O ESPLENDOR DUNHA CIDADE
La Región 24 marzo (Imaxe: casa de Fermín García, de Daniel Vázquez- Gulías, 1909)
Como era a cidade de Ourense hai cen anos? Fágome a pregunta, unha vez máis, revisando unha colección de fotos antigas. Era unha época en que non se facían moitas fotos, só as necesarias, para as postais turísticas ou para os grandes acontecementos. E para cousas sempre positivas, como a apertura do Hospital Modelo (hoxe no campus de As Lagoas), a construción da Ponte Nova que prolongaba a rúa Curros Enríquez e nos uniría co barrio da Ponte Maior (a nova ponte de ferro foi inaugurada en 1918), os novos edificios do ensanche moderno da cidade dende a Alameda ata o Parque de San Lázaro, obra dos arquitectos máis destacados do momento (Vázquez-Gulías, Conde Fidalgo, etc.). Houbo sucesos tráxicos naqueles anos, lembro de memoria, xa nos trinta, a obra dun edificio na entrada do barrio do Couto que se veu abaixo morrendo algún dos obreiros que alí traballaba. Pero diso non hai fotos. Tampouco hai fotos da brutal represión iniciada en 1936.
Bo gusto, elegancia. A Auria que camiña do século XIX ó XX estivo marcada polo bo gusto e o saber facer das súas xentes populares e autoridades. Pensen na estatuaria monumental do XIX, o Padre Feijóo, Concepción Arenal. Aí seguen, coa mesma dignidade do primeiro día. Cantas das estatuas colocadas na cidade nos últimos 30 anos resistirán o paso do tempo coa mesma prestancia?
Estou a falar dos tempos do Instituto do Posío, do primeiro alumeado eléctrico, da chegada do telégrafo, o teléfono, o automóbil, as conducións de auga corrente, o esplendor da prensa local. E pouco despois a Praza de Abastos, o Banco de España, a Delegación de Facenda, a Casa del Pueblo (desaparecida), o Instituto de Hixiene, o grupo escolar Curros Enríquez cos cartos dos americanos, etc. E da poderosa iniciativa privada, burguesa, que dende finais do XIX erguía edificios tan valiosos como o actual Simeón, a Deputación, a casa e comercio de Fermín García na Praza Maior (hoxe sala de exposicións de Caixanova), o antigo Hotel Miño no Paseo ou a Casa Junquera na Avenida de Pontevedra (hoxe sede de Caixanova).
Clasismo. Probablemente era unha cidade tamén cun marcado clasismo nas súas redes sociais. Basta ver as fotos. Polos xeitos de vestir distinguimos as categorías do corpo social: mozos operarios ou aprendices coas súas puchas, señoras e señores de sombreiros e tocados do señorío urbano, criadas e camareiros, mociños a vender os xornais, etc. Garavatas e “pajaritas” marcan un grao de distinción social: velaí os señores nas terrazas dos Cafés, na Avenida de Pontevedra por exemplo, no Unión, o Victoria, o Iberia, o Regio, na Bilbaína na rúa do Paseo, etc. O ordenador amplía as vellas imaxes e recoñecemos acenos e ademáns que marcan unha certa posición social. Tamén nolo contan as fontes literarias que retratan esa época: Otero Pedrayo cando narra os paseos do señorío e a fidalguía pola rúa da Paz ata o Espolón da Praza Maior, Blanco Amor cando describe o paseo central da Alameda reservado ó señorío. Un Ourense que xa se foi, pero deixou fortes pegadas.