31 ene 2007


Algunhas citas, máis ou menos textuais, da charla de Caballero Bonald


“Toda autobiografía é tamén un engano”, di Castilla del Pino. Eu en ningún caso minto, só tendo a condimentar a verdade coa fantasía

Os sitios onde se descobre o mundo xa significan para sempre un compendio de todo o mundo

Mnemosiné, nai das musas, fertiliza a literatura como a semente a terra

Eu non podo contar ningunha historia sen unha fusión co espazo físico e emocional das miñas novelas

Na miña primeira novela, escrita en Colombia, o ficticio resultou ser a longo prazo o máis verídico

A miña novela que máis me gusta é “Ágata. Ojos de gato”, un xeito de defensa ante as ameazas de destrución do Coto de Doñana. De neno Doñana foi para min (e ségueo sendo) a idea máis aproximada do Edén, un mundo que non debe ser violado.

“Campo de Agramante” foi consecuencia dunha enfermidade miña, dunha disquemia e da alteración dos estados de conciencia que produce (logo insistiu nisto, ante unha pregunta miña sobre o posible poder fecundador da enfermidade na literatura)

Presentei en Madrid a novela de Benjamín Prado, pero non estou de acordo co que di de Dionisio Ridruejo. Para min foi, nos mediados dos 50, o escritor que me espertou ó ideal democrático.

A literatura sen humor convértese en sermón, algo demasiado solemne e aburrido. Vostedes os galegos teñen unha excelente literatura dotada de sentido do humor.

(Perdón por posibles erros na transcrición, pero escribo cun gripazo enriba que non me vai soltar en varios días. Imaxe do fotógrafo J.M. Cameron)
Muñoz Molina- Suso de Toro

Supoño que Antonio Muñoz Molina non lera este blog, pero o certo é que, despois de publicar aquí unha nota confidencial da cea no Liceo con Suso de Toro, o escritor andaluz publicou un artigo en El País, o pasado sábado, atacando directamente ó escritor galego: "Estado de delirio". E Suso de Toro respóndelle hoxe no mesmo medio, en Cartas ó director: "Mucho delirio".
Gravacións
Xa están colgadas na páxina web do Liceo as gravacións das tres conferencias dos seus Encontros Literarios (Suso de Toro, Benjamín Prado, J.M. Caballero Bonald)


Escribir dende a liberdade
andoliña 31 xaneiro
A semana pasada empezou en Ourense a XVII edición dos Encontros Literarios do Liceo, que este ano xiraron arredor do tema Literatura e Memoria e que contaron coa participación de Suso de Toro e de Benjamín Prado, autores de dúas novelas recentes que tamén falan diso (Home sen nome e Malas gentes que caminan). Esta cita cultural, común a escritores galegos e casteláns, empezou no ano 1990, co apoio entusiasta de Carlos Casares, e decidimos mantelos cada ano respectando o espírito que o autor de Ilustrísima lles dera no seu día.
Onte remataron os Encontros cunha conferencia de José M. Caballero Bonald sobre A Novela da Memoria. Esta charla coincidiu co escándalo que xentes do PP andaluz ergueron contra unha Guía Didáctica sobre este gran poeta e memorialista. Polémica tan absurda como moitas que veñen desa banda: e logo o poeta había esconder as súas opinións políticas para chegar ás escolas? E logo pronunciarse contra os que promoven a guerra é facer sectarismo? Por que a algúns lles molesta tanto o aceno dos que escriben dende a liberdade? En honor á verdade debo dicir que non pensan así as persoas que, co mesmo carné, patrocinaron esta cita dende a Deputación ourensá.

30 ene 2007



















Políticos e comunicación.

“Os políticos. se non se ven á mañá no xornal, se non se escoitan na radio ou se a camareira do restaurante onde comen non lles fala do ben que saen na televisión, pensan que morreron. Moléstalles a critica e, o que é peor, máncaos a verdade”: tal declara Lois Celeiro, xefe de comunicación da Universidade de Santiago e amigo de vello. Hai tres décadas era un dos nomes que nun vello piso de Compostela navegaba na nova singradura de “A Nosa Terra” conducida por Margarita Ledo Andión (coa colaboración do artista Pepe Barro e do escritor Bieito Iglesias). Por suposto, ten razón o Lois Celeiro e o andazo afecta a todos os políticos, á marxe do seu carné. Naquela época tamén entrevistou a Fraga e preguntoulle polas autonomías que deseñaba Adolfo Suárez: Fraga “respondeu cunha puñada na mesa, a modo de ameaza, dicindo ¡vostede quere romper España!”. (Imaxe de Rita Voutyla)
camiño do vao. O galego, os políticos e os Tonechos
AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN (Galicia Hoxe 30 xaneiro)
Estamos de noraboa. A presentación da campaña da SXPL en favor da lingua contou co apoio unánime de institucións culturais, entidades cívicas, empresas e políticos. As medidas que anuncia a conselleira de Educación, de extensión das clases en galego, anuncian un bo camiño, inimaxinable hai uns meses. É hora de turrarmos todos xuntos para gañarmos a mocidade. É hora tamén de que os pais castelano parlantes vexan como unha oportunidade para os seus fillos a escolarización no idioma galego: unha vía, que pola proximidade das linguas, non lle suporá problemas -hoxe xa estudan algunhas materias sen inconvenientes- e abriránselles as portas a un coñecemento real ao que se cadra eles non tiveron acceso. Mais tamén é hora de gañar a batalla de que a corrección lingüística fala, ás claras, do amor que se lle ten ao idioma.
Un, no ámbito particular, por suposto, pode chamarlle ao seu avó, "abuelo", se así se sente máis achegado a el, ao non usar unha palabra que co vello nunca empregou. Pero no exercicio dun cargo, na imaxe política pública, un debe ser un modelo a imitar: de honradez, de eficacia, de comportamento e tamén, claro, de uso de lingua. O presidente e os ministros de Suecia falan un bo sueco; os de Bulgaria, un bo bulgaro e así, o presidente e conselleiros da Xunta, teñen a obriga de falar un bo galego. Porque na construción da lingua estándar -e estamos na fase final do proceso- cómpre que os personaxes públicos sexan modelos de referencia para o pobo e os políticos teñen a obriga moral de selo. Non é cuestión de, como fai Pachi Vázquez, falar "como falou sempre"... posto que os niveis e rexistros da lingua existen por algo. Aos meniños non lles dicimos "gochi, gochi" para que coman, nin aos estudantes "abilloei..." para que entren nas aulas. Debemos "peneirar" a nosa lingua e usar o rexistro axeitado sabedores de que isto nos sinala como amantes privilexiados. Presidente, vicepresidente e conselleiros, deben facer os seus deberes en silencio na seguranza de que o poder político non outorga ciencia infusa.
¿E os Tonechos? Moito me temo que unha das razóns da súa popularidade é a utilización consciente, intencionada e xeneralizada do castrapo e da mestura de linguas, como vía de "aproximación" á xente. Ou sexa, abaixándose ao pobo... como, por certo, fan os humoristas todos. Pero para engaiolar a xuventude funcionan moitos outros referentes... Moitos han ler por primeira vez en galego co libro da perruqueira de Arcade. En calquera caso, graciñas Ana por eses 3.000 exemplares.



Deus a xuízo: unha controversia contemporánea

Acaba de chegarme, cheo de traballos interesantes, o último número de Grial (n.172). Contén un denso dossier sobre o tema que encabeza estas liñas e outros temas que podedes consultar nesta ficha. (Tamén unha recensión sobre o libro Laio polo irmán ausente. Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces, Galaxia, X.Alonso Montero (ed.), esta da miña autoría).

(Engadido, 2 febreiro: nun comentario a este post decidín incluír, para aqueles ós que non lles chegase aínda este Grial, que paga a mercar e conservar, o meu artigo sobre o libro preparado por Alonso Montero do epistolario arredor da enfermidade e morte de Castelao).

29 ene 2007


O fanatismo.
O escritor israelí Amos Oz recomenda dous camiños contra o fanatismo: “Primeiro, intentar crear esperanza, porque onde existe a esperanza, o fanatismo, aínda que se instale, estará freado desde dentro. Non podes derrotalo, pero está freado dalgún xeito. Logo: lembrar sempre que non podes loitar contra o fanatismo con fanatismo. Non podes derrotar a yihad cunha cruzada, porque a cruzada é xusto o mesmo que a yihad. Velaí o dicionario: a cruzada é o termo cristián co que se designa á yihad. O que hai que intentar facer é aproximarme á dor con compaixón, con humor, con empatía. A única maneira de defenderte contra o xene fanático é ter sentido do humor, porque o humor, o relativismo, é un antídoto: a habilidade para poder ver as dúas caras dun problema, dunha disputa. E ler boa literatura. Porque na boa literatura sempre descobres que non todo é branco ou negro”.
(Imaxe de Picasso, Gato cazando un paxaro)

















MALAS GENTES QUE CAMINAN
(La Región 29 xaneiro)
Con dúas conferencias de Suso de Toro e Benjamín Prado comezaron os XVII Encontros Literarios do Liceo arredor do tema “Literatura e Memoria”. A conferencia de Suso de Toro está colgada na web do Liceo e resumida no meu blog. Estas liñas vanse ocupar só da novela de Benjamín Prado (Madrid, 1961), “Malas gentes que caminan” (Alfaguara), título inspirado en versos de Machado.
Malas gentes. A última novela de Benjamín Prado trata dun tema moi pouco coñecido, ata agora, da nosa guerra incivil: o roubo de varias decenas de milleiros de nenos de presas republicanas entregados logo a familias do réxime (como moitas décadas despois farían as ditaduras militares de Chile e Arxentina). Un tema “que non sae nos grandes libros de historia” e que Prado documentou con detalle antes de poñerse a escribir. Estudou as leis que permitían o cambio de apelidos e o papel do Auxilio Social nese drama. Estudou as andainas de personaxes como Pilar Primo de Rivera, Mercedes Sanz Bachiller, Antonio Vallejo Nájera, Serrano Suñer, Eugenio D’Ors, o doutor Marañón, Manuel Machado, Benavente ou Camilo José Cela. Creou personaxes de ficción novos (como Dolores Serma) e remexeu na surrealista literatura do réxime: riuse moito no Liceo esoutro día con citas de libros como “Economía doméstica para el magisterio”. As mulleres debían esperar solícitas ós seus maridos, cambiarlles as zapatillas, deixarlles antes o baño e acceder ós seus pulos sexuais: quen redactaba aqueles textos que ata describían os “xemidos” da muller cando cumpría cos seus deberes conxugais?
Vallejo-Nájera. Contounos o autor de “Malas gentes que caminan” que un neto do doutor Vallejo-Nájera se dedica a coleccionar entrevistas co novelista en radios e televisións, quizais para adxuntar a unha posible querela. Do doutor-coronel, xefe dos servizos psiquiátricos do exército de Franco, xa teño falado nestas páxinas: convencido da euxenesia e da mellora da raza, cría que o marxismo era unha patoloxía e que debía ser erradicada se fose preciso liquidando os descendentes dos “roxos” (ata rematar co xen maldito). En 1956 pedía restaurar a Santa Inquisición, iso si, quizais retocándoa lenemente.
Ridruejo. Outro personaxe que lle causou problemas na novela foi Dionisio Ridruejo: por esa banda viñéronlle as críticas máis duras. Prado sostén que Ridruejo non foi un home tan modélico como se quixo presentar ás veces: a súa carta a Franco do 46 marca o seu distanciamento do réxime, pero sen renegar das súas posicións fascistas. Editou a Machado e utilizou a Lorca pero para manipular a súa obra poética. Publicou dúas veces un mesmo libro, “Poesía en armas”, porque coa segunda edición quixo facer desaparecer o primeiro, moito máis franquista. Nas súas memorias só dedica tres liñas a falar dos dezasete mil mortos que houbo en Valladolid cando el era xefe local de Falanxe. (Imaxe: cartel de Auxilio Social, de Saenz de Tejada)

Engadido (ás 17 horas): a conferencia de Benjamín Prado xa está disponible na web do Liceo. (Por se a alguén lle interesa: a gravación da charla de Suso de Toro, a semana pasada, foi consultada en só dous días por máis de cen persoas).

28 ene 2007




















CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1952, ATURUXO E XISTRAL

O ano 1952 veu marcado no noso país por unha gran fornada de libros. Foi o ano de Fardel do exiliado, de Luís Seoane, un dos grandes poemarios da etapa do exilio, libro que reconstrúe a historia dos emigrantes galegos dende coordenadas galeguistas e marxistas. E o ano de Fabulario novo, de Manuel Cuña Novás, influído polo existencialismo que o poeta coñecera en París e antecedente da Escola da Tebra. E de O paxaro na boca, de Luz Pozo Garza, poemario intimista que presenta á autora nas letras galegas. E tamén de Morrendo a cada intre, o segundo poemario dun novo Manuel María (o mesmo ano sacou tamén Contos en cuarto crecente e outras prosas).
Todos eles libros relevantes como tamén o foron os poemarios de Ricardo Carballo Calero, Poemas pendurados dun cabelo; a primeira entrega poética de Xosé Fernández Ferreiro, Ribeirana do Sil; o poemario Seara de romances, de Eliseo Alonso, ou Nouturnio de soidades, estrea en galego de Xosé Conde, e Íntimas, de Pura Vázquez, tamén o primeiro poemario en galego da autora ourensá. Sen dúbida, 1952 consolidou o papel do galego na lírica e abriu paso a unha nova xeración de poetas galegos, como moitos dos citados, que daban o salto definitivo da poesía en castelán ó noso idioma. Tamén en 1952 editábase en Galaxia o volume colectivo Sete ensaios sobre Rosalía, con artigos de Ramón Piñeiro (A saudade en Rosalía), Domingo García-Sabell, Celestino Fernández de la Vega, Rof Carballo, entre outros, volume fundacional do ensaio galego de posguerra xunto cos xa citados Cadernos Grial (1951). Galaxia aínda achegaba outros títulos fundamentais como o primeiro volume dunha Escolma de poesía galega (1198-1354), dedicado á lírica medieval trobadoresca e realizado por Xosé María Álvarez Blázquez, con limiar de Rodrigues Lapa; ou o libro Por os vieiros da saudade, de Ramón Otero Pedrayo, que recolle a experiencia da súa estadía en América cinco anos antes e o encontro coa Galicia emigrante e exiliada de alén-mar.

Foi tamén o ano da colección de poesía Xistral e da revista Buenos Aires Literaria. E cando Alejandro Finisterre bota a andar a revista-colección Ecuador 0º, o', 0'', e cando se crea en Madrid unha tertulia de escritores galegos no Café Lyon d' Or, ó abeiro de Ramón Cabanillas, "Ben-Cho-Shey" e Faustino Santalices.
(Nos debuxos, un anuncio da época na revista Galicia, de Caracas, e unha portada de Aturuxo, con deseño de Isaac Díaz Pardo: por certo, noraboa por esa merecida homenaxe).
O artigo completo aquí.


27 ene 2007

Un debate pendente: o papel dos intelectuais no noso país? (Convite ó debate)

Un amable lector deixou nun dos fíos anteriores esta suxerencia, que eu recollo só para abrir o debate. Opinen vostedes, se lles parece útil ou pertinente (eu xa opinarei co meu comentario tamén):

A cuestión é, e iso daría para que o amigo Marcos abrise outro tema de debate: Que intelectuais, homes de letras ou pensadores galegos poden ser hoxe referentes para a opinión pública e a cidadanía deste país? Existen entre nós auténticos intelectuais comprometidos con capacidade de intervir no debate público máis alá das tomas de posición de opinantes e opinadores xornalísticos, blogueiros (coma nós), persoeiros con asento simbólico-institucional ou pedigrí biográfico (poñamos por caso: é Villares un referente nese senso? Éo Díaz Pardo ou Fernández del Riego?), ou escritores máis coñecidos por como din as cousas fermosamente (p. ex., un Manolo Rivas) que polo que realmente din no fondo? Témome que non. E ese baleiro, que a sociedade ou a cidadanía tamén percebe, ha ser enchido por alguén. (Anónimo)

Benjamín Prado: La literatura es lo contrario del olvido

Tamén me gustou a conferencia de Benjamín Prado no Liceo, nos Encontros Literarios. Hai un pouco almorzaba con el no Hotel San Martín e despedíao nun taxi dirección a Vigo. Colgarei aquí as miñas impresións, pero de momento deixo esta entrevista que aparece hoxe no Faro de Ourense (a foto é do amigo Pepe Trebolle, presente no acto e que conta cunha excepcional biblioteca e cunha amplísima colección de libros dedicados por escritores galegos e españois).

Benjamín Prado, novelista, ensayista y poeta que hoy participa en los Encontros Literarios del Liceo: "No se puede estar a la misma distancia de Lorca que de Franco"
"No se debe olvidar la dictadura ni considerar intocables a ciertos personajes de España". (A.Méndez / Faro de Ourense )

El novelista, poeta y ensayista Benjamín Prado participó ayer en los Encuentros Literarios que organiza el Liceo y la Fundación Carlos Casares. En una edición dedicada a la memoria histórica, el escritor madrileño abogó por no olvidar el pasado y defendió la literatura comprometida, pues entiende que "escribir sin tomar partido por la verdad y la historia es una pérdida de tiempo".- Se le considera un escritor comprometido.
- ¿Qué le parece un encuentro literario dedicado a la memoria?
- Una cita muy importante y una idea magnífica, casi diría que un ejercicio de necesidad. No sólo considero que sin memoria no hay literatura, sino que pienso que sin ella no puede haber historia ni país. Recordar el pasado es un ejercicio fantástico y todos debemos convencernos de que buscar la verdad no es un intento por abrir viejas heridas, sino la mejor solución para cerrarlas de forma definitiva.
- ¿En qué sentido puede ayudarnos el recordar sucesos negros de nuestro pasado?
- La historia hace mala pareja con el olvido y una combinación perfecta con la verdad. Conocer nuestra trayectoria y los errores cometidos nos puede ayudar a decidir con claridad a dónde no queremos volver.- Viene a hablar de su libro "La literatura es lo contrario del olvido".
- ¿Qué reivindica con esta obra?
- Este libro recuerda a los niños robados por la dictadura en el bando de los republicanos. Un día me paré a pensar en que asociamos la figura de los desaparecidos a Argentina o Chile pero nunca a España y me di cuenta de que no sabía nada de estos niños robados. Me parece importante escribir y hablar sobre ellos porque estoy convencido de que no debería haber instituciones, hechos ni personas intocables.
- Viendo su vena comprometida, ¿no se siente un bicho raro en la literatura?
-Soy consciente de que hay una cortina echada sobre ciertos temas del pasado de España y que no se ha hecho la suficiente reflexión histórica. Sin embargo, personalmente opino que escribir sin contar la verdad ni opinar es una pérdida de tiempo. Como escritor, considero un placer que te escuchen y hay que aprovechar ese foco de atención para expresarse con libertad.
- Por sus palabras puedo deducir que no tiene buena imagen de las personas políticamente correctas...
-Dice Mario Benedetti en uno de sus poemas que odia a los neutrales y yo soy de la misma opinión. En esta vida uno no puede estar a la misma distancia de Lorca que de Franco, o de Pinochet y los desaparecidos. La neutralidad y la equidistancia no van conmigo. Por ejemplo, hoy nadie escribe sobre inmigración y yo lo he hecho porque no se puede dar la espalda a esta tragedia. Prefiero peor categoría literaria y más verdad que olvidar un tema.




POLO RESPECTO ÁS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO
(Andoliña, Galicia Hoxe, 27-I-07)

Celébrase hoxe o Día Mundial en lembranza das vítimas do Holocausto, cando se cumpren 62 anos da liberación do campo de exterminio de Auschwitz polo Exército Vermello, o 27 de xaneiro de 1945. O Parlamento catalán celebrou un acto conmemorativo coa presenza de Jorge Semprun e de varios superviventes do gueto de Budapest e antigos deportados a Buchenwald (http://www.galiza-israel.blogspot.com) e tamén o Parlamento español fixo algo similar. Ante o horror do xenocidio perpetrado polo réxime nazi contra o pobo xudeu, temos a obriga moral de non esquecer as vítimas, seis millóns de mortos, dun dos episodios máis execrables da historia da humanidade.
As institucións europeas planean estender a toda Europa as leis que condenan o revisionismo negacionista a favor dos nazis: oxalá este tipo de leis non fosen necesarias, pero calquera prevención é pouca cando falamos de crimes tan monstruosos como os que protagonizou o réxime de Hitler: "É un horror tan grande que nunca se debería comparar con nada por evitar o risco da banalización", dixo con acerto Carod Rovira no Parlamento catalán. Só desde ese respecto poderemos de verdade construír unha cultura de democracia, liberdade e paz.

26 ene 2007







Papeleira de reciclaxe:
Galeguismo e Universalismo en Plácido Castro.

O meu interese pola figura de Plácido Castro non é de agora. Recupero este vello artigo, publicado en O Correo Galego, o 25 xaneiro 2002, con motivo do seu centenario.

Cúmprese hoxe o centenario do nacemento de Plácido Castro del Río, que veu ó mundo en Corcubión un 25 de xaneiro de 1902. É un nome que empeza a ser recoñecido, sobre todo desde 1997 en que o investigador Xulio Ríos publicou unha breve e densa biografía deste personaxe (Ed.Ir Indo). No propio subtítulo daquel libro estaban sintetizadas as claves que o definiron no seu tempo: un intelectual humanista, liberal e cosmopolita, símbolo das arelas de universalidade do nacionalismo galego de preguerra. Educado en Gran Bretaña, dandi e librepensador, de oficios e aficións múltiples, foi publicista e músico, político e escritor, erudito e xornalista, traductor, astrónomo e profesor de inglés, foi tamén a voz galega da BBC nas emisións da cadea británica cando o franquismo convertiu en silencio toda a Galicia interior.
Foi coautor, con Lois Tobío e Delgado Gurriarán, das traduccións incluídas no volume “Poesía inglesa e francesa vertida ó galego” (1949, Editorial Alborada de Bos Aires). Pese a todo isto, foi un nome esquecido antes desta biografía, quizais por ser sobre todo home de praxe e pensamento. A súa militancia galeguista exténdese desde as Irmandades da Fala ata o Partido Galeguista, onde desempeñou desde moi cedo funcións directivas e o cargo de Secretario de Relacións Internacionais, representando ó galeguismo no IX Congreso de Nacionalidades Europeas cando Galicia buscaba unha imaxe simbólica coa que presentarse ante o mundo como nación europea.
Lembro ler hai anos unha entrevista coa filla de Plácido, Susi Castro Sineiro, na que ela mesma afirmaba, laiando o esquecemento da figura do seu pai, que fora un dos galeguistas que militaron no etcétera; quérese dicir, dos que se citaban sempre –ou mellor dito, quedaban case sempre sen citar- tras Castelao, Otero, Bóveda e un longo etcétera. Porque debemos ser conscientes que neste etcétera hai varios centos de vidas que están a ser recuperadas con plena xustiza. Pouco a pouco, porque a historia da Galicia recente vaise facendo así, de vagariño, Plácido Castro empeza a ser coñecido e sabemos así da complexidade do seu pensamento e opinións políticas e económicas, porque tamén o galeguismo republicano foi máis complexo do que podería facer crer unha mirada apresurada.
Admirador de Inglaterra, Plácido Castro foi un galeguista defensor da tradición política inglesa, celtista e antibolxevique, demócrata convencido e pacifista que esixía reclamar as responsabilidades dos políticos que desencadean os conflictos armados. Escéptico ante un urbanismo asoballante, cooperativista nos seus planteamentos económicos, para Xulio Ríos tampouco pode ser situado na ponla máis próxima á esquerda do galeguismo, ó carón de Tobío ou Seoane, anque participase no despacho xurídico-laboral que Seoane tivo na Coruña en 1934.
O seu labor xornalístico en defensa dun “nacionalismo de paz” foi moi intenso e a súa firma achegouse a “El Pueblo Gallego”, “Céltiga”, “A Nosa Terra”, “Informaciones” de Madrid, “Ser” de Compostela, “Jornal de Noticias” do Porto, “Galicia Emigrante” ou “Faro de Vigo” xa na posguerra e nos anos 60. Moitos deles están incluídos no monográfico especial que sobre Plácido Castro figura na páxina web do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (www.igadi.org), co cal Xulio Ríos e os responsables do Igadi facilitan xenerosamente o achegamento dos estudiosos á obra do escritor; tamén na rede, no mesmo lugar, hai estudios sobre a súa obra política (X.Ríos), sobre as súas posicións ó respecto de Irlanda (F. Pérez-Barreiro Nolla), sobre o seu labor como traductor (V.Araguas) ou sobre o seu xornalismo en “Faro de Vigo” e os seus artigos de crítica social (D. Reinoso). Traballos todos de referencia para afondar na figura dun galeguista universalista que puxo os cimentos dunha posible política internacional para o nacionalismo galego.
Para a historia dos empresarios galegos
Un repaso á historia constata o afán emprendedor dos galegos (Titular de El Correo Gallego). Un libro da Fundación Caixa Galicia rescata do esquecemento os pioneiros na loita contra o atraso económico da autonomía. A contribución destas 24 figuras impulsou sectores como a cerámica, pesca, carne, conservas, naval, banca ou enerxía.

S. Riveiro informa en El Correo Gallego deste estudo que ten moi boa pinta, sobre todo porque está a cargo de historiadores tan recoñecidos como R. Villares Paz, X.R. Barreiro Fernández, Xoán Carmona, Xosé R. Quintana Garrido, Lois Domínguez Castro, Luís Álvarez Alonso, Alberte Martínez, Ricardo Gurriarán ou María Xesus Facal.




















A sensibilidade poética de Plácido Castro
por María do Cebreiro (en esquema)

Gustoume a conferencia de María do Cebreiro sobre o tema que aquí cito como título. Era a VIII Conferencia Anual Plácido Castro e celebrouse en Ourense: houbo pouca xente, porque competimos con J.M. de Prada falando contra a lei do tabaco noutra sala. E foi unha mágoa porque a xove poeta demostrou posuír rigor analítico e unha fonda capacidade expresiva e pedagóxica (quizais herdada en parte da súa nai, Helena Villar; non sei se tamén do pai, porque a Xesús Rábade non o teño escoitado disertando en público). Estaba na mesa con ela e só puiden anotar unhas breves liñas dalgúns puntos que me pareceron de interese. Sospeito que poden interesar a algúns dos lectores/as destas UVAS e por iso as transcribo aquí, para consulta de todos/as. En esquema.

Plácido Castro fixo o primeiro ensaio de literatura comparada contrapoñendo as obras de Rosalía de Castro e Cristina Rossetti (irmá do pintor) e a propósito das relacións cos prerrafaelitas desta última
O celtismo como unha das bases do seu pensamento
Loubanza da imaxinación e rexeitamento do materialismo
Estudos sobre Omar Kahyam, o astrónomo e poeta
Plácido Castro no intuicionismo: a obra literaria como coñecemento transcendente
Concepción da literatura como ponte entre a ciencia e a arte
Relevancia dos seus traballos como crítico literario
A saudade como instinto de vida, como desexo e como motor de busqueda (non como sentimento tráxico, como queria Nóvoa Santos)
Avanzou aspectos importantes da concepción crítica sobre Rosalía e a súa obra: da importancia da figura materna na súa vida, rexeitamento da idea dunha Rosalía iletrada, implicación sociopolítica da súa poesía
Importancia do seu papel como tradutor, entendendo tradutor como recreador
A súa tradución (con L. Tobío) dos poetas ingleses ó galego: o poema “Destrución das nacións” de Thomas Hardy, no que se poden albiscar pegadas da experiencia da guerra ou do exilio
O celtismo como clave do seu interese polos poetas irlandeses
Elementos de vangarda presentes na súa poesía (esta escasa), algúns en relación directa con Manuel Antonio.
A interese dun estudo conxunto (isto saiu no coloquio, cunha pregunta miña) comparando os mundos ideolóxicos de Plácido e Otero, tendo en conta o papel substancial do catolicismo neste e unha máis complexa posición relixiosa en Plácido (perto do agnosticismo e lonxe do materialismo, chegou a dicir algo así como que a Fe do futuro sería a fe dos soños e da imaxinación)








Boas persoas.

Quizais o chorado Kapuscinski puxo o listón moi alto. Chegou a escribir isto: “Creo que para exercer o xornalismo, ante todo, hai que ser bos seres humanos. As malas persoas non poden ser bos periodistas. Se se é unha boa persoa, pódese intentar comprender os demais, as súas intencións, a súa fe, os seus intereses, as súas dificultades, as súas traxedias. E converterse en parte dos seus destinos”. Reclamaba o gran reporteiro polaco a empatía do xornalista coas persoas das que estaba a contar a súa historia. Ese “contar cos outros” deseña a cerna de toda unha ética da comunicación: “non hai periodismo posible á marxe da relación cos seres humanos”. Cada nova incursión no mundo deste xenial xornalista aporta algunha sorpresa: por exemplo, no blog DPaso sublíñase esta súa excepcional reflexión: “A maior debilidade da cultura: que é incapaz de deter o asasinato”.

(Imaxe: Muller sentada nun sillón, de A.Lhote)

25 ene 2007


María do Cebreiro

Hoxe vai estar no Liceo, en Ourense, nun acto da Fundación Plácido Castro e do IGADI falando de Plácido Castro como tradutor.
Tócame presentala, por petición dos amigos do Igadi, e estou nestes momentos preparando unhas palabras axeitadas.
Para inspirarme leo tamén algúns dos seus poemas. Velaí unha pequena mostra:

A orixe

Nacemos, case todos, no hospital
(separados da casa).

Velarlle o sono a alguén que está enfermo de morte
Supón non terlle medo a deitarse coa morte.

Así lle fala á cámara unha inmigrante eslava:

“En Madrid estoy sola.
El amor que tengo se lo doy a los niños que cuido”.

(Non queres que o poema te coñeza)


24 ene 2007

Libro de Estilo I [Gramática visual] . Consellos para escribir nun blog (do obradoiro de Hernán Casciari)
Os títulos non levan puntos (como na prensa)
Non se debe abusar das maiúsculas nin das negriñas
O importante é o golpe de vista do lector
Parágrafos breves e divididos a dobre espazo. De cinco a sete liñas. Nunca máis altos que anchos. Hai que evitar parágrafos bloque (dobre enter para dividir cada parágrafo).
O punto e aparte ten unha función visual ademais de gramatical
Hai que evitar as liñas de máis de 70 carácteres incluídos os espazos.
(extraído de www.llamaloperiodismo.blogspot.com, 9 febreiro 2006)






Morreu o mestre

Estamos ante unha situación nunca vista ó longo da historia: Estados Unidos non se limita a exportar a súa cultura, senón que ademais saca diso pingües beneficios, inferiores só ós que dá a industria armamentista. "Globalización" adoita identificarse coa aspiración a facerse con mercados onde colocar produtos propios. Polo xeral pénsase en automóbiles e alimentos, esquecendo estoutro aspecto fundamental: a globalización permite á cultura norteamericana acceder a moitos mercados locais. Xa o plan Marshall contiña un artigo que sancionaba a presenza en Europa da industria estadounidense de entretemento. Jerzy Jedlicki definiu con moito acerto este estado de cousas ó chamar ó mundo provincia de Norteamérica.

(...) A globalización non é global porque abrangue case exclusivamente o Norte, onde se concentra o 81 por cento da inversión estranxeira.

Ryszard Kapuscinski, El mundo de hoy, Anagrama, 2004.

O estudo onde escribo está ateigado de libros: semella que se multiplican por si mesmos e soben polos anaqueis das paredes como edras de primavera. Perto do portátil que estou a usar hai varios títulos de Ryszard Kapuscinski: están aí dende hai anos, sempre ó alcance da man. Debémoslle moito a persoas que non coñecemos nin coñeceremos nunca: algunhas porque viviron noutras épocas e só nos deixaron os seus libros. Desa liñaxe era este xenial reporteiro polaco, premio Príncipe de Asturias de Comunicación e nome imprescindible para entender o noso mundo. Limos os seus libros co pulo xuvenil co que os mozos se achegan ás novelas de aventuras: “Ébano”, “El Sha”, “El mundo de hoy”, etc., escritos cun estilo impecable, transparente. Rematarei esta nota e volverei ós seus libros: seguro que encontrarei neles algunha idea nova que subliñar. E por iso doulle as grazas.

Algunhas referencias posibles na rede:
Ideas sobre o bon periodismo
Testemuña do século XX (na Fundación Nuevo Periodismo Iberoamericano, 2000)
Reflicten os media a realidade do mundo?
Un artigo de Ignacio Ramonet

Na rede "galega" e na prensa falan do mestre, entre outros: Brétemas, Cabrafanada, Dpaso, Miguel Anxo Fernán-Vello.


Suso de Toro en Ourense

Teño escoitado moitas veces a Suso de Toro en privado, en grupos de pequenos amigos, e unhas cantas en actos culturais e presentacións de libros. (Temos un historial común en moitas cousas, que quizais conte algún día: coincidimos na Facultade, non coincidimos na militancia inicial, si anos despois noutras lerias políticas, e noutras aventuras profesionais, ata nunhas oposicións de galego). Pero, das veces que lle oín falar, poucas veces estivo tan brillante como o martes no Liceo ourensán, a onde acudiu a falar da “Literatura e a Memoria”. Asistiron 130 persoas, o que non está nada mal (hai anos presenteille un libro a Suso, supoño que el se lembra, en acto organizado pola Federación de Libreiros e estabamos os dous e tres amigos, Benito Losada e o matrimonio Maruxa Guitián e Arturo Pardavila, amigos de Suso: nin sequera foran os convocantes do acto!!).

Cun breve esquema dun folio diante, desenvolveu un discurso moi ben articulado sobre as relacións entre a literatura e a historia. É difícil resumila e non o vou facer (por sorte a charla quedou gravada), só podo destacar agora algunhas notas que foi deitando aquí e alá, como estas (as expresións non son literais, espero que o espírito do contido si) :
“A infancia e a adolescencia son o tesouro do que se alimentan todos os escritores. No mundo moderno os escritores ampliaron as súas formas de coñecer a realidade, a través do poder dos medios de comunicación. Pero narrar esixe vivir previamente, empatizar con aquilo que se está a contar.
A vida é cíclica. Os nenos traballan coa imaxinación e os adultos queren traballar coa razón. Pero ó cabo os vellos volven á imaxinación e á memoria. Somos seres de imaxinación e non de razón. Funcionamos co piloto automático, como cando conducimos, e a mente traballa soia pola súa banda. Só unha pequena parte do tempo do día (unha hora?) conducímonos dende a razón.
A novela da guerra civil estana a contar os netos. Cada xeración debe cumprir o seu papel. A dos nosos pais abondo fixo con sobrevivir e criarnos a nós, darnos de comer, educarnos, prepararnos. Na literatura, os que se achegaron á guerra civil, como Casares ou Fernández Ferreiro, naceron máis perto do horror e deron conta do que coñecían, cumpriron o seu papel. Nós debemos educar ós nosos non no medo, que se transmitiu xeneticamente na xeración dos nosos pais, senón aprendendo a vivir e a ser libres.
Os escritores que hoxe escribimos sobre a memoria queremos recuperar o que nos foi ocultado, sacar á luz os cadáveres da historia. Somos como os que buscan e levantan os mortos das fosas comúns para darlle un enterro digno. Nós facemos o mesmo coas palabras.
Nunca tanto odio, na historia de España, se concentrou nunca soia persoa, como neste momento contra Zapatero. Nin sequera Felipe González foi sometido a un acoso semellante”


Tamén houbo, como era de temer, a intervención do reaccionario local omnipresente, que todo fachendoso se puxo a defender a Sección Femenina, dicindo que fixera cousas boas. O Suso saíu ben tamén deste reto, respondéndolle algo así: “Home, cando a fame e a miseria é extrema, se alguén che dá un pratiño de caldo, pois, logo, se eres un neno orfo (quizais por culpa da guerra), pois quedas agradecido, claro”.

A cea-tertulia posterior, ata as 12,30 da noite (case todos traballamos ó día seguinte), estivo chea de confidencias e interesantes intercambios de información (asistían Segis Bobillo, Xoán Fonseca e J.Luis Troitiña, do Liceo; o arquitecto Emilio Fonseca e a súa dona Concha, inspectora de educación; o profesor da Universidade Romaní, eu n irmán de Suso que é un médico de moito prestixio na cidade de Ourense (foi, ademais, médico do meu pai e do meu avó).
Houbo lembranzas dos tempos do Prestige e Nunca Máis, interese de Suso por saber qué pasa en Ourense (“os ourensáns estades asolagados baixo un mar de sometemento, sodes un caso particular no país”) e sobre a situación política hoxe en Galicia (poderiase resumir naquela cantiga popular de “Todos queremos máis...”). Falouse abondo de Zapatero e das súas formas de gobernar e comunicar a información ós seus achegados e colaboradores. De Rajoy saiu a súa vergoña e ocultamento do seu avó galeguista (do que se publicou recentemente un libro) e dun seu tío, “Choncho R.”, que seica foi un HSN e é outra das tradicións das que vén Mariano.
Contou tamén que Rajoy lle dixo persoalmente a Zapatero, nunca entrevista entre os dous, isto: “A mi no me obliga nadie a hablar en gallego”. E do mundiño literario, cen mil anécdotas, non reproducibles todas; cito só algúns dos nomes que sairon ó longo do faladoiro: Juan Marsé, Fernando Savater, Antonio Elorza, Antonio Muñoz Molina, Luis Alberto de Cuenca, Luis Racionero, Lucía Etxchebarría, Juan Manuel de Prada, Manuel Vázquez Montalbán, Andreu Martín, Bernardo Atxaga, etc.
(A foto do escritor é de Tino Viz e do Arquivo Xerais.
Podedes, ademais, escoitar a conferencia enteira, na páxina do Liceo: http://liceodeourense.com, pulsando no botón Noticias).



Nimbos.

Tense dito que os poetas son dalgún xeito os videntes dunha realidade que o resto dos mortais non percibimos coa mesma claridade. E ás veces semella que iso é certo: velaí o coñecido poema de Xosé María Díaz Castro, “Penélope”, que retrata unha Galicia estantía, parada no tempo, en busca dunha esperanza que nunca chega: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza,/ i a tea dos teus soños non se move. / A espranza nos teus ollos se esperguiza./ Aran os bois e chove”. Hoxe xa non hai bois na Galicia rural, pero o espírito do poema non anda moi lonxe do que moitos sentimos nestes días: Galicia Penélope seguirá a agardar. Precisamente nestes días Galaxia ofrece unha nova reedición de “Nimbos” (1961), ese excepcional poemario de Díaz Castro. Cada páxina, cada poema, cada verso, gardan no seu seo unha sorpresa que nos cega: “A lus do mundo é a que arde nunha bágoa”.
(Pan por Pan, 24 xaneiro. Ilustra o texto un retrato do poeta e unha imaxe de Frieidrich)

23 ene 2007

pan e coitelo
Galiza, rexión europea do mundo occidental
El Correo Gallego 23.01.2007, de XOSÉ MANUEL SARILLE


Totalmente de acordo co artigo de Sarille hoxe no Correo. Este é o remate:
Definir Galiza a estas alturas como rexión histórica do mundo occidental é unha trangallada que nin nacionalidade histórica é. Esta ocorrencia, talvez buscada ou talvez non, ten como utilidade principal devolver a idea de Galiza aos tempos anteriores á democracia, nos que legalmente só existían as rexións.
Pouco galeguismo é este, que responde exclusivamente ás ordes enviadas desde a xefatura madrileña. Botamos de menos a Fernández Albor, os discursos nos que falaba da nación galega e a súa asistencia ás manifestacións na que se reivindicaba o deber de coñecer o galego. E lembramos a Cuíña, que nunha visita a un partido nacionalista se confesou ao borde mesmo da autodeterminación.

LITERATURA E MEMORIA
XVII ENCONTROS LITERARIOS DO LICEO DE OURENSE

Martes, 23 xaneiro (20,15 h.), SUSO DE TORO, “Memoria e Literatura”
Venres, 26 xaneiro, BENJAMÍN PRADO, “La Literatura es lo contrario del olvido”
Martes, 30 xaneiro, JOSE M. CABALLERO BONALD, “La novela de la memoria”.

Todas as conferencias terán lugar no Salón Nobre do Liceo Ourensán.
Patrocinan os actos a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo, a través da Cátedra Carlos Casares.
Organización: Marcos Valcárcel, director da sección de Literatura do Liceo, e José Luís Troitiña.

Inicia hoxe o Liceo os seus Encontros Literarios, xa na súa XVII edición e co patrocinio da Deputación e da Universidade de Vigo, a través da Cátedra Carlos Casares. De feito foi o propio Carlos Casares o gran promotor e mantedor do seu espírito dende que se iniciaron, aló por 1990. Nos últimos anos escollemos un tema monográfico e ningún tan de actualidade como o que nos convoca nesta ocasión: “A Memoria e a Literatura”. Sobre iso disertarán Suso de Toro (hoxe), Benjamín Prado e José Manuel Caballero Bonald. Os tres teñen obra recente que xira arredor da Memoria. Ou das memorias, porque unha cousa é a memoria dos historiadores (construída e investigada), outra diferente a memoria dos escritores e aínda outra a das persoas comúns, a de cada individuo. O que é seguro é que, destas tres voces, aprenderemos moitas cousas.
(La Región, 23 xaneiro)

22 ene 2007

Unha voz crítica

Carlos París pasou esoutro día polo Foro do Faro de Vigo, presentado por Ferrín. Hoxe o xornal trae unha interesante entrevista con el : unha páxina católica de dereitas (non lle vou facer propaganda co seu nome) pide mandar cartas de protesta porque Carlos París dixo na súa charla que o Papa Wojtyla cometera un crime contra a Humanidade rexeitando o aborto e o preservativo.
Entrevista: "Manteño unha postura crítica fronte á transición española".




Un escultor que sempre me gustou

Albino Mallo publica hoxe en El Correo Gallego unha entrevista con el.

CINCO PREGUNTAS, ALGUNHAS RESPOSTAS
(La Región, 22 xaneiro. Imaxe: "O ollo inocente", Mark Tansey, 1981).
1. Por que o Partido Popular de Galicia bloqueou sine die a reforma do Estatuto galego? Iso foi o que sucedeu, sen dúbida. Para achegarse ós populares, no preámbulo proposto por Touriño nin sequera constaba o concepto expreso de nación para Galicia: só unha alusión á vixente Lei de Símbolos “que recolle a formulación do sentimento galeguista (...) falando do fogar e da nación común dos galegos”. O Bloque cedeu máis do que podía conforme ós seus principios e ó seu electorado. Os socialistas fixeron todo o posible para chegar ó consenso. Pero os populares mantiveron as súas posicións férreas, máis pechados que nunca: dito doutro xeito, coas posturas que mantivo Núñez Feijoo sería imposible poñer en marcha a Reforma Democrática no ano 77 e o mesmo Estatuto que se votou no ano 80.
2. Pódese planear unha reforma do Estatuto que, en vez de ir cara adiante, vaia cara atrás? A consigna do PPG era nidia: que non se mova nada e, se algo se move, que sexa en sentido retroactivo; de feito, a proposta popular tiña mesmo algúns riscos inmobilistas co propio espírito autonómico de hoxe e negábase na práctica a recoñecer a Lei de Símbolos aprobada por todos os grupos no Parlamento Galego.
3. Ulo o ata agora chamado sector galeguista do PP galego? Debería pensarse que ante tal aldraxe, non menor que a se quixo consolidar en 1977, sequera os sectores galeguistas do partido de Núñez Feijoo amosarían o seu descontento. Pero non: agora non se pechan nun piso a reflexionar. Silencio. O único en reaccionar, o defenestrado Cacharro Pardo, ponse máis papista que o Papa: para xustificar o desatino, acusa ós socialistas de venderse ó separatismo.
4. Por que os populares, tanto en Galicia como en España, prefiren manter distancias infranqueables co conxunto dos partidos? Primeiro, porque non están habituados a facer oposición, o seu é gobernar. Segundo, porque no fondo non aceptan que non sexan eles os que gobernan: sexa polo 11-M, sexa polo pacto socialista-nacionalista na Xunta, séntense aínda os vencedores en ambas eleccións e optan por deslexitimar na práctica os gobernos centrais e autonómico. Sobrarían razóns para facer unha boa oposición, en Madrid como en Compostela (ambos gobernos cometen erros abondo), pero non se trata diso.
5. Por que o PP mantén esa política de obstrucionismo que, en calquera outro contexto político, por exemplo en Cataluña, significaría a súa desaparición case total do mapa político? Quizais porque os seus estrategas pensan que tal comportamento non lles vai significar un elevado custe electoral no seu celeiro habitual de votos. Oxalá se equivoquen. Pero ó mellor ata no se equivocan ...

21 ene 2007

Queren afogar ó Isolino... ?

Dende o sábado pasado o Isolino, do Xaquín Marín, anda máis afogado: quitáronlle a mitade do espazo. A min paréceme moi mal e xa mandei unha carta de protesta na web de La Voz de Galicia (cart.director@lavoz.es). Por que non facedes todos os lectores/as o mesmo? Quizais logremos algo entre todos. E cando menos que quede claro o noso disgusto.

Dende Ourense mando a miña máis enérxica protesta pola nova diminución de espazo da sección "O lecer de Isolino", de Xaquín Marín, un dos grandes do humorismo galego. Xa se lle reduciu noutra ocasión dunha viñeta de tres corpos a outra de dúas, que agora quedan nun só corpo. Paréceme inxusto para a calidade do autor e os seus moitos lectores/as. Saúdos cordiais.



























Sen comentarios...

Un amigo mándame dende A Coruña estas dúas imaxes. Pois iso, sen comentarios. Comenten vostedes, se queren, que eu quedei un pouco deprimido ó velas ...
CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1951, O ANO DOS CADERNOS GRIAL, DA REVISTA POSÍO.ARTE Y LETRAS E DALGÚNS GRANDES LIBROS
(O artigo completo)
Fundada un ano antes, a Editorial Galaxia era moito máis que unha editorial. Como un equipo colectivo en pro da restauración cultural do país, o grupo Galaxia pon en marcha os Cadernos Grial, dos que sairán catro números ata 1952, titulados Presencia de Galicia; Pintura actual en Galicia; Presencia de Curros y Doña Emilia e Aspectos económicos y jurídicos de Galicia. Por imposición oficial os números eran bilingües pero aínda así foron pechados pola censura, a través do Director Xeral de Prensa, Juan Aparicio, temeroso do que supuña a nova iniciativa na reorganización do galeguismo, mesmo no plano cultural. Neles apareceron ensaios de gran relevo como ‘Significado metafísico da saudade’, de Ramón Piñeiro; ‘Notas encol dos pintores galegos’, de Ánxel Xohán, ‘A estética da fotografía popular’, de Carlos Maside, ou ‘Anotaciones sobre la creación artística’ de Luís Seoane. No conxunto dos cadernos escribiron tamén Alonso Montero, Carballo Calero, José Luis Varela, Sebastián M. Risco, Xaime Isla Couto, Valentín Paz Andrade, Fernández del Riego, Xohán Ledo, etc. Do mesmo ano 1951 é o primeiro libro da Editorial Galaxia, Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, aparecido o 16 de abril. Tamén sae en Galaxia, en castelán por razóns administrativas, o Manual de historia de la literatura gallega, de Fernández del Riego.
Tamén en 1951 pechaba a súa andaina a excepcional colección de poesía Benito Soto en Pontevedra, con tres novos títulos: As canciós dise amor que se diz olvido, de Juan Pérez Creus; Follas dun arbre senlleiro, do poeta noiés Manuel Fabeiro Gómez, e Musa alemá, quince poemas alemáns traducidos por Antonio Freijeiro e recreados por Celso Emilio Ferreiro; ademais o de Celanova inicia unha curiosa sección no Faro de Vigo titulada ‘La jaula de los pájaros raros’.
Do mesmo ano é A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero, unha das primeiras novelas relevantes da posguerra que volve sobre o mundo dos pazos e a fidalguía. E nesas datas saen á luz volumes como Penas son cantares, en castelán, de Xosé Conde; Doas de vidro, de Faustino Rey Romero, e tres poemarios en castelán de Pura Vázquez (Madrugada fronda; Desde la niebla; Columpio de luna a sol). Outro libro ben fermoso do 51 é o Cancioneiro da poesía céltica, premiado nese ano nun concurso de traducción convocado por Bibliófilos Galegos e realizado por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, do libro Altkeltische Dichtungen, publicado por Julius Pokorny en Berna en 1944.
(Ademais, lían os seus discursos de ingreso na Real Academia Galega Ramón Villar Ponte, Xoaquín Lorenzo e Xesús Ferro Couselo).
















As máscaras de Cronos

(Na foto, a astuta Rea dálle envolta en panos unha pedra a Cronos, para así poder salvar o seu fillo Zeus).
O pasado xoves presentamos en Ourense, no Liceo, o libro As máscaras de Cronos. Poemas, 1994-2002, (Xerais), de Ramón Caride Ogando. Acompañamos ó autor o editor Manuel Bragado, o escritor e amigo Xerardo Méndez e tamén este cronista. O volume recolle a obra poética do autor dende o ano 1994 e inclúe os libros xa publicados Cerne das labaradas (Espiral Maior, 1994); Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés da Deputación da Coruña, 1998) e Diacrónica (2002), ademais dalgúns poemas inéditos. Teño a honra de ter participado no xurado que lle concedeu o premio Cidade de Ourense en 1994, ó carón de Fernán Vello e outros amigos. Deixo aquí, para os lectores/as, dous anaquiños de dous dos poemas que máis me gustaron:

O noso único anseio foi arder no teu lume
Morrer facendo o amor como os deuses mesmos
As fírgoas das persianas escoaban
Un sol gastado veciñal de patio
Mais pra nós era a luz da creación
Aquelas madrugadas non había montes mais doces
Que a herba mol dos teus peitos espidos
E a calor da túa vulva era o quentor
Que defendía de novas glaciacións o mundo
Non tiñamos aínda medo das metáforas
Arder era o noso único obxectivo.


O poema do mar que se sulaga
No abismo da realidade e do anseio,
O poema do mar que maza escumas
No espello fuxidío dos teus beizos,
O poema do lar que quenta aos homes
E pon faíscas de luz nas túas pupilas,
O poema do instante que xa non é
E sen ser foi e non voltará nunca,
Hai milleiros de poemas por facer aínda

E non obstante todo está xa dito

20 ene 2007


Faíscas

Que foi daquel rapaz que tocaba a guitarra nas asambleas de Fonseca?

O blog estame a servir para facer novos amigos e amigas, para aprender moito dos contertulios que aquí acoden a cotío ou de cando en vez e mesmo para remexer o faiado toldado da memoria.
Hai uns días Xosé M. González lembraba os anos de Compostela e o seu traballo naquela Nova Canción Galega. Ben, pois, veume á memoria esta anécdota que aquí incorporo para compartir entre todos.
Setembro de 1975. Chegan a Compostela catro rapaces de Ourense, procedentes do Instituto Masculino, con moitas gañas de coñecer o mundo e descubrir novas realidades: son eles Bieito Iglesias (hoxe escritor), Benito Alonso “Roi” (hoxe historiador), Xoán Guerra (futuro sindicalista) e este cronista. Viñamos xuntos do mesmo COU, un ano polémico: as celulosas en Ourense, primeiras manifestacións importantes da pretransición, profesores comprometidos coa democracia e co galeguismo, etc. Tres deles (Xoán Guerra foi a excepción, que fixo pedagoxía), aínda que tiñan vocación de filólogos (e tal lles recomendara nunha ocasión Francisco Rodríguez, que nos impartía cursos de lingua e literatura galega na Auriense), acabaron de historiadores: a razón de tal decisión foi o engado dunha profesora noviña, creo que leonesa, que acababa de saír da Facultade e nos deixaba compartir unhas clases magníficas: debate continuo sobre a historia e a realidade, que se os Irmandiños, que se os Reis Católicos, que se Castelao, etc. (Na mesma clase andaban daquela o Manuel Guede, xa teatreiro entón; Francisco García, futuro alcalde nacionalista de Allariz, e Carballude, o latinista e escritor de literatura xuvenil, que facía o COU en Ourense, residindo no Colexio Menor).
Ben, pois chegan os catro mozos a Compostela e asentan nunha pensión perto da Praza da Universidade e das Facultades de Historia e Filoloxía. Viñan eses mozos dun COU comprometido e habituados xa ás liortas políticas: mesmo se plantexara un boicot ás probas de selectividade, que despois non foi aló (por medo, máis que por outra cousa). Varios deles xa militaban no nacionalismo, en ERGA, e os outros ían de compañeiros de viaxe, facendo o mesmo que os xa militantes, mesmo repartindo polos pupitres o “Terra e Tempo” ou redactando cartas de solidariedade con Paco Rodríguez, desterrado a Cádiz (debeu ser o meu primeiro labor político, sen contar outros alleos ó Instituto, estes na onda de CPS, Cristiáns pra o Socialismo).
Xa en Compostela os mozos se dedicaron a vivir, sobre todo os primeiros meses: bastantes horas de festa, roteiros cotiáns polos viños, noites coas amigas ata altas horas no Barra China, etc. Digamos que se tomaran un descanso no seu activismo político: había tantas cousas novas que atender...! Morre Franco e empezan de novo as movidas políticas. As asembleas universitarias adoitaban facerse aínda nos locais de Fonseca, onde estaba Pedagoxía e, debaixo, Económicas (os mozos eran tan aplicados que, ademais das súas clases de Historia, ían a esta Facultade a escoitar algunhas clases dun tal Beiras, Estrutura Económica creo, e dun tal Suevos, entre outros. E ata tomaban apuntamentos).
Un día, nunha desas asembleas escoitamos falar a un rapaz, creo que era baixiño e tirando a forte de contextura. E escoitámolo recitar, sen tatexar o máis mínimo, o poema “Lingua proletaria do meu pobo...”, enteiriño e ata o remate. A cousa ía do debate do galego e cómpre lembrar que daquela nas asembleas só falaban nese idioma os nacionalistas (logo moitos outros se sumarían ó carro, das diferentes esquerdas). Saímos de Fonseca e dime o Bieito: “Este mozo é de ERGA, seguro”, así, sen dúbidas.
Aquel poema debeu espertar as nosas conciencias algo durmidas e, ós poucos días, non sei moi ben cómo, o Bieito xa contactará coa organización (na Facultade “os vellos e xefes” eran o “Lobito”, Xulio Gaioso, e Sarille, de Lugo, acompañados do santo de Xulio Cuba). E ás poucas semanas os catro mozos estaban xa militando de novo en ERGA, na AN-PG que empezaba a saír á luz e moi logo na UPG. Daquel mozo que recitou o poema só lembro, se non estou errado, que se chamaba Daniel. Logo vímolo moitas máis veces, nos peches de estudantes de Fonseca, tamén tocando a guitarra e cantando as cancións habituais daquela (Celso Emilio, Manuel María, etc.). Non o vin máis e non volvín saber del. Que sería daquel mozo que recitaba “Lingua proletaria do meu pobo...”?



Caderno de notas

No pasado nadal os amigos de Xerais (graciñas, Manolo e Celia)
mandáronme como agasallo un fermoso caderno de notas, coa portada que vedes aquí ó carón. Estiven dándolle voltas varios días para pensar en que ía empregalo. Hoxe encontrei a solución, xa o vedes: por qué non un espazo para anotar posibles ideas e novas que subir ó blog. Pois para iso quedará...
Beiras dálle tamén ‘leña’ a Feijóo polo triste crac do Estatuto
A nova completa en Galicia Hoxe

O nacionalista acusa os populares de ser a “sucursal ianqui de Bush en España” e culpa a Feijóo O actual responsable de Acción Política da nova Executiva do BNG e presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, responsabilizou onte o PPdeG do fracaso da reforma estatutaria por seguir a "estratexia de Madrid" e subliñou que o voceiro nacional da súa formación e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, "non baixou os calzóns" durante as negociacións que tiveron lugar na reunión de líderes políticos do pasado mércores. (...)
Neste sentido, criticou a postura mantida polo PPdeG, ó que culpou de "non defender" a Galicia e de poñerse a disposición da "estratexia" do PP de Madrid. "Un partido", dixo, "que é a sucursal ianqui de George W. Bush –o presidente de Estados Unidos– en España e en Europa".
Así, subliñou que a dirección popular, tanto na comunidade de Galicia coma en Madrid, é a "plataforma de lanzamento" da estratexia da "ultraglobalización belicista" de Bush, "o obxectivo da cal pasa por destruír as distintas culturas e pobos". Desta forma, dixo non entender como o presidente de PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, se negou a que o futuro texto autonómico "afirme legalmente" a súa identidade como pobo e se converta nun "suxeito activo de dereito político".

Arco de Triunfo (Lewis Milestone, 1948)

Un cirurxián asutríaco, o doutor Ravis (Charles Boyer), encóntrase no París de 1938 sen identificación nin documentos, un sen papeis que diríamos hoxe, deportado cada pouco do país para volver entrar ilegalmente. Por casualidade coñece a Joan Madou (Ingrid Bergman), unha modesta actriz á que salva do suicidio ofrecéndolle apoio e buscándolle hotel, para logo namorarse ámbolos dous perdidamente.
Nese París de rúas molladas, onde chove sempre, pero os cafés están cheos de xente e de ledicia aínda (ata que comeza a ocupación), o doutor Ravis refúxiase tamén do seu pasado: torturado pola Gestapo, séntese culpable da morte por torturas da súa antiga compañeira. Nese refuxio axúdao un amigo fiel, Boris Morosov (Louis Calhern), que traballa como porteiro dun local ruso. Por suposto, o pasado aparece na figura do antigo militar torturador, nun dos mellores papeis de “malo malísimo” de Charles Laughton.

É unha película amarga, dura, sobre a vulnerabilidade da condición humana. Nada hollywoodiense. E sen final feliz. Catro anos antes a mesma parella fixera a tamén maxistral Luz de gas (ou Luz que agoniza, G.Cukor, 1944), tan oscarizada, e amarga tamén pero doutro xeito.

A película está chea de referencias a España e á nosa guerra civil, vista con simpatía polo lado republicano. Nunha escena importante o doutor Ravis e o seu amigo Boris Morosov están xogando ó xadrez no seu hotel e na habitación do lado hai unha gran festa celebrando o Alzamiento do 18 de Julio: escóitase, ben alto, cantar o “Cara al sol…”. Petan na porta varias veces e chegan varios militares españois, franquistas e falanxistas, para que se sumen á festa e brinden con champán por eles. Pero os dous refuxiados néganse con diversas desculpas, nun momento dado teñen que botalos de malas maneiras da porta. Nun momento dado o doutor Ravis di algo así: “Serán parvos. Están celebrando unha guerra na que están matando ós seus propios compatriotas”.
Difícil condenar unha guerra e o belicismo franquista con tan poucas palabras e tan perfectas.

























Hitchcock e as artes plásticas
Esculcando no tema das mulleres na obra de Hitchcock, encontro na rede un magnífico artigo do escritor Juan Pedro Quiñonero (“Babel”) sobre a exposición que hai uns anos se fixo no Centro Pompidou arredor das “coincidencias fatais” entre o cineasta e o mundo da arte. Esa mostra demostrou a inmensa cultura artística do mestre do suspense, tan presente nas súas películas: un bico dos protagonistas en “Vértixe” podería estar inspirado no “Dúo” de Magritte; os “Paxaros negros” de Brake terían que ver cos que aterrorizaban a Tippi Hedren e a casa de “Psicose” estar inspirada na “Montaña do faro” de Edward Hopper. A Kim Novak de “Vértixe” prolonga visualmente a Prosperina de Dante Gabriel Rossetti: o xenio admiraba os prerrafaelistas. E tamén aparecen “coincidencias fatais” coa obra de Edgar Allan Poe, Kafka, Oscar Wilde ou Lovecraft: un xenio, sen dúbida, o gordo inglés.

19 ene 2007

Galiza no diván (Miguel A. Fernán Vello, Galicia Hoxe 19 xaneiro)

Síntoo moito. Teño algún amigo no Partido Galeguista e coñezo a outros dirixentes (algúns estiveron integrados na última etapa de Unidade Galega, cando o PSG-EG se fundiu con outros grupos). Pero non todo vale en política. Díxoo hoxe moi ben na súa entrega diaria Fernán Vello (e o candidato de Ourense é outro que tal baila: un expulsado do PSOE que acaba de despertarse galeguista, por non falar doutros temas. Ah! E graciñas a Manuel Rivas polas súas gabanzas de hoxe en El País e a Insomniorizar pola súa atención cos meus recunchos en La Región. Aí vai o artigo de Fernán Vello:

Publicaba Antón Avilés de Taramancos no ano 1989 un pequeno ensaio titulado Galiza no diván, que agora vexo traducido e publicado en castelán, xunto con outros textos, por Edicións Laiovento, dentro da colección Endovelia e baixo o título de Obra viva. Di o escritor noiés que Galiza é un país desarticulado mental e fisicamente e que cando se dá esa condición o habitual é que ninguén se sinta identificado consigo mesmo e que caia nun exilio interior e íntimo, e chegue mesmo a odiar a súa orixe por ser quen é e polas circunstancias que atravesa. E engade: "De aí veñen o disfrace, o aparentar e o habitar nun escenario permanente onde se representa e se vive outra historia e se renega, finalmente, de todo aquilo que leva consigo un sinal ou un símbolo da patria perdida, ou da que se quere perder". Saberán vostedes, porque a noticia saltou á prensa hai xa varios días, que un chamado Partido Galeguista presenta na cidade da Coruña un candidato que usa decote o castelán en actos públicos do Partido e utiliza tamén decote na publicidade política o topónimo da cidade de María Casares na súa versión non oficial, ou sexa, La Coruña. O candidato "galeguista" –asesor no seu día do alcalde vigués Manuel Pérez– non enrubesce até obter nas meixelas a cor do tomate maduro, todo o contrario. El enche de ar o peito e segue a prostituír, profanar, desdourar e deshonrar a memoria do Partido Galeguista histórico de Castelao e mesmo deste chamado Partido Galeguista actual, que, así e todo –leo nos seus Estatutos–, fala dun "inequívoco e irrenunciable compromiso coa realidade nacional de Galiza en tódalas súas expresións" e mesmo asume, "como lexitimamente propia, a herdanza das Irmandades da Fala". ¿Entenden vostedes a fonda coherencia, responsabilidade e sentido do ridículo do candidato "galeguista"? "Non vos riades, porque o conto é triste", escribe Castelao nun dos seus breves relatos. E, mentres, este país contraditorio, tantas veces mudo e lento no seu devalar colectivo, "non sabe, non contesta".










Misoxinia no cine.


A muller fatal, as mulleres perversas, as mulleres castradoras, damas diabólicas: o cine está cheo de exemplos nos que a perversidade ten nome feminino. A historia comezou con “Amencer” (1927) de Murnau, unha das películas máis fermosas que vin nunca: unha parella, home e muller, viven felices no campo ata que chega á dama da cidade e provoca as paixóns do home e o desexo por este de asasinar á súa dona no medio dun lago. A película ten final feliz, pero o camiño xa estaba aberto. Veu logo Marlene Dietrich e “O anxo azul” (1930) de Sternberg: aquí o pobre Professor Unrat é só un moneco en mans da paixón feminina. Son películas dos anos 30 cando unhas poucas mulleres erguían a súa voz. Cos 60 chegou o feminismo e a liberación sexual, pero aínda quedaban perversas por chegar como a Sharon Stone de “Instinto básico” (1992): que inseguro se sente aínda o home!
(Na imaxe, un dos primeiros carteis de Sunrise (Amencer), de Murnau)

18 ene 2007

27 xaneiro Día Mundial Vítimas do Holocausto

CONFERENCIA SUSPENDIDA POR PROBLEMAS DE SAÚDE DO PONENTE (actualización 22 xaneiro)
O vindeiro venres 26, ao abeiro da celebración o día 27 do Día Mundial de Conmemoración das Vítimas do Holocausto, a Asociación Galega de Amizade con Israel organiza unha Conferencia en Compostela de Jaime Vandor, supervivinte da Shoá.

Jaime Vándor, supervivente do Holocausto, profesor austríaco supervivente do Holocausto, nado en Viena en 1933, Jaime Vándor sufriu a persecución contra os xudeus e a Segunda Guerra Mundial en Hungría. Doutor en Literatura Comparada e Licenciado en Filosofía e Letras, Sección de Filoloxía Semítica, actualmente imparte a súa docencia na Universitat de Barcelona. Fundou a Biblioteca da Comunidade Israelita de Barcelona. Outra das súas áreas de interese é a historia da música. É tamén Chanceler do Consulado de Israel en Barcelona. Deu centenares de conferencias en España, Alemaña, Francia, Italia e Israel sobre temas de Historia e Cultura Xudaicas, Literatura Universal e especialmente, sobre as linguas alemá, húngara e hebrea. Ten publicado diversas obras, incluíndo poesía.




















Mulleres da pantalla.

Na súa longa historia o cine, bebendo da literatura ou das artes plásticas, representou todos os modelos de muller: a Eva pecadora e a muller fatal, a Celestina a argallar namoros, a Xulieta namorada ata o sacrificio, a muller adúltera no ronsel de Madame Bovary, a fiel Penélope, etc. Un dos estereotipos de maior rendemento foi o da Bela e a Besta: velaí a heroína que se confronta co “Nosferatu” de Murnau ou as múltiples actrices que encarnaron á Bela da que se namora perdidamente King Kong, o gran mono. Ou o lobo vencido pola Carapuchiña Vermella: Bruno Bettelheim escribiu con acerto sobre as pulsións sexuais que se agochan nos contos populares. Semella que o home no fondo é un monstro incapaz de consumar o seu amor coa Bela. Tamén en “A muller panteira”, de Jacques Tourneur, onde se chega á máxima reviravolta: a Bela convertida na mesma Besta.

(Na imaxe, dúas das mulleres panteiras do cine: Nastassia Kinski e Simone Simon, que protagonizou a mítica versión de Jacques Tourneur)

17 ene 2007





Hitchcock e as mulleres.


É un dos directores de cine do que máis se escribiu, e ademais ben. Agora sae un dicionario colectivo titulado “El universo de Alfred Hitchcock”. Segundo leo na prensa fálase tamén no libro das relacións do cineasta coas súas actrices e coas mulleres en xeral. É sabido que prefería as louras e que a algunhas as machucou nas rodaxes (Tippi Hedren en “Os paxaros”). Doutras namorouse e desanamorouse de seguido: Ingrid Bergman, Grace Kelly. Ata se ten escrito que o seu cine é misóxino.

Pero creo que tamén é certo o que afirman os autores deste dicionario hitchcockniano: “As heroínas do seu cine adoitan ser mulleres independentes e moi resoltas que acostuman mesmo levar a iniciativa nas súas relacións amorosas”. E, doutra banda, despois de ofrecernos a Kim Novak de “Vértixe” a Hitchcock hai que perdoarlle todo: ata a súa misoxinia, se tal cousa fose certa.

16 ene 2007



Un novo blog

Descubro, case por casualidade, que Arume dos Piñeiros, visitante habitual desta bitácora e que nos enriquece coas súas reflexións, abriu un blog hai poucos días, que leva como cabeceira esa mesma marca: Arume dos Piñeiros.
Ademais nese blog promociónase unha tamén interesante páxina dedicada a Bob Dylan que xa leva algúns meses no mundiño virtual.
Bob Dylan era un dos cantantes preferidos do meu irmán maior cando eu deixaba atrás a adolescencia e por el escoitei os seus primeiros discos. Tamén me levou nunha ocasión ó cine Xesteira, sendo eu moi mozo (15 anos), porque tiña cara de neno e sempre me pedían o carné ó entrar nas salas, a ver a película Pat Garret e Billy The Kid, de Sam Peckinpah (1973), con música de Dylan (actuaba tamén), que daquela me impresionara moi favorablemente.
Noraboa e todos os nosos parabéns ó amigo Arume, a quen visitaremos a cotío.

Falemos, pois, do señor de Mondoñedo

Varios lectores suxeriron nestes días, noutros fíos, debater entre todos sobre a vida e obra de Álvaro Cunqueiro. Pois aló imos: en fío independente, que ben o merece pola súa entidade histórica. Para abrir o debate propoño algunhas consideracións xerais, miñas e, como todo, discutibles:

1. Álvaro Cunqueiro é, cando menos en tres dos campos que abrangueu a súa obra, un dos cinco grandes das letras galegas contemporáneas: falo da súa narrativa, da súa poesía e do seu xornalismo literario (en galego e castelán). Prefiro que outras persoas máis informadas falen do seu teatro ou do seu papel como traductor, entre outras posibilidades creativas.

2. É, ademais, un dos nosos autores máis “exportables” e mellor coñecidos fóra das fronteiras galegas, en parte pola súa obra en castelán (lembro gabanzas da súa obra de autores como Joan Perucho ou Francisco Umbral, entre outros).
3. Das súas opinións e actitudes políticas. Parto eu dos datos da que eu considero magnífica biografía de Armesto Faginas, recentemente falecido (concordan vostedes?) e dos estudos de Claudio Rodríguez Fer e outros autores. Xa saben: galeguista de preguerra, falanxista dende o 36, próximo ó réxime dende aquela (non foi o único: Torrente Ballester e tantos outros, naquel momento). Pódese interpretar o seu falanxismo daquel momento como acomodación ó réxime ou só como un elemento decorativo e non demasiado substancial? Beneficiouse política e economicamente desa situación?

4. As consecuencias das súas opinións e actitudes políticas. O modelo de literatura de Cunqueiro non cadraba cos estereotipos dominantes: na época de poesía social, de Celso Emilio Ferreiro a Manuel María, víanse as obras de Cunqueiro como”escapismo” ou evasión da realidade. Non tivo entón Cunqueiro lectores entre o nacionalismo e quizais tampouco moitos entre o galeguismo: foi redescuberto na inmensidade da súa obra despois, poucos anos antes de morrer. En honor á verdade, digamos que houbo persoas, moi arredadas das súas ideas políticas, que sempre defenderon a súa calidade literaria: Méndez Ferrín, por exemplo.

5. E pecho cunha curiosidade: se acoden vostedes á web da Hermandad do Valle dos Caídos, vanse encontrar cun estudo sobre o noso poeta de Mondoñedo, da autoría de José María García de Tuñón Aza (sen referencias, pola miña parte).
Opinen. Se lles prace.