21 sept 2007

Miniconcurso
Hoxe doulles por adiantado a imaxe do "Pan por Pan" de mañá en La Región. Da súa demostrada sagacidade, permítomes convocalos a un miniconcurso: de que falará ese Pan por Pan de mañá? Teñen ata as doce da noite para acertar. Os/as que acerten teñen comprometida unha caña en canto nos vexamos.

(Ben, vexo que a pregunta do miniconcurso era moito máis difícil do que eu pensaba. O "Pan" vai embaixo e saiu dunhas declaracións que veñen hoxe en El País. Pero grazas porque tamén me suxeriron unha chea de temas posibles e de interese para tratar).

Bailes e compostura.
Pan por Pan 22 setembro

Mohamed Hosein Zafra-Harandi é o ministro de cultura de Irán. Un país que, se os mulás o permitisen, camiñaría cara a modernidade co alento dos seus cidadáns e das mulleres iranianas. Este ministro di nunha entrevista que se opón á “música que fai perder a compostura” e cita en concreto o rock heavy metal que xunto coas drogas provoca, di el, que os mozos conduzan a toda velocidade e se tiren polas portas e ventás dos automóbiles. Tamén xustifica a persecución pola policía das mozas que non visten de acordo ós designios do réxime e que, engade, están pagadas cada mes polas potencias estranxeiras. Tales disparates lembran as consignas da prensa española no primeiro franquismo contra os bailes e as modas non recatadas: aquel cartel dunha parella bailando e o mozo convertido en demo. Si, todos os integrismos son semellantes ata o aburrimento.
en poleiro alleo

"Pedagoxía á carta" (Helena Villar Janeiro, en El Correo Gallego, 21 set.)

"Cultura" (Bieito Iglesias, El Correo Gallego; 20 set.)

"Aprobados y selectividad" (unha interesante carta de Raquel Rico Linage en El País, 20 set.)
Libro de visitas
Nesta nova sección recollerei algunhas cartas que falan do blog. Esta ademais informa do cambio de enderezo da páxina Ourense Natural: broma ou realidade.

Noraboa polo blog sensacional.
Ola Marcos, chámome Secundino e dende fai uns anos sei que visitas as miñas páxinas web. Fun profesor nas Lagoas, de matemáticas, durante 27 anos e como sabrás levo dous prexubilado. Nestos últimos anos mantiven varias páxinas web a maioría defendendo a nosa natureza, de feito nas túas recomendacións figuran dúas "A vida nos ríos galegos" que estos días, a xunta me cambiou totalmente agora o link é http://centros.edu.xunta.es/iesaslagoas/webantiga/slorenf/vidario0.htm , este é un dos motivos de este email, para que cambies o link, parece que vou ter problemas para ubicar esta páxina web no Hosting da Xunta, espero resposta a esa pregunta que fixen estos días.
A páxina Ourense natural: broma ou realidade está noutro proveedor e non está afectada.
Tamén manteño unha páxina de investigación histórica sobre un pobo da provincia de Ourense que quedou asolagado por un encoro no ano 1958 chamábase Alberguería e estaba no Concello de A Veiga, tiña naquil intre 103 veciños e actualmente a xente vive no Barco, en Ourense, Vigo, Barcelona, Madrid e moita emigrou a Arxentina, Venezuela, Francia, Suiza e Alemania.
De forma que explico na web son o webmaster da páxina sin ter nada que ver coa zona. Esta páxina tamén na teño na Xunta de Galicia, no servidor da Xunta, e pasou o mismo que a dos ríos, de repente desaparece e ven a ameaza de desaparecer definitivamente.
A páxina éntrase con
http://www.albergueria.es xa que fai pouco merquei o dominio. En realidade o link é http://centros.edu.xunta.es/iesaslagoas/webantiga/slorenf/Umia/index.htm
Esperarei a ver como remata o conto, pero estas páxinas, si a Xunta non fai algo por elas pasarán a peor vida.
Espero que o feito de estar prexubilado e non ser actualmente profesor en ningún centro non sexa impedimento para que poida seguir manteñendo as páxinas. Por suposto estou autorizado polo Director do Centro, neste caso, o compañeiro Monxardín, ademais as páxinas non teñen propaganda nin pretendo facer negocio con elas.
Perdona o rollo,pero necesitaba comentar estos puntos xa que estou bastante preocupado xa que é un labor de case 10 anos.
Un saúdo e repito enhoraboa polo teu blog.
Secundino Lorenzo

20 sept 2007

Os do Alexandre Bóveda

Entre finais de 1989 e o 2001 o Clube Cultural Alexandre Bóveda foi a vangarda cultural da cidade ourensá: está mal que eu o diga, pero así foi. Díxoo tamén moita máis xente. Axuntamos máis de 200 socios e socias, de todos os campos ideolóxicos e sociais (con maioría progresista e de esquerda, iso si) e planificamos un labor cultural continuado e rigoroso durante uns 12 anos. Despois pechamos a tenda porque todo nesta vida ten o seu principio e o seu final. E para non queimar a fórmula. Cada ano axuntabámonos a directiva para sacar unha foto "orixinal" da que sempre se encargaba o fotógrafo amigo e socio Eduardo Núñez e para a que Benito Losada preparaba a intendencia e a escenografía. Esta é unha das máis simpáticas, no Claustro de San Francisco, cos traxes e instrumentos da Banda Municipal que nos facilitou o Xoán Fonseca. En primeira fila: César Ansias, Xoán Fonseca, Marcos Valcárcel, Benito Losada, Afonso Monxardín e Elisa López Grande. E detrás: Pepe Trebolle, Asun Ballester, Xosé A. García e José Luís Alonso (clicando na foto, podedes velos en maior tamaño). Esta foi a última directiva en exercicio, pois o Clube pechara no inicio do verán do 2001 cun macrorecital no Liceo de máis de 70 persoas de Ourense que leramos un cento de poemas do libro "Ourense, craro río, verde val" (Antoloxía poética da cidade).

(Hai outras tamén moi simpáticas e con máis personaxes, pero quedan para outra ocasión)

que pasa no Ribeiro?

Unha amiga escríbeme preguntando que pasa no Ribeiro? Que sucede co proxectado Parque Medioambiental de Carballeda de Avia? O certo é que non souben responderlle: non teño nin a información suficiente nin opinión creada ó respecto. Por iso propúxenlle promover o debate dende aquí, dende o blog, e reproducir a súa carta, co seu permiso, para que poidan intervir todas as persoas mellor informadas ou relacionadas con esta temática. Esa mesma amiga dirixiuse ademais ás organizacións ecoloxistas ADEGA e Verdegaia e tamén reproduzo en "Comentarios" as súas cartas como forma de estimular este necesario debate. Velaí a súa carta:

Ola Marcos: escríboche para que cando teñas un pedaciño de tempo me informes sobre a polémica do parque medioambietal que ten proxectada a Xunta no Ribeiro. Hai moitas cousas que me sorprenden, como a postura contraditoria de Verdegaia, a marxinación nas conversas coa consellería de Ridimoas, e sobre todo o noxento silencio informativo ao que está sometida esta mobilización. Isto de non estar en Ourense pasa factura e entereime este verán por Ánxeles Cuña do que estaba pasando no Ribeiro, e cando vin que ao día seguinte da manifestación a prensa silenciou todo- agás unha pequena tira de Cristina Huete en "El País"- supuxen que algo serio se estaba cocendo e que os intereses deben ser moi fortes. Gustaríame saber cal é a túa opinión para entender o que está pasando. Unha aperta: Maruxa

aínda aprendo, dicía Goya ( e comezou o curso)

Comezou o curso e todos os anos, por estas datas, pásolles ós meus alumnos de Bacharelato unhas notas e normas previas, unha especie de "contrato mutuo" entre eles e máis eu (onde trato de temas como asistencia ás clases, metodoloxía, avaliación, etc.). O remate desas notas-normas acaba cunha reflexión final e persoal miña que recolle a famosa cita de Goya que figura aquí enriba. Pensei que quizais podía interesar a alguén como definición dunha actitude. Velaí:

5. Reflexión final.

Asistimos nos últimos anos a unha desvalorización total dos sistemas de ensino, que actúa en cadea: desde a primaria ata a Universidade, pasando pola ESO e a secundaria. O nivel de reducción de contidos e de esixencias ameaza con chegar a un grao mínimo de competencia formativa: así, chegan alumnos á Universidade sen os mínimos coñecementos nin o dominio das técnicas instrumentais básicas (ler, escribir, redactar, comprender, etc.). Cara atrás ese proceso é aínda máis grave e semella que as institucións educativas son xa case incapaces de frear a estupidización social progresiva transmitida –con éxito, por desgraza- por tantos programas de televisión-lixo, modas e tendencias destinadas á infantilización total da sociedade e outros subsistemas culturais de masas.

Cando menos polo que respecta a este profesor, ese proceso debe ser invertido desde xa e o nivel de esixencia dos Bacharelatos debe corresponder a este planteamento: unha formación en ciencias e humanidades necesaria e suficiente para preparar o acceso á Universidade e a posterior especialización dos estudos. Co tempo, creo que os propios alumnos/as máis conscientes dos retos do seu futuro inmediato, nunha sociedade altamente competitiva e agresiva nos sistemas de regulación do mercado, rematarán por agradecer esta perspectiva. En canto saian fóra das aulas escolares, verán que o mundo non os vai tratar cos criterios infantiloides e sobreprotectores tan a menudo dominantes.

No Museo do Prado hai un magnífico debuxo de Goya no que se ve a un velliño de longas barbas, encorvado sobre o seu caxato, camiñando con dificultade; hoxe sabemos que representa ao propio autor, só bocexado, nos seus últimos anos. O debuxo leva un intelixente lema baixo dos trazos, como adoitaba facer Goya, que indica. “Aún aprendo”, cando xa ao pintor lle quedaban poucos anos ou meses de perspectiva futura. Esta é a filosofía con que deben ser iniciados e levados a cabo calquera tipo de estudos ou actividade formativa: mentres o ser humano vive, mentres ten alento e pode discernir e dirixir a súa memoria, está sempre a aprender. Ningún segundo é inútil. Por desgraza, no mundo en que vivimos, moitos deses segundos son tamén para “desaprender”. O camiño que iniciamos hoxe pretende aproveitar o tempo ao máximo e facer realidade o soño de Goya: aprender xuntos para seguir a camiñar, para seguir a aprender, hoxe e sempre.

Santos: un santo simpático
Pan por Pan xoves 20 setembro

Esoutro día fixen aquí unha mención á vida dos santos e varios amigos fixéronme chegar ó meu blog enlaces valiosos sobre haxiografía: hai unha web moi boa da Universidade de Oviedo, por exemplo. Outro amigo pasoume un enlace sobre o presbítero San Felipe Neri, que viviu en Florencia no século XVI. Polo que leo, era un santo simpático, como Francisco de Asís. O florentino caracterizouse pola súa ledicia e por levar sempre ambientes de festa e bo humor onde chegaba, mesmo facendo o pallaso cando era preciso. Renunciou ás riquezas, educou ós nenos pobres e fixo rir a todos. Leo tamén que tiña tan grandes accesos de amor a Deus que o seu corpo se estremecía e precisaba en pleno inverno abrir o peito para mitigar ese lume de amor. Cando o foron enterrar, viron que tiña dúas costelas saltadas e moi arqueadas para deixarlle sitio ó seu corazón que medrara notablemente.

Fototeca. Xa pasaron uns cantos aniños...
No ano 1995 a Casa da Xuventude de Ourense (as fotos son do seu arquivo) celebrou os seus primeiros 25 anos (fundouse en 1970, nos estertores do franquismo). Celebrouse aquel aniversario cunha serie de mesas redondas e eu mesmo participei nalgunha delas. Recupero estas dúas fotos de cando o nacionalismo (era un debate sobre ese tema, na propia Casa) aínda non gobernaba. Os ponentes son Benito Alonso, historiador hoxe en Tui (o "Roi" para os que o coñecemos de vello, compartimos estadía en Compostela); Heitor, que presidía a Auriense entón, e Alfredo Suárez Canal, que non sei se estaba na Deputación ou xa era deputado galego. Entre o público varios militantes daquela hora: Montse, Carballo, Paradelo, eu mesmo... En segundo plano un noviño aínda Alexandre Sánchez Vidal, hoxe tenente de alcalde na cidade.

19 sept 2007

en poleiro alleo

Sobre algúns temas tratados nesta casa:
* a educación para a cidadanía: O triunfo da Educación (Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe
* as oposicións e os interinos: Escándalo nas aulas (Moncha Fuentes Arias en Faro de Vigo)
* Antón Losada e Anxo Quintana: O éxito de Losada (Lorenzo Fernández Prieto en La Voz de Galicia)



Un conto triste.
Andoliña venres 21 set. Foto de Jorge Ruiz.

Nos arredores do Liceo Maribel Verdú asina autógrafos. Mozas e nenos vestidos como campesiños de hai 60 anos. No medio da Praza Maior espera un burro cargado de fardos, con toda a paciencia do mundo ás súas costas: ó escoitar o berro de “Acción” todos se poñen en movemento, tamén o burro. A xente de Auria está contenta porque poden ver anaquiños dunha rodaxe en vivo: hai que agradecerlle a José Luis Cuerda o feito de escoller Ourense para a súa versión de Los girasoles ciegos, obra moi excepcional de Alberto Méndez. Oxalá faga unha gran película: o guión de Azcona é unha garantía, dende logo.

Chámame unha xornalista para preguntarme polo Ourense dos anos 40: cóntolle unhas cantas cousas que sei ou estudei desa etapa. A cidade da época, máis pequeniña (a metade de poboación que hoxe), vivía días de miseria, de represión e de fame. Por se non fosen poucas as desgrazas, ata o Barbaña se rebelaba contra a natureza e saía das súas canles levando por diante animais e persoas. Aló por 1945.

Medo bendicido pola Igrexa: velaí o conto de Blanco Amor, Primeira Comunión: o aceno terrorífico metido ata o fondo dos ósos. Foi como en toda España: un conto triste, iso foi a nosa posguerra.

(Recollido en La Voz de Galicia, entrevista de Cándida Andaluz)
Unha cidade de provincias pequena con gran peso da Igrexa e dos militares

A partir da visión da película Os girasoles cegos moitos ourensáns pararanse a pensar como era realmente a cidade de Ourense naqueles anos. O historiador ourensán Marcos Valcárcel asegura que a obra de Alberto Méndez (na que se basea a película) reflexa á perfección como era naquela época a vida en calquera cidade parecida á ourensá.
Valcárcel indica que Ourense nos anos corenta era unha cidade de provincias pequena -de ao redor de 50.000 habitantes- na que existía pobreza e a represión era moi grande, do mesmo xeito que a propaganda franquista e o poder da igrexa. Destaca para ilustrar o grao de represión que aínda en 1945 tiveron lugar detencións, mortos e fusilados. é naquela época cando a algunhas rúas da cidade dáselles nome militares: Xeneral Franco, José Antonio, Calvo Sotelo. A pesar da situación pobreza, a cidade conta nesa época con tres xornais, todos pertencentes á falanxe.
Nestes anos prepárase o monumento aos Caídos, fronte á subdelegación do goberno -que aínda existe hoxe- e é entre 1943 e 1944 cando o Concello de Canedo da Ponte fusiónase co de Ourense. En 1945, a cidade sofre unha das súas traxedias máis grandes, o desbordamento do río Barbaña, no que morren varias persoas. Marcos Valcárcel subliña dúas obras de Blanco Amor ilustrativas daquela época. Por unha banda unha fotografía realizada polo autor na que se mostra a baixada en procesión duns nenos desde a catedral de Ourense e por outra banda o conto Primeira Comuñón que aparece na obra Os Biosbardos .

18 sept 2007

Homenaxe a Xoán da Coba
Como homenaxe a Xoán da Coba (e tamén ó contertulio que asumiu este nick), velaí o busto-retrato e única imaxe, que eu saiba, que se conserva do xenial ourensán.
O Betis, o noso terceiro equipo
(Afonso Vázquez Monxardín en Galicia Hoxe, 18 set.)

As amplas lagoas da miña formación inclúen un descoñecemento absoluto do fútbol. Sei que xogan uns once ou doce xogadores de cada parte a darlle patadas a unha pelota que vai dun sitio para outro. A metade queren metela entre uns paus cunhas redes que hai no fondo dun lado e os outros, no outro. As regras son moi simples -case se reducen a que non vale darlle coa man e non pode saír do cadrado marcado con cal no campo- polo que todo o mundo dá en opinar con presunto coñecemento igual de tácticas e estratexias. Un pouco tempo resúltame simpático ver correr, xesticular e berrar eses homes pero moito, aborréceme. Móvese moito diñeiro ao seu redor e hai equipos, ligas, campionatos e copas por todos os lados. Os enfrontamentos dos equipos semellan representacións simbólicas doutras competencias -sociais, locais, nacionais e internacionais ou raciais- nas que todo o mundo, inmediatamente, toma partido. Así, eu non podo ver con bos ollos os que apoian o Real Madrid cando xoga co Celta ou co Dépor. Aínda que non lles sei nada de fútbol, declárome, nestes días que celebra o seu centenario, e como a duquesa-teleñeco de Alba, do Betis. Do Betis... e da oposición.
Non me gusta o seu presidente Ruiz de Lopera por cuestións estéticas -parece saído dunha película máis rancia ca un unto de cinco anos- pero sobre todo sentinme ofendido cando lle cambiou o nome ao estadio Benito Villamarín para pórlle, nun groseiro acto de pedantería, o seu propio. Porque don Benito Villamarín, o rico industrial aceiteiro artífice do despegue do Betis hai cincuenta anos era de Ourense e amigo do meu avó Antonio. Xuntos estudaran na escola laica e na posguerra sempre se lembrou de enviarlles aos amigos da burga preciosos garrafóns de aceite de oliva. Boa xente. Coma o seu irmán, don José Villamarín, presidente do Centro Galego de Bos Aires moitos anos na metade do século pasado. Unha vez de Sevilla mandáronme unha foto dun xantar da directiva do Betis cun gaiteiro tocando detrás. Don Benito tiña cara emocionada? ou se cadra era que lle estaba a rebentar o tímpano aquel punteiro a unha cuarta da orella.
Por certo, que para a clausura das festas do cincuentenario do club, Villamarín convidou a falar ao seu amigo Eduardo Blanco Amor. Engadiría hoxe o escritor co seu xusticeiro ferrete, "como nunca tal fixo ningún equipo galego". E razón tería.

Cidadanía (entrada n.1100 do blog)
Pan por pan martes 18 setembro (Na imaxe, Santa Águeda, de Zurbarán)

Disque, malia o barullo mediático, foi un fracaso a campaña contra a Educación para Cidadanía: os promotores da obxección contra a mesma só recolleron o apoio de 84 pais entre os douscentos mil posibles. En cambio xorden voces, mesmo entre os opositores, para “adaptar” esta nova materia ós idearios, por exemplo, dos colexios relixiosos. Nalgures lin que estes propugnaban incluír a vida dos santos no curriculum real, o que logo se dará nas escolas, da EPC. Aló cadaquén, pero vexo difícil que os mozos de hoxe cheguen a identificarse cun San Sebastián, aseteado por axudar ós cristiáns e logo botado ás cloacas; ou con Santa Lucía, violada e torturada, para logo arrincarlle os ollos; ou con Santa Águeda de Catania, á que lle cortaron os senos cunhas tenzas. Sinceramente, eu preferiría unha cidadanía un chisco máis tranquiliña, con menos dramatismo e menos mártires.

17 sept 2007

Arte e pobo: Arturo Baltar (FOTOTECA)

Un dos máis grandes da nosa arte e tamén da arte popular: o escultor Arturo Baltar. Así o retratou o pintor Prego aló por 1955. Por certo, segue sen ter un edificio digno onde mostrar toda a súa inmensa e xenial obra. Había unha promesa do concello neste respecto: quedará esquecida, como tantas outras? Se tivesen un Baltar en calquera outra cidade, xa tería un gran Museo no centro urbano, non me cabe dúbida.


IMAZ, ARTUR MAS, GALEUSCAT
La Región 17 setembro (o cartel da guerra civil en Euskadi é de Carmona)

Cataluña. Falabamos esoutro día, nun Pan por Pan, da radicalización do discurso nacionalista en Cataluña, que chega a figuras como Maragall ou Artur Mas. Colegas que traballan en Barcelona relativizan esta interpretación, afirmando que hai moito de “radicalismo estético” en Maragall e que CIU xoga coa tensión en dúas liñas: dende o soberanismo á conquista de competencia e orzamentos para o país. Por outra parte, é ben sabido que nos nacionalismos hai sempre “dúas almas” que abanean entre o independentismo e posicións máis moderadas e pragmáticas: foi así nos tempos da Segunda República e segue a ser hoxe. Haberá, pois, que agardar para saber en qué queda este radicalismo catalán, pasada a retórica dos discursos da Diada. Non cremos que o mapa político catalán permita demasiados movementos bruscos, como parece insinuar Artur Mas, dado que cadaquén garda celosamente o seu espazo electoral (ERC) ou con firmeza as súas posicións clásicas (Josep Antoni Durán i Lleida, por parte de Unió, que non quere saber nada de mesturas con marxistas ou socialdemócratas).
Josu Jon Imaz. Nesta semana produciuse a carta de renuncia de Josu Jon Imaz e reflectiuse o difícil que resulta manter lideratos fortes no nacionalismo vasco, aínda dende o goberno. Lembren a ringleira de nomes: Arzallus, Garaicoechea, Ardanza, Ibarretxe, Imaz, etc. Este último propugnaba un modelo de nacionalismo pactista e pragmático, pero que non renunciaba as súas posicións soberanistas. Ademais, tiña moi claro que ETA sobra no País Vasco e que non se poden planear medidas de cambio de estatus xurídico mentres a violencia non desapareza de Euskadi. A súa carta de renuncia á presidencia do PNV é un modelo de documento político de alta talla intelectual e sentido común: “Creo nunha Euskadi na que os diferentes sentimentos de pertenza dos que compoñemos a sociedade vasca convivan compartindo un proxecto de país, cuxo futuro constrúamos entre todos. (...) Traballo por unha Euskadi na que a nosa identidade vasca se constrúa en base a valores nun mundo cada vez máis aberto e complexo, no que o amor ó propio non nos leve a construír o futuro contra ninguén. Como esa árbore á que equiparaba a súa obra o universal escultor Eduardo Chillida, enraizado na terra vasca pero coas súas pólas e follas abertas ó mundo”. Chapeau por J.J. Imaz! Pouco favor lle fixeron Zapatero e outros destacando “o luxo” de ter un dirixente como Imaz no PNV. Que vai pasar? Fálase dun pacto interno no PNV entre os sectores máis radicais e máis moderados (Eguibar versus Urkullu) para evitar a división do partido: oxalá dean coa mellor fórmula para o futuro de Euskadi e para o conxunto español.
Galeuscat. O BNG, na etapa Beiras, abriu portas co pacto entre os tres nacionalismos periféricos autodenominado Galeuscat. Aquel pacto serviu para presentar o BNG en sociedade e “moderar” a súa imaxe: ó cabo PNV e CIU son partidos moderados e non marxistas, aínda que poidan promover políticas sociais progresistas. Hoxe o BNG é o mellor situado na negociación dos orzamentos do Estado e un aliado fiel de Zapatero e debe xogar esa carta con intelixencia: Galicia non debe quedar atrás, como tantas outras veces.

16 sept 2007





CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL.
1977: redescuberta dun país


Libros de M.Rivas-X.I.Taibo; X.R. Barreiro, A. Bozzo, J.A. Durán, Costa Clavell, Fabra Barreiro.
Carlos Casares e Otero Pedrayo.
A muller en Galiza
O Padre Seixas: autorízanse os nomes en galego
Abelardo Moralejo, Casimiro Torres, Emilio González López
O Facho. Trasmallo. Abel Bouhier. Filgueira Valverde.
Versos de Seoane, Miguel González Garcés, Lueiro Rey, Cunqueiro, Cuña Novás... Eduardo Moreiras na RAG. Camilo Valdeorras.
Xaquín Marín e Siro López.
Vacaloura. O pai de Migueliño. O cadaleito. Os cigarróns. La parranda.
Editorial Alvarellos.
Dos anzos e dos mortos. Editorial Limbro e X. I. Taibo. Neira Vilas, Eliseo Alonso.
Pola UNión, de Benedicto. Xerardo Moscoso, Emilio Cao, María Manoela, Xoán Rubia, Miro Casabella. Doa. Ars Musicae Ultreia.
Soledad Bravo e Luís Cilia en Compostela.
Nace Milladoiro. Pecha Teima. Nace A Nosa Terra, da man de Margarita Ledo.
Encrucillada. Fendendo. Grupos e xornais da AN-PG na emigración.

Cine de terror.
Pan por Pan domingo 16 set. (Na imaxe o Nosferatu, de Murnau)
Por que nos fascinan as novelas e as películas de terror como o Doctor Jekyll e Mr. Hyde? Primeiro, porque nos distraen das miserias e medos da realidade cotiá. Seica as fábulas de terror nos permiten liberar adrenalina: os nosos problemas do día a día son insignificantes ó carón dos ataques de Drácula ou de Frankestein. Din os entendidos, como Doménec Font no seu estudo Las raíces del miedo, que ademais o cine de terror facilita a escisión do espectador nunha dobre dimensión, solidario coa vítima pero tamén dalgún xeito co agresor, proxectando na pantalla unha certa liberación de agresividade. Por iso o chamado cine “gore” constitúe un exceso case sempre carente de ambición estética: os mozos de hoxe están tan afeitos a ver destripar corpos e derramar líquidos que acaban por rir a cachón nas escenas máis terroríficas. E así nin se libera adrenalina nin nada …

15 sept 2007


Jekyll e Hyde.

Pan por Pan sábado 15 setembro.

“Eu son o doutor Jekyll. Eu son o doutor Jekyll. Eu non fixen nada, eu non fixen nada, son o doutor Jekyll”: así remata unha das moitas versións cinematográficas da maxistral obra de Stevenson. En concreto a que dirixiu Victor Fleming con Spencer Tracy no aterrador dobre papel: antes de morrer, a súa transformación monstruosa delátao diante dos policías e os seus amigos. Un auténtico monstro capaz de torturar e asasinar a beleza incandescente de Ingrid Bergman. Stevenson retratou mellor que ninguén a estreita fronteira entre o Ben e o Mal, o fío evanescente que separa os territorios da bondade e da maldade máis sinistra. Nada debe ser tan horroroso como a perda da identidade e Robert Louis Stevenson descubriuno en 1886, moito antes de que escribiran Freud e os psicoanalistas clásicos. Pero fíxoo con tanta verdade que aínda hoxe arrepía ler aquela vella novela.
A Porta do Bispo Izquierdo

Entre hortas e portas (10).
Urbs e rus. Por Xosé Manuel González
Aos de Lugo pouco, á forza de velo xa nin caso facemos. Pero ao foráneo, observador atento da Muralla, igual hai un sitio que lle chama particularmente a atención: alí onde coinciden o único mirador restante e un recanto estilo Vauban. É a Mosqueira, espazo cuxo nome, e a persistencia de locais que serven ante todo polbo, denotan que posiblemente un recinto feiral non andou lonxe; denotarían, máis ben, se a lembranza dos maiores de corenta non convertese en prescindible a dedución.

En fronte do Reduto e a Porta do Bispo Izquierdo vense arestora, respectivamente, a Estación de Autobuses e un xardín cuxas árbores non esconden ben as dependencias da Policía Municipal. A traza desa construción permite crer que antes foi cárcere, e de feito aínda moitos lle chamamos “do Cárcere” (ou “da Cárcel”) a Porta e xardín; igual ca hai catro décadas, cando o arboredo lucía o nome dun senlleiro aviador franquista, García Morato. Cando non había terminal de transporte humano, senón explanada que coutaba un muro: o Campo da Feira. Lugar cheo de vida que fornecería aos reclusos ora distracción ora saudade no tránsito diario ou pesa do gando; no periódico bulir do mercado e o trato; na ocasión única, anual, da gran convocatoria pública para as xentes luguesas: San Froilán.

“Y digo que no tiene Galicia, por el dorado otoño, fiesta más feliz que el ‘Domingo das Mozas’ en Lugo, y digo rosas cuando digo mozas”; este era Cunqueiro no 1958, e abofé que non toda a cidade estaba conforme. En outubro é San Froilán, o día cinco, e chamámoslle das Mozas ao domingo seguinte: de costume, polo Patrón viñan os patróns á feira, domingo as rapazas -e rapaces, xa que logo- pois a atención á facenda non era dispensable. Ambos días, e mais outros, rebordaban en xente campesiña, con lecer e pouco afeitos ao catálogo da urbanidade. Algún de aquí en vez de rosas vía pailáns, seica prevendo apertón e pisadura receaba a mestura co paisano. Con pintoresquismo, antigo aldeán había que o sábado advertía: “mañana no se puede andar por la calle”.

Pero andabamos, madia leva se non andabamos. Á mañá tiraban os foguetes, viñan gaiteiros cos xigantes e cabezudos e botábase un da cama sabendo que o levarían aos churros, escoitar a banda, que á mediodía tocaría ir polo polbo onda o caseto da Manola, pola tarde á carreira de motos arredor da Muralla e sobre todo, ante todo, ás atraccións chamadas aquí barracas. E logo, habiamos pasar sen xogar na tómbola, tirar no tiro, subir nos caballitos, nos coches eléctricos, naquilo chamado montaña rusa? Sen o Barriga Verde mentres veu? Habían deixar os maiores o Muro da Morte e mailo “Teatro Argentino”, do que nós oïamos pero non nos contaban? Pola casa tiñamos parentes, coñecidos, devolvíanse os convites recibidos durante o verán das mil festas; na aldea, xaora, dixesen o que dixesen. Porque da aldea, no fondo, eramos todos, e case todos riamos co Pelúdez de paraugas colgado no lombo, chamándolle ao polbo “cienfalópodo”, cargando coa Filomena e o seu castrapo a miúdo inverosímil.

As atraccións do San Froilán, daquela humildes e auténticas barracas, estiveron primeiro tras do concello, despois en Santo Domingo. Pasaron máis tarde ao Campo da Feira, cando a dos bichos se foi indo e aumentaban as instalacións de diversión. Da feira feira pasou a haber Feira-Exposición, os labregos seguiron vindo e a nosa festa quedou como refuxio urbano, arrecendo ao que algún día foran as grandes do país. Paralelo a este noso manter e o alleo cambio ou decadencia, a sona multiplicouse derivando en aluvión. E velaí: un posto de cestos e varas, como lembranza do antigo mercadeo; Pelúdez e familia, os pailáns, con monumento e todo; as barracas, aínda no centro da cidade; casetas que son restaurantes portátiles, baixos como instalación improvisada, caldeiros cocendo polbo en Lugo enteiro declaran o triúnfo definitivo da tradición nun negocio moitas veces millonario. Libros publicados, concertos masivos, o aire da novidade... e algunha voz, aínda e sempre, demandando que leven lonxe tal batifondo.

Eu, que teño gozado profundamente o San Froilán, comido quilos de polbo e de churros, xogado á tómbola, tirado ao tiro; que fun cabezudo, bailei -para desgraza súa- con Rosa e María, Chus e Belén, montei en coches, cabaliños, norias e montaña rusa... asumo agora a obriga de transmitilo, levar os fillos ao santiño, á ofrenda a Rosalía, seguir a cadea. Sen parar de vivir, xaora, nin de medrar coa festa. Grande, galega, humana e fráxil, se esquecemos o que somos.

14 sept 2007

Un día difícil

Non escribo moito de min e da miña vida persoal, pero hoxe farei unha excepción. Tiven un día difícil. Un día ben complicado. Vostedes nunca tiveron medo a ter un gafe ou algo así, sequera por un día? Verán. Onte levei o meu automóbil (un Xantia con bastantes anos) á revisión da ITV, con retraso. Leváronmo os amigos do taller e pasou a revisión sen ningún problema. Ás oito da tarde fun tomar un viño con Benito Losada, logo subino á casa (no Montealegre) e logo viñenme para a miña, na Valenzá. Aparquei no garaxe sen ningún problema.
Esta mañá poño en marcha o coche para ir ata Ourense, sobre as 12,30, e vexo algo raro. Algo tan raro como toda a metade do capó levantado e dobrado. Repaso mentalmente a xornada de onte e nada: nin o máis leve roce ou choque. A pinta do capó é de desastre total, como despois dun gran choque. Chamo ó taller e veñen á primeira hora do tarde por el. Temos que chamar á grúa, porque arrastra por debaixo. Un amortecedor ou algo así rebentou e saltou para fóra levantando con toda a forza o capó. Os amigos do taller dinme que nunca viron nada parecido nin se explican qué puido pasar.
Póñome de mal humor, claro, porque a broma sairá nunha pasta. Seica non é responsabilidade da ITV, dinme. O coche saíu ben de alí. E que ata tiven sorte: se me chega a pasar na estrada, sabe Deus onde iría. Tivo que facer un ruído e unha explosión enorme (sería de noite, no garaxe).
En fin, para curar o mal humor, vexo na casa (estábaa vendo a miña filla) o
Dr. Jekyll e Mr.Hyde, de V. Fleming, con Spencer Tracy, Ingrid Bergman (máis sensual e seductora que nunca) e Lana Turner. Logo abro o correo e está cheo de mensaxes dos amigos do blog que leo de vagariño e mando eu algunha máis. A vida segue. Espérame unha semana cando menos sen automóbil…
Nin moito nin pouco, X.M. Pereiro en Faro de Vigo 5 agosto

Eu penso que gano pouco, e sei que non é certo, e logo contraataco que non saco moito beneficio para o esforzo que fago, e máis tarde cáeme a cara de vergonza mirando paro o salario medio, pero arrepóñome analizando algunhas cousas que todos sabemos que pasan. Esta mesma firmeza de criterios habería que aplicala ó caso dos salarios da clase política.De entrada, discrepo do argumento clásico de que os políticos teñen que ter un bo salario para evitar tentacións de complementalo por métodos ilegais. Se fose por iso, ademais de estar ben pagados políticos, xuíces e policías -que son os gremios que se adoitan citar nese argumentario- tamén o deberían estar os médicos, para que se centren no que teñen que centrarse e non se distraian pensando en como chega a fin de mes; e os asesores fiscais, para que non se desesperen vendo que lle aforran ós clientes cartos que eles non teñen; e desde logo os xornalistas, para non caer na tentación de... dalgunha tentación na que caer. As ganas de facerse un peto pola porta de atrás hai que aguantalas a pao seco, por decencia, ou polo medo a que pase algo si se descobren. Porque sabemos todos por experiencia (allea) que amasar cartos, como rascarse, é todo empezar, e non hai salario que colme a ansia logo de desencadeada. Os políticos, etc. deben estar ben pagados porque fan un traballo o mellor que poden en beneficio de todos (esta é a teoría, claro). É na práctica cando aparecen os problemas. Se o que cobra Fulano ou Mengano é moito ou pouco, merézao ou non. Como norma xeral, parece un pouco raro que un concelleiro gane máis ca un conselleiro, ou un alcalde que un presidente, e pasa. E non debería aceptarse como normal que un edil dobre os ingresos do seu antecesor, e acéptase. Nin, ó reves, tampouco que un alcalde, por moi pequeno que sexa o concello, se ten dedicación exclusiva, gane menos que un funcionario. A raíz da polémica xurdida logo das eleccións municipais (e curiosamente, nunca antes) o PP propuxo suxeitar os soldos municipais a uns parámetros (medida tan sensata como algo sospeitosa de oportunismo se temos en conta que sempre tivo a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias, organismo idóneo para debater estes asuntos). A contestación do outro lado, de que iso atentaría contra a autonomía municipal non deixa de ser tan certa como pouco consistente, porque os concellos son autónomos, pero os alcaldes son militantes de partidos que lle marcan as directrices a seguir (esta é outra teoría). A realidade é que, merecementos e dedicacións aparte, a clase política actúe en materia salarial como un comité de empresa que non tivera que negociar coa patronal nin aterse á conta de resultados. Así se aparcan diferencias partidarias e enconos ideolóxicos para adxudicarse complementos vitalicios de 14.000 euros para os altos cargos da Xunta (en proporción, bastante máis diñeiro que os 54.000 e pico anuais que lle acaba de regalar o Banco Mundial a Rodrigo Rato por tres anos de servicios prestados). Claro que quizais estas medidas teña máis xustificación do que parece. Antes pedir e recibir que ter que acabar de comisionista, como Aznar.






LLACH
Disimulen. Non é que me dea por facer propaganda. É só para que vexan o tipo de promocións que pode facer un xornal, disque conservador, como La Vanguardia: Lluis Llach, a banda sonora dun país. 20 libros CD (uns 190 euros compradores fóra de Cataluña).

Xornalismo.

Pan por Pan venres 14 set. Imaxe de Óscar Villán.

Levo uns 30 anos escribindo nos xornais. Tamén estudando os xornais galegos e o xornalismo literario. Creo que dei mostras abondo do meu respecto e interese polo mundo do xornalismo. Outra cousa é que, como en todas partes, nese caixón de xastre haxa de todo: algúns chaman xornalistas a esas mozas que saen berrando na TV sobre as intimidades de cadaquén. Este prefacio é para que me deixen contarlles un chiste sobre esta profesión que me contou un amigo. Velaí: Chega o arcebispo de Canterbury a un pobo que nunca visitara e, ó saír do coche, é asaltado por unha nube de xornalistas e fotógrafos. Un deles pregúntalle: “Ten pensado visitar o prostíbulo deste pobo?”. Ante o cal, o arcebispo responde sorprendido: “Hai prostíbulo neste pobo?”. Ó día seguinte o xornal titula con grandes letras: “A primeira pregunta do arcebispo ó chegar foi: Hai prostíbulo neste pobo?”.

13 sept 2007


Réquiem, de Bieito Iglesias ("Pan e coitelo", ECG, 13 set.)

Nun dos tomiños d`O último round (o de cor verde) inclúe Julio Cortázar un fermoso texto co título de Una voce poco fa, dedicado a evocar a banda sonora da súa adolescencia arxentina. Nel celebra algúns milagres do século XX tales como os discos, o magnetofón, a radio e a televisión; lembra unha pléiade de cantores de ópera entre os que destaca a Tito Schipa, tenor nunca superado no rexistro medio; e vindica a voz humana como o máis belido e perdurable instrumento: "Os entendidos dirán que o sonido do violino de Kreisler non era o mesmo que o de Heifetz, para falar de dous monstros do meu tempo, pero a diferenza entre dous violinistas é sobre todo temperamental, interpretativa, e as disimilitudes acústicas non teñen importancia decisiva. En troques a voz de Joan Báez, a voz de Louis Armstrong, a voz de Leontyne Price, a voz de Helga Pilarcik, son en cada caso unha esencia única, o resultado dun vertixinoso microcosmo cada vez distinto, o resoador final dunha alquimia case inconcibible".
Así pois, nun principio foi a voz. Xa que a miña adolescencia transcorreu nun ambiente orfo da alta cultura musical que educou o oído do Cortázar, reducido como fun a seguir os programas radiofónicos de dedicatorias nos que orneaba Luis de Lucena, apenas podo xulgar os méritos de Luciano Pavarotti (en paz estea). Síntolle dicir aos críticos que posuía unha cor e un timbre inimitables, sinto falar da riqueza de harmónicos e acato ese veredicto. Valéndome da emoción, da intuición e ata do capricho, cando escoito o tenor de Módena confirmo que o italiano é un idioma de axóuxeres (inventado para dirixirse ás crianzas) e que o bel canto debe ser un anticipo da música celestial.
Cadaquén terá a súa peza e interpretación favoritas do Luciano; eu déixome levar pola dolcezza daquela aria da Martha de Flotow, que festexa un amor que comeza: "M`appari tut`amore; il mio sguardo l`encontrò bella si che il mio cor ansioso a lei volò".
Sobre o bipartito (Miguel Anxo Fernán Vello, Galicia Hoxe, 13 set.)

Coincido con Manolo Rivas cando di que nun goberno bipartito está ben que cadaquén teña a súa propia lenda, "mais o relato, na práctica de goberno –matiza o noso amigo escritor–, ten que ser común". Sendo como son dous partidos os que comparten a acción de goberno, o lóxico e o natural, e o intelixente, é que exista, por riba das diferenzas –mesmo diferenzas enriquecedoras– unha harmonía visíbel e constatábel, expresémolo así, tanto na forma como no fondo. A forma é un elemento identificador, un estilo, unha práctica real, un poderoso elemento de comunicación; e o fondo é a base programática acordada, pactada, a confluencia de "mínimos". Existe un estudo moi interesante, altamente recomendábel, da autoría do profesor Jordi Matas, que trata dos "problemas metodolóxicos na análise dos gobernos de coalición", e neste traballo dise, entre outras cousas, que os partidos que forman unha coalición deben perseguir en todo momento a consolidación dun goberno estábel, xa que a estabilidade gobernamental "é como a chuvia para o campesiño: fundamental para obter os froitos arelados". Non cabe dúbida, neste sentido, seguíndomos as reflexións do autor citado, de que a estabilidade gobernamental xera por si mesma estabilidade política e, neste mesmo plano, tamén se pode afirmar que os gobernos teoricamente máis estábeis serían os bipartitos, porque deben esixirse a si mesmos en todo momento estabilidade política e "calidade gobernamental". Fíxense vostedes, calidade gobernamental. Ou sexa, calidade do conxunto, calidade xeral da acción de goberno, percibida polos cidadáns e aprobada polos cidadáns. ¿Percibe a cidadanía galega a calidade gobernamental que ofrece hoxe o goberno bipartito da Xunta? O conxunto, debemos recoñecelo, non é harmónico, existen disonancias que desconcertan, "ruídos" que interfiren negativamente. Un goberno bipartito debe ofrecerse á sociedade na súa auténtica dimensión real, si, mais procurando a eficacia e a calidade inmediata nos resultados. Harmonía entre dous, calidade de todos.

Diada en Cataluña.
Pan por Pan xoves 13 setembro

Hai mar de fondo en Cataluña. Pujol radicaliza o seu discurso e di que agora hai máis independentistas que antes. Artur Mas quere lanzar un “new deal” catalanista coa defensa dun ámbito catalán de decisión e un proxecto nacional que supere a loita dereita-esquerda (mirando de esguello o modelo Sarkozy). En ERC segue a crise interna e eterna do partido republicano. Maragall, o expresidente, fala abertamente de independencia.
Por certo, non é o primeiro socialista nesa liña: hai anos que Rubert de Ventós mantén un discurso por unha Cataluña independente, apoiado máis en datos económicos que culturais. E a nota de color: os actos oficiais da Diada remataron cun concerto de fusión con María del Mar Bonet e o artista flamenco Miguel Poveda: lembran o barullo do Himno Galego no noso Parlamento? Non creo que en Cataluña ninguén se tire dos pelos por iso.

12 sept 2007

Censura e cine
Contan hoxe os xornais que o director taiwanés Ang Lee decidiu cortar media hora as escenas de sexo máis tórridas de “Lust Caution”, recente León de Ouro en Venecia, para que a censura chinesa deixe exhibir a película. Nun deses xornais recollen opinións de varios directores españois, que din que non censurarían nunca as súas películas: o máis curioso é enterarse de que José Luís Cuerda se negou a vender “A lingua das bolboretas” á compañía Iberia porque lle pedían que censurase a escena na que fan o amor nun palleiro. Iberia, campioa da decencia mundial!!!
ricos e pobres...
POR BIEITO IGLESIAS*
PAIS E FILLOS (12-9-07, no gratuíto De luns a venres. Imaxe de Renoir pai)


Alberto Gonzales, fiscal e estreito colaborador de Bush, viuse na obriga de dimitir por causa de diversos fracasos na súa xestión. Despediuse cunha memorable perorata: “Eu catei o soño americano. Non teño queixa, porque os meus peores días á fronte da Fiscalía foron máis gratos que os mellores días coñecidos por meu pai en toda unha vida”. Imaxinamos ao Gonzales sénior pasando as de Caín como hispano inmigrante na Terra de Promisión que publicita o american dream. O seu cachorro, inchado como un sapo tras empoleirarse nas altas maxistraturas dos EE UU, ve no seu éxito a proba de que mora no país das oportunidades. Esta é a perspectiva habitual das persoas de orixe humilde que logran situarse no presenteiro, embriagadas polo elixir do progreso individual.
Moi outra visión adoptan os fillos de papá célebre, coma tal Jean Renoir (o cineasta), autor dun libro (Renoir, mon père) dedicado a Pierre Auguste, figura da pintura impresionista. Jean evoca sen complexos os gozos rústicos do seu proxenitor, as horas pasadas na lareira borgoñona vendo cocer o pote pendurado da gramalleira ou comendo claudias e fatóns. Ningún dos Renoir acreditaba moito no progreso. O pintor mesmo ironiza sobre os avances tecnolóxicos: “Dinme que un escritor coa súa máquina de escribir pariu un libro en tres anos; Molière e Shakespeare, cunha pluma de ganso, escribían unha obra de teatro en oito días e era unha obra mestra”.
Un anuncio de 1936, do Día do Estatuto (28 xuño)
Publicado en La Voz de Galicia (Enviado por Monxardín. Clicar na imaxe para ampliala)

11 sept 2007


Un verán luctuoso para o cine: Jane Wyman

Así a lembran, tamén cun video da actriz, no blog Diasestranhos:

Na miña memoria Jane Wyman ficará asociada a outros filmes: a Johnny Belinda, o dramón no que facía de xordomunda que lle proporcionou un Oscar; a The lost weekend, de Billy Wilder, acompañando a un alcoolizado Ray Milland; á biografía de Cole Porter protagonizada por Cary Grant, Night and day, ou aos seus traballos con Alfred Hitchcock e Douglas Sirk, sen esquecer a deliciosa parella que formou con Bing Crosby nun dos títulos menos coñecidos de Frank Capra, Here comes the groom, onde cantaban esta peza de Hoagy Carmichael e Johnny Mercer que acabou convertíndose nun standard, In the cool cool cool of the evening.
(De paso, consulten nese blog a súa lista "Están vivos", cos directores e actores nacidos antes de 1930 que non se levou aínda a Parca)
Jane Wyman. Pan por Pan 12 set.
Este verán está a ser abondo luctuoso no mundo do cine: Bergman e Antonioni e Emma Pennella e agora Jane Wyman. Engadan a Villalonga, que sempre fixo de si mesmo na pantalla. De Jane Wyman destacan os medios que foi a primeira esposa do actor-presidente Ronald Reagan e o seu papel como Angela Channing en “Falcon Crest”. Creou alí un estereotipo de mala despois copiado cen veces en telenovelas e similares. Pero esa non era o seu perfil máis clásico: aínda nestes días revisitei “Obsesión” (1954), de Douglas Sirk, onde a Wyman, facendo de cega, vive un milagre de amor ó recuperar a vista da man dun cirurxián coa cara de Rock Hudson: a súa actuación fíxoa candidata ó Oscar, que logo non lle deron. Foi a cinta que lanzou a Hudson, cun gran éxito comercial. Sirk fixo repetir a parella protagonista un ano despois en “Só o ceo o sabe”.

Un delincuente.
Pan por Pan martes 11 setembro. Imaxe de Auguste Rodin.
Escoito na radio entrevistar a un delincuente. Trátase dun tipiño que está nunha banda dedicada a asaltar fábricas en polígonos industriais do Mediterráneo: conta a súa metodoloxía con detalle e apunta os seus valores. A familia por riba de todo: reforza esa idea con esta expresión “por donde no corre sangre no se hacen morcillas”. Pregúntanlle a causa deses atracos e di que non se trata de necesidade. Que agora lle colleu o gustiño e necesita facelos. E compara o seu “oficio” co executivo que, tras duras horas de oficina, reserva a fin de semana para facer puenting e liberar adrenalina. O argumento non é absurdo. Son moitas as posibles motivacións dos nosos actos: positivas como o amor ou a solidariedade. E negativas como a maldade ou o desexo de vinganza. E as grandes palabras como deus ou a patria. Haberá que engadir isto de liberar adrenalina.
O pau das estradas (Afonso Monxardín, Galicia Hoxe, 11 setembro)

Cada vez que paso por baixo da ponte bipartita do Reino, sorrío. Alí campan dúas pancartas que din, máis ou menos: "Touriño grazas pola conexión á autovía, PSOE de Piñor de Cea; e outra "Grazas veciños polas 2.000 sinaturas que lograron a conexión á autovía, BNG de Piñor de Cea". O certo é que como está en zona de curvas, tiven que pasar varias veces ata entender que se trataba dunha disputa sobre réditos politicos de tanta altura como esa ponte que cruza a estrada Ourense-Santiago preto do límite con Pontevedra. E claro, aí se ve que hai quen pondera sobre todo a actitude positiva do presidente da Xunta e outros a importancia da palabra dos veciños. Seguramente son as dúas cousas -e se cadra outras moitas máis- as que influíron e parece pasatempo ocioso discutir se foi antes o ovo ou a pita. Pero como nestas terras da mazurca de Cela non hai moito que facer, o demo da política, a falla de vacas, espanta el moscas co rabo.
E ía pensando nestas cousas cando me atalla de súpeto un solitario semáforo de obras: a conexión cun cacho da autoestrada nova ou algo así. Parei. Esperei a que pasasen os outros e logo duns minutos, xusto cando apaguei o motor, púxose verde. E lembrei un sucedido simpático doutro tempo.
Andaban en obras no norte de Lugo e estaba parada na estrada unha longa fila de coches. Eu era o penúltimo. Tocábanos pasar. O encargado achegouse ao último e, simplemente, deulle "o pau". O bo do condutor, un alemán grande de pelo crecho, colleuno con sorpresa, ollouno curioso, moveuno? e pasoullo á súa compañeira, quen fixo outro tanto. Logo, entre xestos de incomprensión e sorrisos, devolvérono indicándolle, como podían, que grazas pero que non lles interesaba. O encargado decatouse entón da matrícula e da pinta daquela xente e veu cara a min que atendía divertido polo retrovisor? En canto mo deu, deille as grazas e lisquei de alí seguido do alemán que non me quitaba ollo, a ver que carallo ía facer eu co pau aquel. En canto chegamos ao lugar preciso deillo, sen seren precisas palabras, ao outro encargado -a estrada quedaba aberta- e seguín. Antes de acelerar deume tempo a ver como o teutón abría a boca e entenderlle nos labios algo así como "Acabáramos. Era iso". E o curioso é que de alemán non teño nin idea. Se cadra linllo nos ollos.

(Un tema semellante aborda Sarille en ECG, "Corenta mortos en cinco anos")

10 sept 2007


rENXEN AS eNGRANAXES
La Región 10 setembro

Dous anos. Cumpridos xa dous anos da posta en marcha do goberno bipartito, hai que recoñecer que renxen as engrenaxes do pacto que deu pé a este goberno. A dimisión ou cese de Antón Losada é só o último acto dunha serie de desencontros sucesivos que deturpan a imaxe do goberno socialista-nacionalista. O máis grave do asunto é que as críticas choven non só, como era de agardar, dende a oposición do Partido Popular (bastante despistada, de todos os xeitos), como dende os sectores máis próximos ó propio goberno progresista. Por poñer algúns exemplos, nesta mesma semana publicáronse artigos moi críticos de Manuel Rivas e Manuel Bragado a propósito do escándalo dos “pluses” dos altos cargos: en palabras do primeiro deles, “trátase de algo moralmente insostíbel. E algo que non é explicábel dende a ética, non pode ter tampouco un sentido práctico. En Galicia non só hai que cambiar o futuro, senón cambiar o pasado. Esa prebenda do Plus dos 15.000 fede a pasado. A corporativismo de Antigo Réxime.”
Moito máis duro aínda era Xosé M. Sarille cando afirmaba “O bipartito non ten proxecto e sitúase xa entre os peores executivos do ciclo democrático que xa é dicir (prestiges aparte). Unha política de anécdotas, sen que se fale nunca dos grandes temas pendentes, a natalidade, o caos urbanístico, o desequilibrio territorial, a morte do idioma, a necesaria reforma administrativa, a comarcalización”. Sobra dicir que os tres nomes citados se moven no campo cultural e na órbita do nacionalismo e que pediron o voto para o BNG en diversas ocasións.
Áreas blindadas. O modelo de reparto de poder escollido ten eivas de difícil solución. Sempre é positivo consensuar e intercambiar posicións, dialogar ata chegar a puntos comúns, converxer nun relato común das necesidades do país (na liña que apuntaba M. Rivas). Pero moitas veces semella que non se trata diso, senón só de repartir o poder en “áreas blindadas” para asegurar a presenza dos votos propios nas próximas eleccións: é posible tal cousa cando a política ten hoxe unha complexidade que necesita da complicidade de tantos actores? Pode unha consellería “facer a guerra” por si soia sen o acomodo das outras ou mesmo en direccións contraditorias? O que temos “máis parece o reparto dun botín de guerra que a distribución de áreas de goberno” di un comentarista no meu blog e sospeito que non é do Partido Popular.
As engrenaxes renxen e a opinión pública percíbeo. Cando os dous socios de goberno se pelexan a cara de can pola presenza de cada forza política na TVG, que cabe dicir das promesas de transparencia e obxectividade nos medios de comunicación públicos? Como xustificar o bochorno dunha visita ó país do ministro de cultura na que non figura como convidada a propia conselleira de cultura?
Ideas ou intereses? Sobran os exemplos sobre a primacía dos intereses sobre as ideas. Intereses políticos lexítimos de cada forza de goberno, pero que poden enturbar o panorama e ocultar a propia acción positiva de goberno. Creo que hai ideas interesantes neste goberno, por exemplo en Medio Ambiente, en Medio Rural, en Ordenación do Territorio, en Vivenda, etc. Falta que esas ideas se convertan, na maior parte dos casos, en realidades. A oposición dos medios máis conservadores vai ser brutal (velaí as liortas ridículas sobre os mandilóns nas Galescolas), pero con iso xa se contaba. Hai mesmo campos nos que pouco avance se constata, aínda no campo das ideas novas: Cultura e Normalización Lingüística, por exemplo. Renxen os engrenaxes, pero o goberno está a tempo de buscarlle solución e poñelos en perfecto estado. Terán, iso si, que pensar máis en gobernar e menos nos minutos que saen
en televisión.

(Imaxe: Cástor e Pólux, Museo do Prado)

9 sept 2007







cen anos de historia cultural
1976: CON PÓLVORA E MAGNOLIAS
Se o ano 1975 foi importante para as nosas letras, sobre todo na narrativa, o 1976, xa morto o ditador, foino para a poesía. De feito en todos os estudos sinálase esta data como fulcral na renovación lírica pola aparición de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín, e tamén de Mesteres, de Arcadio López-Casanova, versos de cadencia salmódica e litúrxica, e aínda de Seraogna, magnífico libro do quizais algo esquecido Afonso Pexegueiro. O poemario de Ferrín aborda os grandes temas da literatura universal vistos desde Galicia: o paso do tempo e a nostalxia ("Triste Stephen"), o amor e o erotismo ("Posturas para copular en homenaxe"), as raíces da patria (o celtismo), a revolución ("Reclamo a liberdade pró meu pobo") e mesmo a derrota e o asasinato fascista dos militantes republicanos e galeguistas ("En Compostela pode un home..."). Versos de amor e loita cunha forma preciosista e experimental, inzada de referencias culturais, xestos vangardistas e inquedanza universalista.
(...) No campo musical Bibiano publicaba o seu primeiro disco, Estamos chegando ó mar, con textos propios, de Novoneyra e de Vázquez Pintor e a famosa canción "O can (de palleiro)", que nas asembleas universitarias se cantaba cambiando un pouquiño o seu refrán: "Abaixo a dentadura", xa poden imaxinar o cambio. Amancio Prada publicaba Caravel de Caraveles, baseada na música popular galega, acompañado de Alejandro Massó e Eduardo Gasttinoni, e nacía o grupo Roi Xordo, integrado polo Movemento Popular da Canción Galega e por "Bem-Virá": Romaní, A. Seoane, Pi da Bahía, Ze Luís e Quico de Cariño, música folc-rock con acentos reivindicativos.
Foi 1976 un ano fundamental en moitos aspectos. O gran dinamismo da sociedade, que conquistaba de vagariño a democracia, manifestouse nunha morea de iniciativas políticas, sociais e culturais. O 5 de xaneiro fundábase o Consello de Forzas Políticas Galegas, composto pola UPG, o PSG e o PGSD. Noámbito estatal creábase a Federación de Partidos Socialistas, na que se integraba o Partido Socialista Galego (PSG). En xullo nacía a Táboa Democrática de Galicia, que agrupaba varios partidos estatais de esquerda, e en outubro, na Coruña, a Asamblea Popular Galega, escisión da AN-PG nacionalista que viña funcionando había uns meses. Tamén nese ano nacía a Intersindical Nacional Galega (ING), encallaba o petroleiro Urquiola na ría da Coruña, empezaban as loitas contra a expropiación das terras dos labregos nas Encrobas e tamén as obras da Autoestrada do Atlántico. Nun consello de ministros celebrado na Coruña e presidido polo rei Juan Carlos, o Goberno aprobaba a demandada Amnistía para os delitos políticos e de opinión. Nese mesmo ano nacía a asociación ecoloxista Adega, con nomes como González Laxe e Xosé M. Beiras entre os seus promotores; a Asociación Sociopedagóxica Galega (ASPG) e a feminista Asociación Galega da Muller. Rexurdía o Ateneo de Ferrol; e nacían a Sociedade Galega de Historia Natural e a cultural Afonso Eans en Negreira. A Facultade de Económicas de Compostela pasaba dende o edificio de Fonseca a súa actual localización, despois de ser ocupada en varias ocasións por peches de universitarios.
(...)
Víctor Freixanes publicaba o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos (Galaxia), toda unha redescuberta de Galicia dende o xornalismo literario: a memoria do país dende Otero Pedrayo e Luís Seoane ata Beiras, Ferrín, Alonso Montero e Carlos Casares. En xullo fundábase en Compostela o Museo do Pobo Galego, que abriría as súas portas poucos meses despois, tamén co pulo detrás de moitos intelectuais galeguistas e o apoio de figuras históricas como Xaquín Lorenzo e Antón Fraguas.
A facilidade do mal.
Pan por Pan domingo 9 setembro. Imaxe: Niobide sagitta, de J.J.Pradier

É máis doado destruír que construír: en só minutos, quizais segundos, podemos botar por terra construcións do noso patrimonio ou da natureza que se tardaron centos ou milleiros de anos en erguer. Algúns mesmo lle chaman a iso progreso tecnolóxico. Muñoz Molina lembraba esta axeitada cita de Paul Valéry: “a horrible facilidade de destruír”, que por certo tamén encantaba a Josep Pla. O terrorismo é a plasmación evidente desa facilidade no mundo no que vivimos: velaí os atentados masivos dos últimos anos. En Alemaña lograron parar un inmenso masacre detendo unha célula de integristas islámicos: dous dos detidos naceron na propia Alemaña, nunha contorna burguesa, e logo se converteron ó islam, un deles ós 15 anos. Vítimas do fanatismo, non sería despois difícil convencelos, nun campo de entrenamento de Pakistán, do acerto letal da cita do poeta francés.


"O fillo abandonado", de Marina Mayoral
La Voz de Galicia, Sabado 08 de septiembre de 2007

Vanity Fair publica unha longa reportaxe sobre o cuarto fillo de Arthur Miller, que padecía o síndrome de Down. Ese fillo foi recluído nun orfanato e borrado da vida do escritor, que nin falou nunca del, nin o visitou, nin o tivo en conta para nada, excepto no testamento redactado pouco antes de morrer, onde o equiparou aos outros tres fillos.
Os detalles da reportaxe son arrepiantes: a imposición de Miller contra a vontade da súa muller, a fotógrafa Inge Morath, que quería quedarse co neno; as deficiencias da institución na que foi internado; os prexuízos que isto ocasionou para o seu desenvolvemento intelectual; a negativa de Miller a que participase en ningún acto familiar, incluído o funeral da nai... Unha persoa que traballou no orfanato di: «Non era un sitio onde un quixese que vivise o seu can». E a propia Inge Morath, que visitaba regularmente ao fillo, dixo que era «como unha pintura do Bosco».
¿Como puideron facer algo así? ¿Como un home que foi considerado «o moralista da América do século XX» ( The Denver Post ), que se negou a dar nomes ao comité anticomunista, que defendeu nas súas obras o compromiso moral cos desfavorecidos, puido abandonar ao seu fillo por ser discapacitado mental?
¿E como Inge Morath, que tiña unha sensibilidade especial para captar a dor e reflectila, que sempre tivo unha ollada compasiva nas súas fotos, puido consentir en privar ao seu fillo do agarimo dun fogar? A resposta é sinxela: non eran deuses, só seres humanos capaces de grandes accións e de feitos miserables. Como todo o mundo.

8 sept 2007

ENTRE HORTAS E PORTAS (9), DE XOSÉ MANUEL GONZÁLEZ.
VIÑO E CORDAS.

Entrada ao espectáculo (a Porta Nova)

Rúa Nova hai en moitos lados, pero a nosa leva algo especial. Non me refiro a que fose (din) o cardus fundacional, tampouco xaora a que no segundo treito radicase a xudaría; é polo nome e a súa fonética.

En Lugo o topónimo constitúe grupo fónico, soa coma unha palabra: “ruanova”. Diverso enderezo e entidade ostenta graficamente a forma soldada. E a min resultárame sorprendente ler, tería dezaseis anos, substantivo e modificador desunidos en placa de pedra substitutoria, porque o anterior e metálico epígrafe lucía -é un falar- branca sobre azul a mensaxe “Calle de la Ruanueva”. Teño cavilado ultimamente que igual se debía incluír tal redundancia no exemplarizante catálogo de Haciadamas, Viveros e Niños de la Guía; non iría soa: en antiga parte de xudeus, onde remataban os case únicos pallabarros que eu vin na cidade, comeza á esquerda o Carril das Estantigas; longo tempo foi denominado oficialmente “Carril de las Ortigas”, e é arduo colixir se interveu aí deturpación, estrañamento por desuso vocabular ou certo arrepío.

Todo o que arrecenda a Volkgeist ou disposición colectiva adoita volverse cheiro para algúns, a mofo; encontro eu porén que a sociedade móvese, con mudanza ao primeiro inconsciente e sentida. Polo ano setenta medraran cabeleiras e ancho do pantalón, asomaba o galego nalgunha placa pública, xurdía a “Misa de la Juventud”, levábase francamente mal o “a las nueve en casa” e “non fales, que poden escoitarte”. Resume a inquedanza moito do cantar que cantamos, ese con quien sueña su hija, quién no escribió un poema, vivo en un lugar donde no llega la luz, the answer my friend. Para algún crúzanse en magma proteico a Cançó de Matinada e Pete Seeger; acabados de adquirir Manuel María e Celso, irisan Moscoso e Benedicto, desvelan Alonso e Miro Casabella escarño e pasado culto da nación, Lois Diéguez outra visión do Vietnam ou o agromar branco e azul.

Bulía daquela o grupo xuvenil máis ou menos estable, bisexual xa sen remedio. Dos tres da Pandilla que vivían na Rúa Nova, Tomás -case enfronte ao Carril das Estantigas- posuía un activo e dous pasivos con gran rendemento: guitarra e magnífica destreza no arpexio; bufarda para uso persoal sobre a vivenda familiar; gravacións propias e intransferibles de Serrat e o fenómeno que acabou de convencernos: con aquilo, chamado “dialectos” na primeira escola que tiveramos, podíase protestar e amar o país -xa quedaba pouca dúbida-, tamén amar sen máis, ser perfectamente moderno desde o compromiso ético e a excelencia artística. Da grandeza do personaxe habíannos dicir co tempo o múltiple camiño, sátira e outros recoñecementos; no 1970, os admitidos na bufarda simplemente lle entrabamos a Lluís Llach, autor dunha marca para o noso grupo.

Na mesma vía e treito, Pedro Prósper tocaba guitarra clásica. Extramurallas, Pedro Vila beneficiábase dunha especial predisposición familiar, estudaba piano e seguía tamén a afección das seis cordas; Leandro, Pajón e Rodri tiraban polo rock: isto é só compendio, pretexto para aludir á fusión que en dez aniños nos traería a Brath e Taranis. Pero para os lugueses de calquera idade, a Rúa Nova era ante todo a dos Viños, parte substancial na zona máis etílica; constituía esta o primeiro tramo, da rúa de Montevideo á Praza do Campo, especialmente concentrada entre a estatua de San Vicente e mailo Carril dos Fornos. No que aínda se cocía pan, pervivencia artesanal e mercantil patente así mesmo en ben portais con variada tenda aberta.

Sempre supuxen por alí ao defunto Paredes, alegado asesor divino en materia lucense. Teríase levado ben co Piño, que ao marchar do Centro asentou no Ferreirós e, a máis dun capuccino con alto poder de convocatoria, ofrecía as ilustres tapas da tortilla vitaminada e o bichinguai, chamados por xente ignara “tortilla con ensalada” e “mexillón con salsa”: o que non sabe é coma o que non ve; no amplo catálogo do petisco gratuíto figuraban así mesmo callos de Mondelo, “o mellor callista de Lugo”, segundo encomiaba o Piño e con establecemento extirpador no Campo do Castelo. Tamén na Rúa, da outra banda e máis arriba, O Neno despachaba caldo e orella de bondade inversamente proporcional á empatía dos barristas; César, unha vez tras doutra, resumía o pedido colectivo só polo gusto de completar, cun dedo índice erguido que asemallaba o paidetodos, “¡...y un huevo!”, realmente medio, cocido e con pemento: vez tras vez o facía e sen falta era atendido con virar de costas e modorra aparentemente ilesa.

Á excelencia culinaria (como norma, feminina) non sempre correspondía graza palaciana -que diría Cunqueiro- no verosímil cónxuxe; verbi gratia, o patrón do Espuela mantiña para nosoutros perpetuo ceño tras do bigote, pero os callos ben o valían. Ás veces eran outros reclamo e disensión, a traseira do Yuma o tal para as guitarras e o dono en desacougo por tanta sudamericana de teor quizá conflitivo ou un Himno Galego que, aínda na parte primeira e tolerada, adoitaba levar camiño da segunda e prohibida. Mini, Mero, Monchiño o venezolano, Rodrigo Romaní, José Miguel Hernández... canta tarde, algún viño, canta música.

Fálase aquí de espazos idos. Pero cando a perna, igual con menos lixeireza, transita e continúa alí o Eslava, c’ Os Tres Pés, o Campos e o Miraz... podería de memoria ir ata os outros, poderían ocasionalmente xurdir Piño e Hernández, os pedros Prósper e Vila, tamén Marcos. Pois sempre están aí.

Párame un amigo na rúa
Pan por pan sábado 8 set.

Párame un amigo na rúa a propósito do PAN de onte, no que falaba da aerofobia e daquela película co monstro a estragar os motores dun avión en voo. Titulábase “Nos límites da realidade” e estaba inspirada nunha serie fantástica de TV dos anos 60 nos Estados Unidos, “The twilight zone”. Spielberg, un dos admiradores de mozo da serie, foi productor da película e codirector con John Landis, Joe Dante e George Miller. Este último dirixiu o mellor episodio, o do viaxeiro con aerofobia, para esmendrellarse de risa. Leo na rede a historia interna da rodaxe da película e xa non ten tanta graza: na rodaxe do primeiro episodio, dirixido por John Landis, este infrinxiu a lei para rodar unha escena cuns nenos escapando dun helicóptero entre explosións. Houbo un accidente e morreron decapitados un actor e dous nenos. O equipo de rodaxe, xulgado por homicidio accidental , foi absolto.