6 may 2008

Conversas contemporáneas (e 3): serie de entrevistas de MANUEL VIDAL VILLAVERDE en Galicia Hoxe 5 maio. Marcos Valcárcel: "O galego debe ser un valor de mercado no mundo globalizado".

Ao teu ver é posíbel un Estado federal español onde caiba Galicia como nación indiscutíbel?
Sería posible e quizais camiñemos cara a iso a medio prazo, pero sempre será un federalismo especial e un tanto asimétrico. E ademais ese camiño depende tanto da vontade das nacións minorizadas (Galicia, Cataluña, Euscadi) como da receptividade do conxunto do Estado e dun corpus ideolóxico dun posible "nacionalismo español" que vexa esa realidade federal como a máis democrática e progresista para o benestar dos cidadáns de todo o Estado.

Entendes, Marcos, que poida haber unha dereita culta e nacionalista?
Podería e debería habela nunha situación normalizada. Pero é difícil: no plano económico as forzas que a poden apoiar están moi suxeitos a intereses extragalegos, en xeral; no plano ideolóxico, terían que encontrar os pensadores e estrategas axeitados e os que hoxe militan na dereita, na súa inmensa maioría militan tamén no nacionalismo español, mesmo na súa versión menos tolerante.

Cal é a túa relación coa poesía, coa narrativa en xeral?
Pois moi agarimosa, porque traballo na miña profesión con textos literarios todos os días e eles son un apoio fundamental tamén no meu xornalismo ou na preparación de conferencias.
Son un lector moi asiduo de poesía, galega e de todo o mundo, e a poesía sitúame nunha sensación de relaxación e ó tempo reflexión intelectual para min só comparable ó que nos agasalla a música. Na narrativa procuro seguir na medida do posible a obra de autores galegos, onde o nivel é moi alto: sigo con maior fidelidade nomes como Casares, Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Xosé Miranda ou Agustín Fernández Paz, entre outros.

Tes oído falar da asociación "Galicia bilingüe"? Cal é a túa opinión con respecto a esta xente que considera que tamén o castelán é tamén outro idioma da nosa Nación?
Eu creo que realmente esta xente, á marxe da súa opción ideolóxica concreta, teñen un gran medo ós cambios. De feito nacen cando o galego está a dar algúns pasiños, tímidos, no plano legal para a súa recuperación como as Galescolas ou a esixencia do noso idioma no ensino. E tampouco cren nunha Galicia Bilingüe pois non propoñen nin aceptan ningún avance nesa liña: o que queren é unha Galicia Monolingüe en castelán, co galego reducido a un uso folclórico, e iso sería un paso atrás evidente na modernización da nosa sociedade. Seguen atados ós vellos complexos diglósicos.

En que obra ou obras estás a traballar agora?
Teño pendente de saída unha breve Historia de Ourense en Xerais para uso escolar e divulgación en xeral e un traballo sobre un empresario ourensán do transporte, realizado en colaboración co historiador Lois Domínguez Castro. Fóra diso e do xornalismo, que me absorbe moito tempo, prepararei de inmediato a serie Cen Anos de Historia Cultural, publicada neste xornal, para editala en libro, ampliada e revisada.
en poleiro alleo

Camiño do vao. Presunción de clientela, AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN (GH. 6.5.08)

O caso Dreyfus e o primo do Zumosol, Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 6.5.08)

Leopoldo Calvo Sotelo, despedida en Ribadeo (crónica de Xaime da Pena)


Fora xa do boato da Vila e Corte, chegaron polo mediodía os restos de Leopoldo Calvo Sotelo a Ribadeo.
Repousaron ata as seis nun engalanado Concello de Ribadeo do que é ademais de fillo predilecto, alcalde honorario.
Dicir que Calvo Sotelo tivo relación con Ribadeo, degradaría a paixon que sempre sentiu pola vila. Alí estivo na súa nenez, levou a súa noiva e logo muller a coñecer o rompente do Cantábrico e cos seus fillos no verán foron unha familia que se esperaba, ademais de por ser numerosísima e que non pasaba desapercibida, tamén pola categoría dos invitados e convidados que se caían por Ribadeo por mar e terra. O Rei estivo invitado en varias ocasións na súa casa e sen dubida de aí lle ven o título real de Marques da Ría de Ribadeo, e se non houbo algún Consello de Ministros foi sen dúbida por que era algo lacazán o bo do Leopoldo e prefería a orde de Madrid que a desorde mariñán.
Onte, por tanto a vila que tanto gabou deulle o derradeiro adeus, e verdadeiramente sentido polo que se viu, xa que pecharon practicamente todos os locais comerciais, e congregou as autoridades civís e militares de Galicia, que ollaron como oito membros das diferentes armas do exército portaban sobor dos seus ombreiros o cadaleito cuberto cunha bandeira de España.
Estivo a Xunta ó seu máis alto nivel con Touriño e o Parlamento representado por Dolores Villarino. O Estado polo Delegado de Goberno e tamén a Provincia polo Subdelegado.
Tamén estiveron alcaldes e ex alcaldes, case todos da UCD que logo repetiron no PP, con Alberto Núñez Feijoo a cabeza, e un pequeno grupo de ex-compañeiros de partido. José María Pardo Montero, Antonio Díaz Fuentes, Cándido Sánchez Castiñeiras entre outros.
Celebrou un funeral de corpo presente o Bispo de Mondoñedo na Capela de Santa María do Campo, que se desfixo en citas para xustificar a bonhomía do defunto, namentres un coro de voces brancas axudaba a canta-la misa, na que puidemos ver a Landelino Lavilla, Martín Villa , a ministra Cabrera, e os seus fillos cun aspecto grave e desolado, acompañaban na dor a dona de Calvo Sotelo que se lle notaba que o óbito foi inesperado xa que estaba realmente afectada.
Fixeron posteriormente na intimidade un enterro no Cemiterio municipal, e nós deixamos Ribadeo nunha tarde gris, cas ganas de entonar unha habanera na honra dun bo home, despois dunha pequena tertulia vespertina nunha terraza baixo a Torre dos Moreno.

DEZAOITO EUROS
Andoliña 6 maio

Vin esoutro día a película “As mulleres de verdade teñen curvas” (2002), ópera prima da directora colombiana Patricia Cardoso, que fai cine nos Estados Unidos. Unha ben contada historia, interesante, da inmigración sudamericana, que combina a conquista da propia autoestima sobre o seu físico na moza protagonista, e a súa loita polo dereito a un mellor futuro, a través dunha beca para ir acceder á Universidade, mesmo contra as arelas dunha nai castradora.
As mozas sudamericanas, a medio camiño entre as dúas culturas, traballan ata a extenuación nun taller de costura, atafegadas pola calor, e fan fermosos vestidos de deseño ó custe de 18 euros: os mesmos vestidos que se venderán logo nas tendas máis fashion a 600 euros a peza, segundo se afirma na propia cinta.
O mundo é inxusto: alá e aquí. En Galicia tamén se podería rodar unha historia semellante, quizais coas mozas dalgún taller téxtil semiclandestino. Os nosos labregos e gandeiros recollen unha parte moi cativa do que producen: hai outras mans máis cobizosas. Ó cabo, 6 de cada 10 fogares teñen graves problemas económicos. Un de cada catro vive con menos de mil euros ó mes: cóntano os xornais, todos os días.
Xan Bouzada
Coñecín a nova onte pola tarde a través dunha mensaxe dun amigo da Universidade de Vigo. Xan Bouzada, sociólogo e home comprometido coa nosa cultura e co galleguismo, faleceu onte, vítima dun cancro. Trateino hai anos e coincidimos nalgunhas citas culturais, en múltiples ocasións; tamén colaboramos xuntos nunha comisión cultural que hai anos deseñaba un diagnóstico cultural a petición do CCG (na que tamén estaban C.Casares, Damián Villalaín, H. Monteagudo e M. Vieites, entre outros). Soubemos tamén que deixou escrita a súa petición de que a súa despedida fúnebre fose pronunciada polo seu amigo o poeta Darío Xoán Cabana. Dende aquí, o meu pésame á súa familia e amigos/as.


O sociólogo Xoan Bouzada Fernández nacera en Lugo en 1951. Publicou varios libros sobre a materia da súa especialidade centrados na realidade galega, como Escola, cultura e vida comunitaria nun concello galego: Moaña, A situación socio-cultural dos concellos galegos e O desenvolvemento comunitario local. É autor tamén de Familia e comunidade (Galaxia, Ensaio 2002). Xunto a Anxo M. Lorenzo Suárez escribiu Redes sociais e conxuntos de acción (Galaxia, Igesco, 1996). Pertencía tamén ó consello de redacción da revista Grial. (Na foto, nun acto no CCG, en compaña de Emmanuel Nègrier).

5 may 2008


Onte en Auria (foto Trebolle)

Tivemos onte en Auria un festival folclórico internacional con grupos de mozos/as moi novos, case nenos, chegados de diversas xeografías. Velaí unha mostra, chegada dende Ucraína.
Organizaba o festival o colectivo Queixumes dos Piñeiros (algún lector ourensán pensaba que por aí andaba o noso contertulio Arume, pero non; é só coincidencia).

Máis fotos da xornada, que foi día dos Maios e logo celebración madridista, no novo blogue do amigo Trebolle.

Conversas contemporáneas (2), entrevista realizada por M. Vidal Villaverde.
Na publicación en papel (non na web) a entrevista sae ilustrada coa foto que agora adxunto: do fotógrafo Eduardo Núñez, fíxoma hai uns anos na Biblioteca da Deputación ourensá para o seu libro "Retratos. Eduardo Núñez" (Concello Ourense, 1999, col. Auria).

Ourense como xeografía intelectual e sentimental. Cal é a túa definición dende algures a xalundes, pasando, claro está por ese lugar que moitos de nós-outros adoitamos dicir Ningures, Terra de?
Para min Ourense é unha localización sentimental e literaria no mundo, cun perfil moi preciso ("Ourensanía" chamoulle Luís González Tosar), pero perfectamente compatible coa nosa identidade galega. A Xeración Nós entendeuno ben ofrecendo a súa visión do mundo, por riba de calquera localismo, dende unha pequena cidade case agraria naquel tempo pero cunha fortísima personalidade cultural.

Vicente Risco -sempre inevitábel-; ti tes unha visión del -dende o punto de vista político máis que literario, se mal non recordo- por outra conversa- que non coincide co que o nacionalismo galego -de esquerdas- ten do etnógrafo, historiador, arqueólogo e mesmo novelista ten del. Por medo, sufrimento, ou convicción ideolóxica, Risco non retou máis que subliminalmente en santa comuñón co fascismo, co nazismo, esquecedendo o "credo" anterior?
Creo que non existe unha visión tan unívoca de Vicente Risco, porque era un personaxe de gran complexidade e perspectivas diversas. É evidente que o seu substrato era conservador e fondamente católico e irracionalista e que en 1936 cambiou o "chip" do nacionalismo galego, sequera temporalmente, polo nacionalismo español.
Pero esa é só unha das moitas perspectivas posibles de Risco: non se esqueza o seu papel de maxisterio nas vangardas de preguerra (de Blanco Amor a Manuel Antonio, pasando por Castelao) ou o seu rol de núcleo aglutinador dos artistiñas do Volter e dos escritores ourensáns dos anos 50. Por riba das súas conviccións ideolóxicas, eses escritores e artistas que tanto admiraban a Risco eran de esquerdas e antifranquistas. E noutros planos como as artes ou a literatura Risco foi sempre un home aberto e modernizador.

E despois desta túa resposta, non cres, Marcos, que a evolución de Ramón Piñeiro estaba connotada coa mesma liña de Risco?
Queda moito aínda por investigar sobre o galeguismo de posguerra: convén arredar nese campo o que é substancial do que é anecdótico. E Galaxia e Piñeiro tamén se empeñaron na recuperación de Risco neses anos para a cultura galega: entenderon que era un luxo absurdo prescindir da forza da súa personalidade e da súa obra.

Imaxino, ben lonxe do imaxinario que ti lerías a "monumental" viaxe de Beranmendi recentemente publicada "De provincia a nación". Tes algún punto de desencontro con Beramendi?
O certo é que non a rematei aínda, pero é unha entrega fundamental para a nosa historia política e cultural. Dende os seus primeiros traballos sobre Risco, Beramendi, que foi compañeiro meu como alumno na Facultade de Historia, marcou un outro xeito de traballar na historia do nacionalismo, privilexiando as compoñentes ideolóxicas sobre a historia máis factual.
O seu último libro é unha entrega moi valiosa neste sentido e eu non tería nada relevante que contradicirlle. Só engadir que, por razóns obvias, a última parte do volume, sobre o nacionalismo contemporáneo, é só un apuntamento dun posible traballo de fondo sobre esa etapa que quizais Beramendi ou outro historiador afronten no futuro.

E posible unha nación sen Estado de si?
Obviamente existen nacións culturais moito antes que os Estados; así foi tamén na Europa ata datas non moi arredadas. Depende da evolución histórica e da vontade maioritaria dos seus cidadáns que esas nacións, como Galicia, Cataluña ou Escocia, rematen por constituírse en Estados ou acaden graos de maior ou menor soberanía dende outras fórmulas. No mundo de hoxe, globalizado e nunha perspectiva europea, o que interesa son os resultados finais para o benestar dos cidadáns e non a forza dunha palabra fetiche determinada.
Dous artigos de interese (El País 6 maio 2008)

Ou, cando menos, que eu xulgo interesantes. O de Almudena Grandes porque reflicte como é na dereita onde hoxe está a mobilización política máis dinámica e onde hoxe se reivindica, curiosamente, o papel da ideoloxía (se don Gonzalo erguese a cabeza...). O de Antón Baamonde, porque subliña as grandes virtudes do bipartito galego na Xunta no que significa de reforzamento dun discurso plural e non sectario.

"Mejor dos", de Antón Baamonde

"Ideología", de Almudena Grandes
RELECTURAS. O NACIONALCATOLICISMO (e II)
La Región 5 maio 2008. Imaxe da Enciclopedia Estudio, anos 50.

Ceo e diñeiro. Abordamos o pasado luns a primeira parte dunha relectura: a do libro “Cielo y dinero. El nacionalcatolicismo en España (1881-1975)”, un estudo de Alfonso Botti (1992). Vimos como o NC se definía como unha ideoloxía marcada pola consubstancialidade entre o elemento católico e o nacional na Historia de España e como asentaba as súas bases no pensamento antiliberal do século XIX: Donoso Cortés, o carlismo, Menéndez Pelayo, e logo nos intelectuais axuntados nos anos 30 arredor da revista “Acción Española” (Maeztu, Pradera, Montes, etc.). Xa desde antes da guerra civil o NC vai subliñar dúas claves que marcarán despois todo o período franquista: o ideal panhispánico, que considera a América de fala española como obra do catolicismo (12 Outubro, Festa Nacional) e a vea africanista que tería a súa orixe no “mandato de civilización” contido no testamento da raíña Isabel (1504) e como desexo de desquite contra o Islam. O ideal panhispánico queda reflectido tamén no propio programa de Falange que reclama un Imperio para unha España como “eje espiritual del mundo hispánico”: dalgún xeito, a mesma tese do “espazo vital” que reclamaron tamén os fascismos en Italia e Alemaña. O crego vasco residente en Buenos Aires Zacarías de Vizcarra escribe destas cousas neses anos e nos anos 40 o réxime lanza revistas tan significativas como “Cuadernos Hispanoamericanos” e “Mundo Hispano.”
Papel unificador. O NC tivo dende os anos 40 un poderoso papel de unificación das forzas gobernantes e o citado “hispanismo” serviulle a Franco para rachar o illamento internacional do ONU: só os países latinoamericanos tiñan relacións co ditador e por exemplo a chegada de Perón ó poder significou un aluvión de importacións dende a Arxentina. A linguaxe vaise axeitando ás necesidades: os bispos, xa en agosto do 36 o bispo de Santiago, falan de “Cruzada” para xustificar a guerra civil e da necesidade de recristianizar a sociedade. Os párrocos rurais son os encargados de expedir certificados de boa conduta, que podían librar do cárcere ou da morte. O xesuíta Francisco Peiró non só pide a camisa azul e a asistencia ós desfiles, senón tamén a militarización interior do espírito. Nos primeiros anos do franquismo, figuras como Areilza, Castiella e Martín Artajo son fundamentais no NC español, como o será no pensamento García Morente, que escribe en favor dun Imperio Católico Mundial. Xorde tamén o grupo católico-falanxista da revista “Escorial”, da que sairía un núcleo crítico co réxime (Ridruejo, Laín Entralgo, Torrente Ballester, etc.). Moi cedo prodúcese tamén o despegue do Opus Dei, fundado en 1928 e que encherá de ministros tecnócratas os gobernos franquistas dende os anos 50: a santificación polo traballo e a lexitimación da ambición por amor a Deus. Botti subliña o papel no NC de figuras como Ángel López Amo e Rafael Calvo Serer, que tiña gran amizade con Caetano e admiraba o model portugués salazarista. Apostaban polo desenvolvemento económico como camiño para o político e por unha monarquía social na figura de Juan Carlos, de feito designado sucesor por Franco en 1968.
Conversas contemporáneas (1):
serie de entrevistas de MANUEL VIDAL VILLAVERDE en Galicia Hoxe 5 maio.
Marcos Valcárcel: "O galego debe ser un valor de mercado no mundo globalizado".
Sae hoxe, en GH, a entrevista que me fixo o amigo Vidal Villaverde na súa serie Conversas Contemporáneas. Fálase nela da lingua galega, da Historia de Galicia, de Vicente Risco e Ramón Piñeiro ou das posibilidades dunha dereita galeguista, entre outras cousas. Reproducireina no blog, en 3 entregas, por se alguén quere debater arredor dalgún dos seus apartados.

Marcos, ti como historiador, e mesmo "in illo tempore", necesariamente entre aspas, máis que en cursiva, nunca che tentou o elaborar unha evolución da lingua da Nación galega?
Pois, se te refires ó nivel científico da evolución da Lingua Galega creo que eu non sería a persoa axeitada para iso e hai xa varias Historias da Lingua no mercado ben valiosas. Outra cousa sería estudar o papel que a lingua como clave fulcral tivo no pensamento galeguista de todos os tempos, dende os pensadores rexionalistas ata hoxe; neste sentido tamén hai achegas ben valiosas sobre o papel da Lingua na definición da nación en Murguía, Risco, ou Castelao, por exemplo, pero si sería posible e pertinente un ensaio de conxunto, que fose marcando con detalle todas as modulacións dese debate. En calquera caso, só dende o galeguismo e o dende o nacionalismo, houbo unha atención preferente a este tema: ignoramos qué opinan do papel da lingua na nación doutras claves ideolóxicas e nalgúns casos semella que prefiren negala antes de formularse este problema.

Despois desta túa resposta, e retornando ao idioma, cal é a túa opinión con respecto á chamada "normativa de concordia?
Apoiei dende sempre todos os pasos cara a unha normativa de concordia (varios centos de profesores de galego asinamos no seu día unha carta nesa liña) e creo que o acordo conseguido foi moi positivo, no xeito de integrar cantas máis forzas mellor na loita pola normalización do idioma, respectando a estrutura profunda da lingua.

Ves o galego -refírome naturalmente ao idioma- en perigo de extinción ou desaparición fronte ao castelán?
Os perigos son evidentes pola aparente falta de relevo no nivel da mocidade dos falantes actuais, de maior idade. Pero ninguén pode predicir con total seriedade o que vai suceder: depende esencialmente das xentes, co apoio das institucións públicas. O galego dende logo non é ningunha lingua marxinal: ten un status oficial, unha poderosa literatura e soporte cultural detrás, ó seu favor a vontade de grupos moi concienciados e, en xeral, unha posición non de hostilidade senón de indiferenza nos sectores menos comprometidos coa lingua. O desleixo é máis perigoso, porque socava as bases do contrato social do país coa súa lingua. Os grupos máis hostís son moi barullentos, como os carballos que caen facendo ruído, que di o Ferro Ruibal, pero mentres o conxunto do bosque segue a medrar en silencio. O que si sería moi positivo é esculcar nas estratexias máis acaídas para implicar a mocidade na causa do galego, con mensaxes en positivo: como di, un pouco en brincadeira o amigo Monxardín, teriamos que contratar a favor do galego o xerente da Coca-Cola. Por probar?

O bilingüismo -castelán-galego- é algo natural e consubstancial aquí?
O bilingüismo é sempre unha situación transitoria e filla dunha evolución histórica na que o galego, lingua de noso ou lingua propia, tivo todos os atrancos contra todas as vantaxes do poder a favor do castelán. Pero a historia non pode dar a volta e imos cara ó futuro. E o futuro non será monolingüe, sen dúbida, nin sequera bilingüe: oxalá sexa plurilingüe e os nosos mozos e mozas se enfronten ó mundo co coñecemento de varios idiomas. E entre todos eses idiomas, o galego podería e debería ser a lingua de instalación preferente da nosa sociedade: iso será moito máis rico, dende logo, que rendernos ante a presión do castelán e converternos nunha "provincia" máis, sen singular personalidade cultural. O galego debe ser no futuro un valor a engadir, mesmo un valor de mercado no mundo globalizado, aquilo tan repetido do vello Risco: "Ser diferente é ser existente", que encabeza como lema o meu blog (As uvas na solaina).

4 may 2008



Homenaxe pendente (Ben-Cho-Shey)
Pan por Pan domingo 4 maio 2008
(retrato de Tudó)

A festa dos Maios, de tan fondas raíces populares, tivo grandes valedores. A comezos do século XX os homes da Liga de Amigos do Corpus e fundadores das primeiras Irmandades da Fala, xentes como Hixinio Ameixeiras, Prado Lameiro, García Nóvoa. Na posguerra, o inesquecible “Ben-Cho-Shey”, que así coñecía todo o mundo a Xosé Ramón e Fernández-Oxea. El foi a alma dos maios durante moitos anos: participaba sempre nos xurados e gardou fotos, coplas e todo tipo de documentos arredor da festa, que hoxe se conservan na Biblioteca da Deputación. Unha pequena mostra dese tesouro está exposta na Avenida de Pontevedra. Auria ten unha débeda con este home, mestre, etnógrafo, erudito, xornalista, bibliófilo e político galeguista. Xa sei o que escribiu na tampa do seu último apousento en San Francisco. Pero era brincadeira: non lle fagamos caso niso.
Descóbrenos a Antón Villar Ponte
Emilio Xosé Insua: "As miserias do xornalismo do século XX multiplícaronse na actualidade" (Rosa Rodríguez, Galicia Hoxe, 3.5.08)


Estás de acordo coa afirmación de Ponte que "todo brillante periodista é un grande escritor anquilosado".
Quen fai semellante afirmación foi unha persoa que durante a maior parte da súa vida, obrigado polas circunstancias ou levado pola total entrega á causa galeguista, exerceu como auténtico "forzado da pluma" e, desde esa perspectiva, está claro que non puido levar adiante ou culminar axeitadamente, por falta de tempo ou de vagar, varios proxectos como escritor. O xornalista devorou o escritor e aínda así, entre a produción literaria de Antón hai verdadeiras xoias.

Tamén dicía: "Os xornalistas libres non se nos persegue, pero non se nos busca para postos retribuídos". Segue pasando iso?
Aínda que non son o máis indicado para dicilo, pois non me dedico profesionalmente ao xornalismo, intúo que o tipo de "xornalista libre" a que se refería Villar Ponte non é precisamente o que buscan as empresas mediáticas galegas actuais. Cando determinados medios censuran a Suso de Toro polas súas opinións ou a Pepe Carreiro polas súas viñetas, cando prescinden de plumas de calidade contrastada como María Xosé Queizán ou Vázquez Pintor como colaboradores, cando optan por contratar columnistas foráneos de axencia en vez de dar voz aos escritores e escritoras do propio país, etc. estase a cumprir, infelizmente, a diagnose villarpontina a que facías referencia na túa pregunta.

Que pensaría do xornalismo dos nosos días?
Sería moi atrevido dicilo no seu nome, dadas as circunstancias... Sabemos o que pensou do xornalismo do seu tempo e, na medida en que moitos dos defectos e das miserias daquel xornalismo seguen aparecendo, mesmo multiplicadas, no actual, non é difícil chegar á conclusión, todo o provisoria e hipotética que se queira, de que non estaría moi feliz co panorama. Desde logo, non dubido que as baixísimas porcentaxes no emprego do idioma por parte da prensa galega serían obxecto do seu látego dialéctico e que o papanatismo sucursalista, a atención excesiva ao mundo faranduleiro e o nulo arroupamento dado á cultura galega por parte dalgúns medios actuais sería denunciado con contundencia.












A imaxe do noruegués Dolk, da que se falaba máis embaixo

Cen anos de historia cultural
2001: World Poetry Day
De esquerda a dereita, o poeta Wole Soyinka, Marilar Aleixandre e Alfonso Eiré.
O acontecemento cultural do ano foi, sen dúbida, a celebración en Compostela do Día Mundial da Poesía, da man do Pen Clube Galego e no Auditorio de Galicia. Tamén houbo un acto de homenaxe ós nosos poetas medievais na illa de San Simón. Nestas actividades participaron o poeta palestino Hanna Awwad, o portugués Eugenio de Andrade, a rusa Bellla Akhamandulia, o sueco Lasse Sodeberg, o quenyano Sam Mbure, o antillano premio Nobel Derek Walcot, o nixeriano Wole Soyinka, ademais dos galegos Helena Villar, Luís González Tosar, Xosé Luís Méndez Ferrín, Ana Romaní, Antón Lopo ou Xulio Valcárcel, entre outros. Na súa intervención o poeta Wole Soyinka definiuse como “un defensor de calquera grupo minoritario que se enfronta con grandes poderes, porque cando a un pobo se lle rouba a súa cultura, roubáselle a súa humanidade”.

3 may 2008




Ourensanía
Abrín o arquivo de fotos Ourensanía hai pouco máis dun mes.
O tempo que teño é pouco, pero, de vagar, xa pasamos das 300 fotos. 310 en concreto hoxe. Graciñas de novo a todos os que mandaron imaxes.
Velaí as referencias de hoxe: Ben-Cho-Shey (3), Santo Cristo (2), carta comercial José Aguirre, postal comezos s. XX, Olga Gallego (2), Millán Picouto, Xaime Quessada, Liceo de Ourense e Clube A. Bóveda, exposición Curros na Coruña.
Deixo aquí dúas de Ben-Cho-Shey (identificados case todos en Ourensanía).

Dende mañá, selo do Santo Cristo de Ourense

Correos estreará un selo dedicado a este símbolo de Ourense no día da súa festa na capela restaurada (Jesús Manuel García, LVG. 16-2-08).
O 3 de maio Correos porá en circulación un selo coa imaxe do Santo Cristo, un dos tres símbolos da cidade de Ourense, coincidindo coa súa festividade na capela recentemente restaurada na catedral. é un proxecto que partiu da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño. Todo empezou na súa exposición de novembro do 2007. O bispo viu unha serie de selos vaticanos e propúxolles facer unha exposición o día que se inaugurase a capela. Pero a sociedade foi a máis e os seus directivos promoveron o deseño dun selo e unha postal que recibiron a aprobación de Correos .
Do deseño do selo encargouse a profesora María Elisa Abad Suárez. Vese só a imaxe do Cristo sen máis adornos grazas a un tratamento informático. é un selo personalizado acorde coas normas oficiais para esta clase de documentos. Preséntase en pregos de 25 unidades cun tamaño de 297 por 210 milímetros e un tamaño individual de 40, 9 por 28,8 milímetros, vertical ou horizontal e dentado. Os pregos imprímeos a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. A súa presentación farase o 3 de maio, tras a misa solemne que presidirá o bispo.
A imaxe do Santo Cristo de Ourense foi un agasallo do bispo Vasco Pérez Mariño á catedral nos primeiros anos do século XVI. Este relixioso foi bispo de Ourense entre 1333 e 1343. Colocouna no cruceiro da basílica, onde está hoxe o retablo da Virxe do Pilar . O bispo Fernando Tricio de Arenzana buscoulle un lugar máis adecuado e iniciou a construción da capela onde estaba a vella sancristía. Empezouna en 1569 para acabala en 1573. Era o que hoxe constitúe o primeiro corpo da actual capela, ampliada máis tarde entre 1673 e 1694.
A imaxe deste símbolo ourensán é de tres cravos, de longa melena negra e pouca barba. Ten coroa de espiñas e destaca o pano ceñidor. No século XVI Ambrosio de Morales dixo desta imaxe: «Verdadeiramente o rostro é devotísimo con aspecto de gran serenidade e mesura».
A imaxe mide dous metros de altura e parece que está de pé máis que colgada dun madero. O 7 de abril de 1905, no Eco de Ourense , o médico Andrés Vázquez publicaba un estudo anatómico desta imaxe e dicía: «Non pode se máis acabada», pois tal é o realismo que presenta, sobre todo no rostro e brazos. é unha imaxe con lenda. O seu pelo, barba e bigote son postizos.
O tronco é un tecido de liño con espesa capa de pintura, ten unha chaga fonda rechea dun material fibroso. Reflexa un dramatismo forte con este corpo descoyuntado pola tortura.
A súa capela xa está aberta ao culto desde o Mércores de Cinza, cando, baixo a presidencia do bispo, trasladouse en procesión, con velas, o Santísimo desde a capela maior da catedral ao sagrario da capela santuario cuxa iconografía ofrece unha mensaxe no que se harmonizan as virtudes cardinales agrupadas xunto á Xustiza (que nos remite ao platonismo) coas virtudes teologales, achegadas polo cristianismo.
Cardenal Quiroga. A sociedade filatélica Miño xa dedicou outros selos á igrexa de San Martiño de Loiro (Barbadás) no 2007 así como unha postal e sobre; dedicou outro selo e sobre a Xaquín Lorenzo, Xocas; deseñou un cuño en honra de San Martiño e, como di o seu presidente, José Barros Cachaldora, esperan pór en circulación un selo do cardeal Quiroga, que se presentará en Maceda, e o da igrexa de Vilarrubín, na Peroxa.

en poleiro alleo:
Austria no diván, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 3.5.08)
http://www.laregion.es/opinion/1551/
(Imaxe: O pesadelo, do pintor simbolista H. Füssli)

(...) este mundo rebentou dúas veces coas dúas Grandes Guerras. Pero sen culpables aparentes. A primeira reduciu o imperio á Austria actual, dúas veces e media o tamaño de Galicia, habitado por menos de oito millóns de persoas, e case matou Viena (no ano 2000 tiña setecentos mil habitantes menos que en 1916). Desapareceu o Imperio e a el foron as culpas todas. Logo, houbo vinte anos de resentimento para alborozarse coa chegada de Hitler; e de novo compartir un tráxico destino imperial. E cando cae Hitler, todos calan, todos teñen moito que calar. Érguese un inmenso muro de silencio e inventan o papel de vítima que convén a vencedores e vencidos. Así, con ese saber e calar, Kurt Walheim, ex nazi, chega ao cume das Nacións Unidas e logo, á presidencia do país.Todo é posible, pois. Só hai que disimular. A culpa non existe se non se publicita. Ademais, non é educado falar. O crime sen castigo. Nunca pasa nada. A Viena escura do ‘terceiro home’, dos refuxios antiaéreos, dos sotos onde agacharse de nazis, de aliados, de rusos... parece que agroma nos arrepiantes casos que por alí se producen. Austria necesita resucitar a seu veciño Sigmond Freud, deitarse no seu diván e falar, falar e falar dos anos mozos para tratar de enfrontarse de novo ao futuro con ollos máis limpos.
O artigo de Aymerich
Colgado xa noutro fío, non gustou a moitos comentaristas nin ós socios socialistas. Velaí algunhas mostras:

Si acaso, la desavenida pareja que gobierna Galicia podría correr el riesgo de que los ciudadanos se tomen al pie de la letra los reproches que los dos cónyuges suelen intercambiarse.Imaginemos, un suponer, que los gallegos den crédito al diputado progubernamental Aymerich cuando afirma que los conselleiros del PSOE son, por así decirlo, unas nulidades. Dado que los socialistas desempeñan aproximadamente el 75 por ciento de las tareas de gestión, al desconcertado vecino de este reino no le quedaría sino deducir que al menos dos terceras partes del gobierno gallego son un perfecto desastre. Una deducción avalada, además, por la restante tercera parte de ese gobierno y no -como parecería lógico- por la oposición propiamente dicha, que es la conservadora.
"El gobierno gallego se opone a sí mismo" (A. Vence en Faro Vigo 3.5.08)

"Si yo fuera Carlos Aymérich, portavoz parlamentario del BNG, estaría preocupado por las conclusiones que extrae al analizar la gestión de sus socios de gobierno en la Xunta, que juzga como un estrepitoso fracaso, excepción hecha del área de Pesca en la que sin ser optimista admite que ha hecho poco. Si el análisis fuese certero, habría que preguntarse cómo ha tardado tanto en hacerlo público; más, cuando los señalados trasladan su papel como modélico, salvo algunas disfuncións puntuais (Touriño dixit) en Sanidade por culpa de las listas de espera. Cierto que no todo es tragedia en la labor del Ejecutivo, pues el dirigente nacionalista salva la acción de las consellerías de su partido y su programa transformador".
"Transtorno bipolar" (Lalo Pavón en La Región 3.5.08)

Banksy ilumina o túnel
Máis de corenta graffiteiros de todo o mundo reúnense hoxe nun túnel do Eurostar, cerca de Londres, convocados por Banksy, o misterioso creador que se converteu na icona desta arte e que ultimamente cotiza á alza nas poxas de medio mundo. O propio Banksy prestou varias obras, entre elas, un encarapuchado autolesionándose.
REDACCIÓN Galicia Hoxe (Imaxes do noruegués Dolk)
Un lóbrego túnel ferroviario da liña Eurostar, os trens que unen Londres co continente, convértese hoxe nunha das atraccións artísticas da capital británica grazas a unha exposición de graffiteiros de todo o mundo organizada por Banksy. O misterioso graffUn lóbrego túnel ferroviario da liña Eurostar, os trens que unen Londres co continente, convértese hoxe nunha das atraccións artísticas da capital británica grazas a unha exposición de graffiteiros de todo o mundo organizada por Banksy. O misterioso graffiteiro británico, cuxas obras alcanzan ultimamente elevados prezos nas poxas, reuniu corenta cultivadores dese tipo de arte urbano para converter un escuro túnel do sur da capital británica nunha singular exposición. O propio Banksy contribuíu con varias obras, entre elas unha que representa un encarapuchado que se autolesiona, un buda cun colar ortopédico e un empregado municipal que intenta borrar unhas supostas pinturas rupestres. O artista noruegués Dolk pintou o Papa ó estilo da imaxe icónica de Marilyn Monroe sorrindo en plan coqueto mentres a túnica parece que lle vai voar.Os graffiteiros chegaron de todas as partes do mundo, incluídos Estados Unidos e a Arxentina. Segundo o arxentino Federico, do colectivo de arte urbana Run Dont Walk, “todo ocorreu moi rápido. Dixéronnos que reservásemos os nosos voos. É estupendo atoparse aquí con xente de todo o mundo”. Leon, artista británico residente nos Ánxeles, explica que aínda que “é tradicional que os artistas do graffiti colaboren, é algo que non ocorrera antes a esa escala”. Trátase da primeira exposición organizada no Reino Unido por Banksy desde a bautizada Crude Oils no 2005, cando expuxo 164 ratas vivas e estragou copias de cadros famosos de Van Gogh e Edward Hopper.

A vida dos maiores

Andoliña 3 maio 2008. Imaxe: Cabeza de home,
de Van Dyck.

Escoito na Radio Galega un anaco dun programa que trata sobre a Lei da Dependencia e a atención ós nosos maiores. Chaman persoas dende as casas contando as súas experiencias. Eu debín coller o programa en mal momento. Vexan. O primeiro que chama quéixase con detalle porque non lle pagaron aínda nada e, aínda que fixo todos "os papeis", logo llos perderon polo camiño: "Son uns mangantes, eles e elas, todos", di, indignado cos funcionarios que lle importunan a vida. Chama logo unha señora e case bota a chorar porque di quen os seus fillos si que a atenden, pero non lle dan agarimos: nada os que están fóra, que nin chaman, e insinúa que tamén pouco os que viven con ela.
Xa chegaba, pero hai máis. A terceira persoa ó teléfono está aínda máis cabreada cás outras. Segundo ela, atendeu á súa nai enferma durante vinte anos. Logo levouna canda ela outra irmá e esta quedou cos cartos da nai e secuestrouna en vida, sen deixala falar con ninguén. A segunda filla di que a primeira tíñaa mal coidada e chea de merda. Supoño que estes casos son certos. E haberá máis. Pero, unha vez máis, os medios sen querelo amplifican a traxedia. Se esa fose toda a realidade, habería que concluír que as familias galegas son un inferno.

2 may 2008


Carlos Casares // Bieito Iglesias
(na imaxe, os dous escritores, con Cristina Berg no medio, nuns Encontros Literarios no Liceo de Ourense, mediados dos 90)

O celuloide perdido de Carlos Casares
A familia do escritor recupera algúns filmes en Súper 8 que él mesmo guionizaba e montaba (ALFONSO PATO en El País-Luzes 2.5.08)

ENTREVISTA: Luces BIEITO IGLESIAS Escritor. "Nas clases medias suceden poucas cousas", DANIEL SALGADO, tamén en Luzes, EP. 2.5.08.

en poleiro alleo
(Imaxe: Acróbata, 1930, Picasso)

En minoría I: Olga Gallego, de Xosé Luís Méndez Ferrín (FaroVigo, 2.5-08)

As amas de casa son as maiores consumidoras de psicofármacos (EFE, F.V. 2.5.08)
Fío Musical (5)
MÚSICA E LITERATURA (Xabier Álvarez Iglesias)

Nunha recente entrevista o escritor francés Pascal Quignard afirmaba: "Un bo libro, pola súa entoación, polo seu ritmo, é música. Cando se le, escoitase". Coñecía o escritor e músico por un par de obras xa antigas: "La lección de música" e "Tous les matins du monde", por certo levada ó cine baixo a dirección de Alain Corneau, na que Gérad Depardieu da vida ó músico barroco Marin Marais.
As reflexións de Quignard recordáronme o vello debate entre música e palabra para reafirmarme na idea de que a música xa está nas palabras ata tal punto que a linguaxe se pode considerar como unha das fontes naturais da música.É por iso que encontro na música vocal e coral (palabra e música) o maior exponente da simbiose de ámbalas dúas artes. Sirva de exemplo o sexteto finés RAJATON.

1 may 2008

axenda: Visións de Galicia: Poetas de posguerra,
ciclo no Liceo de Ourense

Luns 5 maio. Darío Xoán Cabana, conferencia sobre Xose Mª Álvarez Blázquez
Venres 9 maio. Luís González Tosar: Uxío Novoneyra.
Luns 12 maio. Miguel Anxo Fernán Vello: Manuel María.
Xoves 15 maio. Ramón Nicolás: Celso Emilio Ferreiro.
Luns 19 maio. Marcos Valcárcel: Antón Tovar.

El Liceo de Ourense recuerda a los poetas gallegos de posguerra (El Correo Gallego, 1 maio). EFE • OURENSE
El Liceo de Ourense dedicará su ciclo anual de conferencias Visiones de Galicia a un grupo de poetas gallegos de posguerra entre los que se encuentra Xosé María Álvarez Blázquez, que será el centro de la celebración del Día das Letras Galegas, el próximo 17 de mayo, anunciaron ayer los organizadores.
El programa del Liceo incluye sendas conferencias sobre el poeta de Tui Álvarez Blázquez, los lucenses Uxío Novoneyra y Manuel María, además de Celso Emilio Ferreiro y Antón Tovar, de la provincia de Ourense, señala un comunicado.
Todos ellos se agrupan en lo que los críticos llaman Promoción de enlace o Generación de las Fiestas Minervales.
Según el responsable de la sección de Literatura del Liceo, Marcos Valcárcel, colaborador habitual del Grupo Correo Gallego, todos ellos contaron en Galicia con el respaldo del diario de Santiago La Noche, que tenía un suplemento cultural.
Ourensanía
Israel Rodríguez Freire fíxome chegar unha fermosa colección de fotos de Ourense (velaí esta mostra). Escolmei 11 delas que xa están entrando na Ourensanía.



Tamén hoxe en Auria (fotos Pepe Trebolle)
Simpática, sobre todo, a chuvia de bandeiras multicolores e plurais...

Corrixir e correxer (Afonso V. Monxardín, La Región 29.4.08)
Imaxe: Ciborio da Catedral, foto Fernando del Río.

Hai moitos anos, Ourense era unha especie de aldea grande. Xuridicamente parece que foi cidade desde a noite dos tempos. Así aparece en todos os textos antigos, como reitora administrativa dos terreos circundantes e sé eclesiástica. Seguramente levou o título de cidade desde época romana, pero os carros de vacas transitaban polas rúas do casco vello ata hai setenta anos e as viñas chegaban ao pé das casas ata hai cincuenta. (Cando Afonso X falou do ‘boo viño d’Ourens’ no século XIII referíase, insisto sempre, ao da urbe e non ao da inexistente provincia.) E como a maioría dos núcleos de poboación, como case todas as nosas aldeas, estaba dividido en barrios con nomes de orixes diversas. Moitos deles coñecémolos desde o século XI -como Mariña Mansa, por exemplo- e outros teñen que ver con cousas modernas, como o barrio de sorprendente nome matemático O Vinteún, denominado así pola antiga feira de Canedo. E entre os núcleos ou barrios antigos había, de forma desigual, casas, rosíos, hortas e espazos públicos e privados, máis ou menos baleiros e que foron desaparecendo ao tempo que se formaban rúas e prazas.Vexamos algunhas vicisitudes dun destes nomes. Por riba da Catedral, ou sexa do que se ía configurando como centro da urbe, apareceu nos séculos medievais antigos un barrio que se chamou, como en tantos sitios e por puras razóns topográficas, Cima de Vila. Logo, a partir de mediados do século XV, pasou a ter alí a súa residencia, casas e cárcere, a nova autoridade política do Estado que viña a reforzar entre os veciños da cidade a súa vinculación ao rei fronte ao poder eclesiástico. Esa dignidade, o que viña a ‘rexer’ con veciños, chamouse ‘correxedor’. Aínda hoxe cando a un non lle ‘goberna’ ben a cabeza, dise que non ‘rexe’. Por iso, o que ‘rexe’ con, insisto, é o correxedor. É lóxico que o nome do lugar fose cambiando, pouco a pouco na lingua popular de Cima de Vila a Correxedor e despois, cando esta se urbaniza e define, xa nos séculos modernos, ou sexa XVI ao XVIII, e se castelanice na documentación acabe aparecendo como Plaza -ou plazuela- del Corregidor. O que é disparate é que na sinaléctica urbana apareza ‘Corrixidor’, que en galego moderno, significa simplemente o que corrixe. Ou sexa que en vez de un gobernante e os seus súbditos, lembra a un mestre cos exames dos alumnos. Así eu propoño corrixir aos nosos munícipes rexedores de cultura que deben rexer no tema. E que manden corrixir os letreiros e pór Correxedor, porque o que desde alí se facía era correxer que non corrixir. ¿Correcto?



Hoxe en Auria (1 Maio 2008, fotos Pepe Trebolle)
A Pexa, de Bieito Iglesias (ECG 1.05.2008)

A pexa ou apea para trabar as patas dos cabalos foi estorbo de uso xeral ata hai poucos anos. Tratábase dunha soga atada a dúas pernas dos solípedos que acurtaba as alancadas e impedía que abeirasen lonxe. Nunha foto de imprensa vexo que se segue utilizando ese xénero de impedimentos co gado equino bravo ou mostrengo: a instantánea -tomada no monte Xiabre- retrata unha besta que leva un pau en forma de forquita prendido nun artello. Infórmame amais o xornal de que tal práctica está hogano prohibida pola Lei de Protección dos Animais Domésticos e Selvaxes en Captividade de Galiza. Parece lóxico e necesario lexislar contra as apeas porque nos incendios de pasados veráns morreu moita cabalada que, por pexada, non pudo fuxir da labareda. Pero, á marxe desta constatación, o feito de que existan esas leis proteccionistas revela a muda profunda que experimentou a sociedade nas últimas décadas, pois non hai tanto que semellantes providencias resultarían estrañas á mentalidade popular. Eu vin afogar unha egua que quería pasar o Miño, desde o coiñal da Chavasqueira ata os prados de Angelita Varela situados na outra banda do río, precisamente porque coas patas enredadas na traba non se remexía e non foi capaz de vadear as correntes. A xente que presenciaba o incidente lamentou esa morte pero non pensaba que atar a besta fose unha crueldade a prohibir. Rexía unha concepción utilitaria no trato coas animalias, exenta de todo sentimentalismo:tanguíanse coa aguillada os bois pousóns; ás vacas lionas púñaselle unha táboa (atada nas cornas) sobre a testa, para dificultarlle a visión e evitar que escornasen.
Tense a impresión de que o avanzo da civilización dulcificou o corazón dos humanos, do que se benefician os brutos. No entanto, en escenarios bélicos iraquianos e en domicilios con marido maltratador ou asasino, nótase que o home continúa sendo un lobo para o home. Dito sexa sen ánimo de difamar ao lobo.

Linguaxe e fascismo
Andoliña xoves 1 maio

A linguaxe nunca é inocente. En Roma a esquerda perde a alcaldía da cidade despois de quince anos de goberno, que pasará agora a mans de Gianni Alemanno, do partido posfascista Alianza Nacional e socio de Berlusconi. Co vello discurso de sempre: anticomunismo, medo á inmigración, alerta sobre a seguridade cidadá. O certo é que as dereitas, moderadas ou radicais, nunca son moi orixinais: Rajoy usou argumentos semellantes na campaña española. Pero non lle foi ben.
Os militantes da AN saúdan brazo en alto, como nas vellas películas de guerra, e Berlusconi presume de encabezar "a nova falanxe romana". O seu socio da Liga Norte, Umberto Bossi, fala de "cazar" os inmigrantes clandestinos e reta ameazante á esquerda: "Se queren pelexa, os fusís están quentes; temos 300.000 homes, 300.000 mártires listos para combater". Nin que fosen militantes de Al Qaeda.
Xa coñecemos esa linguaxe, non ten nada de nova, é a antiga chulería joseantoniana. Nos anos 20 e 30 o fascismo tamén quixo crear unha nova linguaxe: Estado Novo, culto ó xefe ou Caudillo, primacía da raza aria, conquista do Estado. Copiáronse slogans e estéticas dun país a outro. Xa sabemos como acabou aquilo: pobres italianos!

30 abr 2008


RONSEL DOS LIBROS. OLGA GALLEGO.
(La Región, 26-6-2001. Recupero esta columna, a propósito do premio Trasalba a Olga Gallego, publicada cando saiu o seu libro sobre a cidade de Ourense).

Gustaríame que esta columna fose hoxe lida non só polos amantes dos libros, senón tamén por todos os lectores do xornal e pola maioría dos ourensáns, porque vou falar dun libro que debería estar en casa de cada cidadán de Auria: “A cidade de Ourense. Unha visión a través dos séculos”, de Olga Gallego Domínguez, publicado polo Museo Arqueolóxico como Anexo 27 do Boletín Auriense. Este é un libro que a autora nos debía ós ourensáns hai tempo e no que se resume case toda unha vida de traballo, entregada á esculca de documentos medievais e protocolos notariais, integrando ademais os seus traballos anteriores e doutros autores (Ferro Couselo, López Carrera, Fariña Busto e un longo etc.). O resultado é un fermoso traballo, nunha moi coidada edición (mágoa non ter incluído unha bibliografía final), que nos fala das raíces da cidade, moi singularmente entre a Idade Media e os comenzos da Idade Contemporánea (1812).

Todo colle nun estudo deste tipo: a estrutura do casco urbano; os seus complexos defensivos; as casas nobres e as casas campesiñas; o Cárcere da Coroa, a Casa do Peso e a Casa da Alfóndiga; os colexios, as igrexas e as ermidas; os cruceiros e os fornos; os muíños hidraúlicos e os cemiterios, etc. Un rico tesouro documental estudado con rigor e agarimo. O lector de Auria debería achegarse ó volume como quen abre o álbum de fotos familiar: velaí aquela forca do Codesal que se caiu cando mandaran aforcar dous homes, as tabernas pechadas no século XVIII, as vodas e os enterros...

Olga Gallego, segunda muller que recibe o Premio Trasalba
A primeira académica da RAG foi a bibliotecaria e arquiveira do galeguismo interior
MARÉ . SANTIAGO (Galicia Hoxe, 30-4-08)

Olga Gallego nunha rúa de Ourense, a cidade na que naceu e na que desenvolveu boa parte do seu labor. Olga Gallego, a primeira muller que entrou na Real Academia Galega (RAG) e durante moitos anos a única da institución, foi elixida por unanimidade Premio Trasalba 2008, o galardón que entrega anualmente a Fundación Otero Pedrayo como recoñecemento ás persoas que contribuíron a preservar a identidade e a cultura galega. Esta é a segunda ocasión na que o galardón recae nunha muller des que se creou en 1983, xa que Pura Vázquez o recibiu hai doce anos. A ela chégalle, precisamente, no seu oitenta cumpreanos.

29 abr 2008


"Sin españoles, nadie habría pagado por mi hijo"
O pai de un dos mariñeiros africanos secuestrados aguarda en Seychelles a chegada do atuneiro vasco (El País, 29-4-08; foto Claudio Álvarez, EP).
O NOSO MUNDO, OS OUTROS.
Andoliña 30 abril
Por sorte acabou ben, sen desgrazas persoais, o secuestro do barco Playa de Bakio por piratas de Somalia: un tema que non permite ningún xeito de frivolidades nin acenos románticos, porque había detrás un grupo de mariñeiros xogándose a vida coas súas familias aterrorizadas en terra. Hai xa bastante tempo que os barcos españois levan, ó carón de mariñeiros galegos, vascos ou andaluces, un numeroso continxente de inmigrantes, sobre todo de orixe africana: o traballo é moi duro e hai xentes que non poden escoller. Deste xeito, a paisaxe humana dos nosos portos pesqueiros, dende A Guarda a Ribadeo, muda de forma acelerada nunha babel de linguas e culturas.
O pai dun dos mariñeiros secuestrados, natural das Illas Seychelles, amosábase onte moi ledo e lembraba unha verdade contundente: “Se non fose nun barco con españois, ninguén pagaría polo meu fillo”. Unha realidade indiscutible, que sería hipócrita negar: coa súa inxenua verdade ese pai está a desvelar as moitas barreiras que separan o noso mundo dos outros. Ese mariñeiro pertence xa, aínda que nunha posición secundaria, ó universo dos privilexiados. Outros moitos loitan cada día, algúns ata a morte, por ter esa mesma sorte.
Millán Picouto: poesía, teatro, a Auriense

entrevista co poeta e dramaturgo Millán Picouto (LVG-Ourense 29-4-08)

en poleiro alleo

Os 32 camiños da sabedoría, de Afonso V. Monxardín (Galicia Hoxe, 29-4-08)

Crucifixos nos hospitais públicos, de X. M. Sarille (ECG 29-4-08)

A City, de Miguel Anxo Murado (LVG, 29-4-08): de avogados e piratas.

Rula e abidueira.
Pan por pan martes 29 abril

Recupero esta cita ben coñecida de don Álvaro Cunqueiro: “Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, porque me ensinou a dicir “rula” e “abidueira” e “dorna” e “ponte” e “fonte”, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte”. Estas palabras, fermosas, intelixentes, díxoas Cunqueiro nunha homenaxe que lle ofreceron en Vigo. Cunqueiro falaba guiado só polo seu inmenso amor á lingua. Non era ningún perigoso independentista nin nada semellante. Sabía que as linguas sempre suman, nunca restan, e que coñecer unha lingua é o mellor camiño para avanzar na máis fonda comprensión dun xeito de ser, dunha cultura. Rula, abidueira, dorna, ponte e fonte: palabras de noso, chegan ó século XXI cargadas de sentidos. Non entendo como algúns queren renunciar a este tesouro.

No momento exacto, a imaxe perfecta (vía Afonso)
Unha imaxe da presentación da folga estudantil contra as taxas (do fotolog de Ceivinho). Está tomada na galería Sargadelos de Pontevedra e fai un xogo espectacular entre a estrela da camiseta e a icona barroca e dourada do fondo: no mesmo fotolog alguén escribe que poderían ser alumnos de Acción Católica e non dos CAE, que son os que convocaban.
(Se o presentasen nos locais da CIG de Ourense, sairía unha foto enorme de Lenin detrás e creo que tamén teñen outra do Che Guevara). Cuestións de estética.

28 abr 2008

Julio e o río (Faro Vigo 28.4.08):

Ferrín escribe sobre a novela de Julio López Cid

RELECTURAS. O NACIONALCATOLICISMO (1). La Región 28 abril. Imaxe: Menéndez Pelayo nun selo de 1954.

A historia de onte. Recolocando libros na biblioteca, que medran sen cesar e sen acougo, cae un volume xa lido no seu día, que decido arredar para unha relectura. E a iso me poño: trátase de “Cielo y dinero. El nacionalcatolicismo en España (1881-1975)”, de Alfonso Botti (Alianza Universidad, 1992). Lino cando andaba a investigar a República en Ourense, pero agora saqueille aínda máis proveito.
A tese básica do nacionalcatolicismo é a consubstancialidade entre o elemento católico e o nacional na Historia de España. Tal realidade viría dende a conversión de Recaredo (587) e desenvólvese dende os séculos da Reconquista en adiante. Consolídase coa expulsión dos árabes da península e logo co reforzamento da identidade por parte da Santa Inquisición. A conquista de América defínese como unha nova evanxelización e o nacemento dun Imperio fronte á Reforma protestante. Ese período de esplendor truncaríase coa decadencia dende a chegada dos Borbóns e as ideas estranxeirizantes. Pasa a demonizarse así todo o que racha coa unidade católica: iluminismo, masonería, liberalismo, krausismo, librepensamento, positivismo, anarquismo, socialismo, comunismo, etc. Todos eles son os famosos heterodoxos de Menéndez Pelayo: anticatólicos e, xa que logo, antinacionais. Esa era a historia dominante das vellas enciclopedias: quen teña máis de 40 anos sabe ben do que estou a falar, ou non?
A xénese do NC. Alfonso Botti estuda nese ensaio con detalle as orixes e xénese do NC: as súas raíces están na reacción católica fronte á Ilustración, á Revolución Francesa e na revolta contra a invasión napoleónica de 1808. Logo viran os pensadores a darlle corpo: primeiro Donoso Cortés. Logo os carlistas e intelectuais integristas. E Menéndez Pelayo identificando España, unidade de raza e unidade de crenza. E catalogando ós heterodoxos españois (1880), mesmo coa afirmación dunha “filosofía nacional”. E títulos tan simpáticos como “El liberalismo es pecado” (1884), de Félix Sardá y Salvany. A Igrexa pola súa banda soporta as medidas desamortizadoras e fai de España un refuxio de ordes relixiosas expulsadas de Francia e doutros lugares. Sen perder o seu poder económico: Joaquín Aguilera sostiña en 1912 que os relixiosos tiñan ó menos un terzo do país.
Acción Española. Hai toda unha elaboración literaria das teorías do NC español: Vázquez de Mella cando propugna a confederación cos estados americanos do Sur. Ramiro de Maeztu cando define a “Antipatria” ou apela a unha nova Reconquista. Ou “o noso” Eugenio Montes, galgando do galeguismo e das vangardas ó fascismo, con imaxes como “España, esposa de Cristo”. Os autores da revista “Acción Española” estruturan a ideoloxía do NC como soporte para un modelo totalitario de novo Estado corporativo ou fascista. Que de novo tiña pouco, porque Victor Pradera xa dicía que era o mesmo dos Reis Católicos. José Calvo Sotelo, con sección fixa na revista, dálle forma económica capitalista ó modelo totalitario. O certo é que, pouco despois, 1936, Franco non vai ter xa que inventar moito.

27 abr 2008


E catro moi fermosas pezas do artista Xosé Luís de Dios (na Ourensanía)
Que gran debuxante! Que gran pintor!
Estas pezas son da súa mostra Imaxes dos Soños (Museo Municipal, 2000)














Ourensanía
Acheguei 20 novas fotos á Ourensanía (xa van 280). Deixo aquí as referencias das novas, a quen poida interesar:
Diego Ameixeiras (autorretrato). José Núñez Ares. Roteiro Volter: plano. Sara Casasnovas. Directiva ATEO en 1934. Antonio Caneda. Etiqueta viño do Ribeiro. Pura Vázquez. Manuel Luís Acuña. Camilo Franco. Xosé C. Caneiro. Méndez Ferrín. Millán Picouto. Comercio Fina Rei. Roteiro Blanco Amor. Homenaxe a Curros na Coruña, 2008. Alberto Vilanova, Xosé M. Núñez Seixas. Termas da Chavasqueira. Arturo Baltar e Risco.
Cen Anos de Historia Cultural: 2000 (segunda entrega)
Galaxia, Couto Mixto, Golfiño.

Na imaxe, Mercedes Peón, Pura Vázquez, Manuel Luís Acuña.

O artigo completo.



Carballiño’s octopus festival, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 26 abril)

Non me fagan demasiado caso que incluso admito ’pulpo’ como animal de compañía. Xa me dirán se non se fan máis amigos, por exemplo, un 7 ou 17 no Campo da Feira ao redor dun par de pratos de madeira con tres racións cada un, que levando pola rúa, atado, un bulldog ou un doberman. ¿Cal é logo mellor compañía? Pois así é a cousa.
(artigo completo)

premios aelg 2008


Escoitado na radio. Beramendi (ensaio), Millán Picouto (teatro, por Ciclo de Marte), Miguel Anxo Murado (narrativa) e Méndez Ferrín (xornalismo literario), algúns dos premiados polos socios/as da AELG 2008. (Na imaxe, Millán Picouto nun debuxo, creo que autorretrato, de hai uns anos).
Sextinario.
Pan por Pan domingo 27 abril

Marica Campo é profesora de Lingua Galega en Guitiriz e tamén autora de libros de poesía, narrativa e teatro. Vén de publicar, na colección Edoy Leliadoura, o seu último poemario: “Sextinario: trinta e seis + tres”. Isto é, 39 sextinas, poemas de seis estrofas de seis decasílabos rematadas en tres novos versos. Poesía auténtica, nacida das raíces e do corazón, con múltiples rexistros. Velaí unha breve mostra:
“Apunta estas palabras: Cando a morte
me leve á outra beira, escribe viño,
non me metas paraugas, quero chuvia
que me molle o cabelo e chegue á boca.
Non me poñades flores, só unha hedra
das que abrazan as árbores do bosque.

Escribe esta palabra, escribe bosque
fraga anterior aos deuses onde a morte
lle dá aos carballos secos vida en hedra,
como copa ateigada dun bo viño.
Embebédame así, éncheme a boca,
e escoita como canto baixo a chuvia”.
O BNG expulsa a un militante de Vigo por presidir unha asociación proxudea

Confirmouse a expulsión, polo consello comarcal de Vigo do BNG, de Pedro Gómez-Valadés, presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel.