30 ene 2009
(Vai, con retraso, esta minicrónica da viaxe a Florencia entre o 16 e o 19)
Convidados polo meu cuñado, Millán Picouto, e a súa compañeira Deborah, fixemos unha rápida visita a Florencia. Saímos do Porto un venres, de madrugada, e dúas horas e pico logo xa estabamos en Pisa. No avión vimos alborexar o día, unha xornada soleada e clara, atravesando os Pirineos, os Alpes e o golfo de Xénova. En Pisa collemos un autobús ata Florencia, que nos recibiu cun atasco de tráfico xigantesco, o que nos retrasou máis dunha hora.
Paramos no Hotel Maxim´s, no mesmo centro da cidade, unha casa antiga, pero cómoda e quentiña, coa calefacción a tope. A miña primeira sensación foi o frío na rúa, pois non o esperaba, pero o solventamos cunha mantiña que trouxo Deborah da súa casa. A vantaxe é que nestas datas non hai demasiada xente e non hai que facer colas para entrar nos monumentos.
A segunda sensación potente foi ver aboiar a cúpula do Duomo, como un globo xigantesco, no centro das rúas da cidade. A primeira tarde e noite foi só o encontro, fascinante, coa beleza da cidade. Achegámonos xa, de noite, á Ponte Vecchio e á dozura do Arno.
O sábado xa foi xornada de visitas con detalle: o Duomo de Santa María del Fiore e as portas de Ghiberti, o Baptisterio (encantáronme os frescos apocalípticos do interior), Santa María della Santa Croce, Piazza della Signoria, Piazza della Republica, Santa María Novella, Hospital dos Inocentes, Santa María Annunciata, etc. Non podo entrar en detalles: só indicar que ó entrar no Duomo, encontrei austero e sobrio o interior. Logo entendín o que me pasaba: faltábame o Barroco que estamos afeitos a ver os galegos dende nenos nas nosas igrexas.
Tivemos ademais, na xornada do sábado, a compaña dun guía, Enrico Santini e a súa dona, que comeron connosco, descifráronnos tantos tesouros e agasalláronos cunha chea de anécdotas de Miguel Ángel, Brunelleschi e todos eses xenios.
Da arte vista neses días, sorprendeume a presenza de Giotto e os pintores da súa escola na cidade e, por suposto, case todo o que se pode admirar nos Uffizzi, dende a Venus de Tiziano a Miguel Ángel, pasando por Leonardo, Caravaggio, etc. E algunhas sorpresas en obras de Bronzino, Parmigianino e outros mestres. Ós Uffizzi dedicámoslle boa parte do domingo.
Tamén me encheu de emoción espertar escoitando as campás do Duomo e doutras igrexas. Outra tardiña dedicámola toda a San Miniato, visitando o interior da basílica, tan orixinal e sorprendente, e deleitándonos nas fermosas vistas de Florencia dende alí e dalgunhas grandes casas do arredor e as paisaxes típicas da Toscana.
Fomos varias veces á Ponte Vecchio e lembreime do meu pai: canto lle gustaría poder ver estas xoierías!
A comida, italiana, agás unha cea nun chinés, e probamos a grapa e os doces e licores típicos (non había que conducir).
Tamén houbo tempo para visitar algunha gran libraría: autores españois máis visibles, Javier Marías e César Vidal (uf!).
Firenze, por razóns patrimoniais, non é unha cidade nada doada para visitar en cadeira de rodas: chan non liso, beirarrúas demasiado estreitas, etc. Solucionámolo co esforzo continuado de Millán, María, Deborah e a súa filla Fernanda, e o amigo desta, Paulo. Graciñas de corazón a todos/as eles. Foi unha visita fermosa, ben aproveitada, ben agradable. Nas miñas circunstancias, un auténtico milagre de fermosura e historia.
(vía Carrión)
29 ene 2009
Máis tarde seguín as ilustracións fílmicas dos relatos de Fleming e admirei o actor que mellor representou o axente con licenza para matar: Sean Connery. Reparen na ironía de que fose un independentista escocés o máis convincente espía ao servizo da Súa Maxestade británica.
Quizais a Anxo Quintana non lle gusta tanto como a min a serie de Bond porque, do contrario, xa tería convidado a Connery a vir facer campaña pola soberanía da Galiza, nación céltica irmá de Escocia. Con este convite gañaríalle pola man ao candidato do PP, quen arremeda ao máis famoso dos espías xogando coas letras do seu apelido, que figuran dous ceros á esquerda: Feij 009. Valor tivo Núñez Feijoo, publicitándose con tal alusión aos filmes de espionaxe, cando o seu partido se ve abalado en Madrid por espións e escoitagrilos que aínda non sabemos se están ao servizo de Isabel II ou de Esperanza Aguirre.
Vin ese vídeo tan sonado no que "todos somos Anxo Quintana". Disque está inspirado no Espartaco de Kubrick, pero o demo me leve se recoñecín a influencia do cineasta nunha especie de función de teatro escolar. Kubrick era esteta, misántropo e xenial, tería dado un pésimo político. Mágoa que non nos visite Connery e que, estes días que sufrimos A tormenta perfecta, non viñese auxiliarnos George Clooney.
Do blog Ourense no tempo, tomo prestada esta foto de Maristas, semellante á que eu saquei o outro día. Segundo X.L. Carrión, sería o primeiro de Bacharelato de 1968-1969. Están moitos compañeiros que saían na outra e outros novos, entre eles amigos como Javier Pazos, campión de España de natación anos despois, e Quique Pedrido, o bo de Suso o músico (falecido hai moitos anos) ou Ubaldo, fillo dun avogado (tiña eu estado na súa casa, na praza de San Cosme).
Están case todos identificados no blog citado. Eu estou na segunda fila por riba, o terceiro á dereita. E a gran sorpresa. Na primeira fila, quinto pola dereita creo, está Fernando Ferrín Calamita. Sóalles o nome? O xuíz de Murcia inhabilitado por negarlle o dereito de adopción a dúas lesbianas.
Galaxia publicou case cen novidades en 2008
"Made in Galiza" de Séchu Sende foi o máis vendido da editorial no 2008, con cinco reimpresións // GALICIA HOXE 29-1-09.
Galaxia fixo público na súa web un resumo das cifras do ano pasado. No 2008, a editorial galega publicou 95 novos títulos, que sitúan o seu catálogo vivo en 1.075 referencias. Ademais, Made in Galiza de Séchu Sende foi o libro máis vendido de Galaxia durante 2008, con cinco reimpresións.
Por outra banda, percíbese un incremento destacado no número de traducións do catálogo de Galaxia, que chegaron a 145 entre 2000 e 2007. Así mesmo, a firma sitúa a tiraxe media entre 2000 e 2008 en 1.776 exemplares, cun máximo de 8.000 e cifras mínimas de 800 volumes. A editorial tamén superou este ano os mil títulos (1075) no seu catálogo comercial. O fondo histórico, incluídas as edicións en depósito ou actualmente descatalogadas, anda arredor dos 2.500 títulos, dende a fundación da editora en 1950.
En total son 450 autores e autoras, clásicos e contemporáneos, organizados en coleccións moi diversas, como corresponde a unha editorial xeneralista. A tiraxe media nestes últimos anos, entre 2000 e 2008, foi de 1.776. A máxima 8.000 e as mínimas arredor de 800 unidades. Entre 1990 e 2008 publicáronse en total 4.204.276 exemplares de libros en lingua galega. Segundo o último informe da Panorámica da Edición en España, Editorial Galaxia figura entre as 25 editoras literarias máis importantes no Estado Español. No ano 2008, Galaxia publicou e comercializou 211.890 exemplares.
No catálogo vivo da editorial hai unha cada vez maior presenza de traducións de literatura extranxeira: Paul Auster, Orhan Pamuk, Martin Amis, Andrea Camilleri, Jean-Philippe Toussaint, Anna Gavalda, Zadie Smith... Entre o ano 2000 e o ano 2007 distribuíronse 145 traducións, a meirande parte delas procedentes do inglés. Logo de Made in Galiza, de Séchu Sende, as obras máis vendidas foron Vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, de Carlos L. Bernárdez, Ollos de auga, de Domingo Villar, A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, e Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro.
28 ene 2009
Andoliña 28-1-09
MARCOS VALCÁRCEL
Cando menos hai que recoñecerlle a Rodríguez Zapatero certo valor por acudir ó programa dos cen cidadáns preguntóns. A maioría das preguntas tiveron o seu interese e moi escasa condescendencia co presidente: un equipo escollido de xornalistas e columnistas non o faría mellor. Palpábase o cabreo popular, fillo da forte crise, e os convidados foron directamente ós problemas, sobre todo económicos, que afectan a boa parte da poboación. Había dramas humanos no plató e Zapatero non tiña outra que escoitar e reconfortar todas as voces queixosas.
O presidente domina a retórica e alguén lle dixo que non dese cifras nin datos para non meter o zoco: el tampouco sabe cando vai rematar a crise. Fixo un esforzado exercicio de vontade e esperanza, pero sen concretar case nada. Víuselle acurralado cando foi interpelado polos cartos concedidos ós bancos e tamén polas armas que España vende a países en guerra que non respectan os dereitos humanos. Faltoulle, nestes casos, capacidade de reacción e tamén credibilidade.
Estes programas estúdanse nos laboratorios dos partidos. Seis millóns e medio de persoas optaron por non desconectar e escoitar a Zapatero: quizais ese foi o seu maior éxito.
27 ene 2009
Sigo recibindo moitas cartas e mensaxes dos amigos/as. Algunhas son ben fermosas, como esta dun benquerido amigo que decidín compartir con vostedes:
Sabes que tes moitos amigos e amigas que desexamos que cada momento che introduza a enerxía para vivir. Na fraxilidade estamos ti, eu, a miña muller e todos: a omnipotencia humana, Marcos, é unha quimera moi volátil. Ninguén ten seguro de fraxilidade. Pero a nosa capacidade de soñar e de axeitarnos ó medio crea a historia porque é unha enerxía inesgotable: Homero compuxo, cego, a Ilíada e a Odisea. Beethoven, xordo, a súa última e xenial obra. Xesús, crucificado, pariu unha esperanza que é tamén a nai de tódalas esperanzas laicas de Occidente. Ti, e non só ti, estás agora na dimensión que Horacio reclamaba para os creadores auténticos: as túas palabras e os teus traballos poden ter agora unha perspectiva que os carga de verdade e que os protexe de banalidade.
Acabo de oí-la historia dun pai que, polo seu horario de traballo, só podía ve-lo seu fillo os domingos e chegara a un pacto con el: cando chegaba á noite e o neno durmía, para que este soubese que lle fora dar un bico, facíalle un nó na saba. E ese nó era o que o meniño buscaba cada mañá para saber que o seu pai, case invisible, o estaba querendo. Ningunha pexa impide seguir soñando e creando.
No mundo urbano temos un certo pudor de falar destas cousas e, aínda que non sei se fago ben ou mal, é o que che querería dicir, para animarte, se eu tivese a confianza de se-lo teu amigo máis próximo. Tes moito Ourense e moita Galicia que construír. Saúde.
Imaxe, O soño de Jacob, José de Ribera, 1639.
"O home é un deus cando soña, un esmoleiro cando pensa, e cando o seu entusiasmo o abandona, aseméllase a un neno malo a quen o seu pai botou fóra de casa”
J.F.C. HÖLDERLIN
Polo de agora case nunca soño que estou enfermo. Moi pola contra, o cerebro quedouse en maio do 2008 e sigo soñando que ando en solitario pola rúa, que podo saltar un muro ou nadar nun mar infindo, actividades que hoxe me son negadas. E soño ás veces cos alumnos e alumnas, dándolles clase e contándolles as miñas anécdotas literarias.
O espertar devólveme á realidade, cun certo sentido da frustración, non o quero negar. Pero cando menos mentres soño, como na cita do poeta romántico, síntome un auténtico rei, un emperador do universo capaz de iniciar calquera empresa ou aventura ...
Afonso Vázquez-Monxardín
la región 27-01-2009
Tiña os ollos pícaros de ousadía e esperanza, e ao sorrir nacíanlle dúas coviñas nas meixelas. Ás veces, moitas veces, a présa por vivir facíalle crer que estaba malgastando o tempo cos estudos. Un día decidiuse e, contra a desesperación resignada dos pais, deixou o Instituto. Encontrara, na súa urxencia, un posto de dependenta nunha tenda que acababa de abrir. O soldo non era moito pero parecíalle suficiente se o dividía por un, por unha. Non podía ser aínda, claro, o que ela soñaba encargada dunha tenda de Berska, por exemplo pero parecía un paso no camiño. Cumpría acumular experiencia, ir aprendendo o oficio, e o sorriso e o seu bo facer iso dicíanaxudaríana no demais.
Ao mozo coñeceuno a través dunha amiga que flipaba co seu coche amarelo tuneado, con lunas tintadas e música sempre alta. Fixeron boas migas naquela discoteca da Manchica. El traballaba de colocador de parqué, gañaba cartos e desbordaba optimismo. Ela ría moito con el e os domingos do verán deitábanse sobre as toallas, primeiro cos amigos e logo sós, na area de Praia América. En setembro marcharan unha semana ao Algarve. Ela non se sentía ben na casa porque cría que os vellos non a acaban de entender. Quería vivir a súa vida. Pensaba que sería máis fácil co mozo. Decidiron vivir xuntos. Foron catro anos preciosos. Cine. Discoteca. Discusións. Reconciliacións. Amor. Paixón... Tiveron un mocoso. Choraba moito. Houbo que empezar a trampear. A nai, aínda nova, botoulle unha man sen reproches. Logo empezaron a gardería e os problemas.
A tenda cada día vendía menos. Ben vía ela que ás veces a caixa non daba para todas. Un día, unha tivo que marchar. Houbo bágoas e rabia, pero Pili, libre de compromisos, decidiu ser ela e ir acabar o bacharelato. Pero a cousa seguía sen dar. Tamén el comezou a estar calado á hora de comer. Na empresa tampouco ían ben as cousas. Non había obras. Todo está parado, dicían. O xefe botaba todo o día pecha do falando por teléfono e de visitas das que viña coa cara cada día máis longa. El, como Van Gaal sempre positivo, nunca negativo-, pensou que levaba, canda os compañeiros, cinco, dez ou quince anos meténdolle cartos no peto ao patrón e non os había deixar na estacada. Aínda que fose berrón e non lle chistase a música nin o seu coche tuneado tiña un gran Mercedes azulnon parecía mal tipo e sabía do seu.
E as cousas, fóra de control, envorcaron como un coche e empezaron a dar voltas de campá. Primeiro pecharon a tenda. As tres fóra. Ela terá seis meses de paro. Onte déronlle o finiquito a el. Acabouse o parqué. Lembrou, mentres lía no papel, que non lle gustara nada Los lunes al sol. Algo terá que facer. Chegou a casa calado, mirouna a ela, mirou o rapaz e suspirou. Ela, cos ollos pícaros cheos agora de preguntas sen resposta, pousa a ollada preocupada no meniño durmido que ten no colo.
Afonso Vázquez-Monxardín, GALICIA HOXE 27-1-09
Desde 1945 sóubose que o inferno podía ser creado polos seres humanos de dous xeitos: pola acción e omisión colectiva -a pasividade dos cidadáns alemáns, de Rusia e dos aliados ante o holocausto- ou polos ousados avances tecnolóxicos e unha pura decisión política. Digamos Hiroshima e Nagasaki, ou Dresde e Hamburgo.
Cando Chamberlain volveu de Múnic en 1938, despois de tentar inxenuamente o "apazugamento" con cesións, e cunha neutralidade estrita na guerra española, foi recibido en Londres como un heroe. Só uns meses despois a república española foi derrotada e abriuse o averno; cinco anos de sufrimentos universais, nos que morreron máis de cincuenta millóns de persoas. Vinte deles rusos, trece de chineses, sete de alemáns, seis de xudeus, cinco de polacos, sesenta mil civís ingleses...
Hoxe o escenario político mundial é outra volta estraño e tenso. Desaparecido o equilibrio da guerra fría, xurdiron novos desafíos. (...)
(Artigo completo)
Letras galegas
MARCOS VALCÁRCEL
Hai catro ou cinco anos e neste mesmo curruncho subliñaba eu o labor de difusión da causa cultural galega que no seu momento supuxo a revista española Triunfo, da man de Haro Tecglen, pois alí escribiron, entre outros, autores como Blanco Amor, Méndez Ferrín ou Alonso Montero. Este último acaba de publicar en Xerais o volume Letras galegas. Explicadas (de 1962 a 1980) en Triunfo e noutras revistas de fóra de Galicia, unha recolleita dos seus artigos de temas galegos nesa publicación e noutras como Canigó ou Cuadernos para el diálogo. Neles dominan temáticas moi queridas por Alonso Montero como a lingua galega, Castelao e Celso Emilio Ferreiro, e tamén a presentación ó público non galego de autores do exilio, non sempre recoñecidos daquela, como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas.
Por desgraza, algúns textos desta escolma adquiren agora unha nova actualidade: velaí a denuncia do "lingüicidio" que facía o profesor no seu popular Informe dramático sobre a lingua galega. Aínda que á altura de 1973 non se podía sospeitar que co tempo habían organizarse grupos hostís coa normalización da nosa lingua, mesmo avalados por figuras políticas como a viguesa Corina Porro.
26 ene 2009
Escoitaba de neno con paradoxal cepticismo (non lle acaece a descrenza a un tipiño en calzas curtas) o relato da soldadesca romana á procura de Cristo na Zarra das Oliveiras, valéndose de emplumados confidentes. Interrogaba o lexionario a un tinco que mentía: “Tin, tin, por aquí non o vin.” E a un chasco delator: “Chas, chas, por aquí ben vas”. Se caro me custaba crer estas paxaradas, imaxinen o pirronismo que me invade hogano cando xa non aves, senón autocarros entran en relixión. Trala teoloxía da liberación, chega a escolástica do autobús, co carrito (así se chama o ómnibus auriense) lucindo na fuselaxe lemas a favor e en contra da existencia de Deus. A chapa usábase ata agora pra publicitar bazares; no sucesivo servirá de soporte ás cinco vías de Santo Tomé. Axiña veremos avionetas con cartaces pendurados nos que, en lugar de anunciar “Laxante Bescansa”, se difundirán resumos de filosofía tomista. O ateísmo marcha sobre rodas, pero póucalas grazas aos letreiros das carrocerías. A fe resulta minada por palestradores como un tal De Grey, quen acaba de prometer a vida eterna sen ningunha ascese moral. Seica abonda con gardar a boca (nada de comerotas, cheas ou borreas de tabaco) e ter sorte coas combinaciós xenéticas dos devanceiros. Velaquí a eternidade a prezo de bonobús.
X.L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo 26-1-09
No seu artigo de hoxe, Ferrín expón a súa posicióno no conflicto Israel-Palestina e tamén a súa concepción dos nacionalismos, liberadores ou non.
Marcos Valcárcel, La Región 26-01-2009
Nos Maristas. Continúo esta xeira polas miñas memorias escolares, que iniciei aquí hai dúas semanas. Despois da experiencia do Colexio Pilar, os meus pais decidiron levarme ós Maristas, case fronte a miña casa e que levaban unha década no novo edificio. Falo de 1968, pois alí botei uns oito anos, creo, incluído todo o Bacharelato, que daquela era de seis cursos. Paseino ben naquel tempo e integreime en moitas actividades do colexio, dende os campionatos de xadrez ata as excursións e os campamentos. Era un centro disciplinado e na liña das estratexias da época. Tamén pegaban, cando menos algúns profesores. Un deles, laico, tiña un sistema propio para torturar coa regra os dedos dos cativos. Outro, relixioso, se sorprendía ós rapaces correndo polos corredores, agarraba a dous deles e facíaos chocar coa cabeza. Pero a maioría non chegaban a eses extremos. A min, que era bo alumno, de notas e comportamento, nunca me tocaron, agás unha labazada por detrás un día no salón de actos, por rirme dunha película das Misións. Dérama un Hermano alcumado Pinueve, pequeno, pero terrible: por suposto, non dixen nada en casa porque os meus pais de sabelo cambiaríanme de colexio de novo e eu tiña alí os amigos e non quería moverme.
Competencia. Dende os cursos máis baixos había unha exaltación da competitividade polas notas. O titor colocaba unha lista na parede dos mellores alumnos e iso creaba mal ambiente ente os pequenos. Tamén nos daban banderolas de cores polas mellores notas, que logo colgabamos nas paredes da nosa casa. Tiven bos profesores, como os Hermanos Vecino, de Literatura Española, ou Sandoval, de Latín e Grego, que pousaba as pernas na mesa estilo John Wayne por problemas de circulación. Tamén había outros patéticos por negadiños como un de Filosofía, do que por piedade omitirei o nome, ou algún de Ximnasia que humillaba con saña ós alumnos que non daban feito os exercicios: "gordo, que no subes la cuerda, que te estás cagando...."
Pouco sabiamos de política daquela. Tres anécdotas ó respecto. O día que mataron a Carrero Blanco, tres alumnos tiñamos que falar co Secretario do colexio. Estaba apesarado e díxonos esta frase: Siempre cae la mancha en el traje más blanco, engadindo que se fose preciso el ía buscar un sable para salvar a España. Cando os Maristas foron finalistas do concurso de TVE Cesta y Puntos, fun un dos moitos que acompañou a excursión. Os Hermanos leváronos de visita turística ó Zoo de Madrid, ó Santiago Bernabeu, ó Museo do Exército e ó Valle dos Caídos, que entón era só o mausoleo do fundador de Falange, pois o ditador seguía gobernando.
Levei unha gran sorpresa cun profesor de Formación del Espíritu Nacional (FEN): debía ser nacionalsindicalista de verdade, porque un día lle botou unha bronca impresionante a un alumno dicíndolle que era un hijo de papá e que lle estaba roubando o pupitre ó fillo dun obreiro.
25 ene 2009
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región 24-01-2009
Eu seilles da crise e a súa futura evolución o mesmo que Zapatero. Ou sexa, nada. Chega con reparar na súa negativa explícita á existencia da mesma ata hai tres meses, para despois conseguir nun esprint final un déficit de máis do 3 por cento e un agoiro de corvos negros para o ano 2009. ¿Que cando rematará? Pois o mesmo que eles, tampouco teño idea. Só que eu, ao non ter que engaiolar á xente e promover o optimismo social, podo calar e calo. Pero vexamos, a crise, como todo, ten cousas positivas. Primeiro, a súa transitoriedade. Quede en recesión bianual ou depresión máis aguda, que todo pode ser, é unha situación pasaxeira. Un reaxuste. Unha dieta para volver caber no pantalón. Pasou a do 29 e pasará esta. Ou sexa, nunca choveu que non escampase.
Segundo, o temor. Si, un certo grao de temor social axuda a que a xente non viva tan, como dirían Os Tonechos, ‘a lo loco’. Ese certo grao de inseguridade fai que a xente gaste menos as taxas de aforro son fenomenais e positivas e significan que desde hai anos non se investía tanto no futuro persoal e familiar-, que non se derroche innecesariamente ¿era preciso cambiar de coche como de camisa, andar antiecolóxicamente nove mil quilómetros en avión para pór a barriga ao sol, facer turismo sexual en Cuba, ou ir pasar a fin de semana a Londres en vez de á aldea ou ao Courel?
Terceiro, a crise salva vidas. ¿Cren vostedes que baixa o número de accidentes de tráfico polas campañas do Goberno? Ca. Ándase menos en coche, bébese menos, redúcese a velocidade para non malgastar enerxía e, así, lógranse case oitocentos mortos menos que o ano pasado. Vidas salvadas pola crise. E ao andar en coche menos e consumir menos, baixa o prezo do combustible e arrastra os prezos cara abaixo.
Cuarto. Vivimos en Ourense, nunha zona moi dependente dos empregos nas administracións ou nas pensións, e ambos sectores, se non hai un crack social de dimensións inimaxinables, seremos dos menos afectados.
Quinto. Xa temos conciencia de que hai que corrixir a sociedade do derroche. Nun país de pouco máis de corenta millóns de habitantes non se poden vender un millón de coches todos os anos. Non poden os adolescentes, sobre todo elas, incluír entre as súas formas de pasar o tempo ‘ir de compras’ ao Centro Comercial. É irracional que haxa unha xeración de consumidores que non gañen cartos e que forcen as maquinarias familiares con esixencias absurdas e normalmente de roupa ou tecnolóxicas, prescidibles e pasaxeiras.
E ademais chamas a un electricista, persianeiro, calefactor... e veñen correndo. Outro día fago unha visión negativa, pero hoxe tocáballe a esta.
A Mirada Retida 25-1-09. Marcos Valcárcel
O Pazo Provincial de Ourense construíuse a finais do século XIX para unha fábrica de afiaduras e por iniciativa dos Pérez Bobo, nome egrexio na burguesía da época. A Deputación mercou o edificio en 1895 e en 1912 reformouno Vázquez-Gulías engadíndolle o corpo central. Durante moitos anos albergou no seu seo a todos os poderes da cidade: ata 1936 estiveron alí a Audiencia, o Goberno Civil, a Biblioteca e ata a Caixa Recruta. Non semella esaxerado chamarlle a casa do poder con tan egrexios antergos e o que hoxe significan estas pedras na pro vincia. No seu baixo, noutrora sede da Biblioteca Pública, descansaron ata hai pouco os fondos da Biblioteca de Autores da Deputación: Blanco Amor, Alberto Vilanova, Matilde Lloria, Ben-Cho-Shey e Benito Fernández Alonso, entre outros. Na foto de hoxe vemos a imaxe dunha manifestación nos anos 50, que daquela se chamaban ‘actos de afirmación patriótica’, de seguro con discurso dalgunha autoridade daquela negra época. En primeira fila, dous cregos (manteo e tella), xunto con numerosos ‘grises’ (policía armada). Daquela estaba o Goberno Civil no primeiro andar e no segundo a Deputación.
24 ene 2009
Lucius, o personaxe que quere cruzar o bosque e chegar ata a “perversa” cidade non é máis que un novo Xoán Sen Medo que desexa probar a súa ousadía. Pero o argumento introduce unha atinada reviravolta para converter o noso heroe nun novo Belo Durminte que terá que agardar a salvación da man dunha agora heroína, Carapuchiña Vermella cega, pero non indefensa. Cando a muller recupera o seu espazo na sociedade e a iniciativa en tantas facianas da vida, é de agradecer este aceno: ¿entendemos que será ela, de volta da aventura, a que conduza ao noso Durminte ao seu espertar da sexualidade?
A película de Shyamalan, fiel aos tópicos do xénero (cómo non, o enemigo está dentro de nós mesmos), admite outras lecturas: entre elas, as que inciden nos seus aspectos máis conservadores (neo-con) e no terror do mundo logo do 11-S. Pero isto pasará, agardemos. E o poder marabilloso dos vellos contos infantís pervivirá sempre...
23 ene 2009
A.L.M. Corresponsal
Os lectores de El Progreso e do xornal dixital Galiciae escolleron como Libro Galego do Ano 2008 o poemario 'Estúrdiga materia' (Galaxia) de Luís González Tosar, segundo recolle El Progreso (domingo 29 de decembro). Esta obra saiu dende o primeiro momento como favorita dos votantes, que optaron á par polo libro científico 'Pó de estrelas' (Consello da Cultura Galega) de Xurxo Marino, nunha curiosa aposta por dous xéneros que adoitan ser superados polas novelas neste tipo de votación. Eran quince os libros galegos publicados durante o ano 2008 e asinados por un autor vivo que se enfrontaban ó xuízo dos lectores.
Outros libros considerados foron o ensaio 'Por unha Galiza liberada' (Espiral Maior), de Xosé Manuel Beiras; a obra de Rosa Aneiros, 'Os ourizos cachos e o gran río gris' (Galaxia); a nova obra do escritor Xabier Docampo e o ilustrador Xosé Covas, 'O libro das viaxes imaxinarias' (Xerais); 'Festina lente' (Xerais) de Marcos Calveiro; 'Látigo de algas', de Antón Reixa, e 'As mellores intencións, de Begoña Paz.
En 1984, xurdiu un colectivo poético, formado entre outros por Rivas, Lois Pereiro e Pallarés, que recuperou na Coruña espazos coutados pola ditadura
Artigo de XABIER CORDAL en GALICIA HOXE 23-1-09
Deixounos para sempre o escritor e amigo Manuel Riveiro Loureiro e ficamos tristes e menos. Foi a súa unha vida ateigada de angueiras, dificultades, ledicia, esperanza múltiple; tamén de soedade e dúbidas. Foi un excelente narrador de historias e a historia da literatura galega acolleráo sen dúbida na súa redacción definitiva, que non é aínda para mañá. En cando ao relato meu persoal da literatura e da arte da Galicia en que vivín, nel ocupa un posto de honra a figura deste amigo morto. Riveiro Loureiro abre o capítulo titulado Lealtade no meu particular Libro dos Amigos, ou sexa no meu Cemiterio Privado, dito o cal tamén se me aparecen na memoria Otero Pedrayo e Celso Emilio por non variar.Riveiro Loureiro era fillo nobre da clase obreira desa cidade que non é Marineda na obra de M. Rivas. El foi broche e renovo daquela xente supervivinte que por non chorar ou enmudecer se puxo a cantar polas tabernas en 1936. Pola miña memoria pasan algunhas das mellores mentes da miña xeración, coruñesas. Pasa a sombra de Xohán Casal, precursor e facho da nova narrativa. Martínez Barbeito dixérame que era da familia de Ánxel Casal e na casa deste morto amigo había unha bandeira republicana onda o burros dos abrigos. Pasa, moi desdibuxado, Xosé Antón Arxona de Santiago, que soubo apoiar, o primeiro, a idea de Lois Soto e a insercción do marxismo no atraso político de Galicia -recentemente morto. Pasa Reimundo Patiño Mancebo, en cuxo sangue latexaba a totalidade das porencias cósmicas e das potencias revolucionarias do proletariado da Coruña. Patiño, en quen termina unha forma falsa de facer pintura galega e se abre outra vía que rematará na independencia. Pasa Avilés de Taramancos pegando chimpos e facendo pinchos carneiros polo Cantón vestido do uniforme da Mariña de Guerra Española, non lonxe de Lugrís, Urbano. Pasa o máis secreto dos escritores da Curuña, que non sei se é vivo ou se é morto: José Luis Aranguren, neto do coronel Aranguren que salvou Barcelona dos militares franquistas.Tamén non sei se é morto ou vivo, e ogallá sexa o segundo, Afonso Gallego Vila, mestre da pintura avanzada e do poema radical. E ignoro o paradeiro de María Cremaes, aquel espíro ceibe e boca carnal moi fumadora que sempre se abraza na miña memoria, artistas xémeos eles, con Jean Dubuffet. Esta é a miña Coruña de lembranzas, de sombras, de Saudade non piñeirista. Estes son os grandes coruñeses da miña xeración antifascista e nacionalista que me acompañarán mentres viva eiquí en Vigo e en Vilanova dos Infantes. "Ando en conversación con los difuntos", que escrira o Outro mais soberbio verso castelán.Manuel Riveiro Loureiro era da idade e do xorne destes mencionados e, seguramente, doutros que non se cruzaron comigo nin erraron o discurso dos seus anos polos mesmos carreiros que eu errei. Siescaso, únese aos citados un Xosé Alexandre Cribeiro que baixa agora do Castromil porque tiña que se examinar na Coruña para o título de procurador dos tribunais. Dedicatoria: a Ximeno Amil Edreira, que está vivo e lúcido en Bos Aires.
22 ene 2009
A secuencia tivo éxito en terras galegas. Primeiro inspirando o Vivamos como galegos, de Gadis, e agora co Eu son Anxo Quintana, da precampaña do BNG. Xa se fala do caso nos telexornais españois: o obxectivo de chamar a atención está logrado. O anuncio, con todo, dista de ser perfecto, sobre todo porque os protagonistas son actores galegos habituais na comedia televisiva galega e isto impide manter o ton épico orixinal. Quizais se buscase un rexistro de parodia, pero isto, se sae mal, é perigoso tratándose de publicidade electoral.
O que é certo é que o anuncio provocou o debate, para ben ou para mal. Está nos blogs e nalgúns mesmo se critica o seu suposto carácter mesiánico. O único que sucede é que a publicidade política véndese coas mesmas armas que as lavadoras. Aínda que sexa do BNG.
BIEITO IGLESIAS, ecg. 22-1-09
Teño un cartón postal adquirido en Florencia no que o primeiro mes do ano (gennaio) aparece representado por un pisco amouchado nunha póla espida polos fríos. A propensión a cantar xaneiras vénme do zodíaco, pois nacín o día de Reis, baixo o signo da Cabra, e a simpatía polo paxariño de pescozo vermello débese a certa complicidade ideolóxica. Porque o paporrubio é individualista, a tal punto que o seu canto pode traducirse así: Fai-pra-ti, fai-pra-ti, fai-pra-ti (con música de serea de ambulancia).
A invernía asóciana os escritores de humor saturnal coa morte. Joyce describiu a folipada de neve como unha mortalla a empanar Irlanda; Paulino Vázquez ensópanos na "chuvia escura, gris, mortal sobre as campas", no poemario Arcaico o tempo que respira, recén saído do prelo; e Emily Dickinson láiase da marcha do cuco e do ouriolo, que levan consigo ao emigraren toda a música do verán. A decir verdade, a poeta non menciona o cuco (isto corre por conta do tradutor ao castelá, que non quer escribir o feo nome de "chotacabras") senón a noitebra.
Os políticos son xordos á palabra calcada polos pés numerosos da poesía, se acaso agárranse ao sucedáneo das rimas do refraneiro. Por iso a Ministra de Fomento quixo combater os problemas de tránsito causados pola neve evacuando adaxios: "Año de nieves, año de bienes". Hai razón. Dúas posibles explicacións da crise económica: Ano de herba, ano de merda ou ben Ano de belota, ano de larota (fame).
--> LA REGIÓN 21-01-2009
Sempre é fermoso comprobar que se lle adica unha homenaxe a un dos nosos, pois témolos moitos e bós. Que os compoñentes do Pen Clube lle rendan tributo a Marcos Valcárcel é unha idea fantástica, realmente, ben pouco recibe moitas veces esta xente que tanto da, que tanto sabe dar, é o caso deste historiador cultísimo e traballador que sabe dinamizar a vida desta cidade -nada sinxelo por outra parte- sabendo facerse imprescindible cando dalgúns actos culturais se trata. Coñecino un día que Aelga (Asociación de Escritores en Lingua Galega) lle concedía un premio ó escritor Xosé Fernández Ferreiro (autor entre outros de ‘Agosto do 36’ e ‘A saga dun afiador’) alá en Luintra por ter este home nacido alí.
21 ene 2009
POR ANXO TARRÍO VARELA
A ver cando desaparece Deus do consello asesor dos políticos e se limita a consolar aos seus pobres seguidores.
aNDOLIÑA 21-1-09
Onte foi un gran día para o mundo: foise do poder dun dos Estados máis poderosos o señor Bush, un dos políticos que xerou máis odios ó longo de todo o planeta. A maioría das persoas que asistían en Wáshington á toma de posesión de Obama de seguro respiraron aliviadas desexando o final da política das mentiras que quixeron xustificar guerras. Os Estados Unidos poden empezar xa a loitar por recuperar unha outra imaxe no concerto das nacións.Barak Obama apelou onte a conquistar a esperanza contra o medo. Disque un mozo de 27 anos lle prepara os discursos: dende logo respiran o entusiasmo e a coraxe da mocidade.
Pero Obama falou xa como home de Estado, chamando ó esforzo de todos os cidadáns do seu país contra a crise. Alguén dixo que daba a imaxe dun home tranquilo en medio dunha treboada. Agardemos que agora non defraude a xigantesca enerxía colectiva que recolleron as cámaras de televisión. Ante o frío perfil de Bush, Obama afirmou que a seguridade non pode sacrificar a liberdade. Que peche xa a base de Guantánamo e borre o seu país da ignominiosa lista de Estados que practican a tortura. Sequera sexa pola memoria de Rosa Parks e Martin Luther King.
20 ene 2009
Unha treboada de enerxía colectiva en Washington.
Que non nos defraude.
A estrea de Obama, de XULIO RÍOS, Galicia Hoxe 20-1-09
Por outra parte, as declaracións de Hillary Clinton ante o Comité de Relacións Exteriores do Senado, auguran un cambio de rumbo, cando menos nas formas, asegurando que a forza militar será usada unicamente como "derradeiro recurso". A reivindicación dunha diplomacia intelixente resulta dos fracasos da ausencia de diplomacia e de intelixencia, da marxinación de principios mínimos e do exceso de soberbia fronte a propios e estraños. A dirección que tomará a política exterior de Obama, pese a todo, segue a ser unha incógnita, aínda que estas declaracións, o perfil dos nomes que se barallan para acompañar á titular da Secretaría de Estado e as reiteradas alusións e coqueteos con certo centrismo deixan atrás a orixinalidade prometida durante a campaña electoral. Chegou a hora do realismo.
Graciñas, grazas... outra vez.
Tras case un mes de votacións e con case o dobre de participantes que na edición do pasado ano, xa están dispoñibles os resultados de O mellor do 2008. Queremos dar as grazas a todos e a todas os que participaron nesta enquisa e os nosos parabéns aos gañadores.
O mellor do 2008 segundo os lectores:
Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro.
Mellor libro de poesía adultos do ano: construcións (Positivas) de Eduardo Estévez.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos (Xerais) de Manuel O'Rivas.
Mellor libro para adultos traducido ao galego do ano: Lolita (Faktoría K) de Vladimir Nabokov.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais) de Xabier P. Docampo.
Mellor libro infantil do ano: Das novas cousas de Ramón Lamote (Galaxia) de Paco Martín.
Mellor libro infantil e xuvenil traducido ao galego do ano: Un casoiro ben mal amañado (Sotelo Blanco) de Bali Rai.
Autor/a do ano: Marcos S. Calveiro.
Mellor ilustrador/a do ano: Xosé Cobas.
Mellor portada adultos do ano: Pan e coitelo (Galaxia).
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais).
Mellor editorial do ano: Xerais.
Mellor crítico/a literario do ano: Ramón Nicolás.
Mellor iniciativa literaria do ano: Cultur.gal
O mellor acontecido no 2008: Premios Nacionais/Recoñecemento a Xusto Beramendi e a Agustín Fernández Paz.
O peor acontecido no 2008: Consellería de Cultura e Deporte.
Mellor libraría: Libraría Arenas (A Coruña).
Mellor medio de comunicación: Diario Cultural de CRTVG.
Mellor blog: As uvas na solaina.
17 ene 2009
Fagan xogo. Gaña a Banca.
Alfonso Vázquez Monxardín.
La Región 17-01-2009.
Deus me libre de pensar que a banca é unha ONG. Sei ben que é un lexítimo negocio de movemento de diñeiro. Diría máis, en conxunto é sumamente beneficioso sobre todo para os que vivimos dun soldo e non temos cartos nin recursos para comprar vivenda ‘de golpe’. Así eles empréstannos unha cantidade que por outras vías sería imposible de conseguir, e pouco e pouco devolvemos esa cantidade. E como non se trata dunha ONG, a cantidade a pagar, máis ou menos, dóbrase, pero a pagar en vinte e cinco ou trinta anos. Claro que son un pouco pillabáns e aos inxénuos que crían que dun soldo se podían facer chalets de tres pisos, ou que ‘todo o mundo’ tiña igual ‘dereito’ a ir a Cancún ou compar un Audi A-6, pois tamén lle daban polo gusto e lles emprestaban canto pedían. E agora pasa o que pasa: as vacas máis que fracas andan anoréxicas, e algunha xente non dá pagado. Pero a responsabilidade, meus señores, é, fundamentalmente, da imprudencia do que asinou feliz despois de facer as contas do gran capitán. Que non bote balóns fóra e diga que o enganaron, pois hai que ler e non soñar antes de botar unha sinatura ao pé dun contrato. A banca, insisto, non é unha ONG, aínda que as caixas non debían andar moi lonxe.
Como ven, non son nada radical nos meus planteamentos sobre o tinglado financieiro. Pero todo ten un límite. Primeiro foi o redondeo á alza que me fixo por unha centésima pagar ¼ de punto máis de intereses durante anos ata que, loxicamente, prohibiron o abuso. E agora acabo de levar outra sorpresa desagradable. Tócame, como a moitos, renovación de tipos o día primeiro do ano. E independentemente do que digan na tele, conforme a vir de tempo de comerotas, vou ter a principios de ano un tipo máis groso. ¿Que está baixando o Euribor? Ja. Moito conto. Como nos papeis din que as renovacións se fan tendo en conta o último tipo publicado no BOE o 1 do mes anterior ao comezo da nova etapa, pois seica aplican, se algúen non o remedia, o tipo do mes de outubro! Flipo. Ata agora, tempos de subidas e baixadas suaves, esa diferenza dun mes a outro non se notaba moito e non tiña moito sentido estar cismando con decimiñas e media ducia de euros ao mes. Pero no medio desta crise financeira da que eu, xúrolles, non son responsable, estamos falando de 2 puntos enteiros. Ou sexa en vez de pagar un 3,74, pagar un 5,74, o que se un o multiplica polos millóns -de pesetas, claro- que debe e divide por doce meses, pois dá unha pastiña. Se lles permiten este golfería (a diferencia enorme do prezo do diñeiro e que cobrarían por el) cousa que pode e debe impedir o goberno, a banca que nunca perde, faría unha caixa grandísima a custa desta nova clase social maioritaria no tránsito de milenio que somos os hipotecados. Podería Marx (non sei se don Groucho ou don Carlos), anovar o berro e dicir ‘hipotecados do mundo, unídevos’. Ou doutra maneira: Agradecémoslles que nos deixaran os cartiños, pero non nos metan os dedos nos ollos, por favor.
La Region 16-01-2009.
Modelos. Cando estamos aínda empezando a albiscar o que supón a crise económica e financeira, é obvio que hai que reflexionar e cambiar de modelo. A crise afecta xa ás potencias emerxentes como China e Brasil e as súas consecuencias no Terceiro Mundo serán desoladoras. O mundo non é un chicle que se poida estirar ata o infinito sen rachar. Os recursos son limitados e empeñámonos en camiñar cara un desenvolvemento sen límites. Págao a natureza, o medio ambiente, en forma de contaminación, cambio climático, extinción de especies Hai que limitar os excesos da globalización, crear cidades de tamaño medio e recursos e enerxías sostibles, revalorizar o mundo rural e producir sen tóxicos nin pesticidas, causantes logo de enfermidades ambientais que non somos quen de controlar. Non o debemos facer moi ben, á vista dos resultados. Deámoslle unha oportunidade ás xeracións que veñen detrás.
(Na imaxe pedras erosionadas, As Cíes)
15 ene 2009
"Se non imos todos xuntos, imos ó carallo”, dixo hai anos un moi relevante político galego nun recente acto electoral. A anécdota de Fraga lembroume a riqueza polisémica deste concepto na nosa lingua, desde tempos ben antigos: o noso trobador medieval Fernando Esquío xa xogou no seu día, nunha das súas cantigas satíricas, coa diferenza entre estar “encaralhado” (potente sexualmente) ou “escaralhado” (impotente), dúas cousas ben distintas só con cambiar unha letra, como sabía o frade protagonista do poema, ao que lle chegaban a parir tres mulleres nun día “e outras muytas prenhadas que ten...”. Os poetas medievais usaron derivados tan transparentes como “caralhote” e “caralho francés” ou “caralho de mesa”, curiosos artefactos estes últimos que nos revelan que a modernización tecnolóxica no erotismo ten moitos séculos enriba.
A familia semántica do concepto citado é aínda maior: hai que engadir , entre outras, formas como “ben”, “cavalo”, “peón”, “pisso” e “rabo”, citadas todas na magnífica “Antoloxía de poesía obscena dos trobadores” de X. Bieito Arias Freixedo (Positivas, 1993). Son as cousas da riqueza do idioma. Só queda por saber qué políticos van saír da próxima liorta electoral, aló polo 1 de marzo, “encaralhados” e cales quedarán “escaralhados”... Ós segundos pódelles servir de consolo o saber que todo está inventado hai xa moito tempo. Entre as primeiras películas gravadas na historia do cine hai xa cintas eróticas ou pornográficas: seica cando as actrices eran negras, nin sequera actuaba a censura porque non se consideraban como seres humanos. En todo caso, a nosa cultura ten unha riqueza no potencial erótico da súa lingua que non debe ser desprezada.
Marcos Valcárcel: "A vida cultural galega venceu as dificultades"
O escritor e historiador é un dos maiores expertos actuais na cultura galega dos primeiros anos do século XX.
A literatura e o teatro, como dixo hai anos Méndez Ferrín, son campos nos que ha nación xa existe.
A. Losada / XORNAL.COM I A Coruña.- Marcos Valcárcel (Ourense, 1958), é un dos maiores expertos actuais na cultura galega dos primeiros anos do século XX, e un intelectual galeguista á vella usanza, erudito e oteriano. Colabora en prensa dende hai máis de 30 anos e dende hai tres mantén un dos blogs en galego máis visitados, As uvas na solaina. Antonte, levou a sorpresa de recibir o Premio PEN 2009 outorgado pola sección galega do International PEN Club de escritores, pola súa labor a prol da liberdade de expresión e da difusión cultural, o mesmo galardón que na anterior edición –en 2007– gañaron Isaac Díaz Pardo e Francisco Fernández del Riego.
Texto completo da entrevista
14 ene 2009
XOSÉ M. SARILLE, ECG. 13-1-09
Sobre o xenocidio israelí na franxa de Gaza dixo Rodríguez Zapatero: "Algúns non se mollan, nós si". Esta afirmación encerra dúas mensaxes. A primeira é que declarar contra Israel ten consecuencias indesexadas, aínda que o seu exército estea aniquilando nenos e anciáns con bombas de fósforo, e aínda que a declaración proceda dun estado relativamente forte no escenario mundial. A segunda é que fronte á indiferenza dos estadistas europeos Zapatero considera moi útil dicir iso nun mitin, mentres o ministro de exteriores suaviza ante Israel esas palabras, que só son palabras e que polo tanto lévaas o vento.
(O artigo completo)
13 ene 2009
Fírgoas. Abrindo o disco duro
Marcos Valcárcel, La Región 12-01-2009
Gustaríame encontrar a tecla que abre o disco duro e dende aí ir sacando, de vagariño, as lembranzas esquecidas da miña infancia. Pero non é tan doado. Para empezar, imos con algunhas anécdotas escolares da infancia que mesmo lles teño contado a algúns alumnos. Eles, dende o que coñecen hoxe e o que viviron, raramente poden crer que pasaban estas cousas. E non hai tantos anos. Ou si.Colexio Pilar. Da miña etapa infantil, un dos colexios que tivo maior pouso na miña vida, para ben ou para mal, foi o Colexio Pilar, que estaba no Parque de San Lázaro, ó carón do edificio sindical. Saiamos a xogar ó recreo ó propio Parque. A dona era unha muller que levaba ese nome e o seu marido chamábase Rubén, profesor de francés: polo que lembro este me quería ben. Isto foi antes do Ingreso, un ou dous anos antes. O colexio seguía as pautas represivas da época: era habitual castigarnos, cando nos portabamos mal deixándonos pechados, ás escuras, de pé e con varios libros en cada man, cos brazos en cruz. A profesora marchaba e quedabamos caladiños, ás escuras.
(O artigo completo)
(boa parte deste premio é tamén para compartir con vostedes, amigos/as da solaina)
VIEIROS (publicado tamén en gznazón.com)
RECOÑECEMENTO. Marcos Valcárcel, premio do PEN clube
O acto de entrega será en Compostela coincidindo coa presentación do libro de homenaxe que varios amigos do escritor están a elaborar.
Redacción - 16:30 13/01/2009
O escritor e historiador Marcos Valcárcel foi galardoado co Premio P.E.N. Galiza 2009, segundo fixo público a sección galega deste clube internacional de escritores. O premio destaca a unha personalidade da literatura galega que teña despuntado na defensa dos dereitos de expresión e de opinión recollidos na Carta Fundacional do International P.E.N. O galardón, que non ten dotación económica, consiste nunha peza artística “única e irrepetíbel” dun artista galego. Está previsto que o acto de entrega se celebre en Compostela coincidindo, de ser posíbel, coa presentación do libro de homenaxe que varios amigos de Marcos Valcárcel están a elaborar.
O xurado do PEN Galicia 2009 reuniuse onte e decidiu, por unanimidade, entregarlle o premio ao dito escritor e escultor. O xurado estaba integrado por Luís González Tosar, Gonzalo Navaza Blanco, Mª do Camiño Noia Campos, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Xesús Fraga e Xabier Castro Martínez. Segundo apuntaron, Valcárcel foi seleccionado pola súa defensa da liberdade de expresión e de opinión a través do blog As uvas na solaina.Neste sentido, o xurado tivo tamén en conta o traballo desenvolvido polo galardoado na cidade de Ourense e en todo o país a prol dunha maior promoción e difusión da literatura galega. Os membros do xurado tamén quixeron salientar que a figura do profesor Marcos Valcárcel, xa que "constitúe un exemplo de compromiso coas letras galegas e moi especialmente na proxección e difusión exterior dos autores ourensáns", afirmaron.
Reseñas prensa 14-01-2009 :
La Región.
Galicia Hoxe.
La Voz de Galicia.