos, de día e de noite, e o mesmo pasaba cos “Ojos claros, serenos” de Gutierre de Cetina. Noutro poema deste autor, o poeta canta á dama que se cobre os ollos coa man e logra así, igual que co astro rei, que o seu resplandor sexa máis levadeiro para o amado.






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL





1972: XENTE AO LONXE

30 jun 2007


Unha decisión acertada

Gran editor, poeta, erudito, divulgador da nosa poesía medieval trobadoresca, ó cabo Xosé María Álvarez Blázquez, citado tantas veces nas quinielas, será o centro do Día das Letras Galegas 2008.

A miña noraboa, que supoño compartirán os contertulios, ó seu fillo Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a toda a súa familia.
En poleiro alleo

"Problemas de fondo", de Víctor Freixanes (LVG 30 xuño). Dende a imaxe das multitudes opositoras en Silleda, V. Freixanes reflexiona sobre o futuro da nosa mocidade e a emigración, sobre todo "intelectual", aínda non rematada.

"Unha máis", de X. L. Franco Grande (LVG 30 xuño). Franco Grande retruca duramente algunhas das opinións expostas por Ferrín nun seu artigo sobre Curros e sobre a valoración que o grupo Galaxia tiña do poeta ourensán.
E no suplemento cultural, non accesible dende a rede (creo), artigo de Alonso Montero sobre a recuperación dos poemas do mestre e pedagogo republicano ourensán Albino Núñez Domínguez, por parte de Harmonía Universal, nova editorial fundada polo seu neto o músico Carlos Núñez.
AMOR E MORTE
PAN POR PAN sábado 30 xuño. Imaxe: Moza co can branco, de Lucien Freud, 1951-1952.

Pode o amor burlar as fronteiras da morte? Os poetas entenden que si e ninguén o expresou mellor que Quevedo no soneto “Amor constante mas allá de la muerte”, onde di que os seus restos “serán ceniza, mas tendrán sentido;/ polvo serán, mas polvo enamorado”.
Na mesma liña Villaespesa canta a Elisa, a amada que se revela como presenza espectral: “Mis ojos no la ven, pero la siento/ vagar en torno mío, en el aliento/ que sube del jardín por la ventana;/ y me parece ver en el espejo/ la lunar claridad, como el reflejo/ de alguna sombra de su sombra hermana”. Ata o punto de fundirse o poeta coa amada morta (“¡Y un espanto de muerte me sofoca/ al sentir que su voz sube a mi boca/ del fondo de mi propio corazón!) e desexar non espertar xa máis: “¡Sólo en sueños la ve mi vida enferma!.../ ¡No me despiertes más, deja que duerma/ soñando para siempre con mi Elisa!”.

Os escritores galegos ante a guerra civil

Presentamos o pasado xoves no Liceo o último libro de Xesús Alonso Montero, Os escritores galegos ante a guerra civil española, 1936.1939. Textos e actitudes (Galaxia). Vou dar agora só unhas primeiras notas.
Para empezar, dicir que Alonso estivo brillante, falou moito, pero non cansou. Mesmo cantou algunhas das coplas populares, franquistas e antifranquistas, que el aprendeu de neno no Ribeiro e que aparecen no libro:
Franco, Franco
Qué cara más simpatica
Me pone usted
Parece un requeté

Tocoume facerlle a presentación e dixen alí que Xesús Alonso Montero está a ter un ritmo de publicación case febril, coma se quixese preparar nestes anos as súas Obras Completas. No libro que comento hai 40 traballos de interese sobre os nosos escritores e as súas posicións ante a guerra civil e ante o franquismo, algúns deles xa publicados noutros lugares e outros inéditos.
Alonso é contundente cos textos franquistas de Risco e Cunqueiro e dedícalle un demoledor apartado ó “señorito” Álvaro de las Casas. Tampouco ten perda o estudo do epistolario en galego (algún franquista escribía cartas en galego) dunha “miña xoia de dereitas” como Francisca Herrera Garrido.
Recupera figuras (sobre as que xa ten publicado máis cousas) como Manuel Gómez del Valle, Evaristo de Sela ou Juan Tizón Herreros, ademais de R. Blanco Torres, Víctor Casas, unha achega emocionada a Ánxel Casal e outros autores.
Hai achegas críticas tamén a figuras como Ramón Cabanillas e Sánchez Cantón, das que se desvean facetas ata agora descoñecidas. E dos antifranquistas Carballo Calero, Ramón Rey Baltar, Carme Muñoz ou Blanco Amor (coa súa oferta do seu salario a Azaña).
Alonso é moi duro con Risco e Cunqueiro, pero entende mellor as “musas do medo” cando se refire a Iglesia Alvariño e a Celso Emilio Ferreiro, mesmo cunha imaxe ficcionalizada do momento en que un capitán lle ordena ó de Celanova escribir versos a favor de Franco que sería publicados en “El Compostelano”. (Tamén Camilo José Cela leva os seus paos correspondentes, por suposto).
Alonso introduce pequenos capítulos case memorialísticos entre eses traballos, onde el, neno, se introduce nesa historia da posguerra con apuntamentos emotivos e ben narrados. Un dos capítulos máis valiosos é o dedicado a don Ramón no exilio interior, de 1936 a 1949, explicando por qué Otero Pedrayo mantivo a cátedra ata agosto de 1937 e todo o que sucedeu despois (houbo valedores de peso: entre outros M. Cerezales e Eugenio Montes). Tamén se inclúe o texto oteriano de A estadea, que Alonso encontrou hai anos no Museo do Pobo Galego.
En fin, un libro imprescindible para a historia cultural deste país. Para coñecer as luces e as sombras dos nosos escritores. Aquí, sobre todo as sombras ...

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González

3. A casa do Martín

Da vintena de rúas que dan á Muralla, case todas van, veñen ou cadran onda unha das portas. É excepción notoria a de Ourense: ancha, dereita, comeza nun dos lenzos de muro máis delongados, entre a Porta Nova e maila do Bispo Odoario. Ao mellor tivo algo que ver coa Poterna de Barras, cegada desde hai moito; en todo caso, comunica dous rueiros de forma e carácter ben diverso, case simbólico: as Casas Baratas (na foto) e as Casas Sindicais.

Cando lle preguntara á miña nai por que aquelas casas tan bonitas eran chamadas “baratas”, contara ela que cando a República fixéranse para traballadores; desde logo, non acabaron sendo obreiros a maior parte dos propietarios, pero co tempo encontrei eu traza posible da primitiva idea: Francisco López Quinte, albanel, firme comunista e candidato ao Senado co Bloque no 77, tiña un dos primeiros chaleciños, acarón do que ostenta discreta e apropiada placa: “Colonia Antonio Miño Seoane. 1937”. Os edificios, albergando unha ou dúas vivendas, certo aire de cottage elegante, ben poden manter algunha aura daquela forma de estado que igual non traía sensibilidade moi galega, pero si intención social e modernizadora. Do pouco que restou, onde menos se pensa.

Desde aquí ata acabar a mencionada rúa haberá trescentos metros. Ao final, dobra un á esquerda e ve coma unha gran caixa de mistos con tellado de colmea; sete pisos. Detrás, colmeíñas similares de tres ou catro plantas e, pechando bloque, outra de sete. Nunha das vivendas criouse Mini, Xosé Luís Rivas Cruz, o barbas de Fuxan os Ventos; bardante o altor aludido, todo é alí cativo: ancho dos predios, tamaño dos cuartos, seguramente o groso das paredes. Queda na memoria, algo impreciso, o que un revocado exterior borrou: en elevado lugar, símbolos da organización nacional-sindicalista (espiga quizá, xugo e mais frechas), letras de grande formato e cifra dun ano: seguramente, 1954. Alí si que vivían obreiros.

Pois a posguerra empezara a baleirar os campos, e a enxurrada que será proletaria desruraliza a medias, a partir da muralla, nomeadamente contra o norte e noroeste. A douscentos metros das Casas Sindicais, os pais de Arturo López Luna, vidos de Caraño e Pol, fixeron casa; no segundo andar, fin dos 70, alugaralles Darío Xohán Cabana, que de Roás e Cospeito fora para Vigo e desde alí volveu coa Amelia, antes de Beluso e Bueu. O pai do meu condiscípulo Arturo púe baldosa, o Darío inicialmente venderá libros, despois fará sindicalismo. Arestora, nos 50 e 60 vai chegando xente coma Martín.

A Gerardo Fernández todos o chaman Martín -o segundo nome- na veciñanza e o traballo. Criado en aldea sarriá por un tío, botou no Instituto lugués tempiño pouco aproveitado. Porén, en anos que non descoñecen o analfabetismo, pasar polo nivel secundario subministra esperanza en materia de emprego: ei-la decepción cando na Residencia Sanitaria, a onde fora recomendado, lle entregan unha farda de conserxe.

Porque o Martín é home bastante mozo, con empuxe que lle dan a ilusión, xeral curiosidade, afán de coñecemento e fondo sentimento relixioso. Será unha das figuras máis coñecidas na institución sanitaria (estimaba ter salvado un home ao observar certo síntoma despois corroborado) e na parroquia nacente de San Antonio. Pesca no río, vai á aldea. No fogar, onde Carme -a muller e cervantega- non é parsimoniosa, o Gerardo sempre anda en algo: labra un peixe con escamas no corno dunha vaca; instálalle despois iluminación interior que cobre cun forro; proxecta copiar certo galeón en miniatura... Así e todo, seguramente o máis célebre foi o da casa.

O Martín e a Carme aforran. Chega o momento no que se pode construír nunha Rúa de Ourense que se estiraba desde os chalés; catro pisos e baixo. Quero supoñer que a obra externa lla realizou un contratista. Porque, desde logo, no traballo de dentro ocupouse el polo menos na primeira planta, e non dou fe de que non o fixese completo. O domingo á mediodía sentaba no chan, touciño, pan e algo de leria por parte de quen chegase; só maiormente, a muller tiña abondo cos nenos que chegaban e algúns vellos que estaban para irse. Un cuarto, outro cuarto; os chanzos da escaleira, a varanda; o pasamáns aínda tardaría. A casa rematouse e alí está. A rúa foi mudando o perfil social, e non moito quedará daqueles labradores proletarizados.

Era primo da miña nai. Cruzabamos a Porta do Hospital (ou Bispo Odoario) xunta o edificio que Eloy Maquieira construíra para Escola de Traballo -á que non fun- e onde acabou instalándose o Instituto “Xoán Montes”, no que dou clase. Fóra, por un camiño entre chantos que sería a Rúa das Anduriñas, acadábanse as Casas Baratas. Lembro a Gerardo cando aprobei o PREU, a aperta e intenso comentario sobre o primeiro da familia que chegaba á Universidade. O Martín quería ser médico, sentíase dotado; foino, éo, unha filla. El, apurado como andaba, xa hai tempo que marchou.