24 ene 2007

Suso de Toro en Ourense

Teño escoitado moitas veces a Suso de Toro en privado, en grupos de pequenos amigos, e unhas cantas en actos culturais e presentacións de libros. (Temos un historial común en moitas cousas, que quizais conte algún día: coincidimos na Facultade, non coincidimos na militancia inicial, si anos despois noutras lerias políticas, e noutras aventuras profesionais, ata nunhas oposicións de galego). Pero, das veces que lle oín falar, poucas veces estivo tan brillante como o martes no Liceo ourensán, a onde acudiu a falar da “Literatura e a Memoria”. Asistiron 130 persoas, o que non está nada mal (hai anos presenteille un libro a Suso, supoño que el se lembra, en acto organizado pola Federación de Libreiros e estabamos os dous e tres amigos, Benito Losada e o matrimonio Maruxa Guitián e Arturo Pardavila, amigos de Suso: nin sequera foran os convocantes do acto!!).

Cun breve esquema dun folio diante, desenvolveu un discurso moi ben articulado sobre as relacións entre a literatura e a historia. É difícil resumila e non o vou facer (por sorte a charla quedou gravada), só podo destacar agora algunhas notas que foi deitando aquí e alá, como estas (as expresións non son literais, espero que o espírito do contido si) :
“A infancia e a adolescencia son o tesouro do que se alimentan todos os escritores. No mundo moderno os escritores ampliaron as súas formas de coñecer a realidade, a través do poder dos medios de comunicación. Pero narrar esixe vivir previamente, empatizar con aquilo que se está a contar.
A vida é cíclica. Os nenos traballan coa imaxinación e os adultos queren traballar coa razón. Pero ó cabo os vellos volven á imaxinación e á memoria. Somos seres de imaxinación e non de razón. Funcionamos co piloto automático, como cando conducimos, e a mente traballa soia pola súa banda. Só unha pequena parte do tempo do día (unha hora?) conducímonos dende a razón.
A novela da guerra civil estana a contar os netos. Cada xeración debe cumprir o seu papel. A dos nosos pais abondo fixo con sobrevivir e criarnos a nós, darnos de comer, educarnos, prepararnos. Na literatura, os que se achegaron á guerra civil, como Casares ou Fernández Ferreiro, naceron máis perto do horror e deron conta do que coñecían, cumpriron o seu papel. Nós debemos educar ós nosos non no medo, que se transmitiu xeneticamente na xeración dos nosos pais, senón aprendendo a vivir e a ser libres.
Os escritores que hoxe escribimos sobre a memoria queremos recuperar o que nos foi ocultado, sacar á luz os cadáveres da historia. Somos como os que buscan e levantan os mortos das fosas comúns para darlle un enterro digno. Nós facemos o mesmo coas palabras.
Nunca tanto odio, na historia de España, se concentrou nunca soia persoa, como neste momento contra Zapatero. Nin sequera Felipe González foi sometido a un acoso semellante”


Tamén houbo, como era de temer, a intervención do reaccionario local omnipresente, que todo fachendoso se puxo a defender a Sección Femenina, dicindo que fixera cousas boas. O Suso saíu ben tamén deste reto, respondéndolle algo así: “Home, cando a fame e a miseria é extrema, se alguén che dá un pratiño de caldo, pois, logo, se eres un neno orfo (quizais por culpa da guerra), pois quedas agradecido, claro”.

A cea-tertulia posterior, ata as 12,30 da noite (case todos traballamos ó día seguinte), estivo chea de confidencias e interesantes intercambios de información (asistían Segis Bobillo, Xoán Fonseca e J.Luis Troitiña, do Liceo; o arquitecto Emilio Fonseca e a súa dona Concha, inspectora de educación; o profesor da Universidade Romaní, eu n irmán de Suso que é un médico de moito prestixio na cidade de Ourense (foi, ademais, médico do meu pai e do meu avó).
Houbo lembranzas dos tempos do Prestige e Nunca Máis, interese de Suso por saber qué pasa en Ourense (“os ourensáns estades asolagados baixo un mar de sometemento, sodes un caso particular no país”) e sobre a situación política hoxe en Galicia (poderiase resumir naquela cantiga popular de “Todos queremos máis...”). Falouse abondo de Zapatero e das súas formas de gobernar e comunicar a información ós seus achegados e colaboradores. De Rajoy saiu a súa vergoña e ocultamento do seu avó galeguista (do que se publicou recentemente un libro) e dun seu tío, “Choncho R.”, que seica foi un HSN e é outra das tradicións das que vén Mariano.
Contou tamén que Rajoy lle dixo persoalmente a Zapatero, nunca entrevista entre os dous, isto: “A mi no me obliga nadie a hablar en gallego”. E do mundiño literario, cen mil anécdotas, non reproducibles todas; cito só algúns dos nomes que sairon ó longo do faladoiro: Juan Marsé, Fernando Savater, Antonio Elorza, Antonio Muñoz Molina, Luis Alberto de Cuenca, Luis Racionero, Lucía Etxchebarría, Juan Manuel de Prada, Manuel Vázquez Montalbán, Andreu Martín, Bernardo Atxaga, etc.
(A foto do escritor é de Tino Viz e do Arquivo Xerais.
Podedes, ademais, escoitar a conferencia enteira, na páxina do Liceo: http://liceodeourense.com, pulsando no botón Noticias).



Nimbos.

Tense dito que os poetas son dalgún xeito os videntes dunha realidade que o resto dos mortais non percibimos coa mesma claridade. E ás veces semella que iso é certo: velaí o coñecido poema de Xosé María Díaz Castro, “Penélope”, que retrata unha Galicia estantía, parada no tempo, en busca dunha esperanza que nunca chega: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza,/ i a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se esperguiza./ Aran os bois e chove”. Hoxe xa non hai bois na Galicia rural, pero o espírito do poema non anda moi lonxe do que moitos sentimos nestes días: Galicia Penélope seguirá a agardar. Precisamente nestes días Galaxia ofrece unha nova reedición de “Nimbos” (1961), ese excepcional poemario de Díaz Castro. Cada páxina, cada poema, cada verso, gardan no seu seo unha sorpresa que nos cega: “A lus do mundo é a que arde nunha bágoa”.
(Pan por Pan, 24 xaneiro. Ilustra o texto un retrato do poeta e unha imaxe de Frieidrich)

23 ene 2007

pan e coitelo
Galiza, rexión europea do mundo occidental
El Correo Gallego 23.01.2007, de XOSÉ MANUEL SARILLE


Totalmente de acordo co artigo de Sarille hoxe no Correo. Este é o remate:
Definir Galiza a estas alturas como rexión histórica do mundo occidental é unha trangallada que nin nacionalidade histórica é. Esta ocorrencia, talvez buscada ou talvez non, ten como utilidade principal devolver a idea de Galiza aos tempos anteriores á democracia, nos que legalmente só existían as rexións.
Pouco galeguismo é este, que responde exclusivamente ás ordes enviadas desde a xefatura madrileña. Botamos de menos a Fernández Albor, os discursos nos que falaba da nación galega e a súa asistencia ás manifestacións na que se reivindicaba o deber de coñecer o galego. E lembramos a Cuíña, que nunha visita a un partido nacionalista se confesou ao borde mesmo da autodeterminación.

LITERATURA E MEMORIA
XVII ENCONTROS LITERARIOS DO LICEO DE OURENSE

Martes, 23 xaneiro (20,15 h.), SUSO DE TORO, “Memoria e Literatura”
Venres, 26 xaneiro, BENJAMÍN PRADO, “La Literatura es lo contrario del olvido”
Martes, 30 xaneiro, JOSE M. CABALLERO BONALD, “La novela de la memoria”.

Todas as conferencias terán lugar no Salón Nobre do Liceo Ourensán.
Patrocinan os actos a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, a través da Cátedra Carlos Casares.
Organización: Marcos Valcárcel, director da sección de Literatura do Liceo, e José Luís Troitiña.

Inicia hoxe o Liceo os seus Encontros Literarios, xa na súa XVII edición e co patrocinio da Deputación e da Universidade de Vigo, a través da Cátedra Carlos Casares. De feito foi o propio Carlos Casares o gran promotor e mantedor do seu espírito dende que se iniciaron, aló por 1990. Nos últimos anos escollemos un tema monográfico e ningún tan de actualidade como o que nos convoca nesta ocasión: “A Memoria e a Literatura”. Sobre iso disertarán Suso de Toro (hoxe), Benjamín Prado e José Manuel Caballero Bonald. Os tres teñen obra recente que xira arredor da Memoria. Ou das memorias, porque unha cousa é a memoria dos historiadores (construída e investigada), outra diferente a memoria dos escritores e aínda outra a das persoas comúns, a de cada individuo. O que é seguro é que, destas tres voces, aprenderemos moitas cousas.
(La Región, 23 xaneiro)

22 ene 2007

Unha voz crítica

Carlos París pasou esoutro día polo Foro do Faro de Vigo, presentado por Ferrín. Hoxe o xornal trae unha interesante entrevista con el : unha páxina católica de dereitas (non lle vou facer propaganda co seu nome) pide mandar cartas de protesta porque Carlos París dixo na súa charla que o Papa Wojtyla cometera un crime contra a Humanidade rexeitando o aborto e o preservativo.
Entrevista: "Manteño unha postura crítica fronte á transición española".




Un escultor que sempre me gustou

Albino Mallo publica hoxe en El Correo Gallego unha entrevista con el.

CINCO PREGUNTAS, ALGUNHAS RESPOSTAS
(La Región, 22 xaneiro. Imaxe: "O ollo inocente", Mark Tansey, 1981).
1. Por que o Partido Popular de Galicia bloqueou sine die a reforma do Estatuto galego? Iso foi o que sucedeu, sen dúbida. Para achegarse ós populares, no preámbulo proposto por Touriño nin sequera constaba o concepto expreso de nación para Galicia: só unha alusión á vixente Lei de Símbolos “que recolle a formulación do sentimento galeguista (...) falando do fogar e da nación común dos galegos”. O Bloque cedeu máis do que podía conforme ós seus principios e ó seu electorado. Os socialistas fixeron todo o posible para chegar ó consenso. Pero os populares mantiveron as súas posicións férreas, máis pechados que nunca: dito doutro xeito, coas posturas que mantivo Núñez Feijoo sería imposible poñer en marcha a Reforma Democrática no ano 77 e o mesmo Estatuto que se votou no ano 80.
2. Pódese planear unha reforma do Estatuto que, en vez de ir cara adiante, vaia cara atrás? A consigna do PPG era nidia: que non se mova nada e, se algo se move, que sexa en sentido retroactivo; de feito, a proposta popular tiña mesmo algúns riscos inmobilistas co propio espírito autonómico de hoxe e negábase na práctica a recoñecer a Lei de Símbolos aprobada por todos os grupos no Parlamento Galego.
3. Ulo o ata agora chamado sector galeguista do PP galego? Debería pensarse que ante tal aldraxe, non menor que a se quixo consolidar en 1977, sequera os sectores galeguistas do partido de Núñez Feijoo amosarían o seu descontento. Pero non: agora non se pechan nun piso a reflexionar. Silencio. O único en reaccionar, o defenestrado Cacharro Pardo, ponse máis papista que o Papa: para xustificar o desatino, acusa ós socialistas de venderse ó separatismo.
4. Por que os populares, tanto en Galicia como en España, prefiren manter distancias infranqueables co conxunto dos partidos? Primeiro, porque non están habituados a facer oposición, o seu é gobernar. Segundo, porque no fondo non aceptan que non sexan eles os que gobernan: sexa polo 11-M, sexa polo pacto socialista-nacionalista na Xunta, séntense aínda os vencedores en ambas eleccións e optan por deslexitimar na práctica os gobernos centrais e autonómico. Sobrarían razóns para facer unha boa oposición, en Madrid como en Compostela (ambos gobernos cometen erros abondo), pero non se trata diso.
5. Por que o PP mantén esa política de obstrucionismo que, en calquera outro contexto político, por exemplo en Cataluña, significaría a súa desaparición case total do mapa político? Quizais porque os seus estrategas pensan que tal comportamento non lles vai significar un elevado custe electoral no seu celeiro habitual de votos. Oxalá se equivoquen. Pero ó mellor ata no se equivocan ...

21 ene 2007

Queren afogar ó Isolino... ?

Dende o sábado pasado o Isolino, do Xaquín Marín, anda máis afogado: quitáronlle a mitade do espazo. A min paréceme moi mal e xa mandei unha carta de protesta na web de La Voz de Galicia (cart.director@lavoz.es). Por que non facedes todos os lectores/as o mesmo? Quizais logremos algo entre todos. E cando menos que quede claro o noso disgusto.

Dende Ourense mando a miña máis enérxica protesta pola nova diminución de espazo da sección "O lecer de Isolino", de Xaquín Marín, un dos grandes do humorismo galego. Xa se lle reduciu noutra ocasión dunha viñeta de tres corpos a outra de dúas, que agora quedan nun só corpo. Paréceme inxusto para a calidade do autor e os seus moitos lectores/as. Saúdos cordiais.



























Sen comentarios...

Un amigo mándame dende A Coruña estas dúas imaxes. Pois iso, sen comentarios. Comenten vostedes, se queren, que eu quedei un pouco deprimido ó velas ...
CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1951, O ANO DOS CADERNOS GRIAL, DA REVISTA POSÍO.ARTE Y LETRAS E DALGÚNS GRANDES LIBROS
(O artigo completo)
Fundada un ano antes, a Editorial Galaxia era moito máis que unha editorial. Como un equipo colectivo en pro da restauración cultural do país, o grupo Galaxia pon en marcha os Cadernos Grial, dos que sairán catro números ata 1952, titulados Presencia de Galicia; Pintura actual en Galicia; Presencia de Curros y Doña Emilia e Aspectos económicos y jurídicos de Galicia. Por imposición oficial os números eran bilingües pero aínda así foron pechados pola censura, a través do Director Xeral de Prensa, Juan Aparicio, temeroso do que supuña a nova iniciativa na reorganización do galeguismo, mesmo no plano cultural. Neles apareceron ensaios de gran relevo como ‘Significado metafísico da saudade’, de Ramón Piñeiro; ‘Notas encol dos pintores galegos’, de Ánxel Xohán, ‘A estética da fotografía popular’, de Carlos Maside, ou ‘Anotaciones sobre la creación artística’ de Luís Seoane. No conxunto dos cadernos escribiron tamén Alonso Montero, Carballo Calero, José Luis Varela, Sebastián M. Risco, Xaime Isla Couto, Valentín Paz Andrade, Fernández del Riego, Xohán Ledo, etc. Do mesmo ano 1951 é o primeiro libro da Editorial Galaxia, Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, aparecido o 16 de abril. Tamén sae en Galaxia, en castelán por razóns administrativas, o Manual de historia de la literatura gallega, de Fernández del Riego.
Tamén en 1951 pechaba a súa andaina a excepcional colección de poesía Benito Soto en Pontevedra, con tres novos títulos: As canciós dise amor que se diz olvido, de Juan Pérez Creus; Follas dun arbre senlleiro, do poeta noiés Manuel Fabeiro Gómez, e Musa alemá, quince poemas alemáns traducidos por Antonio Freijeiro e recreados por Celso Emilio Ferreiro; ademais o de Celanova inicia unha curiosa sección no Faro de Vigo titulada ‘La jaula de los pájaros raros’.
Do mesmo ano é A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero, unha das primeiras novelas relevantes da posguerra que volve sobre o mundo dos pazos e a fidalguía. E nesas datas saen á luz volumes como Penas son cantares, en castelán, de Xosé Conde; Doas de vidro, de Faustino Rey Romero, e tres poemarios en castelán de Pura Vázquez (Madrugada fronda; Desde la niebla; Columpio de luna a sol). Outro libro ben fermoso do 51 é o Cancioneiro da poesía céltica, premiado nese ano nun concurso de traducción convocado por Bibliófilos Galegos e realizado por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, do libro Altkeltische Dichtungen, publicado por Julius Pokorny en Berna en 1944.
(Ademais, lían os seus discursos de ingreso na Real Academia Galega Ramón Villar Ponte, Xoaquín Lorenzo e Xesús Ferro Couselo).
















As máscaras de Cronos

(Na foto, a astuta Rea dálle envolta en panos unha pedra a Cronos, para así poder salvar o seu fillo Zeus).
O pasado xoves presentamos en Ourense, no Liceo, o libro As máscaras de Cronos. Poemas, 1994-2002, (Xerais), de Ramón Caride Ogando. Acompañamos ó autor o editor Manuel Bragado, o escritor e amigo Xerardo Méndez e tamén este cronista. O volume recolle a obra poética do autor dende o ano 1994 e inclúe os libros xa publicados Cerne das labaradas (Espiral Maior, 1994); Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés da Deputación da Coruña, 1998) e Diacrónica (2002), ademais dalgúns poemas inéditos. Teño a honra de ter participado no xurado que lle concedeu o premio Cidade de Ourense en 1994, ó carón de Fernán Vello e outros amigos. Deixo aquí, para os lectores/as, dous anaquiños de dous dos poemas que máis me gustaron:

O noso único anseio foi arder no teu lume
Morrer facendo o amor como os deuses mesmos
As fírgoas das persianas escoaban
Un sol gastado veciñal de patio
Mais pra nós era a luz da creación
Aquelas madrugadas non había montes mais doces
Que a herba mol dos teus peitos espidos
E a calor da túa vulva era o quentor
Que defendía de novas glaciacións o mundo
Non tiñamos aínda medo das metáforas
Arder era o noso único obxectivo.


O poema do mar que se sulaga
No abismo da realidade e do anseio,
O poema do mar que maza escumas
No espello fuxidío dos teus beizos,
O poema do lar que quenta aos homes
E pon faíscas de luz nas túas pupilas,
O poema do instante que xa non é
E sen ser foi e non voltará nunca,
Hai milleiros de poemas por facer aínda

E non obstante todo está xa dito

20 ene 2007


Faíscas

Que foi daquel rapaz que tocaba a guitarra nas asambleas de Fonseca?

O blog estame a servir para facer novos amigos e amigas, para aprender moito dos contertulios que aquí acoden a cotío ou de cando en vez e mesmo para remexer o faiado toldado da memoria.
Hai uns días Xosé M. González lembraba os anos de Compostela e o seu traballo naquela Nova Canción Galega. Ben, pois, veume á memoria esta anécdota que aquí incorporo para compartir entre todos.
Setembro de 1975. Chegan a Compostela catro rapaces de Ourense, procedentes do Instituto Masculino, con moitas gañas de coñecer o mundo e descubrir novas realidades: son eles Bieito Iglesias (hoxe escritor), Benito Alonso “Roi” (hoxe historiador), Xoán Guerra (futuro sindicalista) e este cronista. Viñamos xuntos do mesmo COU, un ano polémico: as celulosas en Ourense, primeiras manifestacións importantes da pretransición, profesores comprometidos coa democracia e co galeguismo, etc. Tres deles (Xoán Guerra foi a excepción, que fixo pedagoxía), aínda que tiñan vocación de filólogos (e tal lles recomendara nunha ocasión Francisco Rodríguez, que nos impartía cursos de lingua e literatura galega na Auriense), acabaron de historiadores: a razón de tal decisión foi o engado dunha profesora noviña, creo que leonesa, que acababa de saír da Facultade e nos deixaba compartir unhas clases magníficas: debate continuo sobre a historia e a realidade, que se os Irmandiños, que se os Reis Católicos, que se Castelao, etc. (Na mesma clase andaban daquela o Manuel Guede, xa teatreiro entón; Francisco García, futuro alcalde nacionalista de Allariz, e Carballude, o latinista e escritor de literatura xuvenil, que facía o COU en Ourense, residindo no Colexio Menor).
Ben, pois chegan os catro mozos a Compostela e asentan nunha pensión perto da Praza da Universidade e das Facultades de Historia e Filoloxía. Viñan eses mozos dun COU comprometido e habituados xa ás liortas políticas: mesmo se plantexara un boicot ás probas de selectividade, que despois non foi aló (por medo, máis que por outra cousa). Varios deles xa militaban no nacionalismo, en ERGA, e os outros ían de compañeiros de viaxe, facendo o mesmo que os xa militantes, mesmo repartindo polos pupitres o “Terra e Tempo” ou redactando cartas de solidariedade con Paco Rodríguez, desterrado a Cádiz (debeu ser o meu primeiro labor político, sen contar outros alleos ó Instituto, estes na onda de CPS, Cristiáns pra o Socialismo).
Xa en Compostela os mozos se dedicaron a vivir, sobre todo os primeiros meses: bastantes horas de festa, roteiros cotiáns polos viños, noites coas amigas ata altas horas no Barra China, etc. Digamos que se tomaran un descanso no seu activismo político: había tantas cousas novas que atender...! Morre Franco e empezan de novo as movidas políticas. As asembleas universitarias adoitaban facerse aínda nos locais de Fonseca, onde estaba Pedagoxía e, debaixo, Económicas (os mozos eran tan aplicados que, ademais das súas clases de Historia, ían a esta Facultade a escoitar algunhas clases dun tal Beiras, Estrutura Económica creo, e dun tal Suevos, entre outros. E ata tomaban apuntamentos).
Un día, nunha desas asembleas escoitamos falar a un rapaz, creo que era baixiño e tirando a forte de contextura. E escoitámolo recitar, sen tatexar o máis mínimo, o poema “Lingua proletaria do meu pobo...”, enteiriño e ata o remate. A cousa ía do debate do galego e cómpre lembrar que daquela nas asembleas só falaban nese idioma os nacionalistas (logo moitos outros se sumarían ó carro, das diferentes esquerdas). Saímos de Fonseca e dime o Bieito: “Este mozo é de ERGA, seguro”, así, sen dúbidas.
Aquel poema debeu espertar as nosas conciencias algo durmidas e, ós poucos días, non sei moi ben cómo, o Bieito xa contactará coa organización (na Facultade “os vellos e xefes” eran o “Lobito”, Xulio Gaioso, e Sarille, de Lugo, acompañados do santo de Xulio Cuba). E ás poucas semanas os catro mozos estaban xa militando de novo en ERGA, na AN-PG que empezaba a saír á luz e moi logo na UPG. Daquel mozo que recitou o poema só lembro, se non estou errado, que se chamaba Daniel. Logo vímolo moitas máis veces, nos peches de estudantes de Fonseca, tamén tocando a guitarra e cantando as cancións habituais daquela (Celso Emilio, Manuel María, etc.). Non o vin máis e non volvín saber del. Que sería daquel mozo que recitaba “Lingua proletaria do meu pobo...”?



Caderno de notas

No pasado nadal os amigos de Xerais (graciñas, Manolo e Celia)
mandáronme como agasallo un fermoso caderno de notas, coa portada que vedes aquí ó carón. Estiven dándolle voltas varios días para pensar en que ía empregalo. Hoxe encontrei a solución, xa o vedes: por qué non un espazo para anotar posibles ideas e novas que subir ó blog. Pois para iso quedará...
Beiras dálle tamén ‘leña’ a Feijóo polo triste crac do Estatuto
A nova completa en Galicia Hoxe

O nacionalista acusa os populares de ser a “sucursal ianqui de Bush en España” e culpa a Feijóo O actual responsable de Acción Política da nova Executiva do BNG e presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, responsabilizou onte o PPdeG do fracaso da reforma estatutaria por seguir a "estratexia de Madrid" e subliñou que o voceiro nacional da súa formación e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, "non baixou os calzóns" durante as negociacións que tiveron lugar na reunión de líderes políticos do pasado mércores. (...)
Neste sentido, criticou a postura mantida polo PPdeG, ó que culpou de "non defender" a Galicia e de poñerse a disposición da "estratexia" do PP de Madrid. "Un partido", dixo, "que é a sucursal ianqui de George W. Bush –o presidente de Estados Unidos– en España e en Europa".
Así, subliñou que a dirección popular, tanto na comunidade de Galicia coma en Madrid, é a "plataforma de lanzamento" da estratexia da "ultraglobalización belicista" de Bush, "o obxectivo da cal pasa por destruír as distintas culturas e pobos". Desta forma, dixo non entender como o presidente de PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, se negou a que o futuro texto autonómico "afirme legalmente" a súa identidade como pobo e se converta nun "suxeito activo de dereito político".

Arco de Triunfo (Lewis Milestone, 1948)

Un cirurxián asutríaco, o doutor Ravis (Charles Boyer), encóntrase no París de 1938 sen identificación nin documentos, un sen papeis que diríamos hoxe, deportado cada pouco do país para volver entrar ilegalmente. Por casualidade coñece a Joan Madou (Ingrid Bergman), unha modesta actriz á que salva do suicidio ofrecéndolle apoio e buscándolle hotel, para logo namorarse ámbolos dous perdidamente.
Nese París de rúas molladas, onde chove sempre, pero os cafés están cheos de xente e de ledicia aínda (ata que comeza a ocupación), o doutor Ravis refúxiase tamén do seu pasado: torturado pola Gestapo, séntese culpable da morte por torturas da súa antiga compañeira. Nese refuxio axúdao un amigo fiel, Boris Morosov (Louis Calhern), que traballa como porteiro dun local ruso. Por suposto, o pasado aparece na figura do antigo militar torturador, nun dos mellores papeis de “malo malísimo” de Charles Laughton.

É unha película amarga, dura, sobre a vulnerabilidade da condición humana. Nada hollywoodiense. E sen final feliz. Catro anos antes a mesma parella fixera a tamén maxistral Luz de gas (ou Luz que agoniza, G.Cukor, 1944), tan oscarizada, e amarga tamén pero doutro xeito.

A película está chea de referencias a España e á nosa guerra civil, vista con simpatía polo lado republicano. Nunha escena importante o doutor Ravis e o seu amigo Boris Morosov están xogando ó xadrez no seu hotel e na habitación do lado hai unha gran festa celebrando o Alzamiento do 18 de Julio: escóitase, ben alto, cantar o “Cara al sol…”. Petan na porta varias veces e chegan varios militares españois, franquistas e falanxistas, para que se sumen á festa e brinden con champán por eles. Pero os dous refuxiados néganse con diversas desculpas, nun momento dado teñen que botalos de malas maneiras da porta. Nun momento dado o doutor Ravis di algo así: “Serán parvos. Están celebrando unha guerra na que están matando ós seus propios compatriotas”.
Difícil condenar unha guerra e o belicismo franquista con tan poucas palabras e tan perfectas.

























Hitchcock e as artes plásticas
Esculcando no tema das mulleres na obra de Hitchcock, encontro na rede un magnífico artigo do escritor Juan Pedro Quiñonero (“Babel”) sobre a exposición que hai uns anos se fixo no Centro Pompidou arredor das “coincidencias fatais” entre o cineasta e o mundo da arte. Esa mostra demostrou a inmensa cultura artística do mestre do suspense, tan presente nas súas películas: un bico dos protagonistas en “Vértixe” podería estar inspirado no “Dúo” de Magritte; os “Paxaros negros” de Brake terían que ver cos que aterrorizaban a Tippi Hedren e a casa de “Psicose” estar inspirada na “Montaña do faro” de Edward Hopper. A Kim Novak de “Vértixe” prolonga visualmente a Prosperina de Dante Gabriel Rossetti: o xenio admiraba os prerrafaelistas. E tamén aparecen “coincidencias fatais” coa obra de Edgar Allan Poe, Kafka, Oscar Wilde ou Lovecraft: un xenio, sen dúbida, o gordo inglés.

19 ene 2007

Galiza no diván (Miguel A. Fernán Vello, Galicia Hoxe 19 xaneiro)

Síntoo moito. Teño algún amigo no Partido Galeguista e coñezo a outros dirixentes (algúns estiveron integrados na última etapa de Unidade Galega, cando o PSG-EG se fundiu con outros grupos). Pero non todo vale en política. Díxoo hoxe moi ben na súa entrega diaria Fernán Vello (e o candidato de Ourense é outro que tal baila: un expulsado do PSOE que acaba de despertarse galeguista, por non falar doutros temas. Ah! E graciñas a Manuel Rivas polas súas gabanzas de hoxe en El País e a Insomniorizar pola súa atención cos meus recunchos en La Región. Aí vai o artigo de Fernán Vello:

Publicaba Antón Avilés de Taramancos no ano 1989 un pequeno ensaio titulado Galiza no diván, que agora vexo traducido e publicado en castelán, xunto con outros textos, por Edicións Laiovento, dentro da colección Endovelia e baixo o título de Obra viva. Di o escritor noiés que Galiza é un país desarticulado mental e fisicamente e que cando se dá esa condición o habitual é que ninguén se sinta identificado consigo mesmo e que caia nun exilio interior e íntimo, e chegue mesmo a odiar a súa orixe por ser quen é e polas circunstancias que atravesa. E engade: "De aí veñen o disfrace, o aparentar e o habitar nun escenario permanente onde se representa e se vive outra historia e se renega, finalmente, de todo aquilo que leva consigo un sinal ou un símbolo da patria perdida, ou da que se quere perder". Saberán vostedes, porque a noticia saltou á prensa hai xa varios días, que un chamado Partido Galeguista presenta na cidade da Coruña un candidato que usa decote o castelán en actos públicos do Partido e utiliza tamén decote na publicidade política o topónimo da cidade de María Casares na súa versión non oficial, ou sexa, La Coruña. O candidato "galeguista" –asesor no seu día do alcalde vigués Manuel Pérez– non enrubesce até obter nas meixelas a cor do tomate maduro, todo o contrario. El enche de ar o peito e segue a prostituír, profanar, desdourar e deshonrar a memoria do Partido Galeguista histórico de Castelao e mesmo deste chamado Partido Galeguista actual, que, así e todo –leo nos seus Estatutos–, fala dun "inequívoco e irrenunciable compromiso coa realidade nacional de Galiza en tódalas súas expresións" e mesmo asume, "como lexitimamente propia, a herdanza das Irmandades da Fala". ¿Entenden vostedes a fonda coherencia, responsabilidade e sentido do ridículo do candidato "galeguista"? "Non vos riades, porque o conto é triste", escribe Castelao nun dos seus breves relatos. E, mentres, este país contraditorio, tantas veces mudo e lento no seu devalar colectivo, "non sabe, non contesta".










Misoxinia no cine.


A muller fatal, as mulleres perversas, as mulleres castradoras, damas diabólicas: o cine está cheo de exemplos nos que a perversidade ten nome feminino. A historia comezou con “Amencer” (1927) de Murnau, unha das películas máis fermosas que vin nunca: unha parella, home e muller, viven felices no campo ata que chega á dama da cidade e provoca as paixóns do home e o desexo por este de asasinar á súa dona no medio dun lago. A película ten final feliz, pero o camiño xa estaba aberto. Veu logo Marlene Dietrich e “O anxo azul” (1930) de Sternberg: aquí o pobre Professor Unrat é só un moneco en mans da paixón feminina. Son películas dos anos 30 cando unhas poucas mulleres erguían a súa voz. Cos 60 chegou o feminismo e a liberación sexual, pero aínda quedaban perversas por chegar como a Sharon Stone de “Instinto básico” (1992): que inseguro se sente aínda o home!
(Na imaxe, un dos primeiros carteis de Sunrise (Amencer), de Murnau)

18 ene 2007

27 xaneiro Día Mundial Vítimas do Holocausto

CONFERENCIA SUSPENDIDA POR PROBLEMAS DE SAÚDE DO PONENTE (actualización 22 xaneiro)
O vindeiro venres 26, ao abeiro da celebración o día 27 do Día Mundial de Conmemoración das Vítimas do Holocausto, a Asociación Galega de Amizade con Israel organiza unha Conferencia en Compostela de Jaime Vandor, supervivinte da Shoá.

Jaime Vándor, supervivente do Holocausto, profesor austríaco supervivente do Holocausto, nado en Viena en 1933, Jaime Vándor sufriu a persecución contra os xudeus e a Segunda Guerra Mundial en Hungría. Doutor en Literatura Comparada e Licenciado en Filosofía e Letras, Sección de Filoloxía Semítica, actualmente imparte a súa docencia na Universitat de Barcelona. Fundou a Biblioteca da Comunidade Israelita de Barcelona. Outra das súas áreas de interese é a historia da música. É tamén Chanceler do Consulado de Israel en Barcelona. Deu centenares de conferencias en España, Alemaña, Francia, Italia e Israel sobre temas de Historia e Cultura Xudaicas, Literatura Universal e especialmente, sobre as linguas alemá, húngara e hebrea. Ten publicado diversas obras, incluíndo poesía.




















Mulleres da pantalla.

Na súa longa historia o cine, bebendo da literatura ou das artes plásticas, representou todos os modelos de muller: a Eva pecadora e a muller fatal, a Celestina a argallar namoros, a Xulieta namorada ata o sacrificio, a muller adúltera no ronsel de Madame Bovary, a fiel Penélope, etc. Un dos estereotipos de maior rendemento foi o da Bela e a Besta: velaí a heroína que se confronta co “Nosferatu” de Murnau ou as múltiples actrices que encarnaron á Bela da que se namora perdidamente King Kong, o gran mono. Ou o lobo vencido pola Carapuchiña Vermella: Bruno Bettelheim escribiu con acerto sobre as pulsións sexuais que se agochan nos contos populares. Semella que o home no fondo é un monstro incapaz de consumar o seu amor coa Bela. Tamén en “A muller panteira”, de Jacques Tourneur, onde se chega á máxima reviravolta: a Bela convertida na mesma Besta.

(Na imaxe, dúas das mulleres panteiras do cine: Nastassia Kinski e Simone Simon, que protagonizou a mítica versión de Jacques Tourneur)

17 ene 2007





Hitchcock e as mulleres.


É un dos directores de cine do que máis se escribiu, e ademais ben. Agora sae un dicionario colectivo titulado “El universo de Alfred Hitchcock”. Segundo leo na prensa fálase tamén no libro das relacións do cineasta coas súas actrices e coas mulleres en xeral. É sabido que prefería as louras e que a algunhas as machucou nas rodaxes (Tippi Hedren en “Os paxaros”). Doutras namorouse e desanamorouse de seguido: Ingrid Bergman, Grace Kelly. Ata se ten escrito que o seu cine é misóxino.

Pero creo que tamén é certo o que afirman os autores deste dicionario hitchcockniano: “As heroínas do seu cine adoitan ser mulleres independentes e moi resoltas que acostuman mesmo levar a iniciativa nas súas relacións amorosas”. E, doutra banda, despois de ofrecernos a Kim Novak de “Vértixe” a Hitchcock hai que perdoarlle todo: ata a súa misoxinia, se tal cousa fose certa.

16 ene 2007



Un novo blog

Descubro, case por casualidade, que Arume dos Piñeiros, visitante habitual desta bitácora e que nos enriquece coas súas reflexións, abriu un blog hai poucos días, que leva como cabeceira esa mesma marca: Arume dos Piñeiros.
Ademais nese blog promociónase unha tamén interesante páxina dedicada a Bob Dylan que xa leva algúns meses no mundiño virtual.
Bob Dylan era un dos cantantes preferidos do meu irmán maior cando eu deixaba atrás a adolescencia e por el escoitei os seus primeiros discos. Tamén me levou nunha ocasión ó cine Xesteira, sendo eu moi mozo (15 anos), porque tiña cara de neno e sempre me pedían o carné ó entrar nas salas, a ver a película Pat Garret e Billy The Kid, de Sam Peckinpah (1973), con música de Dylan (actuaba tamén), que daquela me impresionara moi favorablemente.
Noraboa e todos os nosos parabéns ó amigo Arume, a quen visitaremos a cotío.

Falemos, pois, do señor de Mondoñedo

Varios lectores suxeriron nestes días, noutros fíos, debater entre todos sobre a vida e obra de Álvaro Cunqueiro. Pois aló imos: en fío independente, que ben o merece pola súa entidade histórica. Para abrir o debate propoño algunhas consideracións xerais, miñas e, como todo, discutibles:

1. Álvaro Cunqueiro é, cando menos en tres dos campos que abrangueu a súa obra, un dos cinco grandes das letras galegas contemporáneas: falo da súa narrativa, da súa poesía e do seu xornalismo literario (en galego e castelán). Prefiro que outras persoas máis informadas falen do seu teatro ou do seu papel como traductor, entre outras posibilidades creativas.

2. É, ademais, un dos nosos autores máis “exportables” e mellor coñecidos fóra das fronteiras galegas, en parte pola súa obra en castelán (lembro gabanzas da súa obra de autores como Joan Perucho ou Francisco Umbral, entre outros).
3. Das súas opinións e actitudes políticas. Parto eu dos datos da que eu considero magnífica biografía de Armesto Faginas, recentemente falecido (concordan vostedes?) e dos estudos de Claudio Rodríguez Fer e outros autores. Xa saben: galeguista de preguerra, falanxista dende o 36, próximo ó réxime dende aquela (non foi o único: Torrente Ballester e tantos outros, naquel momento). Pódese interpretar o seu falanxismo daquel momento como acomodación ó réxime ou só como un elemento decorativo e non demasiado substancial? Beneficiouse política e economicamente desa situación?

4. As consecuencias das súas opinións e actitudes políticas. O modelo de literatura de Cunqueiro non cadraba cos estereotipos dominantes: na época de poesía social, de Celso Emilio Ferreiro a Manuel María, víanse as obras de Cunqueiro como”escapismo” ou evasión da realidade. Non tivo entón Cunqueiro lectores entre o nacionalismo e quizais tampouco moitos entre o galeguismo: foi redescuberto na inmensidade da súa obra despois, poucos anos antes de morrer. En honor á verdade, digamos que houbo persoas, moi arredadas das súas ideas políticas, que sempre defenderon a súa calidade literaria: Méndez Ferrín, por exemplo.

5. E pecho cunha curiosidade: se acoden vostedes á web da Hermandad do Valle dos Caídos, vanse encontrar cun estudo sobre o noso poeta de Mondoñedo, da autoría de José María García de Tuñón Aza (sen referencias, pola miña parte).
Opinen. Se lles prace.
Pescanova nosa
Deixo aquí a ligazón ó artigo semanal de Monxardín en Galicia Hoxe: "Pescanova nosa".

Eu creo que hai que facer compatible o respecto ó medio natural e á paisaxe cunha industrialización racional do país: así o estamos a pedir dende os anos 60. E iso vale para as celulosas, as térmicas, as nucleares, Alúmina ou para Pescanova, con ser esta unha empresa nosa e moi respectable en moitos aspectos. En calquera caso, aquí queda a ligazón por se alguén quere afondar na polémica...






Políticos que che son como nenos

A política española parécese cada vez máis ós chistes de Forges. Ou ós tebeos da nosa infancia. A realidade empéñase en imitar os humoristas porque temos algúns políticos, e non poucos, que semellan non ter sosego: velaí toda a leria das condicións que o Partido Popular puxo para asistir á manifestación do sábado contra ETA para logo decidir non ir, cando se lle concederon todas as premisas que utilizaba como escusa. Por certo, o noso PP debe ser o único partido de dereitas en todo o mundo que se nega a asistir a unha manifestación antiterrorista unitaria simplemente para amolar o goberno.
Pero sempre hai alguén capaz de superar o esperpento: como ese presidente dunha comunidade autónoma, todo un presidente!, divertido a gravar co móbil unha xuntanza parlamentaria que se celebra a porta pechada, a Conferencia de Presidentes Autonómicos. Tal como os nenos pequenos das escolas: xogando co móbil ás costas do profesor. Xa postos, ata pode mandar o vídeo ó Youtube para consagrar a súa gran fazaña. E logo as declaracións do presidente da Rioxa, cheas de groserías e faltas dun mínimo respecto político. Pero non se asusten: mañá seguro que haberá algunha outra babecada máis sublime.
(Imaxe: King Kong).

15 ene 2007













PERSPECTIVAS NUN ANO QUE COMEZA
(La Región 13 xaneiro)

Bush insiste. Bush insiste na via militar na guerra de Iraq. Xa ten en contra dos seus planes militares ós demócratas e ó 61 por cento dos estadounidenses. E a Europa e ó resto do mundo. É unha fuga cara adiante: sería moi parvo o presidente norteamericano se pensa que se pode resolver o lío de Iraq mandando uns milleiros máis de soldadiños a morrer en Oriente Próximo. Nin sequera atende ás recomendacións dalgúns dos seus asesores militares e civís, que piden tender pontes con Irán e Siria e buscar outras vías para resolver esa crise que xa é un dos grandes fracasos do presidente. En Managua toma posesión como presidente o sandinista Daniel Ortega que coñece por propia experiencia o militarismo USA: ó seu carón e con el erguen o puño Evo Morales e Hugo Chávez. Ós Estados Unidos médranlle os ananos; concentrados en Oriente Próximo, ven como no sur do continente xorden cada día novas alternativas antiimperialistas, moitas cun marcado populismo. Europa semella, mentres tanto, seguir ensimesmada no seu propio benestar: en marzo vanse conmemorar os 50 anos da creación da Comunidade Económica Europea sen que a Europa de hoxe, de 27 estados (eran só 6 os fundadores), teña nada claro o seu futuro. Os europeos vivimos nun espazo privilexiado no mundo: no terreo social e económico, no político e no cultural. E algúns cremos que Europa debería asentar o seu liderato cun maior protagonismo no deseño das estratexias para as grandes crises do mundo. Entre outras cousas, porque os Estados Unidos non teñen xa fórmulas para arranxar case nada en ningures.
A perda da credibilidade de ETA. No contexto español a nova dominante foi o atentado de ETA en Barajas. Isto anulou todas as outras frontes informativas: a conferencia de Presidentes, as reformas estatutarias, etc. Por desgraza, confirmáronse os peores augurios: a mediados de decembro, Txema Montero, que condena, pero coñece ben o mundo de ETA, anunciaba a irreversibilidade dun atentado cara finais de ano: en Euskadi dábase por feito. Non tiña o goberno central esa información e pecou de inxenuidade ó manifestar o seu optimismo o presidente Zapatero? Por desgraza tamén, o novo atentado devolveu o esperpento á vida política: só ETA ten a culpa da ruptura da tregua. Ninguén máis. Por fortuna a cidadanía manifestouse masivamente o pasado sábado, sobre todo en Madrid e en Bilbao, con unidade e contundencia: a ausencia do Partido Popular nesas marchas, despois de poñer condicións que logo non quixo aceptar, ocupará un capítulo de honra na historia dos disparates da política española. Pero non está o tempo para sainetes. Patxi Zabaleta, dirixente de Aralar (formación escindida de HB e que condena a violencia) dicíao moi claro nestes días: ETA perdeu toda a súa credibilidade política. Non pode pretender agora que non pasou nada. Cando volva o diálogo, xa non bastará cunha tregua: daquela será preciso un cese definitivo e incondicional da violencia terrorista, sen contrasprestacións políticas. ETA segue a pecharse todas as portas: a linguaxe do fanatismo non é doada de entender na racionalidade que manexamos o resto dos seres humanos
(Na imaxe, “Odalisca”, de Boucher, século XVIII).

14 ene 2007



195o: Nace Galaxia, morre Castelao.

O 25 de xullo de 1950 constituíase en Santiago a Editorial Galaxia, dando cabo así a unha serie de xestións encamiñadas bastantes meses antes. Xuntábase todo o galeguismo resistente, convencido de vivir unha situación histórica que impedía a acción política na clandestinidade, e tomaba a decisión de afortalar unha especie de fronte cultural que serviría para formar as novas xeracións no amor a Galicia e á súa cultura: “Sementar nas novas xeracións a idea e os valores de Galicia, que se estaban perdendo”, en palabras de Ramón Piñeiro. Foi Piñeiro, procedente das Mocidades Galeguistas, a figura clave deste período e ó seu carón estaban outros antigos nomes das Mocedades como Francisco Fernández del Riego, Ramiro Isla Couto, Carballo Calero ou Ferro Couselo. Pero tamén os nomes históricos do galeguismo “dos maiores” como Gómez Román e Otero Pedrayo, ademais de Álvarez Blázquez, Domingo García Sabell, Agustín Sixto Seco, Fermín Penzol ou Antonio Fernández. O panorama editorial galego só recollía nese momento como iniciativas regulares a colección Benito Soto e Bibliófilos Galegos (fundados en 1949). No mesmo ano 50 nace tamén a Editorial Monterrey, da man de Xosé María Álvarez Blázquez e Luís Viñas Cortegoso. Calquera lector pode achegarse ós libros de memorias de don Paco del Riego ou ós epistolarios de Ramón Piñeiro para saber o que significou Galaxia na reanimación cultural do país. Entre outras cousas, 1950 foi un ano extraordinario na produción literaria, sobre todo na poesía, aínda que Galaxia non sacará o seu primeiro libro ata 1951. Ó longo do ano 50 apareceron títulos tan relevantes como Dona do corpo delgado, de Álvaro Cunqueiro (que xa andaba a escribir o seu Merlín); Anxo de terra, de Ricardo Carballo Calero; Cantigas da noite moza, de Augusto Casas; Triscos, de Luís Pimentel, todos eles na excepcional colección pontevedresa Benito Soto, onde tamén saíron nese ano o primeiro poemario de Manuel María, Muiñeiro de brétemas, co que o poeta da Terra Cha se presentaba como o primeiro “poeta novo” da posguerra; Gárgolas, de Tomás Barros; Cantos de Cotovía, de Eliseo Alonso Rodríguez, e El Dios de los precipicios, de José Ruibal, estes tres últimos en castelán. (...)

(...)É tamén 1950 o ano da morte en Buenos Aires de Castelao, feito que conmocionou a toda a colectividade cultural galega (véxase ó respecto ó recente volume Laio polo irmán ausente, preparado por Alonso Montero) e que na prensa, sometida a normas estritas de censura, foi case silenciado e ocultado: só o “Suplemento del Sábado” de La Noche publicou, na súa portada, un artigo extenso de Valentín Paz Andrade titulado Castelao, el hombre y el artista (14 xaneiro). A finais dese mes tiña que pechar este histórico suplemento cultural cando chegaba só ó seu número 15 (que, mal numerado, era o 16): a censura non soportou as loubanzas a un político exiliado como Castelao e decretou “por oficio de la Superioridad” o peche do suplemento. No mesmo ano morría en París o histórico dirixente republicano coruñés Santiago Casares Quiroga, o político de orixe galega con maior protagonismo nese período, tamén perseguido con saña polo franquismo: velaí a novela Os libros arden mal, de M. Rivas.

Cen anos de Historia Cultural: velaquí o artigo completo)




Catalá Roca
Sempre me pareceu moi simpática esta foto de Francesc Catalá-Roca, "Señoritas paseando pola Gran Vía de Madrid", que se ten exhibido en moitas antoloxías de fotografía española. A outra, do mesmo estilo, titúlase "Azafata saíndo do metro na Gran Vía de Madrid" (1952).

O galego deixou de ser a lingua da Igrexa no século XVI
Ferro Ruibal salienta o peso do cristianismo na normalización dos idiomas ·· Marisol López inaugura as Xornadas dos mestres católicos (Galicia Hoxe, 13 xaneiro 2007)

A Igrexa deu nova vida ao exipcio e ao arameo, que deixaran de ser linguas de cultura en tempos de Alexandre Magno, elevou outras ao rango de escritas, como o etíope, o armenio e o xeorxio, e creou o estándar, como no caso do alemán. E co galego tamén pasou un caso semellante, pero no século XV comezou o seu declive. Así ou sinalou onte o académico Xesús Ferro Ruibal, nas Xornadas de Normalización Lingüística da Federación de Escolas Católicas de Galicia (Ferega)
Ferro Ruibal falou da presenza do galego na Igrexa e puxo exemplos tan importantes como uso documental que facían da lingua os eclesiásticos nos séculos XIV, XV e XVI. No XIV, en concreto, nas catedrais de Compostela, Ourense e nos mosteiros de Ribas de Sil, o seu uso era do 88,3 por cento, quedando para o latín un 8,6 por cento e para o castelán o 4 por cento. Tamén foi importante nos sínodos de Santiago, Mondoñedo e Ourense, cun 55,5 por cento, fronte ao 44 por cento de documentos en latín.
Ese uso documental chegou non século XV ata ou 94,7 por cento, aínda que no século XVI baixou ata o 56,3 por cento. E o pobo, engadiu o académico, tamén falaba de Deus en galego nos séculos escuros. Aínda que teñen moitas erratas, indicou que son dobremente valiosos os 118 refráns galegos que Hernán Núñez incluíu no seu Refraneiro salmantino. Entre eles hai algúns de tema ou alusión relixiosa.
Dos innumerables exemplos expostos, está ou do propio Padre Sarmiento, que en 1766 pediu un concilio contra a presenza en Galicia de curas que non sabían falar galego. Tanto na catedral de Mondoñedo antes de 1826, como na casa do Hospicio de Santiago, cantábanse panxoliñas, moitas delas en galego que, asegura Ferro Ruibal, eran as que máis gustaban.






O primeiro Fole.

Don Ánxel Fole tivo nos seus anos mozos unha etapa de forte radicalismo, cando dirixía a revista “Yunque”, agora reeditada. Nela publica entregas literarias e artigos contra o caciquismo dirixidos á mocidade e algún “poema roxo”. Porque Fole militou na ORGA e no Partido Radical-Socialista e só despois pasou ó Partido Galeguista. Escribía daquela en castelán e, segundo lle contou a Carlos Casares nun libro de conversas, considerábase entón comunista.

E debía selo, abofé, a xulgar polo poema “Diana”, que abre o número de maio de 1932 de “Yunque” e que transcribo aquí:

¿Rojas banderas en marcha
el aire claro fustigan! ...
Quiebran su serenidad
raudos venablos de ira.

¡Ya no hay ilotas ni parias,
ni bajas frentes sumisas!...
hinche el hondo cielo abierto
un clamor de rebeldía.

Un bronco trueno de pólvoras
sulfúreas luces destila
- en la carne del silencio
desgarradora mandíbula-

Rebota, dura y briosa,
la canción vindicativa,
diana del proletario
que sus ímpetus hostiga:
la hoz segará cabezas
como granadas espigas;
el martillo batirá,
sobre el yunque, la mentira;
la estrella de cinco puntas
serenamente escintila.

¡Rojas banderas en marcha
el aire claro fustigan!...


13 ene 2007







Llorenç Villalonga

Creo que xa sabedes da miña querencia pola obra de Llorenç Villalonga. Por iso me permito recomendarvos, por se alguén aínda non o viu, o magnífico artigo que onte lle dedicaba en El País o escritor Jose Carlos Llop, titulado "Baile de disfraces".










Que esperan do Goberno os cidadáns?
(Andoliña 13 xaneiro)

Hai unhas semanas a prensa catalá publicaba a foto dunha homenaxe en Barcelona a Francesc Maciá, o primeiro presidente da Generalitat republicana: estaban presentes os responsables dos tres partidos do goberno catalán, os socialistas cataláns, Iniciativa por Catalunya e Esquerra Republicana (CiU facía tamén a súa homenaxe pola súa banda, creo). Sería posible esa foto aquí? Quero dicir, por exemplo, unha homenaxe conxunta dos socialistas e nacionalistas a Castelao. Sería difícil porque ambas forzas, que comparten o goberno por necesidade, compiten no plano electoral e necesitan marcar o seu territorio: a iso obedecen moitas das confrontacións que se suceden, ás veces con demasiada virulencia, dentro do mesmo Goberno bipartito.
Quizais se equivocan na súa estratexia ámbalas dúas forzas. Porque creo que o electorado demanda do novo Goberno boa xestión, eficaz, e que marque diferenzas coa etapa do Partido Popular, e tamén lealdade mutua. Sobre todo porque a reforma do Estatuto non vai por moi bo camiño e vai ser complicado ofrecer resultados inmediatos nese campo. E, nesa situación, cada enfrontamento interno do bipartito é unha nova presa de votos que cae no celeiro electoral da oposición.

12 ene 2007











Outro gravado fermoso

Este fermoso linóleum é de Carlos Maside e está na portada dun dos clásicos das nosas letras que de seguro teñen nas súas bibliotecas e que no interior contén debuxos de Xohán Ledo cos textos. Xa saben cal é, non?












Yunque’, a vangarda política
(Andoliña 12 xaneiro)

O Centro Ramón Piñeiro continúa a recuperar as revistas culturais do noso país en edición facsimilar. A última reedición foi a de Yunque (Periódico de vanguardia política) que se publicou en Lugo e só sacou seis números, tres deles descoñecidos ata hai pouco: moitos investigadores escribimos sobre a revista ignorando os tres primeiros números, rescatados agora por Elvira Meilán e Claudio Rodríguez Fer.
Das revistas da época das vangardas, Yunque ten unha fasquía diferente, porque foi a máis ideoloxizada e a máis esquerdista de todas elas: nas súas páxinas podía aparecer a Internacional ou o programa radical-socialista ou unha cita do Manifesto Comunista ou un artigo de Montero Díaz sobre o escritor ruso Eremburg, pero tamén prosas líricas de Francisco Lamas, versos de Luís Pimentel, textos de Ánxel Fole ou mesmo o Madrigal a Compostela de García Lorca.
Son moitas as xoias desta publicación, entre elas as entregas artísticas, de primeira fila: Seoane, Maside, Colmeiro, Ánxel Johán, Norah Borges, etc. Tamén están aquí os primeiros artigos de Ramón Piñeiro (asinando como Luís de Veiga) e artigos de Álvaro Cunqueiro, Luís Manteiga, Ramón Martínez López e Víctor Casas entre outros.
(Na imaxe un linóleum de Ánxel Xohán, publicado nesta revista en 1932)l

11 ene 2007




Prego de Oliver.

Xa noutras ocasións teño falado neste recuncho da obra artística de Prego de Oliver e fágoo hoxe de novo para amosar a miña ledicia pola exposición que se inaugurou nestes días na Casa de Galicia de Madrid, presentada por Basilio Losada e boa parte da familia Prego. O ourensán foi sen dúbida un gran pintor e quizais os artistas galegos que lle sucederon non deron aínda testemuño do moito que lle deben, aínda que non fose Prego un artista da vangarda. En datas próximas vaise publicar un libro de artigos de Otero Pedrayo no que o creador de Trasalba tamén se refire ó pintor, gabando o engado inesquecible dos seus cadros: “le atraen las adolescentes en apariencia frágiles, los huertos con aguas antiguas para el baño de la luz y de las muchachas tempranamente serias”. Porque ninguén, di don Ramón, pintou como el as vellas e os esmolantes dos arrabaldos das cidades.
(Pan por Pan 11 xaneiro)

Pura e Dora Vázquez
No meu artigo do Galicia Hoxe, sobre as poetas irmás ourensás, fago este anucio:

E aproveito a ocasión para engadir que o Liceo ourensán, dende a súa Sección de Literatura, está a preparar unha nova homenaxe a Pura Vázquez, que quere ser celebración compartida con todas as poetas galegas, a celebrar o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía.

10 ene 2007

















DESMONTANDO A PÍO MOA

FELIPE VILLEGAS (Diario de Sevilla) ofrece un breve comentario do volume do historiador Francisco Espinosa Maestre titulado “El fenómeno revisionista o los fantasmas de la derecha española” (Ediciones Los Libros del Oeste), e que contén unha contundente crítica das teses de Pío Moa. (Agradezo o envío ó amigo Trebolle).

“En tono ensayístico, claro y rotundo, Espinosa desmonta al encumbrado Pío Moa, un autor de pluma fácil (de ahí su copiosa producción editorial) erigido en superventas (Aznar le declaró su admiración) cuya credibilidad cuestiona el autor del ensayo de cabo a rabo, empezando por su formación: "Ni Pío Moa es historiador ni sus libros son de historia. En realidad estamos ante un simple propagandista y mediocre escritor al servicio del Partido Popular, al que se le ha encomendado la misión de mejorar la imagen que la derecha española quiere dar de sí misma y empeorar la de la izquierda. Para lograr dichos objetivos vale todo", sostiene Espinosa. Sus afirmaciones, aunque corrosivas, no son gratuitas. En el centenar justo de páginas de su libro confronta la visión y sapiencia de Moa partiendo de un episodio concreto y lacerante de la Guerra Civil: la matanza acaecida en la plaza de toros de Badajoz el 14 de agosto de 1936, justamente en el que Espinosa es experto, como acreditó en su libro La columna de la muerte (Crítica), al que Moa descalificó vía artículos en prensa e internet (…)
En efecto, la segunda parte del ensayo abre su enfoque para desvelar las claves del revisionismo histórico, un movimiento (el autor llega a usar el término cruzada) nacido al calor de las aún recientes victorias electorales del PP con una finalidad: "Ajustar la Historia del pasado de modo que convenga a lo que la derecha actual desea"."Moa y compañía –es decir, César Vidal, Ricardo de la Cierva, Jiménez Losantos, Gonzalo Fernández de la Mora, García de Cortázar, José Luis Gutiérrez Casalá, Ángel David Martín Rubio, entre otros citados– representan la respuesta que la derecha que ha estado en el poder da a otro movimiento, el de la recuperación de la memoria histórica, surgido en torno a 1996-7".


Quico Cadaval, dramaturgo e director teatral

"De pequeno quería ser chofer, químico nuclear, astronauta e capitán de barco"

O xornal gratuíto en galego De luns a venres publica hoxe esta breve entrevista, de Natalia Pena, con Quico Cadaval, O Carreirán, vello amigo e compañeiro de estudos (na Facultade de Historia) e doutras zarandainas.

P. Un sinónimo de Galicia?
R. Recuncho de España.
P. Que quería ser de pequeno?
R. Cóntoche por orde: chofer, químico nuclear, astronauta e capitán de barco... Xa ves como acabei de maior.
P. Cal é o seu lema na vida?
R. A miña petulante humildade.
P. E a súa principal virtude?
R. A gula.
P. Unha canción?
R. Moon of Alabama.
P. Un libro?
R. Bufo e Spalanzani, de Rubem Fonseca.
P. E unha película?
R. A casa das dagas voadoras.
P. Elixa un lugar.
R. A ponte de Couso, na parroquia de Aguiño.
P. A súa comida preferida?
R. O bacallau con pasas en caldeirada.
P. Alguén a quen admire?
R. Nas letras, Álvaro Cunqueiro; e nas armas, Enric Cantona.

Casa un crego en misións
(Andoliña mércores 10 xaneiro)


En Polonia ten que dimitir todo un arcebispo polas presións recibidas ó descubrirse a súa colaboración co pasado réxime comunista. En Ourense o escándalo non chega a tan altas xerarquías, queda máis embaixo: un crego misioneiro decidiu casar e anda nas lerias das xentes de Verín e A Mezquita. Lembro algúns escritos seus na prensa ourensá. É un crego mozo, comprometido coa realidade en Suramérica, e argumenta “cunha muller como esta, como non vou casar?”.

Pero, realmente hai escándalo? Polo que eu vin, os veciños da comarca, entrevistados en La Región, reaccionan cun san exercicio de sentido común: son xentes fieis á Igrexa pero opinan que, co celibato sacerdotal, dentro de pouco non haberá cregos para atender as parroquias rurais. Non é unha posibilidade, é unha realidade que xa está a suceder hoxe en terras afastadas e con pouca poboación. Pero os veciños falan do tema sen ningún dramatismo. Creo que moi poucas persoas racharían as vestiduras se a Igrexa católica aceptase hoxe o casamento dos cregos. Esa decisión chegará. É só cuestión de tempo.

E vostede que opina? Pois, como di un meu amigo, Deus nos libre de xulgar os pecados que nacen da cintura embaixo. l

9 ene 2007

De apelidos e bonecas
de Afonso Vázquez Monxardín

("Camiño do Vao", Galicia Hoxe, 9 xaneiro)

Ten razón o deputado Lobeira cando pensa nestes temas. Equivócase ao falar na forma e lugar, pois a xestión política dos gobernos mídese pola efectividade e non polos titulares de xornal conseguidos. Repasemos. Hai anos organizouse unha "comisión de toponimia" coas persoas que máis sabían disto do país e peneiraron os nomes dos núcleos de poboación da terra e arranxaron o asunto. Creo que é precisa unha comisión técnica semellante de antroponimia -de sabios, non de políticos- como lugar discreto de traballo, estudo, reflexión e planificación.
Sabemos que os nomes de persoas se moven en catro esferas. O nome propio que cada un escolle para os seus fillos -María-; o hipocorístico, ou sexa, como se lles chama aos dese nome -Maruxa ou Marica, pola vella-; o alcume, moitas veces de familia -A Roxa-; e os apelidos, que en España son dous, primeiro o do pai e logo o da nai (en Portugal é ao revés, a ver quen espabila e é o primeiro en pedir o fuso onomástico do sur).
O noso sistema de nomes propios está moi estragado e o tema é complexo por moitas causas, entre elas a secularización do sistema -xa non é preciso pór nome de santo-; a unificación planetaria de hipocorísticos -Mary-; o feito de coincidiren as onomásticas galega e castelá nunha boa parte, fai que erradamente, só identifiquemos como propias as marcadamente diferenciais (Uxía pero non María); as modas (Jonathan), etc.
O dos apelidos foi un esmorecer progresivo que coñecemos ben desde o Concilio de Trento, cando comezaron os arquivos parroquiais sistemáticos e require un traballo de restauración previo, tendo presente que ao ser un tema de decisión individual e familiar, só se pode facer desde a sedución. E para iso cómpre resolver dúbidas ¿Que facemos cos clásicos? ¿Outeiro Pedraio, Ramón Cabanelas e Val Inclán?¿E cos modernos? ¿Victor Freixáns, Anxo Quintá? ¿Galeguizamos os Otero como Outeiro ou Do Outeiro? ¿Valle como Val ou Do Val? ¿Xunto ou separado? ¿Hai que volver os Silva a Da Silva? ¿Como se promove a rectificación masiva?
O lugar para falar de que as bonecas -videoxogos, etc.- se expresen en galego non parece ser o Parlamento -por esencia reservado a cuestións máis elevadas-, senón os foros de colaboración que teñan coa súa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Porque hai ou só Goberno. Non lles arrendo a ganancia do que parece un desleal dobre xogo.



















A curiosa dimisión do arcebispo
(Andoliña martes 9 xaneiro)

Resulta curiosa a nova da dimisión do arcebispo de Varsovia pola súa colaboración coa policía no réxime comunista. Curiosa primeiro polas formas: Stanislaw Wielgus aproveitou a propia cerimonia do que ía ser a súa entronización para anunciar a súa dimisión, que contrariaba ó Vaticano: sen dúbida un escenario enchoupado dun gran dramatismo e patetismo para moitos dos fieis presentes (que magnífico guión se aínda vivise Fellini!).
E curiosa tamén no seu significado. A Igrexa católica, tan poderosa en Polonia, representou un papel protagonista na resistencia nacionalista contra o comunismo: a inmensa maioría da poboación, católica nun 90 por cento, viviu a chegada do sistema comunista como unha imposición da Unión Soviética, responsable de dividir en varias ocasións o propio estado polaco en función dos seus intereses. Pero a Igrexa, sobre todo nas súas xerarquías, soubo tamén adaptarse: como fixo en todas partes. En España a Igrexa apoiou outro tipo de totalitarismo, pero trala morte de Franco ninguén creou maiores problemas coa lexitimidade dos seus bispos: aquí monseñor Stanislaw Wielgus podería ser un arcebispo “demócrata de toda a vida”. l

8 ene 2007

Los alimentos corporales

Outro amable lector (O levantador de minas), nun comentario a un post moi recente, aludía a este poema de Carlos Marzal. Que paga a pena, creo, transcribir tamén aquí:

Llamar amor a lo que tú y yo hacemos

es cometer una sensiblería

indigna de nosotros, que aún somos amantes.

Eso es mejor que lo hagan los demás,

aquellos que precisan aguar un vino fuerte.

Lo nuestro es un fenómeno distinto,

sin ningún circunloqui, sin grumos literarios.

Se manifiesta en el arrasamiento

recíproco. Consiste en una prospección

para obtener placer y para darlo,

un hurto generoso que se ofrece egoísta.

Es un trabajo en las calderas

de nuestra intimidad, un primitivo

cerco en torno al castillo de la vida.

La carne se alimenta de la carne,

de su mutuo veneno jubiloso.

Lo que hacemos tú y yo no es el amor.

A no ser que se entienda por ello un sacrificio

donde nos ofrecemos a los dioses suicidas

que habitan en el pozo de nuestra propia sangre.

Para nombrarlo habría que incurrir

en palabras que algunos consideran obscenas,

aunque la obscenidad tampoco lo define,

porque no pretendemos aleccionar a nadie

ni sobre el impudor, ni sobre la virtud.

Lo que mejor explica, sin agotarla nunca,

la bárbara pureza del deseo recíproco

es una cacería de animales

y el hartazgo feliz en que se sacian,

con los ojos cerrados contra el tiempo,

en el avaro éxtasis de su feroz banquete.

Para la bestia octópoda que engendramos tú y yo,

son una estupidez los términos pacíficos,

un triste deshonor en la batalla.

No hacemos el amor, desvalijamos

con codicia nocturna en la casa del cuerpo.

Pobre Rosalía...!!
Un amable lector e tamén amigo mándame esta foto, publicada en La Voz de Galicia, na edición de Lugo (sección Fotodenuncia) e que corresponde ó día posterior á noite de Reis, creo. Aínda que a calidade da reproducción non é excelsa pódese ver ben que nesa praza de Lugo algúns mozos seica liberan de cando en vez o seu aparato urinario, sen importarlles demasiado que a música dos seus fluídos vaia topar coa faciana de Rosalía. Xa sabiamos que neste país había pouco respecto polos nosos símbolos. Pero isto!! Supera todo o concebible.
















O pescador e a serea
(1858)
de Frederic Leighton
EN HONOR DO DEUS IANUS
(La Región 8 xaneiro 2007)

Para os primeiros romanos, o cómputo dos meses empezaba en marzo e por iso a primeira estación do ano é a primavera e tamén por iso o zodíaco comeza co signo de Aries. Foi Numa Pompilio, o segundo rei lexendario de Roma, que viviu sete séculos antes de Cristo, o que estableceu o calendario sagrado que nós herdamos e que empezaba co mes de Ianuarius, o noso xaneiro, dedicado ó deus Ianus. Este era o protector das portas (ianua), dos tránsitos e dos inicios: o nacer do día, o nacer da civilización, da agricultura e da linguaxe. Tamén era invocado polos mozos cando entraban na idade adulta.
A este Ianus representábano os artistas con dúas caras, confrontadas, dobre faciana sempre omnipresente, sempre ambigua e enigmática. Podía, xa que logo, mirar todo o existente: cara atrás e cara adiante, no interior e no exterior, metaforicamente tamén o pasado e o futuro. Era, dalgún xeito, posuidor da clarividencia absoluta, por iso lle fai dicir Ovidio en Os Fastos: “Calquera que sexan as cousas que os teus ollos te fan ver, ceo, mar, nube, terra, son o meu dominio e quedan na miña man. O meu oficio é gardar o amplo mundo”.
Disque este deus tiña un templo no que as portas debían estar sempre abertas cando había guerra, porque só se pechaban cando se establecía a Paz. Agardemos que este Ianuarius 2007, e tamén todos os que veñan logo, pechen para sempre esa maldita porta que abre os corazóns dos poderosos á barbarie tan arcaica e miserable da guerra.

Rubém Fonseca: consellos a un escritor
Rubém Fonseca é un dos grandes nomes da literatura brasileira de hoxe, autor da novela “O caso Morel” e de libros de relatos sempre vivos e descarnados como “O cobrador” ou “Feliz ano novo”. Eu cheguei ata el da man do amigo Bieito Iglesias, novelista que o ten entre os seus preferidos de vello. Hai varios anos, nunha homenaxe que recibía en Guadalajara, México, o autor brasileiro, nun coloquio cos lectores, deu cinco consellos a todos aqueles que soñan con ser algún día escritores. Foron estes os consellos. Primeiro, “saber ler”, entender e comprender o que se le. Segundo, ser unha persoa atenta, estar motivado. Terceiro, paciencia, acumular moita paciencia. Cuarto, ter imaxinación. E quinto, ter coraxe, valentía, o valor necesario para dicir o que non pode ser dito. Para dicir o que ninguén quere escoitar. E aínda engadía que o escritor é un subversivo, porque non pode aceptar ningunha convención artística, ideolóxica ou moral. Chegados aquí, enténdense xa as dificultades coas que se debe afrontar o feito literario, se se quere facer sen frivolidades, co desexo de crear algo poderoso, quizais algo que poida permanecer para sempre como arte literaria.
Todo isto non debe levar a ninguén ó pesimismo. Estou seguro que a vocación de calquera futurible escritor pode superar todos estes obstáculos: porque ese posible autor sabe tamén que a verdadeira vida, a vida descuberta e iluminada, dito por Marcel Proust, é a literatura.