ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé M. González
25. Festa, sombra, melodías.
O Jimmy de Rairo, disque,
ten encontrado entre hortas e portas algún tempo suspendido.
Para el é esta mónada luguesa.
(Foto tomada de
http://sanfroilan.lugo.es/postais.asp?cat=Antigas: páxina ben interesante por certo de postais antigas, engado eu, M.V.)
A máis dalgún non oriúndo, a epigrafía local mantén lembranza de tres compositores. Fica extramuros a vía dedicada ao máis recente, Jesús Bal e Gai, e menos popular; pasou moita vida lonxe, non é o
labor musicolóxico para multitudes, rara vez se encontrará obra del en repertorio de banda. Naceron os outros dous na Rúa Nova; o máis vello pertence ao Rexurdimento, epígono ou continuador é o máis novo e en tal liña cadansúa peza son ou foron emblema local. Que ambos nomeen rúa no casco vello igual ten fundamento no ano da respectiva morte (1899, 1948) e a escasez do Lugo exterior ata os cincuenta; ou se cadra é debido á máis doada popularidade. Arestora, chámase Xoán Montes un instituto de ensino secundario, Gustavo Freire un auditorio; casualidade ao mellor, volve resultar suxestivo o caso de Bal: dálle nome á residencia universitaria.
Nos anos sesenta, bandas e corais adoitaban interpretar, rexistrar en disco
“Negra sombra” e
“Festa na Tolda”. Polo topónimo incluído, calquera lugués identificaba a segunda coa propia cidade, relacionase ou non o título con aquel asubiado tan corrente. O da primeira non é sinxelo explicárllelo aos mozos arestora; quen fora Montes, o título e comezo da letra debían integrar o patrimonio inmaterial común. Eran, polo menos, coñecemento moi xeneralizado; un dato: que lembre, non me constaría que o poema o escribira Rosalía de Castro ata ter eu dezaseis ou dezasete anos. Quen sabe cantas veces levaba xa escoitado “Negra Sombra” pola radio, en palco ou ante o busto do compositor, no Xardín de San Roque.
Estaría máis difundida, entre os restantes galegos, a autoría rosaliá. Pero deles, aparte saudade e metafísica, posiblemente moitos non desdeñasen considerar o texto como ex libris xeitoso para a cidade amurallada, aló no seu outeiro; onde o escuro treboento do país se fai alta pantalla e un escaso neón mantén xenuína sensación de noite; onde a néboa, que aparenta acomodada, sen ser negra volve sombras os contornos. Pola contra, con Freire alborexa a romaría na linde fluvial, un arrecendo a herba seca trae sinestesia case alimenticia, pon no cerebro acougante nova de que o verán lles dá tregua e vitamina a óso e artello. Pasa a banda, queda a gaita; sobe e estoupa un foguete, entre a misa e o xantar hai encontro, leria e recoñecemento.
O lugués goza coa festa e tamén se sabe sombra; grande é aínda o prestixio de Montes, sesenta e pico anos xa na cova. Realizara moito labor en Lugo, non foi un dos menores traballos fundar e dirixir o multilaureado Orfeón Gallego onde cantara o meu veciño Luís, pai do Pirulo; nos oitenta, coma o músico tamén se había chamar
outro orfeón, dirixido polo
Enrique Alvarellos que tiña academia e
editorial case ollando aquel mencionado busto. Antes, agrupación distinta abrangue boa parte da sona en materia de música tradicional:
Cantigas e Frores; botou un tempo inactiva, pero
fotos e imaxes traen vizosa memoria de cando o feito lingüístico e nacional galego tiña acocho e expresión pública no folclore. Os Montes, Os Amigos... tercetos e cuartetos,
con diana e alborada, provían alegría fronte a algún desprezo; houbese ou non gaiteiro en Penalta, ninguén probablemente o encontraría “coma un príncipe cumprido”.
Porque “música culta” era idea distanciada do “regional”, e tamén modernidade. O Círculo das Artes fornece marco para a Sociedade Filharmónica programar concerto e sinfonía; “marco incomparable do Salón Rexio” non vulgariza o concepto, resulta lucensemente exacto: ningunha outra sala á altura, con leve dúbida para a lembranza do Gran Teatro. A sociedade fomenta así mesmo o instrumental de corda: Tino Prados organiza un Grupo de Pulso e Púa; xorde o
Rocho Musical. Considerada máis selecta, a solfa chamada clásica ten o prestixio do exclusivo e distinguido; espiñento resulta afirmar -a teor de experiencias posteriores- que sempre a audiencia compartise melomanía ou ficase libre de carraspeira. Sexa como for, afección hai; e empezando os setenta xorde a Semana de Música do Corpus.
Pero se un di popular, a máis da resistente gaita refírese inequivocamente a banda e orquestra. Gusta o lugués adulto, non despreza moito mozo, das agrupacións con gorra de prato e
habitual vestiario azul: ten sona a Lira de Ribadavia, algo equívoca a de Celanova e na provincia a de Sober; esperta interese o grande e prestixioso colectivo que veña en ocasión especial. Pero sobre todo, ante todo, a Banda Municipal de Lugo, dirixida polo Mestre Méndez, é unha das cousas que o cidadán coñece e verifica por súas e ben feitas; xoves pola tarde, domingo á mañá son as semanais e concorridas exhibicións, na Praza Maior.
Onda a orquestra hai encontro de vellos e novos. Aqueles oen, botan o pé se toca
pasodobre; estes danlle a todo, ao que poden se cadra ou lles deixan. Sesión vermú, festa, verbena... Cada cidade ten o seu creto ou mito; Poceiro en Pontevedra, Pontinos de Ourense, Trébol ferrolá...
Sintonía viguesa, Satélites ou Españoles; por riba, atinxible canto á música, de incomparable semántica, aquel grupo cun nome do río Tambre e o único Boedo. Acaban os sesenta, Pavillón dos Deportes; entre dúas cancións, conta un conto: fóra do país, entra na barbería, demanda servizo, pregúntanlle se é galego, “no”; reitérase logo a pregunta, “no, aféiteme”; entra un compañeiro, igual Prudencio Romo ou Paisal, “Pucho, vés agora?”, “despois, desque me afeiten”; barbeiro: “oiga, ¿por qué me ha negado que es gallego?”; “muy sencillo: es que no me gusta darme importancia”.
En mal tempo para tales alegrías, emerxendo, Pucho Boedo e Os Tamara presumen polo mundo de galegos. O país devolve enorme popularidade: en toda Galicia, grupos e orquestras mandan
correr a Carmela, que chove;
compadecen os mariñeiros de Noia, cegado porto de Compostela. Con diferente aire e motivo, a luguesa Clave, se cadra, no San Xosé das Gándaras pregunta polo
carro do Manolo; a Vélez evoca
un rancho grande en Domingo Tallo; Kalú ao mellor -e co Julito no palco, movendo o pedido cigarro, vertixinoso e incrédulo ante tanto protagonismo- mándanlle a
Alma Llanera na Praza da Soidade. Probablemente, en todas partes remata a Muiñeira de Chantada.
Rock e achegados son asunto exclusivamente xuvenil, madia leva, e para iso limitado, baixo certa sospeita. Curioso que o primeiro grupo de guitarra eléctrica e batería forxe nome baixo o abeiro dun influínte cidadán, Alejandro Santín Díaz;
Los Alesandi abren camiño polo que andarán Nez, Amable, Moreno, Grandío... Dous programas da SER -“Superventas” e“El Gran Musical”-, un de Radio Popular de Lugo (“Aquí la Juventud”) facilitan encontro, non ficamos sós. No espazo lugués da COPE, cara ao público, sábado á tarde, Manolo Lombao ofrecerá escenario, actuación para moitos; virá tamén folk, O Carro, Sendas del Folk,
Fuxan os Ventos, máis tarde
A Quenlla. Historia, porén, que me pide outro relato.