31 dic 2008


FELIZ 2009
(entrada 2528)

Unha imaxe de Chagall para desexarlles a todos vostedes un Feliz Ano 2009.

Voume permitir, tamén para min e para os meus, desexar que sexa moito mellor que o 2008. Os últimos meses supuxeron un cambio radical na miña vida, ben visible na aparencia física pola miña perda de mobilidade. Quizais sexa este o reto máis grande da miña vida, pero teño que afrontalo. En positivo.
E coa axuda de todos. Porque o 2008 tivo cousas moi positivas tamén: dubido que haxa moitas persoas que se sintan tan queridas como o fun. eu nestes meses. A homenaxe do 29-XI só foi un elo dunha cadea na que están moitas persoas, ademais dos propios familiares, como é obvio, e a miña sorte por contar ó meu carón con María e con Eire.

Grazas a todos e todas, por todo.
Ós meus compañeiros do Instituto, alumnos, amigos/as do blog, colegas e amigos do mundo cultural, xornalistas, etc.
Ás fisioterapeutas que me atenden dous días á semana en AODEM, Marian e Ana, e a Diego, o conductor do transporte adaptado.
A Bragado e a Xerais pola edición da Historia de Ourense.
Graciñas ós amigos ourensáns que seguen pendentes de todo, a Afonso, Benito, Moncho, César, Xulio, José Luís, Xoán, e un longo etc.
Ó amigo Eduardo Núñez, que me agasallou con dous álbums de fotos, un deles da homenaxe do 29, con case 200 fotos, que xa é un documento excepcional da vida cultural ourensá do 2008.
A Pepe Trebolle, a quen xa teño convertido no meu taxista persoal e cultural e do que algúns pensan que é o meu pai: sería un orgullo telo como tal.
E as donas de todos eles (e fillos/as), a Belén, Lourdes, Manu, Ana, Milagros, Mary Loly, etc.,
polas horas que lles rouba cumprir xenerosamente co seu fondo sentido da amizade.
Crise e barbarie
Xosé M. Sarille, ECG. 30-12-08


Leo no informe dun organismo da ONU, serio, científico, que para soster o actual nivel de consumo e ao mesmo tempo chegar ao ano dous mil trinta, farían falta os recursos de dous planetas como a Terra. Outra institución, tamén da ONU, publicou hai un tempo que con este ritmo de depredación non haberá vida nos océanos en dous mil trinta ou dous mil corenta, non lembro ben a data exacta, pero tanto ten.
Calquera que vaia mercar a un supermercado pode decatarse do que está a suceder; a maioría dos peixes teñen nomes rarísimos e formas descoñecidas; estamos devorando os intragábeis, despois de esgotarmos os máis saborosos. Eu non entendo nada de economía pero temo que nos estean enganando igual que nos últimos anos. Non querían dicirnos que a crise actual estaba a piques de chegar. Atreverse a facelo antes de que estoupase implicaba delatar aos grandes estafadores, aos que se forraban con operacións especulativas alucinantes, pero que en realidade dominaron a economía mundial mentres lles durou. Que lobby socialdemócrata sería capaz de semellante valentía? Agora dinnos todos os poderes que hai que incentivar o consumo para recuperar a produción e saír da crise. Pero claro, a cousa ten mala pinta. Como se por primeira vez non se soubese por onde tirar. O esgotamento da Terra non vai permitir que se repitan as vellas fórmulas de sempre. Regalan diñeiro público a moreas para reiniciar o ciclo. Talvez a nova burbulla especulativa se produza no horrendo Complexo militar-industrial, porque manda o curto prazo, que é un dogma inalterábel do becerro de ouro; daquela haberá que observar o valor das bombas de fragmentación no Dow Jones. Radian e televisan as bolsas como se emitisen os resultados dos partidos de fútbol. Ao mellor a solución sigue estando nos retorcementos especulativos dos brokers.
Ninguén ten unha vara máxica para resolver o problema, dirán vostedes. Non, nin sequera Obama, o rei Baltasar de estética Walt Disney que se foi perfilando no espectáculo mediático do último ano. Dá a impresión de que aínda vivimos na calma que precede á tormenta.


Robert Mulligan
X. L. Méndez Ferrín, Faro Vigo 27-12-08

Sobre o ano 1963 vemos unha película titulada en España Matar (a) un ruiseñor seguramente porque a ave laiona que figura no seu título orixinal inglés non existe en Europa. Trátase dunha dura e vindicativa estoria que saca á luz o racismo da sociedade conservadora do Sul dos EE UU, con interpretación inesquencíbel de Gregory Peck no rol do avogado humanista Atticus Flinch. Cando algún fato ou cretino nos acusa de "antiamericanismo primario" sempre me vén á memoria Atticus Flinch como exemplo perfecto da decencia dos norteamericanos que Pablo Neruda simbolizaba na figura do Leñador.

A película presentaba unha zona de sombra. Un non comprendía moi ben por que unha meniña, que había de ser agredida, andaba polo bosco disfrazada de cabazo en ocasión dunha festa infantil tradicional cuxas regras os espectadores de aquí descoñeciamos. Nós non sabiamos en 1963 que nos EE UU había unha festa chamada Halloween e os traductores españois que traballaron na dobraxe tampouco sabían nada da dita festa. Naturalmente, a min nin sequera se me ocorreu que aquilo tivese nada que ver cunha tradición céltica que levase o nome de Samain. No meu rudimentario gaélico daquela época, que segue a ser rudimentario, Samain ou Samhainn o nome que leva a festividade cristiá de Todos os Santos e mais o mes de Santos na lingua propia de Irlanda e da Escocia celtizante. Claro que, en inglés, Halloween significa tamén Todos os Santos. Ou Hallowe´en.

Os lectores escoceses de Robert Burns (1759-96), o seu poeta nacional, non sabía grande cousa tampouco dunha celebración de Halloween en forma de nenos disfrazados e de lendas de meigas e cousas fantasmais que andasen polo mundo na véspera do día de Todos os Santos. Nada sabían os escoceses de finais do século XVIII sobre o folklore de espíritos ligados aos cabazos ou calacús do día de Halloween e Robert Burns tivo que lle-lo explicar de xeito erudito e mediante a minuciosa evocación dun costume que xa desaparecera naquel tempo. Así, o poema de Burns titulado "Halloween" acompañouse dunha nota explicativa e moi longa para os seus compatriotas comprenderen.
Moito máis tarde, e non antes de 1962, ano de Matar un ruiseñor, comezou a sair o Halloween como festa infantil nas películas norteamericanas. O seu nome inglés (arcaizante) entrou, sen ser traducido, nas dobraxes. Rapidisimamente, todo o mundo se enteirou de que existía Halloween e a súa festa de cabazos e de bruxas. En pouco tempo Halloween foi asumido, e este ano viñeron uns nenos da Avenida das Camelias, Vigo, a pedir na miña porta doces, como facían no maio de Curros os nenos que pedían castañas. Un grupo de agudos inventores de fantasías díronlle, coido que en Cedeira, unha volta de parafuso. Discurriron, despois de ler de xeito acrítico as novelarías de Jean Markale, que o Halloween en realidade é o Samhainn (as palabras significan o mesmo) e que en Galicia, que é celta, sempre se celebrara tal festa. E deron en decer que as carantoñas de cabazo que os nenos adoitabamos facer no mes de setembro para xogar a porlle medo ás nenas eran unha tradición antiga e sagra dos celtas galegos. Por tódolos Santos!

Do Halloween ao Samain: velaí unha impostura ben curiosa. Unha imposición cultural norteamericana feita a través do cine e do televexo pasa a adoptarse como unha falsa tradición folklórica galega. En realidade hoxe deberíamos falar da imposición, tamén imperialista, da árbore de Nadal que non é de orixe céltica nin sequera anglosaxona, senón alemá aínda que nola inculcasen vía EE UU. Pero ocorre que acaba de morrer Robert Mulligan, director de Matar un ruiseñor, unha das miñas películas favoritas, e os cabazos puxéronseme moi grosos na memoria.

Entre can e lobo.
Pan por Pan 31-12-08

Con este título tan orixinal, unha expresión francesa semellante ó noso “entre lusco e fusco”, entrou na casa un dos últimos libros de Julio Llamazares, “Entre perro y lobo” (Alfaguara). Chegou cos agasallos de Nadal, de man da miña filla Eire e estou estes días a saborealo con gusto. Coñecín ó autor e sigo a súa obra dende hai bastantes anos. Este volume é unha escolma de artigos xornalísticos dos últimos 20 anos. Moitos deles remiten ó universo literario de obras como “Luna de lobos”, “La lluvia amarilla” o “El cielo de Madrid”. Nos artigos hai tamén pezas magníficas como “Adiós a Matiora”, “Memoria de la nieve” ou “Balada de Portugal”, intelixente defensa do iberismo que relembra tamén as teorías do padre Antonio Vieira. Faime moita graza ademais reler hoxe “El arzobispo de Manila”, inspirado nas babecadas que dixo Cela, sobre as mulleres e os escritores novos, cando gañou o Nobel.
Graciñas, no que me corresponde...
(A Calidonia e a Arumes)

No blog de Calidonia:


Mellor anotación: Comunismo, de Cesare.
Peor anotación: Cultur.gal, ese chiringuito, de Spavi.
Mellor fío de comentarios: Alguén que ande por aí sabería polaco?, en …mmm…, de Estíbaliz Espinosa.
Peor fío de comentarios: Masacre en Gaza, que Noxo!, en Brétemas, de Manuel Bragado.
Mellor blogueiro-a: Marcos Valcarcel, por As uvas na solaina.

Graciñas, ademais, a Arumes por transcribir no seu blog o traballo "A forza do blogomillo", tan interesante e no que agradezo as palabras xenerosas que se lle dedican a estas Uvas. Onte mesmo, un destacado intelectual galego, con asento na RAE, falaba eloxiosamente desta casa e do ben que o trataron nun fío algúns tertulianos habituais, creo que exalumnos seus. Cando escoito estas cousas, sinto un lóxico orgullo e tamén o peso da responsabilidade, pero este lévase ben coa colaboración de todos vostedes.

30 dic 2008

Israel, Israel,
de Miguel Anxo Fernán Vello,. GH. 30-12-08

¡Qué complicado é todo!
DE Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 30-12-2008
...Como o traballo e a economía
Afonso Vázquez-Monxardín, GH. 30-12-08

Unha vez e para a miña sorpresa, non me tocou a loteria. Nada. Nin as raspas. Nin un maldito reintegro. Día da saúde, de lembrar vellos ditos como "non hai mellor lotería que o traballo e a economía" e parvadas polo estilo. E un pouco encabuxado co azar, observei na tele a felicidade allea a ver se á parte da envexa, algo máis se pegaba. E chamáronme a atención varias cousas. A falla de orixinalidade dos premiados. Que vai facer co diñeiro? Comer cos amigos -dixo un. Comer unha centola -dixo outro. Pagar a hipoteca. Facer unha viaxe. Cousas sinxeliñas. Se cadra iso é a felicidade. Ninguén agudizou o enxeño como un vello rabudo, hai anos, que xurou que ía comprar uns cordóns novos para os zapatos, que levaba tempo pensando no tema.
E houbo anovada manifestación da reserva galaica cando en Allariz, ás tres da tarde, só un corcho sinalaba que houbera a apertura dunha única botella de champaña. Si señor. ¿Imos alterar a nosa vida por ter repartido 3 millóns de euros? Pois, non. Graham Greene puido ter escrito The quiet galician no canto de O americano impasible, que para algo andou por aquí. Por certo, que sobre unha das súas zonas máis queridas, Oseira, contoume un da Merca que estaba na garda do rei como abriran a boca cando viñera a Raíña a entregar un premio ao mosteiro e os vellos que estaban sentados ao sol, ao sol quedaron cando ela pasou, e por alí non andaba máis ninguén. Os asoellados petrucios ollaron para a comitiva, un acenoulles aos outros coa cabeza indicándolle onde estaba e seguiron coa charla. Nunca tal viran. Cero pasmóns. E sempre recordarei a de Redondela a quen lle tocaran mil millóns de pesetas e a quen o xornalista atosigaba preguntándolle como é que lles estaba dando de comer aos marráns se lle acababa de tocar eses cartos. O home case enfadado, consteutoulle aquela frase antolóxica de "os marráns non teñen culpa".
E o euro. Todos traducían as pesetas para facerse unha idea. Unha señora á que lle din que lle tocaron 300.000 euros pregunta ela impávida: "¿E iso canto diñeiro é?". Logo de pasárenllo a pesetas, a vella saltou de alegría. Tamén saltaba eu de boa gana... e pagaba a hipoteca, e facía unha viaxe e...

PAN POR PAN martes 30-12
Vangarda e Tradición.
Imaxe de Cándido Fernández Mazas

Galicia non estivo ausente dos grandes debates das vangardas de inicios do século XX e os nosos artistas e poetas aí estiveron, discutindo as formas de chegar ó pobo e extremando a súa sensibilidade e a súa capacidade de renovación estética. Nas nosas revistas culturais deste período – Alfar, Nós, Papel de color, Cristal, etc.- están todos, as miradas máis renovadoras e aqueloutras que afincaban os seus pés na tradición porque consideraban que en Galicia estaba todo por construír. Dende a óptica nacionalista como a de Castelao, era incomprensible o alento corrosivo do movemento Dadá, por exemplo. Pero é enormemente enriquecedor que ó carón de Castelao, Colmeiro ou Maside, formen na Galicia cultural do momento nomes como Luís Seoane, Arturo Souto, Laxeiro ou Cándido Fernández Mazas, todos grandes artistas malia as evidentes diferenzas na concepción da arte de cadaquén.

29 dic 2008



O XENIO DA RÚA LAMAS CARBAJAL
Marcos Valcárcel


Un ano despois do seu falecemento, lembraremos na súa cidade natal a Xaime Quessada, en actos a celebrar no Centro Simeón e no Liceo. Cando morreu, o seu amigo Acisclo Manzano dicía entristecido que se sentía enganado porque pensaba que Xaime era inmortal. E non o foi na súa persoa física, só o son os deuses que nós mesmos inventamos, pero si na vixencia da súa obra, tan xigantesca como poliédrica, tan monumental como renovadora e imaxinativa.
Vangarda. Foi un home de vangarda o Xaime, case dende os seus inicios, cando chega con 19 anos a Madrid a estudar Belas Artes. Pero a mirada de vangarda xorde na súa obra despois dunha acaída asunción dunha longa tradición que invoca nomes como Leonardo, Velázquez, Goya, Picasso e Francis Bacon. Non se trata pois dunha falsa vangarda ou pose coxuntural, senón do diálogo estético entre o Novo e o Vello, que xa preocupara ós homes de Nós e ó movemento dos Renovadores na arte galega dende os anos 30. Con ese espírito se fundaría o Volter, nos anos 60, e creo que Xaime Quessada tivo sempre moi claro que Tradición e Vangarda eran universos paralelos, que se retroalimentan na nosa mirada. Sempre escoitei a Xaime falar ben de mestres como Vicente Risco e Manuel Prego: diso é do que falo.
Raíces. Sen ningún xeito de contradición, Quessada foi un artista tan cosmopolita como asentado nas máis fondas raíces. Aberto ó mundo e á contemporaneidade, utilizou múltiples linguaxes e estilos: expresionismo, abstracción, expresionismo cubista, realismo, surrealismo, pop art e transvangarda. Fusionándoos, mesturándoos, contaminándoos se fose preciso: tivo un bo mestre en Picasso que, por nacer antes, inventouno case todo. Pero hai na súa obra tamén, por exemplo no cálido lirismo dos seus interiores, o alento dos mestres do Renacemento e do Barroco. E todo o dinamismo, pura tensión dramática, da lectura da modernidade que fixeron as vangardas de comezos do século XX: velaí “O dictador”, entre outras moitas mostras posibles. Pero, home culto e ben intelixente, sabía da falacia do concepto de Progreso nas artes: por iso el mesmo declaraba que era un simple aprendiz das covas de Altamira. E non era unha arroutada.
Liberdade. Os ourensáns da miña quinta vivimos enchoupados nunha néboa artística que tiña na obra quessadiana un dos maiores pulos. Os seus deseños estaban nos libros, nas revistas, nos carteis máis variados, nos murais políticos, no teatro, na moda, nas estatuas e monumentos das rúas, etc. A súa obra, tan comprometida coa xustiza e coa liberdade, acabou por converterse, como os versos de Celso Emilio, nunha metáfora da rebeldía necesaria para sobrevivir contra a ignominia. O artista nunca pechou ningunha porta: quixo abrilas todas e con todas as técnicas posibles (óleo, guache, pastel, acuarela, gravado, etc.). Temos a sorte de ser fillos desa herdanza, que tanto enriqueceu o noso mundo, e tamén a obriga inesquecible de custodiar dignamente o xigantesco legado que nos deixou. (Na imaxe, “Nai”, 1979).

NOTA. Neste mesmo blog, abril 2008, hai varios artigos sobre a historia do Volter, publicados en ANT. 3-4-08 e La Región 16-4-08. E no blog OURENSANÍA, unha escolma da obra dos artistiñas.
Imaxe do acto no Simeón: máis fotografías no blog de rebolle.

A IRMANDIÑA (crónica deportiva de Xaime da Pena)

En contra tiñamos a friaxe que especialmente nestes días alanca polas noites e leva o termómetro por baixo do cero e a favor un espectáculo que só hai unha vez o ano.
A néboa aínda non chegara de Ortegal, e as pinguiñas de auga que se quedaban nas gafas viñan mesturadas do mar dos ártabros, e paseniño achégaste o estadio, olla-las luces do Nadal, as torres que compiten co Faro Romano, que cada 17’532 segundos alampa o vello Riazor e o descoñecido Monte Alto.
Os que por unha cousa ou por outra seguímo-lo tema, xa sabemos os protagonistas non están nerviosos, a camisola da irmandiña non lle é nada estraño, todos ou case todos xa estiveron na selección galega de rapaces, pero séntense ben cando ollan a bancada chea de bandeiras estreladas, de cartaces feitos para a ocasión, de adestradores que te animan máis que che esixen, unha liña de catro, ollo cos espazos, os centrais atentos ós centros pasados, aínda que menudos, din que tocan ben a bola, os dous do medio que veñan a recibir, tocar e irse, Nacho os desmarques, Pablo axuda no medio e dádelle liberdade a Iago e tanto ti, Borja, Julio e Cabanas tedes que facervos co medio.
Si xa sei que non andades ben, pero son 45 minutos, aguantade como sexa, logo xa sae Trashorras no medio, pero por favor non vos manquedes, xa sabedes o que nos dixeron.
Namentres Nacho Novo, se viste aínda escoita os berros da maña, mentres perdía en Glasgow, saúda a familia que veu a velo dende Ferrol. Os pais coma sempre, como fai anos, xuntos, os de Santiago, os de Ourense e os de Vigo, aínda teñen o formigo de velos como cadetes e xuvenís.
Escomeza Budiño, ca marcha do Antigo Reino e saen ca bandeira, temos que comparar se poderían ser un Athletic Club ou un Arenteiro.
O do himno hai que estar alí para sentilo. É especial, e como digo especial, é especial.
Sen moito aforo, pero suficiente e cas autoridades xustas, os aproximadamente dez mil seareiros da irmandiña, enbufandados, achegámonos o municipal, había policía como en tódolos partidos e palpábase un algo especial, que en calquera momento podía haber un salto, pedindo a liberdade dos patriotas galegos presos, ou xente que con pancartas pedía o boicó a GADIS, e o que por veces levou os grupos que gardaban as porterías a unha só voz ¡INDEPENDENCIA!.
Como vos dicía moita bandeira estrelada, bandeiriñas, aplaudidores repartidos a esgalla, e unha minoría que tentou da-lo espectáculo. Foinos difícil, entre tan poucos, entonar unha cantiga que enchera o estadio, pero intentouse por veces ca rianxeira, escoitábanse as gorxas dos Blues e as ánimas de Ruben Ruibal e Johnny Rötring.
Sae Nacho e entra o Chino, os puntas cumpriron, marcaron.
P.D. Os da foto somos Gonzalo Soto da Radio Galega e o cronista.
Comentarios :

28 dic 2008


Unha homenaxe lembrará a Xaime Quessada no aniversario da súa morte

LVG 28-12-08
O día 31 de decembro de 2007 faleceu o pintor Xaime Quessada Porto. Cando está a piques de cumprirse un ano da súa morte, organizarase un acto en homenaxe ao personaxe ourensán. O evento terá lugar mañá ás 20.00 horas no Centro Cultural da Deputación.
Ademais da súa viúva, María Jesús Blanco , intervirán Jose Luis Baltar, Manuel Peña Rei, José Gómez Alén, Marcos Valcárcel e Xosé Manuel do Caño.

(Engadido: infórmanme que agasallarán ós asistentes cun exemplar do libro de entrevistas de X.M. del Caño con Xaime Quessada)

Morre Huntington, autor de 'O choque de civilizacións'
O politólogo estadounidense faleceu o pasado 24 decembro, segundo anuncia a Universidade de Harvard na súa páxina web
ELPAÍS.com - Madrid - 27/12/2008
ANDOLIÑA luns 12 abril 2004. POR DESGRACIA ACERTARON OS PESIMISTAS
No ano 1258 os mongois, dirixidos por Hulengu, invadiron Bagadade, daquela a cidade máis esplendorosa do mundo. Hai uns meses José Luis Sampedro publicaba a súa novela Los mongoles en Bagdad, partindo deste suceso como metáfora para criticar a guerra de Iraq. Quizais esteamos volvendo ao mundo medieval cando toda a nosa gran historia –o Humanismo, a Ilustración, a Revolución Francesa, as Declaracións de Dereitos- non foi quen de deter tanta estulticia.
Sobre o poder simbólico, pero moi pouco operativo, das Nacións Unidas impúxose a brutal lei da forza, o discurso das mentiras e dos eufemismos cómplices e criminais. Ata as palabras quedaron manchadas: velaí os “ataques preventivos” dos Estados Unidos e as “execucións extraxudiciais” de Israel, estratexias militares que xeneran vinganzas e espirais de violencia que se reproducen vizosas, multiplicando a cada día os seus efectos. Varios intelectuais dialogaron a pasada semana en Madrid arredor da perversión da linguaxe: semella que o uso fascista e totalitario da lingua que denuncia Sami Naïr é xa irreversible. Seica gañou Huntington coa súa teoría do choque de civilizacións: se utilizamos as palabras sen precisión, velaí o concepto de terrorismo islámico, tan simplista, tan descalificador dun mundo cultural e relixioso, ¿podemos laiarnos de que, desde a outra banda, se ofreza unha visión do mundo igualmente falsa e reduccionista?
Por desgracia, tamén nesta hora o discurso do pesimismo foi o da lucidez. Ogallá se equivocasen Sampedro e outros coma el ...

Versos sadomasoquistas
Publican por primeira vez en España as cartas que o poeta francés Apollinaire lle enviou á súa amante Lou durante a I Guerra Mundial

Titulares equívocos
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 27-12-08

Se me dese por titular este artigo ‘Os miles de núcleos de poboación de Ourense non dispoñen de ningún aeroporto’ non mentiría pero, ás claras, estaría tratando de que vostedes pensasen nunha dirección, chamémoslle, vitimista. Se pola contra titulase ‘Máis do noventa por cento da poboación de Galicia ten un aeroporto a menos dunha hora da súa casa’, tampouco diría mentira ningunha e estimularía sensacións conformistas e de satisfacción. Por iso sería desexable, aínda que imposible, que as noticias empezasen pola brava, sen titular ningún e que houbese que ler todo para ter máis independencia de criterio á hora de xulgar e valorar.
Voulles pór un exemplo políticamente incorrecto. O outro día falábase de que as ourensás cobran o 22 por cento menos que os seus compañeiros. E é verdade, pero tamén mentira. Se dicimos pola moderna ‘compañeiros’ en vez do tradicional ‘o meu home’, ‘a miña muller’, sería certo, porque os salarios cobrados polas mulleres, en conxunto, adoitan ser inferiores aos dos homes. Pero se falamos de ‘compañeiros’ na súa acepción plana e primixenia, de colegas do mesmo nivel, ou sexa dos condutores e condutoras de autobús, de profesores e profesoras, de funcionarios e funcionarias, de dependentes e dependentas, de médicos de ambos sexos, de xuíces e xuízas, sería un disparate, porque, señores, por sorte a nosa sociedade evolucionou e nesta altura da historia, discriminación salarial por cuestión de sexo, xénero ou como vostedes gusten dicir, non hai.
¿Que acontece? Pois como é obvio que os traballos que adoitan facer as mulleres son de inferior categoría profesional, con menor formación e valoración social, e por iso é polo que se cobra menos, non pola razón de sexo cóncavo ou convexo. Evidentemente hai máis servizo doméstico ou limpeza en mans de mulleres que de homes. O que parece xusto é potenciar, por suposto, o ascenso igualitario -por formación e valía, estritamente- a postos de máis formación e responsabilidade.Pero podíamoslle dar a volta á noticia. Nun informe difundido pola Comisión Europea en xullo do ano pasado, antes de estalar a crise, falaba de que na Unión Europea a diferencia entre o salario medio dos homes e das mulleres era dun 15 % de media na Unión Europea, un 13 % en España e, por exemplo, o 22 % en Alemaña. Ou sexa, estabamos no conxunto no mellorciño de Europa, igual que as cifran de violencia contra as mulleres que, lembro de novo, son das máis baixas do continente. ¿E por que os datos de Galicia, nos salarios femininos son peores? Pois simplemente porque aquí hai menos industria -igualizadora- e máis subdesenvolvemento. Dese mesmo estudo da Cámara podíamos tirar tres titulares arrepiantes: 1) 1 de cada 3 ourensáns cobra pensión. 2) Case un de cada tres ourensáns pasa de 75 anos. 3) A cifra de sobreenvellecemento (+85 anos) de Ourense é das máis altas de Europa.
Incriblemente a botella está medio chea e medio baleira á vez. Depende de por onde a miremos.

Xaime Quessada
A mirada retida, La Región 28-12-08
Marcos Valcárcel

Vaise cumprir nestes días un ano do falecemento de Xaime Quessada, un dos artistas galegos de referencia do século XX. A súa obra está en galerías de todo o mundo e tamén na súa Auria natal, no Pazo de Vilamarín ou nas rúas ourensás, no seu Fauno do Paseo ou na Serea do parque do Barbaña, realizada co seu amigo Acisclo Manzano. Foi Xaime Quessada un innovador de formas, símbolos, linguaxes, e tamén un gran comunicador visual que levou os seus deseños a múltiples formatos, dende o cartelismo político ás etiquetas dos viños, pasando polo teatro e outras artes. E ese camiño renovador empezou en parte, no bar do Tucho, o Volter, aló polos primeiros anos 60, ó carón de amigos como José Luís de Dios, Acisclo Manzano., Buciños, Xavier Pousa, Virxilio, etc. Co maxisterio estético de don Vicente Risco, a quen sempre lle gardou devoción o pintor. Chamáronlles os artistiñas e gañaron de inmediato o respecto e admiración do mundo cultural. Nesta foto están varios deles (Xaime, primeiro á dereita, mirándonos a todos) con don Ramón Otero Pedrayo nunha taberna de Santander. A foto procede do libro ‘O Volter’, de Sofía Tros de Ilarduya, Ed. Ronsel, 1998.

27 dic 2008


Postais de Nadal
ANDOLIÑA 26-12-08.
Na imaxe, postal enviada por A. Piñeiro

Sorprende a vixencia do costume de enviar postais de felicitación no Nadal. Adaptándose ós novos tempos, a tradición mantense e aínda se pode dicir que está no seu apoxeo, sobre todo cos novos medios virtuais que posibilitan novas reelaboracións.
Tamén hai que dicir que as cousas cambiaron. Por exemplo, de medio cento delas recibidas, son moi escasas as que utilizan os motivos relixiosos antes clásicos no enfoque tradicional. E cando se usan é, en gran medida, polo seu valor artístico, por exemplo nas fermosas tallas do Belén de Arturo Baltar que utiliza o Concello ourensán. Ademais deste novo laicismo, hai que engadir que abundan os temas solidarios e mesmo reivindicativos: un amigo ata apela á Terceira República, coa tricolor de fondo, aproveitando a ocasión.
O reino de internet revolucionou os formatos: agora chegan fotografías de autor (moi xeitosas as do poeta Vázquez Pintor), arquivos musicais, vídeos, power point, etc. E non faltan as citas. O Consello da Cultura Galega utilizou unha de Ramón Piñeiro para abrir o 2009: "A Humanidade realízase a través dos pobos, a través das culturas, a través das linguas. Ou sexa, a través da pluralidade".

26 dic 2008

Postais de Nadal

Unha nota para agradecer, como outros anos, as moitas felicitacións de Nadal recibidas nestes días. Reproduzo unha das fermosas fotografías que nos enviou o poeta Vázquez Pintor. A máis ousada e erótica, a de Tacho, por suposto. A máis combativa, con bandeira tricolor e todo, a de Carrión. Moi elegante, con imaxe de folla de carballo e cita de Ramón Piñeiro, a do Consello da Cultura Galega.

Algunhas das felicitacións recibidas (sobre todo para curiosos/as) :
Consello da Cultura Galega; PEN Club de Galicia, Fundación Carlos Casares
IGADI, Concello de Ourense, Tenencia de Alcaldía, Editorial Galaxia
Fundación Rosalía de Castro e Helena Villar Janeiro
Joaquim Ventura e Conchi, Galería Marisa Marimón
Galicia Hoxe, Marisa Real, do Club Faro de Vigo
Xosé Vázquez Pintor, Tacho, Xoán Fonseca, Lalo Pavón
Gustavo Peaguda, Pepe Trebolle, César Ansias
Ponte nas Ondas, 3 C 3 editores, Xoán C. Ansia
Celso Delgado, Laura Seara, Xosé Lois Carrión
Antonio Piñeiro, Antón Pulido (con versos de Modesto Hermida), etc.
Terra errante
Bieito Iglesias, ECG. 26-12-08

O Manifesto Verde Amarelo define a identidade brasileira nos seguintes termos: "A nação é uma resultante de agentes históricos. O índio, o negro, o espadachim, o jesuíta, o tropeiro, o poeta, o fazendeiro, o político, o holandês, o português, o francês, os rios, as montanhas, a mineração, a pecuária..." E o Manifesto antropófago engade: "Só a antropofagia nos une, tupy or not tupy, that is the question", en alusión humorística aos tupís caníbales e á inmensa nación fagocitadora de linguas e culturas de diversa orixe. Non hai moito que lle escoitei dicir a un historiador da emigración arxentino que os países latinoamericanos son verdadeiras trituradoras de diferenzas, de maneira que un galego, un xenovés ou un xudeu ruso apenas se distinguen por algún hábito alimentar unha vez abducidos pola megápole bonaerense. O profesor riopratense contrastaba este dato coas singularidades idiomáticas observadas na península ibérica, para concluír que unha identidade cultural precisa un territorio. Así o proba tamén o feito, notado por este que subscribe, de que dous nenos nepalís adoptados xa grandiños, cando os xuntan os novos pais aquí na Galiza, non dan unha fala na lingua natal e relaciónanse en castelán ou galego.
Todo o anterior vén a conto do voto emigrante nos vindeiros comicios autonómicos. Vaia por diante que son fillo, neto e bisneto de emigrantes a Suíza, Cuba e Montevideo, pouco sospeitoso por tanto de terlle inquina aos transterrados. Pero o voto emigrante ía ao PP cando gobernaba e vai ao PSOE agora que é dono da vara e da besta (das subvencións). O sentido dos sufraxios de alén-mar non coincide exactamente co de aquén e mesmo pode alterar a composición do parlamento. Se a iso lle agregamos a ausencia de urnas e garantías, recuamos aos tempos dos pucheirazos da Restauración Canovista, actualizados por caciques transoceánicos. Hai un galego na lúa, pero pode aceptarse o voto dun lunático?

A miña máis sincera noraboa
a Xoán Fonseca e a Isabel

Xa saben o porqué: por esa marabillosa criatura que na foto só ten 40 minutos de vida. Xoán e Isabel xa superaron a taxa de natalidade media e a Isabeliña xa ten un irmanciño para xogar. Un bico a todos eles.



Tres liderados.
Marcos Valcárcel.

Galicia Hoxe 26-12-2008.


Seica nas próximas eleccións autonómicas, fixadas xa para o 1 de marzo, terá menor relevancia o papel de apoio dos líderes estatais. Dato que parece positivo, pois permitirá centrar na realidade galega as marxes do debate e referendar ou non o liderado dos partidos maioritarios. Son unhas eleccións decisivas para avaliar a estratexia de Núñez Feijóo no PPG. A nivel de Estado, o PP segue dividido e Rajoy comete erros de imaxe moi graves, como non asistir ó pleno de votación dos presupostos para ir xantar con Mayor Oreja. Será mellor que nesta ocasión Feijóo conte coas súas propias forzas.
Pérez Touriño aspira a revalidar o seu liderado como presidente da Xunta, semella que indiscutido dentro do seu partido. O apoio de Zapatero (ou de Felipe González antes) sempre foi decisivo para os socialistas galegos. Pero o novo panorama da crise económica cambia as cousas: é moi probable que moitos electores poidan facer responsable a Zapatero da situación e iso non lle axudaría a Touriño.
Anxo Quintana non ten reforzos españois, só o seu discurso pragmático e intuitivo. E creo que agora non lle é moi útil rodearse dos nacionalistas vascos nin tampouco dos cataláns. O debate debe centrarse en Galicia.

24 dic 2008



PAN POR PAN, La Región, 24-12-08, Marcos Valcárcel


A historia do BNG. Onte deuse a coñecer o nome do gañador do oitavo premio de ensaio Ramón Piñeiro, que nesta ocasión correspondeu ó historiador ourensán Xosé Ramón Quintana polo traballo titulado ‘Un longo e tortuoso camiño: adaptación, crise e cambio no Bloque Nacionalista Galego (1982-2008)’. Como é un amigo de vello, puiden coñecer a xénese deste ensaio e mesmo ler algúns dos seus apartados, afrontados sempre co rigor e seriedade que o seu autor aplica no traballo intelectual. Estamos ante a esculca máis fonda e interpretativa da longa historia do BNG nos últimos 27 anos, como compro barán os lectores cando se publique. O historiador tivo ademais a oportunidade de contar con fontes inéditas da propia vida interna da dirección do BNG: supoño que non a todos vai gustar por igual esta achega, pero é xa referencia ineludible na historia do nacionalismo na etapa democrática.
Recomendacións literarias
Santiago Lago, La Región 24-12-08

Chega o Nadal e o desexo (ou obriga) de facer agasallos. Un bo libro é un excelente recurso: tes un amplo abano de prezos e oferta abondo para quedar ben co teu agasallado se atinas nas súas preferencias. Para axudar, na medida do posible, a esa escolla velaí van algunhas suxestións. En galego, o libriño de Marcos Valcarcel, que vén de saír en Xerais, ‘Historia de Ourense’ non debera faltar en ningunha casa ourensá. Se falamos de poesía, a miña recomendación é ‘Adagio para unha viaxe silente’ de Claudia Castro, editado por Follas Novas, un delicioso poemario que fai sensible mesmo ao máis racional dos economistas. Tamén recomendo unha obra dun xornalista da casa: ‘A autopsia da novela’ de Juan Tallón, de lectura máis difícil, pero moi orixinal.En castelán, ‘Conversaciones con Goethe’ de Eckerman (El Acantilado) é un clásico para manterse alegres mentres se agarda pola primavera. O peor, o prezo. Se un quere gastar menos e o seu agasallado non dispón do tempo dun rentista ou un xubilado, a novela de Santiago Roncagliolo, ‘Abril Rojo’, entretén moito e informa ben sobre a situación actual do Perú lonxano de Lima. Xa para quen se anima a ler noutras linguas e busque en amazon.com, o libro de Barry Cunliffe ‘Facing the Ocean’. ‘The Atlantic and its Peoples’ en Oxford University Press é un precioso libro que demostra a forte relación que existiu dende sempre entre os pobos da Europa atlántica, e que os galegos sabemos moito de autoestradas do mar dende hai tempo. En francés, o recente libriño de Jean-Paul Fitoussi, ‘La nouvelle écologie politique’, ofrece unha nova ollada ao aparente dilema entre desenvolvemento económico e sustentabilidade ambiental que estamos a vivir nestes momentos.

(Graciñas, Santiago)

23 dic 2008


Máis sobre o Ceregumil
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 22-12-08


A lectura dun artigo espléndido de José Manuel Ponte tiro o proveito de me facer sabedor de que o Ceregumil aínda existe e ten cen anos. Para os que non o saiban: Ceregumil é un xarope reconstituínte que lle administraban aos meniños e que, ao parecer, aínda funciona no mercado farmacéutico.Nos anos vinte a trinta do século pasado había un señor de Pontedeume destinado en Ourense como inspector de escolas chamado Couceiro Freijomil. Como home de letras e investigador erudito foi persoa prolífica. Autor dunha coñecida historia de Pontedeume, a súa erudición literaria faise evidente nun diccionario bibliográfico de escritores galegos, aínda útil a pesar das inexactitudes que contén. Como apéndice da xeografía de Galicia de Carreras Candi, Couceiro Freijomil escribiu El Idioma Gallego. Na parte gramatical, este Idioma plaxia sen dó a Gramática Histórica de García de Diego e, no apartado de literatura, pasan cousas piores. Vitriólico e virulento, Couceiro Freijomil, no seu apartado de historia da literatura galega contemporánea, fala con soberbia e desprezo contra Otero Pedrayo e trata de ridiculizar a Manuel Antonio e a Álvaro Cunqueiro -digamos só isto para amosar o modo como o bon señor foi contribuindo, aínda que en negativo, a construir as nosas preferencias. Como Deus escribe dereito con liñas tortas, Couceiro Freijomil insinounos o camiño real da literatura galega do século XX á beira do cal as estatuas de Otero, Manuel Antonio e Cunqueiro representan tres divinidades olímpicas para moitos. Chufábase Couceiro Freijomil de el ser o mellor recolector de cántigas populares galegas, que foi publicando periodicamente en La Zarpa, o xornal de Don Basilio Álvarez, baixo o epígrafe "Do meu feixe".

A obsesión de Couceiro Freijomil eran os galeguistas. Dedicaba a vida a observalos (mellor, a espialos) e a procurarlles os defectos. Armou unha polémica memorábel contra a bandeira azul e branca de Galicia nos días nos que a levantaba Cabanillas chamando á insurrección. Coma, antes ca el, Leopoldo Pedreira, e logo outros que chegan até os nosos días, Couceiro Freijomil formaba parte da tropa de galegos encabreados decer mal dos galeguistas e dos nacionalistas. Trátase dun xénero, dun tipo humano, dun modelo, que se vén reproducindo desde o século XIX deica hoxe: contra Rosalía, contra Murguía, contra a Academia Galega, contra as normas ou ausencia de normas ortográficas, contra os escritores, contra o Himno, contra todo o que se mova. Hai, mesmo, elementos no mundo universitario ou xornalismo que teñen como emprego principal do seu tempo o de lle buscar os defectos aos galeguistas e aos nacionalistas. Incluso hai prestixiosos xornais hoxe cuxa liña editorial preferente consiste nunha teimosa cruzada anti-nacionalista. Lendo a Couceiro Freijomil e a outros contemporáneos mesmo semella que nós os nacionalistas sexamos moi importantes e poderosos. Por veces a envexa termina por beneficiar un mundo ao envexado.Dicía todo isto porque nos anos vinte e trinta do século XX, os galeguistas, fartos de seren molestados por unha vareixa chamada Couceiro Freijomil que non paraba de lles zoar arredor da cabeza, decidiron poñer- lle un alcume. Como os nacionalistas de antano eran moi boa xente e non sabían odiar, o alcume que lle puxeron a Couceiro Freijomil carecía de solimán e era doce. Puxéronlle "O Cergumil". Inocentes! Explícanos José Manuel Ponte que o Ceregumil sigue despachándose en farmacias.
O verdadeiro nome da Loña
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región, 23-12-08

A cousa non ten moita ciencia que digamos. Hai moitos nomes de ríos, en masculino, que bautizan co feminino as terras por onde pasan, sexan comarcas ou núcleos de poboación. Sen sairmos da provincia temos o río Arnoia e os pementos da Arnoia, ou sexa das terras e concello homónimos. Indo para Coruña, temos o río Ulla e os viños ou queixos da Ulla. E sen sairmos da nosa cidade, hai outro topónimo case perdido que contrapuña o río Barbaña, á Barbaña, ou sexa a unha pequena valgada que ía desde a cidade de Ourense pola banda leste aos cumes da Carballeira ou montes do Seminario. Hoxe, coa urbanización intensiva, os topónimos urbanos de rúas e prazas (Erbedelo, Avda. de Portugal, etc) ou asociados á actividade humana (Praza, Polvorín, Parque Barbaña...) case acabaron coa distinción entre terra e auga, e mesmo hai xente que pensa que simplemente o nome do río sería feminino. E non tal. Serían as terras bañadas por. E o da Loña é exactamente o mesmo. O río é o Loña, con ‘ñ’ para un son palatal que, como non o había en latín, nas linguas derivadas houberon de asociar dúas letras, porque unha non había específica. Así, sabemos todos que os portugueses acabaron usando por influencia provenzal o ‘nh’, os cataláns o ‘ny’, os italianos e franceses o ‘gn’, e os galegos e casteláns a reduplicación do ‘n’, ou sexa ‘nn’, acortada en ‘ñ’ xa desde vello. O caso é que tamén se usou, antes de fixar esta nova grafía, o dígrafo -dúas letras- de ‘ni’ porque non hai cousa máis próxima á pronuncia de ‘España’ que ‘Espania’. E así, a cousa é simplemente esta.O nome do río e o nome do lugar de poboación onda a confluencia do río e Miño, só pode ser Loña. O lugar da Loña, ao pé do río Loña. Non hai lugar a dúas evolucións distintas dun mesmo étimo en tan pouco lugar. O río Loña nace nas terras de Loñoá, e no seu último tramo ábrese nun recanto fermosísimo protexido dos ventos do norte que son as terras da Loña onde se localiza unha aldea do mesmo nome. Evidentemente eu non lles invento nada. Se un colle, por exemplo, a xeografía de Risco dos anos vinte, aparece todo tal como digo. Que os veciños pasasen a querer distinguir o nome do río do lugar das casas non é estraño. De todas formas, como o lugar é tan próximo á cidade, a evolución a ‘Lonia’ sospeito se debeu máis ás xentes de Ourense nos últimos setenta anos a través dunha recuperación ‘cultista’ dunha vella forma que soaría máis fína e elegante. Pero eu creolles que estamos a tempo de non perder o nome Loña para ese fermoso lugar, sexa a Loña de Arriba -da parte de alá polo monte arriba- ou a Loña, ou sexa, a de abaixo, e para unha zona máis difusa que antigamente integraba incluso ao barrio das Lagoas, pois nos vellos papeis fálase do ‘Hospital da Loña’.En fin, vaian dar un paseo ata a ponte, que se non é xa venerable ruína é útil ponte restaurada.
Soyinka en Avilés, de Luís González Tosar (ECG. 22-12-08)

A Academia Sueca conmocionaba, en 1986, o mundo literario concedéndolle o Nobel a un nixeriano; Wole Soyinka. O premiado tiña daquela 52 anos e, alén dunha obra na que están presentes as literaturas inglesa e norteamericana, mesturadas con elementos da oralidade ioruba, a súa, era un loitador que representou, naquela altura, o cambio de orientación nas letras dun continente que xa non se recoñecía na teoría da "negritude" mantida por Léopold Sédar Senghor e Aimé Césaire. En 2001, co patrocinio da Unesco, celebramos o Día Mundial da Poesía, 21 de marzo, en Santiago de Compostela. Participaron máis dun cento de poetas, entre os que cómpre salientar dous Nobel: Derek Walcott (Castries, Santa Lucía, 1930) e Wole Soyinka (Abeokuta, Nixeria, 1934). Eran, como dixo Méndez Ferrín nas palabras de presentación, "representantes dunha xeración que abriu fendas contra o colonialismo". Soyinka propúxonos que Galicia era un bo lugar para un Centro de exportación de cultura de América Latina, África e Asia, cara ao mundo hispánico e a lusofonía. Considerábanos unha ponte para un novo modelo. Entendía, o autor de Poemas desde la cárcel, que cultura implica, ademais de identidade, intercambio. Non me estrañou ver a Soyinka participando no proxecto Niemeyer de Avilés, xunto con Woody Allen, Stephen Hawking, Vinton Cerf? traballando polo multiculturalismo. Nós, seguímoslle dando voltas aos contidos da Cidade da Cultura. E cando nos visita un Nobel, Gao Xingjian, dicímoslle que non pode vela "por seguridade". Os grandes asesores, en lugar de contactar co Pompidou, co Barbican ou co Festival de Avignon, andan á procura de rodas de carros e arados de pau; ignoran que temos un Museo do Pobo Galego exemplar. Cultura nacional, para eles, é etnografía morta.
CCOO volve a ser predicíbel
de Xosé M. Sarille, ECG. 23.12-08

Os máis novos non lembran como naceu o primeiro sindicato español. Foi o resultado dunha táctica ideada polo Partido Comunista de España, que consistía en facerse coa representación obreira dentro do sindicato vertical franquista e utilizalo a favor da clase traballadora.
Desde aquel éxito ocorreron moitas cousas, pero a que máis marcou a CCOO foi a grupusculización do PCE, a incapacidade dese partido para seguir dirixindo o sindicato. Segundo moitos CCOO conquistou a liberdade, porque rompía a correa de transmisión e actuaba por fin sen ataduras.
Mais para que as organizacións sindicais manteñan o norte, para que non muten en ovnis, en tinglados impredicíbeis, é necesario posuír un modelo social de referencia e ter principios ideolóxicos con máis horizonte que o do laboralismo e o propio embigo. Un proxecto de futuro cara ao que camiñar, sexa de raíz socialista, católica, nacionalista, comunista ou de calquera outra familia política.
Co paso dos anos esa falta de ancoraxe acabou notándose en CCOO. O secretario xeral saínte, José María Fidalgo, é un estraño colaborador de FAES, a fundación de José María Aznar; simpatizou coa teoría da conspiración do 11 M e fixo declaracións tremendas, con posicións abertamente dereitistas e patrioteiras sobre a xeoestratexia de España no escenario internacional.
Fidalgo estivo moi preto de Aznar. Era un elo activo desa cadea transversal do nacionalismo español intolerante, fabricada polo expresidente, que seguía por Rosa Díez, o Defensor del pueblo, Bono, Ibarra e remataba nel mesmo.
O escándalo de María Jesús Paredes apareceu nos xornais haberá un ano. Acusaban á principal dirixente da federación de banca de enriquecerse grazas aos favores dos banqueiros. Varios dirixentes da dereita comentaron despois de participar ela nunha conferencia económica do PP, que sería unha excelente candidata dese partido. Paredes é unha das principais colaboradoras de José María Fidalgo,
Fernández Toxo, o novo secretario xeral, quere virar á esquerda, centrarse na defensa dos traballadores e respectar o pluralismo identitario. Que lle dure o vento na popa.
















Agradable xornada

A do domingo pasado en Baiona. Convidáronos os amigos Pepe Trebolle e a súa dona Mary Loly. E tamén veu, no seu coche, Afonso Monxardín. Estivemos no piso de Pepe e dona, con excelentes vistas ó mar, e fomos xantar a un restaurante no montiño que rodea Baiona: só as vistas, excepcionais e coas Cíes en primeiro plano, xa alimentaban. Pero ademais comemos moi ben, todo estaba estupendo, pero a robaliza ó sal foi antolóxica (só en Fisterra comémola doutra vez tan rica, da man do amigo Modesto). Excelente tamén a ensalada de bacallau que nos recomendou Mary Loly, e as navallas, ameixas, etc.
Pola tarde houbo tempo para un café no Parador e subir ó cume do monte para contemplar, a ollos case de paxaro, toda a liña costeira e as rías ata Ribeira e o monte da Curota, grazas a un día de sol que se agradece ben nestas datas.
Unha xornada moi agradable, sen dúbida. As fotos son de Trebolle e da súa dona.

UNHA FAMILIA LITERARIA
Marcos Valcárcel, A NOSA TERRA decembro 2008

O escritor catalán Joan Perucho era como da familia. ¿De que familia? Refírome a unha gran familia literaria, a dos autores de literatura fantástica ou marabillosa nas diferentes linguas peninsulares. Isto é, sen dúbida, a familia de Álvaro Cunqueiro, co “Merlín e familia” á cabeza, pero tamén de Pere Calders, de quen Xerais traduciu, en 1985 e da man de Xavier Rodríguez Baixeras, as súas deliciosas “Crónicas da verdade oculta”. Unha longa familia que nas literaturas europeas enseñora Italo Calvino e na que poderían formar autores galegos como o Carlos Casares de “Os escuros soños de Clío” ou o Xosé Miranda de “As mans do medo”. Tamén, a longa descendencia literaria de Borges e Cortázar e de todos os que cren, con Hölderlin, que o home é un deus cando soña e un mendigo cando pensa. A mesma familia de Marcovaldo e do Barón Rampante, do cabaleiro Kosmas e da dama Exeria, do xudeo Xacobe, do alquimista Caaveiro e das sereas do señor literario de Mondoñedo. Perucho foi tamén amigo de Casares, creo que estiveron xuntos de viaxe en Rusia e o catalán dedicoulle un fermoso artigo elexíaco cando a morte do escritor ourensán.
Os especialistas consideran que a literatura fantástica en España ten un momento fascinante en 1957, ano auroral en que saen “Las crónicas de Sochantre” de Cunqueiro e o “Libro de caballerías” de Perucho. Ambos autores entenderon a literatura como gozo e paixón pola vida, por unha vida capaz de superar as marxes estreitas e anodinas da realidade. E ámbolos dous tamén chantaron as súas raíces no amor apaixonado ós libros: de Perucho, que xa non podía ler nos seus últimos tempos, contan os seus amigos que seguía a mercar libros só para poder acaricialos e ulilos.
Creadores de vidas apócrifas, de mitos e mundos surreais (“o fermoso das cousas é que sexan inexplicables”, dicía Perucho) é un gracioso paradoxo que o escritor catalán, falecido en outubro do 2003, fose xuíz na súa vida oficial: nin sequera un emprego tan a ras de chan lle impediu voar ata os horizontes infinitos da mellor literatura.

Antroponimia sindical
Afonso Monxardín, GALICIA HOXE 23-12-08

Xa sei que ha parecer pouco científico pero é o que hai. O día que me decatei que a persoa que levaba o mantemento da calefacción da casa se apelidaba tizón e que o banqueiro máis rico e con menos escrúpulos de España era botín dei en cismar no tema.
Partimos do terreo común aceptado nos estudos de antroponimia que indica que os apelidos na maioría dos casos son declaracións de filiación ou descendencia (os Fernández, fillos de Fernando, por exemplo), de terra de orixe (galego, franco, outeiriño), de oficio, profesión ou similar (conde, besteiro), ou fosilización de alcumes que poden responder a caracteristicas físicas (crespo, grande, rubio, delgado) ou apostas a determinados animais ou plantas (raposo, coello, carballo, toxo). Máis ou menos.
Claro que por iso dos tradicionais, pracenteiros e produtivos apareamentos home muller e dos misterios do xene dominante pode haber xente que entre en contradición directa co seu apelido, ou sexa delgados gordos, rubios morenos, raposos inxenuos ou toxos suaves.
En Ourense aínda botamos unhas risas cando hai case dous anos nomearon delegado de Medio Ambiente ao señor Fumega Piñeiro e pensamos moitos se estariamos predestinados polos apelidos ou se estes eran unha consecuencia da historia.
En calquera caso, é simpático pensar que algo pode haber. Vexamos o sindicalismo, por exemplo. O secretario xeral da CIG chámase Seixo e sería a dureza, o combate. E no último congreso de CCOO, eu espectador externo e diletante, vía tamén un combate antroponímico oculto. Unha cuestión de onomástica persoal. O señor Fidalgo nos últimos anos creo que se portou co que representaba no encontro: fidalguía, amabilidade, seriedade, bonhomía e varias outras cualidades que é positivo adornen un sindicalista en época de crise e de non crise. Pola súa banda, o señor Toxo representaría unha reacción sindical máis defensiva, dura e tradicional en época de problemas: a intención de "picar" e "facerlles a vida incómoda" aos que se acheguen con intencións diversas ás defendidas por el e mais polo sindicato.
Confiamos na sabedoría do ferrolán Toxo para combinar os seus espiños simbólicos coas non menos simbólicas flores que nós nomeamos chorimas, coa flexibilidade e estabilidade da planta e coa fidalguía de quen o precedeu. Mágoa que o abrazo fose imposible. Non porque puidese picar ao fidalgo senón porque lle había meter o nariz no embigo.

A palabra de Laxeiro
andoliña 23-12-08

Entre os dez ou quince grandes xenios que nos deixou a Galicia do século XX, sen dúbida hai un lugar merecido para o pintor Laxeiro, do que este ano se celebra o centenario do seu nacemento. E con ese motivo o escritor Carlos G. Reigosa recupera unha entrevista co artista, realizada en 1983 e publicada co título Laxeiro por si mesmo (Xerais). Nas palabras que recolleu Reigosa está o mellor Laxeiro conversador, home de fantasía e imaxinación, creador dun vitalismo insuperable que se reivindica, ós seus 75 anos, como un máis dos pintores novos. Sempre aprendendo, como no debuxo de Goya.
A entrevista quedou inconclusa e o certo é que sabe a pouco: gustaríanos seguir a escoitar a palabra do xenio. O volume compensa esa eiva rescatando cartas e lembranzas de Laxeiro, a través dalgúns amigos. Tamén con textos críticos de Xosé Antón Castro, Antón Patiño e Leopoldo Nóvoa e fotos e obras: o primeiro dos traballos citados é unha boa síntese da evolución das liñas estéticas do artista.
Porque houbo moitos Laxeiros e todos moi grandes. Logrou conquistar unha voz propia. E por iso merece estar, como di Reigosa, nas grandes pinacotecas do mundo da arte contemporánea.

22 dic 2008



A MIRADA RETIDA
OS NENOS DE BLANCO AMOR
Marcos Valcárcel

A Eduardo Blanco Amor bastáballe con “A Esmorga” para pasar á historia da literatura galega, pero a súa extraordinaria sensibilidade e formación cultural amosouse como xenial en moitas outras facetas. Como novelista, como poeta, como xornalista, como dramaturgo, como polemista e loitador cultural, etc. Tamén foi un excepcional fotógrafo, como demostran os negativos que se conservan na Biblioteca da Deputación, moitos deles publicados xa en tres libros polo Clube Alexandre Bóveda ou por Galaxia. Nese tesouro hai moitas fotos de nenos, unha das pedras de forza da súa literatura: velaí “Os biosbardos”, “La catedral y el niño” ou “Xente ao lonxe”, entre outras. Fotografou ós nenos de Muros xogando cun carro, ós de Louro coas súas gorras debaixo dun cabaceiro, ó raparigo que tocaba o violín en Compostela co seu pai e tío, etc. Fotos todas inmortais como esta meniña galega retratada nos anos 30, que podería figurar en calquera escolma do retrato fotográfico, ou as monxas cos nenos das palmas (Madrid, finais dos 60) que tan ben define o nacionalcatolicismo da época, vivido con angustia no seu conto “Primeira Comuñón”.



NORABOA: UN BENQUERIDO AMIGO GAÑA UN IMPORTANTE PREMIO.

Da wewlog de Galaxia, 22 decembro
Hai escasos momentos vén de darse a coñecer o fallo do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro 2008.

A obra UN LONGO E TORTUOSO CAMIÑO: ADAPTACIÓN, CRISE E CAMBIO NO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO (1982-2008), da que é autor Xosé Ramón Quintana Garrido, resultou a gañadora deste premio que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, e Editorial Galaxia coa colaboración de Unión Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 22 de decembro, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 6.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia o próximo ano, aborda o tema da evolución, entre o radicalismo e a adaptación, do BNG, desde 1982 á actualidade. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que destaca a capacidade do autor para interpretar e reconstruír, con rigor intelectual e eficacia expositiva, o proceso recente do BNG. Análise feita á luz da ciencia política e dos abondosos fondos documentais empregados polo autor.O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado porLuís Alonso Girgado, María López Sández, Rosa Marta Gómez Pato, Ramón Villares e Carlos Lema, salientou a calidade dos nove orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.
Xosé Ramón Quintana Garrido (Ourense, 1957) é profesor asociado de historia contemporánea da Universidade de Vigo, e profesor de secundaria. É especialista en historia política e historia social. Ten publicado o libro “Ramón Otero Pedrayo. Vida obra e pensamento” (1988), en coautoría con Marcos Valcárcel, ademais de diversos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas.

20 dic 2008




Máis fotos do Roteiro A Esmorga

No roteiro da Esmorga do Liceo, o pasado venres, participaron os alumnos do Instituto da Carballeira, como conta a crónica de LVG (máis abaixo). Eu incorporeime ó remate, cunha breve intervención diante da estatua de EBA.
Engado algunhas das fotos que me mandou o amigo Trebolle. Estaban moitos alumnos meus de 2º Bacharelato Ciencias e Letras. Tamén algúns de 4º de ESO, que lles dei o ano pasado: estes tiveron o detalle emotivo de traerme un mural nunha cartulina cun retrato meu, feito por eles, e un texto case poético dedicado ó seu profesor, xesto que por suposto agradecín conmovido (nunha das fotos vese a Leontina, unha alumna, entregándome o mural, que se titula "Botámoste de menos").
Todo isto para concluír, por este e outros detalles, que teño uns alumnos/as que non mos merezo. Graciñas a todos eles.
A direción do BNG planea situar conselleiros á fronte das listas
A falla de apoio orgánico deixará a Ánxela Bugallo fóra das candidaturas,

El País 19-12-08
Campos concentrados
Bieito Iglesias, ECG. 18-12-08

Aínda que pareza mentira, houbo un tempo non moi recuado (antes de 1965 ou por aí) en que aquí ao pé moraba unha humanidade autárquica que procuraba os frutos que consumía e mercaba un pouco aceite e un chisco de sal ou azúcar como maior concesión á globalización mercantil. Desde unhas décadas antes tamén adquiría roupa de comercio en lugar de tecela no tear ou fiala na roca, pero, ignorante do concepto de "fondo de armario", non repuña as prendas ata que xa non admitían remendos de tan pasadas. Esa xente tivo noticia nos primeiros sesenta de que o Réxime quería modernizar a agricultura mediante a concentración parcelaria. Os enxeñeiros agruparon estaxes e arrincaron marcos, trazaron pistas e adxudicaron lotes ás familias. Ora ben, as máquinas que pretendían converter camiños de carro en pistas folgadas tropezaron con viciños deitados nas corredoiras como se fosen checos diante dos tanques soviéticos, e a garda civil encontrouse con labregos que facían zunir cantazos no aire como se fosen estudantes de Nanterre ás ordes de Dani o Vermello.
Aqueles camponeses accederan á propiedade das leiras cultivadas polos seus ancestros durante séculos tras rabudas loitas agraristas. Unha vez liberados da férula da igrexa e da fidalguía rendista, chamáronse donos dos eidos, pero non só da tona terrestre, senón do subsolo endeica o carozo do planeta e das capas da atmosfera situadas por cima das herdades ata a galaxia de Andrómeda. Nunca e en ningures foi tan privada a propiedade privada. De aí que visen aos peritos (eles chamábanlle "péritos") e ao Estado coa hostilidade que gastan os milicianos de Michigan se lles mentan a burocracia de Washington. Agora estase paliando o minifundio co Banco de Terras, cando aquela civilización autosuficiente xa non existe e a súa experiencia milenaria se escoa polos sumidoiros da Historia. Os campos están a ermo en boa parte e, se o verán vén enxoito, envólvense nun sudario.



Cloty, Gretta e o cativo
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 20-12-08
As fotos son da visita de Cloty o ano pasado a Ourense, diante da estatua de Blanco Amor

Soa o teléfono. É Cloty. Que vén mañá. Que canda ela vén a súa filla Greta e o seu neto. Que o cativo ten que coñecer xa Ourense. Que o venres lle dan un premio á memoria do pai, avó, bisavó. Á memoria da dignidade galega feita cine na Arxentina. E eu encantado acudirei ao seu encontro para xogar tamén á saudade inversa, á nostalxia morna da Arxentina galega. E Cloty vén, como no 2004 cando o Festival de Cine homenaxeou a seu pai, porque é filla do inesquecible actor e activista cultural Fernando Iglesias Tacholas e de Sabela Ippolito, italiana con nome galego, por amor de Tacholas.E que Fernando Iglesias, ourensán da rúa Santo Domingo desde 1909, con raíces na Loña, foi un neno rebuldeiro e afeccionado á música e ao cine que cantou no Coro de nenos da Catedral, traballou no estudio do fotógrafo Pacheco e subiu aos escenarios coa Coral de Ruada e co grupo de teatro do Orfeón Unión Ourensá cando representan obriñas de Xavier Prado Lameiro. Un mozo que asistiu ás funcións do establecemento de Barbagelata, o cine Apolo e logo ao Cine-Tea tro Losada -pois era afillado de Xulio Losada, o dono-. Un mozo que marchou a Bos Aires aos vinte anos nunha viaxe case sen volta. E Fernando Iglesias, como moitos outros galegos, descubriu alá un mundo novo, moderno, urbano, de distancias inmensas e cunha presenza de paisanos tal que facían que, daquela, naquela urbe do hemisferio sur vivirán máis galegos que en todas as cidades de Galicia xuntas. E alí, desde o Centro Unión Provincial Orensana, retoma o contacto con Blanco Amor -con quen coñece, por exemplo, a García Lorca en 1933- e comeza a actuar como animador e dinamizador das veladas das asociacións recreativas dos galegos porteños. Monólogos... diálogos... contos... poemas recitados.... ensaiados tantas veces co colaboración da esposa. E Tacholas salta ao mundo das ondas e dos coros como Lembranzas de Ultreya, ás audicións radiais... e sempre servindo de referente, de entretemento e ilustración. E pasa ao teatro e ao cine, enfrontado ao sainete arxentino, nos que se imitaba groseramente o acento galego e se lle apuñan aos nosos coterráneos comportamentos pri mitivos, brutos, e indignos.Castelao fíxouse nel, chamouno e estreou ‘Os vellos non deben de namorarse’ en 1941. O rianxeiro gábao: ‘É moito actor para tan pouco papel’ e fanse amigos de por vida. E certo Fernando Iglesias ten unha traxectoria no teatro e cine arxentino que non é posible sintetizar aquí. Si é posible sobrancear a súa amizade con Eduardo Blanco Amor, co que ergue o Teatro Popular Galego, auténtica escola na que se forman na arte da palabra moitos mozos da colectividade e que se converte no lugar onde un grupo de mozos e mozas, entre elas, Cloty, fundan hai 55 anos as Mocidades Galeguistas de Bos Aires. En fin, Cloty é unha ourensá de luxo, non polo puro accidente biolóxico do nacemento, e si polo maxisterio do pai, e a opción persoal de sentirse desta vella auria. E trae a Gretta e o neto. ‘Xa é tempo de que coñeza Ourense’. Gretta hai uns anos, chorou en Torga na presentación dun libro sobre seu avó. E case todos con ela. Deixarémolas presumir de cidade a cambio de que nos deixen a nós presumir delas. Felicidades.

Infernos.

Pan por Pan 20-12-08

Hai tempo que non se fala do tema e non sei como vai o debate teolóxico: por fin hai inferno, purgatorio e todo iso ou cambiaron os dogmas? Á marxe do que decida o Papa e os seus asesores, infernos hai pero están ben perto. E non falo de África, esquecida polo mundo civilizado, senón doutros países dun certo nivel cultural e historia esplendorosa. Por exemplo, México. Jon Sistiaga presenta na Cuatro unha reportaxe estarrecedora sobre a vida en Tijuana noutras cidades mexicanas, por non falar dos feminicidios en Ciudad Juárez. Máis de trece mortos diarios entre bandas de narcotraficantes e grandes anuncios na rúa para contratar máis sicarios. O propio presidente declara que a maioría da policía é corrupta: axentes formados para combater a droga pásanse ó outro bando, que paga moito mellor. Ten que intervir o exército, seguindo o modelo colombiano. Triste futuro para un gran país.




Una fría tarde para "A Esmorga".


Cada año el Roteiro de A Esmorga que organiza la sección de Literatura del Liceo de la capital presenta una novedad. Si en anteriores ocasiones este homenaje a Eduardo Blanco Amor se realizada a principios de diciembre en esta ocasión llegando la Navidad llegó una cita teñida de luces de colores y de calles llenas de viandantes, que soportaban el frío que ya aterriza en la capital. La avenida de Zamora fue el punto de partida de un recorrido que lleva por distintos rincones de la ciudad. Espacios que aparecen en la novela y que han sido perfectamente identificados y colocados por los miembros del desaparecido Clube Alexandre Bóveda. Pero el acto de ayer guardaba otra sorpresa. Un incondicional de la cita, el historiador Marcos Valcárce l-que no realizó el roteiro por motivos de salud- se convirtió también en protagonista de la mano de un grupo de sus alumnos de A Carballeira que fueron los encargados de dar voz a los textos de Blanco Amor. Paqui Losada inició la lectura que fue seguida en cada uno de los enclaves por los jóvenes Rebeca Padrón , J osé Manuel Salgado , Pablo Vaz Rolán , Adrián Laso Pérez , Luis Jesús Iglesias y Fátima Álvarez Fernández . De la avenida de Zamora hacia As Burgas, la plaza de San Cosme y San Damián, el casco vello, la calle Libertad o Fonte do Rei los escolares estuvieron acompañados por José Luis Troitiña , Teresa Devesa y Segismundo Bobillo , entre otros socios de la entidad cultural y profesores de A Carballeira, hasta su llegada a la Alameda en donde les esperaba Marcos Valcárcel para realizar una ofrenda ante la estatua de Blanco Amor y dirigir unas palabras a los presentes. Seguidamente llegaron al Liceo, en donde terminó la fiesta de la literatura.

Cándida Andaluz.
Fotos: Miguel Villar.
La Voz de Galicia.

Unha metáfora ecolóxica.
Andoliña.Galicia Hoxe.Venres 19-12-2008
Marcos Valcárcel




Aprendo moito cos documentais da Dúas de TVE, que sigo con certa regularidade. Nun deles fálase dos ríos da península e a reportaxe incide na introdución neles de especies foráneas que ameazan a biodiversidade da natureza: lucios, percas, cangrexos americanos, etc. Depredadores que se ocultan na placidez dos cursos fluviais. Froito das políticas do Iona dende os anos 50 en favor da pesca deportiva, pero un auténtico disparate dende unha perspectiva ecolóxica.

No programa Informe semanal emitiron unha interesante reportaxe sobre o futuro do Polo Ártico, terra de ninguén que se disputan diversos países próximos polas súas grandes potencialidades enerxéticas (petróleo e gas). Por desgraza, as grandes industrias non se rexen pola súa sensibilidade ambiental e non van chorar polos efectos do cambio climático e o desxeo dos polos. Iso significa, entre moitas outras cousas, a desaparición de especies e da biodiversidade.

Unha estudante de doutorado usa unha imaxe moi acaída como metáfora do presente: imos todos no mesmo avión e, pouco a pouco, vanlle caendo as parafusas que unen as súas pezas. Cada especie que se perde, aló vai outra parafusa. Canto durará o avión en marcha?


19 dic 2008




Perspectivas.

MARCOS VALCÁRCEL

ANDOLIÑA,19 diciembre 2008.

En cumprimento da Lei de memoria histórica, retírase a estatua de Franco a cabalo en Santander. Por certo, unha cidade moi fermosa, pero tamén chea de símbolos franquistas por todas as partes. Fernando Ónega di que, ademais de praza do Generalísimo, a nivel popular a praza da estatua "era a dos seis ovos: os do cabalo, os do ditador e os do alcalde que mantivo alí o monumento". Porque ese é o tema: suprímese a última estatua do xeneral empoleirado e ben está, pero pasaron xa 33 anos da súa morte física. Hora era, dende logo.

Porque todo é cuestión de perspectiva, claro. Ou "asegún" que dicía don Vicente. Os nostálxicos falanxistas protestan, pero a maioría dos cidadáns ve ben esta limpeza, pura "hixiene democrática".

Escoito tamén o presidente do goberno eloxiar o labor das forzas de seguridade contra o terrorismo etarra. Labor encomiable, sen dúbida. Zapatero dá a cifra de 365 detidos en dous anos, un etarra cada dous días. O dato ten unha lectura positiva. Pero tamén aquí hai outras perspectivas: despois de baleirar os cárceres de presos políticos coa amnistía en 1977, é tremendo tamén pensar que cada dous días hai un novo mozo ou moza vasco disposto a penetrar no camiño da barbarie.