
Sospeito que se non houbo debates en eleccións anteriores foi porque Aznar quedou escaldado despois dos cara a cara con González, debido ao seu bigote que evocaba sketchs de cine cómico. Raxoi aceptou a regueifa porque tiña pouco que perder e, de perdidos, ao río. Falou braceando enerxicamente e mesmo se permitiu algunha difamación (acusou ao candidato socialista de agredir ás vítimas do terrorismo), mantívose firme e altaneiro, como eses oradores que badúan empoleirados nunha caixa de fruta, pero a condenada cámara acariñaba o sorriso de Zapatero e transmitía reflexos dos seus iris celestes. Como os políticos falan para a feira -para as sectas respectivas-, uns dirán que gañou Xan e outros que venceu Perillán, no entanto ficou moi claro quen pode en telexenia. Por baixo da esgrima dialéctica e dos reproches cruzados polos candidatos, a pantalla cantaruxou todo o tempo un vello tema dos Sírex: ¡Qué se mueran los feos, qué no quede ninguno!. Non é milagre que os inquéritos das cadeas xeralistas desen como gañador ao Presidente en funcións. Tampouco foi casual que ZP se despedise cunha frase (Boas noites e boa sorte) dun filme do Clooney. Só lle faltou choscar o ollo.